10 jun 2006


A cea, a arte do cinismo
(Andoliña sábado 9 xuño)
A obra péchase cunha cita das Memorias de Ultratumba de Chateaubriand. O espectador reacciona algo apampado, encéndese as luces e non ten moi claro cal é a realidade. Volvemos á realidade ou ela era ese mundo poboado de traizóns, paixóns, crueldade e desprezo de todos os valores políticos? Remata a interpretación de A cea de Jean-Claude Brisville e poderiamos afirmar aquilo de "o teatro é a verdade": Fouché, o xacobino que serviu á Revolución, a Napoleón e logo á Monarquía, fronte ao aristócrata Talleyrand nun diálogo maxistral que nos presenta a arte do cinismo como unha das manifestacións máis requintadas do ser humano. O mundo real que nos agarda fóra do teatro é moito máis pobre e plano, carente dos matices que poñen en escena eses dous monstros que son Josep Maria Flotats e Carmelo Gómez.
Foi o propio Carmelo Gómez, que dá vida a ese Fouché desapiadado, quen declarou nunha ocasión que a historia política do mundo debeu de estar chea de ceas coma esta, na que a corrupción e o crime consensuaron o poder absoluto. A acción transcorre en 1815, trala fuxida de Napoleón, pero tampouco custa imaxinar un encontro semellante con personaxes de hoxe. E iso é malo.

9 jun 2006


Moncho Borrajo
PAN POR PAN venres 9 xuño
Unha cousa é o humor, outra a comicidade, outra diferente a retranca e outra a sátira aberta. E no xénero do humor métense moitos máis xoguetes cómicos que ás veces son pura chocalleira, “gracejo fácil” ou riso directo provocado pola burla dos que non teñen quen os defenda: por iso hai tantos chistes racistas, misóxinos e xenófobos. Cadaquén ten os seus gustos: líbreme Deus de reclamar censuras contra ninguén. Pero dicir nun escenario a unha muller do público cousas como esta: “Se estiveses violada, non terías esa cara de amargada”, a min, qué lle queren, non me fai graza ningunha. Iso foi o que fixo hai uns meses o ínclito Moncho Borrajo nun programa da TVG, no Luar. Por iso mesmo protestaba estes días Susana López Abella, deputada do Partido Popular. A propia compañía de RTVG fíxolle chegar unha queixa ao humorista. O mesmo que vén convidado a Auria nas festas do Corpus.
(Imaxe: Q. Metsys)

O humor de Cervantes no Quixote
(Andoliña venres 9 xuño)
Cunha chiscadela do seu ollo esquerdo, magnífico pórtico, recíbenos don Miguel de Cervantes na portada do volume Sobre o humor de Cervantes no Quixote, publicado recentemente nos Cadernos Ramón Piñeiro e da autoría de Siro López (o merecido xubileu, xa o sabiamos, permitiranos seguir a gozar dos traballos do noso amigo). Sorpréndese Siro do feito de que un libro humorístico e que sinala o nacemento do humorismo como creación literaria, como foi o Quixote, non teña merecido maior atención dende esta perspectiva entre os intelectuais españois. Siro enfoca este labor con entusiasmo, esculcando na personalidade humana de Cervantes, na súa pegada humanista (o pouso de Erasmo, León Hebreo, Séneca, etc.), na resposta literaria do escritor á crise do estado e á Contrarreforma e mesmo nas relacións entre o humorismo do Quixote e a caricatura nacida en Italia.
Seguindo fielmente o seu mestre, Celestino Fernández de la Vega, Siro abre moitas fiestras e deita aquí e aló moitas reflexións de valía. Dicía Vargas Llosa que, como en todas as grandes novelas, hai varias novelas no Quixote e cada época escolle as máis próximas á súa sensibilidade. Esta é unha lectura intelixente máis, ben útil por certo.

8 jun 2006


A Terra Cantada
Estará o próximo martes, día 13, 20,15 h., na Torga, presentando o seu último libro, A Terra Cantada, publicado por Xerais.

