24 feb 2008







Cen anos de historia cultural
1996: Casares, Rivas, D.X. Cabana

A narrativa foi o xénero con maior esplendor ó longo do ano 1996. Sobre todo coa edición dunha das grandes novelas de Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul, e dun dos mellores libros de relatos das últimas décadas, Que me queres, amor?, de Manuel Rivas (que logo chegaría tamén ó cine). Outra das grandes obras do ano foi Morte de rei, novela histórica sobre o último rei de Galicia, de Darío Xoán Cabana. Da mesma andaina son a recuperación de clásicos como O señorito da Reboraina, de Otero Pedrayo; os Contos de Labarta Pose ou unha reedición do Retorno a Tagen Ata, de Méndez Ferrín. Tamén aparecían novos contos inéditos de Camilo Gonsar co título Arredor do non. Alfredo Conde publicaba a novela A casa de Adara; Carlos Reigosa, A guerra do tabaco, e Alfonso Álvarez Cáccamo, O espírito de Broustenac.
Da mesma quinta son a novela Confusión e morte de María Balteira, de Marica Campo; Arqueofaxia, premio García Barros, de Manuel Lourenzo González; Tempos serodios, de Emilio Araúxo; A sinfonía inacabada, de Xavier Manteiga; A armada invencible, entre a ironía e o xénero de aventuras, de Manuel Forcadela; Calidoscopio, na liña da novela sociolóxica, de Paulino Pereiro; O abrente é un desatino, de Xerardo Mëndez, e Os moradores da nada, de Xavier Lama, un dos libros máis vendidos naquela hora. Outras novelas do ano foron Código morse, de Xavier Alcalá; Telúrico, de Tucho Calvo; O lobo guerrilleiro, do portugués Bento da Cruz; ou as primeiras entregas narrativas de Ricardo Beiras (O rectángulo de sol) e Xesús Manuel Marcos (En terra perigosa).
O Premio Xerais, resolto en Vigo, era para A velocidade do frío, de Manuel Seixas e falábase moito xa da Literatura Bravú. O mesmo autor daba a coñecer Viñeron do espacio interior, no rexistro da ciencia-ficción, e S. Jaureguizar publicaba Fridom Speak. No campo da narrativa breve, citemos libros de relatos como O demo á orella, de Xosé Miranda, dezaoito biografías de ficción sobre unha base histórica galega; o excepcional Erros e Tánatos, cun moi singular sentido do humor, de Gonzalo Navaza; ou o colectivo Berra Liberdade, coordenado por Suso de Toro e dedicado á ONG Amnistía Internacional. Marilar Aleixandre publicaba Lobos nas illas; Manuel Lourenzo González, As paisaxes compartidas; Antón Riveiro Coello, Parque Central, e Xosé María Pérez “Chesi”, a súa única entrega en galego, En perigo de extinción (Positivas). Varias escolmas enriquecían aínda o panorama da narrativa breve. Por exemplo, a Antoloxía do conto galego de medo (Galaxia), preparada por Silvia Gaspar; Narradores de cine, da man de Edicións Xerais e, sobre todo, o voluminoso Unha liña no ceo. 58 narradores galegos (1979-1996), co que Edicións Xerais conmemoraba o título número 1000 do seu catálogo. O público mozo podía achegarse a Bala perdida, de Manuel Rivas; Perigo vexetal, premio merlín en clave de ciencia-ficción tamén, de Ramón Caride; Leonel, de Antón Cortizas, libro con grande éxito nos institutos; Big-Bang, de X. Bernárdez Vilar; O trasno de Alqueidón, de Marilar Aleixandre; e Días de desterro, de Xavier López Rodríguez.

