Mostrando entradas con la etiqueta Ecoloxía. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Ecoloxía. Mostrar todas las entradas

1 feb 2009


VERGOÑA
PAN POR PAN 31-01-2009

Onte sentín vergoña, unha vez máis, escoitando unha nova de tema galego nun telexornal. Non era un crime da Galicia máis profunda nin nada sobre o narcotráfico.A tele informaba que Sogama non incinerou ningún dos millóns de fármacos recollidos en España, en vinte mil farmacias, dende 2002 ata hoxe.Doce mil toneladas de medicamentos usados ou caducados que, en contacto coa auga e outros residuos, poden ser altamente tóxicos. De nada vale o esforzo dos cidadáns levando eses fármacos ós contedores da farmacia, porque, en vez de ser destruídos, logo son enterrados en Cerceda, co perigo evidente de contaminar augas e terras. Pero, en que mans estamos? A alguén lle importa de verdade garantir a nosa saúde? Para que se gastan cifras millonarias en campañas a favor do medio ambiente? Haberá un responsable deste disparate: que poñan xa a súa foto na portada dos xornais.

31 dic 2008

Crise e barbarie
Xosé M. Sarille, ECG. 30-12-08


Leo no informe dun organismo da ONU, serio, científico, que para soster o actual nivel de consumo e ao mesmo tempo chegar ao ano dous mil trinta, farían falta os recursos de dous planetas como a Terra. Outra institución, tamén da ONU, publicou hai un tempo que con este ritmo de depredación non haberá vida nos océanos en dous mil trinta ou dous mil corenta, non lembro ben a data exacta, pero tanto ten.
Calquera que vaia mercar a un supermercado pode decatarse do que está a suceder; a maioría dos peixes teñen nomes rarísimos e formas descoñecidas; estamos devorando os intragábeis, despois de esgotarmos os máis saborosos. Eu non entendo nada de economía pero temo que nos estean enganando igual que nos últimos anos. Non querían dicirnos que a crise actual estaba a piques de chegar. Atreverse a facelo antes de que estoupase implicaba delatar aos grandes estafadores, aos que se forraban con operacións especulativas alucinantes, pero que en realidade dominaron a economía mundial mentres lles durou. Que lobby socialdemócrata sería capaz de semellante valentía? Agora dinnos todos os poderes que hai que incentivar o consumo para recuperar a produción e saír da crise. Pero claro, a cousa ten mala pinta. Como se por primeira vez non se soubese por onde tirar. O esgotamento da Terra non vai permitir que se repitan as vellas fórmulas de sempre. Regalan diñeiro público a moreas para reiniciar o ciclo. Talvez a nova burbulla especulativa se produza no horrendo Complexo militar-industrial, porque manda o curto prazo, que é un dogma inalterábel do becerro de ouro; daquela haberá que observar o valor das bombas de fragmentación no Dow Jones. Radian e televisan as bolsas como se emitisen os resultados dos partidos de fútbol. Ao mellor a solución sigue estando nos retorcementos especulativos dos brokers.
Ninguén ten unha vara máxica para resolver o problema, dirán vostedes. Non, nin sequera Obama, o rei Baltasar de estética Walt Disney que se foi perfilando no espectáculo mediático do último ano. Dá a impresión de que aínda vivimos na calma que precede á tormenta.

