Mostrando entradas con la etiqueta a nosa terra. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta a nosa terra. Mostrar todas las entradas

15 ene 2009


A riqueza erótica da lingua
A NOSA TERRA 15.01.2009. Imaxe: Brancusi.

"Se non imos todos xuntos, imos ó carallo”, dixo hai anos un moi relevante político galego nun recente acto electoral. A anécdota de Fraga lembroume a riqueza polisémica deste concepto na nosa lingua, desde tempos ben antigos: o noso trobador medieval Fernando Esquío xa xogou no seu día, nunha das súas cantigas satíricas, coa diferenza entre estar “encaralhado” (potente sexualmente) ou “escaralhado” (impotente), dúas cousas ben distintas só con cambiar unha letra, como sabía o frade protagonista do poema, ao que lle chegaban a parir tres mulleres nun día “e outras muytas prenhadas que ten...”. Os poetas medievais usaron derivados tan transparentes como “caralhote” e “caralho francés” ou “caralho de mesa”, curiosos artefactos estes últimos que nos revelan que a modernización tecnolóxica no erotismo ten moitos séculos enriba.
A familia semántica do concepto citado é aínda maior: hai que engadir , entre outras, formas como “ben”, “cavalo”, “peón”, “pisso” e “rabo”, citadas todas na magnífica “Antoloxía de poesía obscena dos trobadores” de X. Bieito Arias Freixedo (Positivas, 1993). Son as cousas da riqueza do idioma. Só queda por saber qué políticos van saír da próxima liorta electoral, aló polo 1 de marzo, “encaralhados” e cales quedarán “escaralhados”...
Ós segundos pódelles servir de consolo o saber que todo está inventado hai xa moito tempo. Entre as primeiras películas gravadas na historia do cine hai xa cintas eróticas ou pornográficas: seica cando as actrices eran negras, nin sequera actuaba a censura porque non se consideraban como seres humanos. En todo caso, a nosa cultura ten unha riqueza no potencial erótico da súa lingua que non debe ser desprezada.

12 dic 2008


Marcos Valcárcel. Historiador

'A cultura de Galicia segue a ser unha descuberta para os máis novos'.

Entrevista A NOSA TERRA.

XAN CARBALLA

FOTO:Paco Vilabarros.



Na noite do 29 de novembro centos de persoas homenaxeaban no restaurante San Miguel a Marcos Valcárcel (Ourense, 1958), que presentaba o seu recente libro Historia de Ourense. Colaborador desde hai tres décadas de A Nosa Terra, o historiador sostén o blog cultural máis concorrido (As uvas na solaina). Nesta conversa percorre algúns dos fitos da súa traxectoria.

As uvas na solaina, ábrense cunha cita de Vicente Risco, “Ser diferente é ser existente”.

É unha máxima de vida?

Escollina porque sintetiza o que era a Xeración Nós, que se presentaba cunha cultura diante do mundo, sen chauvinismos, con defectos e virtudes, pero cunha identidade de seu en paralelo con outros culturas irmáns, en tempos nos que se falaba de atlantismo e celtismo. En definitiva é afirmar a propia identidade sen agresividade. É unha fórmula case de marketing publicitario que xa lle gustaría a moitos ter como propia.

Móvese nunha manchea de oficios culturais, ademais do seu labor de ensinante. Que motiva esa diversidade?

Literatura e historia son os pés nos que estiven sempre. A miña xeración ía encamiñada á filoloxía e moitos acabamos na historia, pero sempre me interesou dentro dela a historia cultural, que relaciona os meus intereses principais. Teñen métodos diferentes pero escritores e historiadores constrúen relatos. Ramón Villares pode gacelo desde os datos empíricos e obxectivos e Méndez Ferrín cunha teoría sobre a historia de Galiza na que

pode amoldar máis a realidade ao seu intereses, acudindo á imaxinación cando non lle gusta.

No caso dos relatos de Ferrín está o pasado idealizado do que as persoas da súa xeración soñaron de Galicia.

Un dos seus máis recentes traballos foi unha historia cultural galega dos últimos cen anos. Cales son as marcas principais dese traxecto?

