Mostrando entradas con la etiqueta nacionalismos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta nacionalismos. Mostrar todas las entradas

15 sept 2008

O atraso político de Galicia, de X.L. Méndez Ferrín (FV. 15-9-08)

Nos parlamentos autónomos de Cataluña e de Euskadi están presentes non sei se cinco ou seis formacións políticas. E isto ocorre en dúas das que oficialmente son chamadas "nacionalidades históricas" e que na práctica real, oral e escrita, ninguén chama así. Nas cámaras autonómicas definidas como rexionais, digamos Navarra ou Madrid, tamén hai pluralismo parlamentario. Pola contra, no Hórreo de Compostela non sentan máis ca tres partidos políticos, como é ben sabido: dous formando goberno de coalición e un na oposición. É a isto o que lle chamamos "o atraso económico de Galicia" modificando unha migalla un título famoso e fundacional de Xosé Manuel Beiras. (...)

O artigo completo

8 jun 2008


LUIS GONÇALES BLASCO
'Foz', o home que a UPG eliminou da súa historia (Galicia Hoxe 08.06.2008. Foto: P. Santos)


Foi un dos fundadores do partido. De feito, estivo no xantar da Rocha no que se constituiu a Unión do Pobo Galego. Non obstante, o seu nome non aparece na versión oficial do nacemento desta forza política. Agora, vai ser homenaxeado por compañeiros que queren destacar a súa contribución á historia do nacionalismo e recoñecerlle o que outros lle negan. Trátase, non só de lembrar o seu labor na UPG, senón toda a súa traxectoria ligada ó Movemento de Liberación Nacional, ó independentismo e ó reintegracionismo lingüístico.

6 jun 2008


Símbolos e nacionalismo.
O Bloque colorea de azul a súa estrela vermella.

Segundo conta hoxe LVG o BNG de Quintana afronta o cambio máis radical da historia do nacionalismo de esquerdas: eliminar a estrela vermella, símbolo revolucionario utilizado cando menos dende os inicios do 76 (nas orixes da AN-PG). E o dito vai sen ningunha ironía: a polémica está servida. Calquera que saiba o significado que teñen os símbolos entre as bases nacionalistas, pódese decatar do arriscado desta decisión.

11 dic 2007

Entrevista
Na web do Consello da Cultura Galega, Manuel Gago colgou unha entrevista en MP3 comigo (uns 12 minutos) sobre a ponencia que presentei onte.
Presentárona así:

Marcos Valcárcel: “O galeguismo foi moi crítico coa prensa do país”
11 de Decembro de 2007
O historiador e profesor Marcos Valcárcel repasou onte no Consello da Cultura Galega a relación entre a prensa e o galeguismo no marco das xornadas Medios de Comunicación e Identidade. Para Valcárcel, o galeguismo foi “moi crítico” cos medios de comunicación nas primeiras décadas do século XX: “Antón Vilar Ponte falaba de que en Galicia, no xornalismo, hai unha selección ao revés. Ascenden o que non valen”. Valcárcel sinala que o galeguismo achegoulle á comunicación en Galicia unha nova modernidade e destaca as coincidencias entre as denuncias sobre o xornalismo galego nos anos 20 ou 30 coa situación actual da comunicación en Galicia: “moitos dos artigos que levo lido son actuais mesmo nas condicións máis degradantes do que é o oficio de xornalista”. Nesta entrevista, o intelectual ourensán tamén repasa os cambios que estamos a vivir na cultura e na comunicación en Galicia coa chegada de Internet e dos blogs. Escoita a entrevista completa con Marcos Valcárcel.
As xornadas "Medios de comunicación e identidade" no web do Consello da Cultura Galega; As Uvas na Solaina, blog de Marcos Valcárcel.
Prensa e nacionalismo (Coloquio en Compostela, Consello da Cultura Galega)

Algunhas referencias na prensa:
"A lingua na encrucillada" (Galicia Hoxe e ECG)
Tamén hai unha columna en El País sobre a xornada de onte.

