Mostrando entradas con la etiqueta psiquiatría. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta psiquiatría. Mostrar todas las entradas

28 oct 2008


Novela negra (I),
andoliña martes 28

A Asociación Galega de Saúde Mental
celebra cada ano, no Pazo de Trasalba, unhas Xornadas de Psiquiatría, Psicanálise e Literatura, con temas diversos, sempre interesantes. A edición número XVII tivo lugar en maio do 2007 e agora publícanse as actas, que me fai chegar o amigo Santiago Lamas, un dos organizadores. De que se falou alí? Vóullelo contar. Gonzalo Martínez Sande deu unha charla sobre Las prótesis del héroe: un percorrido polos clásicos do xénero, de Hammet e Chandler a Jim Thompson ou Chester Himes, cunha esculca das próteses que definiron os seus principais personaxes. O alcoholismo, a marxinalidade, a devastación que produce o contacto co mal, son algu- nhas das constantes clásicas do xénero. Porque unha boa novela negra, di Martínez Sande, sempre vai máis aló dun argumento criminal: en realidade investiga e conta como é toda unha sociedade.
Se viaxamos ás raíces da NN, encontramos a Edgar Allan Poe, mestre do relato curto, creador da novela policial, precursor da de ciencia ficción. Na súa propia vida, no seu temperamento romántico, nas súas relacións coas mulleres, na ausencia da nai, están as chaves ocultas do mundo deste mestre, e diso escribe Ania Justo Alonso
.

20 jun 2008


Velázquez (3).
Pan por Pan venres 20 xuño

Os retratos de ananos do artista sevillano son todos apaixonantes, pero un deles sempre me pareceu moi especial, cheo de misterios. Falo do chamado neno de Vallecas que non é tal: de certo é o retrato de Francisco Lezcano, o Vizcaíno, porque era de aló. Pintado cara 1634, foi bufón do príncipe Baltasar Carlos. Velázquez retrátao coa faciana inchada, vestido de verde, dentro dunha cova e barallando unhas cartas. Pero o noso ollo o que rexistra é o aceno desgarrado da boca entreaberta: bocexa un sorriso, como din algúns estudosos? Ou é unha expresión de dor? Ou a felicidade do infortunio e a non conciencia? O catálogo do Prado cualifica o personaxe como vítima de cretinismo con oligofrenia. A doutora mexicana Marcela Vela sostén que ese retraso mental viña causado por un hipotiroidismo conxénito. O seu rostro, en calquera caso, queda impregnado na nosa memoria.

3 may 2008


en poleiro alleo:
Austria no diván, de Afonso Vázquez-Monxardín (La Región 3.5.08)
http://www.laregion.es/opinion/1551/
(Imaxe: O pesadelo, do pintor simbolista H. Füssli)

(...) este mundo rebentou dúas veces coas dúas Grandes Guerras. Pero sen culpables aparentes. A primeira reduciu o imperio á Austria actual, dúas veces e media o tamaño de Galicia, habitado por menos de oito millóns de persoas, e case matou Viena (no ano 2000 tiña setecentos mil habitantes menos que en 1916). Desapareceu o Imperio e a el foron as culpas todas. Logo, houbo vinte anos de resentimento para alborozarse coa chegada de Hitler; e de novo compartir un tráxico destino imperial. E cando cae Hitler, todos calan, todos teñen moito que calar. Érguese un inmenso muro de silencio e inventan o papel de vítima que convén a vencedores e vencidos. Así, con ese saber e calar, Kurt Walheim, ex nazi, chega ao cume das Nacións Unidas e logo, á presidencia do país.Todo é posible, pois. Só hai que disimular. A culpa non existe se non se publicita. Ademais, non é educado falar. O crime sen castigo. Nunca pasa nada. A Viena escura do ‘terceiro home’, dos refuxios antiaéreos, dos sotos onde agacharse de nazis, de aliados, de rusos... parece que agroma nos arrepiantes casos que por alí se producen. Austria necesita resucitar a seu veciño Sigmond Freud, deitarse no seu diván e falar, falar e falar dos anos mozos para tratar de enfrontarse de novo ao futuro con ollos máis limpos.

