Mostrando entradas con la etiqueta Otero Pedrayo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Otero Pedrayo. Mostrar todas las entradas

2 jun 2008


A MIRADA RETIDA (4). Novas tecnoloxías.
La Región 1 xuño 2008
Encántame esta foto, cedida por Javier Martínez Randulfe. Miren os pupitres dos cativos, ben cativiños dende logo, pequeniños pero modernos. Moderna tamén, de formica, a mesa do profesor. Tras dela don Ramón Otero Pedrayo, nunha pose habitual nel, agarda para pronunciar unha conferencia. Preséntao don Xoaquín Lourenzo e, do outro lado, don Ángel Martínez Doval, director do colexio. De pé, María Teresa Cortón e, supoño, a moi noviña profesora deses pícaros. Corre o ano 1969 e estamos no Colexio Concepción Arenal: quizais don Ramón vai falar das floriñas do ermo de Noriega Varela, que foi o seu amigo e a quen se lle dedicaba o Día das Letras Galegas. Polo camiño evocou tamén, ben seguro, os peregrinos medievais a Compostela, os trobadores de amor como Macías o Namorado, a música das campás da Catedral, a melancolía dos outonos nas bocarribeiras: don Ramón, infinito. Preside a escena, como nun altar, un televisor, nos tempos que xa eran populares nas casas de Auria: na xerga de hoxe, don Ramón convivindo coas novas tecnoloxías.

14 abr 2008

Ourensanía
Entre as últimas entradas (219 xa), engordamos un pouquiño a etiqueta de Arturo Baltar e incorporo tres xoias: un retrato de Otero Pedrayo cos avós de Afonso Monxardín, en Lisboa (achegada polo neto), e dous retratos, ata hoxe inéditos, do poeta comunista e fusilado Manuel Gómez del Valle, achegados estes pola súa sobriña María Paz, a quen tiven a honra de coñecer onte nos actos da República no cemiterio de San Francisco.

A AVENTURA DO VOLTER (1)
La Región 14 abril 2008. Imaxe: cadro de Xaime Quessada dos anos 60. (En Ourensanía hai xa unha boa xeira de fotos do Volter e dos seus artistiñas).

Con Risco. Conmemórase na cidade, por parte da asociación Amigos da República e no aniversario do 14 de Abril, a lembranza dos Artistiñas ourensáns do Volter que marcaron a vida cultural ourensá dos anos 60, da man de Vicente Risco. Arredor do creador de “O porco de pé” axuntábanse para falar de todo o humano e o divino os primeiros integrantes do faladoiro: os pintores Xaime Quessada e José Luís de Dios e o escultor Acisclo Manzano. O centro físico dos encontros era a taberna do Tucho na praza do Eirociño dos Cabaleiros, que Risco bautizou como O Volter xa que lle lembraba un café de Zürich, o emblemático Café Voltaire. Ó grupo inicial incorporáronse logo os pintores Virxilio e Xavier Pousa e os escultores Manuel Buciños e Arturo Baltar e na contorna movéronse outros escritores e artistas.
O grupo naceu formalmente xa falecido Vicente Risco, pois foi en setembro de 1963 cando se organizou unha homenaxe a Risco no Volter, presidida por don Ramón Otero Pedrayo, e cando se procedeu á decoración daquela taberna con pinturas e poemas nos paredes, hoxe todos desaparecidos, igual que o propio local, para propia vergoña da autoestima dos ourensáns e dos galegos.
Os murais. A investigadora Sofía Tros de Ilarduya dedicou un libro á aventura do Volter (Ronsel, 1998) e alí cita as obras plásticas e poéticas representadas nas paredes. Entre as principais, a alegoría de “La Puerta de paja” que pintou José Luís de Dios, de 216 por 330 cm., na que aparecen os personaxes desta novela e na banda dereita o propio Risco contemplando o mural e na esquerda os personaxes do Volter: o Tucho, Quessada, Acisclo, Conde Corbal e o propio José Luís de Dios. Outros frescos eran o “Lobigato” de E. Ortiz; “Érguete Galicia” e “Mueran los enanos”, de Xaime Quessada; e tamén se colgaron debuxos a lápiz e pluma de Risco (“Animales”), paisaxes a plumiña de Luís Trabazo e varia táboas de Virxilio, Prego e Antonio Quesada. O tono rebelde da convocatoria quedaba ben cifrado nos títulos das pezas de Quessada ou nos textos que incluíu este artista como “Viva sempre Tovar” e “¡Érguete Galicia pedra a pedra, érguete Galicia e medra”.
Resistencia. A aposta dos “artistiñas” inscribíase nas coordenadas da resistencia cultural das novas xeracións que aboian nos anos 50 e 60: un tempo marcado polo antifranquismo, o galeguismo e a percura dunha renovación estética na arte galega. Como indica con acerto Sofía Tros, todo iso prodúcese sobre un relevante substrato cultural (a cidade da Xeración Nós) e coas achegas dun grupo de persoas que colaboraron con eles e potenciaron o seu labor: entre outros, o crítico e pintor Luís Trabazo, o escritor Ernesto Gómez del Valle, o director do Museo Xesús Ferro Couselo e os mestres de artistas Manuel Prego de Oliver e Antón Faílde. A triste historia da negación cultural do franquismo explica que descoñecesen, en cambio, a obra dalgúns artistas das vangardas galegas como Cándido Fernández Mazas e Manuel Méndez, dous ourensáns esquecidos naquela altura.