Felicidades !!
Coñecino no Instituto de Ourense, aló polo ano 73 ou 74. Non, non é certo. Xa o coñecía un ano antes, dos cursos de Lingua e Literatura Galega da Auriense. Eu era un mociño aplicado dos Maristas (un bon rapaz, "educadito" que diría o Luís G.T.) e el era un mozote moi espelido e facíase notar polo ben que falaba en público: hoxe é un dos mellores conversadores deste país, todo un espectáculo escoitalo e compartir tertulia con el. Tamén un dos nosos mellores escritores. E o autor dalgunhas das mellores columnas de xornalismo cultural publicadas na prensa escrita, en Tempos Novos ou en El Correo Gallego. Falo de Bieito Iglesias, un ourensán de Vilarchao e da Chabasqueira, fillo de emigrantes, estudante sempre brillante. Vivimos cinco anos xuntos en Compostela (devorabamos os relatos de Cortázar e outras cousas), fixemos moita política xuntos, e acción cultural. Pouco despois iniciou a súa convivencia con Merche, que perdura 25 anos despois. E o sábado pasado casou, motivo desta nota de noraboa. El mesmo o conta no seu "Pan e coitelo" de hoxe.

Síntomas dun estado cultural
(Andoliña xoves 8 xuño)
Na miña Auria presentaron o programa das Festas do Corpus: o que conto agora vale tamén para moitas outras festas urbanas e rurais do país. O programa adoece de falla de imaxinación e ofrece máis do mesmo: unha serie de grupos máis ou menos coñecidos que nesta ocasión son patrocinados directamente por empresas privadas. Seica o concello non ten cartos e deixou o financiamento na man das empresas. A presenza galega é escasa (Berrogüeto, recital de Caneiro, pouco máis), hai actos repetidos (Moncho Borrajo, que acaba de pasar pola cidade) e nada que diferencie estas festas doutras semellantes en Teruel ou Almería. O programa festivo é un armatoste publicitario a gusto dos patrocinadores: ulos os tempos en que se facían libros ou folletos a xeito, con achegas literarias e obra dos nosos artistas?
E o mesmo cabe dicir da retirada antes de tempo dos programas insignia da nova etapa da TVG: Hai debate e Volver ó rego. Se baixa a audiencia, que é sagrada, xa se sabe, haberá que volver aos culebróns de sobremesa? Tan difícil é facer unha televisión de calidade que interese ademais aos galegos? Tan pouca imaxinación existe neste país no que sempre precisamente presumimos do contrario? (Imaxe: detalle das vellas comendo sopa, de Goya)

7 jun 2006


A última entrega de Fernández Paz
(Andoliña mércores 7 xuño)
A memoria máis recente do noso pasado histórico está presente en moitas novidades literarias: Suso de Toro, Manuel Rivas, moitos outros. Nese campo de xogo sitúase tamén, coa mirada posta no público xuvenil, Corredores de sombra (Xerais), de Agustín Ferrnández Paz, un autor cunha longa andaina nas nosas letras con títulos que hoxe son xa clásicos no seu xénero: Cartas de inverno, Noite de voraces sombras, Rapazas, O centro do labirinto, etc.
A súa última entrega non desmerece as anteriores e non defraudará os seus lectores e, sobre todo, lectoras (len máis as mozas, sen dúbida). O autor manexa con fluidez narrativa os diversos elementos dos que se compón a trama narrativa: as tensións derivadas da localización social e persoal da protagonista (as diferenzas de clase co mozo Miguel, as distancias co pai); os recursos propios da novela de intriga e misterio, agora no marco dun pazo; os arquetipos das novelas da memoria (o galeguismo, a guerra, a represión do franquismo), etc.
A busca de Clara Soutelo e do seu tío Carlos é unha imaxe acaída da arela de verdade que comparte a nosa sociedade: un camiño para encher o baleiro que deixou a amnésica transición democrática. (Imaxe da pintora Sophie Anderson)

