23 dic 2008


UNHA FAMILIA LITERARIA
Marcos Valcárcel, A NOSA TERRA decembro 2008

O escritor catalán Joan Perucho era como da familia. ¿De que familia? Refírome a unha gran familia literaria, a dos autores de literatura fantástica ou marabillosa nas diferentes linguas peninsulares. Isto é, sen dúbida, a familia de Álvaro Cunqueiro, co “Merlín e familia” á cabeza, pero tamén de Pere Calders, de quen Xerais traduciu, en 1985 e da man de Xavier Rodríguez Baixeras, as súas deliciosas “Crónicas da verdade oculta”. Unha longa familia que nas literaturas europeas enseñora Italo Calvino e na que poderían formar autores galegos como o Carlos Casares de “Os escuros soños de Clío” ou o Xosé Miranda de “As mans do medo”. Tamén, a longa descendencia literaria de Borges e Cortázar e de todos os que cren, con Hölderlin, que o home é un deus cando soña e un mendigo cando pensa. A mesma familia de Marcovaldo e do Barón Rampante, do cabaleiro Kosmas e da dama Exeria, do xudeo Xacobe, do alquimista Caaveiro e das sereas do señor literario de Mondoñedo. Perucho foi tamén amigo de Casares, creo que estiveron xuntos de viaxe en Rusia e o catalán dedicoulle un fermoso artigo elexíaco cando a morte do escritor ourensán.
Os especialistas consideran que a literatura fantástica en España ten un momento fascinante en 1957, ano auroral en que saen “Las crónicas de Sochantre” de Cunqueiro e o “Libro de caballerías” de Perucho. Ambos autores entenderon a literatura como gozo e paixón pola vida, por unha vida capaz de superar as marxes estreitas e anodinas da realidade. E ámbolos dous tamén chantaron as súas raíces no amor apaixonado ós libros: de Perucho, que xa non podía ler nos seus últimos tempos, contan os seus amigos que seguía a mercar libros só para poder acaricialos e ulilos.
Creadores de vidas apócrifas, de mitos e mundos surreais (“o fermoso das cousas é que sexan inexplicables”, dicía Perucho) é un gracioso paradoxo que o escritor catalán, falecido en outubro do 2003, fose xuíz na súa vida oficial: nin sequera un emprego tan a ras de chan lle impediu voar ata os horizontes infinitos da mellor literatura.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Acolléndome a este fío literario aínda que saíndome un chisco da temática, quero abusar da paciencia do Marcos e dos contertulios para lanzar un pedido: ando a buscar algún relato autobiográfico ou a xeito de memorias pero escrito en terceira persoa...
Isto é: todos sabemos que é o propio autor quen fala pero refírese a el mesmo como a outro, desdobrándose e distanciandose. ¿Non sei se me explico?
Entre tanto iluste contertulio, ¿non haberá alguén que me ilumine?
Felices festas a todos e todas. Xabimusic