19 feb 2007

Pobo e lingua
FUNDACIÓN PREMIOS DA CRÍTICA GALICIA

PROPOSTA pública a favor do galego auténtico, a favor dun idioma non artificioso.

PROCLAMA a favor dunha humilde e entrañable partícula mergullada nas raíces da realidade vital da lingua.

MANIFESTO DOS CENTO SETENTA en defensa da verdadeira conxunción copulativa: a que nos conforta en “pan e viño”, a que nos divirte en “cóxegas e moxetes”, a que nos orballa en “Laiño e Lestrove”, a que nos compromete en “dereitos e deberes”, a que nos anima en “saudiña e que cante o merlo”, a que nos engaiola en “liberdade e xustiza” e a que nos confraterniza en “galegos e galegas”, “galegos e galegas”.

Desde hai séculos, as persoas verdadeiramente identificadas co xenio da lingua galega nunca pronunciaron “i” nas formulacións idiomáticas que encabezan este CHAMAMENTO ( Outra cousa sería se o segundo termo comezase por vogal: neses casos a opción e ou i dependería dos criterios fónicos e estilísticos dos falantes).

Hai tempo que o noso oído fisiolóxico e idiomático percibe, en non poucos falantes, “galegos i galegas”, con ese “ i ”que é, filoloxicamente, ilexítimo, ilegal, iletrado, ilícito, iincuo.

Por se fose pouco, a ilicitude medra dun xeito especial, entre cidadáns e cidadás que ocupan postos importantes no eido político e sindical (infelizmente, tamén, no cultural e mediático). Trátase, pois, de cidadáns e cidadás que, polo mero feito de falaren desde tribunas relevantes, lexitiman o “ i “ ilexítimo e inepto, e , en certos casos, sementan o desconcerto nos herdeiros auténticos do xenio do idioma.

Sabido é que hai pais e avós, galegofalantes enxebres, non sofisticados, que, cando oen (na radio, na televisión, no Parlamento, no mitin…) ós seus fillos, ós seus netos (conselleiros, deputados, directores xerais…), chegan á conclusión de que o seu vello falar( o seu honrado “pan e viño) non é bo, non é moderno, non é fino: que é da aldea.

Tamén sabemos que hai pais e avós que, ante os seus fillos e netos instalados no poleiro mediático, defenden, con dignidade, o pan e mailo viño e mesmo os alcuman de castelanistas ( “pan y vino” ) mesturados de lusistas, pois, en portugués, a pronuncia desta conxunción copulativa é i . Aínda así, a tribo dos do “ i “ medra, e cómpre que non se consolide.

Sexa cal for a explicación deste sofisticado fenómeno, sexa cal for a explicación (que non xustificación) de pronuncia tan ilexítima, chegou a hora de dirixírmonos ós falantes con responsabilidades públicas para que asuman comportamentos lingüísticos dignos da súa relevancia social, non só no caso denunciado neste MANIFESTO senón en todos aqueles que revelan nula ou ínfima sensibilidade idiomática (a desaxeitada colocación do pronome átono, os lleismos, cantas formas verbais compostas, a ausencia de infinitivos conxugados,etc.etc.etc.)

Hoxe por hoxe a nosa PROCLAMA, o noso MANIFESTO, é un aturuxo filolóxico a favor da humilde, da entrañable, da enxebre conxunción copulativa e , tan frecuente no noso idioma.

Con pan e viño ándase o camiño.

Na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, 24 de febreiro de 2007.
(170 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, da escritora que dixo que a poesía galega era “toda música e vaguedade)

18 feb 2007







CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL. 1955: MERLÍN E FAMILIA, OS EIDOS...



(Nas imaxes, a portada de "Os eidos"; Antón Avilés de Taramancos de mozo, e Pura Vázquez con Ramón Cabanillas e Fermín Penzol en Madrid, nos anos 50).

