31 oct 2006


Educación para a cidadanía.

Moita tinta fixo correr xa o proxecto dunha nova materia, obrigatoria e avaliable, que se impartirá en dous cursos do tramo escolar obrigatorio, co nome de Educación para a Cidadanía. Tanto o PP como a Igrexa se opuxeron ata agora a impartir unha materia “de valores laicos”, chamémoslle así: un campo que debe incidir, di o proxecto do goberno, na crítica ós prexuízos homófobos ou no respecto ás novas formas de familia (incluídas ás familias gays). Este tipo de temas considerábanse ata agora temas transversais e debían ser incluídas nos curriculos das outras materias, pero iso ó cabo quedaba nas mans do profesor/a (coa súa ideoloxía particular). Eu vexo ben que exista esa nova Educación para a Cidadanía: todo vai facer falla para contrarrestar a estulticia imposta polas televisións e tamén as tentacións dalgúns para volver á caverna.
(Imaxe: Muller despois do baño, de P.A. Renoir)

Do mapa político catalán
(Andoliña martes 31 outubro)

As eleccións en Cataluña espertan grandes paixóns. José Luis Rodríguez Zapatero reuniuse con máis de mil representantes do sector económico catalán e implicouse a fondo na campaña electoral, moito máis que o fixeron Felipe González ou Aznar noutras ocasións. O tema catalán é cuestión de Estado, nunca deixou de selo, pero agora evidénciase aínda máis. Ademais dos votos que Cataluña achega ó Goberno central, isto ten moito que ver coa forte polarización (PSC-CiU) con que se deseñan nesta hora os posibles resultados electorais.

En calquera caso, os cataláns teñen sorte. Por dúas cousas. Pola pluralidade da súa oferta ideolóxica: os estatalistas optan entre tres opcións, da dereita ata a esquerda (PP, PSC, ICV); os nacionalistas, teñen unha no centrodereita reformista (CIU) e outra na esquerda (ERC), un abano máis rico que o galego. E tamén porque, pase o que pase, non haberá cambios radicais: todas as forzas asumen en conxunto a identidade catalá, con todos os seus matices, e coinciden en valorar o seu patrimonio lingüístico e cultural. Ó cabo, calquera das alternativas de goberno máis viables (CIU+ERC; CIU+PSC; goberno tripartito PSC+ICV+ERC) parte desa realidade de consensos comúns.
(Imaxe de J.P. Renoir)

30 oct 2006

Tamén forman parte da nosa identidade...
Nestas cousas tan complicadas das identidades deixémoslles, agora que a TV cumpre 50 anos, un pequeno recunchiño da mesma ás andainas da familia vaqueira Cartwright, tan seguida dende 1962 (eu empezaría a vela máis tarde que daquela só tiña catro anos). Unha galería de imaxes destas cinco décadas, aquí.


Abel Caballero reprime o uso da bandeira da República, nun acto da Asociación pola Memoria do 36 en Vigo (entrega das Pedras da Memoria a unha serie de homenaxeados)

Da crónica de onte de Faro de Vigo, asinada por GGM:
El acto fue emotivo, pero no exento de polémica. La decisión de Abel Caballero, presidente de la Autoridad Portuaria, de ordenar la retirada de la bandera republicana del lugar en que se iban a pronunciar los discursos provocó las airadas protestas de varios de los asistentes, quienes volvieron a colocar la enseña donde estaba en cuanto el anfitrión, que fue recibido con silbidos y abucheos, concluyó su alocución. Caballero, visiblemente molesto, se defendió de quienes minutos antes le habían reprochado su decisión argumentando que "algunos de los que ahora hablan no pisaron la cárcel o sufrieron el exilio", como sí le ocurrió a él, unas palabras que arrancaron aplausos de un amplio sector de los invitados. También se cuestionó en voz alta si "hace dos años un homenaje como éste se hubiera realizado en el Puerto o, tan siquiera, en la ciudad de Vigo". La ex concejala nacionalista Carmen Martínez Corbalán fue una de las más molestas por lo sucedido y subrayó, al término del acto, que "esto ha sido un ejercicio antidemocrático de Abel Caballero, candidato del PSdeG-PSOE a la Alcaldía. No son muertos anónimos y este acto no tendría ningún sentido sin la presencia de banderas".