Cabe subliñar tamén a longa lista de traducións ó galego do ano, con edición de clásicos (na colección da Xunta de Galicia) e autores contemporáneos como Cicerón, Mercé Rodoreda (A praza do diamante); Richard Ford (Vida brava); Henry James (Os papeis de Aspern); Stendhal (A Cartuxa de Parma; Vermello e negro); Joseph Roth (A lenda do santo bebedor); Anatole France (A illa dos pingüíns); Luigi Pirandello (Henrique IV); Mark Twain; Arthur Conan Doyle; Manzoni (Os noivos) ou A. Tabucchi (Nocturno hindú), entre outros.
Ensaio e investigación.
Vexamos agora algúns títulos de ensaio e investigación. No campo da historia, traballos como ¡Viva El-rei! Ensaios medievais, de Carlos Baliñas; a historia das CCOO de Galicia (J. Gómez Alén), a recuperación dos artigos republicanos do xornalista coruñés César Alvajar, a memoria dos presos do 36 na illa de San Simón (A. Caeiro) ou a achega etnográfica Os vellos oficios, de Vázquez Pintor. Dese ano son tamén unha reedición de O atraso… de Xosé M. Beiras; O Estado da nación, do mesmo autor, e a Xeografía Histórica de Galicia, de Patrick O´Flanagan. Ramón Muñiz achegábase a realidade da pobreza en Galicia (O pobo oculto). A lingua e a literatura estaban presentes na edición das Actas do Simposio de Lexicografía Actual: elaboración de diccionarios, pola RAG e, na mesma casa, o terceiro volume do mapa sociolingüístico de Galicia. Manuel Ferreiro publicaba a súa Gramática Histórica Galega (Laiovento); X. R. Freixeiro Mato un estudo sobre os diminutivos en galego; Constantino García, Cousas da lingua, e Xesús Ferro Ruibal o seu fermoso e valioso discurso de ingreso na RAG: Cadaquén fala coma quen é: reflexións verbo da fraseoloxía enxebre. Tamén saía o discurso de ingreso da poeta Luz Pozo Garza (Diálogos con Rosalía); unha achega de Fernández del Riego á Xeración Galaxia e o valioso traballo de Xosé R. Mariño Ferro sobre O sexo na poesía popular (do mesmo autor, nesas datas, Contos marabillosos). No contexto das letras en castelán, o ourensán José Ángel Valente editaba El fin de la Edad de Plata (Tusquets). Da mesma andaina son Manuel Antonio e a vangarda, de X. R. Pena; A noite nas palabras, de Román Raña; Literatura dramática galega, de M. Vieites; achegas á historia do cine en Lugo e Pontevedra (F. Arribas e X.E.Acuña); unha breve biografía de “Ben-Cho-Shey”, por Alonso Montero; Contra a casa da Troia, de Antón Capelán; Millo e hórreo, de Elixio Rivas; Luís Seoane e o teatro, de Xavier Seoane; Estación marítima, de Luís González Tosar.

(...) O historiador e arquiveiro Xesús Ferro Couselo era o centro do Día das Letras Galegas, con traballos ó respecto de Olga Gallego, Felipe Senén, F. Fariña, Gonzalo Navaza, Xosé R. Pena e David Otero (tamén deste cronista de efemérides). O ensaísta Domingo García Sabell publicaba Os grolos do pensamento, e saía o IX Adral, o derradeiro, de Xosé Filgueira Valverde, que morría neste ano.

19 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

PREGUNTA INOCENTE: alguén sabe que foi da literatura bravú?

Marcos Valcárcel López dijo...

Por certo, DEUS SENTADO NUN SILLÓN AZUL, grandísima novela, ten moito que ver coa Conferencia de Wansee, da que falamos aquí todos os días. CASARES contouno moitas veces e non lles aburro co tema (pero se alguén quere máis precisións, dareinas, claro).

Anónimo dijo...

O movimento bravú (literatura, música) morreu de morte morrida, como tantas cousas en Galicia, porque non prendeu na chavalada á que ía dirixido, e porque neste (nese) país non hai cultura se non saes na tele e non podes chuchar da teta subvencionadora.

O bravuvismo era un movemento anti-señoritil liderado polo que eran, de facto, señoritos castelano-falantes que foran educados coma señoritos pero que agora querían volver ás esencias campesiño-mariñeiras.

Mestúrase o heavy, o hiphop, a música tradicional galega e os ritmos latino-verbeneiros das romarías (Pucho Boedo). A música adquire tono irónico, cando non escatolóxico ("chupa aquí e mama na casa", de Antón Reixa)

Por fuciños e por cacheiras. Era a época na que rapaces señoritos da cidade, durante debate sobre ecoloxismo nunha universidade galega, falaban con seseo e gheada. É a volta ás esencias despois do rollo postmoderno.

Recordo moi pouco a nivel literario do movemento bravú. Algúns contos de Rivas sobre rapaces da periferia da Coruña e pouco máis. Fixéronse todos vellos, entraron a traballar nos institutos ou tiraron por outros camiños, e morreu o conto.

Anónimo dijo...

