30 nov 2009



CONVERSAS CONTEMPORÁNEAS
Xavier Castro: “Existen varias historias de Galicia pero falta afondar na historia dos galegos
Escritor e catedrático de Historia Contemporánea na USC
MANUEL VIDAL VILLAVERDE, Galicia Hoxe, 30.11.2009
...........................................................................................
Obra de Jorge Barbi.41º 52’ 59” latitude N/8º 51’ 12” lonxitude O.Marco.Vigo.

Xavier Castro, natural de Cangas do Morrazo (Pontevedra), é escritor e catedrático de Escola Universitaria de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago, desempeñando o seu labor docente na Facultade de Xeografía e Historia.
Acumula unha ampla experiencia docente e investigadora desenvolvida tamén en universidades de Estados Unidos e Francia. Neste último país exerceu a docencia na Université de Rennes (Maître de conferences), e impartiu seminarios na Université de Reims, Maison de Sciences de L’Homme, e École des Hautes Ètudes en Sciences Sociaux, de París. Foi director de varios proxectos de investigación financiados pola Xunta de Galicia e o Ministerio de Educación.
Na actualidade dirixe, en calidade de investigador principal, o Proxecto de Investigación Turismo histórico, gastronómico, enolóxico e cultural, na cidade Santiago de Compostela. Promoveu dende 1983, en Ourense, as Xornadas de Historia de Galicia (12 publicacións).
Foi subdirector e membro do consello de redacción da revista Grial e, asemade, comisario da Exposición do Cincuentenario da Editorial Galaxia (1950-2000). Membro da rede de investigadores europeos especializados en historia da alimentación (Institut Europeen D’Histoire de L’Alimentation).
Impartiu tamén cursos sobre a cultura e cata do viño, e ten desempeñado a función de asesor histórico en varios proxectos audiovisuais (As leis de Celavella, A casa de 1906).
Estas son as súas principais publicacións: O Galeguismo na encrucillada republicana, (Deputación Provincial de Ourense, 1985) (Mención de Honor do xurado do Premio Otero Pedrayo, 1983). A lume manso. Estudios sobre historia social de la alimentación (Galaxia, 1998), Castelao e os galeguistas do interior. Cartas e documentos 1943-1954, (Galaxia, 2000). Ayunos y yantares: Usos y costumbres en la historia de la alimentación (Nivola, 2001), (Premio Nacional de Gastronomía ‘Álvaro Cunqueiro’, 2002). A la sombra ejemplar de los parrales. Cultura del vino en Galicia y otros espacios peninsulares, (NigraTrea, 2006). (Premio Nacional de Gastronomía ‘Álvaro Cunqueiro’, 2006; e Gourmand World Cookbook Awards 2006, na categoría Best Wine History Book). Servir era o pan do demo. Historia da vida cotiá en Galicia (Séculos XIX-XX), (NigraTrea, 2007) (Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo, 2007). Ten no prelo un libro que publicará axiña Galaxia: A rosa do viño. Cultura do viño en Galicia.

Xavier, con respecto ao noso idioma estamos vivindo momentos de gran tensión por parte do autoodio, o autodesprezo, galegófobos e outro tipo de lingüicidas; porén, en contra de todo isto, que por outra parte non é nada novo, e vén xa de moi vello, o galego resiste, e eu, máis que crer estou convencido nesa loita que iniciou a dereita reaccionaria e polo tanto totalitaria en todos os aspectos. Nunca tantos ataques perversos sufrimos como nestes últimos tempos. Queren perpetuar a diglosia e, ignorantemente, manter que tamén o castelán é lingua natural de Galicia, o cal é unha burrada. Eu entendo a nación galega monolingüe, e o castelán non foi máis que unha imposición brutal para facer desaparecer o galego. Cal é a reflexión que podes ti facer diante desta miña longa pregunta?
Asistimos, efectivamente, a unha ofensiva contra o galego por parte do poder político, e os que amamos a nosa lingua temos a obriga de reaccionar, de dicir que o galego foi sempre un idioma discriminado, e que é o noso, e que, por suposto, constitúe unha falacia completa sinalar que é o castelán o que padece unha discriminación. Quérennos facer vivir no universo de Kafka facendo así boa aquela afirmación segundo a cal se Kafka vivise en Galicia sería un autor costumista.
A historiografía canónica puido influír na colonización lingüística que advertimos decote, dende Vicetto a Ramón Ferreiro, etc. Así, non cres que as rebelións irmandiñas non reflectiron nin reflicten exactamente a realidade, sobre todo cunha metodoloxía coxa que apenas leva de conta a intrahistoria?
A miña teima como historiador galego comprometido co meu país consiste na recuperación das vivencias da nosa sociedade a través do tempo, e facelo dun xeito crítico. Pretendo recrear a atmosfera do tempo pasado co apoio nos documentos e a cooperación da sensibilidade. O protagonismo de toda a sociedade, tamén das mulleres, os nenos, os vellos, e os iletrados e desherdados da historia. Recrear unha atmosfera, facer unha historia global. Na procura do Aleph, ese obxecto mítico que permitiría o coñecemento holístico e completo do mundo. Considero que existen varias historias de Galicia pero falta aínda afondar na historia dos galegos, das xentes de diferente condición social; dos que comían ben e durmían en colchóns de la, e os que levaban unha existencia precaria téndose que deitar amoreados en xergóns de follato: os homes, mulleres e nenos, labregos, fidalgos e habitantes das cidades que protagonizaron a historia deste país.
Este foi o meu propósito cando publiquei en Nigra a Historia da vida cotiá (séculos XIX e XX), dar a coñecer o xeito no que se desenvolvía a vida cotiá da xente corrente, o amor e a familia, a alimentación, a vivenda, a indumentaria, a hixiene, o traballo e mais o lecer, e asemade o mundo da escola.
En suma, trátase de completar a historia en maiúsculas de Galicia coa historia en minúsculas de todos os galeg@s; de recrear o imaxinario colectivo e a atmosfera social na que se desenvolveu a existencia de varias xeracións de galegos de a pé. Xente corrente que en moitos casos soamente tiveron tombas esquecidas con nomes xa borrosos nas súas campas, ás que non sempre lles ofrendaron moitas flores, pero que foron importantes, xa que co seu esforzo construíron este país, que foi endeita de todos.
Distrofia e fame e Galicia, conxunción de ambos os dous aspectos patolóxicos. Responde isto que digo á realidade?
Venturosamente a fame xa non é un andacio na Galicia actual, como o foi hai aínda non moitas décadas. Hoxe a cuestión non é a de comer ou non, senón a de xantar dun xeito saudable e sen excesos. O que importa é evitar a obesidade, que é o andacio que se sitúa nos antípodas do anterior á guerra: a delgadez excesiva, signo de tuberculose e pobreza, nun tempo no que os ricos eran gordos e os pobres enclenques.
A partir de que, ao meu ver, moitas veces o nacionalismo enguedéllase ou enrédase cos supostos do nacionalismo, cando cres ti que temos unha idea clara e medianamente definida do nacionalismo para alá das circunstancias políticas que o definen?
O nacionalismo en Galicia quedou perfilado como ideoloxía xa no tempo das Irmandades da Fala, cara ós anos vinte do século pasado. Na súa definición foi moi importante o papel de Antón Vilar Ponte e de Vicente Risco. Xa ten case cen anos de historia.
Cal é a diferenza ao teu ver entre nacionalismo e arredismo ou independentismo?
Ben, o independentismo é unha opción posible, unha das formas nas que se pode plasmar o exercicio da soberanía. O nacionalimo ten unha virtualidade pluralista grande; existen varias posibilidades, e convén moito que haxa un certo espírito de converxencia para sumar forzas, pois hai un interese común entre todos.
A alimentación pode ser un fundamento esencial da historia, do desenvolvemento do mundo galego?
Na miña opinión, os nosos gustos e desgustos (tabús, como o dos cogomelos: o pan do demo) conforman a través de historia un claro sinal de identidade. E está moi ben a querencia pola nosa gastronomía tradicional, pero tamén temos que innovar –a pode ser sobre a base das nosas raíces tradicionais–, ser creativos en todo e polo tanto tamén no eido culinario. Neste sentido, constitúe un feito constatable a extensa propagación nun amplo conxunto da poboación consumidora, dunha mentalidade culinaria que pon primordialmente a énfase, dun xeito probablemente excesivo, na importancia que reviste o produto da terra ou do mar de Galicia. Fíase todo á calidade, bondade e frescura de dito produto. Téndese a pensar que como o alimento presenta unha calidade excelsa non é preciso facer máis nada con el. Só hai que respectalo e preparalo da maneira máis sinxela posible. A xenerosidade da natureza aforroulles aos homes de pasaren traballos. Segundo esta concepción, de tinguiduras roussonianas e inxenuístas, a culinaria non ten apenas un papel que cumprir máis que o de respetar o máximo posible o alimento. A mitificación do produto –perceptible asemade na propagación, dende os anos setenta, de festas gastronómicas en toda Galicia, consagradas a un produto ou preparado culinario tradicional (a festa do santo-produto foi substituíndo paseniñamente a dos santo-patrón parroquial)– emboutou o desenvolvemento da imaxinación dos cociñeiros e creou as condicións para a obliteración da creatividade culinaria en xeral. Non semellaba, en efecto, necesario realizar innovación ningunha. As fórmulas culinarias coñecidas e comunmente aceptadas de preparación da materia prima parecían amplamente satisfactorias. Pódese conxecturar que este naturalismo gastronómico de impronta naïf, fomentou unha culinaria que alguén podería tildar de narcisista a autocompracente nas receitas logradas, e dende logo pouco ousada.
Cal é a idea e a esencia que podemos ter da liberdade se non é como conquista?
A liberdade é o requisito dunha vida digna e estimable. Soamente os "pancistas", os que basean o seu sistema filósófico e o seu xeito de ver o mundo nesa zona concreta do corpo que é a panza –Risco chamaríalles "filisteus"– desdeñan a importancia da liberdade como requisito dunha existencia con calidade integral de vida. Custounos moitos conseguir a liberdade de que gozamos e temos que perseverar na preservación dela e mesmo na ampliación dos seus lindeiros. Isto é especialmente aplicable á liberdade colectiva, a de Galicia, claro.
De todos os libros que levas escrito, con cal estás máis satisfeito, no nobre sentido da palabra?
Un non pode nisto "tirarse da moto". Un pode estar máis ou menos contento co que fixo, pero hai que ser un pouco críticos. Todos os meus libros supuxeron un esforzo grande e moito tempo de dedicación. O que queda máis atrás, O galeguismo na encrucillada republicana, supuxo un traballo notable para conseguir estruturar tanta documentación. Pero comprendo que é de lectura ardua. Nos últimos libros tratei de combinar a investigación coa divulgación grata, que sexan bos de ler e non lle caian das mans ao lector. Así fixen A lume manso, a historia da vida cotiá e o que vai saír agora, A rosa do viño, sobre a cultura do viño en Galicia, publicado pola editorial Galaxia.
Cóntame algo a propósito do galeguismo na encrucillada republicana e , xa que logo, na española?
É moi dificil resumir algo que se dilata tanto no tempo; o mellor é ler o libro no que trato a cuestión, e tamén o recente de Beramendi: De provincia a nación, no que dá conta desa historia complexa, que tivo momentos de tensión. Creo que o termo ‘encrucillada’ expresa ben a dialéctica do nacionalismo galego no contexto español.
A historia ben contada ten un común denominador que os historiadores poderían aclarar?
Resulta primordial contar ben a historia, como nos ensinou por exemplo en Francia Georges Duby, que combinou tan ben o rigor coa habelenza narrativa, na procura de interesar ao lector. Hai que evitar que aparezan demasiados intermediarios non ben documentados e con espírito sensacionalista, comercial, a divulgar mal o que os historiadores investigan. Moitos dos autores de bestsellers de novela pretendidamente histórica resultan nefastos, deturpan a historia, enganan o lector desavisado.
Diacronicamente a Historia de Galicia é imperfecta por baixos metodolóxicos?
Creo que hoxe en día non, afortunadamente. Os historiadores profesionais están ao día no quefacer metodolóxico, publican fóra, van a congresos.
Son as monarquías, incluso as eufemisticamente denominadas parlamentarias, a antítese ou o antogónico das repúblicas internacionalistas e democráticas?
A monarquía é un xeito periclitado de forma de Estado, un vestixio do pasado. É a república quen harmoniza acaidamente coa idea de democracia, iso está claro. O problema é que por veces, nalgunhas conxunturas históricas, non resulta doado establecer o que un prefire e hai que ir tirando como se pode, polo menos provisoriamente, ata que sexa outra a correlación de forzas…
Un Estado federal en España podería recoñecer o tamén eufemismo de "nacionalidades histórica" como unha nación real?
Podería suceder iso, as fórmulas lingüísticas dependen tamén da correlación de forzas nun momento histórico dado. Para poder ser claros, hai que ser fortes.
A historia e a historiografía en Galicia gozan neste momento de boa saúde?
Eu diría que si, polo menos está mellor que nunca.
Cultura e historia, no senso máis amplo da palabra, porque entendo que a historia, despois de todo, tamén forma parte da literatura. Vivimos un momento importante ou remexémonos entre as luces e as sombras, a saber...?
A historia e a literatura do que falan é da vida, e axudan a entedela, e tamén a enriquecen. Saber máis, a aventura do coñecemento, non hai dúbida que é algo que engrandece a vida.
Como funciona o galego na universidade galega, ao teu ver, Xavier?
A universidade está nun momento delicado. A verdade é que hai pouco entusiasmo. Todo o papelame está en galego, pero somos poucos os profesores que damos as clases no noso idioma, e os alumnos tampouco mostran demasiado interese polo tema. Fai falla outra actitude máis positiva. Nesto senso, a ofensiva do goberno se cadra pode contribuír a unha reacción de defensa do galego, tamén na universidade, como está a acontecer na sociedade.
Que libro aínda non escribiches e pensas escribir?
A historia das tabernas e dos cafés.
Con palabras, Xavier, poderías facer un retrato do historiador galego con relación aos historiadores do imperio nostálxico español?

