22 nov 2007


Nostalxia.

Entrar para ver un video...

Ferrín e os nosos nomes e apelidos
Seguín con atención a serie de Ferrín no Faro sobre os nomes e apelidos galegos. Falamos aquí dela cando se referiu ó meu propio apelido.
Agora chégame o libro e agardo aprender moito das súas páxinas. Cada entrada está chea de suxestións: os xudeus, O Tío Marcos d´a Portela, os ríos de Galicia, indixenismo ou vasquismo, galegos e/ou portugueses, de francos e franceses, Gallaecia Germánica, do galeguismo de Cervantes, etc.
Un libro, sen retóricas, imprescindible.

Castes (Bieito Iglesias en ECG 22-XI-07)

Seica Madrid vixía de preto aos ultras. Pon o diario que o asasinato dun adolescente a mans dun militar nazista puxo no punto de mira da policía a numerosos bandos e partidos de extrema direita. Polo visto os cabezas rapadas, falanxistas, franquistas saudosos e fans de Hitler, todos a unha, entraron en campaña contra os inmigrantes. Ata hai pouco asañábanse con gais, mendigos e expoñentes da anti-España (aínda que destes apenas atopaban na capital, pois moran en Cataluña, País Vasco ou Galiza). No entanto, as actividades dos seus correlixionarios europeus abríronlles os ollos e agora saben que é máis rendíble emular o racismo de Le Pen e outras herbas. O pasdo día once, un manifestante que acudía a unha convocatoria baixo o lema "Contra el racismo antiespañol, contra la inmigración", matou a un rapaz que non era do seu palitroque. Asombra que existan unhas vinte organizacións ultradereitistas legalizadas, todas convictas de que hai unha raza española. Tal sopa de siglas delata un fracaso educativo imputable aos pais ou á escola. Calquera neno que dispoña dun atlas xeográfico informarase de que a raza branca (europoides) comprende nórdicos, bálticos orientais, alpinos, mediterráneos (inclúense aquí españois, italianos, franceses, marroquinos, libios, alxerinos ou exipcios), dináricos, orientálidas (árabes e xudeus), turánidas (Mar Caspio e por aí), indoafganos, anatólicos (turcos) e ainuidas (Norte do Xapón). Ou sexa que existen leucodermos pola vella, á rangalleira, aínda que o feito de termos a pel máis ou menos branca non ten outra consecuencia que a obriga de andar con tino na praia, ben untados de protector solar. Só a unhos becerriños (tanto se son de raza ibérica, rubia galega ou morena do norte, tipo boi caldelao) se lles pode ocorrer que os españois constituímos un grupo racial. Ata a chamada "raza calé" non é senón mestura de tipos indoafgano e mediterráneo, quer dicirse tan caucasoide coma nós.
Cómpre velarse, ai iso si, da xente de ruín caste.
NOTA: A ilustración procede de Enciclopedia Estudio. Libro Colorado, Madrid, Sucesores de Rivadeneyra, 1962 (4ª ed.), aprobado polo Ministerio de E.N. e co Nihil Obstat co censor e Imprimatur do Bispo de Girona, como se facían entón as cousas. (Forma parte da miña minicolección de libros de texto antigos, mercados aquí e aló, de cando en cando...)
Copia dunha carta (e a súa resposta)
Sr. Director de A PENEIRA

