28 feb 2009


Miradas Alleas (V)
andoliña 28-2-09
debuxo de MASKA

En abril do 2002 recibín un convite insistente de González Tosar para asistir á entrega dos IV Premios Rosalía de Castro e á cea posterior en Fonseca. O amigo Luís subliñaba: vai estar Ernesto Sabato, que naquela hora superaba xa os noventa anos. Gárdolle moito respecto ó mestre arxentino non só polas súas novelas, senón tamén por breves ensaios recollidos en volumes como Páginas de E.S. seleccionadas por el autor, da editorial Celtia. Non me puiden negar e aló fun con Afonso Monxardín para participar naquela xornada emocionada arredor dun home fráxil e fatigado, que choraba ó escoitar a música das gaitas.
Na serie Miradas Alleas, Sabato está representado polo volume Palabras para Galicia, que recolle varios textos galegos do autor, sempre coa presenza rosaliana na cabeceira e a lembranza dos emigrantes galegos. González Tosar describe con precisión aquelas xornadas do escritor en Compostela e Padrón. Víctor Freixanes evoca un encontro co mestre na súa casa de Santos Lugares e o espectáculo dun teatro arxentino a rebordar aplaudíndolle durante quince minutos.
Lorenzo Varela, grande amigo de Sabato, é coprotagonista do libro, cun estudo de Gregorio Ferreiro e os Cadernos do Tortoni (2006).

1 comentario:

Anónimo dijo...

Sería de interés recordar la obra del Padre Leonardo Castellani.....