O de 1955 foi un deses grandes anos das nosas letras, como tamén o foron os de 1880 ou 1933, entre outros. Verán, foi o ano en que se descubriu toda a potencia creadora de Álvaro Cunqueiro como narrador, co seu Merlín e familia, publicado por Galaxia en agosto e no que o señor de Mondoñedo levaba xa un par de anos a traballar. Pero, sen deixar a narrativa de posguerra, é tamén o momento da segunda entrega de Ánxel Fole, Terra brava. Contos da solaina, que mantén os presupostos da narrativa de raíz popular que o lugués xa esculcara en Á lus do candil, e da novela rural e melodramática Nos picoutos de Antoín, de Leandro Carré Alvarellos, que fora premiada polo Centro Galego de Montevideo.
Na poesía o panorama é tamén esperanzador. Os galegos descobren un dos seus grandes poetas contemporáneos en Uxío Novoneyra, con Os eidos, un poemario que alenta unha nova relación entre o home e a natureza dende a economía verbal e o esencialismo propios do poeta do Courel. Outro gran poeta dese momento é Avilés de Taramancos, que neste ano publica As moradías do vento nunha separata da revista coruñesa Atlántica (n.11-12), libro que sería logo recompilado, en 1982, en O tempo no espello. No mesmo ano saen obran tan destacadas como Seitura, de Fermín Bouza Brey, un dos títulos clave do neotrobadorismo; O ronsel do meu silenzo, de Manuel Casado Nieto, que continúa a liña de imaxinismo popularista do seu libro anterior (Orballo ispido, pubicado un ano antes na colección Xistral de Lugo); A realidade esencial, de Eduardo Moreiras; Versos de alleas terras e de tempos idos, traducións e paráfrases de textos poéticos clásicos e modernos realizada por Ramón Cabanillas; e Cóxegas, de Celestino Cabarcos.
De América chegan obras como Pranto matricial, de Valentín Paz Andrade, publicada nas ediciós do Centro Galego de Buenos Aires; na mesma casa editorial, Maturidade, da ourensá Pura Vázquez, que nese ano marchaba cara Venezuela; e o segundo libro en galego, do autor de Barbantes, Xosé Conde Fernández, co título Muiñada noitébrega, cun uso destacado do molde rítmico do versículo.
Tamén en 1955 Celso Emilio Ferreiro publica o seu libro semiclandestino, en castelán, Voz y voto (colección Papel de Estraza, Montevideo, aínda que se imprentou en Vigo), e declara esta súa autopoética na Escolma de Fernández del Riego: "Polo que se refire ós poetas galegos, si queren ser fideles a sí mesmos e á terra, teñen que fuxir da arqueoloxía estéril e do ruralismo pedáneo. Teñen que retorcerlle o pescozo ó reiseñol do lirismo lacrimóxeno, saudosento, vello estilo.
En troques, teñen que mergullarse con desesperado esforzo no mundo social da nosa terra; nos problemas vivos do noso tempo; nas angurias das nosas xentes. Pero con ollos recén abertos, con palabras de hoxe, con fórmulas novas en canto ó enfoque cordial e a perspectiva psicolóxica".

Nese ano ademais aparecía na Coruña o famoso panfleto contra o galego que dicía: “Hable bien. Sea patriota. No sea bárbaro. Es de cumplido caballero que Vd. Hable nuestro idioma oficial o sea el castellano. Es ser patriota”. O texto estaba impreso no sindicato vertical da Coruña e foi comentado con duras palabras dende América, sobre todo na revista de Seoane, Galicia Emigrante.




Dobre moral.
Pan por Pan 18 febreiro


Foi noticia en Italia a polémica entre Silvio Berlusconi, o expresidente, e a súa dona, que, movida polos celos, lle fixo recriminacións públicas dende os xornais. Hai uns días o executivo italiano aprobaba a Lei de parellas de feito, que outorga dereitos tanto a homosexuais como a heterosexuais, e encontrábase coa oposición radical dos políticos de dereitas. Pero os que máis protestan, como o ultra Umberto Bossi ou Berlusconi, teñen outras actitudes nas súas vidas privadas. Os dous divorciados, tiveron relacións extraconxugais coas que hoxe son as súas mulleres, con varios fillos en casa caso froito desa relación adúltera. Datos estes ocultados, cómo non, nas súas biografías oficiais. Malia iso, acusan con ferocidade á esquerda de querer destruír a Familia. Por certo, os líderes da esquerda, como Prodi, D’Alema e o comunista Bertinotti, si teñen matrimonios exemplares.
(Imaxe: "Espido feminino", de Egon Schiele, 1910).

17 feb 2007

Amigos que escriben, amigos que opinan...

En Faro de Vigo, Xosé Luís Méndez Ferrín inicia unha nova sección no caderno dos sábados, rematada xa a súa entrega sobre os Apelidos Galegos. Titúlase "No fondo dos espellos", unha páxina enteira, e a primeira achega vai dedicada a Alexandre Finisterre (Aquí en PDF).

Pola súa banda, o contertulio Xosé M. González reflexiona, dende o seu habitual espazo en Xornal.com, sobre a inflación de polígonos industriais e residencias da Terceira Idade no noso país. Eu xa dei alí a miña opinión: hai outra industria tan poderosa como estas. Que pobo de mediana entidade se resigna a non ter un flamante Tanatorio?
Nunha cafetería do centro de Auria

Estou tomando unha caña de cervexa nunha cafetería do centro de Ourense. Moi perto fan tertulia diaria un grupo de políticos, todos antigos altos cargos do Partido Popular (mesmo exparlamentarios), afíns ó que se chamaba o sector democráta-cristián do PP. Falan do caso de Gondomar e da corrupción: "Xa hai que ser burros deixarse coller desa maneira...". Un deles propón que os concellais non poidan conceder esas licencias, que para iso está o alcalde. Outro di: "Yo estoy convencido de que con la democracia se favorece mucho la corrupción. En tiempos de Franco nada de esto pasaba". Os demáis amosan o seu asentimento...