Cando o sistematicei sorprendeume o resultado, porque ao poñer as cousas unhas detrás das outras comprendes mellor o mapa. Recollín desde unha publicación a un monumento, unha obra de teatro ou manifestacións conmemorativas. O primeiro é sinalar a enorme vitalidade da Galicia anterior a 1936, sobre todo desde 1920, que se ve moi ben na vizosidade do teatro e na construción de lugares de memoria, como os monumentos

de Carral ou de Rosalía. Pareime no que significou no 36 a represión directa sobre figuras da cultura e o xornalismo e antes de chegar aos 60 e os 70 a miña sorpresa foi atoparme que a Galiza cultural en plena Ditadura ofrecía máis do que pensabamos a priori. Non tanto polo volume como pola capacidade de iniciativa que se mantén e que se pode rastrear fóra dos xornais –por exemplo cos epistolarios; sexan a creación dunha asociación cultural, uns xogos florais, un xantar de homenaxe,... Que nunca se rachase o fío da continuidade

cultural a pesar as dificultades podería ser unha marca central de todo ese período. A partir dos anos 60 a situación empeza a mudar rapidamente, desde a creación do Día das Letras Galegas ao medre do asociacionismo cultural, que foron unha escola cívica de formación de toda unha xeración que se se achegaba ao nacionalismo.

DESDE O ACTIVISMO CRISTIÁN AO NACIONALISMO.

Na noite da homenaxe falou das súas orientacións da mocidade. Pero que foi o que o atraeu a vostede sentimental e ideoloxicamente ao nacionalismo?

Houbo moitos elementos que coincidiron no tempo. Empecei nos movementos cristiáns progresistas,

porque no Ourense daqueles primeiros 70 gobernaba facticamente Anxo Temiño, extremista e conservador entre os bispos, e aparecían movementos católicos que se lle opuñan e que estaban vencellados ao mundo cultural, por exemplo os fundadores de Abrente en Ribadavia. Se mirabas as parroquias da raia con Portugal estaban cheas de cregos progresistas e galeguistas estrañados alí por Temiño. Foi un factor local que tamén influíu nos estudantes. Outro elemento foi o cineclubismo, como lugar de debate e encontro, ou a lectura das revistas progresistas da época como Triunfo e despois o asociacionismo cultural, a Agrupación Cultural Auriense no meu caso.

Para entender a dimensión do fenómeno en 1973 houbo un curso de galego no colexio Maristas ao que asistiron 350 persoas, e temos os documentos dos matriculados. Había xente da burguesía ilustrada da cidade a unha chea de xente moza, que moita dela aterrou despois no nacionalismo de esquerdas. Alí acudimos a escoitar a figuras como Otero, Ferro Couselo ou Casares, ou un curso completo de Francisco Rodríguez, que daba

clases nun instituto de Ourense. Para min foi un tempo decisivo, polos amigos que fixen e porque regaleguicei a miña vida e recoñecinme nese mundo.

Aquela actividade da Auriense abriunos novas posibilidades a unha chea de persoas que estabamos desexando facer cousas e non tiñan máis saída que o tradicionalismo católico ou a OJE. Este fenómeno foi aínda máis

importante case nas vilas, porquesó na provincia de Ourense había entre 25 ou 30 asociacións, desde Avantar no Carballiño a unha pequena en Viana do Bolo, cun grupo musical e moitas actividades onde estaba Suso Jares. Había entón máis vida cultural nas vilas ca hoxe.

O FUTURO DO IDIOMA.

Como profesor no ensino medio como albisca o horizonte para o galego?

Nin optimista nin o contrario. É indiscutíbel que nestes 25 anos de dedicación profesional vin o cambio das actitudes lingüísticas. Nos anos 80, nun barrio de Ourense como A Carballeira, recibía moitos alumnos galego

falantes que o mantiñan como lingua primeira. Hoxe mudou, son minoría e algúns sostéñeno por conciencia ideolóxica. Pero no uso das linguas non hai cousas definitivas. A mocidade é un tempo no que inflúe o gregarismo, a conformación do grupo, a necesidade de integración e amóldanse á situación. O exemplo

pode ser tosco, pero é como se pensáramos que sendo o botellón maioritario entre unha mocidade moi ben formada en coñecementos e que son os profesionais do futuro, todos van ser no futuro alcólicos e marxinalizados. Co idioma haberá evolucións diferentes, e tamén haberá descubrimento do país e coa chegada á vida laboral espero que moitos volvan ao galego. Na sociedade tradicional tamén había esas mudanzas e

trasacordos. Téñoo visto moito cos alumnos e dependerá como vaia a sociedade. Se avanza a galeguización

e se ve como un factor positivo, democrático e de autoestima de nós, o uso do idioma avanzará.