En síntese, o historiador galego non cae na grandilocuencia; adoita ser máis modesto, e ten os pés na Terra.
Tes algún libro de cabeceira ao que regresas cunha certa asiduidade?
Os ensaios de Montaigne.
Con respecto aos credos, e cun mínimo de consideración pola miña parte, cal é o teu posicionamento?
Non gusto das proclamas de posicionamentos. Eu escribo en galego, a miña tese de doutoramento foi a primeira que se leu en galego na Facultade de Historia, dei sempre clases en galego, mesmo cando estaba prohibido, e quero ao meu pais.
Unha República Galega Socialista será posíbel algún día?
Por riba da terminoloxía, agardo que sexa posible que Galicia sexa un país soberano e os galegos poidan gozar dunha vida satisfactoria sentíndose solidarios con todas as demais xentes deste atribulado planeta.

27 nov 2009

O furacán catalán
O presidente Montilla agradécelles á prensa e á sociedade civil o seu apoio á "iniciativa histórica" do editorial conxunto de doce xornais en defensa do Estatut
Galicia Hoxe, 27.11.2009


O presidente catalán, José Montilla, agradeceulles onte á prensa editada en Cataluña e a todas as entidades civís a súa adhesión ao editorial conxunto de apoio á constitucionalidade do Estatuto catalán, unha iniciativa de doce rotativos cataláns que definiu de "histórica". O xefe do Goberno catalán asegurou, nun comunicado, sentirse "identificado" no contido do texto editorial, que recibiu "con satisfacción".
O presidente catalán agradeceu a publicación deste texto conxunto "tanto polo seu simbolismo como porque reflicte perfectamente a ampla unidade que hai na sociedade catalá na defensa do Estatuto e da vía institucional para expresar os desexos e aspiracións do país".
O presidente catalán reiterou que tanto el mesmo como o Govern no seu conxunto están "comprometidos na defensa do pacto político que os cataláns ratificaron co seu voto". Así mesmo, Montilla afirmou que o xesto das empresas editoriais "supuxo un grande apoio na tarefa de facer chegar toda a voz e a vontade dos cidadáns de Cataluña".
Doce diarios cataláns publicaron onte un editorial conxunto en defensa do Estatut no que subliñan a expectación pola sentenza do Tribunal Constitucional (TC) e advirten: "Se é necesario a solidariedade catalá volverá articular a lexítima resposta dunha sociedade responsábel".
Os principais rotativos cataláns que se sumaron a esta iniciativa iné- dita son El Periódico, La Vanguardia, Avui, el Punt, Diari de Girona, Diari de Tarragona, Segre, La Mañana, Regió 7, El 9 Nou, Diari de Sabadell e Diari de Terrassa e a el adheríronse ao longo do día as tres emisoras de radio catalás, Catalunya Ràdio, Rac1 e COM Ràdio e innumerábeis colectivos. O final do día converteuse nun alude de apoios, non só de partidos, senón tamén de institucións civís e económicas, así como de medios de comunicación e incluso de miles de internautas en foros e grupos en Facebook.
A dignidade de Catalunya é o título do editorial conxunto no que se recorda que o TC leva tres anos de "lenta deliberación e de continuas escaramuzas tácticas que danaron a súa cohesión e erosionaron o seu prestixio". Recordan os rotativos cataláns que coa esperada sentenza sobre o Estatut será a primeira vez, desde 1977, que o alto tribunal se pronuncie sobre "unha lei fundamental referendada polos electores".
O TC "foi empuxado polos acontecementos a actuar como unha cuarta Cámara", segundo este editorial no que se recorda que dos doce maxistrados que compón o tribunal, "só 10 poderán emitir sentenza", xa que Pablo Pérez Tremps foi recusado e Roberto García-Calvo faleceu.
Ademais, subliña o artigo, dos dez xuíces, "catro seguen no cargo despois do vencemento do seu mandato, como consecuencia do sórdido desacordo entre o Goberno e a oposición".
Tras recordar os "puntos de fricción" do debate, como a definición de Cataluña como nación, o catalán e as relacións entre o Estado e a Generalitat, advirte de que "unha parte significativa do tribunal parece estar optando por posicións irredutíbeis".
"Hai quen volve soñar con cirurxías de ferro que cernen de raíz a complexidade española", asegúrase no artigo editorial.
Os rotativos consideran que coa sentenza do TC está en xogo "o espírito de 1977" que fixo posíbel a transición española e expresan o seu temor de que se estea preparando "un verdadeiro ferrollo institucional". Neste punto, recordan "un dos principios vertebrais do noso sistema xurídico, de raíz romana: Pacta sunt servanda. O pactado obriga".
Advirten da preocupación que hai en Cataluña sobre esta cuestión e afirman: "Hai unha crecente fartura por ter que soportar a mirada irada dos que seguen percibindo a identidade catalá (...) como o defecto de fabricación que lle impide a España alcanzar unha sonada e imposíbel uniformidade". "Non estamos, advirten os rotativos, ante unha sociedade débil, prostrada e disposta a asistir impasíbel ao menoscabo da súa dignidade".
AS DECLARACIÓNS
O PSC rexeita un cumio de líderes
O PSC rexeitou a proposta do líder de CIU, Artur Mas, de celebrar xa un cumio de líderes sen esperar á sentenza e aumentou na súa demanda a Mas de que renegue de pactar cun PP que é, na súa opinión, quen presiona ó TC e "agrede" a Cataluña. O secretario de organización do PSC, José Zaragoza, avalou o editorial publicado de forma conxunta por unha ducia de diarios con sede empresarial en Cataluña.
Para Lleida a sociedade é forte
O voceiro de CIU no Congreso, Josep Antoni Duran Lleida, cualificou de "exemplar e envexable" o editorial e advertiu de que a sociedade catalá non asistirá "impasible ó menoscabo da súa dignidade". Duran destacou que o editorial é "claro e respectuoso". "Non estamos ante unha sociedade débil disposta a asistir impasible ó menoscabo da súa dignidade", recalcou e pediu o "liderado" para Cataluña.
Carod-Rovira: "É un feito singular"
O vicepresidente da Generalitat, Josep Lluís Carod-Rovira, cualificou de "feito singular e positivo". "O editorial pide respecto para a libre opinión da sociedade catalá expresada libremente nas urnas e fai tamén unha reflexión xeneralizada dicindo que xa basta de segundo que tipo de situacións", engadiu o vicepresidente da Generalitat. "Celebro moito este editorial preventivo antes da sentenza do Tribunal Constitucional".
Ciutadans pide respecto ao TC
O PPC e Ciutadans non avalaron o editorial. A presidenta do PP catalán, Alícia Sánchez-Camacho, pediu "respecto" polos que, como os populares, queren un Estatuto catalán "plenamente constitucional", e recordou que "a dignidade dos cataláns pasa por solucionar a crise económica". Albert Rivera, presidente de Ciutadans, cualificou de "inaceptable" a "presión" e acusou a Generalitat e a CIU de "aproveitarse" dos xornais.
Os sindicatos aplauden a idea
Os sindicatos CCOO de Cataluña e USOC aplaudiron onte a iniciativa de doce diarios. CCOO alertou das "frustracións e incomprensións" que podería xerar unha sentenza negativa que recortase as competencias da principal lei catalá, provocando "aínda máis desafección entre a cidadanía e a política". O sindicato insta a non esperar a sentenza para despregar as súas potencialidades.