15 dic 2008


OS XUÍCES, A ROMANA, O ÁRTICO
Marcos Valcárcel, La Región, 15-12-08

Os xuíces. Son protagonistas todos os días e non sempre para ben. Vexo na TV unha nai angustiada: a súa filla morreu atropelada por un automóbil que ía facendo trombos, dentro del dous mozos sen ningunha cabeza. Chegado o xuízo, o máis novo queda en liberdade porque era menor de idade: faltábanlle só seis horas para cumprir a idade que o levaría ó cárcere. A nai, profesora de instituto, fala do concepto de responsabilidade e dos erros da Lei do Menor. Conclúe contundente: estamos mandando á sociedade a mensaxe de que matar unha moza, neste caso a súa filla, é gratis. Outra historia: outra nai, de escasos recursos culturais e xordomuda, irá ó cárcere por pegarlle unha labazada a un fillo. Os seus veciños protestan manifestándose, non entenden. Basta escoitar ós pais para entender o que pasou. É absurdo que esta nai vaia ó cárcere e quede en nada a historia da moza atropelada. Xa sei que os xuíces só aplican as leis, pero tamén as interpretan. E deberían facelo de xeito que esa aplicación sexa un feito comprensible pola sociedade. Se non é así, a sociedade mal pode confiar nunha Xustiza tan arbitraria e desconcertante.
A romana. É demasiado doado facer leña sobre a última babecada de Fraga. Son os dirixentes do PP os que terían que mover os fíos para procurar que don Manuel non teñas tantas ocasións de meter a pata. Con 86 anos enriba, a verborrea de Fraga obriga logo ós altos dirixentes populares a esculcar nas máis surrealistas explicacións para cada un dos seus disparates, como lle tocou a dona Soraya coa peregrina historia da “romana”. Quizais Fraga quixo dicir “pendurar”, en galego, e non ponderar: mal parados quedaban, en calquera caso, os nacionalistas, os periféricos enténdase. Non fala Fraga do nacionalismo español, que é o seu, ese ten tanta forza que xa nin se recoñece. En fin, unha máis de don Manuel, que dixo non hai moitos anos que el tamén era da mesma “tribo” de Beiras. Precisamos políticos que non falen de tribos nin de colgar a ninguén, con romana ou sen ela: iso tamén é certo.
Unha imaxe. No programa “Informe semanal” emiten unha interesante reportaxe sobre o futuro do Polo Ártico, terra de ninguén que se disputan diversos países próximos polas súas grandes potencialidades enerxéticas (petróleo e gas). Por desgraza, as grandes industrias non se rexen pola súa sensibilidade medioambiental e non van chorar polos efectos do cambio climático e o desxeo dos polos. Iso significa, entre moitas outras cousas, desaparición de especies e da biodiversidade. Unha estudante de doutorado usa unha imaxe moi acaída como metáfora do presente: imos todos no mesmo avión e, pouco a pouco, vanlle caendo as parafusas que unen as súas pezas. Cada especie que se perde, aló vai outra parafusa. Canto durará o avión en marcha?
(Imaxe: un dos moitos xuíces que retratou H. Daumier)

2 oct 2008


O lobo (pan por pan 2-10-08)
Dedicado a Lobo Neghro

Emiten en TVE, na Dúas, unha interesante reportaxe sobre a sorte do lobo. Xa saben, é unha especie en vías de extinción. Xa na época de Carlomagno, na Alemaña organizaban cacerías masivas para exterminalo naquelas paisaxes. As Igrexas colaboraron na carnicería presentándoo como unha besta satánica. Hoxe a súa sorte é moi diferente nas zonas onde quedan algúns milleiros de exemplares. Hai bastantes en Rusia, pero carecen de toda protección legal e son cazados con saña e todo tipo de armas e trampas. Si están protexidos en Romanía: o documental ofreceu imaxes dunha cidade romanesa na que un lobo entraba de noite, todo pancho, a rebuscar no lixo; tamén o facían os osos. En fin, o lobo ten os días contados. A cambio metemos nas nosas casas os cans, os seus descendentes. Ós humanos encántanos domesticar todo. Nós mesmos xa estamos moi domesticados.

23 may 2008

En minoría IV: Da putrefacción, de X.L. Méndez Ferrín (FV.23.5.08)
Teño entendido que encallaron estes días unha balea grande e outros cetáceos máis cativos na costa de Oia, entre cabo Silleiro e a praia do Fedorento, na Guarda. Din os xornais que están levando estes animais (seguramente Tragsa) para seren incinerados en Cerceda. O becho maior en volume parece que está mau de mover e non sei se o evacuarán ou xa o evacuaron por vía marítima.Todo o mundo está de acordo en que é normal retirar os animais mortos do monte ou da costa e facelos desaparecer por cremación. Eu discrepo, polo que me vexo en minoría.Penso que os cadáveres dos mamíferos mariños deberían ficar onde os botou o mar para alí podreceren. Cada cadáver é unha fonte e unha explosión gozosa de biodiversidade. Debemos entender as preas ou cadáveres de animais como teatro de nacemento, reprodución e morte de milleiros de individuos vivos e centos de especies que grazas a descomposición orgánica multiplican os seus sistemas orgánicos. Ver a putrefacción como algo maldito e indesexábel, non é unha actitude ecoloxista. Os cetáceos varados na costa deberían ficar alí e culminar o seu proceso de descomposición no mesmo sitio no que foron botados en seco. Este e os seus fillos microscópicos ou maiores darían conta das partes mergulladas do animal en tanto que outras entidades vivas de respiración aérea favoreceríanse das zonas corporais que emerxeron.En todo caso, e de non ser aceptados os cadáveres pola veciñanza humana, pensamos que o seu destino alternativo debera ser a rede de pudrideiros do monte galego que non existe como existe en Asturias e noutras comunidades de España e de Europa. Constitúe un grave atentado ecolóxico substraerlle á Natureza o acontecemento colosal e farturento dunha comprida balea defunta.Nunha prosa célebre (polo simpática) Dieste conta o caso dunha balea encallada nos Lombos do Ulla ou así e de como os de Rianxo e os de Carril desputaron pola titularidade do corpo do cetáceo. A min gostaríame mirar os de Oia e os ecoloxistas e toda a cidadanía, como se di agora nos círculos do poder autonómico, unidos para impedir que a balea ou baleas sexan levadas da nosas costa a fin de que o lume as reduza a cinsas. Charles Baudelaire escribiu un día un poderoso poema en homenaxe á beleza dun corpo de animal putrefacto que Lois Tobío verqueu ao galego co título de "A prea". O poema podería recollerse no cartel dunha campaña, hoxe impensábel, en defensa da carroña, da carniza, da presa, dos cadáveres en descomposición como centros de vida que deben ser protexidos.A balea é un animal (non sei por que) moi solicitado pola nova poesía galega. Supoño que as e os poetas (moitos) que procuran a balea como símbolo ou metáfora ou referencia faranno pensando en baleas vidas. Algún día, espero, á sombra de Baudelaire xurdirá unha poética das baleas mortas, máis dialéctica e menos soñadora.Para min, a máis relembrada bas baleas literarias non é Moby Dick, senón a que encallou nas ribeiras do Miño ao seu paso por Ourense segundo relataba "La Región" o Día de Inocentes de 1947.

