22 dic 2006


El tren y las cosas
PAN POR PAN venres 22 decembro

No libro do que estou falando estes días, sobre o tren e a literatura, hai dous poemas de Antón Tovar: os titulados “Aquel tren” e “Estación vieja”, os dous interesantes e os dous do libro “El tren y las cosas”, co que gañara o premio de poesía Marina en Ourense, en 1959. Do segundo son estes versos: “Estación vieja y fea, ya ruínas,/ Ruínas de verdad,/ Solar y yermo,/ Tan sólo en mi perduras”. Outra preciosa peza tovariana, que pertence ó mesmo libro, é “El tren humano”, que recitaron Tereixa Devesa e Loli Conde no acto do Liceo. É unha evocación do pai morto lembrando os xogos da Noiteboa cando toda a familia facía un tren “humano” detrás do pai, “de máquina en cabeza”. A familia medra e cada novo irmán é un vagón máis, na cola, polos carrís da propia casa. Poema emocionado, auténtico, que remata así: “Yace en Castilla/ aquel/ a quien todos creíamos/ un invencible rey”.

(As imaxes son de Xaudaró, un dos máis xeniais debuxantes e humoristas do século XX español, como Bagaría ou Castelao. Están nas páxinas de protección, trala portada (chámanse así, ou non?) do libro do ferrocarril do que falei nestes días).

21 dic 2006

Caneiro defende con entusiasmo a obra literaria de Camilo José Cela
Copio unha parte da recensión da presentación de Retorno a Iria Flavia, segundo El Correo Gallego:
Precisamente con don Ramón e con Rosalía de Castro vencellou Xosé Carlos Caneiro o "mestre", o "máis excelente dos autores nosos", o "artista", o "eximio, inigualable, inimitable...", un "galego de nación e de alma, noso polo tanto", no que "nunca hai concesións á mediocridade" e que, para o verinés, constitúe o "exemplo máis digno e entregado do que eu considero un literato; o resto, como dicía o príncipe Hamlet, é silencio".
Tan acendida e devota foi a intervención do autor de Ébora que até as palabras de Marina Castaño resultaron tibias na súa glosa do home e do escritor; un perfil no que, como Caneiro, salientou a importancia do vencello de Cela con Galicia e a presenza da paisaxe galega na súa obra, como singularidade literaria e vital. A xeito de conclusión, a mesma idea expresada minutos antes por Xosé Carlos Caneiro: "A obra é o que importa".


Tarxeta do Presidente

Creo que, se non me equivoco, é a primeira vez que me felicita no Nadal o presidente da Xunta de Galicia, neste caso Emilio Pérez Touriño: por iso subo aquí a súa tarxeta e agradézolle o xesto. A imaxe é moi convencional pero ten a vantaxe, ó seu favor, de incluír tamén estes versos de Manuel Lugrís Freire:

Cando o tempo é pasado
Os mozos vellos son.
¡Eternamente é mozo
Quen vive na ilusión!


Dende as orixes do cine...
Andoliña venres 22 decembro

Dende as súas orixes, o tren está presente en moitos dos grandes relatos do cine: o tren como símbolo da aventura, velaí os primeiros westerns e outros moi populares. O tren fíxose visible tamén no cine do humor: O maquinista da General”, de Búster Keaton, sería o mellor exemplo. Ou na intriga e no crime: velaí Alarma no expreso (1938) ou Estraños nun tren (1951), de Hitchcock, no segundo caso sobre a novela de Patricia Highsmith. Pero tamén no melodrama e no cine romántico, como na gran historia de amor e infidelidade que narrou David Lean en Breve encontro (1945) que transcorre en gran parte nunha estación ferroviaria.

Por que ese éxito do tren nas pantallas? O ferrocarril é un medio dinámico e posibilita xogar co paso do tempo: como o cine, a narrativa ou a banda deseñada. É, por outra banda, un espazo pechado: todo pode pasar nun vagón e o cine soubo explotar esa claustrofobia latente. E permite soñar culturas e aventuras exóticas, porque os camiños de ferro rematan por superar todas as fronteiras. É, ademais, un medio mestizo, que mestura xentes de todas as colores e culturas: todo iso ten moito que ver, dende logo, co cine.


