
Unha agradable tarde en Lugo
(Imaxes: parella tomando café, no Café Central, fundado en 1903; e o deus Mitra solar matando o touro, Bristh Museum)
(Imaxes: parella tomando café, no Café Central, fundado en 1903; e o deus Mitra solar matando o touro, Bristh Museum)
Atendendo á petición do amigo Xosé Manuel González, a quen tiven a agradable fortuna de darlle onte unha aperta, despois de tantos anos (30 anos?), van aquí unhas notas sobre a miña visita do venres a Lugo. A ocasión tamén serviu para coñecer a Xaime da Pena, habitual desta casa e bon amigo dende xa, ó que recorreremos algunha vez se nos denuncia algún lugués, dado que é avogado con despacho no centro da cidade, fronte á Deputación.
O motivo, xa saben, era presentar As mans do medo, de Xosé Miranda. Recolleume Manolo Bragado na miña casa e aló chegamos á hora prevista. Esperábanos Jaureguizar para sacar algunhas breves declaracións sobre a novela que, supoño, sairían hoxe en El Progreso. O acto foi no centro cultural Uxío Novoneyra e había bastante xente. Entre eles, os dous amigos xa ditados, dúas compañeiras do Instituto de Pepe Miranda –coas que hai unha semana, e cos seus alumnos de Bacharelato, percorremos o Roteiro de A Esmorga en Auria, e tamén, entre os que recoñecín, Antonio Reigosa e Xoán Cuba.
Introduciu o acto Manolo Bragado, falando do éxito do libro e da solidez como autor de X.Miranda, e seguín eu cunhas notas aproximativas ós relatos, que vou colgar nos comentarios: por favor, enténdanse como meros apuntamentos dunha intervención, que deberían ser retocados e mellorados antes de publicarse. Creo que mesmo na miña intervención oral soaron con máis coherencia do que quedou no papel, espero.
E despois, Xosé Miranda. Quen, tras os agradecementos, deunos unha lección da súa sabedoría de sempre. Falou da Literatura do Estraño, na que enmarcou o seu libro; das diferenzas entre o Horror e o Terror; da función terapéutica do Medo, e, entre outras cousas, do pouso de Kafka e a literatura fantástica nos relatos (pouso evidente, sobre todo nos “Calafríos” que eu esquecín citar, como verán).
O mellor veu despois, claro está. Pepe Miranda levounos a un grupo de xente, quince ou dezaseis persoas, de paseo polo casco vello da cidade e o barrio da Tenería, antigo barrio
da prostitución hoxe en reformas e restauración das súas casas máis nobres. Ademais de tomar un par de cañas e falar de todo o humano e o divino (tamén de Cacharro, das trasnadas do psoe lugués e da política cultural da Xunta e non para ben, por certo), rememoramos o Lugo de Ánxel Fole e Manuel María e ata nos achegamos á Muralla onde están de reformas nun dos seus cubos onde seica apareceu unha especie de espazo para os gardas da muralla, coas súas cloacas e, alí perto (se entendín ben), por baixo, os restos dun templo dedicado ó deus Mitra, o único na Península. Moi perto vimos a liorta do novo Auditorio que está a facer a Universidade, case pegado á muralla e tapando unha das vistas centrais da catedral: unha desgraza como a da Praza de San Martiño de Ourense, pero de maior dimensión. Xosé Manuel ensinounos o escenario dalgunhas das súas “Entre hortas e portas” e explicounos tamén a historia do San Froilán, que loce na fachada da catedral.Ah! Non se esquezan de visitar o novo blog de Pepe Miranda: avelladamanta (os tres ponentes na presentación eramos blogueiros). E, á marxe da historia de Lugo, tamén onte, na mesma Auria, tiven a sorte de coñecer en persoa a Bouzafría, con quen xa intercomunicamos varios correos de amizade (temos relembranzas comúns da infancia no Ervedelo de Ourense), pero a quen non coñecía aínda. Andaba por Auria a resolver temas legais e vaia dende aquí tamén un cordial saúdo para este blogueiro de pro e amigo desta casa.