(Como todo o mundo sabe, Abel Caballero é o alcaldable socialista de Vigo e un dos probables piares dun goberno progresista, socialista-nacionalista, na cidade olívica. Meu Deus!!! Será verdade aquilo de que os pobos teñen os gobernantes que se merecen?)

A CIENCIA NON PODE EXPLICAR O AMOR
(La Región 30 outubro 2006

Andalucía.
O PP acepta recoller no Estatuto andaluz a expresión “realidade nacional” no seu preámbulo. E non pasa nada. Non caen os piares do Estado nin se rompe España nin nos invade o Reino das Sombras de Mordor (mentres escribo escoito de fondo os diálogos de “O Señor dos Aneis”). O PP viuse obrigado a esa asunción para non caer na marxinalidade, como sucedera cando o 28-F, no anterior referendo andaluz. E o Estatuto Galego? Cando menos vai chegar tarde e quizais xa demasiado minguado por falta de enerxía dos políticos que tiñan que impulsalo. Vai pasar Galicia ó segundo vagón das autonomías, precisamente cando o nacionalismo está no goberno?

Personaxes.
Tres “peixes” de coidado locen estes días nos xornais. Un Pinochet que non só tiña contas segredas nos Estados Unidos, senón que ademais ocultaba nove mil quilos de ouro nun banco de Hong Kong. O líder coreano, Kim Jong II, que organizou o seu réxime sobre o tráfico de drogas, moedas falsas e cornos de rinoceronte se que agora xoga a potencia nuclear, cun país sometido ás fames e ó subdesenrolo. E o tolo de Abimael Guzmán, fundador de Sendero Luminoso, condenado a cadea perpetua en Perú despois dunha longa cadea de terror sobre un pupurri de maoísmo, indixenismo e crueldade.

Richard R. Ernst.
Premio Nobel de Química en 1991, este científico, especialista na resonancia magnética nuclear (RMN), estivo en Compostela. Dixo cousas importantes sobre a medicina en relación coa sociedade, pero a que máis me gustou foi esta: “Se se intenta explicar o porqué dun sorriso, se todo tivese unha explicación cunha ecuación, o ser humano perdería a súa fascinación. O enfoque científico ten os seus límites, non debe tratar de explicalo todo. A ciencia non pode explicar cousas como o amor, espero que nunca o faga”.
(Imaxe: Pinochet en caricatura de Siro López, 1973. Publicouse na sección "Con esta lupa", de La Región, ilustrando un artigo de Carlos Casares).

29 oct 2006


Caricatura de Carlos Casares
realizada polo debuxante
Santy Gutiérrez
Graciñas
PAN POR PAN domingo 29 outubro
Sentín hoxe a necesidade de dar as grazas. A vostedes, en primeiro lugar, ós lectores e lectoras que me seguen a diario e me fan cómplice dos seus comentarios e suxestións sobre estes breves artigos. En segundo lugar, ós responsables de LA REGIÓN que lles dá acubillo, primeiro na páxina cultural, agora nesta. O próximo mércores cumpro os 5 primeiros anos do Pan por Pan: empezaron o 1 de novembro do 2001, mes e medio despois do 11-S. Dende aquela van unha xeira de case 300 artigos ó ano e un total superior ós 1430.
Cando iniciei esta aventura, pensei máis dunha vez na dificultade de pensar cada día un tema diferente sobre o que opinar: ese medo pasou moi cedo; en moitas ocasións, cando escribo sobre un tema quedan outros tres ou catro na mente que tamén valerían para comentar. Iso xustifica esta miña constancia: a vida, o mundo, son misterios sempre infindos...!
(Imaxe de Renoir)
OS XORNAIS NO FAIADO (1): NOVA SECCIÓN