A nación sen cidadáns

José Carlos Bermejo recrea a historia de Galicia

e da humanidade nun libro no que reivindica unha cultura escrita verdadeira

Galicia Hoxe, 27.11.2009 M. DOPICO . SANTIAGO


"Galicia é unha patria sen pobo, unha nación sen cidadáns e unha cultura sen pensamento". O historiador José Carlos Bermejo Barrera comeza con esta frase tan provocadora un dos capítulos do seu libro Auténticas e verdadeiras historias nas que se conta como Galicia chegou a ser unha terra baldía e o que lle pasou á humanidade, que presentou onte na libraría Couceiro de Santiago.
Editada por Lóstrego, a obra, que o seu autor define como un "libro de filosofía", -ao xeito das sátiras filosóficas do século XVIII-, reivindica a reescritura da historia alén do discurso oficial, xa que, ao seu ver, "a cultura galega escrita está totalmente fóra da realidade. Toda a historia de Galicia é mentira. A historia e a filosofía caeron nun discuso baleiro, afastado da realidade".
Auténticas e verdadeiras historias presenta, así, un peculiar, irónico e metafórico percorrido pola historia de Galicia e da humanidade, alicerzado na crítica ao poder e na recuperación das voces dos excluídos: as putas e en xeral as mulleres, os mortos, os nenos...
Para iso, propón un xogo, no que feitos, anécdotas e documentos históricos reais, persoeiros da filosofía, mitos gregos, lendas, argumentos teolóxicos... se artellan nun relato non liñal, con elipses temporais, no que conviven personaxes que non foron contemporáneos como Platón e Nietzsche.
A historia arranca a partir dun extracto do Ora Marítima de Avieno sobre Oestrimnia, -Galicia-, o país abandonado polos seus habitantes tras ser invadido polas serpes. "É unha lenda, que foi moi común nos textos antiguos. Cuevillas colleuna dun historiador alemán, e defendeu que os oestrimnios foran os primeiros habitantes de Galicia... Se os oestrimnios tiveron que marchar por causa das serpes, os galegos verdadeiros estarían desaparecidos, entón toda a historia de Galicia que despois se escribiu sería mentira. Ese é o xogo", indicou.
O libro mantén un ton de burla, de sátira, que contén ademais a autocrítica. "Os "gramáticos" dos que falo son os intelectuais. Presento os filósofos como fetos..., e non porque non os respecte, senón como un xeito de reducilos a unha forma humana...", salienta. "A vida académica é un intercambio de honras, favores e beneficios", escribe. As mulleres son, na obra, as inventoras da cultura verdadeira que permanece agochada: dos nomes, das palabras con significado, as gardiás e lectoras secretas dos libros.
"Eu diría que é un libro feminista", sinala o autor, que achega unha curiosa revisión da metáfora do contrato social ben afastada das de Rousseau e Hobbes: os puteiros compiten para pagar as putas con alimentos, roupas e abelorios cada vez máis perfeccionados...
Bermejo ironiza sobre o minifundismo, o crecemento urbanístico descontrolado, o culto á gastronomía, a creación da historia do "gran morto" (Santiago) para unir o pobo polo menos de cara ao exterior, a redacción de leis que nunca se aplican, a construción de "edificios monumentais", pero "baleiros" -en referencia á Cidade da Cultura-, o desenvolvemento da moda a partir da procura dos ricos dun xeito de diferenciarse dos pobres...
Pero tamén fala de moitas das claves da historia da humanidade: a distinción que as comunidades humanas trazan entre o "nós" e os "outros", a creación das clases sociais, a invención da fe relixiosa, dos oficios e a división do traballo, do Estado, da familia, do dereito, dos exércitos e a industria armamentística, do capitalismo, a simbiose da cultura co poder...

A volta dos oestrimnios
Na presentación do libro onte en Compostela, Bermejo leu un texto no nome dos "oestrimnios". "Queriamos ter vivido aí, pero non puidemos, porque non podiamos vivir sen dignidade e sen esperanza", comeza a "mensaxe". "Pero non puido ser, porque cando falamos ninguén nos quixo escoitar. Durante séculos oíronse nos aires de Galicia millóns de palabras que non tiñan ningún significado. As palabras nunca deixaron de fluír. Quen as dicía non podía dicir nada, porque non tiñan nada que dicir. Con todo nunca deixaban de falar". "Como non podían falar de nada nin de ninguén, en realidade só podían falar de si mesmos. Eles falaban porque eran sabios, e por iso sabían cal era o xeito correcto de falar"... segue o texto.
O libro pode provocar o riso, ou polo menos o sorriso, nalgunha das súas 191 páxinas, aínda que o obxectivo do seu autor vai máis alá da diversión: é suscitar a reflexión. "Ríome, primeiro, de min mesmo, de nós os intelectuais", subliña.

25 nov 2009

A verdadeira Rosa Díez
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO
Galicia Hoxe, 25.11.2009

O tempo, a realidade e as circunstancias van labrando, aos poucos, o verdadeiro perfil de Rosa Díez. Acaba de celebrar o seu persoal partido o seu primeiro Congreso e váiselle vendo cada vez máis o penacho a esta muller que proclama que non é "nin de dereitas nin de esquerdas". Eu teño dito -aínda ela a militar no PSOE e a cobrar como eurodeputada do partido- que habería que realizar un estudo sobre o perfil psicolóxico-político desta muller tan admirada pola Fundación para la Defensa de la Nación Española e tan valorada pola Falange Auténtica, organización esta última que non hai moito presentaba un libro titulado"La coreografía azul de Franco e que lle ofreceu no seu día a Rosa Díez, non sen entusiasmo, a súa integración como independente nas súas candidaturas. Xa ven vostedes. A que fora conselleira de Turismo e Comercio do Goberno vasco, con Ardanza de lendakari, propón agora, através do seu particular partido político, borrar da Constitución calquera referencia ás distintas "nacionalidades" que conforman o Estado español; e aínda vai máis alá esta Rosa de España Única, porque tamén pide eliminar a especial "protección e respecto" á pluralidade lingüística. Vexan senón o que di a Bárbara Señora e o seu partido ac hoc en bárbara expresión: "Una protección adicional de las lenguas minoritarias va en contra de los derechos de los hablantes, y es retrógrada". E velaquí unha nidia vocación etnocida, con pulsión destrutiva e salvaxe á vista, claramente regresiva e nostálxica da placidez franquista, en estado puro. Rosa Díez estase a manifestar, cada vez máis, como nacionalista española radical, aínda que ela no seu delirio político narcisista non teña a necesidade de definirse ou sentirse como tal. E podería aplicárselle perfectamente -ela tan soberba e vaidosa até a exasperación doentía, e tan exhibicionista de virtudes- aquilo que dicía Nietzsche: "O que nega a súa propia vaidade adoita posuíla en forma tan brutal, que debe pechar os ollos se non quere desprezarse a si mesmo".
Ilustración da revista Vida Gallega, anos 50.

24 nov 2009

A cen por hora
AFONSO VÁZQUEZ MONXARDÍN
Galicia Hoxe, 24.11.2009


É curioso como a lingua tende sempre á fosilización. Se vostede di a cen por hora halle parecer que fai referencia a unha grande velocidade. E o certo é que se vai por unha autoestrada a esa velocidade vaino pasar todo o mundo. Cen por hora é pois xa unha velocidade moderada porque cambiaron as circunstancias que a rodean -estradas, coches...- que, non fondo, son o que caracterizan calquera cousa. Así pois moitas veces o que entendemos representa o contrario ao que de partida significa a frase no seu sentido máis plano, en función do tempos. Na Arxentina, ben o lembro, hai vinte anos, escandalizábanse coa expresión castelá de puta madre pensando que, loxicamente, quería significar unha cousa horrible, espantosa. Se cadra por esa desvinculación das palabras da realidade e polo propio feito de que poidan significar o contrario ao que din, non lles teño demasiada lei ás palabras nin ás declaracións ou sentenzas que escoito. O outro día un xuíz de Madrid dixo unha parvada sobre a custodia dunha nenas e as linguas nas que estudarían de estaren en Vigo. Pero como sei ben que a estupidez é un ben repartido moi democraticamente, tanto me ten que o diga un xuíz de Alcorcón como un chapista de Denia ou un labrador da horta murciana. Outro xuíz podería dicir que, que ben que viñese a Vigo porque coa humidade ambiente habíaselles resecar menos a pel ou un xuíz de Vigo que non debería ir a Madrid porque perdería unha das linguas que tería posibilidade de falar.
En fin, tanto me ten, porque por sorte o falar non ten cancelas e as palabras lévaas o vento. Pero se quen ditamina é un tribunal colexiado e reunido ad hoc aí xa me interesa algo máis o choio. Por iso, o mesmo día que se publicitaba o do xuíz de Alcorcón que remoía temores absurdos, espallábase a nova de que o supremo ditaba unha importantísima sentenza na que viña bendicir a introdución de materias no ensino só en lingua galega -sen optatividade nin farrapo de gaitas- e aínda lle ferraba ao pai protestón que defendía o dereito á ignorancia (da lingua galega) do seu fillo -non quería ningunha materia en galego-, unhas custas de 600 euros. Pouca cousa, pero en fin, tanto ten. E nestas andamos e vén a Rosa Díez -de quen defenderei sempre e en todo lugar o seu dereito á palabra libre- cando vai e solta outro couce lingüístico que non lembro ben. Cando Jack Swigert, naquel Apolo XIII o 11 de abril de 1970 dixo o de "Huston, temos un problema" quería dicir que o tiñan alí arriba e nos despachos da NASA. A todos abranguía. Íalles a pel nel. Rafael Ninyoles dixo algo así como que a España monolingüe era o espazo europeo máis furibundamente monolingüe, e creo que non anda moi descamiñado. Por iso moitos queren pescar nese mar interior. Ou sexa, Madrid, temos un problema".
(Imaxe, esquina Gran Vía coa rúa Abada, en Madrid).

22 nov 2009


Sobre o Outono Fotográfico.

