29 abr 2006


BLANCO TORRES, UNAMUNO, AS LINGUAS
(Andoliña sábado 29 abril)
A tantos anos de distancia, sorprende a actualidade dalgúns debates con moitas décadas de historia. Leo no xornal “A Nosa Terra”, aló por 1919, esta cita contra o uniformismo centralista: “Unamuno di que xa se crebou a unidade. Non. A unidade está rota fai tempo, pro era unha rotura pasiva, que agora trócase nunha actividade que fará forte e fecunda a crebadura. ¿Dende cando houbo realmente en Hespaña unha unidade espritoal, de intereses ou de calquera outro xeito?”. A cita pertence a un xove escritor galego, 28 anos daquela, Roberto Blanco Torres, que pagaría logo coa súa vida o seu compromiso co país. E aínda non profetizara Jiménez Losantos a súa “quiebra de España”.
De Blanco Torres tense escrito que hai un aceno unamuniano na súa poesía. E escribíalle ao autor bilbaíno con respecto e admiración, como amosou nun estudo Alexandre Rodríguez Guerra. Como lle escribían tamén Blanco Amor e Otero Pedrayo e outros intelectuais galegos. Pero Unamuno, que merece ese recoñecemento noutras cousas, equivocábase nisto. Nos seus discursos nas Cortes, en 1932, opúxose á cooficialidade do catalán e ao seu uso na Universidade. Os ventos sopran hoxe noutra dirección, cando menos en Cataluña. (Imaxe: a caricatura de Unamuno feita por Álvaro Cebreiro, firmante do manifesto Máis Alá).

28 abr 2006





O Barco 1885-1969. Memoria fotográfica
Un dos síntomas máis esperanzadores do proceso de recuperación da Memoria que estamos a vivir é a salvagarda do noso patrimonio fotográfico, polo menos ata onde iso é posíbel. Nos últimos anos en toda Galiza (na provincia ourensá: no Carballiño, en Celanova, en Ribadavia, no Barco, etc.) estanse a publicar álbums de vellas fotografías que nos devolven a imaxe dun tempo pasado e ás veces negado con saña e hipocresía (a Segunda República e a represión na guerra incivil). No Barco de Valdeorras publicouse en 1990 o libro Cen anos do Barco nas fotos, 1863-1963, que abría este camiño na fermosa vila valdeorresa. Na mesma liña saiu agora O Barco, 1885-1969. Memoria Fotográfica, coordenado polo amigo Gustavo Docampo Paradelo e publicado polo Concello do Barco e a Deputación Provincial, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo que dirixe o tamén amigo Xulio Fernández Senra. Hai moitas fotos magníficas, unhas anónimas, outras asinadas, das xentes e paisaxes da comarca, da vida no río, da emigración, dos traballos, das formas de lecer, etc. Creo que as dúas que escollín aquí son ben representativas: nunha delas (cara 1920) faise a parodia do oficio do barbeiro; noutra ("Cuba, 1921") Manuel Blanco Pascual fai un orixinal autorretrato dacabalo e nunha típica facenda cubana.

VAGALUME, ARDORA, ANDOLIÑA
(Andoliña venres 28 abril)
Seguindo o fío de onte, tamén se fixo en galego o concurso sobre a palabra máis fermosa e diso quedamos en falar hoxe. Foi iniciativa do escritor Francisco Castro desde a súa bitácora “A canción do náufrago”. Houbo máis de cen propostas e quero recoller algunhas ben fermosas: aloumiño, andoriña, ledicia, chorima, brétema, caluga, bufarda, folerpa, axóuxere, escaravello, poalla, solpor, luscofusco, donicela, bolboreta, améndoa, vichelocrego, gorentar, fiúncho, mainiño, borboriño, pardal, costro, lóstrego, etc. Nos blogs galegos está vivo este debate (tamén no meu) e un amigo fisterrán mándame estas xoias do mundo do mar: ardora, rompente, marusía, ronsel, vogar.
Pero a gañadora foi “vagalume”, ese bechiño (Lampyris noctícula) que disque lle brilla o cu, sobre todo á femia, en medio da escuridade da noite. Si, merecía gañar. E ademais ten unha ampla gama de sinónimos de beleza non menor. Escoiten: lucecú, luceiro, lucerna, corcoño, coroceiro, ferriño, vella do caldo, verme da noite...
E moi preto do vagalume, compartindo a súa levidade e a súa fugacidade, está a miña querida “andoliña” que recollera nos vellos tomos verde do seu dicionario don Eladio Rodríguez González. (Ilustración: unha das deliciosas mariñas de Urbano Lugrís, o noso gran artista e fillo de Manuel Lugrís Freire).

