Máis sobre o Ceregumil
X. L. MÉNDEZ FERRÍN, Faro Vigo 22-12-08A lectura dun artigo espléndido de
José Manuel Ponte tiro o proveito de me facer sabedor de que o Ceregumil aínda existe e ten cen anos. Para os que non o saiban: Ceregumil é un xarope reconstituínte que lle administraban aos meniños e que, ao parecer, aínda funciona no mercado farmacéutico.Nos anos vinte a trinta do século pasado había un señor de Pontedeume destinado en Ourense como inspector de escolas chamado
Couceiro Freijomil. Como home de letras e investigador erudito foi persoa prolífica. Autor dunha coñecida historia de Pontedeume, a súa erudición literaria faise evidente nun diccionario bibliográfico de escritores galegos, aínda útil a pesar das inexactitudes que contén. Como apéndice da xeografía de Galicia de Carreras Candi, Couceiro Freijomil escribiu
El Idioma Gallego. Na parte gramatical, este Idioma plaxia sen dó a Gramática Histórica de García de Diego e, no apartado de literatura, pasan cousas piores. Vitriólico e virulento, Couceiro Freijomil, no seu apartado de historia da literatura galega contemporánea, fala con soberbia e desprezo contra Otero Pedrayo e trata de ridiculizar a Manuel Antonio e a Álvaro Cunqueiro -digamos só isto para amosar o modo como o bon señor foi contribuindo, aínda que en negativo, a construir as nosas preferencias. Como Deus escribe dereito con liñas tortas, Couceiro Freijomil insinounos o camiño real da literatura galega do século XX á beira do cal as estatuas de Otero, Manuel Antonio e Cunqueiro representan tres divinidades olímpicas para moitos. Chufábase Couceiro Freijomil de el ser o mellor recolector de cántigas populares galegas, que foi publicando periodicamente en
La Zarpa, o xornal de Don Basilio Álvarez, baixo o epígrafe "Do meu feixe".
A obsesión de Couceiro Freijomil eran os galeguistas. Dedicaba a vida a observalos (mellor, a espialos) e a procurarlles os defectos. Armou unha polémica memorábel contra a bandeira azul e branca de Galicia nos días nos que a levantaba Cabanillas chamando á insurrección. Coma, antes ca el, Leopoldo Pedreira, e logo outros que chegan até os nosos días, Couceiro Freijomil formaba parte da tropa de galegos encabreados decer mal dos galeguistas e dos nacionalistas. Trátase dun xénero, dun tipo humano, dun modelo, que se vén reproducindo desde o século XIX deica hoxe: contra Rosalía, contra Murguía, contra a Academia Galega, contra as normas ou ausencia de normas ortográficas, contra os escritores, contra o Himno, contra todo o que se mova. Hai, mesmo, elementos no mundo universitario ou xornalismo que teñen como emprego principal do seu tempo o de lle buscar os defectos aos galeguistas e aos nacionalistas. Incluso hai prestixiosos xornais hoxe cuxa liña editorial preferente consiste nunha teimosa cruzada anti-nacionalista. Lendo a Couceiro Freijomil e a outros contemporáneos mesmo semella que nós os nacionalistas sexamos moi importantes e poderosos. Por veces a envexa termina por beneficiar un mundo ao envexado.Dicía todo isto porque nos anos vinte e trinta do século XX, os galeguistas, fartos de seren molestados por unha vareixa chamada Couceiro Freijomil que non paraba de lles zoar arredor da cabeza, decidiron poñer- lle un alcume. Como os nacionalistas de antano eran moi boa xente e non sabían odiar, o alcume que lle puxeron a Couceiro Freijomil carecía de solimán e era doce. Puxéronlle "O Cergumil". Inocentes! Explícanos José Manuel Ponte que o Ceregumil sigue despachándose en farmacias.
1 comentario:
Ceregumil, Emulsión Scott, Zarzaparrilla, Aceite de hígado de bacalao......
Publicar un comentario