Mostrando las entradas con la etiqueta Miradas alleas. Mostrar todas las entradas
Mostrando las entradas con la etiqueta Miradas alleas. Mostrar todas las entradas

5 mar 2009


Miradas Alleas (e VI)
MARCOS VALCÁRCEL
andoliña 4-3-09

Comentei na pasada semana os diferentes volumes da serie Miradas Alleas, publicada pola Xunta de Galicia. Faltaba dar conta do libro Borges dende o labirinto galego, encargado ó profesor Claudio Rodríguez Fer, autor de diversos traballos sobre o escritor arxentino, que foi sempre unha referencia viva tamén na literatura do lugués.Co mesmo título do libro publícase unha conferencia de Rodríguez Fer do ano 1999 cun seguimento detallado das conexións galegas de Borges: a súa ascendencia portuguesa, a súa presenza en Alfar e a da súa irmá Norah Borges nas revistas de vangarda galegas, a súa admiración por Rosalía, as súas relacións con Eugenio Montes, Blanco Amor, Seoane, Dieste, Francisco Luís Bernárdez, Valente, etc. Inclúense palabras de gabanza para Primitivo Rodríguez Sanjurjo, que segue totalmente esquecido, e detalles da súa visita a Compostela en 1964, acompañado de María Esther Vázquez, onde tivo como anfitrión a Ramón Piñeiro.

Un segundo ensaio do mesmo autor, Borges: escepticismo e fantasía, afonda nas claves da súa literatura. Algunhas delas, como o escepticismo esencial e o cultivo do xénero fantástico, achegan o mundo borgeano a riscos ben definidos da nosa personalidade cultural.

28 feb 2009


Miradas Alleas (V)
andoliña 28-2-09
debuxo de MASKA

En abril do 2002 recibín un convite insistente de González Tosar para asistir á entrega dos IV Premios Rosalía de Castro e á cea posterior en Fonseca. O amigo Luís subliñaba: vai estar Ernesto Sabato, que naquela hora superaba xa os noventa anos. Gárdolle moito respecto ó mestre arxentino non só polas súas novelas, senón tamén por breves ensaios recollidos en volumes como Páginas de E.S. seleccionadas por el autor, da editorial Celtia. Non me puiden negar e aló fun con Afonso Monxardín para participar naquela xornada emocionada arredor dun home fráxil e fatigado, que choraba ó escoitar a música das gaitas.
Na serie Miradas Alleas, Sabato está representado polo volume Palabras para Galicia, que recolle varios textos galegos do autor, sempre coa presenza rosaliana na cabeceira e a lembranza dos emigrantes galegos. González Tosar describe con precisión aquelas xornadas do escritor en Compostela e Padrón. Víctor Freixanes evoca un encontro co mestre na súa casa de Santos Lugares e o espectáculo dun teatro arxentino a rebordar aplaudíndolle durante quince minutos.
Lorenzo Varela, grande amigo de Sabato, é coprotagonista do libro, cun estudo de Gregorio Ferreiro e os Cadernos do Tortoni (2006).

27 feb 2009


Miradas Alleas (IV)
MARCOS VALCÁRCEL
and0liña 27-2-09

No ano 1973, centenario do nacemento de Azorín, Xesús Alonso Montero publicou, na luguesa editorial Celta, unha colectánea de textos do escritor alacantino titulada Rosalía de Castro y otros motivos gallegos. Sobre esa base, revisada e ampliada, aparece agora Galicia (Paisajes, gentes, carácter, costumbres, escritores...), unha nova recolleita de textos azorinianos, preparada e introducida por Alonso Montero na serie Miradas Alleas, da Xunta de Galicia.
Só polos seus numerosos textos rosalianos, Azorín xa ten un lugar de honra nos galegófilos de orixe foránea. Ante o silencio ou o desprezo de tantas voces, Azorín reivindicou a nosa autora como un dos grandes poetas do seu tempo e amosou o seu respecto e admiración tamén por Manuel Murguía. No libro hai moito máis: a visión da paisaxe galega, dende os textos de Rosalía, dona Emilia Pardo Bazán e Valle Inclán; o seu entusiasmo pola música popular galega; palabras agarimosas para Lamas Carvajal; a súa exaltación da coroza, etc.
Moi oportuna esta volta sobre as páxinas de Azorín, ese filósofo do pequeno que mantén toda a elegancia da súa prosa, como ben subliñaron Vargas Llosa, Pere Gimferrer ou o noso Casares.