27 abr 2006


Tres graciñas a repartir (na entrada número 100)
O meu anterior post foi o meu número 100 nun prazo de pouco máis dun mes. Esta bitácora está a posibilitarme unhas posibilidades de diálogo e comunicación coas xentes que eu nin sequera adiviñaba (e levo máis de 30 anos a escribir a cotío nos xornais). Por iso hoxe, en honor a eses 100 primeiros post, quero dar algunhas graciñas:
En primeiro lugar, graciñas a Afonso Vázquez-Monxardín, que foi o primeiro en ensinarme o doado que é isto de facer un blog (el aínda non se estreou, que sexa cedo). Despois, a Brétemas, que apoiou dende o primeiro día esta bitácora, como tantas outras cousas, sempre xeneroso. E sobre todo a Xulio Outumuro (Xulio de Rabal nos blogs), compañeiro meu no Instituto de A Carballeira e profesor de Informática, que é o meu especialista particular que me resolve os problemas que poidan aparecer de cando en vez.
Graciñas, por suposto, e no mesmo nivel, aos lectores e lectoras que fan posíbel este diálogo e comunicación, aos múltiples “usuarios anónimos” que non podo coñecer e a outros que xa empezo a coñecer mellor neste mundiño do blogomillo como A.C., Anónimo político-cultural, Etxeoqueai Fernández, Veloso, Acedre, Torre de Babel, Galeidoscopio, Estalote, Boedense, Caravelete, Muralla, Xacobe neto, Ocenza, Fisterrán, Náufrago, Aultre Narai, Abellonenia, Ronsel obradoiro de arte, F.Míguez, Axitada, Marcial, Neno da Norita, Andara o xeito, Outra vaca no blogomillo, Ian, Axitada, etc. (Excusas polos seguros esquecementos cando escribo case de memoria).
E graciñas tamén polas súas palabras de ánimo a amigos como Benito Losada, Henrique Alvarellos, Miguel Anxo Fernán-Vello, Antonio Piñeiro, Ruth Fernández, Luis Menéndez, José Pascual, Xavier Paz, Carlos Varela, Manuel Santos, Secundino Lorenzo, Manolo Barreiro, Charo Ferreiro, Santiago Prol, Ricardo Alonso, Xosé M. Sarille, Henrique Torreiro e outros moitos que agora non me lembro, que me adicaron algunhas palabriñas para seguir adiante.
Ah! Para rematar, en moi poucas semanas, espero agasallarvos cunha pequena sorpresa. De momento só vos podo decir que ten que ver co mundo da Rede e coa Historia de Galiza: creo que é un proxecto fermoso e ambicioso. Teredes novas canto antes.
(Na imaxe, Dona co espello, de G.Bellini)

26 abr 2006

DA BELEZA OCULTA DAS PALABRAS.
A palabra máis fermosa do castelán ou do español, como vostedes prefiran, é amor: así o decidiron os internautas nun concurso dunha escola de escritores. Entre as máis votadas estaban tamén paz, vida, esperanza, madre, amistad ou amanecer: é obvio que os concursantes pensaron máis nos conceptos e significados que na propia musicalidade interna dos vocábulos. A riqueza fonética xogou, en cambio, a favor de azahar, libélula, albahaca, susurro ou alféizar. Menos votos tiveron outras como lapislázuli ou mar: neste último caso sorpréndeme por moitas razóns, eu poñeríaa nas miñas favoritas.
Carlos Casares, cando lle preguntaban polo mellor libro da historia ou polo mellor escritor, respondía sempre que o mellor escritor ou libro son polo menos cinco mil e non se poden citar todos, claro. Habería que preguntarlle aos poetas. E aparecerían, sen dúbida, os adxectivos azul e verde, tan usados, e formas como miel, luna, jaral... E o naranjel e o arbolé de Lorca e Alberti coa árbore do jaracandá e coa abubilla e co alcaraván. E outros poetas reclamarían os dereitos de candela, chamariz, mariposa, álabe, guajira, e tantas outras posíbeis. E a palabra máis fermosa en galego?: diso falaremos mañá.
Etiqueta: Jaume Plensa.
ANDOLIÑA xoves 27 abril.

