Mostrando entradas con la etiqueta Fraga. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Fraga. Mostrar todas las entradas

15 dic 2008


OS XUÍCES, A ROMANA, O ÁRTICO
Marcos Valcárcel, La Región, 15-12-08

Os xuíces. Son protagonistas todos os días e non sempre para ben. Vexo na TV unha nai angustiada: a súa filla morreu atropelada por un automóbil que ía facendo trombos, dentro del dous mozos sen ningunha cabeza. Chegado o xuízo, o máis novo queda en liberdade porque era menor de idade: faltábanlle só seis horas para cumprir a idade que o levaría ó cárcere. A nai, profesora de instituto, fala do concepto de responsabilidade e dos erros da Lei do Menor. Conclúe contundente: estamos mandando á sociedade a mensaxe de que matar unha moza, neste caso a súa filla, é gratis. Outra historia: outra nai, de escasos recursos culturais e xordomuda, irá ó cárcere por pegarlle unha labazada a un fillo. Os seus veciños protestan manifestándose, non entenden. Basta escoitar ós pais para entender o que pasou. É absurdo que esta nai vaia ó cárcere e quede en nada a historia da moza atropelada. Xa sei que os xuíces só aplican as leis, pero tamén as interpretan. E deberían facelo de xeito que esa aplicación sexa un feito comprensible pola sociedade. Se non é así, a sociedade mal pode confiar nunha Xustiza tan arbitraria e desconcertante.
A romana. É demasiado doado facer leña sobre a última babecada de Fraga. Son os dirixentes do PP os que terían que mover os fíos para procurar que don Manuel non teñas tantas ocasións de meter a pata. Con 86 anos enriba, a verborrea de Fraga obriga logo ós altos dirixentes populares a esculcar nas máis surrealistas explicacións para cada un dos seus disparates, como lle tocou a dona Soraya coa peregrina historia da “romana”. Quizais Fraga quixo dicir “pendurar”, en galego, e non ponderar: mal parados quedaban, en calquera caso, os nacionalistas, os periféricos enténdase. Non fala Fraga do nacionalismo español, que é o seu, ese ten tanta forza que xa nin se recoñece. En fin, unha máis de don Manuel, que dixo non hai moitos anos que el tamén era da mesma “tribo” de Beiras. Precisamos políticos que non falen de tribos nin de colgar a ninguén, con romana ou sen ela: iso tamén é certo.
Unha imaxe. No programa “Informe semanal” emiten unha interesante reportaxe sobre o futuro do Polo Ártico, terra de ninguén que se disputan diversos países próximos polas súas grandes potencialidades enerxéticas (petróleo e gas). Por desgraza, as grandes industrias non se rexen pola súa sensibilidade medioambiental e non van chorar polos efectos do cambio climático e o desxeo dos polos. Iso significa, entre moitas outras cousas, desaparición de especies e da biodiversidade. Unha estudante de doutorado usa unha imaxe moi acaída como metáfora do presente: imos todos no mesmo avión e, pouco a pouco, vanlle caendo as parafusas que unen as súas pezas. Cada especie que se perde, aló vai outra parafusa. Canto durará o avión en marcha?
(Imaxe: un dos moitos xuíces que retratou H. Daumier)

12 dic 2008


Don Manuel sufre el aire de Madrid
ANXEL VENCE



Outra vaca no millo, Antón Losada (GALICIA HOXE)
Disque don Manuel tivo día simpático e largou que o peso dos nacionalistas hai que ponderalo colgándoos dalgún sitio. Non estaba colgado cando o dixo. Non consta a súa querencia polassubstancias estimulantes, queimada á parte. É o que pensa. Outra achega do león de Vilalba á calidade da democracia. O que se escandaliza é porque non o coñece. O de colgar nacionalistas vén de vello na dereita española. Abofé que o teñen practicado a conciencia e valéndose dos soportes máis variados. Ten máis ciencia saber se a autoproclamada dereita “de centro e galeguista” de Os Nosos Alberto e Mariano anda tamén coa forca preparada.

14 ene 2008


FRAGA. O ENSINO. UN MUNDO MULTIPOLAR
La Región 14 xaneiro

Fraga. En televisión, concretamente en Telecinco, Fraga insiste nas súas coñecidas teses a favor do franquismo e afirma que a etapa de Franco sentou as bases para unha España con máis orde. Nada novo. Vivimos tempos de desmemoria: nun debate na televisión local un político do PP di que non hai ninguén no seu partido que se beneficiase do franquismo. Será logo que Fraga Iribarne, ministro de Franco, non existiu como tal? A historia avaliará a súa figura política pero, ata a chegada da democracia, vai encontrar máis sombras que luces. Velaí o Fraga (e o seu ministerio) que censuraba libros: tamén “Los miedos”, de Blanco Amor, e revistas que non eran “rojas” nin separatistas, dende o diario “Madrid” ata algunhas cristiás ou demócratas de todo tipo: a biografía “Fraga, retrato de un fascista” (2001), de Gustavo Luca, está chea de saborosas anécdotas e datos obxectivos que non teñen desperdicio.

O ensino. No concello de Arteixo, os IES de Sabón e Pastoriza están de sorte. Hai uns días a Fundación Amancio Ortega entregaba 160 ordenadores portátiles ós seus alumnos, facendo así que o da Pastoriza sexa o primeiro e único centro de España que conta cun terminal propio para cada estudante. Deixo aquí a idea por se algún empresario ourensán “se contaxia”, aínda que sexa cun plan menos ambicioso. As novas tecnoloxías están aí e ofrecen múltiples posibilidades para reformar e mellorar as metodoloxías educativas. Nunca substituirán ó profesor, non se trata diso: pola contra, o profesor terá que esforzarse máis nese camiño didáctico e a sociedade e as autoridades educativas deberían recoñecelo. Dixen moitas veces que o 90 por cento do éxito educativo está nas mans dos profesores: aínda que, cun portátil cada alumno, as cousas serían máis doadas e os alumnos poderían abrirse a un mundo cheo de potencialidades. Pero un mundo no que é necesario ter os guías axeitados: os profesores poden cumprir un papel fundamental, sen dúbida.

Un mundo multipolar. Presentouse o informe 2007 do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (http://www.igadi.org/) e vexo que é optimista: unha memoria dun equipo de expertos, dirixido por Xulio Rios, afirma que as mudanzas en marcha permiten albiscar unha nova etapa na escena internacional na que a procura do compromiso e o recurso á diplomacia tenderán a desprazar a confrontación e o uso da forza militar como vías para abordar os problemas mundiais. Nese mundo multipolar, Rusia recupera parte do seu peso internacional, China está nun rebulir das súas relacións exteriores e América Latina viver un valioso proceso de integración supraestatal. Sería tamén moi positiva, nesa liña, a consolidación da democracia en África e a posible vitoria dos demócratas nas próximas eleccións de Estados Unidos, que favorecería unha política menos agresiva e militarista. Oxala teñan razón os amigos do IGADI. Aínda que as portadas dos diarios sexan a cotío abondo máis pesimistas.