Mostrando las entradas con la etiqueta Ciencias. Mostrar todas las entradas
Mostrando las entradas con la etiqueta Ciencias. Mostrar todas las entradas

5 mar 2009

paixón oculta do escritor
Xenaro García Suárez propón o achegamento entre "letras" e "ciencias"
O autor presenta hoxe en Santiago un ensaio no que analiza a relación entre creación literaria e matemáticas
M. DOPICO . SANTIAGO. galicia hoxe 5-3-09

O ensaio de Xenaro García Suárez foi editado por Laiovento Ao longo da historia, as matemáticas e o que adoitamos entender por cultura camiñaron por vieiros diverxentes, de xeito que na actualidade persoas que se consideran cultas amosan un enorme descoñecemento en materia de matemáticas, mentres que outras formadas en ciencias a miúdo desprezan as letras e viven de costas a elas.
Achegar algúns elementos que puidesen servir de alicerce á reconciliación entre as "ciencias" e as "letras", a través de análise da relación entre as matemáticas e a literatura, é o obxectivo do libro Dos signos de Stendhal aos imaxinarios de Musil, do doutor en Filosofía e catedrático de matemáticas en Ensino Medio Xenaro García Suárez.

(Dedicado a Xoán da Coba)

12 feb 2009

Darwin o revolucionario
CRAIG PATTERSON, galicia hoxe 12-2-09

Celebramos esa semana o bicentenario dun dos seres humanos que máis mudaron a nosa maneira de entender o noso lugar no universo. Por medio da súa visión integradora da biodiversidade e da selección natural, o ser humano moderno puido optar a unha vida guiada polo empirismo da ciencia. Por iso Darwin foi un auténtico revolucionario, e son poucas as revolucións que compaxinan dunha maneira tan axeitada e pacificamente o rexeitamento da orde establecida e o liberador acto de asumir unha verdade centificamente innegábel. Deulle, literalmente, unha volta á tortilla da ríxida sociedade do seu tempo.
Non lle foi nada doado ao autor de A orixe das especies tomar a decisión de publicar unha obra que se xestara na viaxe arredor do mundo que fixo no Beagle (1831). Inda que el se fora achegando cada vez máis a unha visión atea do universo, ben sabía que a polémica que xeraría a súa obra lle podería arruinar a reputación para sempre. Ben sabía que o seu libro revelaba unha existencia case cruel e nada requintada. As fermosas e terríbeis leis do determinismo biolóxico non reflicten unha natureza perfecta porque a natureza non o é: ollemos as imperfeccións do ollo humano, por exemplo, ou a forma dalgúns dos bechos máis estrafalarios do ecosistema. Pero agasalla o ser humano coa conciencia da fatídica lei do máis forte, coa absoluta necesidade de vivir conforme unha norma moral se pretendemos ser o organismo máis evolucionado se non ilustrado da natureza.
Unha vez nunha festa nun piso de Chicago, encetei conversa cunha profesora de instituto. Parecíame unha persoa bastante aberta, ata que me confesou que nas súas clases lles aprendía aos rapaces que un deus creara o mundo en sete días. Ao pensar nese novo grupo de mozos que sairían do colexio cos miolos lavados, púxenme a pór en dúbida as bases das súas afirmacións, e a conversa acabou nunha situación un tanto incómoda. Non o dubidemos: Darwin deunos as ferramentas para crearmos un mundo sen demos nin anxos, pero a tarefa inda está por cumprir ao deixarmos que o ensino estea influído por institucións relixioso-políticas ao xeito da Palin. A revolución na cosmovisión humana que causou Darwin en 1859 só terá un equivalente se no futuro aterran os marcianos no céspede da Casa Branca.

9 ene 2009


Contra Darwin.
Andoliña sábado 10-1-09
No ano 1875, dezaseis anos despois de publicarse El origen de las especies (1859), o teólogo Charles Hodge acusou a Darwin de negar a existencia de Deus ó definir os humanos como o resultado dun proceso natural en lugar dunha creación deseñada por Deus. Hai dous anos o papa Benedito XVI amosou nun seu libro as súas fondas reticencias co evolucionismo co argumento de que a teoría da evolución non é demostrable de xeito empírico porque é imposible meter no laboratorio a dez mil xeracións: argumento tan contundente que, de ser aceptado, revolucionaría o concepto de ciencia en si.
A oposición ó evolucionismo hoxe está dirixida por grupos que propugnan a teoría do Deseño Intelixente (Michael Behe, La caja negra de Darwin), segundo a cal os sistemas de complexidade irredutible dalgúns organismos foron en último termo resultado dun deseño intelixente. Preséntanse con fasquía pseudocientífica, pero na realidade obedecen a claves relixiosas, sobre todo próximas a núcleos evanxélicos. No ámbito científico tales teses son totalmente desbotadas e considéranse un rebulir do creacionismo e un novo intento de introducir pola porta falsa a óptica relixiosa nos programas escolares.