MÁRTIRES DE CARRAL
(La Región 24 abril)
O proceso de descuberta e recoñecemento da personalidade de Galiza ten como antecedentes máis arredados o labor dos ilustrados galegos e, sobre todo, a figura brillante e sorprendente do Padre Sarmiento. Ao seu carón outros nomes da Ilustración (Cornide, Lucas Labrada, etc.) ou do primeiro liberalismo (Pardo de Andrade) deron pasos decisivos no coñecemento do noso país e no espertar dunha sensibilidade pregaleguista. Tal como sinalan todos os historiadores, o nacemento do galeguismo non terá lugar ata a aparición dunha xeración, de xorne romántico, que situa a Galiza como obxectivo central de estudo e reivindicación. Velaí a xeración do provincialismo, que na década de 1840-1850 reivindicou este país como realidade de seu e a propia unidade de Galiza como antigo reino ou “provincia” fronte as provincias administrativas impostas desde a reforma de Javier de Burgos en 1833. O provincialismo nace como resposta á centralización administrativa do Estado liberal e está estreitamente vencellado, como indica R. Villares, á propia Xeración de 1846, aquela fornada de mozos universitarios afeccionados á literatura, á historia e ás ciencias que se significaron pola defensa da singularidade de Galiza. Esta Xeración (con nomes tan egrexios como Faraldo, Neira de Mosquera, Romero Ortiz ou Pío Terrazo) puxo as bases dun espertar xornalísticos e cultural que preparou o camiño do propio Rexurdimento literario. E foi tamén a protagonista, en boa medida, do pronunciamento do coronel Miguel Solís en Lugo en abril de 1846, logo difundido por todo o país, sobre todo nas vilas costeiras con presenza de núcleos comerciantes e liberais. Como estudou con detalle no seu día Xosé R. Barreiro, foi un levantamento progresista, inserto na dinámica do liberalismo político español, pero que avanzou reivindicacións do ideario galeguista mesmo apelando á historia anterga: “Galicia chegará a conquistar a influencia da que é merecerte, colocándose no alto honor a que está chamado o antigo reino dos suevos”.
As tropas de Solís foron derrotadas e os seus principais dirixentes militares detidos e fusilados en Carral o 26 de abril de 1846. Nacía así o primeiro símbolo da historia do galeguismo que os rexionalistas plasmarían no monumento de Carral. Moitos anos despois as Irmandades da Fala, en 1917, homenaxeaban aos Mártires de Carral e o 26 de abril de 1931 o galeguismo volvía a esta vila coruñesa e alí pronunciaba un mitin Manuel Lugrís Freire (foto adxunta). A Real Academia Galega, que recuperou esta foto do Arquivo do Reino de Galicia, celebrará alí unha nova homenaxe en lembranza de Solís e dos seus compañeiros. Se en 1917 se leron alí poemas de Pondal, Eugenio Carré, Florencio Vaamonde ou Eladio Rodríguez González, agora serán Méndez Ferrín, Darío Xohán Cabana, Alonso Montero e Salvador García-Bodaño os que poñan a voz, co mesmo espírito doutrora, á lembranza do primeiro símbolo da historia do galeguismo.

