18 jul 2008

Dorna en Brest, de X.L. Méndez Ferrín (Faro V. 14-7-08)

Teño entendido que onte tivo lugar (galicismo) o día de Galicia, país especialmente invitado, na Festa Marítima Internacional de Brest. Supoño que deste feito memorábel tivo moita menos repercusión na prensa de Galicia que o acontemento da visita dos reis de España á factoría de Citroën. Do que si que estou certo é de que o PP vai estar falando da Festa Marítima de Brest durante moito tempo no Parlamentiño. Falará tanto de Brest como falou, en valuto, da Habana. E a axencia EFE aplicaralle a lei do silencio ao acontemento. En ambos casos (a Feira do Libro da Habana e a Festa Marítima de Brest) Galicia estivo e está tratada como País ou Nación, e iso non pode ser dixerido pola Corte e polos que acoan en Galicia os laios malencólicos da Corte, verbo da ruptura de España. (...)
(O artigo completo)

13 comentarios:

Anónimo dijo...

Brest costea unha rada que moito asemella a ría de Ferrol, con cadansúa entrada estreita (á de aló, en francés, chámanlle goulot) e grande amplitude interna en forma coma de bolsa: de aí virá a utilización militar, como sede de frota. A frecuencia de chumbo no ceo (tamén a da exclamación "Tonnerre de Brest!", que moito repetía o capitán Haddock e por algo será) non deixa de potenciar o efecto.

Ora ben, Brest é unha cidade que se ve branca e non moi atractiva; así se vía no 1990, e non creo que mudase moito a cousa. Porque vén da destrución sufrida cando os alemáns se atrincheiraron alí e a cidade foi masivamente bombardeada para tomárena, penso que no 1944; coma, por outra banda, aconteceu así mesmo en Lorient (An Oriant adoitan escribir en bretón) e Saint-Malo.

Os encontros de galegos e bretóns, en circunstancia lúdica ou viaxe de intercambio, adoitan ser xubilosos e de mutuo recoñecemento; polo menos, é o que me teñen contado xentes diversas. Ora ben, en xeral e en situación corrente non se percibe demasiado coñecemento a priori. Bretaña é un país cuxa paisaxe, natural e humanizada, suxire personalidade nacional; non así, lamentablemente, a experiencia turística.

Gustoume o artigo do Ferrín, que posiblemente saiba máis ca min, probablemente de fonte máis directa, actualizada e menos superficial. Aproveito a ocasión para manifestar, de novo, conformidade coa valoración da Feira da Habana posta en común con esta de Brest.

E para saudar a concorrencia.

Anónimo dijo...

Amigo Saavedra (a quen aproveito para saudar): explíquese con eso de ser xubilosos e de mutuo recoñecemento, en itálicas, os encontros de galegos (e galegas) e bretóns (e bretoas). Entre polo miudo. Prometo non pedir comisión no Hórreo polas filloas larpeiradas durante o ágape de benvida.

Anónimo dijo...

A ver logo se sintetizo varias liñas semánticas coincidentes (descúlpenme tradutores se llelo poño moi difícil).

O meu trato persoal con bretóns limítase a dúas visitas (1983 e 1990) que duraron ao pé dunha semana cada unha. Nelas, a singularidade do país ofrecíase á vista no paisaxístico, guiámonos moito por lecturas e infraestrutura turística; moi escaso trato de conversa houbo con xente da cultura, apenas un par de librarías, en Konkerne (Concarneau) e Ladreger (Tréguier), unha de cada vez. A máis diso, asistín ao paso de dous bos bagadoù, o Kevrenn Saint-Marc de Brest (nun dos primeiros happening de Ortigeuira) e mailo Bagad Kemper, coido que nun San Froilán posterior. Deixemos aparte moita música oída en disco (Alan Stivell, Gwendal, kan ha diskan...) e algún concerto.

Polo tanto, no referente a relacións galego-bretoas son case absoluto neófito e falo do que escoito, máis ca do que leo. Fóra dos circuítos culturais, supoño que estas adoitan darse con ocasión de encontros populares entre localidades xeminadas (Lugo está con Dinan, aínda que a cousa leva anos parada) e por algunha excursión. Destas adoita chegarme testemuño de bastante bo encontro e compatibilidade de caracteres; ben saberá vde. que eu rexistro a existencia real de tales cousas (o carácter) en ámbito colectivo, particularmente nacional. Máis ca compatibilidade, debería dicir proximidade que dá en empatía; de onde me chegou expresión máis acabada de tal conexión foi dun condutor da Empresa Monforte: "[os bretóns] son igual ca nós".