Este Marcel Swann, os domingos levántase especialmente lúcido.:)

Anónimo dijo...

Vostedes, que teñen tanto libros, fagan algo útil con eles:. Por certo, se lle dan unha volta ás páxinas desa web, atoparán copusas ben curiosas. E, se son vostedes artistas plásicos, inspiración segura.

Anónimo dijo...

A Gramática Histórica de Ferreiro, coa sincrónica de Freixeiro e algúns dicionarios, constitúen as mellores fontes das que eu dispoño arestora para o ensino da lingua. Mostra de que -tamén en lingüística, máis alá do que suxiren desafectos e desinformados- non nos falta nada do básico.

Anónimo dijo...

Da triloxía de Reigosa, A guerra do tabaco paréceme a menos acabada. Iniciática Crime en Compostela, tensa e complexa Narcos, é con todo novela negra de bastante altura.

Anónimo dijo...

Falta, falta. Aínda non hai un dicionario etimolóxico, e as gramáticas, falta unha boa descritiva. As que hai non están baseadas no uso real da lingua (Freixeiro), son "de cadriños" (a do 86 de Galaxia) ou son inintelixibles salvo para os que as escribiron (a de Xove Ferreiro)

Anónimo dijo...

Discrepo nese pretendido afastamento entre uso real e gramática de Freixeiro; obviamente, el selecciona na fala o que non é deturpado, cousa obrigada. Canto a gramática descritiva -sen inteción normativa- non sei se non será preferible que retorne o traballo focalizado; unha obra de alcance global non sei se será prioritaria, aínda que o interese está fóra de toda dúbida.

Canto a dicionario etimolóxico, eu voume amañando co Machado e complementado co Corominas. Entre unhas cousas e outras, eu o básico vouno tendo; o básico. Como esixencia inmediata, pediría un gran dicionario inglés-galego e outros bilingües.

Anónimo dijo...

http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=86&idNoticia=269109

Filólogo e académico

Fernández Rei: "Hai síntomas de que a nación está reaccionando"
O académico asegura que a lingua non é patrimonio só dos nacionalistas e que todos deben implicarse na súa defensa
POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE

Francisco Fernández Rei (Cam- bados, 1952) é catedrático de Filoloxía Románica na USC. É tamén membro do Instituto da Lingua Galega, e numerario da Real Academia Galega da Lingua, na que ingresou en 1999 co discurso Ramón Cabanillas, Manuel Antonio e o Mar de Arousa. Dúas singraduras na construción dun idioma para unha patria. Tamén é membro do Padroado do Museo do Pobo Galego; cosecretario do consello de redación e fundador de A Trabe de Ouro. Publicación Galega de Pensamento Crítico. Leva publicados moitos libros e artigos centrados no galego oral e nas variedades dialectais na posición do galego na Romania, na elaboración do galego moderno e a lingua literaria, na problemática do galego de Asturias, León e Zamora(e no "galego" de Cáceres) e na situación das linguas románicas minorizadas, particularmente a aragonesa e a sarda. Entre os numerosos traballos publicados, cabe salientar os volumes Dialectoloxía da lingua galega (2003), Lingua e cultura galega de Asturias (1994). Estudos de sociolingüística románica. Linguas e variedades minorizadas, coedición con Antón Santamarina (1999), e A nosa Fala. Bloques e áreas lingüísticas do galego, en coedición con Carme Hermida; A Lingua Galega. Historia e Actualidade, 2 vols. en coedición con Rosario Álavarez e Antón Santamarina. Así, ata máis dunha ducia de libros e centos de artigos.



Paco, antes que nada ti es lingüista, filólogo, e non en moitas direccións, en encrucilladas onde eu creo que unha morea de filólogos e lingüistas adoitan extraviarse, manifestado sexa con todos os respectos. Hai dunha e doutra banda xente seria e xente fantasiosa, pero non menos que os chamados arqueólogos, que con escasa, por non dicir ningunha formación lingüística sobre teoremas tardíos, e certamente especulativos; ou sexa, nin sequera iso. Cal é a túa posición a propósito desta actitude que constitúe a miña primeira pregunta nesta conversa?