25 abr 2006


A Galiza industrial (c.1750-2005)
O pasado venres puiden ver cos meus alumnos (no meu caso xa era a segunda visita) a exposición Galicia Industrial (c.1750-2005) que se expón na Fundación Barrié da Coruña. Antes estivo en Vigo e debera rotar por todo o país e ser visitada por todos os mozos, que terían así unha forma excelente de achegarse á nosa historia. A mostra componse de 141 obxectos (máquinas, inxenios, maquetas, patentes, outros documentos orixinais), centenares de imaxes e audiovisuais, todo procedente de máis de 50 empresas, institucións e coleccións privadas. Está estructurada en catro partes: 1. Saída en falso (c.1750-1880): o liño, pioneiros do ferro, conservas, moita pel e pouca tecnoloxía, etc. 2. A industria chegou do mar (1880-1936): a revolución da conserva, industrias singulares, etc. (3) A explosión hidroeléctrica (1936-1973), o wolfram, líderes na construción naval, Galiza alumea Madrid. e (4) O novo selo industrial de Galicia: o automóbil e a confección (1973-2005). Estivo comisariada por dous pesos pesados da historiografía económica en Galiza e en España: Jordi Nadal e o amigo Xoán Carmona. Noraboa pola iniciativa e, o xa dito, que vaia rotando por todo o país. Para as visitas escolares, contan cunha guía ben informada e moi atenta que vai presentando toda a mostra de vagar (Na imaxe, o simpático anuncio da Conserveira Alfageme, impreso en folla de lata por La Artística c.1930. Moitos anos despois todos lembramos a iconografía Miau como un sinal de identidade da nosa infancia, non?).

Cartas de Ramón Piñeiro (Pan por Pan martes 25 abril)
A finais dos anos 40 non era doado ser optimista con respecto ao futuro deste país. Ramón Piñeiro estivo preso entre 1946 e 1949. Alí recibiu a Rodolfo Prada, mensaxeiro de Castelao, e dende o cárcere coordinaba a actividade galeguista. Logo veu Galaxia e o esforzo por axuntar vontades na recuperación cultural e social da nosa terra. Leo estes días un novo epistolario seu (Galaxia), as cartas que entre 1953 e 1967 lle enviou a Xosé Luís Allué, un mozo galego residente fóra da nosa terra. Son unha fermosa crónica do acontecer cultural daquela hora: os primeiros libros de Ferrín, a homenaxe a Otero, a descuberta de “Os eidos” de Novoneyra. Cada carta está chea de suxestións: por exemplo, a musicalidade “esencial” de Galiza no seu ser máis fondo: “na prosa de Valle Inclán, na poesía de Rosalía ou na marabillosa oratoria de Otero”. E logo aínda hai voces que esquecen o legado de Piñeiro!

24 abr 2006


<Chernóbil, ábrese de novo a caixa de Pandora da enerxía nuclear
Aos 20 anos da traxedia de Chernóbil, da que falan nestes días os medios de comunicación, Ucraína volve a empeñarse en insistir no desastre: Kiev pretende construír 20 novos reactores atómicos e prolongar a vida dos antigos. No mundo intelectual volveu tamén o debate ante a crise evidente de materias primas enerxéticas: mesmo algún líder ecoloxista abriu a caixa de Pandora sobre a necesidade de voltar á enerxía nuclear. Pero ninguén explicou aínda qué sucede coa seguridade nin cos residuos nucleares, cos que condearemos ás xeracións futuras sen remedio. (Na foto, da BBC News, uns cadernos dunha escola de Chernóbil).

22 abr 2006


De sombreiros, vodas e xentes algo pailáns
Un amigo mandoume esta foto da popular voda gai do PP: quero dicir, do concelleiro de cultura ourensán, Pepe Araújo. Entre os convidados esta señora con sombreiro das carreiras de cabalos do Reino Unido. Se non son de Ourense, ao mellor non a coñecen: é bastante próximo ao noso alcalde. País!

CEN POEMAS. ESCOLMA PERSOAL (5)
O ALEGATO CONTRA DEUS DE PERO GARCÍA BURGALÉS

Fago miña esta suxerencia do amigo Afonso Vázquez Monxardín que me enviou hai días este impresionante poema de Pero García Burgalés. Tremendos versos onde o poeta semella desesperado pola morte da súa dama e logo arremete contra o causante da súa desgracia (xa que canto ben había me quitou/ e encanto el no mundo logrou saber/ como me podería facer moito dano).
Hai versos semellantes, no desespero polo amor morto, en poetas contemporáneos (A.Machado) ou imprecacións agraviadas contra o propio Deus (D.Alonso), pero nunca vimos nada próximo a este berro nun poeta medieval. Disque Pero García Burgalés foi un trobador castelán, probablemente de Burgos, coñecido polas súas sátiras (un dos que atacou á Balteira). Dende logo, se o poema responde a un sentimento auténtico, persoal, de desconsolo, ningunha barreira, humana nen divina, fixo frear o alegato do García Burgalés. Ofrezo a versión orixinal e logo (sen arcaísmos) unha versión máis modernizada, realizada polo propio Afonso. (Ilustramos cunha foto do artista danés E. Schildt).

