Mostrando entradas con la etiqueta Universidade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Universidade. Mostrar todas las entradas

26 sept 2008


Stephen Hawking
andoliña 26-9-08

A presenza dun científico da talla de Stephen Hawking en Santiago prestixia tanto a propia Universidade como a cidade de Compostela e toda Galicia no seu conxunto. Grazas, pois deben ser dadas, a Jorge Mira e a todas as persoas e institucións que posibilitaron esta visita, que debeu ofrecer de seguro infinitas dificultades.
Disque Hawking se declarou socialista (vota os laboristas e fala ben de Gordon Brown) e escéptico respecto do papel do transcendente: "A ciencia non deixa moito espazo para os milagres ou para Deus". Tampouco se amosou moi optimista sobre o futuro: cre que non se poderá evitar un desastre no planeta nos próximos cen anos e opina que algúns grandes avances, como o coñecemento do xenoma humano, xerarán co tempo unha sociedade dual, cunha raza de "superhumanos" que explotará os "humanos non mellorados". Así, a fuxida ó espazo exterior na busca de condicións posibles de supervivencia é unha opción verosímil nese contexto.
Algo que describiu a ciencia-ficción múltiplas veces, dende Huxley e Orwell ata os autores de hoxe. De certo, somos tan previsibles que non é estraño que coincidan os relatos de científicos e de escritores.

9 jun 2008

Autocrítica (A Nosa Terra, 5 xuño)

Leo nos xornais que Vicente Álvarez Areces estivo en Compostela para recoller unha orla honorífica de cando estudou na nosa Universidade nos 60, algo que non puido facer no seu día porque entón estaba no cárcere. O suceso lémbrame unha faísca da miña biografía. Cheguei a Compostela no 75 e pertencín á Xeración ERGA, segundo axeitada definición de Pepe Miranda: da mesma quinta que o escritor Bieito Iglesias e o historiador Bieito Alonso “Roi”, bos amigos. E lembrei que, asolagados no compromiso político, a miña promoción non fixo a famosa orla. Ou cando menos non estamos na mesma os progres do curso, que aínda eramos uns cantos. Aprendín moitas cousas naqueles anos, algunhas nas clases dos bos profesores, que tamen había: poñamos nomes como Ramón Villares, Xosé R. Barreiro ou Pegerto Saavedra. Da maioría dos riscos daquela andaina non me arrepinto: aínda máis, algúns dos acenos de coherencia mesmo privada da miña biografía proceden das ideas sementadas naquela hora, como o non someter ó imperio da Igrexa un contrato de convivencia coa persoa que queres. Pero, por unha vez, quero facer autocrítica, que dicíamos en linguaxe de célula clandestina. Refírome á orla: hoxe estou convencido de que o negarse a facela, que xustificamos entón como unha gran batalla contra os convencionalismos clasistas e pequenoburgueses, foi un erro. Non me desgustaría contrastar a miña cara de pasmón coa dos compañeiros daquela aventura. Hoxe facemos nos Institutos unhas cerimonias, cada vez máis solemnes e dignas, de despedida dos alumnos e alumnas do Bacharelato. E fan a súa orla. Por certo, teño que preparar o discurso dos profesores. Menos mal que os nosos alumnos, para estas cousas, son un pouco menos progres que os da vella garda.

24 abr 2008

Europa é plurilingüe. Quen sabe galego, sabe máis.
Por varias vías (H.Casares, H.Villar, Arume, graciñas a todos/as) chégame esta mensaxe dunha campaña de gran interese, á que nos queremos sumar tamén dende esta solaina.

Envíovos o enlace da campaña sobre educación bilingüe que estamos impulsando o Observatorio de Sociolingüística da Universidade de Vigo (Anxo Lorenzo, Fernando Ramallo, Ana Iglesias, Hâkan Casares), en colaboración coa Área de Normalización Lingüística da Vicerrectoría de Relacións Institucionais, coordinada por Henrique Costas. A campaña utiliza o seguinte lema: EUROPA É PLURILINGÜE, QUEN SABE GALEGO SABE MÁIS. E este é o seu enderezo web: http://webs.uvigo.es/plurilinguismo/
O que se pretendeu foi poñer en circulación unha serie de argumentos e discursos sobre as vantaxes da política lingüística educativa impulsada co decreto 124/2007, baseados principalmente en evidencias científicas e non en impresións e desexos identitarios. É destacable que sexa unha institución independente quen promove a campaña. Espero que resulte de utilidade, pregando a máxima difusión. Máis información (oficina de prensa da Universidade de Vigo): 986813604.

18 feb 2008

Violencia e democracia, de Salvador García-Bodaño (ECG 17 febreiro)

Para Arume, que lembrou este suceso hai unhas semanas no blog

No seu artigo de onte, García-Bodaño lembraba a vergonza que pasou cando o Honoris Causa a Cunqueiro, Camilo José Cela e J.M. Piel.

(...) Ocorrera, concretamente, no paraninfo da universidade compostelá, a media mañá do día 20 de xaneiro de 1980. Celebrábanse os nomeamentos pola USC, a proposta da Facultade Filoloxía, de tres Doutores Honoris Causa concedidos aos escritores señores Álvaro Cunqueiro Mora e Camilo José Cela Trulock, xunto co filólogo Joseph M. Piel. O protocolo e a gala estaban coidados ao máximo. O gran salón estaba a rebordar de xente. Había un pouco que xa agardabamos á comitiva cos doutorandos e os padriños. De súpeto, fóra, nos corredores de acceso, sentíronse grandes voces e berros, un grande barullo provocado por un grupo. Non se sabía de que ía a cousa. Ao cabo entraron, a xente apertouse contra a porta. Os berros seguían de cando en cando. Dentro, os asistentes mantíñanse entre desacougados e tensos polo escándalo. Joseph Piel estaba sorprendido. Cela, amosábase impasíbel. Cunqueiro, moi triste, xa non se atopaba nada ben da enfermidade, faltáballe un ano para que a morte o levara para o estraño país imposíbel de nunca máis volver, onde sen dúbida o recibirían con xeneroso entusiasmo os personaxes do seu mundo literario e todos os seus que o precederan. Eu tiven que facer un enorme esforzo para non me deixar conmover. No medio do acto, cando era a quenda de Cela, alguén abriu a porta lateral traseira do salón e tiraron contra o teito dúas galiñas vivas que tardaron en retirar. Despois, xa cando lle tocaba ao filólogo Joseph Piel, fixérase a calma. Moitos dos que loitaramos pola liberdade, por esta terra e a súa cultura, alí presentes, sentimos vergoña, unha fonda vergoña. Non había ser a única vez.

11 feb 2008

Primeira tese en galego de Físicas
Segundo conta LVG, hoxe ás 18,30 h. no Edificio Politécnico do campus de Ourense vaise ler a primeira tese de Físicas en galego (non sei se é a primeira da U.de Vigo ou de todas as facultades de Físicas galegas).
Titúlase Análise climática do modelo conceptual de desenvolvemento en aire frío e o seu autor é o militante nacionalista MARCOS TESOURO MONTECELO.

19 dic 2007

en poleiro alleo
Entre Raimon e Voces Ceibes
Unha mostra lembrará as folgas estudiantís do 68 galego (D
. Salgado en EP 19 dec.)

A Galicia contemporánea naceu, como fábrica de ideas, en 1968", afirmou o vicerrector da USC Elías Torres na presentación da mostra. "O período de mobilizacións que vai de 1968 ata 1977 marcou, para ben e para mal, o que somos hoxe en día", dixo, e lembrou: "Non por nada, dous que estaban alí son na actualidade presidentes de comunidades autónomas". Os dirixentes comunistas Vicente Álvarez Areces e Emilio Pérez Touriño encontrábanse á cabeza do "cachón de reivindicacións" que desembocou nunha folga de tres meses na universidade compostelana, finalizada co cese do reitor, o gobernador civil da Coruña e mesmo o ministro de Educación" (...)

Os días convulsos de 1968 tamén constituíron a forxa da camada política hoxe instalada no poder, iso si, con certo retraso respecto a outros países europeos. "Agrupacións de cristiáns de bae e, sobre todo, o Partido Comunista levaron o peso do 68", apunta, e enumera nomes: Cándido Conde-Pumpido, Enrique López Veiga, Fermín Bouza, Marisa Melón, Francisco Tuco Cerviño ou Carmen Nieves.
Do Gaudeamos Igitur ao Venceremos nós, que se poderá ver no edificio compostelano de Fonseca, está formada por materiais escritos e fotográficos -de panfletos políticos a fichas policiais- recopilados por Ricardo Gurriarán na Fundación 10 de Marzo e en arquivos históricos galegos e foráneos. Ademais, a exposición conta con fontes orais, resultado de 99 entrevistas de dúas horas de duración cos protagonistas dos feitos, incluido algún policía.

3 dic 2007

Lectura e Universidade.
Pan por Pan martes 4 decembro. Imaxe: Retrato dun home con libro, de Lorenzo Lotto, 1526.

É mellor que os profesores non lean os xornais algúns días. Para non deprimirse. Vexan varios titulares recentes: “España retrocede en lectura”, “España, suspenso en ciencias”, etc. O peor de todos é un informe do Ministerio de Cultura onde consta que o 22 por cento dos universitarios admite que non le ningún libro. Algo vai mal: ou a cultura ou a Universidade ou todo xunto. E non todo está en Internet e son medios complementarios, por suposto. Mal vai a cultura do libro por este camiño se as súas elites, as que chegan á Universidade, refugan dos libros como do demo. Son os rapaciños de 10 a 13 anos os que máis páxinas devoran, din os editores. Ou sexa que o futuro son bestsellers para todos e libros infantís para os cativos. E o resto? Outra nova: “Isi & Disi” e “El calzonazos” as películas españolas máis vistas na tele. Terá algo que ver co anterior?