21 jun 2009


O pan de cada día
Víctor F. Freixanes
La Voz de Galicia, 21/6/2009
(Tractorada.Foto R.Escudero.Galicia Hoxe)


A lingua galega tamén está no conflito do leite. E nas estadas da construción naval. E nas cadeas da automoción e as industrias auxiliares. E nas traballadoras de Caramelo. E nas pequenas e medianas empresas de transformación. E nos transportistas que moven o peixe do Berbés ou do Muro cara aos grandes mercados de Madrid e Barcelona. E nos caladoiros de Boston ou de Namibia. E nas familias que teñen un fillo ou unha filla que acabou na universidade e anda a petar nas portas do país para atopar traballo porque non quere marchar fóra. E nas parellas novas que non dan asentada a relación porque viven de bolseiros, pelexando cada ano pola renovación de contratos precarios. E nas contratas da construción. E nas pagas dos xubilados? A lingua (tamén) está neles, vive neles, existe porque existen eles: os homes e as mulleres do común, o país, en definitiva.
O vello señor Manuel, que ten unha explotación de quince vacas en Lousame, está desesperado. O xenro anda estes días co tractor polo mundo adiante. Non apañando herba para as cortes, senón atrancando o tráfico nas cidades, porque o sistema (a economía familiar, coa que manteñen a esperanza dos fillos) seica se lles vén abaixo. «¿Non son estes os problemas do país?», espetoume o outro día, non sen certo reproche na mirada. «¿Quen vai pagar os créditos cando veñan petar os bancos na porta?».
O vello señor Manuel non entende esta lideira do galego. «¿A quen lle estorba o galego?», exclama. ¿A quen lle estorba? E engade cun chispazo de intelixencia nos ollos, quizais tamén de malicia, ou de antiga sabedoría: «¿Non será todo un enredo para que non nos preocupemos realmente polo que nos está pasando?».
O que nos está pasando, a xuízo do señor Manuel, é que o país se nos está indo das mans e non hai ninguén que terme da escorrentía. «Ou sacamos adiante a casa, a economía, o pan diario das familias, ou cerramos. Todo o demais son andrómenas, cortinas de fume. Iso é o que teñen que ver os políticos. Para iso lles pagamos». Está ben isto da lingua, memoria dos avós, valor de cultura e identidade que queremos que continúen os fillos. Pero se o país se desfai, se a economía estanca, se a casa se baleira porque hai que volver marchar polo mundo adiante, todo o resto é fantasía. A lingua está tamén no conflito do leite (que é a desfeita da nosa economía rural, necesitada de modelos e de recursos para modernizarse). E nas estadas dos estaleiros. E nos caladoiros onde faenan os nosos barcos? Hai anos que llo veño escoitando a Díaz Pardo, vello capitán: sen economía non hai cultura; sen un país estable e seguro do seu, con horizonte de futuro, con oportunidades para que os fillos o continúen e traballen, nin hai lingua nin hai identidade. A cultura (e o idioma) hai que entendelo así, parte dun todo que ou se sostén ou esmorece, tal que un sistema de vasos comunicantes.
PREMIO OTERO PEDRAYO 2008: MARCOS VALCÁRCEL
Fotos: Pepe Trebolle


















20 jun 2009




DISCURSO NA RECEPCIÓN DO PREMIO OTERO PEDRAYO

Teatro Principal.Ourense, 20 de xuño de 2009 .

Marcos Valcárcel López.

(O discurso consta de dez folios dunha cara, que pertencen aos tres cuartos de hora -aproximados - de lectura e improvisación)


INTRODUCIÓN: NON SUM DIGNUS.

Cando aló polo ano 1934 ou 1935, Xosé Filgueira Valverde quixo preparar unha antoloxía de poetas galegos, dirixiuse, entre outros, a Otero Pedrayo, o cal naquel momento só publicara en formato libro obras de narrativa, e este respostoulle “non sum dignus”, non son poeta. Hoxe sabemos que isto non é verdade porque de feito Otero Pedrayo publicaría logo poesia, o libro Bocarribeira, e deixou centos de poemas e poesías que están a ser recollidos en xornais e en revistas da época.

Conto todo isto porque, canto hai uns días, me chamou por telefóno o presidente da deputación ourensá, José Luís Baltar, o primeiro que meu veu á cabeza foi a anécdota de Otero Pedrayo, e as gañas de lle dicir “non sum dignus” de recibir tal galardón. Pero, evidentemente, houbo detrás un xurado formando por persoas de institucións de moito prestixio que así o consideraron e, polo tanto, eu non podía desbotar esa posibilidade.

Así pois, o primeiro que vou facer é amosar o meu agradecemento a ese xurado que decidiu outorgarme unha tan alta distinción. Porque o que é certo é que recibir un premio que leva o nome de Otero Pedrayo -como se fose o nome de Castelao ou o nome de Alexandre Bóveda- é moito máis que un compromiso, é realmente case unha profesión de fe nos nomes que foron sagrados da nosa conciencia cívica e que nunca esqueceremos.

Síntome moi satisfeito, moi orgulloso e moi ledo de recibir un premio que leva o nome dun dos maís grandes escritores das letras europeas do seu tempo.

PARTE PRIMEIRA: O meu Otero Pedrayo. (Non existe en soporte papel, rescatarémola de gravacións multimedia).

PARTE SEGUNDA: Otero Pedrayo, obxecto de estudo.

Anos despois lin con moito detalle a maioría das obras de Otero Pedrayo, non só as súas novelas e tamén os seus contos, senón os seus ensaios, moitos dos seus estudos de investigación e moitísimos centos de artigos dos que publicaba todos os dias nos xornais. É difícil de imaxinar, de non sabermos que estamos ante unha xeración como a Xeracion Nós, a capacidade heroica de traballo de xentes como Otero, como Risco ou Cuevillas, que publicaban practicamente a diario artigos na prensa, ás veces varios no mesmo día, que escribiron nos anos vinte e trinta a maioria das súas obras literarias, ensaios e estudos. E que noutros casos como Otero Pedrayo, era tamén o director do único instituto da cidade, “o culto director do instituto”, como dicía a prensa, e que aínda lle quedaba tempo para formar conciencia galeguista a través do Partido Galeguista e do seu labor en Cortes en Madrid, algo que, por certo, aburriu soberanamente moitas veces a Castelao tal e como se queixa nalgunha carta ao seu amigo Otero Pedrayo.

Mais a verdade é que aquela xeración, con aquela capacidade epopeica de traballo e de esforzo, foi a que tivo a ilusión e o gran compromiso de inventar unha idea de Galicia. Unha idea de Galicia que existía antes, por suposto nos Precursores, e de forma moi potente na obra de Murguía e na obra periodística de Lamas Carvajal, ou na obra poética de autores como Rosalía Curros e Pondal; pero que a partir deste momento terá unha forza teórica, unha forza de perfección verdadeiramente inigualable. Esa Galicia como nación cultural que reivindica os seus dereitos, que quere ser dona de si mesma, que quere salvar a súa lingua e a súa cultura, é sen dúbida un legado induscutible da Xeración Nós e moi en particular de Otero Pedrayo.