Xoán Manuel Casado (e II)

Andoliña 17 febreiro

Di Xesús González Gómez, no estudo que abre o volume de Xoán M. Casado Crónica personal. Poesía completa (1973-2002), que a súa obra poética foi a dun out-sider, sempre por libre e máis influído pola poesía dalgúns poetas da Cataluña do seu tempo que polos seus homólogos galegos daquela hora. Basilio Losada engade que foi a súa unha poesía de experiencias, unha poesía de vida, "dos que, entre a poesía e a vida, optaron, de maneira case feroz pola vida". Camilo Valdehorras fala de biografismo elexíaco e pseudo-confesionalismo irónico no poeta caldelao, aínda que nacido en Barcelona.
Son riscos críticos útiles para asolagarse no mundo lírico de Xoán M. Casado, que amplía as súas perspectivas coa descuberta de versos de intenso alento erótico e paixón amorosa (no libro inédito Parcialidade dos corpos) ou na presenza dunha densa autobiografía lírica no caderno Crónica personal, escrito nos 80, que achega plurais faíscas de toda unha xenealoxía familiar e unha mesta xeografía emocional: o avó materno monárquico que loitou coa República, as películas da infancia, as cancións catalás no colexio, os ecos de Brel e Atahualpa Yupanqui. Fusión íntima, en suma, de poesía e biografía.

16 feb 2007



XERACIóNS / POR LUIS GONZáLEZ TOSAR

(Dende O levantador de minas, encontro este artigo de Luís González Tosar, publicado en El Ideal Gallego, que lembra as orixes da revista Dorna. E paréceme oportuno traelo aquí tamén).

Tardiña de outono do ano 1980 na Rúa Nova de Santiago, diante da galería Sargadelos, un grupo de mozos e mozas, que andan ás voltas cunha idea fixa; sacar unha revista de poesía, agardan polo poeta Salvador García-Bodaño.
Eusebio Lorenzo Baleirón, David Pérez Iglesias, Miguel Bugallo, Henrique Monteagudo, Xosé Antón L. Dobao, Xiao Roel, Fina Fontes, Suso Otero Molanes, Ramiro Fonte e Lois R. Andrade escoitan a García-Bodaño falar, con emoción, dun escritor de noso que fora emigrado en Colombia.
Un poeta que foi colega do pintor Urbano Lugrís, artista total, e un grande símbolo da bohemia. Salvador le, alí mesmo, uns anacos da carta que acaba de recibir, na que Avilés de Taramancos lle anuncia ao amigo, entre outras cousas, a intención de voltar a Galicia.
Pasan catro anos. Nun piso vello da Algalia de Abaixo, esquina Calexón dos Troques, tamén na cidade de Compostela, traballan, dirixidos por Xurxo Fernández, maquetando a séptima entega de Dorna, abril de 1984, algúns daqueles mozos.
As colaboracións de maior ringo-rango que teñen son: un poema inédito de Xosé María Díaz Castro e outro texto, sen publicar, do de Taramancos. O propio Avilés, na súa Taberna Típica, en Noia, entregáralles o "Primeiro canto Caucano". Longo poema en catro tempos que non era a súa primeira colaboración na revista, porque xa lles anticipara, para Dorna seis, "Os elementos do desastre ou o canto do vello capitán Pablo de Rokha morto no exilio", asinado por Ulises Fingal.
Rematando a lembranza da "xeración Dorna" leo as declaracións do novelista Santiago Jaureguizar, que gaba a "xeración do peixes". Novísimos autores "próximos ao que pasa en Europa e nos Estados Unidos... Aos que non lles interesa para nada a literatura galega nin a coñecen moi ben".
E digo eu, que carallo fan escribindo en galego?


Ó mellor ata sobran os meteorólogos...
Segundo esta imaxe que me manda un amigo, ó mellor ata sobran os meteorólogos. As cousas son tan sinxelas como indica o cartel, supoño que procedente de terras portugueses: se non se ve a pedr, hai nevoeiro; se se balancea, é que hai vento, e se a pedra non está, debe haber un tornado en marcha. (E que conste que non teño nada contra tan ilustre gremio: aínda máis, durante varios meses, o meu primeiro traballo remunerado, xunto coa miña muller e outra parella amiga, foi atender as medicións da Estación de Meteoroloxía de Ourense, na Granxa da Deputación, o que nos obrigaba a estar aló creo que ás 7 (ou 7,30?) da mañá para tomar as notas pertinentes e describir as nubes do día. E tiña o seu aquel tal compromiso...).