7 ene 2009


CENTENARIO DE DARWIN

DARWIN FÓRA DAS ESCOLAS. ANDOLIÑA xoves 12 febreiro 2004.
Hoxe celébrase o Día de Darwin que convoca a científicos, antropólogos e estudosos de todo o mundo no 195 aniversario do seu nacemento na localidade británica de Shrewsbuy. Para conmemorar o evento programáronse actos en varias universidades de Inglaterra e Estados Unidos. Neste último caso téñeno máis difícil: hai aínda cinco estados norteamericanos –Georgia, Kansas, Kentucky, Oklahoma e Virxinia do Oeste- que poñen en dúbida nas escolas as teorías do pai do evolucionismo e só admiten a interpretación literal da Biblia. É a América “involucionista”, baixo o pulo da ultradereita relixiosa que logrou que, neses estados, case un 60 por cento da poboación afirme como crible a explicación bíblica da creación, fronte ao 9 por cento que se inclinou pola teoría da evolución (o resto ve ámbalas dúas como compatibles). Debe ser un espectáculo un profesor de Ciencias explicando a orixe do home e rebatindo a Darwin: gustaríame velo.
Por certo, tamén en Santiago de Compostela algún docente foi perseguido e expulsado por querer levar as teorías de Darwin ás aulas. O profesor Xesús Alonso Montero publicou hai anos un traballo en “Los Cuadernos del Norte” sobre a persecución do darwinismo en Galiza. O rector compostelán presumía a finais do século XIX de que na biblioteca da súa Universidade nunca entrara unha soia obra de Darwin. Pero todo iso sucedía hai máis de cen anos. Mira ti por onde levámoslle un século de distancia a Georgia ...

2 oct 2008

Desvío, de Bieito Iglesias (ECG. 2-10-08)

Stephen Hawking foi ovacionado polos viciños na súa visita a Fisterra. Recibimento tan caloroso podería significar que os naturais daquelas partes lle están agradecidos polas súas pescudas relativas aos buratos negros e polos seus libros divulgativos sobre a historia do tempo. Está o pobo verdadeiramente interesado nas metáforas que achega a astrofísica en dura competencia coa poesía, tales como big bang, materia escura do universo, desvío ao vermello das galaxias ...? Quere saber a xente que sucede cando un obxecto traspasa o horizonte de eventos, alén do cal a frecha do tempo se dispara en caprichosas direccións? Polo que eu sei, diría que non.
Entendo que as preguntas formuladas polo común dos mortais son máis crasas. Aínda estes días escoitei, ao pé do edificio de Correos, a un señor que interrogaba cantando, con música da Raspita: "Ladrón, ladrón, ladrón, roubáchesme a miña muller; ladrón, ladrón, ladron, que lle querías facer?" Co anterior non quero negar o fascinio que exercen os astros sobre tódolos corazóns, calquera que contempla en agosto un firmamento no que ferven as estrelas sentirá a emoción que o escritor Edmond Jabès rexistrou en frases lapidarias: "A dor é un ceo estrelado, a noite enteira está en nós".
Pero a admiración popular por Hawking é, en realidade, un xeito de homenaxear a Providencia. Non sei se saben -se non o saben dígollo eu- que o vulgo pensa que se Deus tolle algún membro, a forza do órgao mancado acode á cabeza, volvendo ao baldadiño máis intelixente. Certo que, sendo eu eivado, non me aplauden como ao Stephen, pero iso débese a que, en lugar de entregarme á astronomía, dediqueime a actividades que Chichi Campos (en paz estea o lembrado humorista) englobaba baixo o rótulo de astrodeterminación.

26 sept 2008


Stephen Hawking
andoliña 26-9-08

A presenza dun científico da talla de Stephen Hawking en Santiago prestixia tanto a propia Universidade como a cidade de Compostela e toda Galicia no seu conxunto. Grazas, pois deben ser dadas, a Jorge Mira e a todas as persoas e institucións que posibilitaron esta visita, que debeu ofrecer de seguro infinitas dificultades.
Disque Hawking se declarou socialista (vota os laboristas e fala ben de Gordon Brown) e escéptico respecto do papel do transcendente: "A ciencia non deixa moito espazo para os milagres ou para Deus". Tampouco se amosou moi optimista sobre o futuro: cre que non se poderá evitar un desastre no planeta nos próximos cen anos e opina que algúns grandes avances, como o coñecemento do xenoma humano, xerarán co tempo unha sociedade dual, cunha raza de "superhumanos" que explotará os "humanos non mellorados". Así, a fuxida ó espazo exterior na busca de condicións posibles de supervivencia é unha opción verosímil nese contexto.
Algo que describiu a ciencia-ficción múltiplas veces, dende Huxley e Orwell ata os autores de hoxe. De certo, somos tan previsibles que non é estraño que coincidan os relatos de científicos e de escritores.