Nunca Deus quis nulha cousa gram ben,
nen do coytado nunca se doeu
pero dizen que coytado vyveu;
ca se s' el del doesse, doer s' ia
de mi que faz muy coytado viver,
a meu pesar, poys que me foy tolher
quanto bem eu eno mund' atendia.

Mais en quant' eu ja vivo for, poren
non creerey que o judas vendeu,
nen que po[r] vos na cruz morte prendeu,
nen que filh' est[e] de sancta Maria.
E outra cousa vos quero dizer:
ca foy coitado non quero téer,
ca do coytad' a doer s' averia.

Aynda vus del direy outra ren:
poys quanto ben avya me tolhe[u]
e quant' el se[m]pre no mund' entendeu
de que eu muy gran pesar prenderia,
per bõa fe, daly mh o fez prender,
por esto non quer' eu por el téer,
e quanto per el crive fiz folia.

E se el aqui ouvess' a viver,
e lh' eu poren podesse mal fazer,
per boa fe, de grado lho faria!

Mays, mal pecado! non ey en poder,
e non lhy poss' outra guerra fazer;
mais por torpe tenh' eu quen per el fia!


Nunca Deus quixo moito ningunha cousa,
nin nunca se doeu do coitado
pero din que coitado viviu;
que se del se doese, doeriase
de min, que me fai moi coitado vivir
a meu pesar, pois que me foi quitar
canto ben eu no mundo tiña.

Mais en canto eu vivo fora, poren,
non crerei que xudas o vendeu,
nin que por vos na cruz morte prendeu,
nin que fillo é este de Santa Maria.
E outra cousa vos quero dicir:
que foi coitado, non o dou crido,
senón do coitado doerse habería.

Aínda del vos direi outra cousa:
xa que canto ben había me quitou
e encanto el no mundo logrou saber
como me podería facer moito dano,
abofé que alí mo fixo de inmediato,
por isto non quero eu telo comigo,
e canto por el fixen, fixen tontería.

E se el aqui viñese vivir,
e lle eu, seguro, puidese mal facer,
abofé, que con gusto llo faría!

Mais, malpocado! non teño eu poder,
e non lle podo outra guerra facer;
máis que por torpe ter a quen del se fía!

Noraboa máis que merecida a Ramón Villares
Onte estiven de viaxe e non puiden postear isto que vai agora: a miña noraboa pola elección, máis que merecida, de Ramón Villares como presidente do Consello da Cultura Galega. Non sei qué pasou alí dentro (eu non estaba, claro), pero sei que fóra do Consello había arelas de esperanza de que Villares encabezase o CCG. Coñézoo hai bastantes anos, fun o seu alumno na Facultade de Historia (tamén de X.R. Barreiro, presidente da RAG), tiven a honra de que me dirixise na miña tesina e na miña tese doutoral e aínda noutros traballos. Se non fose pretencioso pola miña banda ata ousaría considerarme discípulo seu: desde logo, si son admirador e seguidor entusiasta de toda a súa obra. E sei tamén das súas cualidades persoais e da súa intelixencia e sentido común, que tanto se precisan neste país. Ogallá poida enriquecer o labor do CCG e mesmo abrilo máis aínda cara fóra: que se vexa como unha institución fulcral e central do noso tecido vertebral, para iso naceu precisamente. O historiador xa ocupa lugar de seu, por méritos propios, nese fermoso título que lle puxo a un dos seus libros en Xerais: "Figuras da nación": como Manuel Colmeiro, como Castelao, como A. Villar Ponte, como Peña Novo, Como ese outro gran don Ramón, que el tamén estudou e interpretou: Otero Pedrayo. Desexamos que teña todos os éxitos e que reserve unha parte do seu tempo para seguir escribindo e interpretando a andaina histórica do noso país: os seus traballos seguen sendo imprescindíbeis.