9 abr 2008




Ourensanía

Acabo de insertar na Ourensanía seis fotos que a min me parecen magníficas. Dúas do libro sobre o Volter de Sofía Tros: unha do Tucho (qué menos, nestes días, non?) e outra, velaí, de Xosé Luís de Dios facendo de trasunto de Buster Keaton. As outras catro, achegadas por Afonso Monxardín, son de don Xoaquín Lorenzo (Afonso organizou a súa Fotobiografía en Xerais): as catro son boas, pero esta da conferencia no colexio Concepción Arenal, con Otero e Martínez Doval, para min é maxistral.
Que sería destas neniñas, cantas delas andarán por aí ou ó mellor ata asisten ás conferencias do Liceo? E que me din dese televisor, novo deus da aula, en sitio preferente: para que nos veñan agora co conto das novas tecnoloxías...!
axenda e avisos varios
Contarvos varias cousiñas pendentes. Informa Xavier que o grupo de arquitectura tradicional galega xa supera as 500 fotos na súa web. "Iste é un grupo aberto a incorporar imaxes do noso rico patrimonio arquitectónico tradicional (airas/eiras, alpendres, alvarizas,batáns, capelas, casas-vivendas, cerres, chozos, curros, fabricas de curtidos, ferrerías, fontes, fornos, hórreos, etc.).
Monxardín pola súa banda dá conta desta moi interesante páxina do goberno do goberno de Canarias, con fotos antigas desta comunidade.
O Trebo anda a ensaiar un novo blog, da súa autoría, de lecer e fotografía, que abrirá cunha fermosa imaxe de Baiona. E Radiodifusión celebrará o 10 de abril o aniversario de Otero Pedrayo: a benquerida amiga Pitusa Arias (aqueles tempos de O Eixo, os inicios na Facultade de Historia, etc.) fíxome unha entrevista nestes días con ese motivo.

1 abr 2008

Blanco Torres pídelle cen pesetas a don Ramón
Carta difundida por X. Alonso Montero, en La Voz de Galicia, 11-5-1999.

A Ourensanía acaba de chegar ás súas primeiras cen imaxes. Entre as máis curiosas, a carta que reproducimos alí na que o poeta Blanco Torres, acuciado por temas económicos, lle pide cen pesetas prestadas a don Ramón.