E máis tarxetas...
A editorial Tres C Tres envía (imaxe superior) esta fermosa creación do artista Sebas Anxo. Pola súa banda, a axencia EFE, a través de Arturo Larena, manda esta postal cunha imaxe dun neno ecuatoriano mirando artigos de nadal (de seguro que para o ano próximo sequera as letras que nos manda, ademais da postal, irán en galego...).



Máis tarxetas
Velaí as tarxetas de nadal de Helena Villar (preciosa fotografía e supoño que uns versos seus) e a que manda o PEN Clube de Galicia, cos poderosos versos de Nélida Piñón.

Abril

Creo que xa falei aquí, nesta bitácora e para ben, de Nani Moretti, a propósito de A habitación do fillo (La stanza del figlio, 2001). Acabo de ver agora mesmo Aprile (1998), que pasaron pola Dúas e non me resisto a poñer dúas liñas. Gustoume bastante, ten detalles ben simpáticos e é doado identificarse con ese director de cine que ten un neno nas mesmas datas en que as esquerdas gañan as eleccións e el está a rodar un documental sociopolítico sobre Italia.
E creo que me identifiquei aínda máis porque se desataron os descoñecidos misterios que activan o reloxo da memoria. Eu non fun un pai tan nervoso como Moretti nesta película, nin tan falangueiro, pero a miña filla, Eire, nacía un 13 de outubro de 1989 e estabamos daquela en plenas eleccións autonómicas. Eu ía na lista do PSG-EG ourensán, creo que era o secretario de organización local daquela, debía ir de segundo ou terceiro e creo que encabezaba a lista o amigo Carlos Varela. E atendía á miña filla e á miña muller no sanatorio Santa Cristina, con Víctor, o xinecólogo (xa morreu), seguindo como podía a campaña electoral e recibindo ós amigos do partido tamén. Aínda máis, a clínica estaba a uns cen metros de onde tiñamos o noso local social e electoral na rúa da Habana e ata saiu en La Región que un dos candidatos, eu, acababa de ter unha filla e que lle puxeramos Eire, un nome pouco habitual daquela. E despois supoño que seguín máis ou menos coa campaña, encargabame da prensa tamén, pero as lembranzas políticas quedaron sepultadas baixo a sombra da miña neniña recén chegada a este mundo, un ser máis tan indefenso como cheo de esperanzas. É comprensible, non? Aínda que lembro con felicidade aqueles días políticos, tan cheos de ilusións. Ben, non sei moi ben porque conto todo isto, pero xa está. Ah! si había unha diferencia entre a película e a miña biografía do 89: en Italia gañaron as esquerdas; na Galicia de 1989 gañaba Fraga, "galego coma ti", claro.