Alfonso Vázquez Monxardín

La Región 21.11.09
....................................................
Foto superior, de Eduardo Núñez. Inferior, de Óscar Rodríguez Nogueira.
....................................................
Din que ten dito Baltar nos mitins electorais: ‘Acúsanme de colocar aos amigos...’, e a continuación espetaba: ‘¿E logo algún de vós ía colocar aos inimigos, ou?’. E seica a xente ría despreocupada. Se cadra non é certo e estamos ante unha lenda urbana, pero en calquera caso eu vou facer hoxe algo semellante. Vou falar ben dun amigo, porque del non ía falar mal, ¿non cren? Ademais de inxusto sería difícil porque se hai un mínimo de consenso social na xente que anda nas cousas da cultura da cidade, sexa un de esquerdas ou dereitas, nacionalista, estatalista ou anarquista, loiro ou moreno, dos que lles gusta a tortilla con cebola ou sen ela, esta idea común é que o Benito Losada é un gran tipo; accesible, amable e magnífico xestor. Un deses que pode traballar intensamente sen cara de agobiarse e que sempre facilita as cousas a todo o mundo. Creo que daría un bo concelleiro, conselleiro ou incluso confiteiro de Cultura, pero, claro, nin están libres os postos nin el, estou seguro, os querería. En fin. Que se lle vai facer. O caso é ir indo.¿E esta gabanza? Pois arestora vén a conto do Outono Fotográfico como noutro momento podía ser pola Bienal da Caricatura ou noutro polo Concurso de Contos da Casa da Xuventude.O Outono Fotográfico anda xa pola edición 27. Ou sexa, hai vinte e sete anos que vén furrulando e medrando a cousa. Edita uns catálogos preciosos que forman parte fundamental da historia da fotografía de Galicia. E move moito, moito. Este ano monta 50 exposicións individuais e 36 colectivas, ou sexa 86. E aínda outras 10 actividades de concursos, proxeccións, saídas fotográficas... Ou sexa, 96 actividades todas coordinadas. E participan en total máis de 400 fotógrafos. E faise en vinte e cinco cidades e vilas de Galicia. En todas as vilas de Ourense e en Monforte, Lugo, Lalín, Santiago, Oleiros e incluso Barcelona. En 71 lugares entre salas de exposicións, casas da cultura, bares, etc. Destes espazos, 37 son na nosa cidade.¿E quen fai isto posible? ¿Persoal? ¿Presuposto? ¿Coordinación editorial? ¿Coordinación de axendas? ¿Encargado do correo e contactos? ¿Redacción dos proxectos e textos? Pois velaí o máis bonito do conto, a cerna, o motivo último desta gabanza amical. Cun presuposto de 15.000 euros en total -incluída a edición do libro-, cunha dedicación súa parcial -pois non pode descoidar as súas outras obrigas na dirección da Casa da Xuventude- é capaz de mobilizar todas esas forzas. ¿E saben por que? Porque é un home de lei, de palabra, xestionando con eficacia e ilusión e facendo que se ilusionen os participantes nese proxecto colectivo aberto e dinámico. E para iso non fai falta traer interesados caretos do famoseo, nin abafar as árbores con centos de carteliños de aglomerado, nin facer desproporcionados ‘actos sociais’ con carísimas parafernalias. Chega con facer as cousas ben, moi ben, e provocar esas ‘sinerxias’ que o dicionario define como ‘accións de duas ou máis causas cuxo efecto é superior á suma dos efectos individuais’. Ou sexa, Benito logra que 2 + 2 sexan 5 ou máis. E iso ten moito mérito, sobre todo en tempos de tribulación como os presentes.

20 nov 2009

PROPOSTA INSTITUCIONAL
SOBRE A LINGUA GALEGA
AO PARLAMENTO DE GALICIA

1.
Segundo a Lei do Parlamento de Galicia que o creou, que pola súa vez desenvolve un mandato do Estatuto de Autonomía de Galicia (art. 32), o Consello da Cultura Galega é un organismo oficial da nosa comunidade autónoma que ten como finalidade principal a defensa e promoción dos valores culturais galegos (Lei 8/1983, do 8 de xullo, art. 1º). Entre as competencias que lle atribúe a dita lei cóntanse a de “fomentar a lingua e a cultura galegas” (art. 6º, a) e a de “elevar aos poderes da Comunidade autónoma informes e propostas a favor da defensa e promoción” dos devanditos valores culturais (art. 6º, e).
Ante o intenso debate social e político que se está a producir en Galicia arredor das políticas relacionadas coa lingua galega, en exercicio da responsabilidade e das atribucións que a Lei lle confire, o Consello da Cultura aproba o presente memorando para a súa consideración por parte do Parlamento de Galicia, da Xunta e da opinión pública galega.

2.
O debate sobre as linguas en Galicia foise intensificando nos últimos anos e acabou derivando nunha controversia política e social envolveita nunha excesiva virulencia, e polo mesmo, ao noso entender, seriamente prexudicial para os intereses xerais do país. Sen dúbida, as discusións públicas son benvidas, como síntoma tanto da vitalidade da nosa democracia canto da preocupación, amplamente espallada na nosa sociedade, sobre os camiños máis acaídos para ordenar a nosa convivencia, procurando un estatus de normalidade á lingua propia de Galicia, sen mingua dos dereitos dos cidadáns e cidadás que teñen como lingua habitual o castelán.
O que resulta negativo e ata pernicioso para o clima social, e particularmente para o idioma galego, é que os ditos debates dexeneren en polémicas irracionais, nas cales se chegan a poñer en cuestión as bases sobre as que se sustenta a nosa identidade e cohesión social, e incluso a propia lexitimidade das políticas de promoción do galego.En concreto, a asociación entre o idioma galego e a imposición, dunha banda, e o idioma castelán e a liberdade, da outra, resulta unha groseira falsificación da realidade que carece de toda base na historia, remota e recente, do noso país.
Estamos cabalmente convencidos de que o obxectivo de arranxar unha organización equitativa da nosa convivencia lingüística, claramente sinalado na nosa lexislación, non só é compatible cun esforzo sostido a prol da promoción do idioma galego como lingua propia de Galicia (tal como sinala o Estatuto de Autonomía), senón que o esixe, pois esta (a lingua galega) precisa dun apoio especial para superar a súa posición actual de desvantaxe, resultado do maltrato que recibiu no pasado. Aínda máis, temos a certeza de que a convivencia das dúas linguas oficiais de Galicia, galego e castelán, non é unha fonte de problemas e complicacións, senón un potencial de fortaleza e de riqueza da nosa sociedade.
O galego e o castelán son recursos valiosísimos para Galicia, e a igualdade plena entre eles constitúe un reto de futuro que debemos saber afrontar. Un reto inseparable da necesaria capacitación da poboación galega en linguas de difusión internacional, nomeadamente o inglés e o portugués, isto é, na difusión da competencia plurilingüe que vén esixida polas novas tendencias do mundo contemporáneo.

3.
O fomento dun clima de controversia social e de enfrontamento entre falantes dunha e outra lingua, o discurso da acusación e da sospeita constante contra o galego, deben ser substituídos por unha atmosfera de debate sereno e informado e pola procura de acordos amplos que permitan restablecer unhas bases sólidas desde as que encarar un desafío e un proceso históricos, como é o da recuperación do galego. Será imposible avanzar cara a este obxectivo a base de improvisación e da imposición, de medidas que non conten cun amplo consenso político, social e institucional.
Somos conscientes de que o problema da lingua non se esgota nas medidas das institucións públicas nin no ámbito dos programas e debates políticos, senón que é unha cuestión que atinxe á sociedade no seu conxunto. Resulta indiscutible que a responsabilidade sobre a recuperación da lingua debe ser partillada polo conxunto do país. Dito isto, non deixa de ser certo que, tal como establece a lexislación vixente, os poderes públicos están investidos dunha responsabilidade especial. En particular, á Xunta de Galicia corresponde exercer o liderado dese proceso de recuperación e dignificación do idioma galego, como está inequivocamente plasmado nas nosas leis.

* * *
4.
Ao entender do Consello da Cultura Galega, as liñas xerais da política lingüística en Galicia deben apoiarse nunhas bases firmes, que non son outras que un amplo consenso social e político –coma o que serviu de base para a aprobación no seu día da Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega–, e o respecto ao conxunto da nosa lexislación lingüística básica, en particular a devandita Lei de Normalización Lingüística. Nela queda asentado que o galego, como lingua propia de Galicia, é a que a representa politicamente. Será oportuno lembrar os artigos que constitúen o espiñazo desta Lei:
Art. 1.- “O galego é a lingua propia de Galicia.”
Art. 4.- “O galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial das institucións da Comunidade autónoma, da súa Administración, da Administración Local e das Entidades Públicas dependentes da Comunidade Autónoma.”
Art. 10.- “Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega.”
Art. 12.- “O galego, como lingua propia de Galicia, é tamén lingua oficial en tódolos niveis educativos.”
Art. 18.- “O galego será a lingua usual das emisoras de radio e televisión e nos demais medios de comunicación social sometidos a xestión ou competencia das institucións da Comunidade Autónoma.”
Art. 20.- “Serán obrigas da Xunta de Galicia:
1. Fomentar a produción, dobraxe, a subtitulación e exhibición de películas e outros medios audiovisuais en lingua galega.
2. Estimular as manifestacións culturais, representacións teatrais e os espectáculos feitos en lingua galega.
3. Contribuír ao fomento do libro en galego, con medidas que potencien a produción editorial e a súa difusión.”
En concreto, no ámbito do ensino, a Lei de Normalización Lingüística marca uns límites e uns obxectivos que necesariamente enmarcan a acción do goberno:
a) os rapaces e rapazas teñen recoñecido o dereito á primeira escolarización e alfabetización na súa lingua materna (art. 13, 1)
b) ao remataren os ciclos de ensino obrigatorio, os estudantes deben posuír unha competencia equiparable nos dous idiomas oficiais (art. 14,3)
c) o alumnado non pode ser separado en centros nin aulas diferentes por razóns de lingua (só se admite a separación por aulas con carácter excepcional) (art. 13, 3)
En relación co Plan Xeral de Normalización Lingüística, o seu valor como punto de referencia queda de vulto ao ter en conta que foi aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galicia en 2004, gobernando o Partido Popular, e ratificado tamén por unanimidade en outubro de 2008, baixo un goberno de coalición PSdG-PSOE / BNG. Por tanto, foi aprobado en dúas ocasións por unanimidade, baixo gobernos de distinto signo político.

* * *
5.
En consecuencia, o Consello da Cultura Galega, que desde a súa fundación vén realizando sucesivos informes e traballos sobre esta cuestión, considera necesario trasladar ás institucións e á opinión pública as seguintes consideracións:
A) As liñas mestras da política lingüística en Galicia, e calquera modificación substantiva da normativa legal vixente, deben ser arroupadas por un amplo consenso político, social e institucional. Un consenso necesario porque a lingua é unha cuestión que forma parte esencial da autonomía galega, e debe permanecer a resgardo dos vaivéns políticos e dos cambios de goberno.
B) Calquera que sexa a orientación adoptada polos gobernos galegos no ámbito da política lingüística, en ningún caso se deben tomar medidas que supoñan pasos atrás no proceso de recuperación do galego como lingua propia de Galicia, co obxectivo de situalo en pé de igualdade co castelán.
C) Os responsables políticos en xeral e o goberno galego en particular deben impulsar un discurso público en que o idioma galego deixe de formularse en termos de problema e pase a comprenderse en termos de recurso ou activo social. A coexistencia de dúas linguas oficiais en Galicia non é nin debe contemplarse como unha fonte de complicacións, senón como unha riqueza e unha oportunidade para o noso país, na medida en que a posesión dunha lingua propia reforza a nosa identidade, nos socializa arredor dun proxecto común e nos sitúa perante o escenario da globalización e dos novos tempos, co conseguinte valor económico, político e social.
D) Na procura dunha política equilibradora da posición e da consideración social do galego, e como garantía da capacitación nel das novas xeracións, o goberno galego debe dispor dos recursos necesarios (económicos, tecnolóxicos e humanos) para o seu eficaz desenvolvemento. Estas actuacións non deben reducirse ao ámbito educativo (a pesar da súa importancia capital), senón que deben ir dirixidas ao conxunto da sociedade, procurando concitar a colaboración activa dos axentes civís. O funcionariado e o conxunto das institucións e servizos públicos deben estar suxeitos a especiais obrigas de capacitación e de uso do galego, en función dos dereitos que os cidadáns (os galegofalantes igual ca os castelanfalantes) teñen recoñecidos.

