15 may 2006


FALEMOS GALEGO
(La Región 15 maio 2006)
Unha xeración intermedia. Entre o galeguismo de preguerra e os novos grupos do tardofranquismo houbo unha xeración intermedia ás veces esquecida, a que se move na década que vai entre 1965 (a Auriense fúndase en 1967) e 1975. Quero hoxe relembrala nalgúns dos seus nomes: Carlos Guitián, Xosé Lino Vázquez-Monxardín, Salvador Rey, Eustaquio Puga, “Anxo”, Antón da Ponte, Nemesio Barxa, Antón Romasanta, etc. Era tamén a xeración do meu pai. Eles fixeron as primeiras pegatinas de “Falemos Galego” e corrixiron os primeiros topónimos castelanizados no noso país. Estaban arredor dos máis vellos, que viviran a guerra dalgún xeito, moitos aínda mozos (Otero e Ferro Couselo, Leuter e Bieito Fernández, Xoaquín Lorenzo e “Ben-Cho-Shey”, Luís Taboada). Impulsaron a Auriense, a misa galega do Santo Cristo e a Coral de Ruada (daquela con Manolo de Dios). Promoveron a Festa da Árbore e a presenza do galego nos xornais, se facía falla mandando cartas ao director a cotío. Ou protestando contra o xandasbolismo, a burla dos galegos que se facía no cine e na TV: teño nas mans unha carta dos anos 60 nesa liña, asinada por María Asunción Montero, a muller de Carlos Guitián.
Moitos deles participaron tamén nas grandes andainas culturais dos anos 60: con Antón Tovar, con Celso Emilio, con Blanco Amor, tamén no Ateneo e no Liceo ou nas asociacións culturais nacidas nas vilas. E nos primeiros recitais e concertos do que se había chamar Voces Ceibes. Eran anos intermedios: sobrevivían os rescaldos do galeguismo dos mellores, velaí Galaxia e o mundo cultural na súa contorna, pero aínda non chegara o novo nacionalismo de esquerda que dende 1972 se instala nesas plataformas e imprime outra dirección política. Foi unha xeración intermedia: das que abriron fiestras e crearon pontes co pasado e co futuro. Como a “Cova Céltica” na que militou Lugrís Freire moito antes das Irmandades e da Xeración Nós.
Andrés Mazaira. Leva varias semanas de despedida e véselle feliz. Mazaira, dende o seu posto de vicerrector na Universidade, derrubou muros. Non só aquel muro ignominioso que escondía as facultades dos ollos da xente do común. Sobre todo os muros mentais, máis difíciles de derrubar sempre. Mazaira puxo á Universidade de Vigo, no campus de Ourense, en contacto estreito coa sociedade: cos grupos empresariais, co mundo da prensa, co Parque Tecnolóxico e cos motores económicos, cos sindicatos, cos núcleos culturais da cidade, etc. Ninguén pode discutir isto. A Universidade creou novas infraestruturas (esa magnífica e modélica Biblioteca Universitaria) e tamén un novo discurso: unha Universidade ao servizo da xente e do progreso ourensán. Quédalle moito por aportar a Mazaira na nosa sociedade, é un home de ideas e de acción, e deses non hai demasiados.
(Na foto, entrega do Pedrón de Ouro a Xoaquín Lorenzo na Romaría do Viso, acompañado por Gustavo Valencia e Xosé L. Vázquez-Monxardín).

14 may 2006


Dous artigos sobre as Letras Galegas
Na prensa de hoxe, dous artigos de interese sobre o Día das Letras Galegas. Manuel Bragado reflexiona sobre a relación da lingua coas novas tecnoloxías e Internet e reclama Máis internet e máis galego. Pola súa banda, Víctor Freixanes lembra tempos máis difíciles para a causa do galego, pero que tiñan a súa épica para rememorar, e pon en cuestión, unha vez máis, o carácter festivo que Manuel Fraga lle outorgou a esta data dende a Xunta, quizais con boas intencións, pero con pésimos resultados. (Ilustración: un xenial debuxo de Castelao no Diario 1921)

