Recibidos os seus envíos, don Julio e don Xoán
Hoxe chego ó Liceo e dinme un conserxe que teño unha carta dunha embaixada. Mírame con cara rara, como preguntándose se me ten que facer unha reverencia ou algo así. O motivo era a simpática carta que me deixara alí don Julio Medela -velaí o sobre- enviada seica dende Karakalpakstan (aínda que chegou sen selo, qué raro). Graciñas polo agasallo,un primeiro número da Alborada de Barcelona, 1959: non o tiña.
Tamén chegou a foto de Suso Baamonde enviada por don Xoán da Coba e que vai agora mesmo para Ourensanía. Graciñas tamén.
5 comentarios:
Para XDC, o de pelar patacas con Suso, il non será na Merca, onda o Barbas?
Onde dixen "pelar" debín decir "bullar", coma a miña abóa.
Non é onde o Ramón, do "Mesón do Labrego", non. Anque alí tamén estivemos moitas veces. É na casa do Tito, o da foto, xefe de cociña da Residencia, en Gosende, Vilamarín. A sobremesa foi "criminal": beber,cantar e tocar. Lembro que escomenzamos a despedirnos contra as nove e media da noite. Levantámonos da mesa pra marchar e logo, de pé,sen volver a sentarnos, seguimos bebendo, cantando e tocando hasta as tantas da mañá. Decindo a cada rato que aquela era a última.
Amigo Medela, esa cursiva Garamond delátao.
E, agora que acordo, creo que o Suso fixera de corresponsal da Rexión, estando fuxido, en Venezuela i en Londres. Xornalista con opinión ou sin opinión, non lembro.
Amigo Arume, eximio buscador da verdade e flaxelo de espectros… Vde. ten razón e di a verdade no seu comentario sobre a miña autodenuncia no uso de determinada caligrafía no sobre que contiña o presente para o doutor Valcárcel. Mais, caro señor, a súa verdade non abrangue, infelizmente, TODA a verdade. Ben sei que é CASE TODA a verdade, mais falta no seu aserto esa chisca de realidade, tan tenue e tan demoledora tamén que cumpriría para abranguer a categoría de frase lapidaria.
Como expliquei ao doutor Valcárcel, e non creo que cometa delicto ningún de violación de segredo por contar isto, entre os obxectos fetiche que trouxen de Lobeira para estas terras onde agora moro, contábanse dous exemplares iguais da revista ‘Alborada’, órgano do centro galego de Barcelona. Ordenei brindar un deles ao noso querido hóspede, en humilde agradecemento pola súa hospitalidade.
Como isto das letras non é cousa doada para min, pensei que Cris, a presidenta de ACNUR- Karakalpakstan podía auxiliarme na difícil angueira de redactar a carta e rótulo de sobre continente do presente para don Marcos.
Ela accedeu de inmediato. Redixiu o billete, escribiu correctamente o enderezo do noso patrón e encargouse de facer chegar a encomenda ao padre Zumalakarregi, que a través da embaixada do Reino de España no estado uzbeko, e grazas á valixa diplomática e ás súas eficaces, eficientes e efectivas xestións, sobre todo moi discretas, fixo que o sobre chegase a Ourense, onde unha persoa, tal vez relacionada co servizo secreto uzbeko e coa intervención da intelligentzia da comarca da Baixa Limia, Val do Limia, Partido Xudicial de Bande ou Comarca Leboreiro-Xurés, cuxo centro de operacións é a que por fóra parece ser a barbería “La Moderna”, na rúa da Concordia de Ourense {ant. ‘Capitán Eloy’}, na realidade centro de información, contrainformación, e apoio para os milleiros de lobeirenses espallados polo mundo adiante.
Cris é allaricense. É irmá de Chus Terrís. Esta última vende o xa demodé Thermomix para o trocar polo novo, polo alemán, polo que cociña el só. Isto dígollo, amigo Arume, para contextualizarmos.
Cristina Fernanda pasou delicadamente e con cautela de escribán xaponés, o ferro de pasar unha por unha das follas da balorenta revista. Alén diso Cris ten unha marabillosa caligrafía que SI denuncia colexio privado, carísimo; repárase tamén na súa expresión escrita a atenta e constante vixilancia da contorna familiar no seu desenvolvemento intelectual. Por todo iso agradezo públicamente a axuda desta piadosa alén de elegante dama.
Agradezo tamén o discreto labor do xesuíta vasco, Jokin Zumalakarregi, sen o cal esta carta non daría chegado ás mans do propietario do blog-estralo.
Pido desculpas públicas ao señor doutor Valcárcel pola falta de identificación da persoa que deixou o sobre no Liceo ourensán. Por razóns de seguridade, non podo revelar a súa auténtica identidade. Alén, evidentemente, de que precisaremos noutras ocasións dos seus impagábeis servizos.
Boa noite, doutor Arume.
Seu, desde Nukus, Júlio Medela.
Publicar un comentario