
Galicia Hoxe, 23/06/2009
Na vella Auria un recuncho para a reflexión, o lecer e o pensamento. Unha fiestra aberta ao mundo dende aquela vella sentenza de don Vicente Risco: "Ser diferente é ser existente".



DISCURSO NA RECEPCIÓN DO PREMIO OTERO PEDRAYO
Teatro Principal.Ourense, 20 de xuño de 2009 .
Marcos Valcárcel López.
(O discurso consta de dez folios dunha cara, que pertencen aos tres cuartos de hora -aproximados - de lectura e improvisación)
INTRODUCIÓN: NON SUM DIGNUS.
Cando aló polo ano 1934 ou 1935, Xosé Filgueira Valverde quixo preparar unha antoloxía de poetas galegos, dirixiuse, entre outros, a Otero Pedrayo, o cal naquel momento só publicara en formato libro obras de narrativa, e este respostoulle “non sum dignus”, non son poeta. Hoxe sabemos que isto non é verdade porque de feito Otero Pedrayo publicaría logo poesia, o libro Bocarribeira, e deixou centos de poemas e poesías que están a ser recollidos en xornais e en revistas da época.
Conto todo isto porque, canto hai uns días, me chamou por telefóno o presidente da deputación ourensá, José Luís Baltar, o primeiro que meu veu á cabeza foi a anécdota de Otero Pedrayo, e as gañas de lle dicir “non sum dignus” de recibir tal galardón. Pero, evidentemente, houbo detrás un xurado formando por persoas de institucións de moito prestixio que así o consideraron e, polo tanto, eu non podía desbotar esa posibilidade.
Así pois, o primeiro que vou facer é amosar o meu agradecemento a ese xurado que decidiu outorgarme unha tan alta distinción. Porque o que é certo é que recibir un premio que leva o nome de Otero Pedrayo -como se fose o nome de Castelao ou o nome de Alexandre Bóveda- é moito máis que un compromiso, é realmente case unha profesión de fe nos nomes que foron sagrados da nosa conciencia cívica e que nunca esqueceremos.
Síntome moi satisfeito, moi orgulloso e moi ledo de recibir un premio que leva o nome dun dos maís grandes escritores das letras europeas do seu tempo.
PARTE PRIMEIRA: O meu Otero Pedrayo. (Non existe en soporte papel, rescatarémola de gravacións multimedia).
PARTE SEGUNDA: Otero Pedrayo, obxecto de estudo.
Anos despois lin con moito detalle a maioría das obras de Otero Pedrayo, non só as súas novelas e tamén os seus contos, senón os seus ensaios, moitos dos seus estudos de investigación e moitísimos centos de artigos dos que publicaba todos os dias nos xornais. É difícil de imaxinar, de non sabermos que estamos ante unha xeración como a Xeracion Nós, a capacidade heroica de traballo de xentes como Otero, como Risco ou Cuevillas, que publicaban practicamente a diario artigos na prensa, ás veces varios no mesmo día, que escribiron nos anos vinte e trinta a maioria das súas obras literarias, ensaios e estudos. E que noutros casos como Otero Pedrayo, era tamén o director do único instituto da cidade, “o culto director do instituto”, como dicía a prensa, e que aínda lle quedaba tempo para formar conciencia galeguista a través do Partido Galeguista e do seu labor en Cortes en Madrid, algo que, por certo, aburriu soberanamente moitas veces a Castelao tal e como se queixa nalgunha carta ao seu amigo Otero Pedrayo.
Mais a verdade é que aquela xeración, con aquela capacidade epopeica de traballo e de esforzo, foi a que tivo a ilusión e o gran compromiso de inventar unha idea de Galicia. Unha idea de Galicia que existía antes, por suposto nos Precursores, e de forma moi potente na obra de Murguía e na obra periodística de Lamas Carvajal, ou na obra poética de autores como Rosalía Curros e Pondal; pero que a partir deste momento terá unha forza teórica, unha forza de perfección verdadeiramente inigualable. Esa Galicia como nación cultural que reivindica os seus dereitos, que quere ser dona de si mesma, que quere salvar a súa lingua e a súa cultura, é sen dúbida un legado induscutible da Xeración Nós e moi en particular de Otero Pedrayo.
Eu tiven a sorte de abordar en distintas etapas da miña vida diversos traballos sobre don Ramón. O primeiro -que, por certo, foi un encargo de Bieito Ledo para a editorial Ir Indo en 1988- foi o libro titulado Otero Pedrayo. Vida, obra e pensamento. Obra que serve de referencia aínda hoxe a moitos estudosos deste tema e, en concreto, das ideas e do pensamento de Don Ramón. Libro que compartillei, así o quixen explicitamente, co historiador Xose Ramón Quintana, coautor do mesmo. De feito, entre as virtudes do libro está a forte bagaxe teórica e o rigor analítico de Xosé Ramón Quintana ao estudar o pensamento de don Ramón, así como algúns datos, bastantes datos inéditos, da vida do Otero Pedrayo político dos anos 30 extraídos da miña tese de doutoramento sobre a república ourensá. Polo tanto, o libro é unha biografía, unha biografía politica tamén, un estudo da súa obra literaria e un estudo moi a fondo e moi rigoroso do pensamento de don Ramón.