24 sept 2008


Cerebro e medo.
Pan por pan martes 23

Un estudo de politólogos da Universidade de Nebraska seica relaciona a actitude política cunha estrutura cerebral. Segundo estes investigadores a xente que non se asusta doadamente defende o pacifismo, o control de armas, unha política tolerante coa inmigración e o apoio económico ó Terceiro Mundo. En cambio, os máis asustadizos apoiarían o patriotismo, o gasto en defensa, a guerra de Iraq e a pena de morte. Algo semellante indiquei eu neste recuncho noutra ocasión. É perigoso tomar estes traballos ó pé da letra e inferir unha base biolóxica nas condutas políticas. Pero tamén é lóxico que persoas optimistas, que cren na vida e na convivencia, saiban domear por igual os nosos medos internos e aqueloutros que nos queren impoñer. Os asustadizos, di o estudo, tamén están contra o matrimonio gai, a pornografía, o sexo preconxugal e o aborto. Mira ti que cousas!

4 jul 2008

en poleiro alleo

J.M. Ponte reflexiona no Faro arredor de "Los científicos y Dios".
Antón Reixa dálle a volta, con intelixencia contundente, ó Manifesto pola Lingua Común. Na mesma liña, o artigo de Fernán-Vello, cun pé en Julio Camba e as súas babecadas sobre o noso idioma: "Galegos contra o galego".

7 jun 2008


FÍO MUSICAL (22), de Xabimusic.
¿OUTRO CATASTROFISTA MÁIS OU UN ATINADO OBSERVADOR?

Segundo o investigador Bernie Krause a sociedade actual está poñendo en perigo tamén o equilibrio e a harmonía sonora natural das especies animais. Segundo a súa teoría do nicho cada especie ocupa un espectro acústico propio que non interfire co das demais: os sons dos cans non se confunden cos das rás ou dos humanos, por exemplo.No seu traballo está tamén a rexistrar os sons en perigo de extinción.

¿Cren vostedes que por aquí hai tamén sons en perigo de extinción e que debamos salvar e preservar? Velaí: Sons a preservar.

24 abr 2008


galicia XXI actores do cambio (entrevistas de Luís Pousa en Galicia Hoxe e ECG. Foto Fernando Blanco)
Ángel Carracedo, xenetista:


Que é a vida, sen entrar en consideracións científicas?
A vida é algo moi curto, que se vai facendo progresivamente curto cos anos, máis rápido do que eu querería. Por iso é decisivo alcanzar equilibrios. A miña necesidade básica é o meu tempo para estar, o meu tempo para gozar e o meu tempo para interaccionar coa miña familia.
Que é a morte?
Non me perturba pensar nela nin a sacralizo. A morte é algo inevitable, e o único que me preocupa é que, cando me chegue, a xente que me rodea estea ben e non sufra.
Que é a tecnoloxía á hora de combater unha enfermidade?
Aínda somos relativamente pouco eficaces en poder tratar as enfermidades. A práctica médica está moi baseada na tecnoloxía, pero o futuro da medicina vai polo coñecemento molecular das enfermidades no seu enfoque máis racional e por poñer o enfermo como centro das cousas. No futuro, a tecnoloxía terá un valor proporcional cada vez máis baixo.

(...) (...)
Xeneticamente, hai predisposición en determinadas comunidades a determinados tipos de enfermidades?
Totalmente. A poboación galega é un pouquiño máis propensa a enfermidades xenéticas que a poboación europea, por canto estivo máis illada que outras comunidades. Por iso na poboación galega aparecen mutacións que só as hai en Galicia, e en Arxentina ou Suíza, polos galegos que foron para eses sitios. Isto que é malo, por contra fai de Galicia unha poboación ideal para estudar o compoñente xenético das enfermidades comúns. E sería moi importante estudalo e utilizalo ben.
Galicia terá algún día un premio Nobel en xenética?
Non creo que sexa nesta xeración, pero pode ser na que vén. O investigador galego ten tres cousas moi boas: capacidade de traballo, imaxinación e mobilidade. Hai moi boa xente e a pouco que as condicións da contorna melloren en termos de perspectivas laborais e infraestructurais -o Estado aínda ten unha débeda histórica importante con Galicia en ciencia- haberá máis probabilidades de conseguilo, e oxalá o vexamos feito unha realidade.

16 feb 2008


A xenómica.
Pan por Pan 16 febreiro
Clariño, didáctico, afable, Ángel Carracedo na súa charla do Foro La Región. Gustoulles a todos os que lles preguntei. Pero o territorio abordado é case infinito: a xenómica a nivel científico, o mundo dos xenes nas patoloxías e especialidades clínicas, a xenómica forense, os conflitos éticos dos novos avances, etc. Tantas cousas e de tanto interese que a min case me soubo a pouco: Carracedo podería dar cinco ou seis charlas magníficas desenvolvendo cada un deses puntos. E, como todas as persoas en realidade intelixentes, Ángel Carracedo, autoridade mundial nestes temas, é tamén humilde: por iso reduciu o extenso currículo citado polo presentador ó labor dun gran equipo. E tivo palabras eloxiosas para os ourensáns María Martinón e Antonio Salas: este último aplica as descubertas xenómicas á Historia e descifra así, por exemplo, datos clave do comercio de escravos cara América.