28 sept 2006

SEGURO AZAR
(artigo de Damián Villalaín en A Nosa Terra, 21-27 setembro 2006. A imaxe é de El Roto, ese magnífico editorialista visual, en El País, 24 febr. 2006).

Rubianes e o Papa

O discurso de Joseph Ratzinger en Ratisbona aludía ao Islam de forma só marxinal e mediante cita dun crepuscular emperador bizantino do século XIV. Quen lea a conferencia papal completa, talvez coincida comigo en ver neste texto unha máis das consabidas críticas católicas a unha modernidade desnortada pola exclusión de Deus do seu modelo científico de interpretación do mundo.
No caso altamente improbable de que alguén tivese que sentirse ofendido polas palabras do Papa, seríamos os agnósticos e os ateos, ou simplemente os laicistas, os únicos que poderíamos reclamar ese parvo privilexio. Certamente, a única alusión de Ratzinger ao Islam, a que deu orixe ao novo batifundio destes días, está moi sesgada e conscientemente escollida, e en absoluto contrapesada por algunha reflexión autocrítica sobre as moi constatables relacións entre Cristianismo e violencia. Pero isto forma parte da batalla teolóxico-sectaria que no campo do monoteísmo vén desenvolvéndose dende hai moitos séculos entre os seguidores de Cristo e de Mahoma, de Deus e de Alá.
O único novidoso da situación, xa anticipada pola guerra das caricaturas, é que as palabras dun remoto rei, escritas na mítica Constantinopla de hai setecentos anos, susciten hoxe uns efectos fronteirizos co peor dos pesadelos. Eses efectos, que inclúen unha nova declaración de guerra de Al Qaeda contra o que esta organización segue a chamar a Cristiandade, recaen, ademais, sobre esa Europa cuxa tranquila descristianización é o motivo do polémico sermón ratzingeriano.
O espírito talibán avanza sincopadamente en todo o mundo. Pero non se manifesta só nos enfrontamentos relixioso-culturais nin é privativo das masas islamistas. Lendo o editorial dedicado polo ABC ao famoso caso Rubianes, advirto, de momento con máis preocupación que medo, que os talibáns tamén están aquí, entre nós, obtendo pequenos grandes triunfos, como a prohibición dunha obra de teatro porque o seu director blasfemou nun programa de televisión contra unha desas novas formas da divindade denominadas Patrias. A Rubianes, como ao Papa, tampouco lle valeu de nada disculparse, porque os talibáns se alimentan da ofensa e da aldraxe e non soltan a presa unha vez traban nela.
No medio do boureo, humillantemente reducidos a minoría silenciosa, imos quedando os ateos, os agnósticos, os que non cremos nin en deuses patriotas nin en patrias divinizadas. E semella que cada vez somos menos.







O cuarto pé do rexurdimento
(Andoliña xoves 28 setembro)

O pasado catro de setembro celebrouse o centenario da morte de Valentín Lamas Carvajal. Só os xornais GALICIA HOXE e La Región en Ourense lembraron a data. O Concello ourensán realizou unha ofrenda floral no monumento do Posío e inaugurou unha placa na rúa de Lepanto, onde estivo a redacción de O Tío Marcos d’ a Portela: un acto necesario, pero con pouca asistencia, por estar mal convocado. Esta semana, o Liceo ourensán celebra un pequeno ciclo de conferencias arredor do gran poeta cego e tamén un roteiro poético por lugares da cidade moi marcados na súa obra: o cemiterio de San Francisco, as Burgas, o Posío, o propio Liceo do que foi socio, etc.
Quizais non o debera dicir eu, por participar na organización destes actos, pero sorprendeume non gratamente o esquecemento desta data simbólica por parte doutras institucións culturais e colectivos sociais do país. Inxusto esquecemento porque Lamas foi o cuarto pé do noso Rexurdimento. Sen falar xa da súa poesía, só o seu libro O Catecismo do Labrego faino merecedor de todos os recoñecementos. E non esquezamos ademais que foi o fundador do xornalismo en galego: un dos medios que máis fixo por galeguizar este país de noso.
(Imaxe: Campesiña de Ourense, debuxo de F. Díaz e M. Pujadas, do álbum Os galegos pintados por si mesmos. A muller tradicional, ed. de Ricardo Polín, Xerais, 1996).