20 dic 2006

NO ACTUAL SISTEMA ECONÓMICO, OS TRABALLADORES SON IRRELEVANTES
Entrevista ó sociólogo Richard Sennet, La Vanguardia, 20-12-06
-Que fai un sociólogo como vostede nun asunto como este?
- Hai décadas impúxenme a tarefa de analizar a situación dos obreiros neste mundo cambiante. Quixen entender as consecuencias humanas e culturais destas transformacións. E o principal cambio quizais sexa que o factor tempo, na relación entre empregados e empregadores, variou por completo. Xa non hai traballos para sempre.
- Cal é a súa conclusión?
- Pois que, no actual modelo económico, os traballadores son irrelevantes. Canto máis avanza a globalización, máis o son. A globalización minguou o efecto de recursos como a folga. Agora, cando un empresario ten problemas nun lugar, traslada a súa empresa a outra parte e asunto resolto.
- Asunto resolto?
- Verá, a globalización non é o único factor que conforma este estado de cousas. Hai outros. Por exemplo, a sobreabundancia de obreiros ou profesionais preparados, titulados universitarios, iso permite ós empregados elixir. Doulle outro: o progreso tecnolóxico, que permite adelgazar plantillas.
- Supoñamos que a empresa se vai a outra parte. Pero os obreiros quedan no seu sitio. Que pasa con eles?
- Aí está a cuestión. Moitas empresas se deslocalizan. Outras se adelgazan. En todo caso, o problema é global. Incluso nun país como Xapón, onde os empregos eran de por vida, este hábito saltou feito anacos nos últimos dez anos. Xa hai xaponeses que se plantean emigrar. Creo que a solución pasa por fórmulas que agora se están empezando a explorar. Traballos compartidos, por exemplo. Ou novas orientacións para os proxectos sindicais, que quizais deban facer menos énfase nas reivindicacións salariais e máis en cuestións sociais. Ou, tamén, con novas responsabilidades dos gobernos ante o mundo laboral.
- Que queda da democracia cando o groso dos cidadáns son irrelevantes?
- Queda menos. E iso é preocupante. Pero o que me preocupa en primeiro lugar é saber cómo se pode manexar esta situación de perda de valores que os traballadores antes sustanciaban no desempeño do seu emprego. Cando os traballos son inestables e a sensación de inseguridade é constante, convén encontrar métodos para devolver a autoestima ós traballadores. O orgullo profesional que puideran ter antes viuse moi afectado por esa sensación de inutilidade, de irrelevancia, que lles provoca o novo sistema. Antes preguntábaslle a un obreiro quén era e respondíache contándoche o que facía. Iso xa non funciona así. Ó privárselles do seu valor laboral se lles roubou a súa identidade. Están desconcertados.

O tren de Dieste.
Pan por pan mércores 20 decembro (Imaxe de Cranach, que serviría para unha portada de "Os vellos..." de Castelao)

Nas letras galegas non hai ningún relato sobre o mundo do tren tan emocionado como “O vello que quería ve-lo tren” de Rafael Dieste. Seguro que coñecen a historia: nun pobo da montaña un velliño comunica un día á familia a súa ilusión por ver o tren antes de morrer. Ós familiares parécelles unha tolería, pero o apoio do neto e do crego do lugar logran que o avó consiga o seu desexo. Aló van avó e neto, nun rexo carro de bois, ata o apeadeiro ferroviario. O tren chega como un lóstrego e só teñen tempo para ver nas fiestras do tren unha señoriña ben vestida e un neno de cidade.
O neno volve ledo, seguro do seu futuro: “Eu cando medre tamén hei de andar en tren”. En cambio, o avó volve en silencio, envolto nunha tenra tristura: sabe que xa nunca poderá coñecer os mundos que se adiviñan tralo fumegar da locomotora. Quen non sentiu algunha vez esa aceda melancolía?
Reflexionando sobre o mundo dos blogs

De cando en vez os que andamos neste mundiño dos blogs facemos reflexión propia sobre o sentido destes textos que aboian á Rede. Hai unhas semanas facíao Fíos invisibles e nestes días fíxoo Fragmentos de Galaxia. No meu caso tamén estou moi satisfeito do significado deste blog e do apoio que, na fórmula de debates constantes e de alto nivel, lle estades a dar moitos amigos e amigas. Tanto que máis dunha vez utilizo as vosas ideas ou suxestións para as miñas reflexións e para afondar en esculcas nas que eu mesmo ando. Douvos agora as grazas a todos, porque non podo facelo un por un (entre outras cousas, porque moitos interpelantes son anónimos ou usan algún nick). Como exemplo dese meu labor de aproveitamento e reciclaxe de ideas, creo que necesario cando se escribe moito como é o meu caso (un mínimo de dous artigos diarios), vai a propia Andoliña que publiquei hoxe en Galicia Hoxe. O tema xa foi tocado neste blog, pero o lector atento advertirá que incorporei ó remate unha achega que saiu dun comentario deste blog (creo que de Arume dos Piñeiros) que eu á súa vez ampliei logo no cabo do artigo con esa referencia a Cela, onde el mesmo utiliza a expresión que rexeitaba no Dicionario do español.
En fin, grazas a todos vós, copartícipes deste blog e tamén (en parte) dalgúns dos meus artigos.

