7 ene 2008



A NATUREZA. A BELEZA. AS RELIQUIAS.
La Región, 7 xaneiro 2008

De bichos. Recupero unhas notas dun deses programas de bichos de Segunda Cadea que tanto me gustan. Falaban da sexualidade dos animais, da beleza e da simetría. Pódese facer a Historia da Beleza, como a da Fealdade: Umberto Eco atreveuse coas dúas. Pero imos cos bichos e o seu comportamento sexual, especie animal incluída, que nisto non somos tan diferentes. Partindo de Darwin, sabemos que é “a muller” quen elixe e que as femias son sempre moi esixentes: por exemplo a mosca escorpión quere sempre o mellor macho entre os que poida dispor e desprezará os demais. Aínda máis,segundo algúns científicos, a atracción sexual ten algo de xeométrico porque é a simetría masculina o que máis excita as femias no amor. Un recente estudo insistía na importancia da simetría na idea harmónica da beleza.
Adobíos. E, por suposto, nunca sobran os adobíos: as femias do pavo real buscan machos de cola moi grande. Unha científica de California, Nancy Burley, demostrou en laboratorio que os paxariños admiran as cristas dos nosos “punkies”, mira ti por onde: organizou un pases de modelos para pinzóns femias comprobando que elas preferían os machos cunha falsa crista na testa colocada pola propia Burney.
As femias dos animais esixen tamén prologar o máximo posible o cortexo e soubemos duns escaravellos machos que teñen que cantar, bailar, lamber, morder e demostrar outras habilidades antes de merecer chegar á cópula. En fin, que o tema do ligoteo e todo o demais nunca foi doado nin sequera no mundo animal.

Reliquias. Pódese percorrer hoxe toda Europa seguindo a pegada das reliquias que conformaron a historia das xentes na longa Idade Media: as lascas da Verdadeira Cruz, a Santa Bágoa, o Santo Sangue, o Santo Sudario, etc. Reliquias eran tamén os anacos da vestimenta ou as partes do corpo dalgún santo ou santo, ata as partes máis inverosímiles que hoxe non collerían nas normas do pudor politicamente correcto. No seu momento algúns poderes emprenderon grandes Cruzadas a Terra Santa e iniciaron longos e sanguentos conflitos militares. As reliquias mobilizaron grandes masas, xeneraron xubileos, fundaron ordes militares e relixiosas, crearon cidades como Compostela e toda unha vizosa literatura vencellada ós Miragres da Virxe e dos santos, dende as Cantigas de Santa María de Afonso X ata toda a haxiografía medieval.
Dende o noso poleiro do século XXI miramos enfonchados cara os tempos pasados, incapaces de rirnos da nosa propia imaxe no espello. Hai hoxe persoas que pagan cifras multimillonarias pola súa paixón coleccionista: o chisqueiro de James Dean, un vestido de Marilyn, a cachimba de Bogart, os novos santos da modernidade e os seus obxectos mercados en subhastas milagreiras e asombrosas. A isto chamámoslle cultura, non reliquias, e Umberto Eco de seguro engadiría algo sobre a estilística kitsch na cultura de masas (“Apocalípticos e integrados”). Pero, cando menos, agora somos modernos.

5 comentarios:

Anónimo dijo...

Umberto Eco é, para mín, un dos máis lúcidos intelectuais na actualidade. Ademáis, o seu humor, a súa erudición sen fin e a súa inquedanza e curiosidade intelectuais alegran o corazón do que le os seus libros. Que é o principal.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Un novo libro de Umberto Eco: unha recolección (reelaborada) dos seus escritos: Dell'albero al labirinto

Anónimo dijo...

Leu alguén algún deses dous libros de Eco: Historia da belleza e Historia da fealdade? Cal está mellor?

Anónimo dijo...

Por certo, Valcárcel, eu nunca vin a Bogart fumar en cachimba. El o que fumaba eran cigarillos rubios sen filtro.

Anónimo dijo...

A verdade, Apicultor, é que ningún dos dous libros está escrito enteiramente por Umberto Eco. Na "Historia da beleza", Eco escribe 9 dos 17 capítulos dos que consta o volume. O resto son de Girolamo de Michele. A obra foi primeiro un CD-Rom, convertido despois en libro de enorme éxito internacional.
A "Historia da fealdade" tamén di na súa capa que está "a cargo de" Umberto Eco. Pero moito me temo que Eco aquí xa non escribe nada. Aínda que non coñezo os detalles, dáme a impresión de que este volume sobre a fealdade é unha secuela derivada do éxito comercial do primeiro libro. Pero tamén está moi ben.
Eco non figura no copyright de ningún dos dous libros, aínda que supoño que gañou uns mois bos cartiños cedendo o seu nome.