5 mar 2008

CORAZÓN DE NÓS
(Foto: Banquete galeguista en Ourense a Emilia Docet, Miss España, 1933. Na imaxe están Vicente Risco (beira esquerda) e Otero Pedrayo, diante da bandeira; tamén Álvaro Cunqueiro, o poeta Manuel Luís Acuña, Ramiro Illa Couto, Leuter González Salgado (avó de X.L. Carrión), Afonso Vázquez Monxardín (avó de AVM), Fita ou Josefa Bustamante (muller de Otero), Manuel Peña Rei (presid. do PG en Ourense), E. Blanco Amor, Xosé Luís Ramos, Xosé Goyanes, etc. )

Corazón de Nós (Marcos Valcárcel, ANT, 5 marzo 2008)

Na antiga rúa dos Zapateiros ourensá, hoxe rúa da Paz, consérvase, como todo o mundo sabe, a casa onde viviron Vicente Risco, na primeiro andar, e Ramón Otero Pedrayo, no segundo. Foi no seu momento esta rúa o corazón da cidade, como lembra o propio don Ramón nos seus escritos, antes do ensanche do marco urbano na modernidade. Por iso se fixo alí o Teatro Principal e por alí paseaban, ata o Espolón da Praza Maior, burgueses e fidalgos do século XIX. Case enfronte viviu (alí o visitamos máis dunha vez) o benquerido Xoaquín Lourenzo, “Xocas” para os máis amigos. E a vinte pasos, na Praza do Ferro, o bo, case santo, de don Florentino Cuevillas. Na mesma contorna, dende a Praza do Ferro, ábrese a rúa de Lepanto e alí encontrámonos coa casa de Blanco Amor e, mesmo enfronte, o lugar onde estivo a redacción de “O Tío Marcos d´a Portela”, o primeiro xornal monolingüe da historia da nosa nación. Todos eses edificios teñen cadansúa placa conmemorativa (agás a casa de Cuevillas) e creo que poucos lugares hai no mundo con tal capital simbólico de galeguidade: se me deixan, escribiría con tal capital espiritual dos fornecedores das nosas raíces, tamén isto é patrimonio inmaterial.
Pero agora falaremos do patrimonio material: a casa onde viviron Otero e Risco está en venda, informaba o xornal “La Voz de Galicia” hai uns días. Entra nos vaivéns do mercado inmobiliario e ninguén sabe cal será o seu destino final. Nun país normalizado, onde as súas xentes estivesen reconciliados co seu tempo histórico, as principais autoridades dese país (poñamos Consellería de Cultura, Deputación e Concello de Ourense) xa estarían a mover todos os fíos necesarios para recuperar tan simbólico edificio. Para que? Sen dúbida para gardar a memoria merecida dunha xeración irrepetible, a dos homes de Nós. O piso de Risco disque vale 180.000 euros: é iso unha cantidade imposible de asumir? Non farei análises comparativas con outras cifras monstruosas de receptáculos culturais que todos temos na cabeza, así ninguén me acusará de demagoxia. De momento, reacción das autoridades á nova do xornal, inexistente. Nun país normalizado...

13 ene 2008


Otero Pedrayo (2): ucronía.
Pan por Pan domingo 13 xaneiro

Mantívose Otero na disciplina do Partido Galeguista, no partido de Castelao e Bóveda. Aínda que non lle gustaba a alianza coa esquerda no Frente Popular, díxoo moi claro na IV asemblea do partido, abril do 35 en Compostela. Supoño que a Otero non lle chiscaba, como deixou escrito Risco, acudir a mitins nos que se erguía o puño e se berraba “Viva Rusia” e “Viva Stalin”. Fagamos, só por unha vez, historia ficción, ucronía. Imaxinemos que os fascistas non toman as armas e Galicia asume a súa autonomía en 1936. Empeza un novo camiño. Que faría Otero? Nos seus artigos deses días, Otero di que a el non lle interesa galeguizar a “invasión marxista”. Que iso ía contra “o ser inmorredoiro de Galicia”. E que, aprobado o Estatuto, o PG debía recuperar a súa alma. Existía xa a Dereita Galeguista, a de Risco e Filgueira. Nunha Galicia soberana, sería ese o lugar de Otero?