Xoán Manuel Casado (I)
Andoliña 16 febreiro

Citado sempre como narrador, Xoán Manuel Casado, nacido e falecido en Barcelona (1949-2002), foi tamén poeta, autor de catro libros publicados en vida e varios inéditos agora recuperados. Porque o conxunto da súa poética chega agora ós lectores da man do PEN Clube galego na colección Arte de Trobar, en edición introducida por Xesús González Gómez e cun limiar de Basilio Losada. Este último fala de Xoán Manuel Casado como un autor "raro", que concentrou as súas entregas poéticas en moi poucos anos e que foi quen de conducirse libre á marxe das modas e tendencias dominantes en cada época.

É esta, pois, unha ocasión excepcional para reencontrarse, nos versos do fillo de Manuel Casado Nieto, coas néboas de Auria e os centeos de Castro Caldelas; coa memoria do Tío Vicente, Risco dos seus papeis, e coas sombras dos grandes escritores amados, de Alberti a Machado, de Blanco Amor e Celso Emilio a Seoane e Lorenzo Varela exiliados. Dominou Xoán Manuel Casado o rexistro elexíaco (tamén o seu pai) e mesmo a laparada do poema breve, de forte intensidade emocional, velaí: "O vento vai marmurando/ dende o val deica os picoutos./ O vento non ten historia: / conta as historias dos outros".

15 feb 2007

Revista das Letras
A Revista das Letras do xornal Galicia Hoxe dedícalle un monográfico á figura de Alejandro Finisterre.

O rabioso clima político
(Andoliña 15 febreiro)

"Felipe, cabrón, vuelve": Este é o texto dunha pintada en Madrid nestes días, segundo nos contaba hai pouco Benjamín Prado nuns encontros literarios en Ourense. Para denigrar a Zapatero, mesmo serve chorar polo outrora demonizado Felipe González. O nivel de crispación política sobe de día en día e moitos sentimos xa nostalxia da dereita civilizada dos tempos de Adolfo Suárez e Landelino Lavilla.

En política non pode valer todo e por iso foi valente e pedagóxico o aceno do humorista catalán Andreu Buenafuente ó negarse a recoller un premio ó carón de Federico Jiménez Losantos, expoñente dun xeito de xornalismo que nin sequera merece ese nome.

Nunca vivimos, nas últimas décadas, un odio guerracivilista como o que hoxe sementan certos medios de comunicación e líderes políticos. Basta ver algunhas manifestacións coa estética dos tempos da Praza de Oriente e os berros de "Zapatero, al hoyo con tu abuelo": estilo xenuíno das camisas azuis e dos Guerrilleiros de Cristo Rei.

E, para rematar, o historiador Dionisio Pereira denunciado por un traballo sobre a guerra civil: algúns non queren renunciar a esa tradición, a nacida no 36, na que se senten, é obvio, ben cómodos. (A imaxe é de F.Picabia, para compensar un pouco o amargor do artigo)

14 feb 2007

Unha excelente iniciativa, que debeu ser posta en marcha xa hai moito tempo...

A WEB PRETENDE FACILITAR O USO E A APRENDIZAXE DA LINGUA
Política Lingüística pon na rede unha páxina con información e recursos sobre o galego [14/02/2007 18:16]
A secretaría xeral de Política Lingüística puxo na rede o espazo www.xunta.es/linguagalega/, no que se ofrecen material e información sobre a nosa lingua. Divídese en tres apartados: Política lingüística, que achega novas, lexislación, trámites e información sobre os servizos do departamento. O segundo bloque, Vivir en galego, presenta datos acerca da situación da lingua e ferramentas para facilitar e fomentar o seu uso correcto. Por último, Aprender galego recolle todas as campañas e recursos que puxo en marcha para a aprendizaxe da nosa lingua.
(De www.vieiros.com)

ELEGÍA

Morir serenamente como nunca he vivido

y ver pasar los coches como en una pantalla

y las canciones lentas de Nat King Cole

un saxofón un piano los atardeceres en las terrazas bajo los parasoles

esta vida que nunca llegué a interpretar

el viento en los pasillos las ventanas abiertas todo es blanco como en una clínica

todo disuelto como una cápsula de cianuro en la oscuridad.

Se proyectan diapositivas con mi historia

entre el pesado olor del cloroformo.

Bajo la niebla del quirófano extrañas aves de colores anidan

Pere Gimferrer, "Extraña fruta y otros poemas" 1968 - 1969
(A imaxe é "Paxaro e gato" de Paul Klee, 1928. Dedicada, cómo non!, a Jimmy de Rairo).