De min podo dicirche que me considero un galego plenamente comprometido con Galicia e coa dignificación da súa lingua e cultura. Desde hai 30 anos levo unha especie de dobre vida académica na Universidade de Santiago, pois de mañá na Facultade de Filoloxía explico a formación e a situación das linguas románicas, con particular atención ás minorizadas, sempre en galego e desde Galicia; e pola tarde, e ata hai pouco mesmo en fins de semana, investigo sobre o galego oral e o literario no seo do Instituto da Lingua Galega, que realmente é a miña primeira casa, aínda que desde hai case 20 anos teño unha segunda casa, a revista A Trabe de Ouro, á que lle teño dedicado bastante tempo e que me deu moitas satisfaccións. E iso fíxeno sen deixar de botar unha man, desde o primeiro momento, a quen en Asturias ou no Bierzo nunhas difíciles condicións loita por dignificar o galego ou trasladarme a Sardeña ou Aragón para apoiar a quen dignifica o sardo ou o aragonés ou de cando en vez ir a Romanía para estudar a súa lingua e a súa cultura.



Despois da túa resposta a estas miñas dúbidas, de onde cres que vén, despois de todo o noso idioma; é dicir, que se dicimos intrinsicamente do latín, Paco, creo eu que nos quedariamos tan así como os españois de toda ou media vida, como poderías -ou podes- debullar ti esta historia que ás veces nos asalta?

O galego vén do latín falado no que Joseph Piel chamaba a Galecia Magna. Na Idade Media ó norte e ó sur do Miño falábase a mesma lingua, o galego antigo; pero no século XV en Portugal a lingua literaria da corte de Avís elaborouse afastándose do galego literario dos Cancioneiros para tomar o latín como modelo. Nas rexións miñota e trasmontana foise mantendo en boa parte ese galego antigo.



A propósito dos teus estudos no galego oral e nas variedades dialectais do noso idioma, mesmo como na "lingua moderna", ou da que podemos chamar "literaria", ad hoc, Paco, cales son, ao teu ver, os achados, as dúbidas, e mesmo as certezas arestora irrefutábeis?

O cartografado e análise do galego oral que a mediados dos 70 recollemos en toda Galicia e comarcas estremeiras permitiu ver que a unidade do idioma era moi grande, a pesar do espallamento da poboación e da inexistencia de centros uniformadores, o que non quere dicir que non existise variación, pero é moito menor cá que hai en Sardeña e noutros dominios románicos minorizados. Inevitablemente moita desa variación vaise perdendo coa socialización da variedade estandarizada e literaria. Pregúntasme por certezas irrefutables. Non sei se as hai, pero si che podo dicir que é algo ben certo que desde o Rexurdimento os escritores galegos, e desde a década de 1970 tamén os lingüistas, andan á caza da "olorosa pantera" -por usar unha expresión de Dante-, á caza do arquetipo dunha lingua literaria válida para todos os galegos e galegas para todos os usos da lingua, que non sexa a variedade de ningún lugar pero que calquera falante se poida en certo modo ver reflectido nela. E nesa elaboración aténdese ó galego oral e á tradición literaria, e tense en conta o portugués sobre todo para evitar castelanismos léxicos, a fin de contas galego e portugués son dúas linguas modernas que compartiron a fase medieval.



Todo canto se fala -e canto se fala- agora no status quo dominante é a da chamada "Escola Filolóxica española", altamente desfiloloxizada e e na mesma medida nacionalista española que oculta esoutra realidade da xeografía lingüística, tanto do xermolo da propia Castela como daqueles outros lugares que nada teñen que ver coa idea triunfalista e mesmo fascista nacionalista da España tradicional e colonizadora?

Efectivamente, a Escola que fundou Menéndez Pidal é claramente nacionalista española. Fíxose o imposible para xustificar a primacía da lingua castelá na Idade Media, mesmo con inexactitudes, por non dicir falsidades. Ferrín ten sinalado que Pidal inventou un copista para atrasar a datación do Poema do Cid para colocar a poesía galega como posterior a ese monumento literario. Lembro que a mediados dos pasados 90 o Rei, os presidentes autonómicos (agás o catalán Pujol e o vasco Ardanza) e co lingüista Emilio Alarcos como oficiante principal foron ó mosteiro rioxano de San Millán a celebrar o milenario da lingua castelá, o que non era verdade, porque as chamadas Glosas Emilianenses motivo da xuntanza son frases soltas na variedade navarro-aragonesa e un par delas en lingua vasca, e constitúen a primeira documentación do aragonés moderno, pero non a do castelán.