6 jun 2006


Unha historia que non foi ficción
(Andoliña martes 6 xuño)
Lin aquela reportaxe, de Ignacio Cembrero en El País, como se se tratase dun anaco de ficción. A historia dun xeneral de orixe marroquí, "o exterminador" dicían en titulares, que presumía das súas matanzas con Franco na guerra civil. Os rifeños que el dirixía mataron con granadas os douscentos feridos republicanos que se acochaban indefensos nun hospital toledano. Falan outras testemuñas da súa extrema crueldade e das torturas que dirixía contra mozas con carné sindical. O xeneral prometeulles aos seus homes "mulleres brancas" cando entrasen coas súas tropas en Madrid e xa llelas proporcionara antes, montando un gran bordel en Navalcarnero con prostitutas traídas de Marrocos e outras "cazadas" na represión contra os republicanos, segundo conta o historiador Herbert Southworth.
Podería ser unha curiosa historia de ficción. Pero foi verdade: o xeneral chamábase Mohamed Mizzian e o xornal madrileño publica unha foto súa, na que parece un secundario malo das películas hollywodenses da segunda guerra mundial. Na súa honra acaba de inaugurarse un museo privado preto de Melilla. Coa presenza, país de esperpentos o noso, de autoridades militares e civís españolas!!

5 jun 2006

SEIS MESES DESPOIS, UNHA LEMBRANZA
Hoxe cúmprense seis meses da morte do meu pai. Naquela noitiña collín un taxi cos meus irmáns Fiz e Oscar e a miña tía Olga e fomos cara a cidade da Coruña: poucas horas despois vímolo morrer no hospital que leva o nome do poeta Abente Lago, perto do monumento a Sir John Moore onde fican os inmortais versos de Rosalía. Tiña 74 anos e todo foi moi rápido: non pensabamos que o seu deterioro fose xa irreversíbel e en poucos días despediuse do mundo, en silencio, sen molestar demasiado. Desde aquela data non deixei de pensar un só día nel e nas lembranzas comúns que compartimos: teño del moito da súa carga xenética e creo que algunhas cousas máis...
Daquela eu non tiña aínda blog: púxeno a navegar tres meses despois. Como vos considero amigos e amigas a todos os que estades do outro lado desta pantalla, quixen facer pública esta lembranza: aínda que o meu blog segue un ton máis cultural e de debate, de cando en vez podo permitirme un pequeno espazo íntimo, creo. Para iso recupero unha foto de mediados dos 90, onde o meu pai está falando co poeta Manuel Outeiriño, nun dos Encontros de Escritores Ourensáns que faciamos no Liceo o Clube Alexandre Bóveda (foto de Eduardo Núñez). Tamén reproduzo o artigo que lle dediquei poucos días despois no Galicia Hoxe e un anaco dunha carta que enviei daquela a moitos amigos e amigas, agradecendo os seus sentimentos de pésame, na que falo tamén doutras cousas da súa personalidade.