12 ene 2008


Otero, xaneiro de 1933
Andoliña 12 xaneiro
Na sección de Hemeroteca do xornal ourensán La Región recollíase hai un par de días un comunicado do Partido Galeguista ourensán, en xaneiro de 1933, que aclaraba que Otero Pedrayo non podía dar unha conferencia nos salóns de Acción Femenina porque os estatutos do seu partido lle impedían participar en actos doutros grupos políticos. Así foi, de certo: Otero foi tentado varias veces pola dereita católica española para acudir a actos deste tipo: Acción Femenina Gallega era a voz da CEDA local nas mulleres, dirixida por Blanca Calvo.

Non esquezamos que meses antes votara contra o artigo 26 da Constitución republicana (a cuestión laicista) e asinara o Manifiesto de los diputados católicos al país, con Gil Robles á cabeza. Cando se crea o primeiro grupo ourensán do que sería logo a CEDA, pénsase en convidar a Otero como posible dirixente (e a José Calvo Sotelo e a Basilio Álvarez). Pero Otero non cedeu o engado das sereas: cría no seu país e refugaba as posicións centralistas da dereita española. Mantívose no PG, disconforme logo coa súa política de alianzas. Que pasaría nunha Galicia autónoma de 1936, se os militares non desen o seu golpe fascista? Sobre iso podemos especular outro día.

21 dic 2007


Pelerinaxes
Un contertulio desta casa pregúntame por que Galaxia non ten publicadas as obras de Otero Pedrayo, Pelerinaxes e Do San Lucas ao San Xoán (Sazóns de Compostela). Polo que respecta á primeira podo informarlle que Ediciós do Castro reproduciu en 1993, en edición fascsimilar, o orixinal de 1929, cunha breve nota previa de Marta González.
Aproveito a ocasión para rescatar unha vella Andoliña (17.9.04), na que falaba deste libro:
PELERINAXES, DON RAMÓN E O XAMÓN

A sección de Efemérides dun xornal galego lembra que se cumpren nestes días os 75 anos da aparición de “Pelerinaxes”, de don Ramón Otero Pedrayo, publicado pola Editorial Nós na Coruña en setembro de 1929 (hai unha reedición facsimilar de Ediciós do Castro en 1993). Foi aquela a crónica da viaxe que en sete xornadas fixeran, desde o 7 de xullo de 1927, don Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e “Ben-Cho-Shey” desde Ourense a San Andrés de Teixido, cruzando a Galiza central. En total 233 km. dos que fixeron a pé 146, porque don Ramón mancouse nun pé e para o resto acudiron ao coche e ao cabalo.
O libro é unha pequena xoia da nosa literatura de viaxes, cun interesante limiar de Vicente Risco e uns deliciosos debuxos da súa man. Pervive toda a forza das mellores prosas oterianas, que reflexiona sobre a filosofía do camiño e a necesidade de “sentir o decorrer, o devenir, o “elan”, os grados de perfeizón, etc., é propio das filosofías ceibes, imaxinativas, sentimentás. Nelas a fixeza somentes representa un caso fuxitivo nun istante de tempo. Camiñando rexurden tódolos momentos hourizontes novos. Unha serra vibra como un ser vivente na su pele; sentimos pasar un río coma unha forza, non como unha cousa que corre. N´hai un paisaxe feito definitivo e formado”.
Este podería ser un dos nosos grandes roteiros culturais. Cando se faga, hai que poñer unha placa en Monterroso que lembre a “cea feudal” dos camiñantes e os versos de don Ramón: “Groria do porco, frol da invernía,/ Sona da casa, lapa da carne./ Xamón”.