Coñezo o xornal A Peneira dende hai moitos anos, nel escriben algúns amigos meus e mesmo teño escrito sobre o valor desta publicación monolingüe, que aposta pola normalización do noso idioma e da nosa cultura, nalgún dos traballos que teño publicado sobre a historia da prensa galega.
Por iso é que me vexo obrigado a contarlle esta historia que segue.
Onte chego á Casa da Xuventude de Ourense, como fago a cotío, e Benito Losada, o seu director, tenme reservada unha sorpresa. Dime que se puxo moi ledo cando recibiu A PENEIRA e comprobou que no seu suplemento cultural KALAIKIA se lle dedicaban dúas páxinas enteiras, ben ilustradas, ó Outono Fotográfico de Ourense, que el mesmo dirixe. Encontra un artigo, asinado por X.R.FERNÁN e titulado “Vinte e cinco anos despois (1983-2007)” (páxs. 4 e 5 do suplemento) e ponse a lelo. Ó chegar ó segundo parágrafo a cousa sóalle a coñecida, moi coñecida. Segue lendo e comproba que, dende a primeira á ultima liña, sen engadir nada nin sequera introducir ese texto dalgún xeito, o que está a ler procede da transcripción literal do artigo do seu amigo Marcos Valcárcel que figura no catálogo e que el mesmo me pediu, co mesmo título.
Como é lóxico, queda abraiado por este PLAXIO descarado que algúns chaman agora, en plan fino, intertextualidade. Bastaría con introducir ese texto cunhas breves liñas para que a cousa tivera un sentido e, de paso, non roubar a autoría intelectual do meu traballo.
Así as cousas, esixo unha rectificación pública deste exercicio de rapiña intelectual polo propio ben do seu xornal, do prestixio que atesoura ó longo dos anos e da propia respectabilidade dos seus colaboradores e redactores. Quedo á agarda desa rectificación. Pola miña banda, co meu disgusto lóxico, permítome igualmente mandarlle un cordial saúdo,
Marcos Valcárcel, historiador
Ourense 22 novembro 2007

A resposta (correcta)

Estimado Sr. Valcarcel:
Prego acepte as miñas desculpas polo erro cometido por un colaborador deste Xornal plaxiando un texto da súa autoría. Ordenei e comprobei que xa se fixo a correspondente rectificación na nosa WEB: www.apeneira.com; rectificación que se fará extensiva na próxima edición do Suplemento KALAIKIA previsto para o vindeiro mes de decembro.
Unha vez máis solicito a súa comprensión así como agradezo as louvanzas que adica ó noso traballo. Moitas grazas. Reciba un respectuoso saúdo.
Guillermo Rodríguez -Director
Pintadas (2)
Pan por Pan xoves 22 nov.

Foron moitos os colectivos que, no paso do tempo, recorreron ás pintadas para facerse escoitar: nacionalistas (cantas espirais houbo nas rúas da cidade?), comunistas, ácratas, grupos sindicais, etc. Os ácratas usaron case sempre o castelán: “La virginidad produce cáncer. Vacúnate” estivo pintada perto das Carmelitas. Da mesma corda eran aquelas de “Temiño, obispo, nos dejas hecho cisco” ou “Vitorino, ladino, colocame el sobrino”. Algunha anarquista tamén vimos en galego: “Abaixo o Estado”. De fasquía feminista, sen dúbida, era o slogan “O corpo é noso. Non á represión sexual” que, segundo me contan, ata orixinou un sermón de predicación en contra da mensaxe por parte dun crego na misa de Santo Domingo. E unha das máis crueis que se poden imaxinar, sobre todo porque a pintaron na entrada dunha escola de neniños pequenos, pobres criaturas: “Os reis son os papás”.

21 nov 2007

Mas ofrece un proxecto transversal dunha Catalunya que decida por si mesma
(Titular de La Vanguardia)

O líder de CIU propón consulta popular e Govern de concentración se o TC tumba o Estatut

Mas renunciaría a ser presidente nun goberno de concentración
O presidente de CiU non planteará a autodeterminación se supón "fracturar" a sociedade catalana
O PSC acusa a Mas de "copiar" a vía Ibarretxe e de enmendar as teses de Pujol
Duran defende o dereito á autodeterminación pero subliña que non equivale a pedir a independencia

Mas substitúe siognificativamente o termo nacionalista polo de catalanista, mesmo para definirse politicamente el mesmo.

Vanse os nenos republicanos

Esperabamos a nova, pero vainos encher igual de tristura. Hai un tempiño foise o seu amigo Eduardo Haro Tecglen. Agora vaise el: Fernando Fernán Gómez, un dos xenios do noso cine, na direción e na interpretación. Vímolo en moitos grandes papeis, pero para moitos será sempre o mestre de A lingua das bolboretas, de José Luis Cuerda, sobre o texto de M. Rivas.
86 anos ben aproveitados, sen dúbida; un destino cumprido no mundo: axudarnos a soñar.
P.S. : Do lido nos xornais, o artigo que máis me gustou foi o de Antonio Muñoz Molina, en El País, "Querido Fernando".

