Mostrando entradas con la etiqueta Manuel María. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Manuel María. Mostrar todas las entradas

16 may 2008













Unha dedicatoria

Tiña eu só 16 anos: novembro do 74. Un mociño da pequena burguesía ourensá que empezaba a descubrir o mundo. E nese novo mundo estaba a Auriense, daquela aínda nos locais da rúa Curros Enríquez, e nese local poetas e escritores que nos traían a súa Palabra, nova, virxinal, emocionada. Entre eles Manuel María, sempre afable, sempre cortés, bo amigo do meu pai... Un día o rapaz debeulle pedir que lle asinase o seu "Barriga Verde": velaí, na primeira páxina dunha vella edición de O Moucho, a obra heroica de Xosé María Álvarez Blázquez, a quen hoxe honraremos, coa RAG, en Vigo. Graciñas ós dous.

15 may 2008


A Nosa Terra, a través de Xoán Carballa,
cedeume xenerosamente esta foto tan fermosa de Manuel María e a súa compañeira Saleta Goi (de paso, xa saben de qué escribo mañá). Graciñas a ANT.
Manuel María (3). Pan por Pan venres 16 maio.
Máis de seiscentas veces aparece a palabra Amor na “Poesía Galega completa” de Manuel María: deu ese dato esoutro día o seu editor, Fernán Vello. Velaí algúns exemplos. O amor como mar da felicidade: “O meu desexo máis fondo é naufragar,/ ouh miña boa e sinxela compañeira!/ no teu mar de tenrura. Só no teu mar”. En “Poemas da labarada estrelecida” o amor é testemuño da vida común, das primaveras e outonos melancólicos, amor construído como “ferida fonda, nidia, transparente,/ costume irrenunciábel,/ coñecimento total, sabiduría/ absoluta de nós mesmos/ deica chegar á imposibilidade/ de poder distinguir onde/ comezas ti e eu remato”. Amor mencer, amor solpor, amor lume, amor árbore: as imaxes son case infinitas. E ese amor tiña, dende os primeiros versos, nome propio, unha gran personalidade: Saleta Goi, compañeira na loita e na tenrura.

Manuel María (2).
Pan por pan xoves 15 maio

O Frente Cultural da AN-PG publicou en abril de 1977 o libro “Poemas para construír unha patria”, de Manuel María. Eu mesmo, que militaba na FC., axudei a distribuír e difundir o poemario. Fernán Vello falou del na súa charla. É un volume de poesía política, firmemente axeitada á liña estratéxica que marcaban a AN-PG e a UPG. Hai poemas dedicados ó sindicato nacionalista, ós patriotas galegos presos e un simpático canto a Margarita Ledo Andión. Ata hai unha composición lembrándolle ós hippies que eles tamén teñen, aínda que non queiran, patria. O libro foi polémico. Fóra do nacionalismo popular, pareceu panfletario. E dentro non foi demasiado ben entendido porque o chairego apostou por unha renovación formal –tipografías, xogos cos versos, maiúsculas, barras e guións, etc.- pouco acaída cos gustos máis convencionais do nacionalismo popular naquela hora.

14 may 2008


Manuel María.

Pan por Pan martes 13 maio


Segue adiante, cun nivel indiscutible, o ciclo que sobre os grandes poetas da posguerra se desenvolve no Liceo nestas semanas. O luns falou do poeta chairego Manuel María o tamén poeta, editor da súa Poesía Galega Completa e amigo do anterior, Miguel Anxo Fernán-Vello. O máis interesante da súa visión do autor de a “Terra Cha” foi o subliñar a fortísima identidade entre vida e poesía que marcou toda andaina daquel barbas xeneroso, da casa de Hortas.
Era un ser transparente, dixo del un día Carlos Casares, e con iso queda ben clara a extrema coherencia do chairego que nunca refugou dos seus principios nacionalistas e populares. Autor ben prolífico, con 47 libros de poesía editados, a obra de Manuel María será revalorizada no futuro, de seguro, cando queden moi lonxe as circunstancias histórico-políticas nas que naceron os seus versos.

12 ene 2008

Vencello que nos xungue e ten en pé

ENTRE HORTAS E PORTAS, de Xosé Manuel González
27. Galegos somos, galegos seremos.
Para a Lourixe.
Ao mellor se recoñece dalgún modo.

Tamén Nós
Despois de tantas voltas e revoltas, despois de tantas viravoltas e trasvoltas polo cinema americano, a música dos Creedence, Pelé de gambeteo ou glamour da Soraia -en procura de algo inédito que nos salvase do habitual e vulgar- viñemos dar na sorprendente descuberta de que Galiza, a nosa Terra (oculta ao noso ollar por un prexuízo pailán, fulgor de bambolina, decreto negador) ofrecíanos un mundo esteso, novo, estimulante á par dos que andabamos a procurar por aí afora.