19 ene 2008



Síndromes. Ou... estamos todos toliños?

Un tema do que xa falamos aquí. (Imaxe de Courbet: Ophelia. Pan por pan sábado 19 xaneiro)

Falou no Foro La Región o psiquiatra Jesús de la Gándara do aumento, no noso tempo, das depresións e dos trastornos psicosomáticos. Debeu ser interesante, pero non puiden asistir. Vexo no xornal que o psiquiatra falou dos novos xeitos de expresión do sufrimento humano: o estres, as patoloxías da présa, o acoso laboral, angustias e ansiedade, fobias, acoso laboral, etc. E tamén falou do síndrome da avoa escrava, do síndrome de Dióxenes e do da coidadora. E aínda hai máis: o síndrome de Ulises, nos inmigrantes. Problemas reais e graves na maioría dos casos. Outra cousa diferente é a tendencia actual a buscar un tratamento psicolóxico ou psiquiátrico para todo: velaí nenos diagnosticados e tratados con pastillas porque van mal no colexio e cousas así. Vivimos unha sociedade que o quere todo xa, ás presas, que se nega a admitir o fracaso: iso si que é un bo trastorno.

25 dic 2007





en breve
(esta é a entrada n. 1400)


"Se deixasen de súpeto de expender pílulas, todo sería un caos..."
"Sería un caos e nova en todos os medios de comunicación. A xente andaría polas rúas ou nas súas completamente inqueda, angustiada, desasosegada e con desspero non non achar remedo inmediato, que é o químico, contra o seu mal"
(Miguel Silveira, psicólogo clínico, en Faro de Vigo, 22.dec.)

Xúntanse os expdeputados do Hórreo para facer un "lobby" e reivindicar a súa utilidade pública (LVG 22 dec.)
Pero, dos primeiros que asisten, falan todos en castelán nesa primeira xuntanza: quizais, digo eu, porque xa están fóra dos marcos da corrección política dun deputado en exercicio. Indignada, Pilar García Negro fala en francés, con plena corrección, para ridiculizar que ninguén fale en galego.
Indignante ou deprimente? Cantos deses exdeputados pronunciaron máis dun discurso en favor do galego no Parlamento?

Os docentes somos funcionarios da sociedade
José A. Marina, sobre a polémica dos contidos da materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos (El País 10 dec.):
A polémica causa danos á escola ó presentala como un xeito de mecanismo sen sentido crítico, unha máquina adoutrinadora do Estado. Os docentes aparecen como monicreques, cando a realidade é outra. Aínda que somos administrativamente funcionarios do Estado, somos de feito funcionarios da sociedade, é dicir, temos que defender se é necesario a sociedade fronte ó Estado. Somos intermediarios críticos, non correa de transmisión das directrices ministeriais.

26 oct 2007


Psicopatoloxía do retorno
Andoliña venres 26 outubro. Foto de Manuel Ferrol. (Este post vai dedicado a Torre de Babel)

Cando marcharon cara á terras descoñecidas encontráronse cun choque cultural inevitable. Cando volven, os nosos emigrantes, sofren un choque cultural inverso: a terra idealizada nos recordos non é o paraíso prometido. Encontran defectos aquí que antes nin sequera percibían. Disto fálase en Psicopatoloxía do retorno (Galaxia) : eis o título do volume asinado polos novos psiquiatras Alexandre García-Caballero e Ramón Area Carracedo, presentado o mércores no Liceo ourensán cun rico debate no que tamén participaron Víctor Freixanes e os psiquiatras e amigos Santiago Lamas e David Simón.
O retorno é silandeiro. Cambio de valores. Frustración. Somatización. Depresión e alcoholismo nalgúns casos. Os autores do estudo, que mereceu o Premio Ramón Piñeiro de ensaio 2006, recorren a metáforas literarias para explicar estes fenómenos: narrativa odiseica dos homes, viúvas de vivos das mulleres, etc.
Ela di: "Esperei todo este tempo a que volveses e agora non te recoñezo". E logo el: "Traballei arreo toda a vida para que vivísedes ben, e agora chego á casa e nin mirades para min". Tamén a Galicia de hoxe despreza o saber acumulado polo tempo co esforzo de tanta xente.