Darío Xohán Cabana na Academia
ANDOLIÑA sábado 22 abril
Foi en 1969 cando un poeta lugués aínda novo se deu a coñecer como tal: Darío Xohán Cabana (Terra Chá, 1952). Cumpridos cincuenta anos, agrupou toda a súa poesía nese longo período no volume Vinte cadernos (Poemas 1969-2002), un balance dun total de trece libros da súa lírica ata esa data.

Como narrador, ademais de gañar unha chea de premios, foi quen de crear obras moi populares como Galván en Saor ou Fortunato de Trasmundi ou auténticas pezas mestras da nosa narrativa como O cervo na torre e Morte de rei que tiveron o favor da crítica, aínda que a súa recepción polo público fose menos agasalleira do desexábel. Polo camiño, Darío Xohán Cabana foi construíndo unha forte personalidade como escritor e unha voz de seu que brilla hoxe con forza no noso sistema literario.
Hoxe ingresa na Real Academia Galega cun de seguro excepcional discurso e a lembranza dos seus mestres Xosé María Álvarez Blázquez, Manuel María e Méndez Ferrín, que responderá as súas palabras. A Academia está de noraboa e tamén todos os galegos e sobre todo a nosa lingua, ese tesouro que Darío soubo atesourar e enriquecer como fixeron os clásicos das nosas letras noutrora.

Nestes días andamos a falar en Ourense de Valle Inclán e o seu mundo literario

SOBRE OS BISPOS AURIENSES, MEU DEUS!Galería de prelados aurienses
Na miña cidade natal, Ourense, hai un bispo polo menos desde os días do Reino Suevo de Galicia. | X.L. MÉNDEZ FERRÍN
(Por se alguén non o viu, Ferrín escribiu este venres sobre os bispos aurienses)
Na miña cidade natal, Ourense, hai un bispo polo menos desde os días do Reino Suevo de Galicia. Bispo que, na Idade Contemporánea, sempre se asocia co fanatismo, a intolerancia e o autoritarismo, como se a diocese estivese marcada con algún malfado. Pero, sobre todos os pecados destes bispos de Ourense, eu destacaría o de natureza capital que é coñecedido na moral católica co nome de soberbia. Soberbio foi estes días, e un pouco ridículo, o actual bispo de Ourense, Quinteiro Fiúza, ao condenar publicamente á plana maior do PP ourensán por ter celebrado matrimonio civil e de partido entre dous militantes seus, do sexo masculino, ambos, e iso aos poucos meses da colosal manifestación da dereita española en Madrid contra o casamento homosexual. Terá razón o bispo de Ourense, porque, despois de todo, o PP é o partido da Igrexa Católica en España e debe comportarse. No pasado foi o bispo, de Ourense Pedro Quevedo e Quintana, feroz absolutista que pegou portazo nas Cortes de Cádiz para se retirar a Turei (Tourém), territorio portugués da súa diocese, e desde alí proferir os planfletos liberticidas dirixidos a toda a España e no nome da Fe. E o pacífico Ourense da Restauración conmoveuse dúas veces, e tales conmocións atinxiron coas súas ondas de escándalo, toda a España (as Españas, que xa eran dúas) intelectual. Refírome a cando o bispo de Ourense Cesáreo Rodrigo presionou para que o premio sobre a obra do Padre Feijóo non se lle concedese a unha Concepción Arenal contraria doutrinalmente ao dogma e si á observante, carlistona, xovencísima e rica Emilia Pardo Bazán para escándalo da sociedade progresista galega, portuguesa e española e para ledicia (carta de Laverde a Menéndez Pelayo) do clericalismo e da ultramontanidade. Ou cando o mesmo bispo Cesáreo, na década de 1880, pouco despois, desnuncia e fai procesar polo brazo secular a Curros Enríquez, ao tempo que penaba con escomuñón a lectura de Aires da Miña Terra. Debo decer que o episcopado da miña infancia ourensana foi o do doutor Blanco Nájera, persoa autocrática que foi quen de expulsar os Xesuítas (sic) da cidade, de anatemizar a primeira asemblea da ONU, de acosar os protestantes de Couto e da Ponte e de retirarlle os sacramentos aos gobernadores civil e militar por concorreren á "Cea Americana" do Liceo onde, grave pecado, se amosaron escotes e se bailou o fox. Ou sexa que a tensión entre o bispo de Ourense e as autoridades políticas do seu partido non é cousa de hoxe. E lémbranse vostedes de Monseñor Temiño, martelo de cregos galeguistas, aos que empurrou de maus modos á secularización, que foi capaz de prohibir as festas e romarias tradicionais na súa dimensión lúdica e popular? Bispos de Ourense cortados todos por un patrón e que, en cada época, foron temidos e compeliron á descrenza a moitas xeracións de batizados na vella diocese. Eu coidaba que xa racharan o molde pro as declaracións de Monseñor Quinteiro, o único galego de nación nesta galería de rostros antipáticos, devólvennos a realidade de que as pedras do pazo episcopal de Ourense, sexan estas as do vello coma as do que onte albergara o seminario, seguen a agochar a vera faz do fanatismo e da intolerancia.