27 sept 2006


Cousas que non se entenden

Comenta Estalote no seu blog que á Fundación Manuel Puente, en Buenos Aires, hoxe conducida pola filla do egrexio galeguista, Rosa Puente, se lle negou unha subvención que recibía antes da Xunta de Fraga. Moito me temo de que esteamos ante un caso de ignorancia: que consulten, se é preciso, a biografía de Castelao por Paz-Andrade, onde conta que Puente ata chegou a xestionar a recollida de varios milleiros de dólares para atender a Castelao enfermo en Nova York, pouco antes de morrer.

Tamén souben estes días que á fermosa festa que se celebra cada 17 de Maio en Vilanova dos Infantes, a romería Raigame, lle foi denegada outra aportación habitual que recibía de Turismo da Xunta. Non sei se a romería cumpre os requisitos, pero si que é unhas das festas de maior galeguidade, con ampla participación de pobo, recuperación do labor dos artesáns, identificación dunha vila tan senlleira na nosa historia cultural, etc.
Que está a pasar aquí?
(Imaxe: detalle de "A Fornarina", de Rafael).

Ministros galegos en Madrid
(Andoliña mércores 27 set.)

Serve para algo ter ministros galegos en Madrid? Esa era a pregunta que se facía hai uns días o editorialista de El Correo Gallego e que se repite de forma recorrente cada vez que se forma un novo goberno no Estado ou cando se discuten os seus orzamentos. A pregunta é pertinente porque sempre houbo ministros galegos en Madrid: foi así na Restauración, e con nomes de peso, e tamén na Segunda República, en todo o franquismo e logo na democracia. Nomes e personalidades moi diferentes dende líderes conservadores ata republicanos de esquerda ou socialistas, como hoxe a señora Espinosa.
A pregunta tampouco é nova. Cedereille a palabra a Unamuno, que a respondía en carta ao xornal Coruña Moderna aló por 1906. Alí facía notar que sempre houbo galegos nos gobernos españois, "pero non se coñeceu que o fosen nin lograron darlle un sentido que recoñezamos como propio deles". Os galegos egrexios, engadía Unamuno, "en canto se elevan en Madrid a postos eminentes desgaleguízanse en todo menos no acento". O autor de San Miguel Bueno, mártir non era precisamente un entusiasta dos nacionalismos periféricos. Pero tiña bo ollo para recoñecer a realidade, sen dúbida

26 sept 2006

"El puto amo" (artigo de David Trueba sobre Fernando Fernán Gómez, El País, 26 setembro 2006, inicio do artigo).
En un país necesitado de supuestos símbolos de unidad, pocas cosas ayudarían más que la admiración compartida. Y sin embargo, como bien explica Fernando Fernán-Gómez en "La silla de Fernando", nuestra pequeña película-conversación con él, la característica común de los españoles no es la envidia, sino el desprecio. Y además, el desprecio a la excelencia. En este país los listos se tienen que hacer pasar por tontos para sobrevivir o aspirar al aprecio. La sinceridad está penada frente a la hipocresía. Y nadie se atreve a decir lo que piensa, sino que se esmeran en decir lo que los demás quieren oír. A la gente valiosa y descollante se le trata de encontrar un defecto, reducir a una caricatura para hacerlos asequibles. Y no es así, habría que enseñarle a la gente que ante ciertas personas, y Fernando es uno de los elegidos, el complejo de inferioridad está totalmente justificado.