10 abr 2008

Beiras esixe á Xunta que cumpra o seu compromiso político en Pontevedra

Nun acto no Teatro Principal, o pasado luns, Beiras clamou contra as empresas Ence e Elnosa: Galiza está no terceiro mundo coa implantación destas empresas enclave en Pontevdra, empresas que aproveitan a existencia de recursos enerxéticos, económicos e de materias primas dun lugar diferente da súa orixe, pero non xeran riqueza e non inducen ó desenvolvemento económico nin enerxético (Diario de Pontevedra, 8 abril). Foi nun acto da APDR convocando a manifestación do 25 de abril sobre este tema.

24 feb 2008


Eleccións e valores (5).
Pan por Pan domingo 24 febreiro. Imaxe de Ben Lawson.

Outro dos valores con presenza en todos os programas electorais é o respecto ó medio ambiente e a ecoloxía. Temas como o cambio climático, os recursos enerxéticos, as política hidraúlicas ou a ordenación do territorio son hoxe de debate común. É un fenómeno complexo e bastante novo: hai só tres décadas os primeiros núcleos ecoloxistas en Galicia eran minoritarios e poucas veces tomados en serio. Tampouco tivo éxito en España a estratexia de crear grupos políticos ecoloxistas que ó cabo remataron como apéndice dos partidos clásicos. E falar de ecoloxía non é só competir por quen planta máis árbores aquí ou alá, senón enfocar os problemas con outros criterios e enfoques: pódese sacrificar o noso territorio e a paisaxe ó urbanismo máis salvaxe, por exemplo? Miren ó seu carón: os concellos tamén teñen moito que dicir neste tema. E que é o que están facendo?

15 feb 2008


en poleiro alleo: Rivas e Ferrín
Dende diferentes perspectivas, hoxe escriben, mirando cara o país, Ferrín e Rivas, os dous en clave ecolóxica. Manuel Rivas confronta o pintor Lugrís coa barbarie de hoxe e o futurismo de Marinetti e remata cunha fermosa semblanza dun Otero defensor da Terra. Ferrín critica inicialmente o ecoloxismo dos primeiros 70 para rematar convocando á manifestación Galiza non se vende, do domingo 17.


* Galiza non se vende, de Méndez Ferrín (Faro de Vigo, 15 febreiro)

28 ene 2008


DEBATES INOPORTUNOS POR IMPOSIBLES
La Región 28 xaneiro 2008 (Imaxe: Cervantes, por Siro)