LLUÍS LLACH, UN UNIVERSO DE SENSACIÓNS
(Pan por Pan domingo 14 maio)
Dúas horas é pouco tempo, pero pode chegar para asomarse a todo un universo de sensacións se quen nos acompaña é Lluís Llach cos seus músicos. O mesmo Llach que durante tantos anos fixo connosco o camiño –Viatge a Itaca, Campanades a morts-, presente agora en todos os seus rexistros. O mundo íntimo que reivindica o fascinante do ser humano, capaz de crear amor e tenrura: “Geografía”, “Un núvol blanc”, “Tinc un clavell per tu”, “Maremar”, “Temps i temps”, “Sempre queda un fil”, “Verges 50”, “Tendresa”. Pero tamén o berro de protesta, sarcástico, escéptico, desenganado: “A poc a poc”, “Tossudament alçats”, “El dia”. E a lembranza da República: non un exercicio de nostalxia, si un proxecto de fúturo. O Llach que evoca a memoria de Puig Antich e do amigo poeta Miquel Martí i Pol e os ecos reveladores de Barbara, Léo Ferré, Jacques Brel, Georges Brassens ou Edith Piaf, aquela xeración, si, irrepetíbel.

13 may 2006


Sempre nos quedarán as palabras...
Espertei hoxe pola mañá, aínda entre soños, pensando neste poema de Eugénio de Andrade, O sal da língua:

Escuta, escuta: tenho ainda
uma coisa a dizer.
Não é importante, eu sei, não vai
salvar o mundo, não mudará
a vida de ninguém - mas quem
é hoje capaz de salvar o mundo
ou apenas mudar o sentido
da vida de alguém?
Escuta-me, não te demoro.
É coisa pouca, como a chuvinha
que vem vindo devagar.
São três, quatro palavras, pouco
mais. Palavras que te quero confiar,
para que não se extinga o seu lume,
o seu lume breve.
Palavras que muito amei,
que talvez ame ainda.
Elas são a casa, o sal da língua.

Sorpresa: Carlos Casares ten estación ferroviaria...!
Aínda que teño varias fotos de Carlos Casares na miña colección particular, busquei unha foto na rede para ilustrar un post anterior.
E encontreime (eu non o sabía) con que existe unha cidade Carlos Casares, capital do partido homónimo, ubicado no centro-oeste da provincia de Buenos Aires, Arxentina.
E máis simpático aínda: ten unha estación ferroviaria que leva o nome do escritor, docente e presidente arxentino Domingo Faustino Sarmiento.
Co que lle gustaban a Carlos o mundo dos trens e das estacións? Estaría algunha vez alí? Non recordo que mo comentase nunca... (Na foto, concello de Carlos Casares en Buenos Aires).


A mocidade manipulada?
(Pan por Pan sábado 13 maio)
A través de Internet convocouse unha gran sentada o domingo por unha vivenda digna para os mozos: en Compostela vaise facer no Obradoiro. A nova parece positiva. O primeiro que pensei foi no exemplo francés: os rapaces do botellón tamén saben organizarse e reclamar o que a sociedade lles prometeu (“Todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e axeitada”: artigo 47 da Constitución). Pero logo lin unha entrevista con Juan Luis Pintos, escéptico ao respecto: para o sociólogo de Compostela nada nace de xeito espontáneo e pensa que esta sentada está promovida polo “folclore inmobiliario”, isto é, os intereses das construtoras que se senten ameazadas polas medidas contra a especulación urbanística. Quedei pampo. Será esta unha nova estratexia para manter o negocio do sector inmobiliario utilizando aos mozos? As fórmulas de manipulación hoxe son tan delicadas, que vai ti saber… (Imaxe: a Judith coa cabeza de Holofernes, de Lucas Cranach)

Máis sobre vidas truncadas
(Andoliña sábado 13 maio)
Só 29 anos lle chegara a Manuel Antonio para deixarnos a súa mensaxe poética, transmitida en boa parte coa edición de Domingo García-Sabell para Galaxia en 1972, moitos anos despois da súa morte (aos 20 anos deixara a literatura Arthur Rimbaud, que morreu con 37, e xa demostrara o seu xenio poético). Por baixo dos 30 quedaron Luis Amado Carballo e Porteiro Garea. O mesmo fado perseguiu a Xohán Casal, precursor da Nova Narrativa Galega, que só viviu 25 anos e escribiu "O camiño de abaixo": libro de relatos que non viu publicado, pois saíu en edición póstuma en 1970, dez anos tras a súa morte.
O gran Chano Piñeiro, despois de demostrar con ‘Sempre Xonxa’ que o cine galego era un soño posíbel, chegou aos 41: semanas antes do seu falecemento compartín con el unha agradábel cea e conversa, tras presentar o seu volume ‘Conversas co vento’. Na memoria quedan tamén as mortes prematuras dos poetas Lois Pereiro, Xela Arias e Luísa Villalta. Roberto Vidal Bolaño, autor e director teatral, só viviu 52. O escritor e editor Luís Mariño cumpriu uns poucos máis; con 61 faleceu, en plena madurez creativa, Carlos Casares. De certo, son tantas as ocasións en que a morte chega demasiado cedo!