Fantasía de poetas, de Víctor Freixanes
("Vento nas velas", La Voz de Galicia, 13-2-07, sobre Cunqueiro e a gastronomía. Imaxe de F.Picabia)

Nunha reunión de especialistas en turismo e gastronomía celebrada hai poucas semanas en Madrid, un dos presentes cita a Cunqueiro para exemplificar o que aquí máis dunha vez temos denominado valor engadido da cultura. A cociña e a hostalería gastronómica galegas débenllo todo a don Álvaro, e un pouco a Xosé María Castroviejo, segundo a opinión do poñente, se acaso con algunha conexión catalá (Néstor Luján) e pouco máis. E cita un exemplo: ¿que demanda tiña o rodaballo nos restaurantes hai trinta ou corenta anos? ¡O rodaballo é un invento de Cunqueiro, que polos anos 60 empezou a identificalo co apelativo fantástico de «o faisán do mar»! Non sei se tales afirmacións poden ser defendidas con tanto atrevemento. En calquera caso, sempre pensei que o primeiro ser humano que comeu unha centola era un desesperado. O resto fixérono os poetas. Escoiteille, efectivamente, a don Álvaro falar do zanco dereito da pita do monte, máis sabedeiro e rendible ca o zanco esquerdo. ¿Por que? Porque a tal ave, en chegado o tempo de namorar, apóiase para emitir o seu canto nese zanco, non no outro, que dese xeito medra máis rexo e mellor osixenado. O prezo do zanco dereito no prato é, xa que logo, dobre ou triplo ca o prezo do zanco esquerdo. Hai máis. Segundo o autor do Merlín , o mellor viño do Ribeiro bebíase nas tascas de Compostela porque as badaladas nocturnas da Berenguela remexían os vellos caldos nas pipas, o que provocaba neles unha segunda e prodixiosa fermentación que os facía exquisitos, irrepetibles. Fina Casalderrei andou medio mundo detrás dunha empanada de papuxas, disque tradicional en Mondoñedo, que Cunqueiro documentaba no sur de Francia, entre invencións e erudicións varias. ¿E que dicir do famosísimo «chuletón de Moaña»? Os restaurantes de Madrid ofréceno a prezo de tarxeta Ouro. Segundo Cunqueiro, o segredo está no primeiro raiolar do sol, cando o nacente bate naquelas caeiras do Morrazo e aloumiña o orballo da mañá. Non hai mellor carne, nin máis luminosa nin máis agradecida ca das xovencas de Moaña (non Moraña), aínda que en Moaña non haxa nin houbese nunca produción de xovencas, nin xatos, nin novelas, nin vitelas, nin vacas novas ou vellas para tales mesteres, e si moi bo camarón, excelente ameixa e estupendos salmonetes. Non pense o lector que estou a descualificar nada. Todo o contrario. A ollada do poeta alumea o común do mundo e convérteo en extraordinario, o que equivale a dicir, en termos de mercado, en máis apetecible, máis singular (con identidade), máis cotizado e máis valorado. ¡Poñamos a traballar aos poetas! Un albariño (outro invento mediático de Cunqueiro) é un viño branco, mellor ou peor comercializado. Se lle poñemos detrás o Camiño de Santiago, a luz de Occidente, a paisaxe das rías, as cantigas de Martín Codax e o románico, os ollos dunha rapaza nova e un país moderno, transfórmase nun activo económico, nun universo autónomo.

13 feb 2007


Memoria de poeta, de Xosé María Álvarez Cáccamo


Por recomendación de varios contertulios desta solaina, estou a ler a Memoria de poeta, de Xosé María Álvarez Cáccamo, publicada hai uns meses por Galaxia. O que levo lido gustoume bastante. Supoño que o máis difícil nun texto destas características é encontrar o rexistro axeitado de voz: esa voz capaz de rachar o pudor (neste caso dun poeta de 57 anos, en plena madureza vital), pero que sexa quen tamén de fuxir do engolamento e da pedantería máis gratuíta. Creo que o Pepe Cáccamo o conseguiu bastante ben e é capaz de prender no lector, que segue con interese e certa empatía o seu percorrido vital. Habería moitas cousas que comentar: p.ex., ese desagradable primeiro encontro con Blanco Amor, cando o novelista aproveita para botarlle en cara a postura do seu pai no xurado que lle negou o premio a Xente ao lonxe. Debeu ser un momento ben difícil e inxusto EBA descargando sobre o fillo o que era unha lexítima opción estética de Xosé María Álvarez Blázquez. Por certo, non sabía que o autobiografiado dera clases no Instituto da Ponte nos cursos 77-78 e 78-79: dous anos antes estaba eu alí a facer o COU, con María do Carme Enríquez Salido como profesora, entre moitos outros.