En campaña. Estamos en campaña electoral e non é o momento oportuno para certos debates. Por exemplo, o dereito ó aborto (volven saír as pancartas á rúa de hai 30 anos) ou o tema do laicismo e as relacións entre relixión e Estado. “En España non hai un problema de persecución laica nin un problema de inxerencias relixiosas. A Constitución resólveo ben. Somos un Estado laico que recoñece, como é lóxico, o dereito á liberdade relixiosa”, dicía estes días o filósofo José A. Marina. Os ritmos da campaña electoral, engadía, son o peor momento para tratar estes temas, porque é a hora da esaxeración e do disparate, da simplificación, o esquema fácil e o titular sensacionalista.
Xa sabemos o que propón cadaquén ó respecto: sería de agradecer que non se caia na demagoxia máis burda. A Igrexa ten na realidade un trato de privilexio a nivel económico e fiscal en España e iso non casa coas protestas habituais dalgúns bispos, non todos (o de Ourense amosouse prudente nunha recente entrevista). Por parte do poder civil tamén debeu chegar xa a hora de preguntarse qué sentido teñen certas liturxias e cerimonias onde se invoca a autoridade eclesiástica cun ritual mesmo de servidume do poder civil cara o poder relixioso: por exemplo, tantas ofrendas e similares en que se lles pide ó Apóstolo que interveña para solucionar o terrorismo en España, a crise económica e cousas así. Son estes acenos propios do século XXI?
Humor e comicidade. “Nunca busquei a sátira, senón o sorriso intelixente, que o lector aceptase o meu convite de ir máis alá da propia noticia e da propia caricatura, aproveitando que eu podía dicir en broma o que os meus compañeiros non podían dicir en serio, escribindo”: tal dixo o caricaturista e humorista gráfico Siro López o pasado xoves en Compostela, no transcurso da homenaxe que lle fixo o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. O xogo humorístico, engadiu Siro, teórico das esencias do humor, consiste en dirixirse á intelixencia e ó sentimento: “cando presentas un antiheroe, un tolo como O Quixote ou un xenio como Charlot, o que buscas é un sentimento de solidariedade ante uns personaxes de gran nobreza e integridade moral, ante os que podes sorrir, pero non rir, se tes corazón”. Creo que Siro aprendeu esta lección nos debuxos de Castelao, que tan ben coñece, mestre tamén en entender o humor como empatía e solidariedade cos máis humildes e desposuídos.
Humberto da Cruz. Pasou esta nova bastante desapercibida: a morte de Humberto da Cruz, profesor de Socioloxía na Complutense e fundador da asociación Amigos da Terra. Fora tamén director xeral do Icona, membro da delegación española na Cumbre de Río en 1992, polo movemento ecoloxista, e un dos primeiros historiadores do ecoloxismo español. A súa bibliografía sobre temas medioambientais é moi extensa e, cando o ecoloxismo non era aínda un tema relevante nos medios, primeiros anos 70 por exemplo, a súa sinatura era habitual nas revistas sobre natureza e ecoloxía de España. Nos últimos anos estivo a traballar en temas de etnoecoloxía, no amazonas colombiano.

7 ene 2008



A NATUREZA. A BELEZA. AS RELIQUIAS.
La Región, 7 xaneiro 2008

De bichos. Recupero unhas notas dun deses programas de bichos de Segunda Cadea que tanto me gustan. Falaban da sexualidade dos animais, da beleza e da simetría. Pódese facer a Historia da Beleza, como a da Fealdade: Umberto Eco atreveuse coas dúas. Pero imos cos bichos e o seu comportamento sexual, especie animal incluída, que nisto non somos tan diferentes. Partindo de Darwin, sabemos que é “a muller” quen elixe e que as femias son sempre moi esixentes: por exemplo a mosca escorpión quere sempre o mellor macho entre os que poida dispor e desprezará os demais. Aínda máis,segundo algúns científicos, a atracción sexual ten algo de xeométrico porque é a simetría masculina o que máis excita as femias no amor. Un recente estudo insistía na importancia da simetría na idea harmónica da beleza.
Adobíos. E, por suposto, nunca sobran os adobíos: as femias do pavo real buscan machos de cola moi grande. Unha científica de California, Nancy Burley, demostrou en laboratorio que os paxariños admiran as cristas dos nosos “punkies”, mira ti por onde: organizou un pases de modelos para pinzóns femias comprobando que elas preferían os machos cunha falsa crista na testa colocada pola propia Burney.
As femias dos animais esixen tamén prologar o máximo posible o cortexo e soubemos duns escaravellos machos que teñen que cantar, bailar, lamber, morder e demostrar outras habilidades antes de merecer chegar á cópula. En fin, que o tema do ligoteo e todo o demais nunca foi doado nin sequera no mundo animal.

Reliquias. Pódese percorrer hoxe toda Europa seguindo a pegada das reliquias que conformaron a historia das xentes na longa Idade Media: as lascas da Verdadeira Cruz, a Santa Bágoa, o Santo Sangue, o Santo Sudario, etc. Reliquias eran tamén os anacos da vestimenta ou as partes do corpo dalgún santo ou santo, ata as partes máis inverosímiles que hoxe non collerían nas normas do pudor politicamente correcto. No seu momento algúns poderes emprenderon grandes Cruzadas a Terra Santa e iniciaron longos e sanguentos conflitos militares. As reliquias mobilizaron grandes masas, xeneraron xubileos, fundaron ordes militares e relixiosas, crearon cidades como Compostela e toda unha vizosa literatura vencellada ós Miragres da Virxe e dos santos, dende as Cantigas de Santa María de Afonso X ata toda a haxiografía medieval.
Dende o noso poleiro do século XXI miramos enfonchados cara os tempos pasados, incapaces de rirnos da nosa propia imaxe no espello. Hai hoxe persoas que pagan cifras multimillonarias pola súa paixón coleccionista: o chisqueiro de James Dean, un vestido de Marilyn, a cachimba de Bogart, os novos santos da modernidade e os seus obxectos mercados en subhastas milagreiras e asombrosas. A isto chamámoslle cultura, non reliquias, e Umberto Eco de seguro engadiría algo sobre a estilística kitsch na cultura de masas (“Apocalípticos e integrados”). Pero, cando menos, agora somos modernos.