12 may 2006


Galeguismo e vidas truncadas
(Andoliña venres 12 maio)
‘Vidas cruzadas’ é un excelente volume de contos de Raymond Carver que logo levou ao cine Robert Altman: aí está un magnífico relato no que un matrimonio que acaba de perder o seu fillo recibe estrañas chamadas telefónicas. Pero eu estaba hoxe a pensar non nas vidas cruzadas, senón nas vidas cortadas, truncadas polo fado: dende os gregos, un xeito de definir aquilo que non coñecemos. Na historia da nosa cultura e do galeguismo non foron poucas, por certo.
En 1918, con 29 anos, morría Luis Porteiro Garea, un dos meirandes valores das Irmandades da Fala, doutor en Dereito e profesor da Universidade de Santiago. El mesmo pronunciara o discurso de inauguración da Irmandade nesa cidade. Castelao despídeo emocionado dende ‘A Nosa Terra’: "unha mala fada caiu enriba de Galicia". Durante varios anos o semanario nacionalista dedícalle fondas lembranzas. Cal sería o futuro do galeguismo sen esa morte temperá?
E qué dicir do futuro tamén fanado (ningún deles chegou aos 30 anos) das grandes voces dun Manuel Antonio ou dun Amado Carballo? Sería diferente a nosa poesía das vangardas sen a súa morte prematura? Que camiño poético tomarían logo da guerra incivil?

" TERRA CEIBE!"
(Pan por Pan venres 12 maio)
En maio de 1931 dous mozos, Manuel Antonio e Xavier Soto, distribúen en Vigo un panfleto co título “Terra Ceibe!”. Criticaban nese texto aos concelleiros desa cidade por negarse a poñer a bandeira galega nos actos oficiais, ao carón da española. Hoxe nin sequera os nacionalistas coñecen ese texto: cousas da desmemoria. Texto ben radical, por certo. Velaí: “O noxo e a vergoña chegan a nós en rafaxes fondamente carraxosas, que nos obrigan a non poder calar a nosa protesta. A única Patria que recoñecemos, Galicia, ten a sua fala e a sua Bandeira, Bandeira que nós ollamos como insinia da nosa raza, a raza céltiga, forte e domiñadora, que si vai decaíndo é a forza da intrusión española que nos vai enchendo de sangue sin coor e sin vida, sangue escravo. Isto é o que nós temos por españoes; e certamente que tal herdo non merez outra defensa que a dos profesionaes do patriotismo trasnoitado”.

11 may 2006


A POLÍTICA NON DEU MATADO O GALEGO... (NOTAS PARA UN DEBATE)

Esta mañán estivemos en Telemiño (Ourense), nun debate sobre o Día das Letras Galegas e Lugrís Freire, Afonso Vázquez Monxardín, Xulio Fernández Senra (emiteno esta noita, ás 22 h.). Falamos de moitas cousas, do significado da festa das Letras Galegas e, moito, moitísimo, sobre o idioma.
E creo que coincidimos (e creo que hai moita xente en toda Galiza que pensa o mesmo) en que non imos demasiado ben.
En que hai que ser imaxinativos e audaces.

En que hai que crear un novo discurso sobre o noso idioma.
Velaí en riscos só bocexados (só quero abrir o debate) algunhas ideas posíbeis para empezar a falar:

UN DISCURSO A FAVOR DO GALEGO EN POSITIVO, sen enfrontamentos inútiles cando non son rendíbeis.
UN DISCURSO EN POSITIVO E OPTIMISTA: subliñar aquilo que funciona ben e todo o que anuncia un alborexar futuro do noso idioma en todos os usos sociais

A POLÍTICA NON DEU MATADO O GALEGO, PERO A POLÍTICA TAMPOUCO O VAI SALVAR.
A sociedade civil, a xente do común, é a que ten a palabra.