Eu tiven a sorte de abordar en distintas etapas da miña vida diversos traballos sobre don Ramón. O primeiro -que, por certo, foi un encargo de Bieito Ledo para a editorial Ir Indo en 1988- foi o libro titulado Otero Pedrayo. Vida, obra e pensamento. Obra que serve de referencia aínda hoxe a moitos estudosos deste tema e, en concreto, das ideas e do pensamento de Don Ramón. Libro que compartillei, así o quixen explicitamente, co historiador Xose Ramón Quintana, coautor do mesmo. De feito, entre as virtudes do libro está a forte bagaxe teórica e o rigor analítico de Xosé Ramón Quintana ao estudar o pensamento de don Ramón, así como algúns datos, bastantes datos inéditos, da vida do Otero Pedrayo político dos anos 30 extraídos da miña tese de doutoramento sobre a república ourensá. Polo tanto, o libro é unha biografía, unha biografía politica tamén, un estudo da súa obra literaria e un estudo moi a fondo e moi rigoroso do pensamento de don Ramón.

Pouco despois, anos despois, tiven a posiblidade, tamén convidado, esta vez por Carlos Casares, de preparar a edición e a longa introdución d’ O libro dos amigos, un fermosísimo texto de Otero publicado en América nos anos cincuenta, onde dá o xesto valeroso do recordo dos seus amigos desde os anos durisimos da posguerra, fixándose particularmente nun grupo de arredor de trinta persoas, entre os cales estaba o exiliado, recén morto, Castelao, e tamén figuras vítimas da guerra civil e do franquismo, como Ánxel Casal, Roberto Blanco Torres ou Alexandre Bóveda, así como moitos outros. Libro do que a policía tivo constancia e só a alta personalidade e o prestixio de Don Ramón impediron que caera sobre el o peso da represión.

Foi para min un pracer preparar esta obra, presentada en Trasalba, como o foi despois enfocar diversos estudos sobre o xornalismo de don Ramón, o último deles títulado Teoría de Galicia, que é un volume que recolle todas as colaboracións de Otero Pedrayo na revista Vida gallega, publicado hai poucos anos pola editorial Alvarellos e no que fixen unha longa introdución sobre o xornalismo de don Ramón. Se houbese folgos, non será o caso, quedan por facer numerosisimas cousas, porque don Ramon é un longo continente aínda por descubrir. Entre outras, moitos de vostedes xa o saben, unha das miñas teimas é o seu xornalismo.

É urxente recuperar en formato libro ou como sexa, tamén utilizando os novos medios dixitais, toda a obra xornalistica de Otero Pedrayo: os centos de artigos que publicou en La Región desde os anos corenta, na revista Misión, na súa sección “Parladoiro” no xornal La Noche, a primeira sección en galego na prensa de postguerra, e os moitisimos artigos publicados en revistas da emigración de America e de Europa. E como digo, sobre todo os publicados en La Región ata a fin dos seus días. Sería unha importantisima achega para os investigadores poñer todo ese material na rede, por exemplo nunha web titulada “Xornalismo de Don Ramón”, o que nos faría descubrir grandisimas marabillas que esconde este xornalismo en boa parte inédito aínda.

PARTE TERCEIRA: Hai que poñer de moda a Otero Pedrayo.

Ramón Otero Pedrayo, como dixemos, é un dos nosos grandes clásicos das letras galegas e, á vez, un dos grandes autores da Europa do seu tempo, con preocupacións e inquedanzas moi semellantes a outros grandes escritores conservadores daquela época.

É chegado o momento de poñer, de verdade, de moda a Otero Pedrayo.

Poñelo de moda quere dicir non só recuperar o seu nome, recuperar por suposto toda a súa obra, como está a facer desde hai anos a editorial Galaxia, senón tamén difundila entre a maioría da poboación, tanto escolar como adulta. É verdade que Pedrayo ten certa sona de autor difícil nos textos escolares, precisamente pola riqueza do seu léxico e pola enxebreza da súa sintaxe, á parte das súas peculiares construcións narrativas, mais, aínda así, creo que isto é máis que nada un problema de estratexia didáctica. Hai textos de Otero para todas as idades. Aos nenos pequenos, por exemplo, encantaríalles escoitar a Historia dun neno, ese texto biográfico onde fala da súa máis tenra infancia, cando Vicente Risco botaba discursos sobre a guerra de Cuba ou de Marrocos aos gatos dos tellados, ou cando ian xunto dúas institutrices francesas moi delgadas e moi tetudas aprender as primeiras letras.

Despois hai textos escollidos de Otero Pedrayo, que hai que buscar, que poden valer para moitas e moitas tarefas escolares. A continuación están os seus contos. Eu recomendo, para adentrarse no mundo de Otero Pedrayo, antes os seus libros de contos -Contos do camiño e da rúa e outros títulos publicados por Galaxia- do que as súas novelas, as súas obras mestras como Arredor de si ou Os camiños da vida. E isto porque algúns deses contos son, en síntese, grandes novelas e tamén auténticas obras mestras. Pensemos en "O fidalgo", pensemos en "A serea", pensemos en tantos e tantos relatos oterianos. É máis, Otero é moito máis rico en rexistros do que se soe pensar. Nun destes contos, por exemplo, hai un Otero provocador e mesmo un tanto irreverente que relata como o bispo medieval ourensán chega a roubar a auga das Burgas e facer unha canalización para levala ata a sé do seu bispado nas Torres e Curral do Bispo, simplemente para ter contenta á súa concubina que quería bañarse en auga quente. Tamén hai este tipo de textos, se se quere un pouco irreverentes ou grotescos, da autoría de Otero.

Hai que recuperar a Otero Pedrayo, hai que recitar os seus poemas, hai que poñer as súas obras de teatro nos escenarios, como se fixera coa excepcional A Lagarada en Trasalba hai uns anos. Hai que recuperar o seu nome e o seu debate, se fai falta coas técnicas de márquetin máis modernas. E, por suposto, as súas grandes novelas. Ese Otero Pedrayo d´Arredor de si, d’Os camiños da vida, d’O Mesón dos ermos, de Fra Vernero, d’A Romería de Xelmírez, de tantas e tantas obras de gran interese. Nunha das súas últimas intervencións, na que Maribel Outeriño o entrevistaba, don Ramón dicía que se sentía xa como unha pantasma do século XIX andando por Ourense, alá contra mediados dos anos setenta do século XX.

Puido dicir tamén que se consideraba un antigo habitante dos tempos de Xelmírez, do mundo medieval da grande Compostela que tanto amou, ou que se sentía un intelectual católico do século XVIII, da época de Goethe e dos grandes ilustrados, aínda que só fose para levarlles a contraria nos debates dialécticos. Otero cabía en calquera desas épocas, era un grande autor, un grande pensador sen ningun xénero de dúbidas, e podería, insisto, ser un escritor punteiro en calquera deses momentos. Un escritor que amaba os grandes libros, que afirmaba: “lede os libros enteiros, non só os prólogos”, e que sabía que a tradición cultural europea era a base da nosa convivencia, desa Galicia europea que el sempre defendeu, como toda a Xeración Nós, desde as raíces.
“Europa non ten ren que nos adeprender” dicía moitas veces, “nós xa somos Europa, estamos na cerna, no centro desde a época do Camiño de Santiago, primeira idea orixinal de construción dun gran planteamento cultural europeo”. Ese era Otero Pedrayo, un grande pensador que debuxou as nosas paisaxes como non sería capaz de imitar ningun dos máis grandes pintores galegos. ¿Cantas gamas de verdes, ocres ou amarelos, hai nas descricións do solpor campesiño, nas bocarribeiras de Otero, no seu mundo de fidalgo de botas brillantes, nos frades esclaustrados cos traxes roídos? ¿Cantas gamas de cores, de matices, que nin sequera un pintor sería capaz de reproducir con exactitude?