12 nov 2007


A MALA SORTE DE GALICIA
La Región 12 novembro (Na foto, Otero Pedrayo, Carlos Maside e Cunqueiro)

Mala sorte. “Galicia ten mala sorte medioambiental” dicía esoutro día nunha entrevista Joaquín Araújo. E non se refería as condicións biolóxicas do país, un auténtico paraíso, como nos contou na súa conferencia: as súas rías, serras, fragas e illas. Referíase ó desmantelamento dese paraíso, ó urbanismo sen planificación, ós desastres ecolóxicos e a inoperancia de moitos políticos. Ante o desleixo de boa parte da poboación galega. Galicia perdeu nos 70 últimos anos un total de oitocentas mil familias que vivían no agro e do agro: con eles foise unha cultura milenaria que algúns alcumaron como atraso e miseria. Esa é unha das razóns, sen dúbida, dese desleixo: vivimos nun país desconcertado, sen referentes, que ignora as súas raíces, subsumido nunha realidade de ignorantes novos ricos.
25 anos. Vintecinco anos cumpren as viñetas de O Carrabouxo e vintecinco anos cumpre o Outono Fotográfico de Ourense. Noraboa a Xosé Lois e a Benito, dous dos esteos máis valiosos da vida cultural ourensá. Dúas mostras tamén do que se pode facer con intelixencia e boa vontade, sen precisar sequera de grandes infraestruturas. Nunha ocasión veu a Auria o responsable dunha das entidades culturais máis potentes de España, cunha Caixa por tras: cando coñeceu o labor do Outono Fotográfico, díxolle a Benito Losada: “Dende logo, debedes ter un gran equipo e bos orzamentos para facer todo isto”. Benito respondeulle cun sorriso, deixando que aquel home de acento catalán crese que detrás do Outono había unha gran infraestrutura que, na realidade, repousa case ó cen por cen no protagonista da anécdota.
40 anos. E corenta anos cumpriu a Auriense, fundada o 11 de novembro de 1967. Celebrouse cun sinxelo acto na Praza do Correxedor e coa participación de tres responsables de diferentes épocas: Nemesio Barxa, Xosé Lois González e Montse Gómez. Un acto sinxelo pero efectivo. Mágoa que non estivesen presentes moitos dos directivos da primeira época que viven en Ourense como Xosé Lino Vázquez Monxardín ou Carlos Guitián. Conta a Auriense cunha longa historia, aínda por estudar con detalle, na que houbo voces plurais. Entre as primeiras voces estiveron Otero Pedrayo, Ferro Couselo, Xoaquín Lorenzo, Blanco Amor. O acto rematou cunha ofrenda floral a don Ramón, na escultura de Buciños que preside a praza: eu poñería ós seus pés a bandeira galega, a que sempre respectou Otero, que envolveu o seu cadaleito, e non unha bandeira dun partido, creado nos últimos meses da vida do mestre.
Por fin. Ó Partido Popular parécelle cedo. Non había presa por eliminar os últimos nomes franquistas do rueiro,din. Pero, señores, levamos 30 anos de democracia! Teñen algún problemas cos nomes de Santa Eufemia, a Concordia e Ribeira de Canedo? Pois logo! Noraboa á maioría municipal do PSdG e do BNG na súa proposta, aprobada no último pleno. Tardía, pero chegou ó fin. Por recuperar o sentidiño.