Patrimonio e riqueza turística

Nun ciclo sobre a Galicia Sur, falou onte no Liceo ourensán Miguel Anxo González García, cóengo da catedral ourensá, sobre a riqueza patrimonial e monumental da provincia ourensá, a segunda en número de monumentos, despois de Palencia, de toda España.
O maior mérito do conferenciante foi ser capaz de dar, en corenta minutos e con diapositivas, unha imaxe xeral pero abondo completa desa riqueza patrimonial da provincia, facendo un percorrido exhaustivo por todo tipo de monumentos e paisaxes patrimoniais, dende a Catedral, o Santo Cristo e a Ponte Romana ata a Ribeira Sacra e os grandes mosteiros, pero pasando tamén por pequenos monumentos, igrexiñas, capeliñas, petos de ánimas, construcións populares, etc.
Subliñou o escaso coñecemento que moitos ourensáns teñen desta riqueza, anotou con sorpresa o abandono mesmo a nivel turístico de lugares como o Santuario das Ermidas (na imaxe) e loubou as políticas positivas de recuperación dese patrimonio: entre outros exemplos, citou expresamente as vilas de Allariz e Vilanova dos Infantes (estas, engado eu, gobernadas por dúas estratexias políticas ben diferentes, BNG e PPG). Denunciou ademais que o Claustro de San Francisco siga pechado e non se posibilite un sistema de visitas turísticas, moi demandadas nese lugar, de xeito que moitos visitantes teñen que marcharse sen poder velo.
A sala do Liceo estaba chea a rebosar e entre os asistentes estaban presentes o concelleiro de Economía e Facenda de Ourense e o delegado de Cultura da Xunta, Xosé Carlos Sierra.
Galego en pedra, 1151
Preséntase hoxe en Ourense.

O documento máis antigo en galego, digamos romanceado, é en pedra.
É unha lápida que apareceu nas excavacións exteriores da Igrexa de Santiago de Allariz e que presenta o Museo Arqueolóxico de Ourense como Peza do Mes hoxe mércores ás 8 da tarde en San Francisco, cunha intervención de Francisco Fariña, director do Museo, que elaborou un texto ad hoc, moi interesante.
Xunto con expresións latinas (Obiit fla.di. –morreu a serva de deus-, famula dei) aparece “María filla de Pedro Geçam” (con dobre ele). Do ano 1151. Non sei se a lectura estará ben. O ç antes da influencia provenzal, en fin, non sei (Información facilitada por Afonso Vázquez-Monxardín).

20 nov 2007


Pintadas (1).

Pan por Pan mércores 21 novembro

Nota previa: como outras veces, reciclo materiais nacidos no blog, hoxe mesmo. Gustáronme tanto algunhas das súas aportacións no fío da Auriense,
arredor das pintadas, que decidín facer unha pequena serie sobre as pintadas da cidade ourensá. Velaí a primeira entrega.

Na rúa de Camiño Caneiro, ó carón do cruce coa Habana, había unha pintada, aló polo 72, que dicía “Orense con Ferrol. Franco asesino”. En solidariedade coa folga obreira de Ferrol, debeu ser das primeiras na cidade, como lembra un lector do meu blog. Tras dela acoden á memoria, nun curioso cachón de relmbranzas, moitas outras. A cidade ourensá ten unha rica tradición de pintadas ácratas, bastante cachondas todas elas. Por exemplo, aquela xoia de “Grelos, sexo e muiñeira” que estivo en tempos nunha residencia feminina de Cardenal Quiroga. Perto do colexio Cardenal Cisneros houbo outra, moi provocadora cando chegaron as primeiras eleccións democráticas, a favor da abstención: “Haz como nosotros. La reina y yo no votamos” e asinaba o Rei. Co mesmo estilo, na rúa Cardenal Quevedo, aquela que rezaba: “Niezsche murió. Firmado: Dios”. E mañá seguiremos.


















