
C O N V I T E
Na vella Auria un recuncho para a reflexión, o lecer e o pensamento. Unha fiestra aberta ao mundo dende aquela vella sentenza de don Vicente Risco: "Ser diferente é ser existente".
AS UVAS NA SOLAINA.
(En bits ou tinta fresca, cada novo día esperto, coa voz xenerosa nos distintos soportes -blogs ou medios de comunicación-, de amigos e amigas derramando loas inmerecentes á miña persoa. Un millón, para todos-as, outro tamén para tí Rosa.)
Loitei a vida enteira cun só nome
a piques de saírme polos labios,
sei o tamaño, a forma e até o eco
que deixará no ar se o digo un día.
Mentres tanto palabras como pombas
ceibei a competir coa voz do vento.
Non o podo lembrar, anda no vento,
que quen o pronunciou queimou o nome,
derradeira, quizais, das súas pombas,
liberouno e despois cerrou os labios.
Eu sei que morrerei feliz o día
en que o descifre á fin no son do eco.
O oco da palabra vai no eco,
eternamente vougo polo vento.
Non volverá existir, non verá o día,
xamais regresará o nome ao nome.
É grande para min, non teño labios,
o meu pombal quedou case sen pombas.
Xa non queren voar, xa non son pombas,
anacos de papel que leva o eco.
Se eu dixese o que soño, novos labios
volverían a min, sería vento
a percorrer o mundo cun só nome,
o que quero dicir mais non hai día.
Virá fatal, ha vir, un outro día:
Deixarei dunha vez o ar sen pombas,
no delirio a morrer direi o nome
que procurei sen fe, febril no eco,
neste me eu baleirar tamén no vento,
nun voo de palabras como labios.
Chegará a hora e hei pechar os labios,
cando estea a chegar a luz do día,
e aínda hei procurar no fol do vento
ese amencer de abril orfo de pombas.
Mesmo morto ha soar na voz do eco
a negarse a si mesmo, xa sen nome.
Non ten nome o silencio, non ten labios,
levantan cando o digo voo as pombas
e pousan no ar do eco a facer vento.