Altos ían, e ergueitos
Homes e mulleres do torrón, liñaxe de case todos. Aínda numerosísimos miles sobre a terra do país, a rexa man confería agarimo resgatado na dureza dos días. Multitude quizá acéfala na confesa impotencia (“non somos unidos”). Pero si, calcando a terra, ergueitos malia sacho e invernía que dobraban res, neles era adoito descubrirmos a patria do traballo. Moral popular quíxose outrora distinguir no seu hábito; e esperamos que, acordando, se visen fortes, nación e dixesen: “quero”. Espranza xorda.

Lingua proletaria do meu pobo
Ao cabo, gustábame. Deume a gana e algo que viña alá do fondo, sen tristura, mandou que debía. Familiar vocablo contraído e postergado acomodou música verbal inevitable con outras harmonías, e decisión a tempo restaurou umbilical. A lingua dunha avoa aínda viva, afirmando no amor aos devanceiros, andaba insospeitadamente en libro vello e novo, fora de reis e trobadores. Zumegando fermosura prometía estar cos meus, coa xente miña, e todos os que sofren neste mundo un pranto cotián de bolboretas. Remo e arado, proa e rella. Co rostro erguido.

Este é o cantar que cantamos
Sempre sentira melodía en ondiñas, eu queríame casare e chamáranlle moreniña á vista de tanta xente; pero de súpeto xurdiron unhas voces ceibes e arelei facer coma elas. De concerto clásico e folclore alleo volvérase a guitarra instrumento para vitoria pre-sentida; coiros e gaita foron traídos, houbo amálgama entre Woodstock e tribo. Sombrío é por veces o cantar, mais tamén lume e espiral, outro mellor non hai. O vello cantaba unha lembranza; pro na patria abatida, e do pobo explotado, nacemos nós, os fillos da morte e do tristén. Desexando arrolar, e ser amados.

Acabando os anos sesenta, miúdo orballo galeguista pingaba na sociedade luguesa. A Editorial Galaxia, e outros pormenores, avivaran certo remol de cando a República. Morrera Pimentel; e quen era mozo no 36, tal Antón Figueroa, Ánxel Fole e Celestino Fernández de la Vega, trabara contacto ou amizade con algún vinte anos máis novo: Manuel María, Benxamín Casal, Uxío Novoneyra... Alonso Montero exercía, a literatura galega vedraña ou recente chegaba a rapaces e agora aprendían que había un país achegado, sen aguia nin frechas.

Naceran moitos na cidade; cos que non, adoitaban compartir unha orixe rural da familia. Era o labrego epítome de atraso e indelicadeza en particular imaxe social que arriba concibiran e os do medio espallaban con autonegación. Encontrando a Rosalía, déronlle a volta os novos galeguistas: numeroso, sufrido, inequivocamente nación, o campesiño foi grande modelo e forte esperanza. De onde, se non deles, podería vir a forza necesaria?

Seríamos sen fala unhos ninguén. Dicía o poeta e nós concordamos. Igual se nos levara, desde o berce, cara a outra declarada máis útil e eufónica; igual xa llelo fixeran aos pais. Pero reatar o vencello no idioma dos avós, da estirpe e a terra, fermoso, próximo e cotián; acadar normalidade e fluencia era en Lugo eventualidade gramatical, lexicamente doada. Un fondo prexuízo facíao porén -como fai- social e psicoloxicamente custoso. E o rapaz querencioso de equidade atopou vitamina democrática: o idioma somos nós, pobo común. O rapaz falou en galego, a lingua popular, produciu novidade e algún escándalo. Os nosos inimigos saben ben que as palabras vencen ás espadas.

Leuse primeiro, falouse. Ao tempo, cantabamos. O exemplo de Voces Ceibes -ás veces, quizá, directamente o de Serrat, Llach e outros catorce jutges-, ou aquel orballo que pingaba fixo galega a guitarra, xuntarse, entoar. Houbo en Lugo, sobre todo, grupos. O Carro (Antón Campelo, Chiruca, Pedro...) traía novas da longa noite de pedra: “Son un pasmón”, “Monólogo do vello traballador”, “María Soliña”... No 72, Mini, Mero e outros oito ou dez xuntaranse co cura Mato e escorrentarán meigallo: fuxan os ventos dos agoreiros!; a sabenza de Mato en materia musical e folclórica orientarán -primeiro ao grupo e sempre ao dúo- no gusto popular e labrego, un mundo que se borraba. Jei Noguerol estudaba no Masculino e falaba polos que non poden falar, denantes dos vinte anos.

Manolo Lombao, en Radio Popular os sábados á tarde, ofrecía palestra e micrófono para este fervedoiro; os Ceibes todos, os lugueses, Maxi e Xena, María e Xavier... Alí, e en festivais de colexio (A Divina Pastora, Gran Teatro...), máis novas voces xurdían: unha, dúas, tres, catro e ata cinco manifestaron, primeiro, ideais e despois transitaron por sendas do folc.

E chegou un momento onde se viu preciso, imprescindible, que o idioma do país fose proposto como fluído cotián, arte, cultura escrita, falada e non excepcional. Veu a Lugo Lois Diéguez, foi a lingua á radio, houbo conferencia e debate. Para daquela, a palabra galego, en nós, expulsara xa contracción, cacofonía. Orgullosa reconquista.