Segue sendo o descubremento un factor igual onte que hoxe necesario para tomar unha decisión sobre a lingua?

Todos temos un arredor de si [título da obra de Otero Pedrayo na que o protagonista, logo de viaxar, acaba por identificarse con Galicia]. Desde o escritor até a persoa máis anónima todos temos un momento de posíbel

redescuberta do país, da súa cultura e o seu entorno social. Pode suceder en calquera momentoe é positivo que así sexa.

O libro Historia de Ourense (Xerais), que agora publica, vai nesa liña de divulgación de elementos para escubrir o país?

Ourense é unha cidade con moita historia, sen batallas ou grandes sucesos, pero con cousas moi orixinais nas que hai que afondar. Teremos que saber máis do Ourense medieval que tan ben estuda Anselmo López Carreira e outros elementos que son comúns a toda Galiza e que na época contemporánea son de marcada identidade,

non só pola Xeración Nós pero tamén antes. Está o tempo de Marcelo Macías ou o de Lamas Carvajal que funda o xornalismo en galego (O catecismo do labrego ou O Tío Marcos da Portela) cunha receptividade social enorme; a xeración de Curros ou a republicana de García Ferreiro. Sen ese substrato non se explica a Xeración Nós e tampouco a máis contemporánea que se cultiva arredor da memoria da República e a antifranquista e da recuperación dos anos 70, para conectala k.o. xente de hoxe que apenas coñecen todos eses nomes da memoria

inmediata e das dificultades nas que desenvolvían calquera traballo político e cultural.

Non hai demasiada carga de pasado na cultura que fai pouco atractivo o achegamento da xente máis nova?

Requírense outros modelos pero non é incompatíbel, como non o foi no noso tempo. Tanto na música, como no cómic, no audiovisual ou no virtual non ten porque haber un compartimento estanco respecto ao coñecemento

do pasado. Ninguén pode construír desde cero, e iso xa o debateu a Xeración Nós coa aceptación das vangardas sen rexeitar a tradición. Máxime nun país que está reconquistando o seu dereito a existir, a súa propia tradición. Entendérono Risco e Otero e a revista Nós é un modelo de convivencia de tendencias, de Castelao a Seoane, de Colmeiro a Fernández Mazas, todos collen. Hoxe un blog pode pasar de falar de grupos de rock a recoñecer o traballo doutros momentos da historia de Galiza.

CON RAMÓN PIÑEIRO SOBRAN OS XUÍZOS MORAIS OU INQUISITORIAIS.


Na interpretación da política e cultura de posguerra e primeira democracia aparece Ramón Piñeiro, ao que ano 2009 se adica o Día das Letras. Cal é súa interpretación desta figura?

Hai que procurar evitar o maniqueísmo e os falsos tópicos, sexan haxiográficos ou condenatorios. É unha igura

complexa, á que hai que recoñecerlle un compromiso fundamental co galeguismo desde os seus anos mozos, coas loitas democráticas na posguerra, que lle custaron o cárcere. Despois do ano 50, a través de Galaxia e as súas tertulias na mesa-camilla, tivo un papel guieiro dunha serie de xeracións, no que se chamou culturalismo, pero que nos deixa aberta a pregunta de que se podía facer na Galiza dese momento. É diferente analizar o que fixo naqueles anos da interpretación que logo, en anos de Transición, se fixo del, moi simplista, presentándoo

só como un culturalista anticomunista. Se se len as súas cartas publicadas vese que Piñeiro debuxaba un mapa político da futura Galiza moi semellante ao que facían outros moitos no Estado, con dúas grandes correntes:

democracia cristiá e socialismo democrático e onde el dí que non ten nada en contra de marxistas e comunistas

pero que non era el quen tiña que organizalos. Na Transición, o galeguismo e o nacionalismo evoluiron distintamente, quizais porque era unha xeración máis nova en idade e que proviña de movementos máis radicais. Iso deulle un nesgo máis antisistema ao nacionalismo daquel momento, o que deixou un baleiro inmenso de quen podían apostar por un galeguismo máis moderado e é cando Piñeiro opta por apoiar a outros

partidos e non recompoñer o Partido Galeguista. Pero esa é unha etapa final e non resume toda unha vida de activista.