De aí vén a provisión da cursiva ao usar a palabra "recoñecemento", no encontro que fornece un grao de empatía colectiva semellante ao que a música chamada "celta" fornecía noutras ocasións. Vén diso (empregar a itálica) e ao caso de singularizar que "coñecemento", o que se di coñecemento actual de como son os respectivos países na entidade xeográfica, demográfica, urbanística, profesional... en principio e en ámbito extenso non parece que haxa moito, ou non mo pareceu a min. Aínda hai unha terceira motivación: velarse un tendo en conta o contexto e lugar no que escribe e publica, que de menores augas xa lle teñen vido a un maiores lamas.

Debo engadir que non encontro incompatibilidade ningunha en usar ambos termos da mesma familia léxica (un con prefixo reiterante, outro sen el) coa flexibilidade semántica presente.

O da filloa xa non sei. En Brest, supoño que crêpes ou galettes lles darían, e ignoro se con lugar a escándalo por malgasto.

Anónimo dijo...

Crin que ía contar sobre os célebres contactos persoais entre individuos de tales nacións a propósito de reunións gaiteiras. As noticias que eu teño veñen de parte asturiana, onde tamén exercitan o noble arte do encontro intercéltico.
Por certo: Gwendal (a franquicia porque non queda ninguén: tipo Los Panchos) actúa en As Pontes o 24, un día antes do archicoñecido Fragatón.

Anónimo dijo...

Tocante a iso que di: aquí en Lugo hai un profesor que procede de Bretaña (en concreto, do departamento da Loire-Atlantique); xa leva moitos anos, está digamos que perfectamente mimetizado no país e seguramente vde. o coñeceu na súa estadía aquí. Del me vén certa anécdota que lembro máis ou menos -datan de hai anos tanto o caso coma o conto- e que poño agora.

Nunha das visitas ao país natal, acompañárao (ou atopara alí) un galego coñecido. Foron a unha fest-noz, participaron e deron cun vello bretonante que, sendo portador dunha cataplina de alta competencia, empatizou rapidamente con eles malia a perfecta impenetrabilidade do que dicía. Dos dous galegos presentes, o de nacencia seica lle botou un brazo polo ombreiro dicindo cousa como: "Ai, compañeiriño, ti si que es coma os de alá". O outro seguiu dándolle á súa fala, mantendo a sintonía, e non sei como acabou.

Por certo, é Landreger (non *Ladreger) o nome bretón da localidade episcopal onde naceu Ernest Renan.

Anónimo dijo...

Dorna, do lapón *Dwrn, barco para pescar focas.-

Anónimo dijo...

Gamela. Do galego gamela (ou ghamela, obviamente): embarcación feita para distinguir dornas.

Anónimo dijo...

Moito me fixo rir o de "franquicia" aplicado a grupos musicáis, Arume d.p. Pero no van ser menos que as orquestas, de pachanga ou sinfónicas, as empresas ou os partidos políticos!. As persoas cambian, as organizaciós, permanecen. XD.

Algún día venderéi ben vendidas franquicias do meu nick "Xohan da Coba", pra diferentes blogs. XDDDDD.

Anónimo dijo...

Arume, e tamén do latín *camella, caldeiriño.-
*Dwrn é palabra de intercambio (franca) entre os celtas da Alemaña, cando estaban a deixar de ser celtas e os lapóns amerindios.

Jó, que bien me ha salido.-

Anónimo dijo...

É dicir, palabra popularizada polos viaxeiros normandos, que a colleran dos seus veciños.
Nótese a similitude entre a embarcación tradicional normanda e a viquinga.-

lourixe dijo...

Moitas vilas de Galiza están irmanadas con vilas bretoas. Baiona con Pornic, Mondoñedo con Trégastel, Castro de Rei con Plounevez-Quintin. Na miña visita a Dinan hai pouco máis dun ano, os meus amigos daló pedíronme insistentemente que movese a cousa no concello de Lugo, como se eu tivese calquera autoridade nese aspecto.
Por certo que cando nos achegamos á Pointe du Raz, era pleno mes de decembro. Contra o ceo gris de chumbo só destacaban as siluetas dun pequeno e dos seus pais, que falaban... en galego!

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Seguro, amiga Lourixe, que eran os únicos pola rúa. E ás cinco da tarde. Non me gustaría a min vivir en Bretaña nin tolo.

Anónimo dijo...

Hoxe ou mañá están para volver uns expedicionarios do concello de Sarria; o ente co que se relaciona esta vila non acabo eu de abranguelo, porque falan da "comunidade de Guerlédan" ou algo así. Guerlédan é o nome dun lago, hai alí un camping ben competente (érao no 1983, polo que leo mesmo puido mellorar) e á vila de referencia chámanlle en francés Mur-de-Bretagne; está case nas lindes da Baixa Bretaña, a historicamente considerada zona bretonante.

En efecto, nos centros urbanos retíranse cedo. Con todo, tradicionalmente non debían ser contrarios ao trasnoite, a propia existencia das festoù-noz pode ser testemuña. Novas e detalles que chegan dan pé a reforzar a suposición.

Teño gana de volver, nunca o pasei mal. Ora que vivir tampouco, Lugo non está aló.