6.
Á vista das consideracións devanditas, o Consello da Cultura Galega, en uso da facultade de asesoramento aos poderes públicos que a Lei da súa fundación lle atribúe, ACORDA, na súa sesión plenaria celebrada o día 17 de novembro de 2009, dirixirse ao Parlamento de Galicia, para propoñerlle que promova a constitución dunha Comisión Parlamentaria que, oídas as institucións, colectivos e expertos que considere oportuno convocar (e se así o require, co asesoramento do propio Consello da Cultura Galega), elabore unha proposta de desenvolvemento consensuado do Plan Xeral de Normalización Lingüística, proposta que debera elaborarse nos próximos meses e ter como horizonte de aplicación a presente lexislatura.
Ao tempo, o Consello da Cultura Galega fai un chamamento á intelixencia e á xenerosidade das formacións políticas, tanto no goberno coma na oposición en diferentes institucións, para unir vontades arredor dun valor social, o idioma propio, que debe ser sempre causa común e integradora, nunca motivo de discordia e confrontación.

En Santiago de Compostela, a 17 de novembro de 2009
O Congreso Manuel Luís Acuña rende homenaxe a Marcos Valcárcel
Abriu fogo Francisco Fernández Rei, cunha conferencia titulada Prestixiando o galego: de Acuña a Valcárcel, centrada na construción do galego literario, do que formaron parte ambos autores e na que fixo un repaso pola evolución da lingua desde Rosalía ata os nosos días. De Acuña destacou que se enmarca «na etapa diferencialista, cun galego moi coidado no léxico, moito del tomado do portugués para diferenciarse das formas máis próximas ao castelán»; mentres que de Valcárcel asegurou que «usa un galego estándar; e sería un crime verlle dialectalismos ou castelanismos».
La Voz de Galicia, 20.11.2009.
Foto: La Región

18 nov 2009



Liberdade 10, Galegofobia 0
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO
Galicia Hoxe, 18.11.2009
Martín Chirino.Raíz.


A galegofobia que dun tempo a esta parte deu en amosar as súas facianas máis grotescas e as súas artes máis manipuladoras acaba de recibir unha perfecta resposta por parte do Tribunal Supremo. Andaban os galegófobos a encher a boca con iso da "libertad lingüística", falando arreo de "imposición" e de "libre elección de los padres" -no seu punto de mira sempre o galego- e vai o Supremo, órgano xurisdicional superior, e dilles mediante fallo xudicial que é "absurdo" permitir a libre elección dos pais no ensino, xa que abriría as portas a que todos puidesen reivindicar unha instrución impartida en calquera idioma e en calquera territorio. O Tribunal Supremo responde así a un recurso de casación interposto polo pai dun neno vigués (don Estanislao), que pretende que o idioma propio de Galicia non contamine, nin roce sequera, o seu fillo (Teófilo), pois este "cabaleiro da liberdade" esixe que Teófilo reciba todas as clases integramente en castelán. Cousas veremos. ¿En que país e baixo que leis pensa que vive o pai vigués? ¿Como se lle pode negar a un fillo o coñecemento da "lingua propia" do seu país? ¡Vaia coa "liberdade lingüística" que defende don Estanislao! O propio Supremo ten que lembrarlle que "a Administración educativa, como a Administración en xeral, está suxeita ao bloque da constitucionalidade, do que non só forma parte a Constitución, senón os Estatutos de Autonomía, como constantemente recorda o Tribunal Constitucional". Eu recoméndolle a don Estanislao que lea -en castelán, se quere, que existe tradución- o Estatuto de Autonomía de Galicia, e en particular o seu Artigo 5. E tamén lle recomendo ao cabaleiro vigués da imposición/discriminación que repare no seguinte parágrafo da sentenza do Supremo: "A discriminación produciríase precisamente no caso de que a Administración autorizase o pretendido polo demandante, no sentido de permitir que, a criterio do peticionario, se puidera cursar un determinado tipo de estudo con esquezo ou marxinación de unha das linguas concorrentes".

15 nov 2009

Plataforma
Lingua de Liberdade
"Galego, Patrimonio da Humanidade" insta a Núñez Feijóo nun acto cívico a recuperar o consenso arredor do idioma e crear un marco estable para a súa protección
Galicia Hoxe, 15.11.2009, V. OLIVEIRA . SANTIAGO

Cun "a loita continúa" pechaba onte o sociólogo Fermín Bouza o emotivo acto cívico Lingua de liberdade que a plataforma Galego, Patrimonio da Humanidade celebrou en Compostela para "abrir á sociedade o debate sobre a lingua, demasiado circunscrito ao ámbito político", segundo remarcou un dos impulsores da plataforma, o sociolingüista Henrique Monteagudo. Un "comicio", como chanceou o presentador do acto, Cándido Pazó, no que oito persoas procedentes de diversos eidos profesionais -representantes sindicais, escritores, profesores, actores, doutores ou avogados- fixeron unha chamada ao respecto para o idioma propio de Galicia e a volta ao consenso, ante a inminente derrogación do decreto que regula o uso de galego e castelán no ensino.
Galego, Patrimonio da Humanidade -a plataforma cívica impulsada, entre outros, polo editor Manuel Bragado, o profesor Antón Baamonde ou o escritor Xabier P. Docampo- reclamou, por boca de Monteagudo, que "o PP galego volva ao consenso político e social e cree un marco estable para a protección da lingua". A plataforma tamén incidiu en que "os centros educativos que xa avanzaron na implantación do galego nas súas aulas non deben verse obrigados a recuar" se finalmente se cumpren as intencións de Núñez Feijóo de rebaixar os mínimos do galego nas aulas.
Monteagudo mostrou a preocupación polos "ataques á lingua por parte de sectores minoritarios, pero vencellados ao poder económico e mediático como o Club Financiero de Vigo" así como polo "enfoque do Goberno galego na desprotección do noso idioma e na deconstrución da convivencia social". O sociolingüista e secretario do Consello da Cultura Galega puxo de relevancia ademais a distancia entre galego e castelán para lograr "a plena igualdade efectiva e real" e a falacia dos que "asocian o galego coa imposición".
"Somos un colectivo aberto -dixo Monteagudo- e non queremos competir con outras plataformas. Traballamos nun clima de complementariedade e cun único fin: mobilizar a opinión pública en defensa do galego".
O sociólogo Fermín Bouza, catedrático de Opinión Pública da Universidade Complutense e autor do blog El voto con botas, manifestou o seu convencemento de que "Feijóo vai volver ao consenso" xa que, na súa opinión, "ten un buraco negro por ceder aos sectores máis ultras do seu partido que el nunca pensou. Se ten un dedo de fronte, vaise ter que dar de conta de que non é verdade o que pensaba, que unha maioría de castelanfalantes aborrecía ao galego". Ao seu ver, o problema creado arredor do idioma ten dúas vertentes: unha política, "na que -asegurou- vamos gañando xa que levamos a iniciativa social" e outra que chamou "técnica" na que inseriu "as dificultades de revitalizar unha lingua que foi perdendo camiño coa modernización do país".
UXT e CCOO piden a igualdade entre galego e castelán
O acto, que arrincou e rematou coa actuación de Roi Casal e a súa banda, contou tamén coas intervencións dos representantes sindicais de UXT, José Antonio Gómez e CCOO, José Manuel Sánchez Aguión. O secretario xeral de UXT considerou necesarios espazos de encontro como o de onte para conseguir un obxectivo: "convivir con dúas linguas en liberdade e sen que isto supoña un conflito social". O representante sindical pediulle a Feijó que "volva ao consenso" xa que "por un puñado de votos non se pode utilizar a lingua como un instrumento de ruptura social, cando nunca o foi, senón unha vía para o entendemento e a razón".
O secretario xeral de Comisións Obreiras rexeitou "os intentos do PP de utilizar a lingua como unha arma para conseguir os seus plans electoralistas" así como o intento do Executivo galego de "enfrontar as dúas linguas cooficiais". Ao seu ver, os idiomas "son patrimonio da cidadanía, vehículos de expresión e comunicación, dos que non se poden apropiar ninguén, nin un goberno nin unha ideoloxía".
Ao ver da ex conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, "a escola é o elemento máis poderoso para conservar a diversidade lingüística". Segundo a profesora, "cada vez que unha lingua se extingue é a humanidade a que perde" e defendeu o galego xa que "é nosa visión como pobo".
Para o ex deputado do BNG, Pablo González Mariñas, "a lingua non é patrimonio de ninguén". "Queren dividirnos e disolvernos na lingua de Castela, porque saben que cando se destrúe a lingua dun pobo, é moito o camiño avanzado na destrución dese pobo". "Nin mil, nin dez mil; primavera eterna para a nosa lingua!".
Asistiron ao acto varios representantes das filas socialistas como os deputados Francisco Cerviño, Xaquín Fernández Leiceaga e Ismael Rego, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo ou o presidente da Fegamp, Carlos Fernández; mentres que do BNG acudiron a deputada Carme Adán e a ex concelleira Encarna Otero. Tamén estaban presentes o reitor da USC, Senén Barro, o teólogo Andrés Torres Queiruga, os profesores Xosé Luís Barreiro Rivas e Luís Álvarez Pousa ou o escritor, guionista e cineasta Xosé Henrique Rivadulla Corcón.
Portas: "A maioría social ten que espertar"
O acto tamén contou cunha ampla representación social de distintos ámbitos profesionais como a avogada Mariluz Canal; a decana da Facultade de Matemáticas, María Victoria Otero; o profesor do Instituto Xelmírez I, Manuel Portas; a neuróloga Marisol López Facal, ou mesmo o estudante indio de doutoramento, Anik Nandi.
En opinión do profesor Manuel Portas, "é triste e patético que este sexa o único goberno do mundo que atenta contra o sinal de identidade que nos representa". O profesor lamentou que esta actitude "estea creando tensións que non existían na sociedade e nos centros educativos". Por iso considera que este tipo de actos poden facer "espertar á maioría social" e "recapacitar a Feijóo para que volva ao consenso".
A avogada Mariluz Canal considerou "unha mágoa que dende este colectivo non se defenda a lingua". Por iso reclamou "as ferramentas necesarias para que os profesionais da Xustiza poidan utilizar o idioma propio e para que o cidadán non deixe de falar en galego cando está diante dun maxistrado".
López Facal, doutora nun hospital da Coruña, laiouse de que, nun país no que "predominan as denominacións de orixe, queren que esquezamos a marca que máis nos identifica como pobo, a lingua".
Pola súa parte, a decana da Facultade de Matemáticas salientou que este centro se comprometeu co ensino en galego dende hai anos porque, dixo, "a lingua é o noso mellor aliado". María Victoria Otero manifestou que ten dous fillos que estudan en centros públicos e que non entenden o conflito creado arredor do galego. "Sumar sempre sae a conta en cuestión de linguas", apuntou.
Finalmente, interveu o estudante indio de doutoramento Anik Nandi, falante de seis idiomas -entre os que se inclúe o galego- que demostrou que "coñecer unha comunidade sen aprender a súa lingua é como coñecelo sen corazón".
Reixa: "A nosa ameaza é a intolerancia"
En representación do mundo literario e artístico, tomaron a palabra a actriz Tamara Canosa, o escritor e cineasta Antón Reixa e a profesora e autora Marilar Aleixandre.
Esta última fixo a alocución máis literaria pero non por iso exenta de reivindicación. "Unha meiga cortoulle a lingua a unha serea e deulle en troques dúas pernas. Os prebostes actuais quérennos cortar a lingua e nin sequera nos dan pernas. Non as queremos. Eliximos a nosa lingua de peixes e convoco a luras e polbos a espallala polos océanos", asegurou Aleixandre.
Pola súa parte, Reixa fixo referencia á conservación secular do noso idioma, que sobreviviu como herdanza oral en mans das clases máis populares. "Os nosos devanceiros conseguiron que a nosa lingua chegara útil e viva aos nosos días. Unha lingua civil e cordial de traballadores e poetas.", salientou. "O galego serve para o agro e para a tecnoloxía, para a regueifa e para o rap", engadiu.
O escritor e cineasta cifrou os ataques ao idioma nos seguintes termos metafóricos: "A nosa ecoloxía vital está ameazada polo cambio climático da intolerancia". Malia todo, convocou a seguir loitando co berro: "Viva Babel! Máis Galiza e máis galego!". Rematou as intervencións a actriz galega Tamara Canosa que falou de como influíu na súa infancia a lingua de aprendizaxe.
"Cando eu estudaba nas escola tiñamos tres materias en galego. Moitos compañeiros meus non son quen de se expresaren en galego, non por unha cuestión de prexuízos, senón porque todos os elementos socializadores están en castelán", explicou. "Na escola ensináronnos o concepto de xustiza: darlle a cada un o seu. As aulas é o lugar de compensar o desequilibrio entre linguas", dixo e chamou a recuperar "a xeración Pokemon".

