
Na poesía o panorama é tamén esperanzador. Os galegos descobren un dos seus grandes poetas contemporáneos en Uxío Novoneyra, con Os eidos, un poemario que alenta unha nova relación entre o home e a natureza dende a economía verbal e o esencialismo propios do poeta do Courel. Outro gran poeta dese momento é Avilés de Taramancos, que neste ano publica As moradías do vento nunha separata da revista coruñesa Atlántica (n.11-12), libro que sería logo recompilado, en 1982, en O tempo no espello. No mesmo ano saen obran tan destacadas como Seitura, de Fermín Bouza Brey, un dos títulos clave do neotrobadorismo; O ronsel do meu silenzo, de Manuel Casado Nieto, que continúa a liña de imaxinismo popularista do seu libro anterior (Orballo ispido, pubicado un ano antes na colección Xistral de Lugo); A realidade esencial, de Eduardo Moreiras; Versos de alleas terras e de tempos idos, traducións e paráfrases de textos poéticos clásicos e modernos realizada por Ramón Cabanillas; e Cóxegas, de Celestino Cabarcos.
De América chegan obras como Pranto matricial, de Valentín Paz Andrade, publicada nas ediciós do Centro Galego de Buenos Aires; na mesma casa editorial, Maturidade, da ourensá Pura Vázquez, que nese ano marchaba cara Venezuela; e o segundo libro en galego, do autor de Barbantes, Xosé Conde Fernández, co título Muiñada noitébrega, cun uso destacado do molde rítmico do versículo.
Tamén en 1955 Celso Emilio Ferreiro publica o seu libro semiclandestino, en castelán, Voz y voto (colección Papel de Estraza, Montevideo, aínda que se imprentou en Vigo), e declara esta súa autopoética na Escolma de Fernández del Riego: "Polo que se refire ós poetas galegos, si queren ser fideles a sí mesmos e á terra, teñen que fuxir da arqueoloxía estéril e do ruralismo pedáneo. Teñen que retorcerlle o pescozo ó reiseñol do lirismo lacrimóxeno, saudosento, vello estilo.
En troques, teñen que mergullarse con desesperado esforzo no mundo social da nosa terra; nos problemas vivos do noso tempo; nas angurias das nosas xentes. Pero con ollos recén abertos, con palabras de hoxe, con fórmulas novas en canto ó enfoque cordial e a perspectiva psicolóxica".
Nese ano ademais aparecía na Coruña o famoso panfleto contra o galego que dicía: “Hable bien. Sea patriota. No sea bárbaro. Es de cumplido caballero que Vd. Hable nuestro idioma oficial o sea el castellano. Es ser patriota”. O texto estaba impreso no sindicato vertical da Coruña e foi comentado con duras palabras dende América, sobre todo na revista de Seoane, Galicia Emigrante.

