Ímoslle dar unha volta case que sen retorno ao asunto, pero sen saír moi lonxe del, Paco; verás: Se se acepta, p.ex. galego-leonés como propuña no seu día Dámaso Alonso, que é o que pasa? Non estaremos aceptando parcelas da realidade inexistente, esquecéndonos das formas ou variedades dialectais dun mesmo idioma, que neste caso sería nin máis nin menos que o galego?

Dámaso Alonso usa os termos "galego exterior" e "galego-leonés" para designar as falas de territorios que lindan con Galicia, pero di explicitamente que son basicamente galegas e que están dentro do sistema lingüístico galego. Para Dámaso unha rama sería o que denomina galego-asturiano, e ás veces galego de Asturias, as falas do Navia ó Eo das que di que son fundamentalmente galegas. O de asturiano ou leonés neses casos delimita xeograficamente onde se fala ese galego, como se dis galego-arousán ou galego do Morrazo.



Agora si que lle damos a volta; como non! En que medida afecta a ideoloxía, o posicionamento, "o pensamento único", á filoloxía, a calquera caste ou xorne de lingüistas, de filólogos? Ti tamén pensas como Teresa Moure que "outra lingua é posible", dende o punto de vista da lingüística en xeral?

Non creo na asepsia científica e simpatizo coa xente que se compromete, coa que se molla. No ensaio Outro idioma é posible Teresa rebélase contra a xeral e asumida aceptación de que o inglés ten que ser a lingua internacional auxiliar, por ser imposición imperialista. Defende a biodiversidade e propón, por exemplo, que nun estado plurilingüe como o español o estudantado aprenda as outras linguas minorizadas do estado, logo un curso de esperanto co que garantir as necesidades de comunicación que se ten co inglés, e que despois se aprendan outras linguas do mundo. Non é unha utopía a súa, pero a realidade é implacable: centos de milleiros, se cadra algún millón de persoas, coñecen e usan o artificial esperanto, pero moitos centos de millóns coñecen e usan en todo o mundo ese latín dos tempos modernos que é o inglés.



Cal é, ao teu ver, a relación indisolúbel, entre nacionalismo e lingua; nacionalismo e independentismo. Poden concorrer os modernos barcos da Historia a outros peiraos onde amarrar este navíos tan alonxados da aparecencia do temporal?

O nacionalismo foi, é e será o motor da normalización do galego. Agora ben, a lingua é de todos os que a falan e os que poden falar, non é dos nacionalistas, e ninguén sobra no proceso para facela normal. No que dis de nacionalismo e independentismo, creo que calquera nacionalista no fondo máis fondo do seu corazón é independentista. Que nacionalista non soña nunha utópica República Galega? Seguramente eu non a verei, se cadra os meus fillos si.O mundo dáche moitas voltas, e máis nestes momentos.



Como membro numerario da Academia Galega -o de Real e unha "partícula" da que eu non gusto, pero sei como algo tácito, e hoxe inexplicábel, en fin... Estamos encorados ou o río vai polo decurso de seu?

A Academia é "Real" cando se creou de dereito en 1906, pero non o era cando se creou de facto no ano 1905. Foi unha maneira de buscar un paraugas para unha institución que desde o comezo foi atacada mesmo por xente elixida precisamente ara formar parte dela. A Academia Galega ten unha historia con luces e sombras, que todos asumimos, pero desde hai uns anos, como diría Galileo, eppur si muove. Ten que moverse moito máis para cumprir co seu obxectivo fundamental de defender e promocionar o galego.



Pasemos a outras cuestións, Paco... paréceche?

Pasemos logo.

É posíbel unha nación sen Estado?

Éo, Galicia é unha nación, aínda que a algúns lles doa recoñecelo.



A democracia burguesa é a solución nestes camiños da vida? Pode ser tristeiramente reformada?

Esta democracia formal que fai que os ricos cada vez sexan máis ricos e a xente pobre cada vez moito máis pobre non é ningunha solución e algún día vai rebentar. Claro que se pode reformar, e algo farán para que todo siga igual, cando a abstención e sobre todo o moi consciente voto en branco aumente considerablemente.



Non hai agora mesmo máis que socialdemocracia parlamentar aquí nesta Nación que os filoespañois negan?

Efectivamente, en Galicia goberna a socialdemocracia e o filoespañolismo nega a Nación porque para eles non hai máis Nación cá española e ó mesmo tempo algúns e algunhas andan coa parvada de que o castelán está en perigo en Galicia, cando en realidade segue tendo case todo a seu favor.



