Mostrando entradas con la etiqueta teatro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta teatro. Mostrar todas las entradas

24 oct 2008

23 jul 2008


Abelardo Pérez Gabriel,
Ánimo e adiante...!!

Moitos o coñecerán pola TVG e o seu papel de cacique en Libro de Familia. O domingo o FARO daba a coñecer que está a enfrontarse co seu guión máis difícil.
Encontreime onte con el, en zona de médicos, e falamos un pouco. Pouco porque nunca sabes qué dicir nestes casos, ademais de darlle unha aperta. A situación é moi difícil, iso si puiden comprobalo.
Aproveito esta solaina, que é casa tamén de tantos ourensáns e galegos/as, para mandarlle unha nova aperta a Abelardo e unha mensaxe de ánimo, que lle fai falla, seguro.

6 oct 2007


Shakespeare?
Pan por Pan 6 outubro
Sempre houbo moita polémica sobre o xeito de adaptar os clásicos ós tempos modernos. Eu creo non ser moi conservador ó respecto, pero os meus límites de tolerancia non chegan ata un Romeo que se acaricia as súas partes mentres lle declara o seu amor a Xulieta. Falo da versión teatral da inmortal obra de Shakespeare, estes días en Auria, a cargo do Teatro do Noroeste e con dramaturxia de Eduardo Alonso. Música tecno, escenografía de discoteca, linguaxe de botellón: que queda do fermoso texto de Shakespeare tras de todo isto? Moi pouco ou moi difícil de apreciar. De verdade ten sentido ir ó teatro para ver un botellón? A resposta é si se só se espera o aplauso fácil do público xuvenil que se mira no espello. Só nalgúns momentos andaban por alí os auténticos Romeo e Xulieta encarnados por Sara Casasnovas e Christian Escuredo.

1 sept 2007

Manuel Lourenzo Pérez
Andoliña 1 setembro


Nas miñas terras ourensás, o ano cultural, tralas vacacións de agosto, empeza sempre en Celanova. Na vila de Curros e Celso Emilio mañá recibirá o premio Casa dos Poetas o escritor Manuel Lourenzo Pérez, autor de teatro, tradutor, versionador, director, actor, profesor e tamén ensaísta, poeta e narrador. A longa traxectoria na nosa cultura do autor de Ferreira de Valadouro enche de xustiza este premio: dende os anos 60 (a súa primeira obra, O moucho, publicouse en 1960) Manuel Lourenzo estivo na cabeza do teatro independente galego e formou na Xeración Abrente, xa nos 70, con nomes como Roberto Vidal Bolaño, Euloxio Ruibal ou Francisco Taxes. O gran público coñeceuno logo dende a TVG e o Melghacho de Mareas Vivas (na foto).

Autor dun cento de textos teatrais, a súa man está por tras de moitas das iniciativas dramáticas do país nos últimos anos: O Facho, Teatro Circo, Escola Dramatica Galega, Compañía Luís Seoane, Casahamlet, os Cadernos da Escola Dramática Galega e un longo etcétera. Con Francisco Pillado Maior fixo ademais un labor impagable de historiografía do noso teatro: O teatro galego, Antoloxía do teatro galego, Dicionário do teatro galego. Noraboa polo merecido galardón.

29 jul 2007


A calumnia
Pan por Pan 29 xullo

A escritora Lillian Hellman (1905-1984) é un dos grandes nomes do teatro norteamericano contemporáneo, ó carón de Arthur Miller, Tennessee Williams e Edwar Albee, entre outros. A súa obra máis famosa foi “A calumnia” que William Wyler levou ó cine en dúas ocasións: primeiro co título “Eses tres”, en plena vixencia da censura radical do Código Hays, e logo na coñecida película que interpretaron Autrey Hepburn e Shirley MacLaine. Revisitei a cinta estes días para comprobar a súa plena frescura e vixencia: cambiou o mundo e quizais a homosexualidade sexa vista con máis naturalidade, pero é ben fácil imaxinar unha situación como a que describe a obra teatral: a cerrazón hipócrita de toda unha sociedade sobre dúas persoas estigmatizadas e condenadas sen apelación. Sempre foi difícil admitir a diferenza e a liberdade: nos tempos de Lillian Hellman e nos nosos.

21 jul 2007


O zoo de cristal.

