Mostrando entradas con la etiqueta DARWIN. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta DARWIN. Mostrar todas las entradas

12 feb 2009

Darwin o revolucionario
CRAIG PATTERSON, galicia hoxe 12-2-09

Celebramos esa semana o bicentenario dun dos seres humanos que máis mudaron a nosa maneira de entender o noso lugar no universo. Por medio da súa visión integradora da biodiversidade e da selección natural, o ser humano moderno puido optar a unha vida guiada polo empirismo da ciencia. Por iso Darwin foi un auténtico revolucionario, e son poucas as revolucións que compaxinan dunha maneira tan axeitada e pacificamente o rexeitamento da orde establecida e o liberador acto de asumir unha verdade centificamente innegábel. Deulle, literalmente, unha volta á tortilla da ríxida sociedade do seu tempo.
Non lle foi nada doado ao autor de A orixe das especies tomar a decisión de publicar unha obra que se xestara na viaxe arredor do mundo que fixo no Beagle (1831). Inda que el se fora achegando cada vez máis a unha visión atea do universo, ben sabía que a polémica que xeraría a súa obra lle podería arruinar a reputación para sempre. Ben sabía que o seu libro revelaba unha existencia case cruel e nada requintada. As fermosas e terríbeis leis do determinismo biolóxico non reflicten unha natureza perfecta porque a natureza non o é: ollemos as imperfeccións do ollo humano, por exemplo, ou a forma dalgúns dos bechos máis estrafalarios do ecosistema. Pero agasalla o ser humano coa conciencia da fatídica lei do máis forte, coa absoluta necesidade de vivir conforme unha norma moral se pretendemos ser o organismo máis evolucionado se non ilustrado da natureza.
Unha vez nunha festa nun piso de Chicago, encetei conversa cunha profesora de instituto. Parecíame unha persoa bastante aberta, ata que me confesou que nas súas clases lles aprendía aos rapaces que un deus creara o mundo en sete días. Ao pensar nese novo grupo de mozos que sairían do colexio cos miolos lavados, púxenme a pór en dúbida as bases das súas afirmacións, e a conversa acabou nunha situación un tanto incómoda. Non o dubidemos: Darwin deunos as ferramentas para crearmos un mundo sen demos nin anxos, pero a tarefa inda está por cumprir ao deixarmos que o ensino estea influído por institucións relixioso-políticas ao xeito da Palin. A revolución na cosmovisión humana que causou Darwin en 1859 só terá un equivalente se no futuro aterran os marcianos no céspede da Casa Branca.

9 ene 2009


Contra Darwin.
Andoliña sábado 10-1-09
No ano 1875, dezaseis anos despois de publicarse El origen de las especies (1859), o teólogo Charles Hodge acusou a Darwin de negar a existencia de Deus ó definir os humanos como o resultado dun proceso natural en lugar dunha creación deseñada por Deus. Hai dous anos o papa Benedito XVI amosou nun seu libro as súas fondas reticencias co evolucionismo co argumento de que a teoría da evolución non é demostrable de xeito empírico porque é imposible meter no laboratorio a dez mil xeracións: argumento tan contundente que, de ser aceptado, revolucionaría o concepto de ciencia en si.
A oposición ó evolucionismo hoxe está dirixida por grupos que propugnan a teoría do Deseño Intelixente (Michael Behe, La caja negra de Darwin), segundo a cal os sistemas de complexidade irredutible dalgúns organismos foron en último termo resultado dun deseño intelixente. Preséntanse con fasquía pseudocientífica, pero na realidade obedecen a claves relixiosas, sobre todo próximas a núcleos evanxélicos. No ámbito científico tales teses son totalmente desbotadas e considéranse un rebulir do creacionismo e un novo intento de introducir pola porta falsa a óptica relixiosa nos programas escolares.

7 ene 2009


CENTENARIO DE DARWIN

DARWIN FÓRA DAS ESCOLAS. ANDOLIÑA xoves 12 febreiro 2004.
Hoxe celébrase o Día de Darwin que convoca a científicos, antropólogos e estudosos de todo o mundo no 195 aniversario do seu nacemento na localidade británica de Shrewsbuy. Para conmemorar o evento programáronse actos en varias universidades de Inglaterra e Estados Unidos. Neste último caso téñeno máis difícil: hai aínda cinco estados norteamericanos –Georgia, Kansas, Kentucky, Oklahoma e Virxinia do Oeste- que poñen en dúbida nas escolas as teorías do pai do evolucionismo e só admiten a interpretación literal da Biblia. É a América “involucionista”, baixo o pulo da ultradereita relixiosa que logrou que, neses estados, case un 60 por cento da poboación afirme como crible a explicación bíblica da creación, fronte ao 9 por cento que se inclinou pola teoría da evolución (o resto ve ámbalas dúas como compatibles). Debe ser un espectáculo un profesor de Ciencias explicando a orixe do home e rebatindo a Darwin: gustaríame velo.
Por certo, tamén en Santiago de Compostela algún docente foi perseguido e expulsado por querer levar as teorías de Darwin ás aulas. O profesor Xesús Alonso Montero publicou hai anos un traballo en “Los Cuadernos del Norte” sobre a persecución do darwinismo en Galiza. O rector compostelán presumía a finais do século XIX de que na biblioteca da súa Universidade nunca entrara unha soia obra de Darwin. Pero todo iso sucedía hai máis de cen anos. Mira ti por onde levámoslle un século de distancia a Georgia ...