Otero foi, de certo, o noso grande paisaxista, pero foi moito máis ca iso. Foi o cronista dun mundo que xa non existe: a Galicia campesiña do século XIX, a Galicia campesiña incluso do seu tempo, ata os anos vinte, ata os anos trinta. Despois dos corenta e dos sesenta, as cousas empezarían a cambiar, e moito. Otero non era unha pantasma do século XIX. Era unha testemuña dunha Galicia que existiu e que era, nas súas palabras, “a que afinca na tradición máis profunda”.

Nun texto moi fermoso, Otero dicía que “hoxe -na súa época- cando un campesiño galego debuxa o xugo dunha parella de bois, sen querer, a súa man, a súa mente, van trazando formas, debuxos, espirais, formas redondas, suaves, que xa fixeron os nosos antergos desde as épocas prehistoricas dos petroglifos que se conservan nas nosas rochas”. Algo hai dese espírito galego, desa alma galega que permanece a través do tempo.

E, desde logo, o máis identificable dese ser galego, sen ningunha dúbida, está no exemplo da lingua. Esa fala que nos constitúe e nos fai propios, que nos fai auténticos e nos diferencia. Como dicía don Vicente Risco, íntimo amigo de Otero, aínda que os quixeron enfrontar nalgún momento das súas vidas sen éxito, “Ser diferente é ser existentes”.
Esa fala constitúe o maior tesouro patrimonial e espiritual que ten Galicia. Galicia existiría, si, sen un idioma propio, mais sería outra cousa moi diferente. Serían as catro provincias de 1834, como pode ser Logroño ou calquera outra provincia española sen ningunha cultura de seu e sen ningunha personalidade propia especial.
Porque a fala é a que nos debuxa unha forma de ser, unha forma de sentir e de expresar o mundo. É o vehículo polo cal temos algo que comunicar diferente ao conxunto do universo. Nunha coñecida metáfora, dicía Castelao no Sempre en Galiza que moita xente se lamentaría se algún día lemos nos xornais que se derrubou a fachada do Obradoiro da Caterdral de Santiago. Pois ben, esa xente debería escandalizarse tamén se oíse que o noso idioma está perdendo falantes e que corre perigo de se perder porque a nosa fala é unha abstracción única, que é irrepetible e que vale maís que moitas fachadas do Obradoiro ou que todas as catedrais galegas.

Curiosamente, nos últimos anos a maioría dos estudosos da obra de Otero, tanto no seu pensamento como noutros campos, foron autores procedentes da esquerda ou formados na esquerda, agás o caso moi senlleiro de Carlos Baliñas, sen dúbida un dos primeiros esculcadores do mundo oteriano con moito acerto.

E eu atrevome a dicir hoxe aquí que Otero Pedrayo está esperando aínda pola dereita galega. Ou, dito doutro xeito, que a dereita galega ten moito que aprender, ten moito que coñecer a través da obra de Otero Pedrayo. Para empezar esa apelación pola fala, esa necesidade de construción do País sobre o seu idioma, sobre a súa cultura propia, esa harmonía social que o propio Otero recomendaba como modelo de vida.
É certo que Otero tiña, nas chaves do seu pensamento, unha serie de elementos matrices que o relacionan co pensamento conservador da súa época, especialmente co pensamento relixioso e co catolicismo. É indiscutible que, para Otero, o catolicismo é unha base crucial de toda a súa ideoloxía. El non concibe unha Galicia libre, unha Galicia autonoma de seu, que non sexa unha Galicia católica. Ambas cousas, para el, debian ir intimamente unidas. Pero dito isto, Otero foi tamén un gran pensador liberal nas súas formas, nas súas opinións, na súa practica parlamentaria en Cortes, en Madrid cando foi deputado, e durante toda a súa vida. E foi un exemplo para todos nós, para as dereitas e para as esquerdas, de como concebir un País que aspira a ser máis rico e máis nobre e máis auténtico, un país de noso.
De resto, Otero Pedrayo non é autor privativo de ningunha ideoloxía, como hoxe diría Xesús Alonso Montero. Utilizando unha das súas expresións, todos os que estamos hoxe no Teatro Principal non somos nin dirixentes nin militantes, neste momento, do Pepegá, nin do Pesoe de Galicia, nin do Benegá, nin de calquera outra formación diferente. Neste momento somos todos militantes do partido de Otero Pedrayo, porque todos recoñecemos o valor da súa obra e recoñecemos o seu legado.

Otero debería ser lido por todos, e creo que a dereita galega, que hoxe goberna na Xunta, encontraría grandes sorpresas na obra de Otero Pedrayo, no seu pensamento economico, no seu pensamento politico, en moitos aspectos rigurosamente moderna e rigurosamente singular. Un home que non é un pasadista, que non está sempre pensando no pasado, senón que quere unha Galicia de futuro, esa republica natural campesiña que el soñaba, e quere abrirse aos procesos de mercantilización, pero sempre desde as raices máis fondamente galegas. Creo que algún autor xa iniciou estudos neste campo desde a perspectiva da dereita, e alegrareime que sexan exitosos, porque Otero Pedrayo, insisto, merece ser recoñecido desde ese mundo e merece ese tipo de solucións.
Nunha ocasión, Xaquín Lourenzo, tamén galardoado co premio Otero Pedrayo, afirmaba que cando ía a un monte, por exemplo a unha das escavacións, ou a calquera dos lugares onde el traballou, San Cibran de Las, Lobeira, etc., dicía que sentaba no monte só, en solitario, e miraba para as árbores, para a fraga, para o bosque, e vía os piñeiros, vía os carballos, vía os castiñeiros, e sentía que non era el só quen miraba, senón que esas árbores tamén o estaban a mirar a el. Quería dicir que, dalgun xeito, el se sentía parte desa paisaxe. Sendo fondamente católico, como foi don Xaquin Lourenzo, sentía tamén unha especie de panteismo que o identificaba coa Terra, con esa Terra que escribían en maiusculas os galeguistas da xeración Nós e os seus seguidores.
Iso é o que se sente ao ler as obras de Otero Pedrayo. Sentimos que estamos dentro do marco, que participamos dentro dun espectáculo que diriamos cinematográfico, e que nós estamos dentro desa historia porque captamos todos os matices das vellas loitas campesiñas, da vellas loitas dos fidalgos, do poder das carlistadas, e de todo ese mundo que, pouco a pouco, o estado liberal foi derrubando e tirando abaixo.

A vida, di nun verso fermosísimo o poeta español Vicente Aleixandre, “es solo un relampago entre dos oscuridades”. Se o queremos en galego, “a vida é un lostrego entre dúas escuridades”. Mais o certo é que hai lóstregos que teñen unha forza de seu que deixan para as xeracións vindeiras un legado importante que recoller, que acrecentar, que coñecer e que estimular nun futuro.

É certo que Otero Pedrayo non nos deixou vías asfaltadas, nin grandes fábricas, nin grandes empresas, nin nomes de compañías nin nada semellante. Ese non era o seu mundo. Pero deixounos o poder da palabra, e tamén o poder indestrutible da ideas. O único que temos que facer é volver a ese poder da palabra, a ler a Otero Pedrayo, a levar a Otero a todos os lugares, aos centros escolares, ás festas de veciños, a todo tipo de actividades e volver a reivindicar o que foi un dos grandes clásicos do mundo europeo do século vinte.

