Mostrando entradas con la etiqueta Velázquez. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Velázquez. Mostrar todas las entradas

20 jun 2008


Velázquez (3).
Pan por Pan venres 20 xuño

Os retratos de ananos do artista sevillano son todos apaixonantes, pero un deles sempre me pareceu moi especial, cheo de misterios. Falo do chamado neno de Vallecas que non é tal: de certo é o retrato de Francisco Lezcano, o Vizcaíno, porque era de aló. Pintado cara 1634, foi bufón do príncipe Baltasar Carlos. Velázquez retrátao coa faciana inchada, vestido de verde, dentro dunha cova e barallando unhas cartas. Pero o noso ollo o que rexistra é o aceno desgarrado da boca entreaberta: bocexa un sorriso, como din algúns estudosos? Ou é unha expresión de dor? Ou a felicidade do infortunio e a non conciencia? O catálogo do Prado cualifica o personaxe como vítima de cretinismo con oligofrenia. A doutora mexicana Marcela Vela sostén que ese retraso mental viña causado por un hipotiroidismo conxénito. O seu rostro, en calquera caso, queda impregnado na nosa memoria.

19 jun 2008




Velázquez (2).
pan por pan xoves 19 xuño
Imaxes: a infanta Margarita María, por Picasso, e o Inocencio X, de Bacon.

Os xenios son os escritores, músicos, artistas, científicos, que saben ler a realidade do seu tempo e logo reinterpretala e transformala. Velázquez bebeu nos clásicos do seu tempo: Miguel Ángel, Tiziano, Rubens. Pero non se quedou aí, foi máis alá. E en Velázquez beberían logo centos de pintores, algúns mesmo “copiando” as súas pezas para crear nova obras. Dalí encheu de ovos fritidos a súa versión do anano Marro do sevillano. No ano 1957 Picasso pintou obsesivamente a súa serie de “Las Meninas”, cun tratamento grotesco, metamorfose dos personaxes orixinais: estas son as “miñas” Meninas, dixo Picasso, que lle dedicou 58 óleos. Bacon atreveuse co retrato de Inocencio X, que lle fixera exclamar en 1650 ó retratado que era “¡Demasiado real!” . As dúas obras mestras, a de Bacon quizais máis tráxica, desgarradora: retrato da angustia do home do noso tempo.

18 jun 2008


Velázquez.
Imaxe: o bufón "O anano de Morra"

Jonathan Brown, catedrático da Universidade de Nova York, é un dos hispanistas máis prestixiosos. Leva 50 anos a estudar a vida e obra de Velázquez e acaba de publicar outro volume sobre o xenial artista sevillano. Home intelixente, Brown recoñece que aínda non chegou ó fondo de moitas obras de Velázquez, malia ser o máximo especialista nese autor. O pintor foi revolucionario na pintura: nos seus conceptos, formas, estilos. Pero conservador na súa ideoloxía, con desexos de ennobrecerse e de asentar unha certa fortuna. Pero, se un observa os seus motivos populares, verá que están tratados coa mesma solemnidade que os retratos dos monarcas e a súa familia. Velaí a vella a fritir ovos, o Baco rodeado dos borrachos, as fiandeiras ou os ferreiros que reciben a Vulcano na fragua. Mesmo os seus ananos e bufóns están cheos de nobreza, sobriedade e autenticidade: as marcas do xenio.