Non é un problema de subvencións: o que cómpre para que a xente fale máis galego, son ganas, non cartos.

Queremos provomer o amor, e o amor non ten prezo.

Recuperar vellos lemas como FALEMOS GALEGO para forxar ese novo movemento
cívico, aberto e con pouca estrutura e máis acción, sempre en positivo.
Colaboracionista declarados con todo o que sexa a favor, veña de onde veña.

Desbotar a imaxe que asocia o galego como algo exclusivo do nacionalismo (que teñen tantos mozos: se falas en galego xa tes que ser militante do Bloque). O galego é de todos e salvarase entre todos, á marxe de ideoloxías e opinións políticas. Mal favor lle facemos a nosa lengua asociándoa ao futuro dunha alternativa partidaria.
A única política que interesa é o consenso de verdade, como a LNL e o PXNL, pero asumido, explicado, etc.

Se fose preciso, ese novo discurso levaría a unha nova organización a favor do idioma, que recollese este novo espírito: FALEMOS GALEGO.

Espero as vosas opinións...
(Ilustramos estas pertinentes preguntas cun cadro do xenial Virxilio).

QUE PASOU NAQUEL DÍA LONXANO?
(Andoliña xoves 11 maio)
Leo no suplemento cultural de “La Vanguardia” que existe unha tenda en Barcelona especializada en vender xornais e revistas antigas. Chámase “La premsa d’ aquell dia” e demostra unha vez máis que os cataláns son espelidos como allos. O seu público non se compón só de historiadores, como se podía sospeitar, senón sobre todo de persoas do común que acoden en busca do xornal dunha determinada data. Hai moita demanda dende os anos 70, pero tamén aparecen diarios dos 50 e mesmo revistas de comezos do século XX: a datas máis arredadas, moita máis dificultade para localizar eses papeis.
Para que? Pois seica a xente merca esas follas amarelas, ás veces restauradas, porque quere saber qué pasou xusto no día en que naceu. E está disposta a pagar entre 15 e 50 euros pola portada ou o xornal completo de data tan relevante. Confeso que a min mesmo, que non son nada supersticioso, gustaríame saber qué pasou en Ourense, en Galiza e no mundo o 3 de marzo de 1958: habería algún accidente grave, algún crime pasional, unha inundación do Barbaña? Levo trinta anos coleccionando xornais, recortados e catalogados por temas, e teño un arquivo ben dotado ao respecto. Pero, xa ven, fáltame esa data…
(Na imaxe, o magnífico Retrato dunha vella, 1611, de Guido Reni).

10 may 2006



Xavier Costa Clavell
(Andoliña mércores 10 maio)
Falei con el hai unhas semanas, pero non tiven a sorte de coñecelo en persoa. Chameino para pedirlle datos para o catálogo de autores de O Correo Galego e Galicia Hoxe, onde asinaba dende hai 13 anos. Alegrouse moito de que alguén se acordase do seu xornalismo en galego e díxome que estaba moi orgulloso de atesourar en toda a súa vida sobre todo libros e viaxes: percorrera medio mundo facendo guías de viaxe e volumes de arte. Daquela suxerinlle ao director do noso xornal que sería elegante facerlle unha pequena homenaxe: ao cabo era, con don Paco del Riego, o decano dos columnistas galegos.
Fillo de José Costa Figueiras, escritor agrarista-republicano, Costa Clavell poeta, narrador, xornalista, crítico literario e tradutor. Escribiu en todos os xornais galegos e en moitos cataláns. Co seu volume Las dos caras de Galicia bajo el franquismo (Cambio 16, 1977), foi un dos primeiros en deitar luz sobre a memoria desa etapa negada da nosa historia. Coa mesma ilusión escribía sobre o bandoleirismo galego ou sobre a nosa gastronomía, que tan ben coñecía. E sempre cun mesmo fío condutor, co que titulou un dos seus últimos traballos: Sempre Galicia no meu corazón (1992).
Na rede pódese consultar o limiar que lle preparou Manuel Vázquez Montalbán ao seu libro sobre a cociña galega.

