Mostrando entradas con la etiqueta western. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta western. Mostrar todas las entradas

5 sept 2008


"BONANZA"
(e 2).
Andoliña
venres 5 setembro.

Unhas liñas máis sobre "Bonanza", a serie máis vista nos 60 nos Estados Unidos, con millóns de seguidores en todo o mundo. O pai da idea foi o produtor David Dortort que lle propuxo á NBC unha fórmula televisiva en clave western, mesturando os rexistros cómico e dramático. Á fronte da historia Ben Cartwright, o patriarca viúvo tres veces, e os seus fillos de varias nais: o racional e cerebral Adan, o sentimental Hoss e o pequeno e impulsivo Joe: de nenos queriamos sobre todo ó xigantón Hoss, tan inmenso como candoroso; cando morreu en 1972 Dan Blocker, o actor que o interpretaba, a serie sufriu unha fonda crise.
Cales foron as razóns do éxito da historia do rancho A Ponderosa, que marcou a historia da TV entre 1959 e 1973? Foron varias. A construción deses catro personaxes tan diversos, que ofrecían visións plurais da vida e do mundo. Tamén un certo alegato progresista: os bos dos Cartwright sempre en defensa do Ben, contra o racismo ou o maltratamento ás mulleres. Por exemplo, vimos un episodio en que Joe lle abría todo un mundo novo a unha moza xordomuda, aprendéndolle a lingua de signos. E a utilización atinada das paisaxes, como no western clásico, cunha expresa apelación preecolóxica ó respecto á natureza.

4 sept 2008


BONANZA. Andoliña xoves 4 setembro
Poucas vivencias teñen a forza de impregnar a memoria como algunhas da nosa infancia. Asocio eu a volta do colexio cun engaiolante bolo de pan que contiña no seu interior unha onza ben grosa de Chocolates Chaparro, que ademais estaban moi preto da miña casa. Gustábanme tanto que lle daba á onza para abaixo para que durase máis o pracer saboroso. E como melodía de fondo, unha musiquiña ben atractiva e un mapa ardendo polas beiras mentres asomaban o bo de Ben Cartwright, o patriarca viúvo da Ponderosa, e os seus tres fillos.
Falo de "Bonanza", marca e símbolo da miña xeración. Neste verán puiden ver algúns capítulos, en horario matutino da TVG, con certo temor: co arrepío de asomarme ó pasado e encontrar decepción onde houbo felicidade. Pero non sucedeu tal. O paso do tempo non foi quen de estragar o mito. Con tramas sinxelas, pero ben articuladas; sen grandes medios, e con personaxes poida que tópicos pero ben construídos; cun espírito que cando menos bebe nas fontes do western clásico. Con xeito, co resultado final dun produto moi agradable.
Sobrevive "Bonanza" na TVG e nas webs de fans de internet. O gran Robert Altman dirixiu moitos episodios: non me sorprende.