23 jul 2007



A VIAXE DO EMPERADOR
La Región 23 xullo
O documental. O cine documental ten unha longa historia que se remite ás mesmas orixes do cine. Na historia do xénero hai obras mestras de autores como o británico John Grierson, o norteamericano Robert Flaherty (“Homes de Arán”, “Nanuk”, etc.) ou o soviético Dziga Vertov, e a este modelo narrativo tamén se achegaron de xeito máis ocasional nomes como John Ford, Frank Capra, Luis Buñuel, Joris Ivens ou Roberto Rosselini, entre outros. Hoxe o documental, sobre todo en temas relacionados coa vida natural, semella relegado das grandes pantallas e restrinxido a certas cadeas e programas televisivos, de non menor valía. Pero hai excepcións ben relevantes, como a película “A viaxe do emperador” (2005), de Luc Jacquet, que se pasou con éxito polos cines no seu día e que a TVG emitiu o pasado venres.
Peregrinos. “A viaxe do emperador” empeza cuns planos duns peregrinos a longa distancia dos que só pouco despois podemos adiviñar, na paisaxe totalmente xeada da Antártida, a súa auténtica personalidade: pingüíns emperador iniciando unha longa camiñada ata o lugar habitual de procreación e coidado das súas crías. A partires de aí asistimos a un auténtico espectáculo épico e lírico, pois o documental xoga cos sentimentos cunha elegancia singular. Coñecemos o misterio da forza da vida nas condicións máis extremas, onde o ser humano non podería resistir á forza das treboadas da neve e xeo, e tamén a forza dos instintos que marcan, de forma perfectamente planificada, a propia loita pola supervivencia. Non hai nesta contorna xeográfica ningún tipo de templos nin ningunha forma de espiritualidade consciente, só o esplendor da natureza que se regula a si mesma: velaí a idea que identificaba Deus e o panteísmo en Fichte e nalgúns románticos.
Luc Jacquet escolle un modelo de antropomorfismo e dramatización dos pingüíns para provocar a empatía con eses seres tan simpáticos como tráxicos: a traxedia está sempre presente, a ameaza da morte polo frío e as treboadas, e cando se produce o desamparo é absoluto. Ante a perda dunha cría, unha das nais, arrebatada entre os laios e a loucura, chega a querer roubarlle o seu cativo a outra nai, comportamento irracional que tamén se ten dado entre humanos.
Cooperación. A natureza soubo lograr, na longa andaina da evolución, o establecemento de estratexias útiles de cooperación e solidariedade mesmo entre moitos animais. A supervivencia destes pingüíns resultaría imposible sen o apoio mutuo de todo o grupo, para protexerse do frío e dos perigos, e por parte dos dous sexos, que cooperan con exactitude milimétrica no coidado e alimentación das crías. Os seres humanos só sabemos recoñecer a heroicidade entre nós mesmos, pero a natureza está chea de exemplos moito máis notables onde a cooperación faise ver de xeito constante e xeneroso.
“A viaxe do emperador” é unha sorte de gran poema visual, que rexistra en imaxes momentos tan emocionantes como as danzas de amor e recoñecemento destes seres e a beleza do reencontro na nova estación. Noraboa a TVG por recuperar esta xoia do cine documental.

9 comentarios:

Anónimo dijo...

afamada escea do filme:
somos do mundo do xeo

Anónimo dijo...

¿Ninguén se anima a escibir neste post?
Vai unha anedota "pra romper o xeo":

Entra un pingüino pequeninho nun bar e dílhe ao taberneiro:
-¿Non víu por eiquí ó meu pái?.
Contéstalhe o outro:
-Non séi,¿cómo é?

Marcos Valcárcel López dijo...

Fermosas imaxes, sen dúbida, as que colgou Xan da Coba. Como outras da película, eu mesmo diría "cheas de humanidade".

Anónimo dijo...

A viaxe do emperador e Nómadas del viento, son os meus documentais favoritos. No primeiro chegamos a senti-lo xeo, e no segundo semella que tamén voamos.

Anónimo dijo...

A mín en particular non me impresionan as obras de divulgación que antropomorfizan os animáis pra conseguir que a xente os respete ou os quéira máis.Amar ós animáis por presentaren características humáns é un síntoma do antropocentrismo alonxado da obxetividade científica que tanto danho lhe fixo á sciencia no pasado.Quen sólo quere ou respeta os animales polas súas características antropomórficas está sendo tan animal coma eles,porque esa reacción é precisamente instintiva,desencadenada polos estímulos-chave (Lorenz,Tinbergen) comúns de reconhecemento de especie.

Que lera "King Salomon´s ring" (O anel do rei Salomón) que foi traducido ó espanhol coma "Hablaba con los peces,las bestias y los pájaros" de Konrad LOrenz,ou calquera das súas outras obras divulgativas,sabrá o que quero decir.(Foi un dos meus libros de cabeceira cando recorría as touzas galegas cunhos prismáticos colgando,hai máis de trinta anos)

De tódolos xeitos,como a comunicación de masas non é o mesmo que a comunicación có individuo,ó documental é unha grande obra divulgativa...

Marcos Valcárcel López dijo...

Interesante observación, amigo Xan da Coba. Aínda máis: creo que esta película sería igualmente fermosa sen ese antropomorfismo, aínda que non chegase igual ó gran público. En calquera caso, vostede ben distingue entre comunicación de masas e comunicación (máis intensa) co individuo: tamén se podería dicir entre información e formación a un nivel máis profundo.

Marcos Valcárcel López dijo...

Déixenme tamén saudar a Hormiga, que creo que debe ser a primeira vez que nos visita. Veño de ver a súa web (www.ylogico.com) chea de boas fotografías e apaixoadas viaxes. Benvido por esta casa e gracias ademais por citar AS UVAS na súa escolma de blogs.

Anónimo dijo...

Pasa o mesmo coas obras de arte,amigo Valcárcel.Non é o mesmo unha escultura pra que un indivuduo a tenha na casa que unha pra ocupar o centro dunha plaza (masa).A do centro da plaza debe ser simple,posiblemente unha figura xeométrica,que se comporte como "un negativo fotográfico" do entorno.Moita xente cando dice "esto tamén o facía eu" non se está dando conta de que a comunicación,incluso artística,de masas,é outra cousa.
Os ritos (liturgias,etc...) deben ser tanto máis simples canto maior é a masa á que se dirixen.As instrucciós de control de masa tamén,coma moi ben saben os membros de protección civil,forzas da orden,etc...
Venho de encenderlha unha velinha no meu coraÇao a Elias Canetti.Co seu libro "masa e poder" paséi tantas e tan agradables horas (línho varias voltas)(e algún máis del)

Anónimo dijo...

Graciñas polos saudos, aclarando que non era a primeira visita. Nen sequera sei se sería o primer comentario xa que esta formiga padece de incontinencia verbal. Coincido co que opinaba Xan sobor dos animais. De feito, aburriume bastante o texto da viaxe do emperador. Pero a música e as imaxes pagan a pena.
Por certo, as veces deixo unha páxina de firma e as veces outra,según de qué humor estea.
Saudos