Pola miña banda, recibir hoxe un premio que leva o seu nome non pode deixar de emocionarme e de encherme de gratitude. Cara ao xurado, cara á Deputación de Ourense e a don José Luis Baltar, como promotor desta iniciativa, e tamén cara a todos vostedes, amables amigos.

Grazas.

19 jun 2009


O Acto de entrega do Premio Ramón Otero Pedrayo a Marcos Valcárcel, terá lugar no Teatro Principal de Ourense o vindeiro día 20 de xuño, sábado, ás 12:00 horas.







(Fotos: Trebi)


NOMEAMENTO E LIBRO HOMENAXE A MARCOS VÁLCARCEL EN OURENSE
por Corresponsal
(Fotos La Voz de Galicia e La Región, respectivamente)

1. Un emotivo acto.

Os paxaros enmudecían inmóbiles nas árbores da calor que ía, pero iso non impediu que onte xoves, no Liceo ourensán, se celebrase o emotivo acto dobre de nomeamento de Marcos Valcárcel como socio de honra e de presentación do libro Marcos Valcárcel. O valor da xenerosidade. Homenaxe dos amigos.

Nun ateigado e máis que caluroso salón baixo do Liceo, o presidente da entidade, José Carlos Martínez-Pedrayo, glosou con elegancia a figura do honrado e deu conta dos motivos polos que a xunta directiva propuxo o seu nomeamento, entre outros ser o activo e eficaz director da Sección de Literatura desde o ano 2002. Pasou revista Pedrayo aos eventos máis significativos do labor da mesma nos últimos sete anos, subliñando que converteron o Liceo nun punto de referencia ineludible da vida cultural non só ourensá, senón galega en xeral.

A continuación tomou a palabra Afonso Vázquez-Monxardín, en representación dos coordinadores do libro homenaxe (César Ánsias, Benito Losada, Xosé Trebolle, Xosé Ramón Quintana e el mesmo). Despois de expoñer as características desta obra primorosamente editada, na que participaron 225 autores, entre escritores, artistas e amigos, o interviniente leu algúns dos textos do libro, entre eles dous extraordinarios sonetos de Marica Campo e Víctor Campio Pereira.
Un bo número dos colaboradores, ourensáns e de fóra, achegáronse para lle dar unha aperta a Marcos: o escritor Bieto Iglesias, o psiquiatra Santiago Lamas, os historiadores Afonso Mato, Jesús de Juana e José Gómez Alén, o pintor Antón Pulido, a xornalista Cristina Huete, o museólogo Xosé Carlos Sierra, o boticario Adrián Da-Cunha, os dous Xosé Lois: o Carrión e o Carrabouxo, entre moitos outros. Tamén estaban os que se deron en chamar “núcleo duro” d´As Uvas na Solaina, expresamente chegados de Lugo, Vigo ou Allariz.

Marcos Válcarcel fixo unha emocionada e emocionante intervención, agradecendo o nomeamento de socio de honra e o libro dos seus amigos, profusamente aplaudida polos asistentes. O Liceo foi, durante anos, a miña segunda casa, dixo coa voz entrecortada. Falou da amizade, do permanente cariño que se lle amosa desde todas partes, do núcleo de amigos directos que están aí, a pé de obra. Quizais máis que en ningún outro texto apareza tan ben retatado o amigo Marcos como no soneto de Marica Campo:

De como pode un home ser guieiro
para atoparmos un lugar no mundo,
de don Marcos Valcárcel, o profundo
soñador de Galiza, o noso abeiro.

Do amigo, o señor e o compañeiro,
do mestre e o escritor claro e fecundo,
das Uvas na Solaina, do rotundo
apostar pola lingua. O pardiñeiro

da historia do país en el recobra
esplendor palaciano, luz de día,
orgullo de ser nós, que non nos sobra.

Direille aínda acio e malvasía,
viño a repousar que o tempo dobra
en doce potencial de rebeldía.

Ao remate do acto, os asistentes pasaron a unha sala contígua onde departiron amistosamente, refrescando a calor con bebidas e petiscando un ágape disposto polo Liceo de Ourense.

2. Un cantar enxebre.

O así chamado “núcleo duro” d´As Uvas na Solaina, xunto a outros amigos e amigas, aproveitaron a ocasión para iren tomar posteriormente uns viños á Praza do Eirociño dos Cabaleiros.
Milagrosamente, o Júlio Medela e o Xulio Outomuro retiraronse as súas moradas a unha hora prudencial. Mentres, Xoán da Cova botaba man da guitarra e Xosé M. González (Saavedra) e o grande Xoán Fonseca, axudados polo Occam, acometían todo un amplo repertorio de cancións de taberna, seguidos polos demais presentes. Arume dos Piñeiros, pouco dado a efusións tabernarias, aproveitou para falar de Boloña cunha compañeira universitaria que atopou.

Non eran, de certo, as cancións de taberna barrocas de Henry Purcell as que alí foron cantadas, mais era tal o entusiasmo, tan perfecta a harmonía de voces, que de inmediato todo o bar, absolutamente todo, coreou ao unísono: trinta voces mínimo. O climax chegou cando entoaron “Milho verde” e cando se sumaron catro tunos que por alí apareceron para dar conta da canción de Carlos Puebla sobre o Che Guevarra: inenarrábel a conxunción do Fonseca á voz e á guitarra e os punteos do tuno da bandurria.
O cántico “Guantanamera” foi aproveitado astutamente polo avogado lugués Xaime da Pena para mudalo por Antequera en honor a uns andaluces de tal localidade que asistían encantados participando tamén no coro. O resultado non foi outro que as copiosas consumicións alcohólicas correron a cargo dos antaqueranos. Non che son parvos, non, estes de Lugo.
.............................................




18 jun 2009




Troula


O televisor infórmame de que a Comunidade de Madrid convocou probas para obter acreditación de porteiro de discoteca. Seica se presentaron dous mil postulantes, moitos deles orixinarios de países do leste de Europa. Na pantalla asoman uns bicharracos de moito sandiós, de lombo cumprido, carrelo avultado -como de boi- tralo pescozo, brazos de grosa bola fabricada no ximnasio e pelo rapado a rentes do cranio. As autoridades disque pretenden introducir nesas caixas cranianas algúns artigos da constitución española e certos protocolos que han guiar o seu labor de cans cérberos. O Cérbero lendario garda as portas dos Infernos e infernais deben ser os furanchos discotequeiros para requirir como custodios a semellantes estrombalameiros. Un, na súa inocencia, sempre pensou que a mocidade acudía ás discos por dous respectables motivos: para estorcegar o corpo danzando e para cortexar posibles amantes. Como estas actividades rara vez enxendran violencia, hai que supor que o atractivo principal deses locais é enviar pola gorxa ou polo nariz excitantes ou estuporantes, algún xénero de felicidade química. Só así se explica a necesidade de apostar na porta barreñas capaces de administrar lapotes e lombeiradas entre os clientes afumados ou pavesas. Desta maneira regresan os tempos dos meus avós, cando as festas non eran completas se non remataban cunha boa pelexa e reparto de tutes (puñetazos) e malleiras con estadullo. O único que cambiou foi o detonante da lideira, pois a causa das liortas era entón a "remuda", costume que autorizaba a roubarlle a outro a parella de baile co simple aceno de petar no lombo da moza e un "permites" dirixido ao bailarino que quedaba plantado e con cara de ferreiro. Lidar polo baile agarrado (unha das máis fermosas angueiras que pode realizar o ser humano) paréceme lóxico, pero un combate entre puxilistas de peso pesado e borrachuzas faltóns quita a gana de troulear.(De Bieito Iglesias:Correo Gallego

17 jun 2009



A fiestra rechea
Por ANXO TARRÍO VARELA (Galicia Hoxe
No asunto da enquisa sobre a lingua, os incitadores xogan coa vantaxe de contar cunha enorme maioría da sociedade que, debido á súa indixencia cultural respecto de Galicia, da súa Historia e da antigüidade da súa lingua, ten un sentimento lingüístico contrario á utilización do galego como idioma de cultura, por máis que sexa o único que poden falar con coñecemento e competencia, no sentido técnico deste termo.