Última hora: Manuel Vilariño, premio Nacional de fotografía 2207
A nova en Galicia Hoxe.
Ademais, soubemos de fontes ben informadas que no Premio Nacional de Comic, que gañou o catalán Max (Francesc Capdevila), quedou de finalista o debuxante ourensán David Rubín. Noraboa ós dous.
axenda: presentación do libro A FENDA DIXITAL E AS SÚAS IMPLICACIÓNS EDUCATIVAS e da REVISTA GALEGA DE EDUCACIÓN. Mércores 21 novembro, 19,30 h. na libraría Torga.
Participarán Xesús Rodríguez, Xosé M. Cid e Domingo Docampo.
Organiza Facultade de Ciencias da Educación (Universidade de Vigo) e Nova Escola Galega.
O principio sexto de Goebbels e a legal negación (Afonso Vázquez Monxardín en GH, 20 novembro)

Seguramente coñecen o nome de Joseph Goebbels e o de August Friedrich Kellner non lles di nada. E son dous alemáns para lembrar. O primeiro, sábeno, é un preparadísimo dirixente nazi, sensible coas artes, creador da manipulación política moderna e un abominable monstro que non dubidou en matar os seus seis fillos antes de se suicidar na caída de Berlín. O segundo, Kellner, un modesto inspector de xustiza, socialdemócrata, escribiu durante a segunda guerra mundial un diario titulado A miña oposición desde a consciencia de que a súa loita interna na Alemaña daqueles momentos era imposible. A propósito escribiu: "Non podería combater os nazis hoxe porque teñen o poder de calar a miña voz, por iso, decidín loitar contra eles no futuro. Dareilles ás xeracións vindeiras unha arma contra o rexurdir de tal demo: a miña testemuña dará fe dos actos bárbaros e amosará como paralos". E escribiu un diario de 800 páxinas que paseou medio mundo.
Pero hoxe imos lembrar o sexto dos dez mandamentos da teoría da propaganda elaborados polo sabio e criminal comunicólogo alemán (o principio da orquestración) aquel que en síntese di que unha mentira repetida continuamente pasa por verdade. Precisamente porque é así, nos países avanzados de occidente é delito a negación do holocausto xudeu. Porque o pobo hebreo xa padeceu varias veces na historia a infamia da mentira: desde as acusacións de asasinatos rituais de nenos na España medieval, aos protocolos de Sión, difundidos por verdade, aínda hoxe, nos medios islamitas, a dicir, que non houbo xudeus nas Torres Xemelgas. Contra a mentira criminal, é bo lexislar para impedir sequera a posibilidade de que a unión orquestrada de moitos medios poderosos puidese chegar a relativizar, arrecunchar, ocultar e acabar negando a verdade.
Por iso, a decisión do Constitucional Español amparando na liberdade de expresión o dereito dos neonazis españois de Cedade á negación do holocausto énchenos de tanta vergoña como a Ahmadineyad de satisfacción. Non me estrañaría que quixese subvencionar un próximo congreso de negación neste Madrid, capital dunha ridícula tolerancia. Mentres o bo de August Friedrich Kellner se ha de revolver na súa tumba alemá baixo a ollada triste de millóns de xudeus que chegaron ao ceo, directamente, desde as chemineas do inferno.

19 nov 2007

Seis anos da Sección de Literatura do Liceo
(Imaxe “La Gallega”, iustración de Labarta e Fusté)