En 2009 haberá debate, polémica, novos documentos e aspiro a que teñamos un Piñeiro total, ao que hai que recoñecerlle o seu esforzo de conceptualización de Galiza e de formación galega de moita xente nos anos 50

e 60. Sobran os xuízos morais ou inquisitoriais.

A POLITICA CULTURAL DO NACIONALISMO NA XUNTA DEFRAUDOU AS EXPECTATIVAS.

Activista cultural en múltiples iniciativas, da Auriense ao Clube Alexandre Bóveda ou o Liceo de Ourense, cal é o seu balance da intervención cultural do nacionalismo desde o poder autonómico?

Sería moderadamente crítico. Penso que se perdeu o asociacionismo de base. Hoxe os mozos non teñen esas

alternativas ás que achegarse, aínda que terían que ser moi diferentes para facelas atractivas. No institucional

hai de todo, pero aínda que cargar co morto da Cidade da Cultura é un hándicap moi grande, ás veces déronse iniciativas que semellaban faltas dun perfil claro do que se quería facer. A sociedade esperaba máis da política cultural do nacionalismo, especialmente porque fora un sector moi forte, porque o nacionalismo ten moito que

ver coa cultura e pola necesidade de marcar unha identidade.

Cando gobernaba o PP o discurso era moi crítico e a xente pensaba que había un programa alternativo máis

sólido do que se está a ver. No meu ambiente percibo esa desaprobación e non é a consellería nacionalista que ofreza mellores resultados.



27 oct 2008

O poder do medo (M. V. en ANT. 16.10.2008)

Podería escribirse a historia da Humanidade facendo a historia do Medo no paso dos séculos: estamos aquí porque a nosa especie soubo sobreporse a iso e sobrevivir como tal. En todas as épocas houbo medos, moitos horrorosos e fantasiosos. O progreso científico e tecnolóxico fixo arrombar con algúns temores propios da cultura tradicional (e no camiño morreu unha boa parte da cultura popular), pero o concepto do medo como axente da historia non desapareceu, nin moito menos. Na clave política, o “medo fomentado” (ó terrorismo, ó Islam, ás bombas nucleares) serve moitas veces de escusa para xustificar políticas imperialistas e agresivas contra outros países. No mundo cotián existen, e son impulsados polos medios de comunicación, centos de “medos múltiples” que atinxen a todas as parcelas da realidade e todos os días lemos nos xornais algunha estatística sanitaria que nos inclúe xa nalgún dos moitos males posibles a padecer. En realidade todos estas fobias son irracionais como o son tamén a homofobia ou a xenofobia, que por desgraza están tan presentes no tecido social. Recentemente, un estudo de politólogos da Universidade de Nebraska relaciona a actitude política cunha estrutura cerebral: segundo estes investigadores a xente que non se asusta doadamente defende o pacifismo, o control de armas, unha política tolerante coa inmigración e o apoio económico ó Terceiro Mundo. En cambio, os máis asustadizos apoiarían o patriotismo, o gasto en defensa, a guerra de Iraq e a pena de morte. É moi discutible acreditar nas bases biolóxicas dos nosos temores cotiáns. En realidade calquera medo que nos arrede do presente e do noso ideal de felicidade é non só irracional e absurdo, senón tamén inútil e paralizante. A vida, ó cabo, vivida con consciencia e harmonía, é o mellor antídoto contra todos os medos de onte e de hoxe.