NAQUELAS MAÑANCIÑAS FRÍAS… (Andoliña 8 decembro 2005)
Lembrei varias veces, nestes días, aquelas mañanciñas de inverno, ben frías pero aboiando xa o sol moi de vagariño, camiñando polas laxes xeadas da cidade antiga ata a Capela do Santo Cristo da Catedral. Velaí o neno que eu fun fascinado pola riqueza dos ouros, os pampos dos altares, as facianas misteriosas das Sibilas, a vizosidade case natural dese recuncho sacro. No centro o Cristo lexendario sostido por monumentais anxos que tanto asustaba ao neno Eduardo. Ao noso arredor un concerto magnífico de voces, os amigos da Coral de Ruada e a figura egrexia e xigantesca de Otero Pedrayo, nas primeiras filas da dereita, coma unha estatua de Buciños en pedra do país. Ás veces deixábanme subir ao lugar máis alto da Capela, ao carón do mestre Vide, fillo, que alí tocaba o órgano. Desde alí soaban máis harmoniosas as voces nosas e a liturxia en galego do oficiante, quizais aquel Bruno tan serio ou o poeta Santorum. Non, eu non tiña medo. O neno que eu fun, dez ou once anos, entraba no Santo Cristo da man do meu pai e do meu irmán maior. Ao saír da misa falabamos cos amigos, Guitián, Anxo Martínez, Vide, tantos outros… De volta para casa mercabamos uns saborosos churros quentes na rúa dos Fornos…
(Fragmentos dunha carta daqueles días...)
Quero aproveitar a inmediatez dos novos medios tecnolóxicos para darvos as grazas a todos e todas os que me acompañastes nestes días trala defunción do meu pai, ben coa vosa presenza en Armariz (por certo, ben fermosas son aquelas terras, non si?), ben a través de telegramas e correos electrónicos.O meu pai foi un home bo, tolerante, xeneroso, solidario, sabédelo ben todos os que o coñecestes. Era casi imposíbel escoitalo falar mal de ninguén e as súas palabras preferidas eran “ese mozo é un fenómeno”, “é unha persoa grande, magnífica”, etc., e nesas expresións referíase a moitos de vós que o tratastes a fondo durante estes anos. Aínda vivindo na Coruña, cando a memoria empezaba a flaquear, preguntaba a cotío por moitas destas persoas e gardou sempre indelébel o seu anaquel de fidelidades. Adicou toda a súa vida e os seus esforzos á educación dos seus seis fillos e á causa do amor á cultura galega e a este país. Sen reclamar nunca ningún protagonismo. Sen pedir nunca ningunha compensación. Militou no nacionalismo, seguindo aos seus dous fillos maiores neste caso, e foi, ao seu xeito, un home libre: non era doado naqueles tempos, para un pequeno empresario dunha cidade provinciana como Ourense, militar no BNPG (logo no BNG) e na UPG, desde logo non había moitas persoas da súa idade e extracción social na militancia activa. Pero el non tiña prexuízos a este respecto: lémbroo agora tirado polo chan, encadeado diante do Goberno Civil de Ourense, “contra a Constitución imperialista e colonial”, aló polo 78: non lle importaba moito o qué dirán cando estaba seguro das súas conviccións ideolóxicas. Nese espírito de liberdade, tolerancia e amor á Terra fomos educados os seus fillos: non hai mellor herdanza que esa. Eu estou seguro que se sentiría moi agradecido polo que sucedeu nestes días, pola compaña de tantos amigos, pola lembranza de tantos outros. Gustaríanlle de seguro as palabras emocionantes que lle adicou, na nosa lingua, o meu compañeiro Xurxo Gómez (o crego que oficiou, eu nin sabía que iría ata Armariz), ao carón dos versos de Antón Tovar e de Gerardo Diego. El foi crente hai moitos anos, na súa mocidade e primeira madureza (ía aos Milagres andando, pola noite), despois fíxose agnóstico, creo, pero agradecería a humanidade daquelas palabras.