O mundo de Hopper nos escenarios
(Andoliña martes 26 setembro)

O pintor Edward Hopper é un dos artistas máis singulares da contemporaneidade. Algunhas das súas obras, como Nighthawks (‘Falcóns da noite’), deixaron unha fonda pegada no cine, no teatro e na publicidade, convertidas xa en iconas do noso tempo. Soubemos agora polos xornais que Douglas Steinberg, guionista de series de TV como Sensación de vivir ou Luz de lúa, editou un libreto no que fará falar os catro misteriosos personaxes que se axuntan nesa cafetería nocturna de Nova York. Outras obras de Hopper inspiraron tamén a creadores como Hitchcock (Psicose), Win Wenders ou Herbert Ross, entre outros: velaí un bo exemplo de diálogo entre todas as artes.
Os seus cadros seguen cheos de vida e violan o paso do tempo. Nigthawks naceu en decembro de 1941, cando o seu autor cruzaba de noite, camiño do seu estudo, un ‘diner’ solitario de Greenwich Avenue. Disque tamén que a obra é froito da tristura e pesimismo que existía nos Estados Unidos tralo bombardeo de Pearl Harbour en 1941. En calquera caso, Hopper pintou a alma da soidade nunha gran cidade e deixounos unha peza tan chea de significados, que nos parece ver nas súas figuras o reflexo espectral do noso propio ser.
Tariq e as identidades
Afonso Monxardín conta hoxe, na súa columna semanal, as diferenzas entre Antonio Elorza e Tariq Ramadán sobre o debate do Islam, nos Encontros de Mondariz que organiza a Fundación Casares. Eu non puiden estar alí (ben que me pesou!) e gustaríame asistir en directo a esa confrontación dialéctica (aínda que, en principio, concordo máis cos escritos de Elorza). Con todo, transcribo aquí o final do artigo do amigo Afonso sobre as identidades, que me parece de moito interese para os lectores/as destas Uvas.

Porén, creo que maioritariamente nos seduciu a personalidade de Tariq. Con énfase, claridade, ollando de fronte, con firmeza e coa elegancia de que careceu o articulista de El País cando falou de Tariq ás súas costas, explicounos a súa dobre palabra en función do receptor para que chegase a mesma mensaxe en defensa da mesma idea reformista. Incluso nos contou unha simpática anéctoda sobre as identidades. Cando lle preguntan se el é antes musulmán ou europeo, contesta cunha parábola. Un poeta vexetariano, que é antes, poeta ou vexetariano? A resposta é obvia. Será poeta cando o consideramos en comparación con narradores e vexetariano cando falemos de preferencias gastronómicas, pero son cousas de esferas distintas entre as que non se ten por que escoller.
Así, a identidade da persoa, este tótem da liberdade do individuo occidental, está composta doutros moitos trazos identitarios propios, como poeta, vexetariano, loiro, europeo, filatélico, laico, madrugador, angloparlante e do Celta de Vigo. Por exemplo.
Se cadra é así. E por se fose certa esta cousa tan bonita, creo que occidente debería apoiar estas visións reformistas do Islam, porque Tariq é un deles e, creo, tamén un de nós. El calquera caso a política de só pau dos últimos anos, moito resultado non leva dado en favor dun mundo máis seguro e en paz. Hai que explorar outras vías. Pero rápido, rápido.

25 sept 2006


PODER E MILITANTES NO BNG
(La Región luns 25 setembro)