Do que puiden asistir, toda a mañá e media tarde, destacaría as intervencións dos ponentes cataláns e valencianos, por ofrecer algúns datos orixinais, e a do vasco, J. Larrañaga, por saber facer unha lectura en positivo da realidade nada doada do número de eusquera-falantes e o seu papel na prensa e en Internet (toda a prensa vasca está monopolizada, agás os medios en eusquera, por dous grupos de comunicación: Vocento e Grupo do Norte). Cos mesmos datos, un galego estaría laiándose e fustrigándose en clave victimista, como indiquei eu mesmo no coloquio.
Os cataláns comentaron a experiencia de "El Periódico de Cataluña" que edita dous diarios, idénticos, un en catalán e outro en castelán, cunha audiencia arredor dos trescentos mil exemplares, distribuídos en 45-55% cada edición. Víctor Freixanes cuestionou a identificación mecánica entre emprego da lingua galega e nacionalismo (é nacionalista a Radio e TVG, preguntábase?).
Houbo polémica tamén co profesor andaluz, que reivindicou Andalucía como nacionalidade histórica (Vilhar Trilho interveu no debate en contra desta tese) e sobre a relación entre as linguas e a territorialidade: dende o público, Camilo Nogueira defendeu con contundencia que (á marxe do fenómeno Internet), ambas cousas non podían separarse nunca. Unha lingua só pode ir adiante cun territorio de referencia e Estado propio ou cunha institución política que fixe o seu estatus (exemplo de Suíza).
Do resto, unha intervención desaforada e fóra de tono (nas formas) de Xosé Luís Barreiro Rivas, nunha liña totalmente liberal respecto dos medios, contestada polos valencianos e cataláns que reivindicaban a necesidade dun Consello Audiovisual, como o aprobado en Cataluña, e dun control e regulación das TVS privadas, que están a facer, díxose alí, "prevaricación" e poderían ser pechadas por non cumprir cos seus cometidos fundacionais.

3 oct 2007


Cara onde vai o nacionalismo vasco?

A petición de varios contertulios, abrimos un novo fío para debater as liñas estratéxicas do nacionalismo vasco hoxe gobernante, isto é, o PNV, cos apoios de EA e IU. Nas sempre citadas dúas almas do PNV, semella que a caída de Imaz deixa a porta aberta a un proceso de radicalización e nese contexto enmarcaríase a proposta, xa con data, de referendo por parte de Ibarretexe. Pero, como xa se apuntou, tampouco cabe rexeitar que se trate só dunha nova manobra electoral, oportunista, dirixida a rabuñar o celeiro de votos da esquerda abertzale (de HB-ANV a Aralar), tan sensible a este tipo de propostas. En calquera caso, a proposta Ibarretxe servirá de alimento intelectual básico para o debate político nos próximos meses, dende logo ata as eleccións xerais: ó PP venlle de marabilla para lanzar campañas “en favor de España”; o PSOE semella en proceso de reubicación (e certo desligamento dos nacionalismos) e mesmo nacen novas forzas que teñen no discurso antinacionalista a súa razón de ser (o partido de Savater e Rosa Díez).
Parece comprensible que unha proposta deste calado debería darse nun marco político diferente, dende logo sen o peso da violencia de ETA enriba da mesa. Ibarretxe replica que a autonomía debe valer cando menos para saber a opinión dos cidadáns e ese argumento tampouco é desprezable: outra cousa é as consecuencias xurídicas e políticas dunha decisión coma esa. A máis de 30 anos de distancia, a Constitución segue a ser o muro contra o que ó cabo chocan todas as posibles iniciativas políticas nacidas no País Vasco e os vascos responden que esa Constitución non foi apoiada nin aprobada aló.
En fin, aporten os seus argumentos: estamos nun debate que semella non ter fin e que seguirá a marcar, de forma inevitable, o resto da lexislatura.
(Na imaxe, o Peite dos Ventos, de Eduardo Chillida, 1977, San Sebastián.

9 jun 2007






NACIONALISMO E IDENTIDADE. NACIÓN E CONCIENCIA. Do pensamento de Manuel Murguía

Varios participantes neste foro pediron un post-debate sobre IDENTIDADES E NACIONALISMO. Vouno abrir con varias citas do pai fundador do galeguismo, Manuel Murguía, e dalgúns pensadores foráneos, Manzini, Renan, que puideron influír no seu perfil ideolóxico, segundo os rigorosos estudos de Ramón Máiz. Se estas son as bases ideolóxicas do nacionalismo galego, dende logo non son estrictamente reaccionarias, como ás veces se quere facer crer. Opinen, se lles parece.

