5 sept 2008


"BONANZA"
(e 2).
Andoliña
venres 5 setembro.

Unhas liñas máis sobre "Bonanza", a serie máis vista nos 60 nos Estados Unidos, con millóns de seguidores en todo o mundo. O pai da idea foi o produtor David Dortort que lle propuxo á NBC unha fórmula televisiva en clave western, mesturando os rexistros cómico e dramático. Á fronte da historia Ben Cartwright, o patriarca viúvo tres veces, e os seus fillos de varias nais: o racional e cerebral Adan, o sentimental Hoss e o pequeno e impulsivo Joe: de nenos queriamos sobre todo ó xigantón Hoss, tan inmenso como candoroso; cando morreu en 1972 Dan Blocker, o actor que o interpretaba, a serie sufriu unha fonda crise.
Cales foron as razóns do éxito da historia do rancho A Ponderosa, que marcou a historia da TV entre 1959 e 1973? Foron varias. A construción deses catro personaxes tan diversos, que ofrecían visións plurais da vida e do mundo. Tamén un certo alegato progresista: os bos dos Cartwright sempre en defensa do Ben, contra o racismo ou o maltratamento ás mulleres. Por exemplo, vimos un episodio en que Joe lle abría todo un mundo novo a unha moza xordomuda, aprendéndolle a lingua de signos. E a utilización atinada das paisaxes, como no western clásico, cunha expresa apelación preecolóxica ó respecto á natureza.

No hay comentarios: