Mostrando entradas con la etiqueta américa. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta américa. Mostrar todas las entradas

20 dic 2008




Cloty, Gretta e o cativo
Afonso Vázquez-Monxardín, La Región 20-12-08
As fotos son da visita de Cloty o ano pasado a Ourense, diante da estatua de Blanco Amor

Soa o teléfono. É Cloty. Que vén mañá. Que canda ela vén a súa filla Greta e o seu neto. Que o cativo ten que coñecer xa Ourense. Que o venres lle dan un premio á memoria do pai, avó, bisavó. Á memoria da dignidade galega feita cine na Arxentina. E eu encantado acudirei ao seu encontro para xogar tamén á saudade inversa, á nostalxia morna da Arxentina galega. E Cloty vén, como no 2004 cando o Festival de Cine homenaxeou a seu pai, porque é filla do inesquecible actor e activista cultural Fernando Iglesias Tacholas e de Sabela Ippolito, italiana con nome galego, por amor de Tacholas.E que Fernando Iglesias, ourensán da rúa Santo Domingo desde 1909, con raíces na Loña, foi un neno rebuldeiro e afeccionado á música e ao cine que cantou no Coro de nenos da Catedral, traballou no estudio do fotógrafo Pacheco e subiu aos escenarios coa Coral de Ruada e co grupo de teatro do Orfeón Unión Ourensá cando representan obriñas de Xavier Prado Lameiro. Un mozo que asistiu ás funcións do establecemento de Barbagelata, o cine Apolo e logo ao Cine-Tea tro Losada -pois era afillado de Xulio Losada, o dono-. Un mozo que marchou a Bos Aires aos vinte anos nunha viaxe case sen volta. E Fernando Iglesias, como moitos outros galegos, descubriu alá un mundo novo, moderno, urbano, de distancias inmensas e cunha presenza de paisanos tal que facían que, daquela, naquela urbe do hemisferio sur vivirán máis galegos que en todas as cidades de Galicia xuntas. E alí, desde o Centro Unión Provincial Orensana, retoma o contacto con Blanco Amor -con quen coñece, por exemplo, a García Lorca en 1933- e comeza a actuar como animador e dinamizador das veladas das asociacións recreativas dos galegos porteños. Monólogos... diálogos... contos... poemas recitados.... ensaiados tantas veces co colaboración da esposa. E Tacholas salta ao mundo das ondas e dos coros como Lembranzas de Ultreya, ás audicións radiais... e sempre servindo de referente, de entretemento e ilustración. E pasa ao teatro e ao cine, enfrontado ao sainete arxentino, nos que se imitaba groseramente o acento galego e se lle apuñan aos nosos coterráneos comportamentos pri mitivos, brutos, e indignos.Castelao fíxouse nel, chamouno e estreou ‘Os vellos non deben de namorarse’ en 1941. O rianxeiro gábao: ‘É moito actor para tan pouco papel’ e fanse amigos de por vida. E certo Fernando Iglesias ten unha traxectoria no teatro e cine arxentino que non é posible sintetizar aquí. Si é posible sobrancear a súa amizade con Eduardo Blanco Amor, co que ergue o Teatro Popular Galego, auténtica escola na que se forman na arte da palabra moitos mozos da colectividade e que se converte no lugar onde un grupo de mozos e mozas, entre elas, Cloty, fundan hai 55 anos as Mocidades Galeguistas de Bos Aires. En fin, Cloty é unha ourensá de luxo, non polo puro accidente biolóxico do nacemento, e si polo maxisterio do pai, e a opción persoal de sentirse desta vella auria. E trae a Gretta e o neto. ‘Xa é tempo de que coñeza Ourense’. Gretta hai uns anos, chorou en Torga na presentación dun libro sobre seu avó. E case todos con ela. Deixarémolas presumir de cidade a cambio de que nos deixen a nós presumir delas. Felicidades.