Pan por Pan 20 xullo

Foi a obra que lanzou á fama ó dramaturgo norteamericano Tennessee Williams (na imaxe) e para moitos a súa obra mestra, por riba de Un tranvía chamado deseo e Unha gata sobre un tellado de zinc. Disque tamén é a obra máis autobiográfica do autor, escrita dende a dor, e o personaxe nomeado Tom, o propio escritor. Din tamén que a súa irmá, a moza coxa e tímida que colecciona figuriñas de cristal, está inspirada na propia irmá do escritor, Rose, que rematou nun psiquiátrico onde lle fixeron unha lobotomía, carga que sempre pesou na cabeza do dramaturgo. Desa carga saíron estes versos: “Rose. A súa cabeza cortada aberta. Unha navalla punzando no seu cerebro. Eu. Aquí. Fumando”. Paga a pena achegarse a ela e esquecer todo isto que acabo de contarlles: síntoo polos apaixonados do teatro de vangarda, pero o entusiasmo deste cronista vai por outros vieiros, xa ven.

16 jul 2007

Escribir coa alma (Tennessee Williams)
Andoliña 18 xullo



Dicía Arthur Miller, lembrando a primeira vez que viu a Elia Kazan dirixir no teatro Un tranvía chamado desexo (A Streetcar Named Desire), que esta obra dramática de Tennessee Williams estaba escrita coa alma: "Os seus diálogos fluían da alma. A alma dun autor, unha voz singular, envolvía o escenario case milagrosamente".
A Editorial Alba acaba de publicar en dous volumes catro obras moi relevantes do dramaturgo norteamericano: O zoo de cristal, ó carón de Un tranvía chamado desexo e Unha gata sobre un tellado de zinc, esta xunto con Unha análise perfecta feita por un loro. Obras que moitos lectores/as coñecerán polas diferentes versións levadas ó cine, pero que se agrandan aínda máis na palabra sempre viva do escritor.
Artista maldito, homosexual, neurótico, alcohólico, Williams pertence a esa categoría de grandes clásicos da contemporaneidade como Arthur Miller, Norman Mailer, Truman Capote ou Susan Sontang. Paga a pena achegarse ás súas obras e reencontrar a tenrura violada de personaxes con tanta forza expresiva como Blanche, que no cine interpretou Vivien Leigh: "Podo ulir o mar. Vou pasar o que me queda de vida xunto ó mar e, cando morra, vou morrer no mar".


BLANCHE: Puedo oler el mar. Voy a pasar lo que me queda de vida junto al mar y, cuando muera, voy a morir en el mar. ¿Sabéis de qué voy a morirme? (Coge una uva.) Voy a morirme por comer una uva sin lavar que me voy a encontrar en el mar. Voy a morirme… cogiendo la mano al médico del barco, a un médico muy joven y muy guapo con un bigote rubio y un gran reloj de plata. “Pobre dama –dirán-, la quinina no le ha servido de nada. Esa uva sin lavar ha transportado su alma hasta el cielo.” (Se oyen las campanas de la catedral.) Y me enterrarán en el mar, metida en un saco blanco que echarán por la borda, a mediodía, en pleno verano, ¡a un mar azul (vuelven a oírse las campanas) como los ojos de mi primer amor!

Ao oír por vez primeira Un tranvía –e a diferenza do que sucedeu con outras que seguiron ó longo dos anos, un verdadeiramente oía cada palabra da primeira posta en escena- non se tiña a impresión que deixan o enxeño ou o poético, senón a de que os seus diálogos fluían da alma. A alma dun autor, unha voz singular, envolvía o escenario case milagrosamente. E, sen embargo, de xeito asombroso, a fala de cada un dos personaxes parecía tamén propia; en vez de estar atados ás necesidades argumentais da obra, todos parecían libres para manifestar os seus “eus” contraditorios. Por suposto, ó mesmo tempo, a historia avanzaba inexorablemente segundo a forma, como mínimo soberbia, que lle deu a man de Kazan. De feito, aquela posta en escena foi o froito máis espléndido da extinta pero longa e intensa investigación – durou dez anos- do Group Theatre sobre o método Stanislavski, un xeito de realismo tan fondamente sentido que era capaz de manifestarse como estilización. Os diálogos de Williams, por coloridos e cheos de imaxinería que estean, xamais deixan que a historia se difumine: moi pola contra, impúlsana continuamente cara diante.
(Arthur Miller relembrando a primeira visión da obra no teatro, en versión de Elia Kazan)