Mostrando entradas con la etiqueta pintadas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta pintadas. Mostrar todas las entradas

13 ene 2008

"As mellores pintadas son as dos ácratas"
Esta semana, na contraportada de A Nosa Terra, publícase unha entrevista con este cronista a propósito da serie que sobre as pintadas apareceu neste blog (en nove entregas). A entrevista é de Horacio Vixiande e a foto, sacada un moi frío día de decembro na Praza de Abastos ourensá, de Paco Vilabarros (creo que a entrevista non está na rede; se lles interesa, terán que buscar o xornal en papel).

6 dic 2007

Pintadas (resume)

Só para facilitar a consulta dos posibles interesados/as, deixo en Comentarios as nove Andoliñas que naceron da colección de pintadas aquí escolmadas nas últimas semanas. Por outra parte, clicando na etiqueta Pintadas aparecen moitas máis, todas as que vostedes foron deixando xenerosamente nesta casa.

3 dic 2007




Pintadas (10). En Buenos Aires.

Un amigo, que andou de vacacións pero que segue atentamente as Uvas, fotografou para este blog estas dúas pintadas en Buenos Aires. A de Evo Morales no barrio de San Telmo; a outra en Palermo (Grazas, Tacho) .


29 nov 2007


Pintadas (e 9).
Pan por Pan venres 30 novembro. Na imaxe, Charlie Chaplin.
Rematarei hoxe con esta serie das pintadas, aínda que teño material non para nove columniñas, senón para un cento delas. Algunhas pintadas valerían para as clases de literatura, por exemplo, para identificar os recursos retóricos presentes nestas: “La moda me incomoda”; “Galiza: máis que nunca. España, nunca máis”; ou “Gane quien gane, pierde la gente. No votes”.
En Santiago vin no Ensanche unha moi desvergonzada, “Carrillo, eres tan tontín!”, e outra moi filosófica, “Pensar non doe”, na Facultade de Psicoloxía.
E remato con outra que me facilita un amigo ourensán: pintárona na madrugada do 22 de novembro de 1975, ó comezo do Paseo, entre Hermanos Barros e Tobaris, cando a morte de Franco e dicía “Viva el Rey”. Pero mans anónimas engadiron por baixo dela: “En el exilio, coño!”: non sabemos se este artista era un franquista ou un opositor de esquerda.
(P.S.: de novo grazas a todos/as os que mandaron as súas achegas a esta escolma de pintadas que durante os últimos dez días foi aparecendo neste blog. O tema é infinito e haberá ocasión de volver sobre el, cando pareza pertinente).

Pintadas (8).
Pan por Pan xoves 29 novembro. Imaxe: Larry Semon.
Vai hoxe a penúltima entrega sobre as pintadas nas rúas: mañá remato con esta xeira, para que ninguén se aburra. As pintadas deben ter algo que ver co instinto dos animais para marcar o territorio: os humanos fano con sprays, eles con urina. Nesa liña están campañas nos muros como “O Bierzo galego” ou outras contra algún xentilicio: vostedes coñecen o slogan “Orensanos fuera de Samil”. Por Auria estivo en tempos aquela de “Dios ha muerto, Niezstche ha muerto. Y yo no me encuentro nada bien”, variante doutra que xa citei. Ácratas eran tamén as de “Sin libertad, el voto es una ilusión. Y con libertad es innencesario” e, pintada nun cimiterio, a de “Muertos, ¡moveos!, la tierra para el que la trabaja”. E un ben cachondo foi o que pintou en Compostela “Sito Miñanco, patriota galego. Liberdade!”.

28 nov 2007


Pintadas (7).
Entrada 1300. Pan por Pan 28 nov. Imaxe: Buster Keaton.

Na pintada política os que mandan levan todos os paos, como é lóxico. Por iso hai tantas contra os Estados Unidos, velaí algunhas: “Europa es de los EE.UU.ropeos”, “España, hay quien te quiere y quien te U.S.A.” ou “Non á guerra. Destruír EEU e Israel”, Xa en plena democracia alguén pintou en maiúsculas: “¡Franco vive!”. E outro alguén puxo debaixo, con rotulador: “Pues se estará dando con la tapa”. Tamén era simpática aquela de “No se os puede dejar solos. Franco”. E lembran a campaña do Estatuto de Galicia, 1980? O lema oficial (quen foi o xenio?) era “Vota aínda que chova”. Despois das eleccións, cunha abafante abstención, pouco tardou algún gracioso en engadir: “Que, seica non choveu?”, aquí en Ourense. Fraga usou nunha campaña o lema “Es la hora de Fraga”. Pois en Compostela, na rúa do Villar, alguén puxo: “Vota en Canarias, é unha hora menos".

27 nov 2007


Pintadas (6).
Pan por Pan martes 27 novembro. Harpo Marx, imaxe.

A provocación dende os muros dunha parede é un feito tan antigo como universal. O milagre de Internet permítenos acceder a mensaxes nacidas en lugares ben diferentes. En Italia, por exemplo (grazas, Arume), aquilo de “Estracomunitari, salvateci degli italiani” que significa “Inmigrantes: salvádenos dos italianos”. Ou esta catalana, que non é preciso traducir: “El que no folla per cap d´any, no folla en tot l´any”. Dende Uruguay chégame unha boa escolma. Velaí: “La esperanza es lo último que se perdió”; “Algunos nacen con suerte, otros en Uruguay”; “Todos prometen, nadie cumple, vote a nadie”. Que me perdoen os psicólogos por esta: “Los idealistas hacen castillos en el aire, los locos los habitan y los psicólogos cobran el alquiler”. Ou esta outra, que dá que pensar: “Los niños y los locos son los únicos que dicen la verdad: a los locos los encierran, a los niños los educan”.