3 sept 2007


Celanova e Trasalba, crónica do 2 de setembro

Iniciamos o ano cultural coa entrega en Celanova, na Casa dos Poetas, do premio a Manuel Lourenzo. A laudatio correspondeu ó escritor Henrique Rabunhal (ben escrita e sentida, quizais un pouquiño longa) e o noso home do teatro respostou dando as grazas e explicando un pouco o que para el era o teatro, o compromiso, o idioma, e todo iso (con lembranzas de F.Pillado e de tantos amigos). Antes do acto na Casa dos Poetas, fíxose a tradicional ofrenda a Celso Emilio nas afóras do mosteiro, cabo do seu busto, acompañada polo grupo de gaiteiros do concello. Falou alí o crítico Ramón Nicolás, editor da poesía galega e do xornalismo de Celso Emilio, cunha axeitada visión do mundo de Celanova a través dos versos do poeta. Ó remate de todo, o xantar ben enxebre e estilo feira na Horta dos Poetas: botouse en falta a Méndez Ferrín, que está a rematar unha conferencia que ten que dar de inmediato na Sorbona francesa, convidado por Alain Badiou, e a outros amigos habituais como Damián Villalaín ou Baldomero Moreiras. Por alí andaban, ademais dos amigos de Celanova, xentes como Xabier Casares, Xoán Fonseca, Luís Menéndez, Luís González Tosar, Pedro Blanco Llano e a sua dona, Neira Vilas e Anisia, Acisclo Manzano, Santalices, a cantante María do Ceo, Santiago Lamas (creo que non quedou a xantar), Paulino Vázquez, María do Cebreiro, Xosé C. Sierra, Gonzalo Iglesias, etc. E algúns amigos de Manuel Lourenzo, claro. O xantar, coma sempre, cheo de anécdotas que agora non se poden resumir: Luis Menéndez falounos con detalle das epopeas dos galegos en América, sobre todo dos pescadores de Malpica no Perú e dos galegos que construíron o Canal de Panamá, sobre o que seica acaba de saír un interesante libro na Barrié.
Ás sete da tarde pechabamos a exposición de Virxilio na Casa Grande de Trasalba cun acto poético-musical. Estiveron, co pintor, Víctor Freixanes e Ramón Villares, en nome do Consello da Cultura Galega. Tocoume presentar o recital poético no que contamos con (excusado Ferrín, polo que antes dixen) Manuel Vilanova, Chus Pato, María do Cebreiro e Víctor Campio. Catro voces ben diferentes, catro alentos literarios que resoaron na Casa Grande, arredor dos cadros de Virxilio. Rematou o acto cun excelente concerto de jazz a cargo de Abbe Rábade Tío, con Abbe Rábade ó piano, José Carlos Ferro ó contrabaixo e Max Gómez á batería. Mesmo houbo un bis de propina. Malós Cabrera quedou en mandarnos algunha das fotos que sacou: se le isto, que non se esqueza do compromiso. Vimos por alí a algúns dos amigos xa citados en Celanova e outros como Afonso Monxardín, Lois Paradelo e Mercedes, a concelleira de cultura ourensá Isabel Pérez, o subdelegado Camilo, Luis Cochón (comisario con Lamas da mostra de Virxilio), Susana Reboreda (coordenadora dos actos), Augusto Valencia, etc. Algúns son contertulios desta casa e poden engadir o que queiran a esta crónica urxente e inmediata. (Os organizadores agasállaronos con esta peziña de Virxilio, dedicada a cada un de nós, que irá a unha parede da miña casa ó carón dun fermoso cadro de vendimadoras que o artista me regalou, tamén dedicado, hai anos).

15 mar 2007

MOCIDADE, LINGUA, O LATÍN
(Andoliña 15 marzo. Imaxe do debuxante-guionista Robert Crumb)