26 feb 2009


Miradas Alleas (III)
andoliña 26-2-99
MARCOS VALCÁRCEL

Outro dos volumes da colección Miradas Alleas ocúpase de Julio Cortázar e Aurora Bernárdez, baixo o título Un (re)encontro con Galicia. Como é sabido, en decembro do 2005 Aurora Bernárdez, primeira muller do narrador arxentino, dooulle a Galicia un valioso fondo documental e audiovisual relacionado co escritor, que hoxe custodia o CGAI: o propio presidente da Xunta relembra no libro aquel suceso.
Sobre as relacións de Cortázar con Galicia xa escribiran Fernando Salgado e Francisco X. Fernández Naval. Neste volume fano Fernando Salgado, Nélida Piñón, Rocío San Claudio Santa Cruz e Camilo Franco, que entrevista a Francisco Porrúa, o editor galego do mestre arxentino. O volume está cheo de datos sobre o Cortázar destetado como escritor polos exiliados galegos, Seoane, Lorenzo Varela, Dieste e Arturo Cuadrado. Tamén sobre as súas viaxes a Galicia e as cartas que as describen: fermosísima esa imaxe en que o mestre di descubrir o misterio dos cancioneiros ó pé do pai Miño.
Todo o libro é ademais unha homenaxe ben merecida a Aurora Bernárdez, filla de masidaos e tan xenerosa co país. As imaxes publicadas fan do volume unha xoia para todos os cronopios do mundo

25 feb 2009


Miradas Alleas (II)
andoliña 25-2-09

Lembro ben a Carlos Casares pronunciando en Auria, nun acto de inauguración de curso da Universidade de Vigo, a conferencia Hemingway en Galicia. Era un dos seus escritores favoritos e un dos temas do que lle encantaba falar. De feito, repetiu esa charla en varios lugares de Galicia e foi ampliando datos ata publicar un libro ben gorentoso con esta temática na Editorial Galaxia. Agora ese libro é reeditado na colección Miradas Alleas, da Xunta de Galicia, cun texto complementario de Carlos G. Reigosa.

É fascinante percorrer o periplo de relacións galegas do Nobel norteamericano, que incluíu personaxes galegas nas súas novelas e contos, dende a Pilar de Por quen dobran as campás? ata os cregos que lembran as andanzas agraristas de Basilio Álvarez.As opinións de Hemingway sobre os galegos son diversas, ás veces considerados como brutos ignorantes ou desprezados por ser unha cultura allea ó mundo dos touros.

Pero, como di Casares, o escritor fíxose inmortal logo pola épica do mar, reflectida en O vello e o mar e Casares sostiña, sobre textos do Nobel, que esa visión puido nacer vendo o esforzo heroico dos nosos mariñeiros na ría de Vigo.

24 feb 2009


ANDOLIÑA 24-2-09
Miradas alleas (I)
Imaxe de Luís Seoane

Hai un par de semanas celebrouse en Compostela un ciclo ben interesante sobre as relacións con Galicia dalgúns dos máis grandes escritores do mundo. Non puiden asistir ás charlas, pero por fortuna a Secretaría de Comunicación da Xunta editou con ese motivo unha colección de libros sobre o mesmo tema, que si me fixeron chegar.
Velaí o caso de A Galicia máxica de García Márquez, do que se ocupa con xeito o xornalista Carlos G. Reigosa. Nun coñecido artigo en El País, titulado Viendo llover en Galicia, maio 1983, o nobel colombiano deixou pegada dunha serie de referencias galegas (a beleza de Santiago, a chuvia e os poetas, Cunqueiro, a arte de comer, etc.) e do mito da súa avoa de posible ascendencia galega, que sería moi relevante no seu xeito de contar e na conciencia das complexas relacións entre a realidade e a fantasía que marcan os seus libros.
Reigosa tira do fío e esculca nas biografías do Nobel e a través de contactos co escritor a concreción desa hipotética ascendencia galega da que se gaba o propio García Márquez. No volume non se desatan os nós do misterio, pero a viaxe resulta agradable. "Que investiguen", seica dixo o escritor ó respecto. O tema queda aberto.