4 jun 2006

Que a terra lle sexa leve...!
PAN POR PAN domingo 4 xuño
É unha das facianas máis coñecidos da nosa historia: o home que agarra chorando ao seu fillo, fotografado no ano 1957 por Manuel Ferrol, nunha imaxe que deu a volta ao mundo. Marchaban cara Buenos Aires os seus pais, unha irmá e varios curmáns: esa é a razón daquela dor auténtica, carnal. El mesmo foi mariñeiro e estivo emigrado en Suíza. Chamábase Manuel Ángel Calo Marcote e en Fisterra, onde morreu nestes días, era coñecido como O Jurjo. Ao seu fillo, o que está na foto, chámanlle Chanquete: de nome oficial Juan Calo, tiña outros catro irmáns. Hoxe home maduro, véxoo de novo nun xornal, no enterro do seu pai: non chora, pero transloce a mesma dor contida daquel retrato de hai 50 anos. De cando os galegos estaban condenados a percorrer o mundo en busca de traballo. Hoxe queda só esta foto para os “novos ricos” que somos hoxe: foto que merecería estar gravada en todas as mentes.
FALAMOS GALEGO, en marcha
O Foro de debate e a campaña "Falamos Galego", nacidos neste blog, seguen adiante. Hoxe amosan o seu apoio ás teses do Galego en Positivo o editor Manuel Bragado e, de forma menos explícita e por segunda vez, o escritor Alfredo Conde (non encontro o seu artigo na edición dixital do Correo, pero lino en papel). Do artigo de Bragado reproduzo os seus últimos parágrafos:
Hoxe, o futuro do galego non é unha cuestión de número de falantes nin da súa competencia, xa que a maioría da poboación galega, especialmente as dúas ou tres xeracións máis novas (as mellor formadas da nosa historia en todos os ámbitos), teñen capacidade para comprendelo, lelo, escribilo e falalo con eficacia máis que aprezable. O maior problema do galego reside en vencer os prexuízos que se instalaron ao seu redor (considerada como "unha lingua aldeana inservible no mundo moderno" ou "unha inequívoca marca política nacionalista"...) que impiden que esta maioría de competentes "falantes pasivos" xoves se transformen no futuro en orgullosos "falantes activos" adultos. Considerado así o problema entre a mocidade, o futuro do galego vaise dilucidar, por unha parte, no terreo de fixar os seus usos preferentes (o que dependerá, en boa medida, da política lingüística que desenvolvan as administracións), e por outra, na necesidade de espilo de connotacións políticas e dotalo de referentes de utilidade comunicativa para o conxunto da cidadanía.Facer fronte a este dobre reto require unha paciente estratexia en positivo que vencelle o seu emprego cos eidos máis emocionais e afectivos, asumindo que o seu futuro non está só nas mans dos políticos e dos ensinantes, senón tamén en cada un dos futuros cidadáns deste país de lingua milenaria. O manifesto "Falemos galego", promovido desde Ourense por Marcos Valcárcel e Alfonso Vázquez-Monxardín, vai nesa intelixente liña de recuperar amantes para esa lingua que dunha ou doutra maneira todos xa falamos.


Cousas que pasaban no ano 1924 na nosa historia cultural
Tamén na Galiza podemos falar dos felices anos 20, cando menos no campo cultural.
Na xeira de 1924 nacía El Pueblo Gallego e tamén a revista Ronsel e a Céltiga de Blanco Amor en Bos Aires, e estreábase a película Maruxa, con textos en galego de Lugrís Freire.
E morría Johán Vicente Viqueira, nacía o poeta Faustino Rey Romero e o Gaiteiro de Soutelo arrasaba América adiante.

3 jun 2006



V Premio Microrrelato Carlos Casares, do Liceo de Ourense
Na tardiña do pasado venres, entregamos o V Premio de Micrrorrelato Carlos Casares que organiza o Liceo de Ourense. Os premiados foron:
Categoría A (maiores 25 anos): 1º Premio. Xesús Manuel Marcos, polo texto "Esqueceu esquecer". Accésit: Francisco Castiñeira Romar, polo texto "Pombas".
Categoría B (menores 25 anos): 1º Premio: quedou deserto. Accésit: Matías Candeira de Andrés, polo relato"Voces al otro lado".
O xurado estivo presidido por José C. Martínez Pedrayo, presidente do Liceo, e composto por Delfín Caseiro Nogueiras, Teresa Devesa, Marcos Valcárcel, con Sexismundo Bobillo como secretario.
Os autores leron os seus textos no Salón Nobre do Liceo nun acto no que tamén interveu a Coral desta entidade e as recitadoras Teresa Devesa e Loli Conde, que leron poemas de Otero Pedrayo, Vicente Risco, Eladio Rodríguez e Curros Enríquez (pechándose así o ciclo que no mes de maio adicou o Liceo aos "Ourensáns na Real Academia Galega", no seu centenario).
Dúas curiosidades: os tres gañadores residen fóra de Galiza (Xesús Manuel e Matías en Madrid, Castiñeira en Oviedo) e dous deles, como xa sabedes os lectores deste blog, son tamén blogueiros: Xesús Manuel Marcos e Francisco Castiñeira.
Na foto que me envia o amigo Xulio de Rabal, de dereita a esquerda: Matías Candeira, Francisco Castiñeira, Xesús M. Marcos e o asinante destas liñas.