8 nov 2007


Paraíso natural.
Pan por Pan xoves 8 novembro. (A imaxe que ilustra é de Paco Pestana)
Pois si, tal como contaba onte este xornal, seguín con interese a conferencia de Joaquín Araújo no Foro La Región. Foi unha ledicia ver a sala chea de xente, participando ademais nun animado coloquio. Porque este egrexio naturalista veu dicirnos, dende fóra, cousas que sabemos pero non sempre lembramos: que vivimos nun auténtico paraíso natural, Galicia, coas mellores condicións para a vida e a evolución biolóxica. Velaí as rías, as nosas serras, a vizosidade dos cursos fluviais, os modelos diversos de fragas, a singularidade das illas. Un medio natural esplendoroso pero agredido moitas veces. E tantas e tantas veces ante a indiferenza dos propios galegos. Alguén nos vendeu moi ben o conto de que o Progreso era a destrución das raíces (tamén na cultura, no idioma): moitos acabaron por crelo como cuestión de fe. Oxalá non sexa demasiado tarde para arrombar tamén esa mentira.
P.S.: ampliando a breve columniña. A charla estivo realmente ben e o coloquio moi animado (eu marchei ás 10, con gañas de preguntar, pero facíaseme longa a cousa). Houbo referencia a temas locais: Plan ZEPA da Limia, Araújo dixo que era unha tontería calquera protesta en contra, porque non afecta en absoluto á actividade agraria; dende os tempos das pirámides a fauna esquilma a mesma porcentaxe das colleitas, un 30 por cento, fagas o que fagas e botes o que botes, dixo. Críticas tamén duras ó Plan Acuícola e ó proxecto de Corrubedo e ó de Reganosa (aínda que aquí Araújo dixo non estar moi informado): o moderador, Lito Prado (compañeiro dos tempos de Nunca Máis) tamén deu caña, en todos estes temas, contra os 3 partidos unidos nestes temas (PP-PSOE-BNG). A impresión que me deixou a charla é que hai moita teoría (digan se queren palabrería) e pouca realidade: da reserva natural da biosfera, escasa protección. Afirmou que as áreas protexidas en Galicia son moi escasas e as medidas de protección as mínimas das mínimas: só os Parques Nacionais terían unha certa protección real, se entendín ben. (Se algún dos contertulios estaba na sala, agradeceríase que engadan máis cousas ó respecto)

24 oct 2007

Máis medo.
Pan por Pan mércores 24 outubro
(Foto: Mario Cravo Neto, Brasil)

Tamén meten medo estas imaxes de TV: nun tren de Barcelona, un skinhead pega brutalmente a unha moza ecuatoriana, menor, patadas na cara, nos peitos, todo ante a indiferenza doutros pasaxeiros e sen soltar o agresor o seu móbil nin deter a conversa: de que estaría a falar o monstro?
“Os que traballan teñen medo de perder o traballo, escribiu Eduardo Galeano. E os que non traballan teñen medo de non encontrar nunca traballo. A democracia ten medo de lembrar e a linguaxe ten medo de dicir. Os civís teñen medo ós militares, os militares teñen medo á falta de armas. As armas teñen medo á falta de guerras. É o tempo do medo. Medo da muller á violencia do home e medo do home á muller sen medo”, remataba o autor uruguaio.
E tamén me asusta, a min cando menos, a ignorancia ou provocación chulesca: Rajoy, por exemplo, cando nega o cambio climático.

20 sept 2007

que pasa no Ribeiro?

Unha amiga escríbeme preguntando que pasa no Ribeiro? Que sucede co proxectado Parque Medioambiental de Carballeda de Avia? O certo é que non souben responderlle: non teño nin a información suficiente nin opinión creada ó respecto. Por iso propúxenlle promover o debate dende aquí, dende o blog, e reproducir a súa carta, co seu permiso, para que poidan intervir todas as persoas mellor informadas ou relacionadas con esta temática. Esa mesma amiga dirixiuse ademais ás organizacións ecoloxistas ADEGA e Verdegaia e tamén reproduzo en "Comentarios" as súas cartas como forma de estimular este necesario debate. Velaí a súa carta:

Ola Marcos: escríboche para que cando teñas un pedaciño de tempo me informes sobre a polémica do parque medioambietal que ten proxectada a Xunta no Ribeiro. Hai moitas cousas que me sorprenden, como a postura contraditoria de Verdegaia, a marxinación nas conversas coa consellería de Ridimoas, e sobre todo o noxento silencio informativo ao que está sometida esta mobilización. Isto de non estar en Ourense pasa factura e entereime este verán por Ánxeles Cuña do que estaba pasando no Ribeiro, e cando vin que ao día seguinte da manifestación a prensa silenciou todo- agás unha pequena tira de Cristina Huete en "El País"- supuxen que algo serio se estaba cocendo e que os intereses deben ser moi fortes. Gustaríame saber cal é a túa opinión para entender o que está pasando. Unha aperta: Maruxa

