Mostrando las entradas con la etiqueta mundo medieval. Mostrar todas las entradas
Mostrando las entradas con la etiqueta mundo medieval. Mostrar todas las entradas

12 feb 2009

Manual de amor.
Andoliña venres 13-2-09

Por un blog dunha autora galega, Lula Fortune, souben que na Biblioteca Capitular de Verona encontrouse o primeiro manual para escribir cartas, do século XII, asinado por un tal Guido, quizais un crego, e que inclúe un capítulo dedicado ás cartas de amor. Seica saíu no xornal La Repubblica, segundo a propia blogueira.

Alí, nese capítulo sobre as perfectas cartas de amor, aconsella gabar sempre a beleza e calidades da amada, con exemplos de parellas mitolóxicas (Paris e Helena, Píramo e Tisbe), usando imaxes de pedras preciosas ou enviando "tantos saúdos como peixes hai no mar" ou "flores leva o verán". Convén referirse ó sentimento de amor como algo imposible de describir: "ámote tan fondamente que non sería capaz de explicalo aínda que todos os membros do meu corpo puidesen falar". Tamén fala ese manual de bicos, apertas e "cousas doces, cousas para facer xuntos" e recomenda dirixirse ó destinatario con expresións deste xeito: "a túa beleza sabe que...", "a túa dozura coñece...".

Outras expresións refírense ó tópico do mal de amor: "a mente non responde", "o ánimo enlouquece de tanta alegría". Que sorte tiveron as mulleres amadas naquela xeira, cando menos na literatura.

15 ene 2009


A riqueza erótica da lingua
A NOSA TERRA 15.01.2009. Imaxe: Brancusi.

"Se non imos todos xuntos, imos ó carallo”, dixo hai anos un moi relevante político galego nun recente acto electoral. A anécdota de Fraga lembroume a riqueza polisémica deste concepto na nosa lingua, desde tempos ben antigos: o noso trobador medieval Fernando Esquío xa xogou no seu día, nunha das súas cantigas satíricas, coa diferenza entre estar “encaralhado” (potente sexualmente) ou “escaralhado” (impotente), dúas cousas ben distintas só con cambiar unha letra, como sabía o frade protagonista do poema, ao que lle chegaban a parir tres mulleres nun día “e outras muytas prenhadas que ten...”. Os poetas medievais usaron derivados tan transparentes como “caralhote” e “caralho francés” ou “caralho de mesa”, curiosos artefactos estes últimos que nos revelan que a modernización tecnolóxica no erotismo ten moitos séculos enriba.
A familia semántica do concepto citado é aínda maior: hai que engadir , entre outras, formas como “ben”, “cavalo”, “peón”, “pisso” e “rabo”, citadas todas na magnífica “Antoloxía de poesía obscena dos trobadores” de X. Bieito Arias Freixedo (Positivas, 1993). Son as cousas da riqueza do idioma. Só queda por saber qué políticos van saír da próxima liorta electoral, aló polo 1 de marzo, “encaralhados” e cales quedarán “escaralhados”...
Ós segundos pódelles servir de consolo o saber que todo está inventado hai xa moito tempo. Entre as primeiras películas gravadas na historia do cine hai xa cintas eróticas ou pornográficas: seica cando as actrices eran negras, nin sequera actuaba a censura porque non se consideraban como seres humanos. En todo caso, a nosa cultura ten unha riqueza no potencial erótico da súa lingua que non debe ser desprezada.