Cuestión de metafísica; aparellos ontolóxicos: home e mundo; mundo e home. O tempo é como se fose esa inútil "verdade revelada", ou é outra cousa ben distinta. A ti que che parece?

Con esta pregunta case me mareas, con perdón dos filósofos. Pasemos á seguinte, se non che importa.



Está en perigo de morte o galego?

O que está morrendo é a sociedade tradicional agrícola e mariñeira, que era o alicerce fundamental do galego popular. A sociedade urbanízase cada vez máis e isto afecta de cheo á lingua propia de
Francisco Fernández Rei, filólogo e académico
Francisco Fernández Rei, filólogo e académico
Galicia, que é o galego, cunha considerable perda de transmisión familiar. Os políticos teñen que aplicar a lexislación aprobada no Parlamento para acabar con esa deriva e nós esixirmos que se cumpra a lei e á vez usarmos diariamente o idioma de xeito amablemente instransixente.



A Nación, por estes camiños, -digo eu- dun nacionalismo dereitizado e reaccionario, vai á deriva?

Á deriva vai, se cadra, ese nacionalismo. Espero que a Nación reaccione a tempo e algún signo diso xa hai.

Para min a dereita é a incultura, ou en todo caso a "cultura estereotipada", ou sexa: a negación de si mesma... Cal é o teu cavilar?

A dereita política española en xeral, e a galega en particular, a imaxe que dá é realmente esa, e é unha pena que non haxa neste país unha dereita moderna e culta; de todas formas, nin toda a dereita é inculta e intolerante nin toda a xente que se cre de esquerda é culta e tolerante, cada un que mire ó seu arredor. A esquerda, cando non goberna, é transformadora, logo desmobiliza para tratar de manter o poder.



Como percibes ti a idea do tempo?

Percíboo nos meus fillos, no alumnado que cada curso ten case a mesma idade pero eu sempre un ano máis. Percíboo na destrución da paisaxe da beiramar do costado de leste da ría da Arousa, onde está o meu paraíso perdido?



Os límites entre a verdade e a mentira?

Quen o sabe? Hai verdades supostamente científicas, verdades a medias, medias verdades, mentiras piadosas, mentiras en período electoral que case ninguén cre e haiche moita hipocresía, se cadra necesaria para seguir vivindo ou subsistir. Como diría miña nai, "hai que andar co mundo".



Fálame da literatura comprometida coa Nación galega, queres?

Escribir en galego xa é comprometerse, é contribuír a que o mundo da literatura siga a ser territorio liberado. A literatura comprometida socialrealista que hai anos propugnaban os partidos comunistas, esa foise co vento, poucas cousas se salvaron. Para min hoxe o compromiso literario coa Naciòn galega está en facer cousas distintas, con validez universal pero con raíz galega, e por suposto nun galego coidado que beba da boa tradición literaria e que teña sabor popular, por moi culto que sexa o texto. Iso é o fundamental; a maiores, que o autor ou autora teña un claro compromiso para transformar esta sociedade inxusta e cada vez máis uniforme e aburrida. Afortunadamente, coñezo bastante xente que se aproxima a ese ideal; pero quen mellor o representa é Méndez Ferrín, non me cabe dúbida.



É inútil retornar?

Depende a onde retornes. É normal que un arele volver a aqueles lugares ou situacións onde foi feliz, pero xa nunca nada vai ser como foi, polo que se iso provoca tristeza e melancolía, mellor deixalo e mirar para diante, sempre máis alá.

Anónimo dijo...

O Paco deume Filoloxía Románica en 4º. Moito interese diacronía e maila xeografía lingüística débollo a el.

Por outra banda: se cadra, algún lector entende un pouquiño máis e mellor aquel concepto de independentismo mental que eu usei un día. Un pouquiño, cando menos.

Anónimo dijo...

A mín tamén me deu: bó profesor, entusiasta. De Fefiñáns mesmo.
Hai sustancia na entrevista (sobre todo na formulación das preguntas, mimá), aínda que esa suposición sobre o nacionalismo dereitoso é máis froito da vontade e do desexo que da realidade.
En todo caso, o do independentismo mental, que quere dicir?

Anónimo dijo...

Puff... Non me vou pór a facer unha síntese seguramente abocada ao fracaso, e indiscutible obxecto inmediato de preguntas particulares que a afogarían no berce.