14 nov 2009



"A clave do teatro é a palabra, o demais é competir co cine".


...Teño un carácter tendente á soidade. Pero a poesía dáme tanto traballo que non me queda tempo para as relacións sociais. Teño os meus amigos e a miña vida privada, e comunícome coa miña obra. O que ten que facer o autor é escribir igual que o ferreiro fai utensilios de ferro. A relación con outros ferreiros é accidental...



Entrevista completa a Millán Picouto. El País.Luces 13.11.2009.

10 nov 2009

LINGUA DE LIBERDADE
ACTO CÍVICO ORGANIZADO POLO COLECTIVO
‘GALEGO PATRIMONIO DA HUMANIDADE’
Teatro Principal
Santiago de Compostela
14 de novembro, 2009,
ás 12 da mañá
Presentación e condución: Cándido Pazó
(autor e director de teatro)
Intervirán:
Sindicatos:
José Antonio Gómez, Secretario Xeral de UXT
Xosé Manuel Sánchez Aguión, Secretario Xeral de CCOO

Dez persoas de diversos sectores sociais:
Mari Luz Canal (avogada, A Coruña)
Marisol López Facal (neuróloga, A Coruña)
Antón Reixa (escritor e cineasta)
Marilar Aleixandre (profesora e escritora)
Maria Victoria Otero (Decana Facultade de Matemáticas)
Anik Nandi (estudante índio de de doutoramento)
Afonso Álvarez Gándara
Xurxo Martínez (estudante de Vigo)
Manuel Portas ( Prof. Xelmirez I)
Soledad (contacontos uruguaia)
Tamara Canosa (actriz)
Catro oradores:
1. Laura Sánchez Piñón
2. Pablo González Mariñas
3. Henrique Monteagudo
4. Fermín Bouza
Final:
Actuación musical de Roi Casal

8 nov 2009

(Foto: Paco Vilabarros)

Henrique Monteagudo, lingüista
‘Percíbese que a Xunta está contra o galego’

Xan Carballa. O vindeiro 14 de novembro celebrarase en Santiago o acto cívico convocado pola plataforma 'Galego, Patrimonio da Humanidade'. Un dos seus promotores, Henrique Monteagudo (Muros, 1959), ven de publicar 'As razóns do galego, apelo á cidadanía' (Galaxia), un libro que recolle artigos e ensaios dos últimos anos sobre materia lingüística.
A Nosa Terra, 07.11.2009
Hai un antes e un despois na lingua a partir da manifestación do 18 de outubro?
Hai un antes do 17 de maio, unha transición e un despois do 18 de outubro. O importante é como se xestiona politicamente ese éxito mobilizador. A plataforma Queremos Galego vaise entrevistar con Núñez Feixóo, e pronto coñeceremos a proposta de novo decreto sobre o ensino. O 18 demostrouse que o movemento lingüístico galeguista gañou forza e atopou un camiño. O groso deste movemento decatouse de que tiña que apostar pola pluralidade, que iso funciona e responde ás demandas da sociedade. E aínda que só é a punta do iceberg, penso que o marco de intelección pública estaba situado no de “imposición do galego”, que era o esquema creado por Galicia Bilingüe, Feixóo e o PP. Agora iso non funciona e o que se percibe é que “a Xunta está contra o galego”. Estamos nese camiño e quen vai ter que explicarse é quen tome medidas contra o galego.
A modificación do decreto converteuse no leit motiv. De como se faga a nova proposta vai depender totalmente a situación?
Sospeito que o decreto non vai conseguir consenso, ogallá fose aceptábel e o conseguise. Pero é moi probábel que ademais a oposición reclame que se contemple o conxunto da política lingüística. A idea de apoiarse argumentalmente na terceira lingua non vai a ningures, porque se están recortando fundos para o ensino e estender minimamente o ensino en inglés na docencia reclama un investimento enorme. Está posto aí para desviar a atención das claves do asunto, que son os mínimos, en castelán particularmente. O que lle ouvimos a Feixóo é que se iría a un reparto en terzos, e que os terzos en castelán e galego serían obrigados en todos os centros. Paréceme grave porque introduce un mínimo en castelán que nunca houbo e non se xustifica por razóns pedagóxicas e lingüísticas. Sería un paso atrás considerábel, porque hai centros, non poucos, onde hai unha docencia do 60-70% en galego, e iso implicaría que os docentes que están dando as materias en galego desde hai tempo, que teñen todas rutinas pedagóxicas, os materiais e a súa instalación no galego, terían a obriga legal de pasar ao castelán. Iso sería unha fonte de conflitos serios. Espero que a Xunta e as autoridades educativas teñen a prudencia de que, aínda que impoñan a filosofía dos tres terzos, non couten aos centros máis avanzados.
O libro que vén de publicar recolle opinións que atinxen a tres gobernos da Xunta. Hai quen opina que a política do bipartito foi pouco avanzada na materia, pero á vista da reacción do PP, ese argumento parece feble?
En xeral non falaría de pasividade. Á política de lingua do bipartito falloulle o eixo, que estaba na propia Secretaria Xeral de Política Lingüística. Tivo un elemento moi positivo de transversalidade, pero as iniciativas máis importantes partiron de Educación e de Vicepresidencia. Por unha banda coa rede de escolas infantís e por outra co Decreto do Ensino. As medidas eran boas pero faltoulle cobertura política e un relato de conxunto que lle dese sentido. En canto apareceron as primeiras reaccións do movemento contra o galego, a falta de respostas políticas coherentes do goberno fíxolle ver unha oportunidade electoral ao PP. O bipartito fixo moi boas cousas pero non lle ofreceu un relato de todo iso ao país. Faltou conexión entre os dous partidos e liderato do presidente da Xunta, capaz de poñer as medidas nunha visión común do país. Iso percbiuse en moitos temas e tamén no galego. Mentres a conselleira daba pasos valentes, xentes do PSOE na consellería boicoteábanas. E cando lle reclaman a Touriño que se impoña asústase. Iso culminou coa frase desgraciada do ex-presidente en campaña dicindo que el “non estaba pola imposición”. Máis que de políticas sectoriais, que as houbo moi boas, foi un problema de nervio político. E tamén de certa soberbia, de que todo estaba gañado.
Nun dos seus artigos di que pode gañarse terreo na escola ou no prestixio da lingua, pero que o máis difícil é influír nas pautas de uso da xente. Se o que precisamos é transmisión xeracional ese sería o maior reto?
Hai maneiras de facelo. Xa digo no libro que faltou pericia e asesoramento, e nese senso a secretaria xeral do bipartito foi a peor de todas desde que funciona. Ninguneou a todo o mundo que levamos anos traballando nisto. No caso das pautas de uso, cos adultos é máis difícil porque unha mudanza de lingua non se dá ao cento por cento dun día para outro en ningún caso. Os cambios danse gradualmente, cuns determinados interlocutores e nuns determinados ámbitos de uso e pódense ir estendendo. Nós dicimos que deben cumprirse tres condicións: competencia, ocasións de uso e motivación para facelo. A competencia é sabelo e mellórase practicando; motivación é ter unha razón para facelo e as ocasións hai que procuralas ou procurarllas á xente nova. No caso da mocidade botando man das actividades de lecer, estimulando relacións novas, con clubes, campamentos e outras maneiras. Non se pode obrigar a uns pais a falarlle galego aos fillos, pero os estudos demostran que esas decisións están moi mediatizadas polo idioma na escola. Se o medio escolar é galego o paso para unha transmisión xeracional é de xigante.
Nunha sociedade bilingüe, aínda que diglósica, cal sería o horizonte?
Defendo que o nacionalismo ten que abandonar a mitoloxía do monolingüismo, que é tan mito como a do bilingüismo. O campo do discurso social do bilingüismo non podemos deixalo en mans dos inimigos do galego, é como saír a boxear cunha man atada. Na realidade sabemos que non hai galego-falantes en exclusiva, somos bilingües e botamos man do castelán se o precisamos e o groso dos bilingües somos galego falantes habituais. Esta é a realidade e nun horizonte previsíbel non é razoábel pensar nun monolingüismo social. Se non é alcanzábel hoxe as alternativas en xogo son monolingüismo en castelán ou bilingüismo. Hai corenta anos podía ser imaxinábel, hoxe hai que abandonalo.
A identificación estrita de defensa do galego e nacionalismo ten funcionado negativamente?
O groso do movemento a prol do galego captou, despois do 17 de maio, que ten que ser un movemento amplo, que eu chamo de galeguismo lingüístico. Que hai que fuxir da identificación lingua-nacionalismo, non é unha xenialidade que se me ocorre a min, é algo xa asumido maioritariamente. Pódese defender o galego sen unha idea nacionalista detrás de maneira moi sinxela: falándoo. O nacionalismo recolleu unha bandeira que estaba tirada, a da lingua, e iso é un mérito indiscutíbel. Pero iso non implica que sexa dono do discurso da lingua. As polémicas ortográficas que se sucederon desde os anos 80 teñen orixe nesa patrimonialización da lingua. E a actitude, en ocasións sectaria, do nacionalismo en relación ao galego expulsou a algunha xente da súa defensa. Os nacionalistas temos que deixar de considerar que temos algún dereito de preferencia sobre o idioma, porque se o galego aspira á normalidade ten que ser de todos.
A manifestación tamén amosou a unha xeración que incorporou o galego, coas deficiencias que se quixer, como lingua presente no ensino.
O único perigo sería que deixásemos en herdanza esas liortiñas. Pero teño moita esperanza na xente nova. Hai novos tipos de galego falantes, que adquiriron a lingua na casa ou acadaron pericia lectora e de escribir na escola, e que ten unha adhesión ao galego moi diferente á nosa. A alfabetización introduce cambios na conciencia lingüística enormes, o tipo de lealdade que tes cunha lingua na que aprendiches a ler e a escribir é moi profundo. Por contra a vida social está máis castelanizada e a xente xestiona ese conflito con menos trauma que hai anos. Son bilingües sen grandes complexos de culpa. Estou seguro que veremos os froitos positivos do traballo destes anos e hai indicios que falan nesa dirección tanto no ensino, nas familias ou na cultura. Para nada creo que os esforzos de tantos nestas décadas fose inútil e a lexislación, desde a autonomía á lei de normalización lingüística, axudaron.
Rosa Díez: demasiado gallegos!
LUÍS GONZÁLEZ TOSAR
El Correo Gallego, 08.11.2009
Hai tempo que veño reparando no interese de Rosa María Díez González (nada en Sodupe, Gueñes, Bizkaia, en 1952) e do seu partido, UPyD, por Galicia. O afán que ela e os seus seareiros teñen por implantarse aquí onda nós, sexa como sexa, salta á vista. Tamén é certo que os resultados, sobre todo nos últimos comicios autonómicos, non lles foron nada malos: 9776 votos, cantidade que os eleva á quinta forza. Pero, cando examinamos un chisco polo miúdo as súas propostas e actuacións, axiña caemos na conta de que UPyD, lonxe de elaborar un programa baseado na análise da realidade do país, o que vén facendo é oportunismo puro; incendiar irresponsablemente.
Dá a sensación de que a Sra. Díez, cando non ten cousa de meirande altura que atender, lémbrase dos coitados dos galeguiños e, despois de escoitar o informe da súa amiga Gloria Lago, cabezaleira na cruzada contra a lingua galega, plántase neste atrasado recuncho do noroeste para arrincar, unha a unha, en nome da liberdade e da democracia, as ruíns herbas identitarias. Ela non escoita, pontifica; a verdade sempre é a súa. Velaí a cantinela: Non ao Estado das Autonomías, a competitividade de Galicia esixe a volta ás catro provincias. Mais, desta vez, Rosa Díez -incapaz de negarse ao convite do Club Financeiro coruñés, uns modestos cidadáns moi preocupados polos recortes sociais dos orzamentos-, tampouco se cortou á hora de sentenciar. Desde o actual Goberno da Xunta, ao que alcumou de covarde e de acomplexado, incapaz de cortar polo san, até a afirmación de que "Nuñez Feijóo está ahí, en el medio, demasiado gallego en el sentido peyorativo del término".
Está visto, para a deputada exemplar, á parte de naturais de Galicia, somos uns túzaros, uns raposos centrados... Demasiado galegos!