Para os que aínda non a coñezan, deixo aquí unha brevísima cita desta Memoria de poeta, centrada nunha data clave da historia de España, cando o galeguismo se axuntaba en Rianxo para inaugurar un busto a Castelao:


No alborecer do día 27 de setembro de 1975 morreron fusilados dous militantes de ETA, Juan Paredes Manot, Txiqui e Ángel Otaegui, e tres do FRAP, Ramón García Sanz, José Luís Sánchez Bravo e o meu amigo Xosé Humberto Baena Alonso. O xuízo militar ao que foran sometidos non tivo nada que envexar aos procedementos ilegais utilizados polos golpistas do 36 para eliminar aos inimigos do réxime de Franco, defensores activos da República ou habitantes naturais daquela cultura democrática. O ditador botaban man, máis unha vez, ao recurso da pena de morte para manter firme e nas súas mans o sistema de terror que lle permitira conservar o poder absoluto durante corenta anos. O xeneral preagónico non quixo escoltar o berro universal da razón, as peticións de clemencia que chegaban de todos os recantos do mundo. A mediodía do 27, mentres asistiamos Maricarmen e eu á inauguración dun busto de Castelao erixido en Rianxol, non podía afastar de min o rostro mozo de Xosé Humberto Baena, os seus ollos claros e agudos, o seu entusiasmo de loitador. Entre os congregados no acto espallouse a proposta de adialo en sinal de protesta. Pero, finalmente, puido máis a inercia ritual ou a forza do medo. E alí ficou a cabeza de Daniel Alfonso Rodríguez Castelao a ollar desde o pasado da súa propia morte no exilio un horizonte de miseria política incalculábel, corenta anos que aquela ollada non conseguiu albiscar. Corenta anos afastan o asasinato de Bóveda do de Baena e foi a mesma man a que sinalou ambos obxectivos, a man de Franco.


E, se lles apetece conversar sobre este tema, gustaríame saber qué libros de memorias (da cultura galega e tamén da española e doutras) lles parecen os máis interesantes e auténticos entre os que teñan lido vostedes. A ver se hai coincidencias entre os contertulios...
Unha denuncia do historiador Dionisio Pereira
A familia (residente en Pontevedra) do antigo alcalde de Cerdedo (dende 1950) e xefe local de Falange nos días que seguiron ao golpe militar, Manuel Gutiérrez Torres, familia que tamén está emparentada con outro falanxista de primeira hora, Francisco Nieto, tenme presentado unha demanda de conciliación que se verá o día 15 de febreiro ás 11h no Xulgado de Paz de Cerdedo, por publicar no libro "A IIª República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo" editado en 2006 por "Verbo Xido" a seguinte frase: "Persoas sinaladas pola súa presunta participación en diversas manifestacións da represión: Angel, Luis e Manuel Gutiérrez Torres (xefe da Falange, alcalde de Cerdedo nos anos 40 e 50), Eligio e Francisco Nieto (falanxistas)...." Tamén o fan por unha frase semellante publicada no meu traballo incluído nas Actas do Congreso da Memoria celebrado en Narón en decembro de 2003. Esixen que me retracte, que publique esa retractación nos mesmos medios nos que foron escritas as frases devanditas e que acepte unha indemnización polos danos e perxuízos sufridos, "en la cuantía que se determinará en el momento procesal oportuno". Como é evidente, eu nin podo nin quero retractarme, posto que esas persoas foron sinaladas por numerosas fontes orais como participantes nunha represión na que se pasearon a 7 veciños, houbo malleiras, multas, roubos, detencións e humillacións se taxa, etc. etc. Non podo, pois, por que non podo faltar á verdade, e porque tamén está en xogo a dignidade das vítimas. O problema é que só teño fontes orais, posto que como sabedes, os paseos, as malleiras, os roubos, etc. non teñen a penas referencias documentais (só en casos moi excepcionais) e ficaron impunes. Ademáis, eu non utilizarei nunca as miñas fontes orais como testemuñas nun xuízo, porque non podo implicar nesa situación tan desagradable a persoas de máis de 80 anos, que confiaron en min e que xa saben o que foi a represión fascista porque aturaron con ela na súa mocidade. Algúns, ademáis, son familiares directos dos asasinados. En conclusión, está en xogo a liberdade de expresión e o mantemento "per secula seculorum" da impunidade dos agresores, asumida hoxendía polos seus descendentes. A maiores, aqueles que se beneficiaron do franquismo, pretenden seguir facéndoo en retrospectiva. Entendo, pois, que isto sobarda a cuestión persoal, e debera ser tomado en conta xunto con outros "incidentes" similares que están a acontecer (no Grove e en Cambados, por exemplo), por todas aquelas persoas e entidades que vimos traballando na recuperación da memoria da represión franquista, e, se é posíbel, darlles unha resposta colectiva. Por algunhas informacións, me consta que a familia en cuestión tivo presións externas, non sei de quén, pero posibelmente de círculos da dereita, para presentar a demanda. Polo tanto, se temos en conta as ameazas que comezan a proliferar, podemos estar no comezo dunha estratexia para cortar as actividades de historiadores e colectivos debruzados nesta temática, aproveitando os innegables trazos conservadores (por utilizar unha expresión suave) do aparato xudicial: daqueles polvos da Transición, veñen estes lodos. Podedes facer uso desta información da maneira que creas máis convinte. Envíovos tamén un comunicado que fixo a directiva da asociación "Verbo Xido" por se queredes adheriros: trataríase de envialo rápidamente á prensa co maior apoio posíbel de colectivos e persoas. En calquera caso, nós estamos polo labor de facer algo conxuntamente. Outra cousa: o domingo 18 a partir das 12h ate as 17 h. a Asociación de Mulleres "Espadela" celebra no Pavillón de Deportes Municipal a VIIª Festa da Vincha. Pois ben, convidaron a "Verbo Xido" a que puxeramos un posto de libros de autores da bisbarra; daquela, aproveitando o convite, imos facer unha venda masiva do libro en cuestión. Como pode haber rexeites por parte dalgún elemento montaraz da potente dereita local, estamos facendo un chamamento aos amig@s e correlixionari@s a que nos fagan unha visita, tomen un viño, proben a vincha, e nos arroupen coa súa presenza e impidan que haxa ningunha saída de tono dos carcas. Así que xa sabedes, se vos animades a vir pola montaña..... E máis nada. A ver en que queda todo isto. Saúde Dionísio Pereira