En todo caso, tal noción / empeño anda por toda a entrevista, como outros hipertextos noutros textos. Sabéndoa insuficiente e insatisfactoria, selecciono unha pasaxe:

Escribir en galego xa é comprometerse, é contribuír a que o mundo da literatura siga a ser territorio liberado. A literatura comprometida socialrealista que hai anos propugnaban os partidos comunistas, esa foise co vento, poucas cousas se salvaron. Para min hoxe o compromiso literario coa Nación galega está en facer cousas distintas, con validez universal pero con raíz galega, e por suposto nun galego coidado que beba da boa tradición literaria e que teña sabor popular, por moi culto que sexa o texto.

O Darío diríao en parte doutra maneira, pero nada distinto. O Angueira é máis novo.

Anónimo dijo...

"Boa tradición literaria e sabor popular": cal é a boa e a mala tradición literaria (supoño que galega) e cómo se distingue o sabor popular.
Permítame que, como froito dos meus anos con el de profesor, desconfíe de que poida Francisco F. Rei afirmar iso (que parece sacado dun discurso decimonónico) sen matices abundantes. El, sobre todo, que nunca estaba conforme co que dicía na clase e estaba sempre sometendo todo a discusión, como debe facer un bó profesor. Déixeme, Saavedra, dubidar de que estea el dacordo co que na entrevista se transcribe.

Anónimo dijo...

Dubide, dubide; in dubio veritas, se me permite a min tamén unha licenza.

Ora ben, sabor popular, na tradición de coiné galega, bebendo sen dúbida en fecunda raíz romántica, é expresión que alude a vivacidade; boa tradición literaria levaría a canon, como tal é sen dúbida obxectable pero adoita suscitar amplos consensos.

Se o entrevistador cometeu erro ou abuso, non o sei nin sei se chegarei a sabelo. Pero a panoplia de ideas non me disinte da persoa de Paco Fernández Rei nin da miña -breve e afastada- experiencia discente; porque hai claridade sen cuadratura.

Anónimo dijo...

Todas estas expresións a mín sempre me resultan confusas, indefinidas. Pregunto sempre ao xeito socrático, pero, no fondo, teño unha desconfianza natural cara elas. Prefiro unha terminoloxía un pouco máis axeitada. Para sermos francos, non entendo que poda haber unha boa ou unha mala tradición literaria. E o de sabor popular terá fecunda raíz romántica, pero non creo que todo o mundo acepte sen máis esa caracterización súa de vivacidade (que, por certo, qué significa?), mostra da extrema versatilidade dun concepto como ese.

Anónimo dijo...

Versátil, en efecto, demasiado para estar aínda sen xantar; aínda que, máis ca versátil, diría eu polisémico. Non me parece, porén, que moitos moitos disentisen.

Boa ou mala tradición literaria? Deixémolo arestora en xenial, discreta ou mediocre, dado o exemplo que se me ocorre: Lope ou Godínez. É ao máis que chego camiño do arroz.

Anónimo dijo...

Paréceme, Arume, que igual temos un problema de método.

Vde. aparenta incómodo coa precariedade científica dos termos alegados; eu penso que posiblemente o Paco dixo "sabor popular" ao ser unha entrevista para a prensa xeneralista; en tales contextos, funciona ben o rexistro expresivo que aclimatou Castelao. Teñamos en conta que fala de lingua, non de temática ou estilística literaria: en tal sentido e contexto eu encóntrome cómodo co concepto, que podería xaora ser máis desenvolvido.

No mesmo sentido pode ser explicada a outra expresión, onde colixo que a vde. lle resulta particularmente incómodo o adxectivo "boa" sen alegato. Con todo, probablemente concordará en que o escritor que conforma estilo debe ser selectivo; de aí podería vir ulterior intercambio argumental.

Que xa non sería avaliar a persoa e desempeño do Paco Fernández Rei. Non a faría eu a partir desta entrevista, e xa indiquei por que.

Anónimo dijo...

Sobre esto último, xa ve que eu tampouco a tiro. Aínda que non concordo con moitas cousas que di na entrevista, téñoo en moi alta estima. Precisamente a miña nota quixo restituir a súa coñecida teima pola sutileza argumentativa que nas expresións xornalísticas puidera quedar ferida.
Con esto espero gañar un viño na vinoteca de Ribeira de Fefiñáns á súa saúde.