Escoito na radio que en Francia o Ministerio de Educación prepara un plan para afortalar o vocabulario dos seus alumnos e alumnas dende a educación infantil. Co obxectivo de que os nenos aprendan, antes de chegar á Secundaria, sequera unha palabra diaria e que esta palabra sexa de contido abstracto ou diferente das que usa na súa contorna habitual. Crin escoitar que as primeiras palabras suxeridas eran "Amor" e "Semellantes". Fermoso proxecto: non estaría mal copialo se queremos que os nosos mozos saiban dicir algo máis que “flipado” e “guay”. Agás excepcións, a pobreza do léxico dos mozos é alarmante: é o tributo a pagar ó Moloch da televisión-lixo, a xerga dos móbiles e a estulticie ambiental. Pobreza tamén en castelán, non só en galego: ignoran case todos os cultismos, ás veces idénticos nas dúas linguas.
Ou iso ou restauramos o vello Bacharelato con máis anos, do que algúns docentes seica teñen saudade. Con latín para todos. Xa saben que nos seus últimos días, enfermo, Otero Pedrayo foi visitado na súa casa da rúa da Paz polo ministro de Educación daquela hora, creo que Cruz Martínez Esteruelas. Don Ramón só lle deixou un mandado, con toda a vehemencia que puido: “Cóideme do latín, señor ministro”.

P.S.: Chámame o amigo Xoán Manuel Salgado, un dos grandes oterólogos deste país, e faime decatar dun pequeno erro neste artigo xa publicado (tamén na prensa). O que Otero lle dixo ó ministro naquela ocasión foi exactamente "Salve o grego, señor ministro", porque andaban a preparar un decreto que o eliminaba do ensino ou algo así. En canto mo dixo Salgado, deille a razón: así o lembro eu tamén e pódese documentar nas hemerotecas. En calquera caso, o sentido da anécdota, enmarcado na miña columna, non varia gran cousa.

14 mar 2007



TEORIA DE GALICIA, artigos de Otero Pedrayo en Vida Gallega
En rigorosa exclusiva, podo informarlles da aparición nas librarías deste novo libro de Otero Pedrayo. (O texto da nota e as fotos proceden da Editorial Alvarellos)
Alvarellos Editora publica o tomo sexto da súa Colección Rescate coa edición, por primeira vez en libro, de toda a obra xornalística de Ramón Otero Pedrayo para a revista Vida Gallega, unhas colaboracións esquecidas que se remontan ao ano 1926 e que chegaron, catro décadas despois, até 1963.

Trátase do volume titulado Teoría de Galicia. Obra xornalística en Vida Gallega, 1926-1963, un libro de 400 páxinas que sae hoxe á venda, e está escrito en galego e castelán. Nel reúnense 72 escritos de temática e xénero variados: dende prosas líricas ata crónicas da época, pasando por ensaios e mesmo relatos de ficción. A visión conxunta de todos eles enxerga efectivamente toda unha teoría de Galicia e son unha mostra da monumental prosa oteriana e da enorme capacidade intelectual do Patriarca das Letras Galegas.

A obra conta cun amplo estudo introdutorio a cargo do profesor, historiador e escritor ourensán Marcos Valcárcel, titulado “Otero Pedrayo no xornalismo galego”. Nel afirma:

En Teoría de Galicia atopamos todo o mundo de Otero en pequenas doses (...). Na revista Vida Gallega hai dous rexistros diferenciados: os artigos publicados na primeira época, entre 1926 e 1930 (...) son na súa maioría prosas líricas ou ideolóxicas, inzadas dun latexante galeguismo, e textos de reflexión sobre a esencia de Galicia e as súas visións da paisaxe, da historia ou da tradición. Na segunda etapa, a comprendida entre 1954 e 1963, como é lóxico a presenza de contidos especificamente galeguistas ou de maior carga ideolóxica é moito menor, pero Otero Mantén as liñas estruturais básicas do seu discurso: fale das vendimas no Ribeiro, ou da forza do mar na costa de Muxía, ou das festas do Corpus na súa cidade natal, os elementos fundamentais do mundo oteriano estarán sempre presentes.
Á parte dos textos recóllense neste volume fotografías da época e, sobre todo, varios manuscritos inéditos do autor. A súa incorporación é especialmente significativa, pois neles o lector poderá comprobar o verdadeiro fluír da prosa de don Ramón: as ideas semellan ter agromado nidias –non hai borróns– e abundantes como emerxidas dun manancial.