Claro que esa ignoracia é normal en calquera sociedade, pois ninguén imaxina un campesiño ou uns burgueses casteláns, franceses ou británicos falando as respectivas linguas porque teñen coñecementos das súas historias, das súas orixes ou das súas grandezas literarias. Non. Fálanas porque políticas axeitadas os encamiñaron a utilizar esas linguas e non outras. O inglés foi considerada lingua vulgar na Baixa Idade Media porque as clases altas falaban francés despois da conquista normanda, pero pouco e pouco o inglés foi gañando prestixio até chegar a desprazar o francés no Parlamento, máximo símbolo de soberanía. Foi esa unha cuestión política, un xesto de dignidade e un afán de se ver libres do xugo francés. Claro que foi posíbel esmagando outras linguas que se falaban nas illas británicas. Pero esa é outra historia.

Rafael Dieste perfilou moi ben algo parecido na súa obra de teatro A fiestra baldeira (1927), por máis que o rianxeiro lle dese unha solución idealista ao conflito.

Refresquemos a memoria: "don" Miguel, próspero indiano, fora nos comezos da súa vida un traballador do mar, un mariñeiro máis. Agora quere que un bo pintor lle faga un retrato, cousa que realiza Antonio con resultado satisfactorio para o interesado. Non así para as aburguesadas muller e filla, que ven unha aldraxe no feito de que, detrás da estampa do seu marido e pai, na pintura se vexa, a través dunha fiestra, un peirao mariñeiro con lanchas, aparellos, etc. Unha aldraxe, porque esa fiestra vén ser como a denuncia do pasado humilde de don Miguel, e por esas non pasan as mulleres da casa, que queren que o pintor poña alí algún motivo que reflicta a actual situación farturenta da familia: "un fondo de xardín fidalgo ou cousa de xeito semellante", algo "máis señor". Algo ao que Antonio se nega. Eis o conflito, pois don Miguel coida que está ben: o cadro lembra os moitos traballos polos que tivo que pasar para acadar a fortuna de que agora gozan na familia. Muller e filla teiman en que está mal, polo que xa sabemos. Cando os amigos do indiano, compañeiros de pobreza noutros tempos, se decatan de que don Miguel vai sucumbir aos caprichos da filla, tratan de impedir que se cambie na pintura o motivo mariñeiro, e antes de que iso ocorra prefiren recortar esa parte do lenzo cunha navalla e levalo con eles, pois considérano profundamente seu por ser símbolo da súa dignidade colectiva, da súa identidade innegociábel.

Ao final, o retallo de lenzo volve ao seu sitio, todo se arranxa e todos, incluídas as mulleres da casa, se identifican co que alí se representa. Velaí unha fermosa parábola que ben había servir para ilustrar o intento de erradicación da lingua galega no ensino que se está perpetrando nestes días.




O pesadelo. Vas ver ti
Por AFONSO VÁZQUEZ MONXARDÍN (En Galicia Hoxe
"Vas ver ti e vasme dar a razón. As matemáticas, carallo, xa non valen para nada. Desde que inventaron as maquiniñas, non fai falta saber nin a táboa. Cálcaslle ao 5, logo ao por e logo ao cinco e sáenche 25! A ver. ¿Para que necesito eu a táboa? ¿Para que lles fan matar a cabeza? Mellor sería que nos preguntasen se nos parece ben que atafeguen os nosos fillos con parvadas. Que a Xunta compre calculadoras para todos e xa está. Pasa como coas ciencias. Eles ensinan a "teoría da evolución" . Que se descendemos do mono -serán eles- e outras andrómenas. Pero eu sei que hai outras teorías. Que non son ignorante eh? Sei ben iso da reprodución; que se os espermatozombis se xuntan cos ovos e saen nenos, eh? Pero hai outras teorías. Que se vimos dos marcianos, que nos fixo Deus en seis días e así saíron algúns.

Todo teorías. Tiñan que preguntarnos cal queriamos que lle ensinasen a cada un. Que non nolos manipulen. Eu, por exemplo, non quero que lle ensinen ningunha, para que meu fillo decidise libremente. ¿E o da Física? Eu xa sei que o ángulo recto ferve aos noventa graos, pero se non o chego saber non me pasaba nada. ¿E os profesores de lingua? ¿Que me vas dicir deses pesados? Que se vaca con v, que se Barcelona con b. Que se guevo con h en vez de con gue. ¡Que máis dará! É o que di meu fillo. "Eu escribo así". A ver, ¿non se entende? Pois xa está. Ademais ¿quen decidiu que Barcelona fose con B?

¿E o latín? ¡Onde vai que morreu o último que o falaba! Só estudan parvadas. Ata os de ximnasia lles fan exames. ¿A quen carallo lle importa o que mida o campo de fútbol? O mesmo que os de historia. Que se hai dous mil anos, os Reis Católicos fixeron a Catedral de Santiago... Todo parvadas de antes. Como se fosemos volver alá.

Tíñanlles que ensinar cousas útiles. A facer cabaliños na moto que é o que lles gusta e potencia o equilibrio e a altoestima. A sacar o carné de conducir. Futboloxía, para ter tema de conversación. Seguro que moitos non saben a alineación do 12-1 de España-Malta. Eu si. E moita televisión que é o que lles dá facilidade de palabra, e non os profesores que son eles os que nolos desgracian. A ver, por que non vai escoller un profe no colexio. Que mo pregunten. Xa está ben de imposicións. Eu non quero que lle dean mulleres que se me fan uns mariquitas ¿E a carallada do de galego? Mellor sería que non lle falasemos nunca na casa aos fillos. Que non tivesen libro ningún. Que os profes tampouco lles falasen e despois así, xa lle sairía a cada un a lingua que lle saíse. Libremente. ¿É así ou non é?".

Abrín os ollos. Tiña a boca pegañenta. Logrei pensar Omeprazol. Cando saia de copas teño que tomar Omeprazol antes. Para non ter pesadelos. Agora xa só zume e ibuprofeno.

16 jun 2009

  • Xoves, 18 de xuño de 2009.
  • Hora..: 20:15 horas.
  • Lugar.:Liceo de Ourense.

    Acto de nomeamento de SOCIO DE HONRA do LICEO de Ourense a MARCOS VALCÁRCEL LÓPEZ.

    No mesmo acto presentarase o libro: ´Marcos Valcárcel. O valor da xenerosidade. Homenaxe dos amigos'.

    Finalizarase a xornada nos salóns da planta baixa do Liceo ourensán.

    {NOTA: Os colaboradores na citada obra poderán recoller en man o seu corresponde exemplar}.