Quen podería escribir un bestseller galego? (Enquisa aos lectores)
Díxose nestes días (pido excusas pero non lembro quén foi) que ás letras galegas non lles viría mal un bestseller que despois fose traducido a outras linguas do mundo. Enténdase un bestseller na liña Dan Brown ou Ken Follet. Quizais algún dos que o puidese escribir non queira, pero... fagamos un exercicio de imaxinación. Deixo na mesa estas preguntas:
(1) Que escritor/a galego/a podería escribir un bestseller con posibilidades de éxito?
(2) Cal sería o tema central ideal para enganchar aos lectores/as?
(3) Poderíanse utilizar temas do corpus "tradicional" das letras galegas (tipo Materia de Bretaña, Irmandiños, etc.). Funcionaría?
(4) Que ingredientes necesitaría o cóctel para ter éxito?
(5) Que director de cine (galego ou non) podería levalo ás pantallas?
Agardo polas vosas opinións...
Montaxe: Jaume Plensa

DA NONÓ E AS MULLERES BARBUDAS
(Andoliña sábado 3 xuño)
Se as cabeleiras femininas foron usadas, ao longo da historia, como símbolo de rebeldía e sensualidade, outras protuberancias pilosas, menos atractivas, tamén chegaron ás artes e á poesía. Pensen no cadro “A muller barbuda” de José de Ribera, tan fascinante, que nos amosa o retrato de Magdalena Ventura de los Abruzos encargado polo duque de Alcalá, virrei de Nápoles. Foi un caso extremo de virilización e hirsutismo: dende os 37 anos empezou a medrarlle a barba e así consta nunha inscrición no ángulo inferior esquerdo do propio cadro.
Destas mulleres pilosas, en maior ou menor grao, hai tamén exemplos nas nosas letras xa dende os trobadores medievais. Esther Corral Díaz, no seu estudo sobre as mulleres nas cantigas, lembra aquela de Pero Viviaez na que o poeta se burlaba dunha moza de “rostro agudo come foron,/ barba no queixo e no granhon,/ e o ventre grande e inchado”. Retrato que ata podería inspirar, se o ourensán o coñecese, cousa dubidosa, a imaxe que Blanco Amor nos deixou da Nonó en “A esmorga”, cando a pinta cos seus “dous ou tres papos, por embaixo do queixo, macios e peludos”. Ou cando, en “Os biosbardos”, nos fala daquela Sor Flora, monxa “que tiña unha migalla de bigote”.

Cen Poemas Galegos (7): o U... ju ju... de Risco

Tiña un pouco esquecida a sección dos Cen Poemas Galegos. E acordeime do xogo-experimento de Vicente Risco en xaneiro de 1920, en A Nosa Terra, co seu poema futurista (parcela esta do ourensán estudada por Carlos Bernárdez). Risco coñecía ben o mundo das vangardas e fixo de introductor das mesmas na prensa galega e galeguista entre 1911 e 1931 (El Miño, A Nosa Terra, etc.). Tamén actuaba de informante ao respecto con Manuel Antonio e outros poetas galegos (tiña ademais moi perto a Eugenio Montes, daquela un nome con certo relevo na poesía ultraísta). Daquelas experiencias quedou este U... ju... ju onde está o Risco máis cosmopolita e moderno. Como contraste reproduzo tamén outro poema moito máis convencional (esa panxoliña de 1919).

U… ju ju…
(Poema futurista)

Terra
Duas áas diagonaladas d’ azur baten no mar
Sóbor do Atlántico a diástole imensa da raza
Vapor en todol-os motores do mundo
Añudadol-os nosos nervos á todol-os fíos eléctricos
Terra
A Cruña fita as brétemas d’ Irlanda
Vigo os raña-ceos de Nova York
GALICIA FOR EVER
CRUÑA
Puntos de tensión maxima da vida
VIGO
Terra.
Nudo de todol-os fíos
Enfiando todal-as vilas do mundo
Todal-as sirenas a un tempo a sonar
Trés pintados de sol furando a terra
No cabo de todol-os paralelos
Terra
As flechas das arelas solagadas da Atlántida
Nas nosas espadañas
Onde repican ó bautizo dos séculos novos
Antenas pra radiografial-os nosos himnos ás estrelas
Terra
Folgos de millós de peitos
Mañan
Brinco de todal-as vontades
Estralar de todol-os miolos
Terra
N. S. E. W.
Terra
Chuvia d’ estrelas
Alborada
Lóstrego
Rayos X
Profecía
Terra
O ceo rachou d’ arriba abaixo
Terra
HIP HIP HIP
HURRA
Vicente Risco, Xaneiro 1920


¡Cantas luces acesas sobor da neve

Na noite de Natal!