Vitoria ou derrota?
Varios comentaristas afirmaban nestes días que Anxo Quintana “gañara perdendo” no último consello nacional do BNG, cando saíu derrotada a súa proposta para facer a próxima asemblea do Bloque a través dun sistema de delegados. Dicían estas voces que Quintana se situaba de forma independente, confrontado ós seus apoios tradicionais, e obtiña un resultado estimable, aínda perdendo a votación. Pero eu non o vexo claro. É evidente que hai unha loita interna de poder e o debate dos delegados foi só unha escusa para medir forzas. Forzas repartidas entre o grupo próximo a Quintana, cun terzo dos votos (sumados os do PNG e algúns máis); outro terzo amplo en mans da UPG, e o resto dividido entre sectores distantes da dirección (Esquerda Nacionalista, camilistas, beiristas, etc.). Xogan tres minorías e calquera acordo depende do pacto entre un mínimo de dúas delas. Ata agora a UPG hexemonizou sempre eses pactos e nada indica que iso vaia cambiar no futuro, a non ser que se produza un tsunami político. O máis probable é un novo pacto entre o grupo de Quintana e a UPG como sucedeu na anterior cita congresual (agora sen Beiras, defenestrado sen carta de agradecemento polos servizos prestados).
Caudillismo consorciado.
A chegada ó poder, en coalición cos socialistas, non solucionou os problemas de organización e dirección política do BNG. Pola contra, empeorou a situación, desarmando o capital político da fronte para encher consellerías e direccións xerais. Isto provocou que as estratexias do BNG pasen a decidirse no ámbito gobernamental e creo que rematará por darlle a razón á predición que facía hai tres meses un atinado analista político (www.dpaso.blogspot.com): “imponse a evidencia de que BNG houbo relevos, pero non renovación e a pouco que se sexa democraticamente esixente se chega á conclusión de que mesmo houbo involución. Unha involución que deixa a porta aberta a unha sorte de caudillismo consorciado: Quintana na acción gubernamental, Aymerich na área parlamentaria e Francisco Rodríguez no control do aparato partidario”.
Militantes, non, grazas. O que si me pareceu surrealista foi a nova da dirección do BNG de Narón negándolle a entrada a un grupo de 14 simpatizantes por “non constar que sexan nacionalistas”, pese a ser xa militantes do sindicalismo nacionalista na CIG e algúns mesmo cargos medios desta central. E iso da “constancia nacionalista”, por certo, como se mide? É seguro que o son xa todos os militantes actuais do BNG? Alguén debería explicar o sucedido porque eu non o entendo: o Bloque debe ser o único partido no mundo que non quere máis militantes (e ten poucos, en relación ó país e ás outras forzas políticas parlamentarias). Quizais sucede que, por algún motivo, o BNG non quere medrar ou os que mandan na organización prefiren que todo siga igual: poucos pero ben escollidos. Un BNG que, como Peter Pan, se nega a medrar: ese si é o problema real do nacionalismo hoxe.
(Na imaxe, detalle de “O Cuarto Estado”, de G.Pelliza da Volpedo, o cadro que serviu tamén como soporte propagandístico da película Novecento, de Bertolucci).
).
Lembranza de Lamas Carvajal en Auria (no primeiro Centenario do seu pasamento)
Luns 25: O Ourense de Lamas Carvajal, conferencia de Miguel A. González García
Xoves 28 (18, 30 h.): Roteiro Lamas por lugares da cidade da súa biografía (Cimiterio, Posío, Rúa Lepanto, Burgas, Liceo)
Venres 29 (20,15): "Lamas Carvajal: o cuarto pé do Rexurdimento", conferencia divulgativa de Marcos Valcárcel e Afonso Vázquez-Monxardín

24 sept 2006

Nova tertulia. (Pan por Pan domingo 24 set.)
O venres pasado naceu unha nova tertulia en Ourense, cidade cunha longa tradición a este respecto. Foi iniciativa común do amigo Antonio Piñeiro e máis deste cronista: el suxeriuno hai un par de semanas neste xornal (La Región) e puxémonos ó conto. A acollida da idea foi excelente e o venres xuntámonos no Liceo, casa sempre xenerosa, quince persoas relacionadas co mundo cultural e coa prensa: médicos, profesores, historiadores, filólogos, artistas, arqueólogos, etc. O obxectivo deste faladoiro non é outro que crear un novo espazo de opinión e conversa, agradable e informal, entre persoas que miramos o mundo con certa inquedanza. O primeiro éxito foi comprobar que amigos de diferentes sensibilidades políticas podemos compartir un diálogo enriquecedor sobre un moi amplo abano de temas: isto xa se logrou. E creo que non é pouco. (A foto é do amigo Xulio Outumuro, tamén membro da tertulia, que, como é lóxico, é o único que falta dos que participaron o primeiro día).