Pouca xeografía, tamén, nos Estados Unidos
(Pan por Pan mércores 10 maio)
Andou estes días por Internet e por algúns xornais un informe que afirma que a metade dos mozos dos EEUU non saben situar Nova York nun mapa. É unha enquisa da National Geographic que demostra tamén que, despois do que choveu en Iraq, xa me entenden, máis do 37 por cento dos mozos menores de 24 anos non son quen de situar no mapa ese país mesopotámico onde teñen instalado medio exército imperial. Moitos deles sitúan países como Sudán en Asia ou mesmo non saben dicir onde está Luisiana, despois do furacán Katrina do ano pasado. Os datos non me sorprenden. Pero non botemos nós foguetes. Os coñecementos xeográficos no alumnado español tamén son moi escasos e creo que a última xeografía que se estudou en serio foi aquela do vello bacharelato que algúns padecemos, pero non tanto. E despois din que o mundo está a globalizarse: permítanme un sorriso irónico. (Imaxe: detalle do "Baño de Diana" de Parmigianino).

9 may 2006


Da presenza galega en América, hoxe

Afonso Vázquez Monxardín fala no seu Camiño do Vao de hoxe (galicia hoxe) da presenza galega en América, da súa diversidade ideolóxica, do seu aproveitamento electoral ata o presente e dalgunhas posíbeis medidas a tomar para revitalizar aquel mundo. Velaí o remate do seu artigo:
E sobre o panorama da diversidade ideolóxica que existía, e cunhas crecentes necesidades comúns por envellecemento de poboación e decaemento económico do país de acollida, as forzas políticas españolas -e galegas, por suposto- foron incapaces de deseñar entre todas unha auténtica política de estado sobre o tema emigratorio (asistencia, nacionalidade, cultura, etc.) e xogouse con eles só no tema electoral, tentando todas as forzas arrecadar os seus votos, e impóndolles unha responsabilidade absolutamente inxusta e desproporcionada, a través da obriga de tomar decisións políticas sobre os niveis locais, autonómicos e estatais, dun país que deixaran había décadas e que apenas coñecían na súa realidade actual.
Ata o momento de hoxe, os sucesivos gobernos galegos, apoiáronse alá en quen os apoiaba, e, certamente, naquelas oficinas era difícil establecer separacións entre funcións administrativas e políticas, de xeito que parecía que só uns monopolizaban o contacto coa administración galega.
O ideal sería que o novo goberno galego non cambiase de "socios" senón de política. A Xunta de Galicia podía comprar, por exemplo, o antigo Centro Ourensán -enfronte do Centro Galego e con grande carga simbólica- e facer unha oficina de representación política institucional en terreo neutral, de actuación administrativa, de información económica, turística, de centro de exposicións, de recepcións, de estancia de viaxeiros da administración galega, etc. e que, xunto cun pequeno núcleo de funcionarios de aquí, promovese a execución de políticas deseñadas co máximo consenso a ambas beiras do mar, entre as sociedades, dándolle preferencia, obviamente, ás máis representativas. Cómpre proxectar máis Galicia e menos interese electoral. ¿Será posible? (
Imaxe do pintor Sucasas)

Polas terras de Merlín, a vella Eire
(Andoliña martes 8 maio)
O xornalista ourensán Luis Menéndez filmou para a TVG a serie documental Por terras de Merlín. Vina na tarde do sábado pasado, por vez primeira, cun capítulo dedicado ás realidades culturais da costa oeste de Irlanda, aquela que garda con máis forza a súa identidade e a súa lingua: o gaélico. Casas pintadas con cores vivas, verdes paisaxes con valados e palleiros, a enerxía do mar que brúa en todas as fisterras (que xa filmara con engado Flaherty en Homes de Arán), a conta tráxica dos naufraxios e os mariñeiros de colores rechamantes (para encontrar os corpos dos afogados), as lendas do Pozo Sagrado e os contos de aparecidos nos fiadeiros: son todos eles trazos que lembran, sen dúbida, o que foi a nosa Galiza tradicional.
Os nenos aprenden nas escolas cantos e bailes irlandeses e nas casas aldeás hai recitais nos que se xuntan os veciños para escoitar a voz dos vates locais. Tras séculos de regresión, o gaélico teno hoxe moi difícil: só o falan cento cincuenta mil persoas, aínda que saben falalo un millón. Na escola secundaria dáselle un plus nas notas aos mozos que fan nesa lingua os seus exames: unha idea que ata se podería importar, co apoio dos mestres máis comprometidos coa nosa cultura. Ou non? (Imaxe: un debuxo da arte celta xa cristianizada).