15 may 2008


A Nosa Terra, a través de Xoán Carballa,
cedeume xenerosamente esta foto tan fermosa de Manuel María e a súa compañeira Saleta Goi (de paso, xa saben de qué escribo mañá). Graciñas a ANT.
Manuel María (3). Pan por Pan venres 16 maio.
Máis de seiscentas veces aparece a palabra Amor na “Poesía Galega completa” de Manuel María: deu ese dato esoutro día o seu editor, Fernán Vello. Velaí algúns exemplos. O amor como mar da felicidade: “O meu desexo máis fondo é naufragar,/ ouh miña boa e sinxela compañeira!/ no teu mar de tenrura. Só no teu mar”. En “Poemas da labarada estrelecida” o amor é testemuño da vida común, das primaveras e outonos melancólicos, amor construído como “ferida fonda, nidia, transparente,/ costume irrenunciábel,/ coñecimento total, sabiduría/ absoluta de nós mesmos/ deica chegar á imposibilidade/ de poder distinguir onde/ comezas ti e eu remato”. Amor mencer, amor solpor, amor lume, amor árbore: as imaxes son case infinitas. E ese amor tiña, dende os primeiros versos, nome propio, unha gran personalidade: Saleta Goi, compañeira na loita e na tenrura.

13 ene 2008

"As mellores pintadas son as dos ácratas"
Esta semana, na contraportada de A Nosa Terra, publícase unha entrevista con este cronista a propósito da serie que sobre as pintadas apareceu neste blog (en nove entregas). A entrevista é de Horacio Vixiande e a foto, sacada un moi frío día de decembro na Praza de Abastos ourensá, de Paco Vilabarros (creo que a entrevista non está na rede; se lles interesa, terán que buscar o xornal en papel).

7 dic 2007

A Nosa Terra reformada e a miña colaboración nesta nova etapa
(Imaxe: a que deseñou Francisco Leiro para o centenario)

Como todos vostedes saben xa, ANT empezou unha nova etapa, reformada, con melloras evidentes na súa presenza formal. E cun monográfico cheo de cousas de interese. Xan Carballa chamoume para colaborar nesta nova andaina e eu, que xa o fixen noutras (sobre todo nos primeiros anos), aceptei. De momento, cunha columna semanal: quizais con máis cousas, xa veremos. Velaí amiña primeira columna:

Contar historias
Sempre dicía que necesitaba contar historias para entender o mundo. E para entender as xentes que habitamos nese mundo. De feito, refugaba a retórica vacua de tantos discursos baleiros de ideas. E non entendía como os escritores, que por profesión se dedican a xogar coas palabras e crear historias, podían deixarse enredar pola linguaxe tecnocrática e intelectualizada dos congresos universitarios, por exemplo.
Non foi o seu caso. O seu foi o dominio da palabra e o pracer da conversa. A imaxe amable e en positivo dunha visión do país. Un galeguismo de realidades para facer florecer unha cultura, por riba dos dogmas e as teorías.
Falo de Carlos Casares. Pioneiro en tantas cousas. No xornalismo literario, dende os seus artigos en La Región dos anos 60 ata a súa columna “Á marxe” en La Voz de Galicia ata o día anterior á súa morte, tan traidora, en marzo do 2002. O Casares pioneiro na literatura xuvenil, que abriu portas e fiestras en tantos aspectos. O Carlos Casares creador de mundos propios en obras que son xa clásicos indelebles das nosas letras, dende Vento ferido a O sol do verán, pasando por xoias como Ilustrísima, Os escuros soños de Clío ou Deus sentado nun sillón azul, entre moitas outras. Ou marabillas como Un país de palabras, fóra de xénero, un diamante auténtico da palabra, que nos ensina máis sobre a literatura e o ser humano que todo un anaquel de ensaios. O Casares que estudou o país dende as súas biografías de alta divulgación (Vicente Risco, Otero Pedrayo, Curros, Sarmiento, etc.).
Todos lembramos o seu faladoiro garimoso, o pracer da conversa, a imaxinación desbordada, a palabra como terapia. Dende o día 10 de decembro un Coloquio reunirá en Ourense, convocados pola Fundación Casares e a Universidade de Vigo, a diversos especialistas para falar con rigor e amplitude da obra de Carlos Casares: agardemos que non se abuse da retórica nin da palabrería inútil. Oxalá ata se conte algunha historia: como de seguro desexaría Carlos.