Tomando postura: a terceira vía (Afonso Monxardín)


Moitos debates cíclicos indican que hai cuestións irresolubles por seren as ideas da humanidade plurais. Unha das cuestións eternas en Galicia é a superioridade da cachucha ou do lacón á hora do cocido, pero como saben, acaba case sempre por imporse o consenso e van ambos coaligados ao fondo da pota. Hai uns meses asistín a unha destas discusións. Os presentes, a maioría do partido pro-cachucha, teimaban no vello argumento de ser o lacón seco de máis, pero xurdiu unha voz -terceira vía- a favor da preferencia do dente sobre a propia cachucha. (Para os pouco iniciados na porcofaxia -suidofaxia sería pedantería- indicarei que en Ourense cachucha é a parte superior da cara do porco, con perdón, da boca para riba, afumada e salgada; e dente a mandíbula inferior, sometida a proceso semellante de momificación).
Fronte aos cachucheiros o partidario do dente argüía que se ben carecía de óso molar tiña unha febra ben saborosa e era moito máis fácil de preparar. Como saben, a limpeza da cachucha é complicada por mor dos osiños emigallados e dos pelos, especialmente das orellas e máis inda se o marrán defunto é de idade provecta... E non lles falo do cheiro do cerume cando un anda co lume furgando nas orellas do finado. Pola contra, ao seren os marráns, con perdón, bastante lampiños, o dente vén lisiño como o cu dun bebé, e así, a preparación é máis doada. Convencido, probei. Fíxeno xa catro veces e aliñeime como simpatizante do partido pro-dente. Paso a darlles a receita.
Colla o dente na tenda do barrio, quéimelle os poucos pelos cun algodón e alcohol, láveo a conciencia, rañe ben cun coitelo, póñao a desalgar con auga e unha folla de loureiro tres días cambiándolle a auga con frecuencia, cózao para aí unhas dúas horas na ola exprés, sáqueo aínda quente, tírelle un pouco -pouco- do exceso de lardo rancio, enfronte os dous segmentos coas partes de adiante e atrás, envólvao nun trapo limpo e ate o superchourizo resultante cun cordel apertado. Déixeo arrefriar e métao logo na neveira para que consolide a fusión fría. Ao día seguinte, desenvurulle e corte talladas finiñas a medida que as precise. Riquísimo. Aguanta o que vostede aguante, que será pouco... se é que é de bo dente.

Finisterre.