21 abr 2006


O DANUBIO, METÁFORA DA CATÁSTROFE (Andoliña venres 21 abril)
O escritor Claudio Magris escribiu hai anos unha espléndida novela titulada “O Danubio” na que este río se convertía en alegoría da identidade europea: poucos lugares tan cargados de historia como toda esa Europa central que baña coas súas augas case tres mil quilómetros ao longo da Bohemia checa, Austria, Alemaña, Romanía, Bulgaria, Serbia, etc. Terras hoxe en alerta polas graves inundacións que se están a dar en moitos deses países, que non só teñen que ver co indiscutíbel cambio climático senón tamén coa febre de construcións urbanas e industriais que se fixeron nesa contorna: o río quédase sen canle suficiente por onde discorrer, din os especialistas, e iso ten evidentes consecuencias. Tres grandes cheas de auga en menos de catro anos: o Danubio rematará por devir tamén en metáfora da catástrofe anunciada.
Outro informe da ONU insiste na perda da biodiversidade: 76.000 especies animais e vexetais están ameazadas no que xa se considera como a sexta extinción masiva de especies e a maior desde a desaparición dos dinosauros. Ao home sóbralle intelixencia e tecnoloxía para facer un mundo mellor, pero tropeza, unha vez e outra, coas mesmas pedras. E quizais tampouco teña esa vontade…
(Imaxe: Madonna, de Giovanni Bellini)

20 abr 2006


DAS CUBAS LITERARIAS DOS GALEGOS
(Andoliña xoves 20 abril)
Son un dos moitos lectores que se achegaron á historia cubana cos estudos de Manuel Moreno Fraginals. E tamén a través da literatura. E nas nosas letras as paisaxes cubanas tiveron a súa funcionalidade: desde Lesta Meis co seu “Estebo” e “Manecho da Rúa”, que enchouparon a nosa lingua do exotismo das plantacións da cana azucreira, ata as achegas narrativas e documentais de Neira Vilas ou novelas como “A historia de Chicho Antela”, de Riveiro Coello, que confronta a Cuba prerrevolucionaria e a actual. Realidade presente ademais na narrativa cubana: velaí o “Gallego” de Miguel Barnet.
E nesta tradición narrativa na que se insire a última novela de Alfredo Conde, “Lukumí”. O obxectivo previo do autor alaricano é ben ambicioso, pois pretende abordar toda unha saga de historias cubanas arredor da andaina vital do mulato Estevo, descendente de galegos e de escravos africanos. Con humor e melancolía, Alfredo Conde vai debullando moitas memorias: aquelas que van desde os bisavós e tataravós de Estevo ata o presente da illa. O que esixe xogar con moitos xeitos de pensar e falar, con moitas formas de ser e de ver o mundo: do que levo lido, só os primeiros capítulos, quedei abondo satisfeito.
(Imaxe do pintor colombiano Máximo Riera)