Dende hai case 30 anos colecciono recortes dos xornais: é un vicio coma outro calquera, aínda que este ocupa moito tempo e moito espazo (no meu caso un faiado e outros dous recunchos, que algún día catalogarán con paciencia, quizais, algúns becarios). Teño centos de arquivadores con artigos e suplementos culturais e, entre eles, milleiros de artigos que vou ir recuperando parcialmente e de vagariño neste blog. Na miña propia biografía vital cubrín ben o período 1976-2006, pero ademais diso, despois, fun fotocopiando artigos de etapas anteriores (tanto de 1900 a 1936 como de 1936 a 1976, de diferentes medios galegos), co que se pode dicir que teño unha boa colección do xornalismo galego do século XX (tamén teño recortes de prensa española, catalana, etc., pero iso non vén agora a conto).
E empezaremos esta antoloxía, cómo non, cun dos grandes mestres: Carlos Casares e o seu xornalismo na Voz, máis os antecedentes de La Región e outros medios. Da súa sección “Á marxe” abre esta colección un dos artigos que lle dedicou a Newt Gingrich, presidente da Cámara de Representantes americana, a quen lle tiña especial manía. Utilizaba tamén a este personaxe, creo, para denunciar dalgún xeito a hipocresía da sociedade norteamericana no que respecta ós “vicios privados e as virtudes públicas”: como é evidente aqueles rematan sempre por aboiar a superficie e personaxes como Gingrich quedan en coiros ante a sociedade. (O xornalismo de Casares na Voz está a ser publicado tamén, en varios tomos, pola Editorial Galaxia).
Unha lembranza de Carlos Casares na súa morte:
www.culturagalega.org/eventos/especial_casares/index.htm
E a miña evocación persoal naquela hora (marzo 2002):
www.culturagalega.org/eventos/especial_casares/colaboracions.htm


Retirada

As persoas que exercitan a paciencia de ler estes artigos que escribo cada día coñecen ben a idea que teño de Newt Gingrich, o presidente da Cámara de Representantes americana. Un golfo. Aínda que non me considero un bo psicólogo, senón máis ben un pouco tonto á hora de ler no interior da xente, os desta especie non se me escapa ningún. Débollo á miña avoa, que dicía: “Cando alguén berra moito a favor de algo, hai que pensar mal automáticamente”. E Gingrich gritaba demasiado a favor da decencia, da familia e da corrupción dos demais. Como parecía lóxico, non tardaron en cazalo. O ano pasado foi censurado pola Cámara.
Agora acaba de dimitir como responsable do fracaso electoral republicano, pero aínda queda en pé o seu socio, o fiscal Starr, outro moralista vociferante que debe de estar tamén a punto de caer. Ambos os dous quixeron converter os pecados de Clinton no símbolo contrario da decencia que eles predican para América. Unha decencia que exclúe as trampas, as mentiras e as manobras; só pensa no sexo.
De cando en vez, xente como esta empéñase en fastidiar. Existiron sempre e sempre dixeron e dirán sempre o mesmo. A miña impresión é que, a largo prazo, nunca gañan, pero fan mal. Supoño que eles non cren no que din, pero hai moitas persoas inocentes dispostas a seguilos, poñendo na batalla o peor, é dicir, exceso de corazón, e deixando a un lado o mellor, ou sexa, un pouquiño de cabeza. Gingrich foise dicindo que non entendía nada, o cal é certo. Se non foi capaz de entender as encuestas que os puñan a el e ó seu cómplice ó fronte da lista de personaxes máis detestados de América, parece lóxico. A rabia perturba o pensamento.