6 nov 2009

Eduardo Blanco Amor: intruso, impertinente, imprescindíbel
SUSO DE TORO
El País, 06/11/2009
(Foto: Sandra Rei.Tribune.Outono fotográfico.2009)

Hai persoas de natureza tan particular que actúan como un reactivo, catalizador, lévedo ou simplemente como un grao de sal. Pode que Eduardo Blanco Amor non pertencese a ningunha desas categorías, que fose máis ben un trasno que causa revoltura na ordenada vida doméstica e deixa a casa cu para arriba. Tratar con Blanco Amor non houbo ser doado, mais foi unha presenza imprescindíbel.
Foi perturbador. Cando Ricardo Carvalho Calero escribe a súa monumental e admirábel Historia da Literatura Galega Contemporánea interrompe o texto, análises demoradas das obras literarias e das intencións de cada autor, e detense a porfiar con Blanco Amor. Éste conseguiu romper a compostura do señor catedrático, faille perder os papeis. Esa estampa das dúas figuras enfrontadas debuxa ben ao Eduardo, o titireiro que descabalga da cátedra á autoridade canónica. Blanco Amor puña medo, era desestabilizador, nacido e fundado el mesmo na inestabilidade descoloca toda orde construida con coidado e esforzo. Ante un bailarín que non para de dar voltas pode pouco o estatismo do árbitro. Ante un insolente descomponse a figura da autoridade.
Ese que leva anos dando voltas pola América irrompe definitivamente no centro desta pista de baile no 1959. Edítase alá en Buenos Aires unha novela galega que detén a música acá. Quen é o intruso, que non estaba previsto? É Eduardito, o ourensán, o fillo dunha florista; o fillo dun hospiciano de Astorga, Víctor Blanco Expósito, o fillo de varios pais, de ninguén, fillo do vento; o meniño lindo perfumado como un paxe para lanzalo ao desclasamento; o mociño amariquitado e presumido, Blancaflor, que se escapuliu da leva do servizo militar na guerra de África e liscou de contrabando no 1919 para Buenos Aires. O que alí andou no acubillo das sociedades galegas, da Federación, sempre a pedir favores, o que volta como corresponsal de La Nación pola Galiza e a España dos anos trinta. Ese con xeitos de dandi degoxado tras dos artistas e figuras famosas, o que persegue a García Lorca que seica lle escapa porque non atura as súas maneiras afectadas e, con todo, consegue arrincarlle a edición dos Seis poemas galegos.
Ese conferenciante de calquera cousa remunerada, ese que un mes é galeguista e ao seguinte españolista, o discípulo de Risco que tamén é protexido do cacique Bugallal; o pícaro imprevisíbel no que case ninguén fía; o xornalista autodidacta que funda e dirixe revistas dos galegos en Arxentina, Terra, El Despertar Gallego; o tunante, que un día lle escribe a Manuel Azaña e o outro a Perón. E aí deitou A esmorga, que rompe o curso prescrito á literatura galega que estaba a renacer, sen lle pedir permiso a ninguén nin avisar. Nin sequera era cousa esperada polo propio autor, ese autor de versos esforzados e artificiosos, unhas veces en galego e outras en castelán. Ese enredante xa ensaiara a escribir novela antes, La catedral y el niño, unha novela decimonónica con meniño, pazo e catedral. Xa apareceu alí a transgresión, a blasfemia. E con todo, ese acto blasfemo non facía imaxinar a baixada ao abismo que é A esmorga, o retrato de seres caídos a canear polas rúas da cidade, sempre a mesma Auria, até a queda final. Un libro que tería namorado a Buñuel e a Foucault e que deixa tocada a sensibilidade de quen o le. En La catedral y el niño hai unha certa impostación, mais tamén hai unha parte do Eduardiño. N' A esmorga están desatados os temores, desexos, rencores do Eduardito, con toda a súa violencia. E tamén o ventre dun Ourense terribel e verdadeiro. O libro está emparentado coas obras da literatura do seu tempo grazas a Blanco Amor ter traballado na Editorial Emecé, ter coñecido aos novos escritores porteños, aos compañeiros das tertulias do Café Tortoni... A vivir en Buenos Aires. Non se tería escrito A esmorga baixo o franquismo. Ese libro está hoxe mitificado entre nós, mais segue a ser explosivo, eficaz, brutalmente realista e ao tempo aberto á interpretación e supuxo unha refundación da narrativa galega.
O libro é como o autor, unha provocación que obriga a recoñecer a súa existencia, imponse. Esa insolencia desencadena unha resposta inevitábel, un castigo. A andanza do Blanco Amor é unha danza sadomasoquista, agresión e castigo. Aos tombos, feriu coa súa lingua de subela e foi castigado a un lado e a outro do Atlántico. Pícaro mariquiteiro, autodidacta precisado de protección, condenado ao azar.
Aínda había voltar á súa necesaria e aborrecida Auria noutros dous libros posteriores, Os biosbardos e Los miedos, libro que disque escribiu primeiro en galego e logo traduciu, asañado polo trato á súa anterior novela. Con Los miedos tentou o camiño dun premio en castelán, o Nadal, pero a súa novela foi terceira. Editada por Destino, foi denunciada ante a censura, a editorial prácticamente tivo que escondela. Non, non habería acougo nin abeiro para quen, sendo traballador incansábel, só tiña o seu talento e sobráballe orgullo. Non lle foi dada a prudencia en ningún sentido, desprezábaa; como desprezaba secretamente a tantos varóns prudentes que o condenaban sentenciosamente. Condenado por imprudente, por orgulloso, por atolado, por maricón sen vergoña de selo. Sen dúbida a súa homosexualidade non só aparece na súa obra senón que marcou todos os pasos da súa vida provocadora. Unha vida escandalosamente súa.
De volta coa paga de xubilado arxentino, no ano 65, entre Vigo, Ourense, viaxes a Madrid, Barcelona, a ofrecer artigos á prensa galega, barcelonesa, madrileña, sempre da man de amizades que o recomendan. Que ese can vello consegue ofender a petrucios e cabaleiros, ao seu redor a xente sepárase en bandos como auga e aceite, e non só ten todos eses inimigos que ve e imaxina, tamén esperta a admiración e a protección de moitos, unha rolda. Amigos que saben que no trato co Eduardo está o recibir ironías e burlas desa lingua. Son anos extenuantes, un infarto, dous infartos, coloca artigos ora aquí ora aló (tamén neste xornal, onde conta da homosexualidade de Lorca), e sempre a buscar algunha canonxía que lle protexa a vellez, sempre a esixir o recoñecemento que a súa vaidade infinita precisa e que sabe que merece. Até que a danza de feridas, coquetería, vaidades, talento, desexo remata e rebenta o corazón nun hotel vigués ás dúas e media da madrugada do 30 de Santos do 1979. Só.
Abandona a pista de baile o impertinente, o arribista, petimetre, insolente. Eduardito, bailaches de carallo. Arrasaches cos teus zapatiños de charol. Bravo!

