Mostrando entradas con la etiqueta Socioloxía. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Socioloxía. Mostrar todas las entradas

29 sept 2008


Socioloxía do autobús,
de Marcos Valcárcel (La Región, 29-9-08)

A fotografía é da coruñesa Victoria Diehl, sobre a que escribía onte mesmo Brétemas.

A prendendo. Dende hai varias semanas só me desprazo en autobús por esta cidade. É un sistema máis lento e que che obriga a esperar de cando en vez, pero tamén se aprende algo. Como en todo o que facemos de novo na vida. Da miña experiencia nestes días voume atrever a facer para vostedes, agardando que lles interese, un bocexo de Socioloxía do Autobús. Porque este medio de transporte público ten ó seu arredor todo un microcosmos propio digno de atención.Para empezar, é obvio que a maioría dos usuarios do autobús son persoas humildes ou da clase media baixa. Nun mundo onde o automóbil é símbolo máximo de status, os máis posuidores, digámolo así, raramente soben a un autobús nos seus desprazamentos cotiáns. Entre o público máis habitual deste medio eu distinguiría tres sectores ben definidos. Chamarei grupo A ós máis maiores, xubilados sobre todo, que collen o bus para acudir a citas médicas, ir coidar os netos ou, sinxelamente, dar un paseo cos amigos á solaina da Alameda. O grupo A é maioritariamente galegofalante e entre os seus viaxantes non é raro aínda escoitar a expresión ‘imos coller o carrito’, que garda a cerna dos sabores emotivos doutros tempos.

6 may 2008

Xan Bouzada
Coñecín a nova onte pola tarde a través dunha mensaxe dun amigo da Universidade de Vigo. Xan Bouzada, sociólogo e home comprometido coa nosa cultura e co galleguismo, faleceu onte, vítima dun cancro. Trateino hai anos e coincidimos nalgunhas citas culturais, en múltiples ocasións; tamén colaboramos xuntos nunha comisión cultural que hai anos deseñaba un diagnóstico cultural a petición do CCG (na que tamén estaban C.Casares, Damián Villalaín, H. Monteagudo e M. Vieites, entre outros). Soubemos tamén que deixou escrita a súa petición de que a súa despedida fúnebre fose pronunciada polo seu amigo o poeta Darío Xoán Cabana. Dende aquí, o meu pésame á súa familia e amigos/as.


O sociólogo Xoan Bouzada Fernández nacera en Lugo en 1951. Publicou varios libros sobre a materia da súa especialidade centrados na realidade galega, como Escola, cultura e vida comunitaria nun concello galego: Moaña, A situación socio-cultural dos concellos galegos e O desenvolvemento comunitario local. É autor tamén de Familia e comunidade (Galaxia, Ensaio 2002). Xunto a Anxo M. Lorenzo Suárez escribiu Redes sociais e conxuntos de acción (Galaxia, Igesco, 1996). Pertencía tamén ó consello de redacción da revista Grial. (Na foto, nun acto no CCG, en compaña de Emmanuel Nègrier).