(La Voz de Galicia, 9-XI-1998)
1940: resistencia no exilio
(Colgo aquí o inicio do meu artigo, da serie "Cen anos de Historia Cultural". O artigo completo, aquí)
Nos inicios da longa posguerra que sucedeu á guerra incivil, as primeiras novas sobre a recuperación democrática da nosa cultura xorden en América, entre os exiliados e emigrados galegos. Luís Seoane, xa nomeado meses antes director do Galicia de Buenos Aires, asume agora a fundación e dirección de dúas coleccións galegas en Emecé Editores (Bos Aires): Dorna e Hórreo, onde aparecerán títulos importantes para a cultura galega. Nese mesmo ano aparece na colección Hórreo a segunda edición de Los precursores, de Manuel Murguía, ademais doutras edicións de Aires da miña terra, de Curros Enríquez; Queixumes dos pinos, de Pondal; De catro a catro, de Manuel Antonio; Cuentos de la tierra, de Emilia Pardo Bazán, e a versión bilingüe de Cincuenta hombres por diez pesos (Emecé), de Castelao. Seoane convértese así, como ten escrito con acerto Alonso Montero, no principal defensor da causa do Libro Galego neses anos. Con el colaboran outros autores como o poeta Emilio Pita, que asina a introdución da edición dos Queixumes pondalianos.
Outro nome a subliñar é o de Lorenzo Varela, residente en México dende xuño do ano anterior e vinculado a Octavio Paz e á redacción da revista Taller, que en 1940 participa na fundación de Romance. Revista Popular Hispanoamericana, a publicación cultural de maior difusión en Iberoamérica naquelas datas, e publica, en novembro, o poemario Elegías Españolas: Elogio del Llanto, Tribunal del Virgo (Primera elegía muladar, e Desagravio del vino tinto.
Pola súa banda, Castelao está en Nova York, onde redacta o libro segundo de Sempre en Galiza, inserindo no mesmo textos publicados durante a guerra, e que rematará na viaxe en barco ata Bos Aires. Como consecuencia das intensas xestións dos seus amigos arxentinos, Castelao logra marchar en xullo á Galicia ideal, onde se unían emigrados e exiliados: Bos Aires, onde é recibido apoteoticamente. Neste ano publica ademais a serie mitolóxica “Faunalia.. En Nova York, ademais, e por iniciativa de Castelao fúndase a Casa de Galicia de Unidad Gallega nesa cidade.

28 oct 2006

Sevillanas no Centro Galego de Lisboa

O amigo Luis Menéndez mándame este cartel, cunha breve mensaxe, que quixen compartir cos lectores, por simpático:

Nas miñas andainas na lusofonía (recén chego de Angola) descubrín este detalliño no taboleiro de anuncios da Universidade libre de Lisboa. (o Centro Galego de Lisboa-Xuventude de Galicia é dos máis antigos do mundo, percibe subvencións da Xunta coma todos e ten unha magnífica sede, cesión do que fora gran "mecenas" Manuel Cordo Boullosa, nado en Caritel).q che parece??apertas,Luís Menéndez.

Por certo, o cartel lembroume unha anécdota que ten contado Vítor Freixanes. Convidárono aló por 1977? a falar en Londres, quizais con Casares? e quizais no Centro Galego. Falou da lingua e de Antón Villar Ponte, o homenaxeado naquel ano, pero tivo que esperar para facelo porque antes da súa charla e dentro do mesmo paquete estaba programado un espectáculo de... Flamenco!!! para os galegos do Centro. Freixanes botoulle valor e así saltou do "duende" flamenco ata a galeguidade, sen rede.

Como ten dito o Bieito Iglesias, o máis galego da nosa música é Juanito Valderrama e xéneros afíns. Quen dixo que o galego non era un pobo sincrético?

27 oct 2006



Pastor de cabras.