16 sept 2008

O embaixador estadounidense en Bolivia, X.M. Sarille, ECG 16-9-08

É cousa sabida, case de libro de texto, que antes de Evo Morales a Embaixada dos Estados Unidos posuía a prebenda de nomear os ministros de Defensa e de Goberno. Este privilexio agora desaparecido é unha boa razón para descubrir as cualidades de Philip Goldberg, o embaixador expulsado o outro día. Os perfís dos diplomáticos son sempre determinantes para a diplomacia estadounidense.
Goldberg estivo destinado en Iugoslavia, desde o comezo da guerra civil. Máis tarde, entre o 94 e o 96, foi enviado a Bosnia polo Departamento de Estado, nos meses anteriores a que os separatistas albaneses fixesen estalar o novo conflito. Actuou tamén como asistente especial do embaixador Richard Holdbrooke, un dos enxeñeiros da desintegración iugoslava, e aínda volveu á capital de Kósovo en 2004, antes da separación de Serbia e Montenegro.
Paga a pena volver ver "Estado de Sitio". É un filme de Costa-Gavras que narra a pura realidade. Nel un técnico estadounidense destinado para o Uruguai en 1973, aparentemente coa misión de axudar ao progreso social, é o encargado de organizar escuadróns da morte, formar a policía e crear dentro dela grupos sen control institucional, baixo a súa obediencia. Cambiaron algo as cousas; agora a nova estratexia en América Latina, alá onde é posíbel, consiste en crear e incentivar as condicións para a revolta de provincias e rexións ricas contra os poderes democráticos correspondentes. Pretenden estender esa estratexia a Ecuador, Venezuela e Guatemala. Por iso Goldberg se reunía cos gobernadores da Media Luna, que controlan tamén os grupos da extrema dereita de ascendencia ideolóxica fascista e nazi.
Bolivia parécese moito á vella Suráfrica. Nos anos cincuenta do século vinte aos escravos chamábanlles pongos (un pongo é un orangután) e estaban á venda. Foron legalmente prohibidos en 1952, mais continuaron comerciando con eles. Até 1951, os indios non tiñan dereito a voto, nin a andar polas beirarrúas. E segue habendo escravos en facendas da zona oriental. A Evo Morales nunca lle perdoarán que o seu pobo veña de tan abaixo e que por riba abrigue unha alta civilización.

15 may 2008















Galeano en Auria: unha mirada ó mundo dende o burato da ferradura.
(Graciñas a Trebolle, pola foto da dedicatoria, en Torga)

Unha breve nota, impresionista, da charla de Galeano en Auria. O local, como era de agardar, a rebordar: quizais unhas 300 persoas, entusiasmo por todas partes. A amiga Carme Carballo exultante de ver na súa terra natal tanta xente arredor do escritor: non puido evitar darlle un longo bico a Galeano a rematar e citar ó “anxo” que o acompaña (a súa muller Elena).
A charla era a presentación do libro “Espejos” (s.XXI). Leu algúns textos, sempre breves, no seu estilo habitual, outros recuperounos dende a memoria. Eu coñecía xa varios deles, quizais por lelos en Internet nos últimos anos en multitude de foros. Os temas, os habituais no rexistro de Galeano: o racismo, os muros, a conquista de América, o imperialismo de Estados Unidos, as visións manipuladas da Historia (unha cala na riqueza cultural musulmana da Hispania medieval), etc. Cabe subliñar que todo o primeiro terzo da súa intervención foi dedicado a textos sobre a marxinación e a invisibilidade das mulleres (Concepción Arenal e a Pardo Bazán, Teodo
ra de Rávena, as pinturas de Altamira: “e se foron elas? (as pintoras)", etc.).
O milagre comunicativo de Galeano nace, en boa parte, do estilo e das formas. Esa voz cadenciosa, pausada, cos ritmos tan ben medidos. Esa ausencia de aristas histriónicas ou arrebatos de ira. Ese saber xogar co humor e coa ironía dándolle a volta ás cousas para redescubrir motivos e puntos de vista. Ese alento lírico, de reivindicación da palabra e do compromiso. Sospeito que a maioría dos/das asistentes (maioría feminina), coñecían xa os contidos da charla de Galeano porque seguen os seus libros dende Las venas abiertas… a Memoria del fuego. Pero querían oílo en viva voz. Non era, neste caso, a orixinalidade do discurso o que buscaban (buscabamos) os que fomos ata o local de Caixanova.
Engadir tamén (e isto vai polo debate previo no blog) que a súa intervención non foi nada pretenciosa: expresións como “unha gota máis nun océano…” (sobre o seu labor) ou “eu non teño as solucións…” repetíronse na charla.
Case ó remate, Galeano definiu con precisión o seu estilo e os obxectivos do seu labor: ese “mirar o mundo dende as pequenas historias, como dende o burato dunha ferradura”. Sen dúbida, iso si sabe facelo á perfección.