Empobrecemento da linguaxe.
Galicia Hoxe, 16.06.2009
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO




Denuncia o escritor Mempo Giardinelli que no seu país, a Arxentina, a linguaxe sufriu nos últimos trinta anos un empobrecemento dramático e que duns 84 mil vocábulos dispoñíbeis só se empregan na actualidade arredor de mil. E, segundo datos da Real Academia Española, só entre os anos 1992 e 2001 foron suprimidos máis de 6.000 artigos do Diccionario oficial, palabras que simplemente desapareceron do uso falado e escrito e caeron no pozo do desuso. O empobrecemento xeneralizado da linguaxe é unha realidade que resulta hoxe máis que evidente na sociedade e detéctase particularmente nos adolescentes e nos profesionais en xeral, que, aínda tendo realizado estudos superiores, adoitan caer na inmediata vulgaridade e na conseguinte pobreza expresiva. ¿Acaso non sae da Universidade un alto número de licenciados que exhiben unha pésima desenvoltura ou manexo da lingua oral e escrita? Segundo diversos estudos realizados, se hai dez anos un universitario empregaba unha media de 1.200 palabras no seu vocabulario activo, hoxe só utiliza arredor de 600. Velaí a realidade. E resulta preocupante. O empobrecemento da linguaxe avanza como as areas do deserto sobre os fianchos verdes da herba. Xa dicía George Steiner hai corenta anos, baseado en estatísticas sobre o tema, que a capacidade de lectura de máis da metade da poboación adulta dos Estados Unidos se atopaba "ao nivel dun neno de doce anos". E como di, non sen ironía, o escritor e crítico literario Manuel Arranz, "xa sabemos que Estados Unidos é o futuro de Europa". Por ese camiño imos. E algo albiscou ou abesullou ao respecto o visionario George Orwell cando, na década dos corenta do pasado século, nos advertiu sobre a decadencia da civilización occidental e o inevitábel e triste destino compartido pola súa linguaxe, debido este sobretodo a causas económicas e políticas favorecedoras do empobrecemento da mesma. Como ben dixo o poeta italiano Giorgio Barberi Squarotti: "A pobreza da linguaxe debilítanos e pode facernos escravos das ideas doutros".




"O FRACASO DO BLOQUE"
Xosé Manuel Sarille (Correo Gallego:16/06/2009

Cando Anxo Quintana ocupou a vicepresidencia da Xunta, Antón Losada foi o seu principal asesor. A estratexia bloqueira de goberno consistiu en facer que o BNG migrase para o espazo rexionalista de centro, até daquela ocupado pola tendencia boina do PP. O líder e os seus asesores pensaban que para permanecer no poder neste país o único ideario posíbel era o encarnado até daquela en Xosé Cuiña e arbitrado por Manuel Fraga como se fose o espazo natural de Galicia.

Nas eleccións autonómicas moitos votantes do Bloque ficaron na casa, indignados. Era lóxico porque o elefante nin unha formiga pariu en catro anos. Os votos dese centro non saíron da cesta do PP nin de broma, e o BNG desatendeu ao 25% do electorado galego que segundo as enquisas está á súa esquerda. A consecuencia foi unha enorme decepción.

Antón Losada botoulle a culpa da derrota á deserción dos votantes fieis, como se tivesen a obriga de apoiar incondicionalmente a pésimos políticos, incluso despois de asistir á alucinante operación de travestismo. E os novos dirixentes do Bloque (o de novos é un dicir) anunciaron que no sucesivo buscarían máis esquerda e máis nacionalismo. Activouse o caricaturismo da UPG e nas eleccións europeas as xuventudes imprimiron un cartel cunha estrela vermella máis gorda e colorada que as que se puñan no Kremlin. E namentres, a insolvente candidata púxose diante dun mapa con fronteiras e cousas desas. É entón cando Antón Losada aproveita para dicir que o Bloque perde aínda máis votos por non ficar no centro, que é onde os hai. Como se toda esa pachanga de emblemas e proclamas valeiras tivese algo que ver con facer política de esquerdas. Ou con algo máis que cunha organización ao borde do estado de coma. Mais a funeraria situación sérvelle agora a Losada para mangarlle a manta aos antigos compañeiros de cama e tapar con ela o seu lado.

O Bloque fracasa porque está KO, pero fracasa sobre todo porque abandonaron os principios intervencionistas e socialdemócratas, precisamente cando a crise estaba a punto de facer que volvesen. Foi o outro día e nótase moito. Por iso soan a oco e non son críbeis.

15 jun 2009






As librarías Eixo, Tanco e Torga; as editoras Difusora de Letras, Artes e Ideas, Duen de Bux e Linteo;
e os escritores Marcos Valcárcel, Camilo Franco, Xerardo Méndez,
Xosé Francisco Fernández Naval "Chisco" e José María Pérez Álvarez "Chesi"
temos a honra de convidalo/a ao acto de presentación da asociación profesional

Gremio Literauria
Gremio de Editores, Libreiros e Escritores de Ourense

que decorrerá o próximo martes 16 de xuño a partir das 20:15 h. no Liceo de Ourense, rúa Lamas Carvajal, 5.

O acto contará coa participación de Manuel Ramos, Chisco Fernández Naval e Xavier Paz
así como intervención de Camilo Franco acompañado do músico Magín Blanco.
Agradecido
Xosé M. González
Xornal de Galicia, 14/06/2009
('A mesa negra' de Matisse .Museo Thyssen.)

Adoito considerar o tema desta columna mediando a semana precedente; e venres último, vista a requisitoria xudicial contra os ‘ridiculistas’ que actuaran onda a manifestación de “Galicia Bilingüe” en febreiro, tiña decidido soster unha vez máis o dereito a opoñerse. Pero o sábado arrombei sen reparo nin dúbida aquel motivo, pola urxencia de manifestar gratitude: moi obrigado, PP.

Este partido, cando goberna, renova o espírito. Á luz da experiencia, as maiorías absolutas de Fraga ou Aznar suscitaban un desacougo pola gobernación inminente que mesmo podía dar en aquel depresivo. Pero se o primeiro tiña amaño difícil, no estilo de goberno acababa xurdindo remedio para o segundo: sen ladrar nas esquinas, un volvíase can alporizado contra o petulante; e algunha insolencia de vello nada entrañable multiplicaba a gana de dicir Nunca Máis. O dito: auténtico efecto renovador.

Neste comezo de lexislatura, a Xunta promove un inquérito sobre uso lingüístico na actividade didáctica. Xa de inicio se viu parcial canto aos destinatarios, provocou escepticismo sobre a fiabilidade, pareceu destinado a xustificar unha diminución das horas en galego; e veu o influxo triste e pesimista da desafección idiomática. Pero na fin de semana a consellaría de Educación descargou toda a responsabilidade do proceso nos equipos directivos; engadiu o custo de varias páxinas propagandísticas ao seica xa non escaso orzamento; e prohibiu criticar a enquisa no ámbito escolar.
Momento no que eu, ata daquela un tanto paradiño, me puxen a fotocopiar e repartir dípticos a prol de manter a situación vixente. O efecto remocicante do PP: señor Feijóo, queda incluído na lista.

(I) Dous solaineiros na Festa do Boi (Allariz, 14/06/2009)

por Xoán da Cova

Cheguéi ao Ziralla por volta das doce do mediodía, e dirixínme sen perder tempo á rúa onde se atopa a vivenda do Júlio Medela. Por un casual, nese preciso instante entraba pola rúa a procesión do Corpus, a pisar a tradicional alfombra vexetal de fiunchos, follas de palma e flores. A comitiva de devotos, que ocupaba todo o ancho da rúa, camiñaba moi de vagar, ao ritmo da música da banda. Vínme obrigado a desfilar eu tamén, convertido de repente no único devoto o suficientemente fervoroso como para soportar, sen paraguas, a chuvia que comezaba a caer, que se facía máis forte por momentos. Entre os simples espectadores que se apostaban nos altos, distinguín algúns coñecidos, que me saudaban con acenos de sorpresa ao verme nunha situación na que seguramente nin me imaxinaban.