A brétema non bota seu alento

En tan craro cristal.

A terra

Branca de neve ou de luar

Com’ unha donceliña de castidá vestida,

Hoxe viñérona buscar.

No ceo n’ hai estrelas.

Viñeron os anxos a por elas

Par’ as levar alén.

Hoxe choven estrelas

No portal de Belén.

(V.Risco, Poemas novos, ANT 6-I-1919)

Na imaxe: Curiosa foto de Vicente Risco con coroza

2 jun 2006


Enfermidades sexuais nas cantigas trobadorescas
E tamén, a quen poida interesar, esta curiosa achega ás enfermedades sexuais nas nosas cantigas de escarnio medievais, a cargo de Pilar Cabanes, da Universidade de Cádiz, que comenta algúns dos poemas máis coñecidos do xénero satírico galegoportugués dende esta perspectiva médico-científica
O coleccionista de néboa
Roberto Méndez (Ponferrada, 1970) é guionista, xornalista e escritor, ademais de traductor ao castelán de varias novelas de Aníbal Malvar. Asina os venres, na contra de Galicia Hoxe, uns magníficos artigos que el titula O coleccionista de néboa, nos que xoga cos paradoxos, a ironía, o absurdo da realidade e a sabiduría de sabios como Borges e Bioy Casares. Quería recomendarvos a lectura do de hoxe, por exemplo: "A morte e a doncela".




Entrega V Premio Carlos Casares de Microrrelato
Hoxe, venres día 2 de xuño, a partir das oito e media da tarde, no Salón Nobre do Liceo de Ourense, terá lugar o Acto de entrega do V Premio "CARLOS CASARES" de Microrrelato, ademáis de conocer o fallo do xurado e a entrega os premidados, o acto completarase cun recital poético co título "Ourensáns na Real Academia galega", remate do ciclo en homenaxe ao centenario da RAG, a cargo de Teresa Devesa e Loli Conde, e a actuación da Coral do Liceo. Podemos adiantar xa que entre os premiados hai dous escritores do mundo blogueiro, Xesús M. Marcos López (www.oulego.blogspot.com) e Francisco Castiñeira (www.ningures.blogspot.com), ademais de Matías Candeira de Andrés, residente en Madrid. O Liceo e máis os membros do Xurado queren destacar a número de traballos presentados que chegaron á cantidade de 322, e dunha maneira moi especial quérese facer mención da axuda prestada pola Fundación CAIXA GALICIA que colaborou económicamente para que a dotación dos premios fose maior que en ediccións pasadas. Noraboa aos gañadores!
(Imaxe: Egon Schiele era un dos artistas preferidos de Carlos Casares)
Pero Meogo, Ursula Andress, Uma Thurman
(Pan por pan venres 2 xuño)
No coñecido poema de Pero Meogo, o trobador amósanos á amada nos verdes prados lavando os seus cabelos (“E con sabor d’ elos/ lavei meus cabelos, meu amigo”) e logo facendo trenzas con esta fermosa imaxe da súa cor loura: “Des que los lavei, / d’ ouro los liei, meu amigo”. Os cabelos de ouro seducen tamén ao protagonista dos “Xoguetes pra un tempo prohibido” de Carlos Casares, que usa como símbolos de beleza a a Ursula Andress e a a Marilyn Monroe. Pero o poder de atracción das louras non será eterno: un amigo conta no meu blog que por causa dos xenes dominantes só lles quedan uns poucos centos de anos. Do cruzamento de loura e moreno dá moreno case sempre, igual que retroceden os ollos claros. Nunha sociedade mestiza, os louros teñen, pois, data de caducidade. E, no futuro, será como nas películas de ciencia-ficción: mulleres calvas de grandes cranios? (Imaxe: Uma Thurman)