O 26 de novembro do ano 2001 púñase en marcha a Sección de Literatura do Liceo. Fixémolo cunha ampla convocatoria a socios/as e amigos do Liceo e cunha conferencia miña titulada “Eduardo Blanco Amor: claves dun universo literario”, que incidía especialmente na pegada doutros escritores do mundo na obra do ourensán (por certo, aínda teño esta conferencia inédita en papel). Foron centos os actos celebrados dende aquela, algúns con máis entidade, outros con menos ambición, pero todos co mesmo entusiasmo.
Aquel novembro foi para min inaugural en moitos sentidos, só dous meses despois da gran traxedia do 11-S en Nova York. O 1 de novembro empezaba eu co “Pan por Pan” en La Región, que manteño puntualmente todos os días dende aquela (agás os luns, que publico un artigo longo en Opinión).
Volvendo á Sección de Literatura: o amigo José Carlos Martínez Pedrayo convidoume a dirixila. Uns meses antes puxérase en marcha a Sección de Arte e Historia dirixida por Miguel Anxo González García. Eu aceptei pero coa condición de formar un pequeno equipo para que a cousa fose máis creativa. Falei cunha serie de persoas (algunha dixo que non por motivos razoables) e aceptaron Delfin Caseiro, Teresa Devesa e Isabel García. Por motivos de traballo Delfín e Isabel tiveron que deixalo despois, andando o tempo. Na sección tamén colaboran a cotío José Luís Troitiña (peza clave na súa argamasa), Segis Bobillo, Xoán Fonseca e Loli Conde, unha das nosas recitadoras. Moitas outras persoas colaboran sempre que son requiridas e non podo aquí citalas a todas, pero entre elas están amigos como Afonso Monxardín ou Xosé C. Caneiro, entre moitas outras. Hai unhas 200 persoas apuntadas (socios e non socios do Liceo, a sección está totalmente aberta), que non teñen máis compromiso que deixar o seu enderezo para logo mandarlles un convite de cada acto.

O próximo luns, 26 de novembro, celebraremos cun acto estes primeiros seis anos. Acto ó que están convidados todos os ourensáns e no que haberá un pequeno recital de poesía popular galega. Eu darei unha pequena conferencia, agardo que amena, titulada “O pobo galego nunca parou de cantar: reviravoltas sobre a nosa literatura popular”. Ó remate haberá un pequeno agasallo, simbólico, para os asistentes. Están todos vostedes tamén convidados, por suposto.



para celebrar o 20-N
Unha portada de Le Monde Libertaire e o retrato de "Franco asesino" por Luís Seoane

Corenta anos como un cuartel
Andoliña 20 novembro
Foi un home pequeniño, medía un metro sesenta e sete cm. Era mal orador e tiña a voz afrautada, como de pito. Cando agora o representan na televisión ou no cine, o seu aspecto é inevitablemente ridículo. O seu único mérito foi gobernar España como un cuartel durante 40 anos, despois de encher os camiños de sangue cunha longa e cruenta guerra civil. Nunca tivo moitas ideas pero xa en 1934 se inscribira na Entente Internacional Anticomunista: preparaba o roteiro necesario para servir de ariete dos grupos reaccionarios de España.
Pasou toda a súa vida marcado por tres obsesións: o comunismo, a masonería e os partidos políticos e o liberalismo do século XIX. Os seus moitos aduladores, xornalistas, poetas do réxime, xerarcas de todo tipo, retratárono acotío como unha figura providencial, o condutor dun novo Imperio, colocado polo dedo de Deus para conducir o destino dos españois. El debeu chegar a crer tanta babecada. A súa crueldade está máis que demostrada: xa de novo mandou fusilar un lexionario por un incidente menor.
Co paso do tempo del soamente quedará unha imaxe arcaica e grotesca: agás para os que o tiveron que sufrir toda a vida, iso si.
Imperios de muerte (Xosé M. Núñez Seixas)

Polo seu interese, transcribo en comentarios nota editorial da edición do último libro de Xosé M. Núñez Seixas, Imperios de muerte. La guerra germano-soviética, 1941-1945 (Alianza Editorial).