Pouco despois, anos despois, tiven a posiblidade, tamén convidado, esta vez por Carlos Casares, de preparar a edición e a longa introdución d’ O libro dos amigos, un fermosísimo texto de Otero publicado en América nos anos cincuenta, onde dá o xesto valeroso do recordo dos seus amigos desde os anos durisimos da posguerra, fixándose particularmente nun grupo de arredor de trinta persoas, entre os cales estaba o exiliado, recén morto, Castelao, e tamén figuras vítimas da guerra civil e do franquismo, como Ánxel Casal, Roberto Blanco Torres ou Alexandre Bóveda, así como moitos outros. Libro do que a policía tivo constancia e só a alta personalidade e o prestixio de Don Ramón impediron que caera sobre el o peso da represión.
Foi para min un pracer preparar esta obra, presentada en Trasalba, como o foi despois enfocar diversos estudos sobre o xornalismo de don Ramón, o último deles títulado Teoría de Galicia, que é un volume que recolle todas as colaboracións de Otero Pedrayo na revista Vida gallega, publicado hai poucos anos pola editorial Alvarellos e no que fixen unha longa introdución sobre o xornalismo de don Ramón. Se houbese folgos, non será o caso, quedan por facer numerosisimas cousas, porque don Ramon é un longo continente aínda por descubrir. Entre outras, moitos de vostedes xa o saben, unha das miñas teimas é o seu xornalismo.
É urxente recuperar en formato libro ou como sexa, tamén utilizando os novos medios dixitais, toda a obra xornalistica de Otero Pedrayo: os centos de artigos que publicou en La Región desde os anos corenta, na revista Misión, na súa sección “Parladoiro” no xornal La Noche, a primeira sección en galego na prensa de postguerra, e os moitisimos artigos publicados en revistas da emigración de America e de Europa. E como digo, sobre todo os publicados en La Región ata a fin dos seus días. Sería unha importantisima achega para os investigadores poñer todo ese material na rede, por exemplo nunha web titulada “Xornalismo de Don Ramón”, o que nos faría descubrir grandisimas marabillas que esconde este xornalismo en boa parte inédito aínda.
PARTE TERCEIRA: Hai que poñer de moda a Otero Pedrayo.
Ramón Otero Pedrayo, como dixemos, é un dos nosos grandes clásicos das letras galegas e, á vez, un dos grandes autores da Europa do seu tempo, con preocupacións e inquedanzas moi semellantes a outros grandes escritores conservadores daquela época.
É chegado o momento de poñer, de verdade, de moda a Otero Pedrayo.
Poñelo de moda quere dicir non só recuperar o seu nome, recuperar por suposto toda a súa obra, como está a facer desde hai anos a editorial Galaxia, senón tamén difundila entre a maioría da poboación, tanto escolar como adulta. É verdade que Pedrayo ten certa sona de autor difícil nos textos escolares, precisamente pola riqueza do seu léxico e pola enxebreza da súa sintaxe, á parte das súas peculiares construcións narrativas, mais, aínda así, creo que isto é máis que nada un problema de estratexia didáctica. Hai textos de Otero para todas as idades. Aos nenos pequenos, por exemplo, encantaríalles escoitar a Historia dun neno, ese texto biográfico onde fala da súa máis tenra infancia, cando Vicente Risco botaba discursos sobre a guerra de Cuba ou de Marrocos aos gatos dos tellados, ou cando ian xunto dúas institutrices francesas moi delgadas e moi tetudas aprender as primeiras letras.
Despois hai textos escollidos de Otero Pedrayo, que hai que buscar, que poden valer para moitas e moitas tarefas escolares. A continuación están os seus contos. Eu recomendo, para adentrarse no mundo de Otero Pedrayo, antes os seus libros de contos -Contos do camiño e da rúa e outros títulos publicados por Galaxia- do que as súas novelas, as súas obras mestras como Arredor de si ou Os camiños da vida. E isto porque algúns deses contos son, en síntese, grandes novelas e tamén auténticas obras mestras. Pensemos en "O fidalgo", pensemos en "A serea", pensemos en tantos e tantos relatos oterianos. É máis, Otero é moito máis rico en rexistros do que se soe pensar. Nun destes contos, por exemplo, hai un Otero provocador e mesmo un tanto irreverente que relata como o bispo medieval ourensán chega a roubar a auga das Burgas e facer unha canalización para levala ata a sé do seu bispado nas Torres e Curral do Bispo, simplemente para ter contenta á súa concubina que quería bañarse en auga quente. Tamén hai este tipo de textos, se se quere un pouco irreverentes ou grotescos, da autoría de Otero.