Non lembraba o número da morada do Medela, e íame fixando nas fachadas para a recoñecer. Mais en todas colgaban, como é habitual, moreas de bandeiras de España, e algunhas de Galiza, o que, xunto co feito de que tiñan ventás e balcóns abertos e cheos de xente, facía difícil distinguilas. Os meus temores de non encontrar a casa do amigo disipáronse cando vin colgando, nun dos balcóns, a bandeira do Reino Suevo de Galiza, un león rampante pelexando con un dragón de rabo aguzado. Obviamente, só o Medela sería quen de facer iso.

O meu anfitrión invitoume a unha cervexa fresquiña. Disfruteina no balcón mentres observaba como, na rúa, os operarios municipais limpaban eficazmente a alfombra floral axudados por un "tractor escoba". Marca John Deere, tal e como ía matizar o Medela co seu inconfundible estilo. Limpaban a conciencia, probablemente para evitar o risco de que a xente esbarase nas carreiras diante do boi que se aveciñaban. Comparei a destreza daqueles traballadores no manexo de angazos e forquitas coa dos operarios do concello de Ourense, moitos dos cales deixan claro, polo modo en que as collen, que non viron nunca unha desas ferramentas na sua vida antes de aprobar a correspondente oposición.

13 jun 2009



Anxo Lorenzo - Secretario Xeral de Política Lingüística
"A sociedade entende moi ben que non podemos ofrecer unha educación á carta"
"A consulta ós pais vai ser o único elemento a ter en conta? A resposta é non"
X. A. TABOADA - SANTIAGO Ten por diante un dos labores máis complicados da Xunta, o de elaborar o novo decreto da ensinanza que regulará o uso do galego. Pero non lle importa, porque asegura que xa sabía onde se metía e admite que todos van ter que renunciar a algo para conquerir o consenso.

–Por que aceptou o cargo, sendo un dos máis polémicos?

–Tivo que ver con que había unha oferta para traballar na promoción da lingua galega e eu creo que hai que botar unha man. É unha aposta arriscada por parte do Goberno e por parte miña.

–Sabía onde se metía?

–Levo moitos anos en política lingüística. Non me colleu de sopetón todo isto que está pasando. Sabía onde me metía.

–Como vai saír desta?

–Deberíamos saír cun decreto co maior consenso social e político posible e cun conxunto de medidas para animar o uso da lingua.

–Os últimos estudos que se publicaron refliten unha caída constante do número de falantes en galego…

–Hai estudos que mostran liñas de recuperación ou polo menos de atenuación da caída do número de falantes. Os datos do IGE sobre as Condicións das Familias do ano 2003 mostran unha contención na caída dos falantes en galego. Pero vostede supoño que se refire ós datos do Mapa Sociolingüístico, que son do 2004, pero esos datos chegan ata as personas de 55 anos e non hai datos das personas maiores desa idade, polo que iso pode levar a equívocos.

–En todo caso fala de atenuación, que non é o mesmo que recuperación.

–Evidentemente, pero os datos do IGE indicaban que había un 64% de persoas que falaban so galego ou máis galego que castelán. Se a iso sumamos os que usan o castelán sobre todo, pero tamén algo o galego, estamos falando dunha situación que calificaría de complicada si, pero non dramática.

–Á marxe da promesa electoral do PP, realmente hai unha base social que demanda unha normativa nova? Porque durante o tempo que se estivo aplicando o decreto do bipartito, máis alá de Galicia Bilingüe non houbo voces críticas.

–A propia cuestión do programa electoral debería servir, porque é un contrato cos electores. Non creo que haia que darlle máis voltas.

–Uns dos argumentos do Goberno é que o decreto do bipartito se fixo sin consenso, pero tal como están as cousas, non parece que agora se vaia conquerir. Se non é así, o novo decreto volverá a pecar do mesmo defecto que se lle achacou ó bipartito e polo tanto podería nacer con data de caducidade.

–Eu non quero un decreto para catro anos, senon para dez ou doce. O tema da lingua hai que sacalo fóra do debate partidario, fóra do corpo a corpo das formacións políticas. Temos que intentar entre todos poder imaxinar un sistema educativo onde todos renunciando a algo nos sintamos cómodos. Imos ter que renunciar a algo todos, non só o Goberno e o PP.

–Chama un pouco a atención que hai certas informacións contradictorias por parte da Xunta, sobre a segregación ou non nas aulas ou o se a consulta cos país ía ser ou non vinculante.

–Non sei se o Goberno foi ou non suficientemente claro, pero o tema está bastante ben formulado. O que imos facer é consultar ás familias para que sirva de base para construir o primeiro borrador do decreto para ofrecerllo á sociedade e as forzas sociales e políticas. Debe contarse coa voz das familias. Agora, vai ser o único elemento a ter en conta? A resposta é non. Vai haber outros elementos. A consulta será útil, pero desde logo non será a única voz nin o único elemento.

–Entre outras cousas porque non se vai poder dar satisfacción a todos os pais...

–A sociedade galega entende perfectamente que non podemos ofrecer unha educación á carta. Nin en Galicia nin en ningún país do mundo.

–Sin embargo, a mensaxe que se trasladou é que os pais poderían elixir a lingua na que estudarían os seus fillos.

–Repito a resposta de antes. Escoitaremos a opinión das familias e despois manexaremos outras variables que calquera goberno ten que manexar cando se pensa nun novo modelo educativo, como recursos económicos, que o decreto sexa tecnicamente coherente, pedagóxico… e despois hai unha legalidade que hai que cumprir. Hai moitos elementos que se van ter en conta á parte da consulta.(De Faro de Vigo 13/06/2009

Bendita Coca Cola
Afonso Vázquez-Monxardín
Nos anos grises do inicio da década dos cincuenta do século XX, Álvaro Cunqueiro decidiu fuxir do chumbo e aburrimento cotián inventando mundos. E de aí naceron espazos tinguidos de azul, demos que se convertían en bañeiras para ver como as monxas se bañaban espidas, camiños de quita e pon, sereas namoradas de portugueses, magos merlíns que desde as Terras de Miranda atendían a xentes de fábula de todo o planeta e de todos os tempos. Dalgún xeito foi a vitoria do mundo da imaxinación colorista fronte ao branco e negro, ao estraperlo e racionamento, á paralización da realidade vivida.

Pois nestes tempos presentes de certo desacougo para a lingua e a cultura galegas, non precisamos para subir o ánimo fuxir tanto da realidade como don Alvaro. E como a realidade de hoxe xa é escollida que non imposta, debemos reparar tamén no noso nós máis fermoso, nas iniciativas que nos reconcilian co mundo positivo, para espallalas e potencialas.

Entre elas, por exemplo, a da Coca Cola. O concurso de redacción da Coca Cola é un clásico das nosas letras españolas. Ten xa corenta e oito anos. Moitos dos lectores, se cadra a maioría, lémbrano dos seus anos escolares. Andará polas hemerotecas, por exemplo, o primeiro ‘artigo’ publicado polo director xeral de Emprego do Concello, señor Vázquez Barquero: a súa redacción premiada no Instituto Masculino, que debeu ser alá polo 1972 ou 7.