18 nov 2007


Cousas que non se entenden
La Región 19 novembro

Liberdades. Debuxar os príncipes de Asturias na portada dunha revista de humor e sátira é neste país perseguible e obxecto de multa. En cambio, negar o xenocidio e o Holocausto entra nas marxes da liberdade de expresión, seica. Así o di o Tribunal Constitucional. Por favor, se hai algún xurista libre, que mo explique.
Quizais non teña nada que ver ou quizais si, pero esta semana Amnistía Internacional presentou o seu informe “Sal na ferida” tras investigar durante máis dun ano 13 procesos irregulares. Os resultados non son alentadores: AI fala de impunidade nalgúns casos de tortura policial en España, di que a tortura non é algo illado (golpes a persoas esposadas, patadas, ameazas de violación, etc.) e que o policía “está por riba da lei”. E denuncia que os sucesivos gobernos nada fan para evitar todo isto. Os xuízos ós culpables destes abusos, segundo AI, conclúen con sentenzas absolutorias por ser imposibles de identificar os axentes responsables dos mesmos.
Antes do 20-N. E para rematala, onte, en Tele 5 (La Noria), o ínclito Jordi dálle voz a tres representantes de grupos fascistas declarados (Democracia Nacional, España 2000, Movimiento Católico Español) para que defendan con detalle e arrogancia as súas teses xenófobas e racistas. Estebán Ibarra (Movemento contra a Intolerancia) e Pilar Rahola negáronse a participar no debate con tres personaxes que só representan correntes minoritarias e violentas, sen respaldo electoral real. Só o sensacionalismo máis nauseabundo explica esta privilexiada atención informativa a grupos de práctica violenta. Tres fascistas que se retratan a si mesmos: o de España 2000 confesou que era o avogado de Anela, asociación que axunta os clubes de alterne de España: suponse que as inmigrantes explotadas nos mesmos, disque a inmensa maioría das prostitutas en España, quedarían fóra deste discurso xenófobo, non?
Ultras de novo cuño. Agás algúns falanxistas nostálxicos, os novos ultras teñen pouco que ver cos que había no inicio da transición democrática, cando a extrema dereita era unha ameaza real ó sistema. Como lembraba esoutro día Florencio Domínguez (“La Vanguardia”, 14 novembro), recuperando unha tese de Mario Onaindía, os innumerables grupos de extrema esquerda e extrema dereita dos anos 70 foron desaparecendo con bastante rapidez á medida que se estabilizaba o sistema democrático: ultraesquerdistas de sempre espertaron un día convencidos de ser socialdemócratas de toda a vida; moitos ultradereitistas fixeron o mesmo integrándose na dereita civilizada daquela hora. Os grupúsculos violentos subsisten e o asasinato do mozo Carlos Javier Palomino enlaza directamente coas mortes da dominicana Lucrecia Pérez ou co do seguidor da Real Sociedade Aitor Zabaleta, entre outros. Un mínimo de responsabilidade esixe non darlle fiestras de propaganda ó discurso que lexitima esta violencia e a personaxes tan esperpénticos como os fachendosos líderes convocados en Tele 5.

(Nota: sustituín o breve comentario inicial por este, reformado e ampliado, que sae hoxe en La Región. O cambio de texto non afecta ós comentarios xa publicados).
Concerto en Compostela (de Apicultor)

Pois non supón ben, señor X.M. Gzez. : o concerto non foi grandioso. Correcto, aceptable, ben, pero non memorable.
Sae Camané: sobrio, frío, moi frío, profesional, canta sen apenas falar á concurrencia. Chega logo Mariza: voz prodixiosa e presenza incomparable sempre, e fai gala do seu encanto, mais faltoulle a paixón que lle vin derrochar a mans cheas, xenerosa, algunha outra vez si realmente memorable. Finalmente, Carlos do Carmo: senior, todo un cabaleiro, cerimonioso e elegante, curtido en tabernas e palacios; a voz xa non lle é a que foi, pero suple a carencia cunha máis que extraordinaria simpatía, que se agradece, e moito, polo respectable, quen o acompaña seguindo as súas indicacións. A coda é unha canción a pelo e a tres, entre o patio de butacas. Polo demais, un séguese preguntando que c... pintaba alí, entre eles, un bailarín carente da máis mínima creatividade saíndo a danzar, repetitivo e diría que patético, de cando en vez.
O Auditorio, repleto. O concerto, xa dixen, correcto, aceptable, pero non quedará indeleble na memoria. Touriño a quince metros dun, relaxado e sorrinte, e imponente Audi e chófer á mesmisima porta. Entre o público, outros famosos da política e da universidade: Bugallo, o alcalde; Petene, o da cociña das enquisas de Presidencia, gordísimo; Suso Seixo, o secretario xeral da CIG; Herminio Barreiro, o profesor de Educación; o catedrático de economía Xavier Vence e sra., Alba Nogueira, de Dereito Admnistrativo; etcétera.
Merquei no stand, o CD da película "Fados" de Carlos Saura, de estrena estes días; agora mesmo concluíu, precisamente. Depois, un chocolate quente con almendra, na parte vella. Ía bastante frío. (Quero deixar constancia do meu agradecemento a un bo amigo meu e de todos vostedes, que tivo a xentileza de agasallarme con dúas entradas das boas. Moitas grazas)