Leakey, Dian Fossey, as mulleres
PAN POR PAN martes 9 maio (La Región)
A min nunca me preguntaron os que miden as audiencias que programas vexo na TV, pero sigo, cando podo, os documentais da Dúas. E por iso ás veces comento aquí cousas deles: por exemplo, onte emitiuse un da Nacional Geographic sobre Dian Fossey, a californiana que viviu 18 anos cos gorilas nas montañas de Kenia e que foi logo asasinada. A súa historia é ben coñecida pola película “Gorilas na néboa”, aínda que nela se oculta o papel relevante de Bob Campbell, o fotógrafo que filmou esas imaxes inmortais. Foi o paleontólogo Louis Leakey o que escolleu a Fossey para esa misión científica e a Jane Goodall para estudar os chimpancés en Tanzania. E Goodall, premio Príncipe de Asturias, contou por qué Leakey elixiu a dúas mulleres: porque teñen máis paciencia para observar e están habituadas, dende a maternidade, a entender a seres que se expresan en silencio. Como os gorilas. (Imaxe: retrato de Dian Fossey).

8 may 2006



Dúas voces que se despiden, para un merecido lecer, de "La Voz de Galicia"
Nestes días tivemos noticia de dúas despedidas de dúas voces moi representativas do xornal La Voz de Galicia. Siro López (Ferrol, 1943), mestre de humoristas, que nos contou a historia da transición democrática en Galiza dende as súas viñetas, autor de estudos moi valiosos sobre o humor e a arte da caricatura (entre moitos outros, os seus traballos sobre Castelao, Celestino Fernández de la Vega e Xosé María Cao), decidiu xubilarse do seu labor no xornal coruñés. Aínda hai pouco inauguraba unha magnífica exposición no Araguaney de Compostela e aínda hai pouco compartimos unhas horas de conversa e compaña na Bienal da Caricatura ourensá. Coñecendo a Siro, sabemos que seguirá a traballar polo país, pintando, pensando, escribindo ou soñando futuros mellores. E tamén este domingo, dende o seu pequeno recuncho da Voz ("Ao abeiro da fe", cada vez lle deixaban menos espazo), anunciaba a súa despedida como colaborador semanal Xosé Chao Rego (Vilalba, 1932), un nome fundamental na historia da Igrexa máis comprometida co país, ensaísta e autor de moi valiosos estudos (Eu renazo galego, O misterio do lume, Para comprendermos Galiza, etc.) e responsábel de tantas iniciativas na nosa terra a través das revistas e movementos Encrucillada e Irimia. Coñecíno tamén como profesor (foi compañeiro meu só mes e medio) e sei como lle querían os seus alumnos e compañeiros de departamento. En La Voz de Galicia viña colaborando dende xaneiro de 1970, onde calcula que publicou máis de dous mil artigos, con diferentes cabeceiras de sección ("Pobo sen fronteiras", "A chouzana", etc.). Esperemos poder seguir compartindo os seus saberes, dende o libro, a conferencia ou os medios que el mellor dispoña.