3 Pois ben, a Coca Cola, observando con normalidade a feitura lingüística do país, comezou este ano un concurso paralelo, complementario, confluente, ou como se queira denominar, de redaccións en galego. E centos e centos de estudantes de segundo da ESO de toda Galicia partici paron neste curso na primeira edición deste certame. E houbo premios -que entregaron onte en Santiago- para moitos dos nenos e nenas participantes. Con normalidade plena. Seguro que se Coca Cola nos ve como algo normal, como unha lingua e unha cultura de interese para convocar o concurso de redacción, é que as cousas avanzan. Graciñas Coca Cola por mirarnos con bos ollos.

Sempre dixen, non sen un aquel de convencemento íntimo, que eu poría de responsable da política lingüística do país a un directivo de Coca Cola. Saben vender o produto. Saben crear un desexo. Saben facer dun líquido marrón escuro, algo atractivo e con forza para todos. Saben facer que chegue a todos os sitios. Con eles, teriamos a partida gañada. Aínda que, claro, sempre habería algún repunante que peferiría Pepsi. E non pasaría nada.(La Región:13-06-09

12 jun 2009



* CULTURA
Marcos Valcárcel recibe a Medalla Castelao polo seu traballo divulgador
A investigadora Tarsy Carballas, o internista xefe no Chuac, Fernándo Diz Lois, e o tradutor Pérez-Barreiro Noia pechan a lista de premiados
Xornal.comActualizado 12/06/2009 - 02:37 h.

A Medalla Castelao é, polo de agora, o último do refacho de homenaxes que está a recibir o investigador, articulista e divulgador Marcos Valcárcel (Ourense, 1958) durante os últimos meses polo seu traballo. ?O seu nome foi incluido onte na lista dos cinco gañadores do máximo galardón que concede o goberno galego, anunciada onte tras a celebración do Consello da Xunta, xunto á científica Tarsy Carballas, o xefe de Medicina Interna no Complexo Hospitalario da Coruña, Fernando Diz-Lois Martínez, o fundador do Museo do Pobo Galego, Luciano García Alén, e o tradutor Fernando Pérez Barreiro, responsable da primeira obra teatral de Shakespeare publicada en galego.

Cando aínda ten fresca a súa visita a Santiago para recoller o Premio PEN Clube de Galicia, o ourensán Marcos Valcárcel recibe esta medalla que a Xunta reserva para aqueles persoeiros “merecedores do recoñecemento do pobo galego no ámbito artístico, literario, ou en calquera outra actividade humana”. Ademais, en novembro do ano pasado recibiu unha homenaxe en Ourense, honras para o que é un dos maiores expertos actuais na cultura galega dos primeiros anos do século XX.
No eido cultural, destaca tamén o nome de Luciano García Alén, que foi un dos fundadores do Club Nacionalista Alén Nós. Creou o Museo de Pontevedra xunto a Filgueira Valverde e foi o primeiro presidente do Museo do Pobo.
O premio naceu no ano 1984, por mor do retorno a Galicia dos restos de Castelao. O seu decreto de creación sinala que “a perfección ou a tracendencia das obras” dos galardoados debe ser o froito da entrega “dunha vida” e da “fe na cultura, na historia e no ser dun pobo”.

RECOÑECEMENTO
A senda do devanceiro
Tarsy Carballas, Fernando Diz-Lois, García Alén, Fernando Pérez-Barreiro e Marcos Valcárcel reciben as Medallas Castelao 2009
AXENCIAS . BARCELONA
Marcos Valcárcel
FOTO: Axencias
As Medallas Castelao serán neste 2009 para Tarsy Carballas Fernández Fernández, Fernando Diz-Lois Martínez, Luciano García Alén, Fernando Pérez-Barreiro Noia e Marcos Valcárcel López. O anuncio foi realizado polo presidente galego, Alberto Núñez Feijóo tras a reunión do Consello da Xunta, que aprobou o decreto que establece estes galardoados, aumentados polo novo goberno a cinco despois de que o bipartito os rebaixase a tres.(En Galicia Hoxe

Marcos Valcárcel, distinguido con la Medalla Castelao 2009
La Región:Redacción digital - - 11-06-2009
El Consello de la Xunta aprobó, en su reunión semanal, la distición del historiador y escritor ourensano Marcos Valcárcel con la Medalla Castelao 2009.
El ourensano Marcos Valcárcel, doctor en Geografía e Historia y catedrático de Lingua e Literatura Galegas, será distinguido con la Medalla Castelao 2009, según informaron fuentes de la Xunta tras la reunión semanal del Consello, reconociendo de este modo una vida dedicada a la cultura donde destaca su larga trayectoria como investigador, erudito, divulgador y dinamizador de la cultura gallega, así como su faceta como articulista en prensa.

Entre los galardonados con el distintivo también se encuentran la profesora Tarsy Carballas Fernández, el doctor Fernando Diz-Lois, el médico y etnógrafo Luciano García Alén y el traductor Fernando Pérez-Barreiro Noia.

11 jun 2009





García Alén, Tarsy Carballas e Marcos Valcárcel, Medalla Castelao 2009
O recoñecemento nesta edición tamén inclúe a Fernando Diz-Lois Martínez; e a Fernando Pérez-Barreiro Noia.
O Consello da Xunta aprobou, na súa xuntanza desta quinta feira, o decreto polo que se conceden as Medallas Castelao 2009, unha distinción que se lle outorga a aqueles galegos e galegas autores "dunha obra merecente do recoñecemento do seu pobo no eido artístico, literario ou de calquera outra faceta da actividade humana".

Deste xeito, o Goberno acordou distinguir este ano a investigadora Tarsy Carballas Fernández; o doutor e internista Fernando Diz-Lois Martínez; o médico e etnógrafo Luciano García Alén; o tradutor Fernando Pérez-Barreiro Noia; e o investigador e divulgador da cultura galega Marcos Valcárcel López.

Os premiados, un a un
Tarsy Carballas é doutora en Farmacia pola USC, e profesora de Investigación no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia. Ten máis de 230 publicacións, e na actualidade traballa no eido da predición dos incendios forestais e a rexeneración do solo queimado.

Fernando Diz-Lois Martínez é un internista que, segundo contan dende a Xunta, "a pesar da súa fama", decidiu ficar no país. Dende 1973 é xefe de Departamento de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, labor que compaxina coa docencia universitaria.

Polo seu lado, Luciano García Alén é médico e etnógrafo, alén de fundador e primeiro presidente do Club Nacionalista Alén Nós e patrono fundador do Museo do Pobo Galego. Con Filgueira Valverde e o seu irmán Alfredo García Alén participou nos anos 50 a 70 na organización e desenvolvemento do Museo de Pontevedra. Dentro da súa actividade a prol da cultura galega resaltan os seus traballos e investigacións sobre a olaría popular.

Fernando Pérez-Barreiro Noia é tradutor do inglés e chinés. Foi membro dos equipos dos servizos exteriores da BBC en Londres, profesor en varias universidades británicas e xefe dos Servizos de Tradución da Organización Internacional do Café. Tamén é autor da primeira tradución dunha obra teatral de Shakespeare para o galego e das primeiras traducións directas do chinés para o galego.

Marcos Valcárcel López é doutor en Xeografía e Historia e catedrático de Lingua e Literatura galegas no ensino secundario. Conta cunha longa traxectoria como investigador, erudito e divulgador da cultura galega. Autor de numerosas publicacións e cun constante labor xornalístico, dende a Xunta destacan a creación dun seu blog, As uvas na solaina, que sinalan coma "un dos lugares da internet máis activos de Galiza".