P.S.: hoxe en Torga (12 h.), unha longa cola para pedirlle asinaturas ó autor uruguaio.

13 may 2008


en poleiro alleo

* Eduardo Galeano, a voz ética dos invisibles. O escritor uruguaio reivindicou a óptica dos excluídos polo sistema capitalista neoliberal na resentación en Santiago do seu libro 'Espejos, una historia casi universal' (M. Dopico, GH. 13.5.08. Foto Patricia Santos).

* Camiño no vao. Globalización e caramelos, Afonso Vázquez Monxardín, GH. 13.5.08

7 dic 2007


Clotilde Iglesias lembra a Blanco Amor (Ourense, 4 decembro 2007)
Dedico este texto, que me pasou Monxardín, a Déborah Campos e a Ana Miranda.

Señoras e señores; dignísimas autoridades, mestres e alumnos do Instituto Eduardo Blanco Amor e dos outros da cidade, amigos e amigas todos.
Agradezo a deferencia que me fai o Pen Clube de Galicia a través de Don Luís González Tosar, que coñece a miña amizade co noso ben querido Eduardo Blanco Amor, e confía en min a responsabilidade de falar neste acto en lembranza do pasamento –xa van 28 anos- de Eduardo Blanco Amor.

Voulles falar sobre todo aos mozos e mozas que non tiveron a sorte, por cuestións xeracionais e cronolóxicas, de telo como conferenciante, como mestre o simplemente como conversador de extrarodinario voo.
Era eu moi cativa -12 ou 13 anos tiña daquela- cando lle preguntei a meu pai ¿Qué é un autodidata? E constestoume: Pois un autodidacta é aquel no que os seus coñecemento foron feitos sen axuda de ninguén. ¿Sabes quen é autodidacta? , Pois EBA.

Coñecíanse de moito tempo atrás, dende que Eduardo estivo na Arxentina na década do 30, cando era Vicecónsul Xeral de España, na Segunda República. Foi logo colaborador do diario La Nación de Buenos Aires, era máis que notable orador, dotado dunha fina ironía, cun extraordinario sentido do humor que en calquera reunión social acaparaba a atención de todos os presentes, era en definitiva, unha persoa dunha cultura e coñecementos extraordinarios.

Levábase moi ben coa miña nai, pois dicía que ela era a muller indicada para un artista como meu pai, que foi o actor máis importante na emigracion e era coñecido como “Tacholas” e que fixo estrea mundial en Bos Aires, xa que foi elixido polo autor, o esgrevio Castelao, para facer os papeis de A morte e Ramonciño na súa obra “Os vellos non deben de namorarse”.

Desde moi peqeuna lembro a Eduardo connosco, pois houbo datas en que fixemos os veraneos xuntos nas praias de Piriápolis, no Uruguai. De alí gardo unha foto moi graciosa, pois no intre de quitala, fíxenlle pi-pi na perna dereita e ambas expresións –a sua e a miña- ficaron para sempre na foto. Eu daquela tiña ano e medio… Logo cos anos, xocosamente mo botou en cara...