“A Península Ibérica non constitúe unha entidade nacional, e, o que é máis grave, advírtese así mesmo que se acha dividida en tres grandes porcións territoriais que informan respectivamente o sangue e a tradición… O fondo da poboación, os costumes propios a cada un dos devanditos grupos, os pensamentos que abrigan, danlles fisionomía propia e condicións de verdadeira nacionalidade. Ata tal punto e con tal forza, que cada unha das agrupacións en que aparece entón dividida a Península dá vida a unha civilización e crea unha lingua, signo o máis característico e declarado de toda nacionalidade lexítima.” (Historia de Galicia, vol. IV)

“Nación é unha comunidade natural de homes unidos nunha vida común pola morada, a orixe, os costumes e maila linguaxe, que teñen conciencia desa comunidade” (“¿Qué es la nación?”, en La España Regional, Barcelona, tomo II, 1886)

“Nación, sociedade natural de homes con unidade de territorio, de orixe, de costumes e mais de lingua, dotados de comunidade de vida e conciencia social”. “A nacionalidade non é outra cousa que a explicación da liberdade”. (P.S.Mancini, “Della nacionalità como fondamento del diritto delle genti”, en Diritto Internazionale, Nápoles, 1873)

“A patria é unha Misión, un Deber Común. A Patria é a vosa vida colectiva, a vida que anoa unha tradición de tendencias a efectos conformados por tódalas xeracións que xurdiron, traballaron e pasaron sobre o voso chan... A Patria é, antes que nada, a Conciencia da Patria. Así, o chan no que pousan os vosos pasos e os límites que a Natureza sitúa entre a vosa terra e as estranxeiras... non son senón a forma visible da Patria: pero se a alma da Patria non palpita naquel santuario da vosa vida denominada Conciencia, aquela forma permanece semellante a un cadáver sen movemento nin alento de creación, e vós mesmos seredes turba sen nome e non nación; xente e non Pobo... A Patria é ante todo a Fe na Patria”. (P.S.Mancini, Ai giovani D’ Italia, 1859).

“O rexionalismo proclama moi alto que é por esencia réxime de liberdade; o máis grande e o máis necesario. Está unido estreitamente ós principios liberais e neles se informa. Pertence á nova sociedade... Os rexionalistas queren conserva-lo que é privativo do seu pobo e rexión... pero isto dentro das liberdades modernas, sen renegar da civilización actual, da que derivan as doutrinas que sustentan. Se somos fillos da nosa rexión sómolo tamén do noso tempo”.
(“El Regionalismo”, Eco de Galicia, Bos Aires, 1899)

Unha nación é unha alma, un principio espiritual. Dúas cousas que non son máis que unha, constitúen esta alma, este principio espiritual. Unha está no pasado, a outra no presente. A unha é a posesión en común dun rico legado de recordos; a outra é o consentimento actual, o desexo de vivir xuntos, a vontade de continuar facendo valer a herdanza que se recibiu indivisa. A nación, como o individuo, é a consecuencia dun longo pasado de esforzos, de sacrificios e de arelas. O culto aos antepasados é o máis lexítimo de todos; os antepasados fixéronos o que somos. Un pasado heroico, grandes homes, a gloria (refírome á verdadeira); velaí o capital social no que se asenta unha idea nacional. Ter glorias comúns no pasado, unha vontade común no presente; ter feito grandes cousas xuntos, querer facelas aínda, velaí as condicións esenciais para ser un pobo. Ámase en proporción aos sacrificios soportados, aos males sufridos. (...) Si, o sufrimento en común une máis que a ledicia. En punto aos recordos nacionais, os dós valen máis que os triunfos, pois impoñen deberes, ordenan o esforzo en común.
Unha nación é pois unha grande solidariedade, constituída polo sentimento dos sacrificios que se fixeron e os sacrificios que aínda se está disposto a facer. Supón un pasado; resúmese, non obstante, no presente por un feito tanxible: o consentimento, o desexo claramente expresado de continuar a vida en común. A existencia dunha nación é (perdóenme esta metáfora) un plebiscito de todos os días, do mesmo xeito que a existencia do individuo é unha perpetua afirmación de vida. Ernest Renan, Qu’ est-ce que’ une nation?, 1882.