Cen anos de historia cultural
1985. Leliadoura. ‘Luzes de Galiza’





Imaxes: a primeira novela de Margarita Ledo. Retrato de Lois Pereiro, por R. Patiño. Cartel dogrupo Antroido.
A editorial Sotelo Blanco lanzaba no 1985 a súa colección de poesía Leliadoura, que contou co asesoramento de Basilio Losada e Xesús González Gómez e que duraría 12 anos. Entre os primeiros títulos estiveron Baladas nas praias do Oeste, de Manuel Rivas; Livro das paisaxes vivas, de Miguel Anxo Fernán-Vello; Seixo de desfacer entre os dedos, de Paulino Vázquez Vázquez; o primeiro poemario de Manuel Guede, Contra Serenou, e un dos grandes libros da poesía do noso tempo, os Cantos Caucanos, de Antón Avilés de Taramancos, que con este volume mereceu o Premio Nacional da Crítica.
Da mesma andaina son poemarios como O tempo na auga, de Fermín Bouza; Os laberintos da xerfa, de Rodríguez Barrio, premio Celso Emilio Ferreiro no 84; A lenda das árbores de prata, de Manuel Vilanova; O regreso das ninfas, de Manuel Forcadela; Ortigas da memoria, de Cesáreo Sánchez Iglesias; O corpo e as sombras, de Eusebio Lorenzo Baleirón; Memorial de brancura, IV premio Esquío, de Fernán-Vello; Sima-cima do voar do tolo, de Bernadino Graña; Lembranzas do areal, de Xavier Rodríguez Baixeras; Iniciación e regreso, de Xavier Seoane; Emaín, de Xesús M. López Valcárcel; Extramuros da noite, de Román Raña, e Historia do rock and roll, de Antón Reixa. Ediciós do Castro publicaba unha nova edición de Longa noite de pedra, de Celso Emilio, preparada por Xosé María Álvarez Cáccamo, e publicábase a antoloxía preparada por Xosé Lois García, Escolma de poesía galega 1976-1984 (meses antes saía tamén a de César A. Molina en Júcar). No campo da narrativa, hai que subliñar a aparición de obras tan relevantes como Arnoia, Arnoia, de Méndez Ferrín e Das cousas de Ramón Lamote, un auténtico bestseller na literatura xuvenil, de Paco Martín. No campo da ciencia ficción, Xosé Fernández Ferreiro sacaba A fraga dos paxaros salvaxes, finalista no Xerais 1984, e Lois Xosé Pereira, un autor novo e ata entón descoñecido, gañaba o Xerais 1985 con As horas de cartón. O premio Blanco Amor era nese ano para Xoán Manuel Casado, pola novela O inverno do lobo. Xavier Alcalá publicaba a súa novela Tertúlia; Margarita Ledo daba á luz Trasalba ou Violeta e o militar morto, e O Castro publicaba a Narrativa completa de Ricardo Carballo Calero. Na narrativa breve, saía O delirio do lume, de Antonio Costa Gómez. Na narrativa estreábase tamén Manuel Rivas, con Todo ben, novela curta inspirada no mundo do xornalismo deportivo.
Foi tamén o ano de saída de Luzes de Galiza na Coruña, unha das grandes revistas culturais das últimas décadas. Dirixida por Manuel Rivas, tiña no seu consello de redacción a Xavier Seoane, Lino Braxe, Antón Baamonde, Mato Fondo ou Miguel Anxo Murado e sacou os seus números 0 e 1 en xullo e novembro, co apoio de Ediciós do Castro. Entre os primeiros colaboradores estaban Xavier Alcalá, Xosé M. Martínez Oca, Xesús González Gómez, Xosé Chao Rego, Xosé M. Beiras, Fernán Vello, Antón Reixa e Xosé A. Castro. A moi coidada edición contaba entre os primeiros ilustradores da revista con nomes como Reimundo Patiño, A. Lamazares, Xaquín Marín, Alfonso Sucasas e Luís Seoane. O número cero ofrecía ademais unha entrevista de M. Rivas co poeta Lois Pereiro (Iste é un povo que sabe suicidar-se).
