a poesía é o gran milagre do mundo (L. Pimentel)
PAN POR PAN sábado 30 maio
Na tarde do xoves celebramos no Liceo o Día Mundial da Poesía, con días de retraso polas vacacións. De paso homenaxeamos a tres poetas galegos: Manuel Curros Enríquez, no centenario da súa morte; Luís Pimentel e o ourensán Alfonso Alcaraz, nos 50 anos do seu pasamento (Alcaraz morreu en realidade en decembro de 1957). Medio cento de mozos e mozas, de varios institutos ourensáns, leron os seus poemas nun acto emotivo e cheo de simbolismo: convivencia arredor da palabra poética. Iso foi na sesión tertulia. Logo, ás oito, Víctor Campio e Delfín Caseiro afondaron na cerna da obra de Alcaraz e Pimentel. Campio reclamou unha edición popular da obra do poeta ourensán, pois a de luxo de Caixanova chegou a pouca xente. Caseiro mergullouse no misterio, recollemento e fondo humanismo dos versos de Pimentel. Que deixou dito: “A poesía é o gran milagre do mundo”.
P.S.: como a figura de Alfonso Alcaraz non é case coñecida fóra de Ourense, engado en COMENTARIOS un artigo meu sobre este poeta, da miña serie Ourense, universo literario (2000).
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 5 días
1 comentario:
(b) A POESÍA RELIXIOSA DE ALCARAZ
(por Marcos Valcárcel)
Alfonso Alcaraz del Río naceu en setembro de 1922 na ourensá Praza do Topete. Ata hai uns anos só contaba cun libro publicado, o titulado “Mi vida está callada” (Imprenta Hodire, 1962), e unha breve nota biográfica de Julio Gimeno en “La Región” (1962). En 1997, por iniciativa de David Ferrer, Caixa Ourense publicou as súas “Obras Completas”, en dous luxosos volumes, cunha ampla semblanza biográfica de Segundo Alvarado. Home de gran relixiosidade, procedía dunha familia de arraigada tradición carlista e a esa causa estivo sempre vencellado. Fuxiu de casa para incorporarse á fronte na guerra civil e militou logo nas ringleiras de Acción Católica e Adoración Nocturna. No terreo cultural, promoveu a folla semanal “Pregón” e o boletín mensual “Auria”, da Juventud Católica; participou no Círculo Azor, na revista “Posío” (1945-1946) e nos programas culturais de Radio Orense que na sección “Musa al Noroeste” homenaxeaban a obra dos poetas galegos. Entre eles a súa noiva de mocidade, a poeta Pura Vázquez. Casado en 1950 con Sara Rey Rodríguez, desprazouse por motivos profesionais a Coruña, colaborando na revista “Alba” de González-Alegre (1948), e logo a Viana do Bolo, como administrativo no salto de Prada. Morreu en decembro de 1957 e José Luís Varela e Segundo Covelo prepararon o seu libro póstumo “Mi vida está callada”, cun retrato de Prego e debuxos de Virxilio. A edición das súas “Obras Completas” por Segundo Alvarado ampliaron o seu mundo poético: velaí todo un tomo adicado a versións poéticas do “Libro de los Salmos”, “El Cantar de los Cantares” e “Libro de Job”. O segundo tomo reordena, desde un criterio temático, as súas cuartillas éditas e inéditas en sete libros: “Porque soy hombre”, “Hombre de Dios”, “Maduro el corazón”, “Canciones para la novia blanca”, “A estrela derradeira” e “Los diques de mis sienes”. Na súa lira destacan os versos amorosos e relixiosos e unha anguria existencial algo unamuniana, pero mitigada pola fe relixiosa. Poden rastrearse tamén pegadas líricas de Gerardo Diego, un certo alento modernista no “Romance de la princesa enamorada del mar” e acenos hilozoístas nos seus versos galegos.
Velaí, do libro “Sueño y amor de la ciudad”, un exemplo dos seus versos ourensáns: “A la ciudad, al sueño/ de la ciudad, le canto. Por el Puente/ pasa la lenta vaca de la tarde/ a la feria de siempre. / En las íntimas presas del recuerdo, / por sus ojos fluviales, transparente,/ el Miño del amor y la nostalgia/ se rompe contra el dique de mis sienes./ Cencerro con el eco de la “prima”/ y la ubre balbuciente/ de estrellas... Pasa, lenta,/ la vaca de la tarde por el Puente./ Es ya la azul mañana del colegio,/ es la mañana azul de los deberes/ imposibles; del dos y dos son cinco/ y el cigarro fumado de repente./ (El raudo tobogán de la “Barronca”/ con su mullido y verde/ regazo junto al río...).
Publicar un comentario