25 nov 2007


Pintadas (5).
Pan por Pan domingo 25 novembro

Dinme os amigos que en chegando á cidade das Burgas, nalgures quedou esta pintada: “Ourense, Acrópolis de Galicia”. Será polo tópico da Atenas, supoño: en fin, menos mal que non puxeron Necrópolis. O maio do 68 foi o paraíso dos graffitis e as pintadas: nun libro de Cortázar hai moitas imaxes daquela xeira mítica. Velaí algunhas do Maio que quedaron en Internet: “O aburrimento é contrarevolucionario”; “O patrón necesítate. Ti non precisas ó patrón”; “Son marxista, tendencia Groucho”; “Están mercando a túa felicidade. Roúbaa”; “Non poñas parches, a estrutura está podre”. Algunhas das que citamos nestes días, sobre todo de acenos ácratas, collerían nesta última categoría. Tamén esta, que estivo en Oira procede daquel Maio: “La barricada corta el tráfico, pero abre el camino”. Ou esta, tan provocadora: “Mentres os medios mintan, as paredes seguirán falando”.

24 nov 2007




Pintadas (4).
Pan por Pan sábado 24 novembro

Os amigos seguen a mandarme auténticas xoias nisto das pintadas ourensás e doutras cidades galegas. Non son cousa de agora, aínda que antes non había tantas comodidades nin sprays, había que usar a brocha gorda. En Celanova aínda queda indemne na parede do mosteiro o anuncio do “Adiante”, o voceiro das Mocidades Galeguistas, e en Auria non hai moitos anos quedaban restos dun “Abajo el clero”, seguro que de preguerra, na rúa Bispo Carrascosa, á beira do Museo Arqueolóxico. Moito máis recentes son estas xa da época democrática: o “Galicia, colonia o champú?” coa que os ácratas fustrigaban ós nacionalistas da UPG; “Algún día España amanecerá republicana” (nas Lagoas, no paso da ponte do tren); “Escoita, o foder tamén é loita” (Monforte) ou estoutra que moito lle gusta ó Monxardín: “Vótame a min, a ti que máis che dá e a min arréglasme a vida”.

(A foto prestada de EP3 da sección Talentos -"No hay noche tan larga que no acabe en día")

23 nov 2007


Pintadas (3).

Pan por Pan venres 23 novembro (Imaxe: Paul Lafargue, autor de O dereito á preguiza, casado cunha filla de Carlos Marx)

Sigamos coas pintadas, tema apaixonado e con moitos seguidores, polo que vexo. O primeiro que aprendín sobre os anarquistas, contado por un crego profesor de relixión, foi que eran moi malos porque escribiran un libro facendo unha gabanza da preguiza. Por aí iría, supoño, o artista que pintou en Compostela no Día dos Traballadores: “1º de maio, traballa ti que a min dame a risa”. Nesa cidade, en tempos tan politizada, houbo centos de pintadas de todas as cores. E tamén contrapintadas. Na praza da Quintana debía levar alí décadas un ostentoso “¡Arriba España!”. Algún simpático engadiu debaixo “O que a tirou, que a levante”, asinando coa simboloxía anarquista (un A dentro dun círculo). Simpática tamén a pancarta nunha manifestación ourensá de adhesión a Franco. Dicía así: “Franco, tus ideales son los de Toén”. Os mal pensados pensaron no psiquiátrico.

22 nov 2007

Pintadas (2)
Pan por Pan xoves 22 nov.

Foron moitos os colectivos que, no paso do tempo, recorreron ás pintadas para facerse escoitar: nacionalistas (cantas espirais houbo nas rúas da cidade?), comunistas, ácratas, grupos sindicais, etc. Os ácratas usaron case sempre o castelán: “La virginidad produce cáncer. Vacúnate” estivo pintada perto das Carmelitas. Da mesma corda eran aquelas de “Temiño, obispo, nos dejas hecho cisco” ou “Vitorino, ladino, colocame el sobrino”. Algunha anarquista tamén vimos en galego: “Abaixo o Estado”. De fasquía feminista, sen dúbida, era o slogan “O corpo é noso. Non á represión sexual” que, segundo me contan, ata orixinou un sermón de predicación en contra da mensaxe por parte dun crego na misa de Santo Domingo. E unha das máis crueis que se poden imaxinar, sobre todo porque a pintaron na entrada dunha escola de neniños pequenos, pobres criaturas: “Os reis son os papás”.

20 nov 2007


Pintadas (1).

Pan por Pan mércores 21 novembro

Nota previa: como outras veces, reciclo materiais nacidos no blog, hoxe mesmo. Gustáronme tanto algunhas das súas aportacións no fío da Auriense,
arredor das pintadas, que decidín facer unha pequena serie sobre as pintadas da cidade ourensá. Velaí a primeira entrega.

Na rúa de Camiño Caneiro, ó carón do cruce coa Habana, había unha pintada, aló polo 72, que dicía “Orense con Ferrol. Franco asesino”. En solidariedade coa folga obreira de Ferrol, debeu ser das primeiras na cidade, como lembra un lector do meu blog. Tras dela acoden á memoria, nun curioso cachón de relmbranzas, moitas outras. A cidade ourensá ten unha rica tradición de pintadas ácratas, bastante cachondas todas elas. Por exemplo, aquela xoia de “Grelos, sexo e muiñeira” que estivo en tempos nunha residencia feminina de Cardenal Quiroga. Perto do colexio Cardenal Cisneros houbo outra, moi provocadora cando chegaron as primeiras eleccións democráticas, a favor da abstención: “Haz como nosotros. La reina y yo no votamos” e asinaba o Rei. Co mesmo estilo, na rúa Cardenal Quevedo, aquela que rezaba: “Niezsche murió. Firmado: Dios”. E mañá seguiremos.