23 jul 2007



A VIAXE DO EMPERADOR
La Región 23 xullo
O documental. O cine documental ten unha longa historia que se remite ás mesmas orixes do cine. Na historia do xénero hai obras mestras de autores como o británico John Grierson, o norteamericano Robert Flaherty (“Homes de Arán”, “Nanuk”, etc.) ou o soviético Dziga Vertov, e a este modelo narrativo tamén se achegaron de xeito máis ocasional nomes como John Ford, Frank Capra, Luis Buñuel, Joris Ivens ou Roberto Rosselini, entre outros. Hoxe o documental, sobre todo en temas relacionados coa vida natural, semella relegado das grandes pantallas e restrinxido a certas cadeas e programas televisivos, de non menor valía. Pero hai excepcións ben relevantes, como a película “A viaxe do emperador” (2005), de Luc Jacquet, que se pasou con éxito polos cines no seu día e que a TVG emitiu o pasado venres.
Peregrinos. “A viaxe do emperador” empeza cuns planos duns peregrinos a longa distancia dos que só pouco despois podemos adiviñar, na paisaxe totalmente xeada da Antártida, a súa auténtica personalidade: pingüíns emperador iniciando unha longa camiñada ata o lugar habitual de procreación e coidado das súas crías. A partires de aí asistimos a un auténtico espectáculo épico e lírico, pois o documental xoga cos sentimentos cunha elegancia singular. Coñecemos o misterio da forza da vida nas condicións máis extremas, onde o ser humano non podería resistir á forza das treboadas da neve e xeo, e tamén a forza dos instintos que marcan, de forma perfectamente planificada, a propia loita pola supervivencia. Non hai nesta contorna xeográfica ningún tipo de templos nin ningunha forma de espiritualidade consciente, só o esplendor da natureza que se regula a si mesma: velaí a idea que identificaba Deus e o panteísmo en Fichte e nalgúns románticos.
Luc Jacquet escolle un modelo de antropomorfismo e dramatización dos pingüíns para provocar a empatía con eses seres tan simpáticos como tráxicos: a traxedia está sempre presente, a ameaza da morte polo frío e as treboadas, e cando se produce o desamparo é absoluto. Ante a perda dunha cría, unha das nais, arrebatada entre os laios e a loucura, chega a querer roubarlle o seu cativo a outra nai, comportamento irracional que tamén se ten dado entre humanos.
Cooperación. A natureza soubo lograr, na longa andaina da evolución, o establecemento de estratexias útiles de cooperación e solidariedade mesmo entre moitos animais. A supervivencia destes pingüíns resultaría imposible sen o apoio mutuo de todo o grupo, para protexerse do frío e dos perigos, e por parte dos dous sexos, que cooperan con exactitude milimétrica no coidado e alimentación das crías. Os seres humanos só sabemos recoñecer a heroicidade entre nós mesmos, pero a natureza está chea de exemplos moito máis notables onde a cooperación faise ver de xeito constante e xeneroso.
“A viaxe do emperador” é unha sorte de gran poema visual, que rexistra en imaxes momentos tan emocionantes como as danzas de amor e recoñecemento destes seres e a beleza do reencontro na nova estación. Noraboa a TVG por recuperar esta xoia do cine documental.

11 jun 2007

UNHA VERDADE INCÓMODA
La Región 11 xuño

Al Gore. Celebrouse o 5 de xuño o Día Mundial do Medio Ambiente e nestes días puiden ver a película de Davis Guggenheim, “Unha verdade incómoda”: o proxecto de Al Gore, exvicepresidente dos Estados Unidos, convertido xa en gurú do clima para percorrer o mundo alertando das consecuencias do cambio climático.
A película está concibida para lucimento do que foi candidato presidencial no 2000 fronte a Georges W. Bush (Gore logrou máis votos, pero non a presidencia, lembren) e nese sentido enténdese a clave biográfica do documental (as alusións á enfermidade dun seu fillo ou á carreira presidencial), ó que quizais lle sobre un certo alento narcisista. Pero hai que recoñecer que o tema ecoloxista non é novo en Al Gore: en 1992 publicou un bestseller titulado “A Terra en equilibrio: ecoloxía e espírito humano”. Os críticos apuntan que puido facer moito máis cando foi vicepresidente e defender Kioto con máis pulo en vez de venderse ós intereses económicos que agora denuncia. O documental, con todo, é útil e necesario: dende un enfoque didáctico (comprensible por un alumno de segundo ciclo da ESO, cando menos), non carga as tintas en deseños apocalípticos como outros produtos semellantes. A realidade xa é bastante aterradora e así a presenta esta película: zonas moi importantes e urbanas de Europa, Estados Unidos ou a India pagarían moi caro, mesmo asolagadas, o desxeo das masas polares que xa está nos seus inicios, segundo todos os cálculos científicos.
Mil trescentos millóns. Mil trescentos millóns de persoas vivirán graves secas polo desxeo provocado polo cambio climático: así o constataba esta semana un informe específico da ONU. Sen neve nas grandes montañas non hai ríos e os principais ríos de Asia nútrense das neves do Himalaya. Só a suba dun grao centígrado na temperatura supón elevar a cota de neve nos Alpes 150 metros, con importantes consecuencias na economía da zona e no abastecemento de auga. Sobran informes que constatan o descenso das cubertas de neve e o quentamento espectacular do Ártico e todo isto afectará a todas as rexións xeográficas do mundo: como se indica na película de Al Gore, nin sequera se sabe cómo se comportarán as correntes mariñas que xa hoxe provocan furacáns tan devastadores como o Katrina. Onde antes había grandes glaciares, estes vanse retirando e deixando só como restos grandes lagos que deixan constancia deste quecemento global.
Príncipe de Asturias. Al Gore acaba de obter tamén o Premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional 2007: é importante que líderes mundiais coma el se poñan á fronte destas causas que antes se desprezaban como “teima neurótica de catro ecoloxistas tolos”. As opinións públicas deben facer valer a súa presión, porque está todo por facer: o recente cumio do G-8 foi frustrante nas súas conclusións a este respecto. Quizais porque á cabeza dos países ricos está o país máis contaminante e consumista do planeta: os Estados Unidos que quixo presidir o mesmo Al Gore.