Galego no dicionario español
Andoliña mércores 20 decembro
En 1959 a Real Academia Galega, presidida por Sebastián Martínez Risco, levou unha proposta diante da súa homóloga española solicitando que se suprimise do dicionario español a acepción da palabra gallego como "mozo de cuerda". Camilo José Cela, que xa era académico da RAE, apoiou a proposta e propuxo pola súa banda que se substituíse a acepción de gallego como dialecto por gallego como lingua. As propostas foron aceptadas, pero Cela só tivo na RAE o apoio de Fernández Flórez (había máis galegos naquela casa). Logo o padronés escribiulle a Celso Emilio e a Del Riego protestando porque en Vieiros de México se informaba do cambio da Academia sen facer mención ó seu papel decisivo, do que estaba tan orgulloso: a carta está no volume Retorno a Iria Flavia, publicado nestes días.
Un amable lector do meu blog infórmame de que na edición de 1989 do Diccionario manual e ilustrado de la lengua española figuraba aínda (quizais por erro) a acepción de "mozo de cuerda", retirada noutras posteriores. Pero si figura como sexta acepción no Diccionario del español actual de Manuel Seco. Paradoxos da historia: nesta entrada Seco pon como exemplo unha cita de Viaje al Pirineo, de Cela.

P.S.: No Dicionario de Seco-Olimpia Andrés e Gabino Ramos, figura:
gallego. 6. (reg. col.) Mozo de cuerda/ Cela Pirineo 132. Por aquí llaman murcianos a los peones de la construcción, en el mismo sentido tralaticio que el que usan los sevillanos al llamar gallego al mozo de cordel o montañés al tabernero.

Sandiás

Esta fermosa e fría imaxe da Torre de Sandiás mandounola dende ese concello Xavier, do Centro de Cultura Popular da Limia.

19 dic 2006


Galería Marisa Marimón (Ourense)

E esta é a magnífica "Collage", tal é o seu título, coa cal a galerista Marisa Marimón se lembra dos seus amigos/as (enviada por correo electrónico, non consta o artista ou artistas que asinan tan orixinal traballo).


Dende Catalunya

Esta chegou polo correo normal dende Catalunya, do amigo Joaquim Ventura e a súa compañeira Conchi. Está redactada en tres idiomas (castelán, galego e catalán); en catalán di así:

Amb el nostre desig d' unes bones festes
i un 2007 profitós i en pau
Fundación Otero Pedrayo
Esta é a tarxeta de nadal que manda Víctor Freixanes, en nome da Fundación Otero Pedrayo de Trasalba, con ese debuxo e a letra minuciosa, redondiña e barroca de don Ramón Otero Pedrayo.

Tarxetas de Bo Nadal e Aninovo
Colgarei aquí algunhas das tarxetas de nadal máis fermosas ou interesantes que me están chegando: xa inicie a serie coa magnífica viñeta de Xaquín Marín.
Esta, dunha beleza tan contida como exótica, é a que envía Francisco González Bouzán, director do Centro Cultural Simeón de Ourense, e reproduce unha obra dun artista do Iraq, Thurata Baqsami.

O tren que me leva…
Pan por Pan martes 19 decembro

Así cantaba o inesquecible Andrés Dobarro: “O tren que me leva, / pola beira do Miño…”. E non foi o único que cantou o tren. O ferrocarril foi presenza constante na música, nas artes plásticas, na literatura e no cine dos nosos tempos modernos. Acabou por converterse na máxima icona da modernidade. Por iso foi moi oportuna a decisión de dedicar un libro ó tren e ás letras, como o que coordinou Maribel Outeiriño, que presentamos onte no Liceo: “Ourense, 31 marzo 1881, 18:00 h.”.
Autores como Curros Enríquez, Vicente Risco, Florentino Cuevillas, Eduardo Blanco Amor, Julio Camba, Rafael Dieste, Wenceslao Fernández Flórez, Antón Tovar, Luis Lamas (Carlos Casares), entre outros, fixeron literatura cos camiños de ferro. Para uns foi símbolo de aventura, para outros de amor familiar, outros vírono con humor e simpatía. Con emoción en todos os casos.
(P.S.: eu encargueime da selección de textos e o libro, moi ben editado, vai acompañado con abundantes fotografías da colección de miniaturas Fernández Pacheco que se exhibe de xeito permanente na Deputación de Ourense).