Así o chamaba Pablo Neruda no emocionado poema “A Miguel Hernández, asesinado en los presidios de España”. Poeta campesiño, poeta pastor, de orixes ben humildes. Como Serguei Esenin (na imaxe), tamén neno campesiño na Rusia soviética: “La casucha sin mí se encorva,/ el perro viejo estiró la pata./ Por lo visto habré de morir/ en las calles tortuosas de Moscú”. Tamén no noso país houbo escritores de raíces ben campesiñas: como Manuel García Barros ou o Balbino-Xosé Neira Vilas. Pero a maioría procedían, proceden, da pequena burguesía vilega e do mundo funcionarial. Aínda que houbo algunhas excepcións. Citemos agora dúas: Xesús San Luís Romero, autodidacta e só con estudos primarios no seu Carballo natal; emigrou, aprendeu o oficio de zapateiro, escribiu teatro social e anticaciquil. Ou o Antón Avilés de Taramancos, a servir unhas cuncas na súa taberna de Noia...


Un poema de S. Esenin

Hasta luego, querida, hasta luego.
Dulce mía, te llevo en el pecho.
Esta despedida inaplazable
nos promete un encuentro en el futuro.

Hata luego, querida, sin manos, sin palabras,
no te aflijas, no entristezcas las cejas.
En esta vida no es nuevo morir,
pero vivir tampoco es más nuevo.

(S. Esenin. El último poeta del campo, traducción directa do ruso de José Fernández Sánchez. Prólogo de Máximo Gorki. Visor, Madrid, 1974).
Autor de curta vida, sobre a obra de Esenin escribiu Trotsky un interesante texto.

26 oct 2006

Manuel Guede gañou o premio Cunqueiro de textos teatrais baixo o nome de Claudia Grandal
(Outro éxito da fornada de COU do antigo Instituto Masculino, hoxe Blanco Amor...)
C. p. santiago) La Voz de Galicia, 26-X-2006
Claudia Grandal resultou ser Manuel Guede Oliva, profesor, escritor e quen foi director do Centro Dramático Galego desde 1991 ata o 2005. A autoría da peza teatral Ocaso Otero , gañadora da décimo quinta edición do premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais desvelouna onte o propio interesado, que tomou prestado o pseudónimo dun dos personaxes dunha novela súa que publicou a finais dos anos oitenta, Vésperas de Claudia . Manuel Guede, que obtivo o premio convocado polo Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (Igaem) por maioría do xurado presidido por Laura Tato, creou un certo misterio ao non indicar na plica o seu nome. Só fixo constar o DNI e un número de teléfono. O texto, elixido entre 24 candidatos e presentado baixo o lema AGLAV (Valga ao revés) relata o regreso a Galicia de Carolina Otero, La bella Otero , para matar ao home que a violou. Guede declarou que non aportou o seu nome pola necesidade que sinte de protexerse, porque ten sensación de acoso. «Presenteime ao premio porque quería gañalo antes de que lle cambien de nome ou lle poñan límite de idade», engadiu.

Poetas da guerra.
(Pan por Pan xoves 26 outubro)

Dende a Sección de Literatura do Liceo estamos a conmemorar nestes días a catro grandes voces da literatura española: Miguel Hernández, Antonio Machado, Unamuno e Federico García Lorca. Onte tivemos un recital cun grupo de 25 mozos e mozas de varios institutos, que leron os seus textos: un encontro emotivo e enriquecedor para todos os que alí estabamos, mozos e maiores. Entre todos eles quizais estea máis esquecida a inmensa figura, de curta vida, de Miguel Hernández (na imaxe), o creador de “Nanas de la cebolla”, “El niño yuntero”, “Umbrío por la pena” ou “Canción del esposo soldado”. De orixes moi humildes, Neruda chamouno “o reiseñor pastor de cabras” e demostrou que a sensibilidade aniña en todas as clases sociais. Tamén nos lembramos de Manuel Gómez del Valle: pechamos o acto co seu xigantesco “Manifiesto pastoril a los niños pobres del campo”.
(Nota: o Liceo fará nos próximos meses unha homenaxe semellante dedicada ós poetas galegos e con obra en galego vítimas da guerra, como Roberto Blanco Torres, ou condenados ó exilio)

25 oct 2006


Que sexa para ben!!
Eu alégrome e espero que a cousa vaia adiante, razonablemente ben: o PP xa se dará conta do seu erro histórico...