Hai que recuperar a Otero Pedrayo, hai que recitar os seus poemas, hai que poñer as súas obras de teatro nos escenarios, como se fixera coa excepcional A Lagarada en Trasalba hai uns anos. Hai que recuperar o seu nome e o seu debate, se fai falta coas técnicas de márquetin máis modernas. E, por suposto, as súas grandes novelas. Ese Otero Pedrayo d´Arredor de si, d’Os camiños da vida, d’O Mesón dos ermos, de Fra Vernero, d’A Romería de Xelmírez, de tantas e tantas obras de gran interese. Nunha das súas últimas intervencións, na que Maribel Outeriño o entrevistaba, don Ramón dicía que se sentía xa como unha pantasma do século XIX andando por Ourense, alá contra mediados dos anos setenta do século XX.





Denuncia o escritor Mempo Giardinelli que no seu país, a Arxentina, a linguaxe sufriu nos últimos trinta anos un empobrecemento dramático e que duns 84 mil vocábulos dispoñíbeis só se empregan na actualidade arredor de mil. E, segundo datos da Real Academia Española, só entre os anos 1992 e 2001 foron suprimidos máis de 6.000 artigos do Diccionario oficial, palabras que simplemente desapareceron do uso falado e escrito e caeron no pozo do desuso. O empobrecemento xeneralizado da linguaxe é unha realidade que resulta hoxe máis que evidente na sociedade e detéctase particularmente nos adolescentes e nos profesionais en xeral, que, aínda tendo realizado estudos superiores, adoitan caer na inmediata vulgaridade e na conseguinte pobreza expresiva. ¿Acaso non sae da Universidade un alto número de licenciados que exhiben unha pésima desenvoltura ou manexo da lingua oral e escrita? Segundo diversos estudos realizados, se hai dez anos un universitario empregaba unha media de 1.200 palabras no seu vocabulario activo, hoxe só utiliza arredor de 600. Velaí a realidade. E resulta preocupante. O empobrecemento da linguaxe avanza como as areas do deserto sobre os fianchos verdes da herba. Xa dicía George Steiner hai corenta anos, baseado en estatísticas sobre o tema, que a capacidade de lectura de máis da metade da poboación adulta dos Estados Unidos se atopaba "ao nivel dun neno de doce anos". E como di, non sen ironía, o escritor e crítico literario Manuel Arranz, "xa sabemos que Estados Unidos é o futuro de Europa". Por ese camiño imos. E algo albiscou ou abesullou ao respecto o visionario George Orwell cando, na década dos corenta do pasado século, nos advertiu sobre a decadencia da civilización occidental e o inevitábel e triste destino compartido pola súa linguaxe, debido este sobretodo a causas económicas e políticas favorecedoras do empobrecemento da mesma. Como ben dixo o poeta italiano Giorgio Barberi Squarotti: "A pobreza da linguaxe debilítanos e pode facernos escravos das ideas doutros".



Agradecido(I) Dous solaineiros na Festa do Boi (Allariz, 14/06/2009)
por Xoán da Cova
Cheguéi ao Ziralla por volta das doce do mediodía, e dirixínme sen perder tempo á rúa onde se atopa a vivenda do Júlio Medela. Por un casual, nese preciso instante entraba pola rúa a procesión do Corpus, a pisar a tradicional alfombra vexetal de fiunchos, follas de palma e flores. A comitiva de devotos, que ocupaba todo o ancho da rúa, camiñaba moi de vagar, ao ritmo da música da banda. Vínme obrigado a desfilar eu tamén, convertido de repente no único devoto o suficientemente fervoroso como para soportar, sen paraguas, a chuvia que comezaba a caer, que se facía máis forte por momentos. Entre os simples espectadores que se apostaban nos altos, distinguín algúns coñecidos, que me saudaban con acenos de sorpresa ao verme nunha situación na que seguramente nin me imaxinaban.
Non lembraba o número da morada do Medela, e íame fixando nas fachadas para a recoñecer. Mais en todas colgaban, como é habitual, moreas de bandeiras de España, e algunhas de Galiza, o que, xunto co feito de que tiñan ventás e balcóns abertos e cheos de xente, facía difícil distinguilas. Os meus temores de non encontrar a casa do amigo disipáronse cando vin colgando, nun dos balcóns, a bandeira do Reino Suevo de Galiza, un león rampante pelexando con un dragón de rabo aguzado. Obviamente, só o Medela sería quen de facer iso.
O meu anfitrión invitoume a unha cervexa fresquiña. Disfruteina no balcón mentres observaba como, na rúa, os operarios municipais limpaban eficazmente a alfombra floral axudados por un "tractor escoba". Marca John Deere, tal e como ía matizar o Medela co seu inconfundible estilo. Limpaban a conciencia, probablemente para evitar o risco de que a xente esbarase nas carreiras diante do boi que se aveciñaban. Comparei a destreza daqueles traballadores no manexo de angazos e forquitas coa dos operarios do concello de Ourense, moitos dos cales deixan claro, polo modo en que as collen, que non viron nunca unha desas ferramentas na sua vida antes de aprobar a correspondente oposición.