CUBA, LUGRÍS, NEIRA VILAS
(La Región, luns 8 maio)
Cuba. Moito falamos da Cuba galega na tardiña do venres, na conferencia de Xosé Neira Vilas sobre Curros Enríquez e a Academia Galega. Na miña presentación do noso “Balbino emigrante” falei eu daquela Cuba que foi xermolo de identidade galega: a Cuba do Centro Galego, da Asociación Protectora e Iniciadora da Academia, do Teatro Tacón e de tantas cousas. Alí naceu a idea e alí xurdiron os fondos necesarios para a posta en marcha da Real Academia Galega, da man de Curros e Fontenla Leal; alí se interpretou por primeira vez o Himno Galego: teremos que celebrar ese centenario no 2007. Xa o teño dito máis veces: sen entender as achegas da emigración galega a América non se pode entender a historia do noso país. Un de cada tres galegos (medio millón en total) marcharon aló na segunda metade do XIX: todas as familias temos antepasados que estiveron en Cuba, na Arxentina, en Uruguai, en Nova York, etc. Entre eles, voces moi cualificadas: a finais do XIX con Curros Enríquez, Lugrís Freire, Álvarez Insúa, Armada Teixeiro, etc. A principios do XX con Antón Villar Ponte e Roberto Blanco Torres, Basilio Álvarez e Ramón Cabanillas: e alí fundan xornais, publican libros, fan teatro, axitación política, recadan fondos para o agrarismo, unha chea de iniciativas.
Lugrís Freire. Entre eles estivo, chamado dende aló polo seu irmán Plácido, Manuel Lugrís Freire, a quen conmemoramos estes días nas Letras Galegas. Como todos os anos estou a dar conferencias sobre el (nesta ocasión, en compaña de Monxardín) polos institutos ourensáns e gústame insistir nesta súa etapa cubana. É o momento en que traballa no Centro Galego, fai teatro (descobre esa súa vocación) e nace como escritor e publica as súas primeiras obras, como o poemario “Soidades” (1894). Consegue que llo prologue Curros Enríquez, quen por certo fai un limiar non demasiado gabancioso. Pero, qué importa! É coma se a un mozo novo de hoxe lle prologase o seu primeiro libro de poemas Méndez Ferrín: todo un orgullo, dende logo. Na historia da Galiza cubana queda “A Gaita Gallega” como a maior contribución de Lugrís Freire a ese tesouro cultural: por certo, o seu compañeiro Armada Teixeiro non se portou moi ben con Lugrís e despois criticouno e atacouno no mesmo xornal, mesmo con caricaturas.
Neira Vilas. Falou máis de hora e media de todo isto e aínda outras dúas horas longas na cea posterior: qué memoria portentosa! Neira Vilas ten a sorte de pertencer a unha xeración esplendorosa: a que nos anos 50 se formaba arredor de Luís Seoane e tantos outros. Algúns derrotados pola vida (Lorenzo Varela, Suárez Picallo), case todos esquecidos en Galiza ata hai moi poucos anos. Por sorte, por alí andaba o Pepe Neira Vilar para gardar para sempre esa memoria e transmitírnola. Por sorte tamén chegou logo a Cuba e salvou o tesouro patrimonial galego (prensa, libros, etc.) antes de que se esfarelara. Por iso, e por moitas máis cousas, sempre lle estaremos agradecidos.
(Imaxe: un Neira Vilas aínda novo con Lorenzo Varela nun acto en Sargadelos).

Dos blogs na Galiza
En Galicia Hoxe o autor de Territorio da desaparición, o poeta e amigo Miguel Anxo Fernán Vello, escribe sobre a actualidade do mundo dos blogs en Galiza, recomenda varios deles e adica unhas palabras moi xenerosas a esta miña, que é tamén vosa, casa.

6 may 2006


ÁLBUM DE FOTOS AURIENSES (1)

O amigo Xoán Fonseca, onte mesmo e compartindo cea con Pepe Neira Vilas e Anisia Miranda, confesoume que abría todos os días o meu blog (varias veces ao día cando ten tempo) e que o ten como páxina de inicio en Internet. Abrumado pola súa confianza, voulle dedicar esta foto (mediados ou finais dos 90?) dun acto celebrado no Liceo ourensán, nun Encontro de Escritores Ourensáns e nun recital de poesía de sobremesa, co café e as pastas. En primeiro plano, de esquerda a dereita, estamos Xoán Fonseca (daquela con moito máis “peso político” que hoxe, se me permite a broma), eu mesmo, Carlos Casares, a súa dona Cristina Berg e o escritor auriense Bieito Iglesias. Xoán e Carlos Casares cos seus insepárabeis puros que podían durar dúas ou tres horas en agradábel faladoiro. En segundo plano, os asistentes daquel recital de poesía, varios dos cales, creo, leron os seus textos. A Carlos gustábanlle moito este tipo de actos e lembro que aquela tarde me comentou polo baixiño: “Estou seguro que case todos os que están hoxe aquí teñen un poema escondido no seu peto, aínda que non se atrevan a lelo en público”. No acto había varios poetas ourensáns presentes que recitaron. Estaban, de seguro, Chus Pato e Manuel Guede (están as súas parellas no fondo da foto) e creo que tamén Manolo Outeiriño e varios máis. O acto fora organizado polo Clube Cultural Alexandre Bóveda (que eu presidía daquela), que cada dous anos organizaba un Encontro de Escritores Ourensáns. Por certo, dende o peche voluntario do Clube, non se volveu facer, pero quizais haxa que resucitalo (se os amigos escritores ourensáns están polo labor, claro). A fotografía é do amigo fotógrafo Eduardo Núñez, que cubría moitos dos actos culturais nosos daquela época.