27 mar 2007


GREENPEACE, ANTISISTEMA, FISTERRA.
La Región 26 marzo (Imaxe: Moza con abano vermello, de Max Pechstein)
A natureza. Celebráronse na semana pasada, na Facultade de Ciencias, unhas xornadas sobre ecoloxía e medioambiente. O respecto á natureza copa boa parte da axenda da actualidade: medidas contra os incendios forestais, enerxías alternativas e renovables, parques eólicos, depuración de augas e recuperación dos ríos, etc. Esa perspectiva é xa central en calquera posición sociopolítica e as informacións sobre o cambio climático, que xa está enriba, non farán máis que facer medrar esas inquedanzas. Greenpeace fixo propostas moi concretas e con moito sentidiño: Non construir máis urbanizacións con campos de golf. Nin un chalé nos primeiros 500 metros da franxa costeira. Algún xeito de control supramunicipal que evite os maiores desastres da corrupción urbanística. Limitar o crecemento urbanístico ó 10% de incremento en cada planeamento e protexer o solo non urbanizable. Por certo, o PP foi o único partido que rexeitou no Parlamento Galego a lei de urxencia para protexer o litoral e dixeron que esta lei buscaba o “rédito electoral”. De todo isto hai que falar tamén antes do 27 de maio.
Antisistema. Un político galego ben coñecido, da esquerda nacionalista, recomendaba sempre “agudizar as contradicións”. Cando apuntaba esa liña estratéxica, este político xogaba no mundo dos partidos antisistema e non pensaba en chegar a curto prazo ó poder. Pero agora os que xogan a “agudizar as contradicións” son os que sempre estiveron moi perto do poder. O equipo Rajoy-Acebes-Zaplana xoga neste equipo antisistema, mesmo promovendo un boicot a un importante grupo mediático do Estado. Nunca ningún partido democrático chegou tan aló. Ata políticos de dereitas como Miguel Ángel Revilla ou Durán Lleida denuncian esta chantaxe á liberdade de expresión. Por outra parte, puxéronlle ben doada a resposta a Zapatero: se isto é o que fan na oposición e cos medios privados, “qué faría o PP cos medios públicos se chegase ó goberno?”. A resposta é pura lóxica.
Cabo Fisterra. Hai poucos días confirmábase a declaración do cabo Fisterra como Patrimonio Europeo, recoñecemento que recibían tamén o mosteiro de Yuste, a Residencia de Estudiantes en Madrid e unha serie de monumentos de lugares tan diversos como Eslovaquia, Grecia, Letonia, Bulgaria ou Francia. A Consellería de Cultura acondicionará a contorna do cabo, incluído o conxunto arqueolóxico e etnográfico de San Guillerme e o Santo Cristo de Fisterra, irmán do ourensán. É una boa noticia, que case coincidiu no tempo con outra negativa: a denuncia da especulación urbanística con 400 chalés ó carón das praias fisterrás. Alégrome polo país e polos meus amigos fisterráns, con Modesto Fraga á cabeza: a próxima fin de semana tócame inaugurar aló, cunha charla, unhas xornadas de reivindicación da memoria histórica en homenaxe a Cipriano Fernández Brage, exalcalde de Fisterra na República, militante de Izquierda Republicana e asesinado polos franquistas en 1936.

4 mar 2007


Cambio climático.

(Pan por Pan sábado 3 marzo)


Hai só uns anos algúns estudos e películas ridiculizaban as teses ecoloxistas sobre o cambio climático provocado polo home. Hoxe hai datos xa incuestionables de que tal proceso se está a dar e de que o home é o causante do maior problema medioambiental do planeta. Lémbranolo David Attenborough, naturalista e divulgador científico que leva 54 anos facendo documentais sobre a natureza (moitos deles, da BBC, emitidos na TVE-2), en España nestes días para recibir o premio da Sociedade Xeográfica Española. Xa non podemos parar o cambio climático, di con contundencia este naturalista, non sexamos ilusos: o máis que podemos aspirar é a impedir os seus desastres e non prexudicar demasiado as novas xeracións. O planeta non pode seguir a recibir contaminación e lixo ó ritmo actual: isto tamén é un problema político, o meirandes reto do mundo no que vivimos.