O DEMO NA CULTURA POPULAR
(Andoliña sábado 23 setembro)
Manuel Quintáns Suárez é un vello coñecido dos lectores deste xornal. En “O Correo Galego”, antecesor destas páxinas de hoxe, publicou diversas series sobre literatura popular galega, coas cabeceiras “Cancioneiro galego” ou “Refraneiro e cancioneiro da Fisterra galega”, entre outras. Chéganos agora o seu último libro, publicado por tresCtres, co título “O Outro Mundo na cultura popular galega”, que ofrece un amplo percorrido polas crenzas da nosa cultura tradicional inmaterial arredor do Ceo, a Terra e o Inferno, Deus e o Demo, as bruxas e o curandeirismo ou os diversos males do espírito.
A maior aportación desta achega do profesor Quintáns é a rica documentación que nos fornece, recollida en comarcas afastadas entre si: as Terras de Soneira, Fisterra, Xallas e Outes e, doutra banda, as contornas de Celanova, A Limia e Baixa Limia e outros concellos ourensáns (con datos de M. Castro Mera). Dende eses materiais, e seguindo as teses de V. Mokienko, descóbrenos facianas ben sedutoras sobre a permanencia do demo no mundo, a corte do demo e a súa plural morfoloxía animal e humanizada, a sabedoría e bondade de Deus e do Demo ou sobre a consideración negativa das lavandeiras da noite.

23 sept 2006

Cómo se construye un relato (J.J. Millás, Interviú, 18 set. 2006)
Creo que moitos pensamos o mesmo que J.J.Millás ó escoitar a entrevista con Natascha Kampusch. Publico o inicio do seu artigo, magnífico, en Interviu, pero paga a pena lelo completo aquí.

El vídeo de Natascha Kampusch debería pasarse en todos los talleres de escritura creativa del mundo. Da una lección increíble de cómo se construye un relato. Los detalles, ahí está el secreto: como cuando cuenta, por ejemplo, que en la calle reproducía la sonrisa de la foto publicada en los periódicos para ilustrar la noticia de su secuestro. Habían pasado cuatro, cinco, seis años… La niña real ya no se parecía en nada a la de la fotografía, pero Natascha confiaba en que alguien reconociera aquella sonrisa. Si se hubiera tratado de una historia de ficción, a pocos creadores se les habría ocurrido algo así. Sólo a un genio. Ese gesto, por otra parte, en alguien que está física y psicológicamente atado a otro, contiene un grado de patetismo que provoca en el lector un movimiento de compasión, de empatía, de lástima. Es el tipo de precisión narrativa que contamina todo el relato, que lo hace creíble. Yo, piensa el lector, habría hecho lo mismo.Luego está el asunto del ventilador. De lo primero que se queja Natascha al referirse al zulo, no es de su tamaño ni de altura ni de su oscuridad, sino del ruido del ventilador. A pocos creadores de ficción se les habría ocurrido un detalle tan eficaz. Es evidente que un agujero necesita ventilación mecánica y la ventilación mecánica produce un zumbido enloquecedor si uno está condenado a oírlo 24 horas. Perfecto.
NACE UNHA NOVA TERTULIA EN OURENSE

O pasado venres, ás catro e media da tarde, xuntámonos un grupo de amigos no Liceo de Ourense coa intención de poñer en marcha unha tertulia semanal. A idea foi do amigo Antonio Piñeiro que suxeriu algo parecido nun seu artigo e eu recollín o reto, porque andaba pensando nel hai meses e por fin o vin como algo viable e enriquecedor para todos. Así que autoconvocámonos unha serie de persoas vencelladas ó mundo cultural e á prensa para manter esta cita semanal, todos os venres, no Liceo. Esta institución, sempre xenerosa, deixounos o local e alí estivemos ó carón da tertulia xa histórica na que comparten lembranzas e opinións Martínez Pedrayo, Julio Losada, José Fernández Rodríguez e Augusto Valencia, entre outros.