6 sept 2008

No seu "Rodicio do Tempo" Clodio González Pérez
escribe sobre os
Alcumes medievais (Galicia Hoxe, 6-9-08)

Como a relación é moi extensa, non propia dun artigo xornalístico senón dun bo traballo para unha revista especializada, cinguimos a dar non máis que varios acompañados co ano en que se rexistran, empezando polo que acadou a capela de San Xusto para fundar naquel lugar o mosteiro: Petrus Cresconii cognomento Infanzon (1127); Anaia (1197), Auricula (1161), Badarra (1254), Baluga (1168), Batalia (1241), Beschoquino (1217), Bispo (1245, Petrus Fernandi dictus Bispo, presbiter de Oluaria, Bochon (1274), Boleyro (1264), Caladus (1236), Calvo (1172), Calza (1224, monxe), Canela (1152), Caninus (1227), Chapas (1210, vicario do arcebispo), Cheyron (1267) Chicus (1156), Colonio (1167), Corvo (1257), Cotalaya (1242, presbítero), Curvus (1153), Das Capas (1201), Dente (1202), Esquerdus (1249), Falcón (1226), Feo (1241), Ferus (1163), Fiel (1219), Fol (1215), Francus (1244), Garavitus (1204), Gatinus (1245), Gatus (1244), Granion (1191), Gordus (1247), Lavaromeus (1238), Leyno (1247), Leyton (1218, presbítero), Lucho (1267), Lupo (1242), Maladus (1215), Mosca (1241), Moxe (1260), Navaya (1247), Patuchu (1213), Pexon (1190), Picito (1234), Pinctus (1157), Porrinus (1239), Qui Venit (1226, Martinus Pelaiz dictus...), Rabiosus (1238, racioneiro compostelán), Rapatus (1245), Rectus (1242), Rubeus (1202, cóengo), Sardina (1217), Serpe (1255), Sicarius (1245) Siccus (1161), Testa (1228), Teyxafin (1217), Tofinus (1237), Tourel (1228), Tuvius (1244), Varelle (1234), Vilanus (1242)...
Os alcumes das mulleres son contados, non por careceren deles, senón porque a súa presenza nos documentos é moi escasa, e ás veces referida ao home: Bochoa, muller de Petrus Fernandi dictus Bochom (1274).
Algúns remataron en patronímicos: Batalla, Chico, Seco, Tubío... A excepción é Varela: pasou a apelido, pero tamén segue aínda actualmente como alcume na zona.

P:S: dedicamos este artigo ó Julio Medela, se é que ten Internet nos calabozos do castelo de Allariz.

23 mar 2008


Sátira e poetas (5)
María a Balteira.
(Imaxe de Luís Seoane para o libro de Lorenzo Varela)
A nosa poesía medieval ten todo un tesouro no rexistro satírico: as cantigas de escarnio e maldizer. Nelas quedaron inmortalizados algúns nomes asociados a certas prácticas sexuais. Velaí María Peres a Balteira, quen, tras unha vida de luxuria e pecado (algo así como a moza esa que tanto lle gorentaba ó gobernador de Nova York), decidiu retirarse en sinal de penitencia e buscar un crego con quen confesar. Tal arrepentimento non foi aceptado polos trobadores, porque moitos deles afiaron as súas sátiras contra a pobre muller: así, Fernán Vello insiste en que a Balteira tomou con ela a un crego “e deulle a cama en que sol jazer/ e diz que o terrá mentre viver”. Moitos séculos despois acudiría Lorenzo Varela en desagravio desta cantadeira e bailadeira cunha fermosa cantiga que racha co tópico da xograría e na que a imaxina bailando coa súa saia leda, “lume nos ollos i o aire nos pés”.

29 nov 2007

Lembrando a Xulián Bolseiro

E, por fin, déronlle a razón ó noso trobador medieval:

Aquestas noites tan longas
que Deus fez en grave día
por mí, por que as non dormio
e por que as non fazía
no tempo que meu amigo
soía falar comigo?

Porque as fez Deus tan grandes
non posso eu dormir, coitada,
e, de como son sobejas,
quisera eu outra vegada
no tempo que meu amigo
soía falar comigo.

Porque as Deus fez tan grandes
sen mesura desiguaes
e as eu dormir non posso,
porque as non fez ataes
no tempo que meu amigo
soía falar comigo?

(Xulián Bolseiro)

A ciencia venlle dar a razón ó noso trobador medieval (e a M. Proust, de paso):
Investigadores da Universidade de Bos Aires aseguraron que a memoria garda con más facilidade datos vencellados con algunha carga afectiva.
(Vía Fíos invisibles)