17 dic 2006


Imaxes (1947)
Celso Emilio Ferreiro nun seu autorretrato (realizado en 1938).
Retrato de Aquilino Iglesia Alvariño.
Castelao e Rodolfo Prada nun acto en Buenos Aires.

1947: Parladoiro, de Otero Pedrayo
Cen anos de Historia Cultural

Unha das novas culturais do ano foi a aparición no xornal compostelán La Noche (nacido un ano antes) da popular sección Parladoiro, de Ramón Otero Pedrayo, polo que supón a recuperación regular do novelista ourensán como columnista en galego na posguerra: antes desa data só publicara algún artigo en galego de xeito esporádico (por exemplo, en Sonata Gallega de Pontevedra). Os artigos de Otero Pedrayo en La Noche están aínda pendentes de reedición en libro: Carlos Baliñas ten apuntado que tal recuperación estaba prevista para o tomo I das Obras Selectas de Galaxia, que nunca chegou a saír (publicáronse os tomos II e III cunha escolma de ensaios e a novela Os camiños da vida).
Tamén foi 1947 o ano dalgúns libros de interese. Sobre todo, Cómaros verdes, de Aquilino Iglesia Alvariño, un poeta con obra destacada xa nos anos 30 (Señardá; Corazón ao vento), que marca con este novo título a reaparición da literatura en lingua galega na Galicia interior da posguerra. Libro de madureza, Cómaros verdes (Vilagarcía, Editorial Celta) recolle todos os rexistros líricos do autor, dende versos dun coidado clasicismo formal, ata outros de ritmos populares e hilozoístas, xunto con versos que dialogan co neotrobadorismo ou que fan da paisaxe e da natureza o centro de atención lírica. Pero tamén das Baladas, cantigas e donaires, que Celso Emilio Ferreiro publica en Céltiga (Pontevedra) ou de Terra liñar, de Ánxel Sevillano, con ilustracións de Laxeiro, o terceiro libro deste autor tras a súa estrea poética en 1935 e O amor, o mar, o vento e outros gozos, editado este en plena Guerra Civil (1938). Outros volumes desa hora foron Debezos, do poeta emigrado a Arxentina Avelino Díaz, que ese mesmo ano publica tamén o poemario en castelán Flor de retama; os versos do libro Soaces dun abade, do crego copleiro Mariano Piñeiro Groba (editado en Ponteareas); Nuevos estudos crítico-históricos sobre Galicia (Madrid, CSIC-I.Padre Sarmiento), do P. Atanasio López Ordóñez, e o álbum Pontevedra é boa vila, con debuxos do artista Agustín Portela Paz e textos de escritores galegos.
En París aparecía o xornal ‘Galiza’, Órgano do Bloque Repubricán Nazonal Galego, publicado polos exiliados en Francia, con moita información sobre a represión en Galicia, que contou con colaboradores como Castelao, Enrique Líster, Johán J. Pla, Ramiro López, César Alvajar, Antonio Núñez ou Ramón Cabanillas, ademais de reproducir textos de Curros.
E en Londres iniciábanse as emisións en galego do programa ‘Galicia desde Londres’, que coordinaban dende a Galicia interior Fernández del Riego e Alexandre Reimúndez: os textos daquel programa, que lanzou ás ondas a BBC londiniense entre 1947 e 1956, están recollidos nun libro preparado por Antonio Raúl de Toro Santos, con debuxos de Conde Corbal (Ed. Tambre, 1994). Tamén en Cuba empezaba outro programa radical conducido por galegos, ‘Páginas de España’, a cargo de Ángel Lázaro e Manuel Villares Vázquez. O profesor exiliado Manuel García Gerpe, que fora alcalde de Ordes de izquierda Republicana, publicaba o libro ‘Alambradas’, con portada de Luís Seoane, narrando a súa experiencia nos campos de concentración franceses.
Na Galicia interior a antiga Federación de Guerrilleiros de Galicia e León, conducida por socialistas, anarquistas e comunistas, transformábase en 1947 no Exército Guerilleiro de Galicia. Dende América vén a Galicia Rodolfo Prada, home de confianza de Castelao, para entrevistarse con Ramón Piñeiro e cos dirixentes do Partido Galeguista no interior e aclarar algúns malentendidos políticos entre ámbolos dous sectores do galeguismo.
(O artigo completo, aquí)

