Mostrando entradas con la etiqueta inmigración. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta inmigración. Mostrar todas las entradas

24 may 2008

Dous datos.
Pan por pan sábado 24 maio. Foto: Tatiana Cardeal.

Publicáronse onte os resultados dun estudo do Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre a inmigración en España. Xa hai 2,16 millóns de fogares nos que vive algún estranxeiro. Os máis numerosos son os marroquís, romaneses e ecuatorianos. No estudo hai dous datos que a min non me sorprenden, pero quizais si a alguén. Por exemplo, demóstrase que só 1 de cada 10 estranxeiros que chegaron a España fixérono en pateras ou caiucos; a maioría chegaron en autobús, tren ou avión, contra o que quixo facer crer certo discurso alarmista. Os caiucos son só a cara máis dramática dun fenómeno moito máis amplo. Outro dato curioso: o 65 por cento xa tiñan traballo antes de emigrar a España e viñeron por un emprego mellor ou por maior calidade de vida. Tamén sucedeu así cos emigrantes galegos en América: non sempre marchaban os máis pobres, senón os que tiñan máis gañas de mellorar.

6 may 2008


DEZAOITO EUROS
Andoliña 6 maio

Vin esoutro día a película “As mulleres de verdade teñen curvas” (2002), ópera prima da directora colombiana Patricia Cardoso, que fai cine nos Estados Unidos. Unha ben contada historia, interesante, da inmigración sudamericana, que combina a conquista da propia autoestima sobre o seu físico na moza protagonista, e a súa loita polo dereito a un mellor futuro, a través dunha beca para ir acceder á Universidade, mesmo contra as arelas dunha nai castradora.
As mozas sudamericanas, a medio camiño entre as dúas culturas, traballan ata a extenuación nun taller de costura, atafegadas pola calor, e fan fermosos vestidos de deseño ó custe de 18 euros: os mesmos vestidos que se venderán logo nas tendas máis fashion a 600 euros a peza, segundo se afirma na propia cinta.
O mundo é inxusto: alá e aquí. En Galicia tamén se podería rodar unha historia semellante, quizais coas mozas dalgún taller téxtil semiclandestino. Os nosos labregos e gandeiros recollen unha parte moi cativa do que producen: hai outras mans máis cobizosas. Ó cabo, 6 de cada 10 fogares teñen graves problemas económicos. Un de cada catro vive con menos de mil euros ó mes: cóntano os xornais, todos os días.