Morría no exilio o escritor ourensán Ángel Lázaro e en Galicia o poeta e erudito Xosé María Álvarez Blázquez e o arqueólogo Manuel Chamoso Lamas. Fundábase a Asociación Internacional de Estudos Galegos. Os cineastas galegos (Chano Piñeiro, Carlos Piñeiro, García Pinal, Daniel Domínguez, etc.) colleitaban éxitos no Festival de Cine de Figueira da Foz e rodábanse no noso país películas como La vieja música (Mario Camus), Los pazos de Ulloa (Gonzalo Suárez), La hora bruja (Jaime de Armiñán), e Monsignor Quixote, de R.Bennet, con visita de Graham Greene ó mosteiro de Oseira. No campo do ensaio e da investigación encontramos múltiples traballos de interese. Velaí: O galeguismo na encrucillada republicana, dous tomos, de Xavier Castro; Castelao e Souto en Valencia, de Pablo Porta; A prensa galega en Cuba e Castelao en Cuba, de Neira Vilas; A nosa literatura II, da A.C. Alexandre Bóveda; Loureses, de Manuel Mandianes; Os anos escuros, de Xosé Luís Franco Grande; Franquismo y transición política en Galicia, de Carlos Fernández, e Crónicas de una transición intransigente, de Lueiro Rey. Reeditábase o Cancioneiro de Paio Gomes Chariño, publicado por Cotarelo en 1934 (a cargo da Xunta) e nacía a colección de Clásicos Agrarios Galegos (Xunta de Galicia) con libros de Valeriano Villanueva, Nicolás Tenorio, Alfredo Vicenti e Prudencio Rovira. Xerais reeditaba a López Ferreiro con estudo de Anxo Tarrío. A RAG e a Barrié publicaban a edición crítica da Crónica Troiana, a cargo de Ramón Lorenzo. Carlos Alvar e Vicente Beltrán publicaban en Alhambra unha antoloxía da poesía trobadoresca galego-portuguesa. Jesús de Juana estudaba a Risco e Filgueira Valverde sacaba o seu III Adral. Na Biblioteca Galega de LVG saían El gallego, Galicia y los gallegos a través de los tiempos, de José Luís Pensado; El puerto de la Coruña en el s. XVIII, de A. Meijide Pardo; Las fronteras atlánticas de Galicia: de la prehistoria a la baja edad media; Temas de lingüística galega, de Constantino García; e a Historia del cine en Galicia, 1896.-1984, de Emilio C. García Fernández.

O señor Kubrick.

Pan por Pan domingo 18 nov.


O señor Kubrick é moito Kubrick. Fixo algunha das obras mestras do cine contemporáneo. Mesmo en obras que me gustaron menos, nunca me defraudou. O venres pasaron por TV “A chaqueta metálica”: era das poucas das súas cintas que aínda non coñecía e aproveitei a ocasión. Quizais non fun na estrea pola temática, para min desagradable: os modos de adestramento e tortura dos marines norteamericanos ata convertelos en máquinas de matar en Vietnam. Nunha crítica daquela hora (“Contracampo”?) dicíase que era case unha película fascista. Eu non vin tal. Dende logo, ten secuencias de desbordada crueza: a escena do suicidio do soldado patoso é unha das imaxes máis fortes creadas no cine do seu tempo. Acontece que a simple descrición do máis descarnado militarismo non anda moi lonxe do retrato do fascismo. Iso tamén é verdade.