3 nov 2009

A Ágora de Hypatia
RUTH FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ
Galicia Hoxe, 03.11.2009

Chegou aos cines a última cinta de Alejandro Amenábar e xa nos ten de novo no seu peto. Ágora convida á reflexión sobre o papel do Cristianismo durante o século IV. O filme preséntase coma unha superprodución de carácter épico que narra as preocupacións da filósofa Hypatia, a primeira muller científica de Occidente (encarnada por Rachel Weisz), á hora de velar pola biblioteca de Alexandría. A protagonista, gañadora dun Oscar por El jardinero fiel, borda un singular papel, o dunha pagá que sempre se ve exposta ao perigo nun tempo no que non ser cristián era máis que unha sinxela opción relixiosa.
Igual ca outros neoplatónicos, Hipatia, filla do matemático Teón de Alexandría, decidiu desistir das peticións do seu amigo e antigo alumno Orestes (primeiro solicitándoa como muller e logo pedíndolle que se convertese ao Cristianismo) e foi tachada de meiga cando o bispo Cirilo de Alexandría foi declarado patriarca substituíndo o seu tío Teófilo. Chegaba entón a hora da morte para Hipatia. Non se consentía que unha muller se dedicase á ciencia. Non había volta atrás. Porque Hipatia non era unha muller das que calaban. Morreu por defender as súas ideas. Por ser muller.
No filme de Amenábar, rodado con capital español, Hipatia morre asfixiada por un antigo escravo, Cavo, que estivera ao seu servizo antes de ser liberado por ela. Namorado da filósofa, coma Orestes, o prefecto, pero vendo que nunca podería ser amado por ela, abandonouna e loitou xunto os seus iguais na expansión do Cristianismo. Ao saber que ía ser acoitelada ata a morte, e finalmente lapidada, decidiu evitarlle ese sufrimento. Xa morta, e finxindo un desmaio, o filme remata coa chuvia de pedras que caen sobre o corpo nu da muller que nunca máis podería transmitir a súa sabedoría no espazo aberto, a ágora, que funcionou na época antiga como a praza pública das polis onde se transmitían todos os saberes. Non podería concluír as súas investigacións sobre astroloxía, pero talvez nos estudos atribuídos ó alemán J. Kepler no século XVII acerca das tres leis fundamentais da mecánica celeste, cando promulgou que todos os planetas se desprazaban arredor do Sol describindo órbitas elípticas co Sol situado nun dos focos, estaba o espírito de Hipatia.
Malta foi escenario dun filme no que se di que Telecinco corre con máis do 85% do seu orzamento, e no que tamén participa Canal +. O resultado foi magnífico.

2 nov 2009

A verdade do rumor
As lendas negras contra Fermín Bouza Brey
CARLOS CALLÓN (http://www.carloscallon.com/)
Galicia Hoxe, 02.11.2009

Fermín Bouza Brey é coñecido hoxe sobre todo pola súa obra poética, que forma parte dos currículos escolares, mais que é con frecuencia divulgada como fría por se salientar dela só o hiperformalismo de inspiración trobadoresca. Un segundo aspecto notorio de Bouza Brey, máis divulgado entre as persoas con sensibilidade pola cultura galega, son as súas inquedanzas humanísticas. Tivo un papel de investigador ao detalle e promotor do entusiasmo no estudo da historia de Galiza.
Hai uns anos, comecei a investigar sobre a súa vida e a súa obra e outros tres foron os elementos que me fascinaron. En primeiro lugar, que foi un dos máis firmes activistas da utilización do galego en todos os ámbitos. Conservamos a documentación que, como xuíz na República, ordenou imprimir en galego, así como a súa correspondencia monolingüe nos momentos máis difíciles do franquismo.
Outro trazo interesantísimo foi o seu papel como maxistrado na Estrada para salvar toda a xente que puido de ser paseada. Mentres aparecía en público como afín ao novo réxime, ordenaba deter por delitos comúns a persoas que, doutro xeito, serían asasinadas polos falanxistas. Unha estratexia silenciosa sobre a cal deitou luz Xoán Carlos Garrido Couceiro no seu documentario A derradeira lección do mestre.
Por último, mais en absoluto menos importante, estaba a cuestión da súa hipotética homosexualidade reprimida (estaba casado), mais pola que (tamén supostamente) fora perseguido. A cuestión mantíñase ao nivel dun rumor ou dunha lenda negra, no mellor dos casos só expresada por escrito a través de circunloquios ou insinuacións de escuridade e intimidade. Xa só iso me pareceu digno dunha investigación do maior interese para os estudos literarios: o funcionamento dese mecanismo homófobo que xebraba o que se explicaba nos manuais e a transmisión oral da que se consideraba "a verdade".
O rumor é máis espontáneo e, por tanto, recíbese como máis auténtico, aínda que non exista nada empírico que o sosteña. Cheguei así á conclusión de que estudar a dialéctica da opción sexual no campo literario, nomeadamente en épocas de forte heterosexismo, pode ofrecernos unha visión moi diferente do que sucede na realidade no campo.
Fermín Bouza Brey paréceme, nese aspecto, paradigmático. Lembremos: un escritor recoñecido na historia da literatura galega por ser o primeiro en publicar en libro unha obra neotrobadoresca. Iso é o que se pode achar nos libros de texto ou historias da literatura.
Mais, se atendermos a un coñecemento paralelo, o da rumoroloxía no campo da crítica literaria galega, veremos que se transmite esoutro coñecemento. Non só que Fermín Bouza Brey era homosexual, senón que se argumenta como proba que foi por iso que o destituíron como xuíz. Nunha reviravolta, sostense tamén que a cuestión non ten importancia para a literatura escrita con maiúscula e para a comprensión da súa obra. Isto é moi importante: dáselle unha dimensión de verdade do individuo á súa condición de homosexual, ao mesmo tempo que se lle nega a relevancia pública.
Malia o dito, parece doadamente constatábel que, se existía esa identificación de Bouza Brey como "homosexual", non só podería ter grande importancia para vermos as relacións de xénese histórico-biográfica das súas obras (o cripticismo erótico da Nao senlleira ou o masoquismo de Seitura poderían cobrar novos sentidos, igual que as mudanzas textuais atribuíbeis á autocensura), senón tamén para a súa recepción. Teñamos presente que nun (proto)sistema literario como era o galego da década de 50, o espazo público e o espazo privado conflúen, pois aínda que se quixese conseguir un amplo lectorado, o certo é que as condicións de proscrición fan que os escritores e as escritoras coñecesen o seu público, e viceversa.
Ademais, se Fermín Bouza Brey foi perseguido por homosexual, como afirman os tales rumores, o mero feito desta persecución determinaría moitas das decisións e dos sentimentos do individuo. Repárese, aliás, que non importa o que Bouza Brey era, senón como funcionaba o feito de que se pensase que era.
No seu caso, como antes sinalaba, é frecuente por parte da crítica o circunloquio ou o silencio: "razóns de tipo persoal", "incomprensións", "capítulo escuro da súa vida", "afectaba á estricta intimidade persoal", "aspectos (...) obscuros" etc. Sobre o proceso de finais dos anos 40 e comezos dos 50 que en teoría desembocou na súa expulsión da xudicatura e a súa descoberta como homosexual, o que sabemos de forma contrastada dise na fotobiografía coordenada por Antón Rodríguez López : "[En 1948] xa está tocado pola denuncia que, argumentando razóns persoais e de puritanismo moral da postguerra, se lle puxo. A denuncia foi meticulosamente orquestada polos seus propios compañeiros de Audiencia [refírese aos de Pontevedra], apoiados polos falanxistas que xa intentaran guindalo na Estrada e que, agora, ocupaban tamén importantes postos na administración de Pontevedra. No tribunal que avalía as acusacións presentadas testemuñan persoalidades afectas ó galeguismo e amigos íntimos de Don Fermín. Ninguén sae na súa defensa. El séntese "traicionado" e "afundido" nunha carta de 1949 a Álvarez Blázquez".
É crucial a este respecto o feito de que na década de 40 Celso Emilio Ferreiro compuxese unha cantiga de escarnio contra Bouza aludindo á súa homosexualidade. Estes versos circularon con profusión pola cidade do Lérez. Deles dei recollido algúns parcialmente, recitados de memoria por unha persoa que afirmaba que tivera o libelo nas súas mans.
A través de varias entrevistas persoais con diversos axentes do sistema literario galego actuantes nos anos 40, 50 e/ou 60 e vivos aínda a comezos do século XXI, puiden reconstruír tamén algunhas das lendas negras que circularon arredor de Fermín Bouza Brey no posguerra.
A primeira lenda negra é que Bouza Brey fora un espía nazi. Trátase da de menor circulación, mais en absoluto presentada como unha brincadeira. Carece de toda consistencia empírica, mais argumentaría en determinados entornos que se lle fixese o baleiro social.
A segunda versión, que circula como máis verídica, é que Bouza perdera a súa condición de xuíz tras verse sometido a un Tribunal de Honor. Hai variacións sobre o que aí puido acontecer: se o galeguista e político franquista Xosé Filgueira Valverde foi quen o denunciou ou se só actuou como testemuña contra Bouza.
Como "versión oficial", menos crida mais tamén con certo eco, está a idea de que fora expedientado polo seu compromiso político, a raíz dunha conferencia en Bos Aires. Mais tamén hai persoas que sosteñen que Bouza agudizou as súas mostras de compromiso nacionalista durante unha época para así poder ser expedientado por esta razón e que se lle dese menos credibilidade á cuestión homosexual. De feito, el chega a escribir varias cartas para reforzalo.
Sexa como for, o obxectivo á hora de estudar isto e reconstruír as relacións no campo literario na altura non é descartar hipóteses até dar coa "verdade". Porque todas elas, mesmo as que hoxe vemos como absurdas, funcionan como "verdades", que hai que explicar na súa xénese, na súa estrutura e, sobre todo, na súa función, porque foron e -mesmo no invisíbel-continúan a ser cruciais para entendermos que pasou e que pasa con Fermín Bouza Brey.