El Periódico de Cataluña
14:01 SESIÓN DA EUROCÁMARA
O Europarlamento aproba a resolución de apoio ó proceso de paz en Euskadi por 10 votos
El Europarlamento aprueba la resolución de apoyo al proceso de paz en Euskadi por 10 votos
A proposta socialista sae adiante en Estrasburgo malia a oposición do Partido Popular Europeo

Ciencia-ficción.

Un amigo mándame por correo electrónico o trailer de “Children of men” (Fillos dos homes), a película do mexicano Alfonso Cuarón, que se proxectou en San Sebastián. As imaxes son impresionantes: debuxa un mundo caótico, de paisaxes urbanas apocalípticas, pero abondo realistas. Terrorismo, guerrillas e golpes militares, refuxiados e campos de concentración... todo iso forma parte do abano habitual de actualidade. A trama argumental baséase na tenebrosa hipótese da esterilidade mundial: as mulleres non poden ter fillos e o mundo encóntrase cheo de vellos, sen rexeneración posible. A única esperanza desvélase no momento que a cámara deixa ver un corpo espido, dunha moza negra, que tapa coas súas mans o seu ventre preñado.

Os autores de ciencia-ficción pariron soños que, co tempo, fixéronse, case ó cen por cen, realidade. Sucederá tamén esta vez?

Beiras vetado na Radio Galega

Acabo de enterarme por Galicia Hoxe que Xosé Manuel Beiras foi vetado no programa da Radio Galega no que colaboraba. Segundo este xornal, por comisarios políticos da UPG, tema ó que dedica tamén un comentario o director de GH, Caetano Díaz.
Se tal nova se confirmase (cousa que, por desgraza, non me estrañaría nada), iso significa que xa se pasou a fronteira das "boas maneiras" que reclamaba o noso Eduardo Blanco Amor.

E que algúns neoestalinistas están dispostos a todo: moi cedo empezarán a borrar as fotografías do 25 de xullo dos últimos anos para eliminar nas imaxes os rostros de Beiras e de Camilo Nogueira e quen sabe si se todos os simpatizantes dos mesmos (seguro que os teñen ben controlados).
Admítense curriculums para a convocatoria de novas prazas de funcionarios neohistoriadores e neopensadores, na mellor xinea do relato de George Orwell... Como en "1984" alguén quere aquí reescribir a historia e dicirnos o que debemos pensar e o que non.
(Imaxe: o Savonarola foi un bon precursor dos totalitarismos de hoxe).

24 oct 2006




A MEMORIA DA POESÍA
Xornadas en lembranza de Miguel Hernández, Federico García Lorca, Antonio Machado e Miguel de Unamuno

A Sección de Literatura do Liceo de Ourense organiza unhas breves xornadas de lembranza dos poetas españois máis relacionados coa guerra civil. Velaí o programa:

- Martes 24 outubro (20,15 h.). Mesa redonda sobre Miguel Hernández e Federico García Lorca, a cargo dos profesores Manuel Zabal e Severo Pérez, cun recital poético introductorio.

- Mércores 25 outubro (17 h.) Recital Poético con alumnos/as de varios institutos de Ourense.

- Xoves 26 outubro (20,15 h.). Mesa redonda sobre Antonio Machado e Miguel de Unamuno, a cargo dos profesores Adolfo Salgado Pérez e Isabel García Martín.

A ensoñación gobernamental

(Un anaco dun interesante post sobre o BNG e o papel de Quintana no blog Dpaso. Aínda que eu faría algunha matización, en xeral creo que o diagnóstico da situación actual do nacionalismo é axeitado. O que deparará o futuro é unha incógnita (quizais só parcial), creo).