Cando un é mozo -e nisto é no quero facer fincapé nas miñas palabras- deixa pasar diante un intres dos que logo te arrepintes; pois as xentes maiores sobre todo os profesores, sempre teñen cousas para ensinarvos, non por seren máis ca os mozos senón simplemente, por teren máis anos vividos.
Isto pasou, certamente, coa miña xeración na Arxentina. Alí tiñamos nomes tan esgrevios ao noso lado que non lles dabamos a importancia que tiñan e logo, cos anos, cando xa non os tiñamos preto de nós, sentiamos saudades deles e daqueles días. Algún deses nomes, como o que hoxe nos convoca, son para vós, nomes de rúas ou institutos, ou lecturas obrigatorias na escola…

Pero daquela, na miña mocidade porteña, eran algo máis. Como Eduardo Blanco Amor, do que eramos discípulos das súas clases de lingua e literatura galegas… lembro o primeiro ano das clases –debía ser 1960- en que nos deu para traballar o libro “Merlín e familia” de Alvaro Cunqueiro. As clases eran organizadas pola Asociación Arxentina de Fillos de Galegos –onde estaba tamén connosco Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas- e dabamos recitais de poesía… Sempre lembro aquelas tardiñas dos ensaios en que levabamos para o intre do descanso todo tipo de pasteis e bebidas ao punto de que a Blanco Amor lle gustaba chamarlle a estas xuntanzas, “reuniones lírico-gastronómicas”.
Unha vez estando aquí en Auria –por usar o seu nome blancoamoriano- no ano 1963, díxome que lle tiraran as cartas do tarot e que voltaría definitivamente á terra; e así foi, dous anos despois…
Tiña anceios moi fondos para que isto, a volta a Galicia, se convertise en realidade… Pero non chegou a vivir plenamente satisfeito no regreso. Se cadra esperaba máis do que era posible ou se cadra o país, os seus intelectuais, non foron con el o xenerosos que debían… en calquera caso, merecer mereceu moito, polo seu traballo incansable e ilusionado xunto cos outros emigrantes e exiliados na diáspora para manter ergueito o facho da cultura galega e da lingua no lugar que non debeu perder endexamais.

En moitas tarefas participou: na fundación da AGUEA –Asociación Galega de Universitarios, Estudantes e Artistas-, na direccion das revistas Galicia do Centro Galego e do xornal do mesmo nome da Federación de Sociedades Galegas… e ben antes xa na fundación da revista “Terra” a semellanza do Nós de Ourense e baixo o maxisterio de Vicente Risco… Pero como home moderno, tivo audicións de radio desde a época dos anos trinta e foi padriño inaugural do programa La Voz de Galicia que dirixia meu pai e cuxo discurso de apertura, está no Arquivo Sonoro de Galicia, grazas ás xestións que o amigo Afonso Monxardín fixo para a tal fin, ata convencerme, hai xa ben de anos, en Bos Aires.
Xa sabedes que Blanco Amor dedicou unha parte moi importante da súa obra a escribir sobre o tema de Ourense, con novelas en galego e castelán. Unha delas, case descoñecida do grande público, La Catedral y el niño, é unha xoia e sería boa eleccion para vós, pois fai unhas acaidas descricións do Ourense antigo... Ou a Esmorga, ese húmido deambular marxinal pola cidade vella e arredores... ou A Xente ao Lonxe, nese agormar da sociedade contemporanea e da conciencia social nos inicios do XX... Ao mellor, entre os personaxes reais que cita, se pode atopar o nome dalgún dos vosos avós...

O seu talento era ilimitado para describir situacións e relatalas cunha prosa fascinante. Era creador con palabras e de palabras.
Cando ergueu da nada o Teatro Popular Galego, soubo que a filla do seu amigo Tacholas, ou sexa eu, estudaba na Escola de Belas Artes, e pediume que fixera a escenografía para as obras.... Eu tiña medo, pois sempre foi moi esixente... e un pouco rabudo. A pesar de todo, non podía negarme. E aceptou as miñas propostas e a montou de acordo ao proxecto, o que para min foi unha grande ledicia.

Unha tardiña do ano 1965, no Centro Galego de Bos Aires, atopeino especialmente ledo. Pergunteille e díxomo. Voltaba á terra para quedar. Despedímonos cun bico e apertas tensas. Non o vin nunca máis. Nunca estiven tan perto del como agora.
Eduardo, para ti esta lembranza da túa Clota, como gustabas de me chamar, coas saudades da Galicia de máis alá do mar e, se cadra, de máis alá do tempo.