Creo que foi este xornal o primeiro en informar da morte de Alejandro Finisterre e iso tivo que ver coa nova que colgou o sábado no seu blog o amigo Modesto Fraga. Onte xa falei do poeta e editor fisterrán, amigo e albacea de León Felipe. Quero engadir algo máis: a súa produción poética comeza en 1936 coa obra “Cantos quintos”, á que seguiron “Cantos Esclavos. Versos de buen y mal humor” e varios libros máis dende aquela. Ediciones Libertarias publicou en 1992 a antoloxía “Cantos Rodados”. Nela está este poema titulado “Soy de la mar”: “Sí, son hermosas/ las rosas/ y es el gusano mi hermano./ Pero amo más las algas que las rosas/ y al pez más que al gusano./ Soy de la mar./ Cuando vaya a dar a Luz/ echadme a la mar:/ quiero dar a luz/ estrellas de mar./ Soy de Finisterre, soy marino: / echadme a la mar en submarino/ de pino/ de Finisterre (sin pintar)./ Soy de la mar”.

(Pan por Pan, La Región, 13 febreiro. A imaxe é de Salvador Dalí)

12 feb 2007


Máis sobre Alexandre Finisterre
Esculcando por aquí e acolá, encontrei algúns materiais sobre A.Finisterre, que quizais interesen ós meus lectores/as. Por exemplo, na rede, hai un traballo (en PDF) de Carme Blanco Ramos, titulado "Conversa con Alexandre Finisterre" e publicado na revista Madrygal, da Complutense de Madrid (2000).
E remexendo o meu arquivo particular, encontrei a Finisterre entre os poetas emigrados e exiliados en América (ademais de Seoane, Varela e Pita, nomes máis esquecidos como Alberto Vilanova, Manuel Prieto Marcos, Carlos Penelas, J. Vázquez Gayoso, Xosé Conde ou Eduardo G. Ananín, este residente hoxe en Ourense). E sobre Finisterre hai un amplo e rigoroso estudo de ANTÓN CAPELÁN, "Alexandre Finisterre, poeta e editor esquecido", publicado en A Nosa Terra, 3 xuño 1993. Deste último traballo vou reproducir un anaquiño sobre a poesía máis satírica e revoltosa do fisterrán, da etapa de Felipe González no poder (agardo que non se me enfaden Leituga e outros lectores socialistas):
"Pero dominando toda a creación poética de Alexandre Finisterre están un humor desmitificador e un constante xogo e manipulación do signo lingüístico, particularmente perceptible na serie de poemas satíricos da década socialista con que se abre Cantos rodados. O texto titulado “Felinillo” constitúe un bo exemplo desta faceta da súa poesía:

Feli pillo:
Fet li pillo
Feli putsch- Suresnes pillo
Feli fliks(malesas pillo:
Feli shaffs/filesas pillo:
Feli cinisneros pillo:
Feli shori-guerras pillo:
Feli three-solanas pillo:
Feli gal/corcueras pillo:
Feli cara Turas pillo:
Feli putifules pillo:
Feli willy-olleros pillo:
Feli timo/timesports-
Rub/ibercops pillo:

Feli Flic-Mordazas:
Felipillo
Falso y pillo.

¡Malage
Felipillaje!

Feli felino
Canino:
Feli felón
Guernicabrón.

(En “Cantos Rodados”, Libertarias, Madrid, 1992).
"

PROPÓSITO DE EMENDA

Di agora José María Aznar que si, que agora si que sabe que non había armas de destrución masiva en Iraq, causa principal da chamada guerra iraquí e coa que quixo xustificar no seu día a participación de tropas españolas na mesma. Coincide tal acto de contrición coas novas que chegan dos Estados Unidos, onde o propio Bush semella darse conta de que os conflitos xerados pola invasión do territorio iraquí non van ter arranxo doado. Disque os seus asesores lle pasaron a xenial película de Gillo Pontecorvo, “A batalla de Alxer”, para que o presidente estadounidense poidera decatarse cun mínimo de rigor do que está a pasar en Bagdad e os seus arredores: pois si, rodada en 1966, “A batalla de Alxer” amosa de xeito descarnado a loita dun pobo en resistencia contra o colonialismo francés, utilizando todo tipo de métodos, incluídos os máis violentos, para botar cara a metrópoli as forzas de ocupación. Os alxerianos lograron o seu obxectivo, non sen moitas dificultades: polo visto Bush aprende historia co cine, pois que lle sirva de proveito. Son tempos de arrepentimento, en todo caso, de caída do cabalo e conversión: en territorio galego Alberto Núñez Feijóo declara nunha entrevista de prensa que ó anterior goberno do PP no proxecto da Cidade da Cultura de Gaiás “se nos fue un poco la mano”. Xa nos demos conta e difícil será endereitar o entorto. E digo eu, por qué Aznar e Nuñez Feijóo, agora arrepentidos do seu belicismo pasado e dos desastres de Gaiás, non fan propósito de emenda para o futuro? Supoño que ámbolos dous serán católicos confesos e xa saben que no sistema simbólico da súa relixión non chega con arrepentirse, hai que facer algo máis se queren que as súas culpas e pecados sexan de verdade purgados.

(La Región 12 febreiro)