19 abr 2006


ANTONIO MACHADO E A SÚA MUSA GUIOMAR (Andoliña 19 abril)
O hispanista irlandés Ian Gibson está especializado en facer biografías de personaxes da España contemporánea: García Lorca, Salvador Dalí, Cela. Agora publica unha achega a Antonio Machado (“Ligero de equipaje”) a quen define como un home de esquerda liberal que “pretendía que as cousas mellorasen pouco a pouco”. Diríxese Gibson, en propia confesión, ao lector medio e de seguro o libro, en clave didáctica, chega en boa hora porque Machado foi tamén símbolo dos valores cívicos que definiron a República rememorada nestes días.
Tamén fala Gibson das mulleres que inspiraron ao poeta, como a súa dona Leonor ou a inaccesíbel e casada Pilar de Valderrama, alcumada “Guiomar” como musa poética. José Luís López Cid no seu día chamou a atención sobre os seus vencellos con Galiza e disque o escritor ourensán Angel Lázaro foi confidente destas relacións co poeta. “Guiomar” viviu en Noia e Betanzos e pasou ademais parte da guerra civil no noso país. Espero que o hispanista recoñeza tamén as conexións galegas de Machado, ben sistematizadas polo profesor Claudio Rodríguez Fer no libro “Antonio Machado e Galicia” (1989).

18 abr 2006


Á morte non lle teño ningún medo, de
Fiz Vergara Vilariño(Cen Poemas- Escolma Persoal, 4)
Non tiven a sorte de coñecer ao poeta Fiz Vergara Vilariño. Só o puiden ver nunha ocasión, xa estaba el moi enfermo e empuxándose con caxatos, na entrega dos Premios da Crítica do Círculo Ourensán-Vigués (eu estaba noutro xurado, déranlle o premio da crítica en 1991). Pero teño algúns dos seus marabillosos libros. O Diccionario da Literatura Galega- Autores (Galaxia) comenta polo miúdo “Nos eidos da bremanza” (Galaxia, Dombate, 1990), que foi o libro premiado na cea de Vigo precisamente. Excelente sonetista, ten merecido a atención crítica entusiasta de autores como Darío Xoán Cabana, Alonso Montero, Xavier Rodríguez Barrio, Luís Alonso Girgado e Helena González, entre outros. A riqueza do seu léxico sitúao entre os grandes poetas constructores da nosa lingua literaria. Se tivese que escoller algún dos seus poemas (algúns anos fago tamén unha escolma persoal para os meus alumnos de bacharelato, ao rematar o curso, e doulla en fotocopias), quizais debería estar algúns dos seus magníficos sonetos de “Pastora de sorrisos”, (Lugo, Sons Galiza, 1993) cheos de sensualidade e erotismo, de amor á natureza e de valentía case lúdica ante a morte.
Por exemplo, este:
Quero ser enterrado na Xabreira,
xunto ós meus devanceiros benamados,
nun sartego de terra viva e fértil,
onde ti tripes sen notarse apenas.

Que me deixen os ollos ben abertos
pra poder contemplar os altos cumes,
a casa e o muíño, os horizontes
onde lindes lizgaira o meu sorriso.

En canto chegue o Día de Difuntos,
vén visitar a miña tumba aberta
e tráeme un ramallo de panqueixos.

Que eu seguirei amándote decote
dende debaixo a terra campesiña,
ata que cinza sexan os meus ósos.


(A imaxe é do pintor A. Sucasas)

E ao César o que é do César
(Andoliña martes 18 abril)
Hai xa uns cantos anos, nestas datas, paseaba eu pola fermosa vila de Allariz coa miña familia. Encontreime entón ao alcalde daquela vila, hoxe vicepresidente da Xunta, presidindo todo circunspecto unha procesión. Non era o único cargo do Bloque que o facía: había máis país adiante. O pasado domingo repetiuse a escena co alcalde da miña cidade e outros catro concelleiros á fronte dunha cerimonia semellante: neste caso no ambiente aboiaba unha certa polémica porque antes o bispo de Ourense publicara unha dura filípica contra este alcalde por oficiar o primeiro matrimonio gai dun cargo do Partido Popular en España. O bispo está no seu dereito a ditar normas para os seus fieis. Os que están descolocados, en ámbolos dous casos, son os representantes dun Estado aconfesional (artigo 14. 3 da Constitución) que nada pintan, creo eu, á fronte dun ritual sacralizado.
Se queren asistir como católicos, por suposto están no seu dereito pero que o fagan co conxunto dos crentes e non encabezando a procesión rodeados de maceiros. Sobre todo por aquilo que está nas escrituras como consello do mesmo Xesús que celebran os católicos: “Dar a Deus o que é de Deus e ao César o que é do César”. (Imaxe de Burne-Jones)