"Gallego" na Real Academia Española
PAN POR PAN domingo 17 decembro

No ano 1959 a Real Academia Galega, presidida entón por Sebastián Martínez Risco, levou unha proposta diante da Real Academia Española solicitando que se suprimise do dicionario español a acepción da palabra “gallego” como “mozo de cuerda”. Camilo José Cela, que xa era académico da RAE, apoiou a proposta e ademais propuxo pola súa banda que se sustituíse a acepción de “gallego” como dialecto por “gallego” como lingua. As propostas foron aceptadas, pero Cela só tivo na RAE o apoio de Wenceslao Fernández Flórez (había máis galegos na institución). Cela escribiulle despois a Celso Emilio e a Fernández del Riego protestando porque en “Vieiros” de México se informaba do cambio da Academia sen facer mención do seu papel decisivo ó respecto, do que estaba moi orgulloso: a carta está editada no libro de artigos de Cela “Retorno a Iria Flavia”, publicado nestes días.

P.S.: a reseña sobre ese cambio saiu no número 1 de Vieiros, asinada por F.D.G. (Florencio Delgado Gurriarán).
(Ilustra esta nota un debuxo de Antón Patiño, sacado da revista Luzes de Galiza, n.2, 1986).
“El poeta muerto” (Máis sobre Cela. E sobre Celso Emilio Ferreiro)

Hai moitos artigos de interese no libro de Cela que vos comentei, Retorno a Iria Flavia (Ed. Alvarellos), que se presentará o mércores en Santiago, na Fundación Caixa Galicia (por alí estarán tamén Olivia Rodríguez, Marina Castaño, Xosé C. Caneiro e o editor Henrique Alvarellos). Hai, por exemplo, un valioso artigo sobre o barallete de Ben-Cho-Shey (con varias palabras novas que aporta Cela); un percorrido pola literatura galega a través da Saudade; varios artigos fermosos sobre Fisterra e a Costa da Morte, e moitos outros sobre escritores galegos. Entre eles, unha nota necrolóxica, días despois de morrer o de Celanova, sobre Celso Emilio Ferreiro, da que vou publicar un anaquiño:

La suya fue una voz singular y solitaria, que hacía la poesía y la guerra por su cuenta, que llamó siempre a las cosas por sus nombres y que jamás cedió ante nada ni ante nadie. La suya fue la más potente voz poética gallega de un tiempo en que la lengua y el hombre gallegos y su misma esencia vivían de precario y acosados por la incomprensión y su hermana pobre y hambrienta, la conveniencia administrativa. Celso Emilio Ferreiro soñó la Galicia que será algún día y lo hizo en un claro y sonoro gallego que casi nunca es y que se entronca con la lengua y la intención de Curros Enríquez (y saltando por encima del dulce y fecundo dolor de Rosalía de Castro). Con él, nuestra poesía suple al paisaje por el corazón y al bucolismo por el sentido de esa identidad que se nos venía resistiendo a todos. Celso Emilio es la piedra miliaria que señala la mayoría de edad de la poesía gallega que, con él, trueca el folclore y el sentimiento por la ideación y el ensueño intelectual y político. El poeta se nos murió hace muy breves días y, sin embargo, el síntoma de su voz ha sido ya advertido por los observadores”.

(Este artigo publicouse en 1977, tres días despois de morrer Celso Emilio, e está tamén no libro “El juego de los tres madroños”, Destino, 1983. Deixaime dedicarlle este post a Ramón Nicolás, gran coñecedor e recolector de textos celsoemilianos).