Errou Quintana crendo que o motor do cambio do nacionalismo galego ía ser básica e case exclusivamente a acción de goberno. Confiando na capacidade de transformación e de apertura de novos diálogos cos intermediarios sociais desde a Xunta, desprezouse a importancia de manter activo o proceso de renovación do Bloque. Mesmo, o contrario, entregouse a organización ao control da UPG e despolitizouse a súa dirección nacional. A renovación desde arriba e desde fóra do BNG está condenada ao fracaso se non conta cunha sólida organización de apoios entre a militancia. O camiño non é unha renovación bonapartista desde arriba e desde fóra, senón a organización dos militantes non adscritos partidariamente que queren un cambio real no BNG e a súa democracia interna.A crenza de que só sobre a base da acción gobernamental o BNG mudaría a súa imaxe de partido, arroupándose cos atributos de forza de goberno madura, resultaron fallidos. A presenza dos nacionalistas no executivo galego tamén puxo en claro as debilidades programáticas, moitas inexperiencas na xestión, e evidenciaron, dramaticamente, a ausencia de mediadores sociais realmente comprometidos co BNG na maioría das áreas políticas da súa responsabilidade; nomeadamente no que lle toca ás políticas sociais e industriais, pero tamén ás culturais.


A mala sorte.

Os pobos, como as persoas, poden ter boa ou mala sorte. En outubro de 1956, os húngaros creron nas promesas de desestalinización do líder soviético Kruschev e botáronse á rúa, tiraron estatuas de Stalin e cantaron nas rúas de Budapest a Marsellesa e o himno “De pé, maxiares” do poeta Sandor Petófi.

Quitáronlle a fouce e a estrela á bandeira húngara e reclamaron a legalización dos partidos políticos e a saída do país das tropas soviéticas. Aquela revolta non acabou ben: os tanques rusos tomaron Hungría cun saldo final de tres mil mortos, 350 executados e douscentos mil refuxiados. Non tiveron sorte os húngaros: soñaron antes de tempo coa liberdade.

O resto do mundo nin mirou para eles. Non se podía alterar o difícil equilibrio da Guerra Fría. Como xa sucedera na España de 1936, as democracias fixeron como os moniños eses: nin vían, nin falaban, nin escoitaban. (Imaxe da pintora inglesa Ruth Franklin)

22 oct 2006


Salvado pola música de gaita: así naceu a gaitoterapia

Camilo Martínez era un mozo da Peroxa, de 22 anos, soldado, que estivo internado no Hospital militar de San Ambrosio da Habana no ano 1885. Ferido, estivo en estado cataléptico durante 14 meses, con períodos de depresión intermitentes. Os doutores déronlle un diagnóstico de “catalepsia por nostalxia” e prescribiron unha curiosa curiosa estratexia de curación: mandaron poñer un gaiteiro tocando muiñeiras e fandangos con gaita galega na cabeceira da cama.
A cousa foi ben e logo lle puxeron tres gaiteiros, un de Ribadavia, outro de Valdeorras e outro de Penalba. O caso é que curou: a música da terriña lle espertou o espírito e fixo nel un efecto maior que todas as medicinas do mundo, como contaba Lamas Carvajal en “O Tío Marcos d´ a Portela” (1885).
O amigo David Simón escribiu sobre o suceso www.alternativadecontenidos.com) : así naceu a gaitoterapia.

O caso de Camilo Martínez, o mozo da Peroxa salvado da nostalxia coa gaitoterapia, non foi o único. David Simón lembra outro caso recollido na prensa no 2004: unha muller de Noia, con sesenta e moitos anos, residente en Miami e en contacto coa súa familia galega por teléfono, sufriu un atraco con agresión que a levou a padecer un episodio amnésico-disociativo, esquecendo a súa identidade, perdida nunha residencia de enfermos vellos. A muller, no seu semimutismo, cantaba cancións de Pucho Boedo e dos Tamara e grazas a iso remataron por localizala os seus familiares de Noia, pois algúns pertenceran a grupo musical. Un empregado desa residencia confírmalles por teléfono que hai alí unha muller, parecida no físico á que buscan, que pasa todo o seu tempo cantando “Galicia, Terra Nosa” e “De Santiago vengo”: a música en auxilio da vida e da memoria.
(Na imaxe unha pintura de Hendrick Terbrfugghen, 1624)