Quixemos deixar constancia histórica da fundación da tertulia (22 setembro 2006) con algunhas fotos. Aí estamos (de esquerda a dereita e de abaixo arriba):
Baldomero Moreiras, Marcos Valcárcel, César Ansias, Abelardo de Gabriel
Xulio Outumuro, Segismundo Bobillo
José Paz, Javier Casares, Rosendo Fernández, Xosé Mª Eguileta, Felipe Ferreiro
Serafín Alonso, Xulio Prada, Xosé Ramón Quintana, Antonio Piñeiro.

Excusaron a súa asistencia, nesta ocasión, Andrés Mazaira, Lalo Pavón, Xavier Paz, Monxardín, Pablo Sánchez Ferro, Benito Losada, Santiago Lamas, David Simón, Millán Picouto, Carlos Varela e Ignacio Rodríguez, pero estarán nas seguintes citas, como tamén estarán, entre outros, Xoán Fonseca, Emilio Fonseca, Xulio Fernández, Eduardo Núñez e Alberto Rivero. Unha matización importante: non temos vocación de tertulia machista, pero de todas as convidadas (11 mulleres do mundo cultural e da prensa), de momento non asisitiu ningunha e moitas excusaron a súa participación por problemas de falla de tempo ou doutra índole.
Buscouse unha presenza maioritaria de xentes da cultura ou relacionadas coa opinión na prensa escrita. Profesionalmente, hai variedade: médicos, profesores, artistas, arqueólogos, historiadores, filólogos, etc. Quen os coñeza percibirá tamén a fonda diversidade ideolóxica dos convocados, o que non impediu a conversa agradable e pracenteira entre todos. Moi ó contrario.
Na primeira xornada houbo de todo e sería imposible resumilo aquí. Só dicir que falamos dos funcionarios e da Administración, dos problemas do ensino e da falla de educación en moitas familias, da realidade da sanidade e da Lei do Menor, da Universidade e das programacións de televisión, das posibilidades da tradución por medios informáticos e da propia historia das tertulias ourensás. De momento, aínda non houbo debates políticos de fondo nin tampouco se falou de fútbol.

22 sept 2006

Gatos rifando, de Goya
Para os moitos lectores e lectoras interesados en temas de arte, velaí unha páxina sobre o mundo dos gatos (www.milgatos.com) que se ocupa dos artistas do século XIX que levaron os gatos ás súas obras e tamén noutras épocas da antigüidade ou da actualidade.

21 sept 2006

Buscando a malagueña...
Sería algunha destas a malagueña que lle recitou uns versos a Bieito Iglesias (Naranjas y limones, de Julio Romero de Torres, e Contrariedad, do mesmo autor, por certo cunha melancolía case "galiciana").
Que fai un ourensán en Málaga?
(Un dos excelentes artigos dos xoves de Bieito Iglesias en El Correo Gallego, na serie Pan e Coitelo).
Malagueña
Estou na terraza dun restaurante, en ruela inmediata ao paseo peonil Marqués de Larios. O meu humor devece pola escaseza das doses e o prezo desorbitado dos menús. Saboréase unha cociña a base de sopas frías -allo branco-, de porco e frituras de peixe, co galano dunhas berinxelas rebozadas en mel de cana. Ora ben, unha gastronomía na que brillan pola súa ausencia as costilletas de vitela resulta hostil para un padal ourensán.
Sucédense os pedichóns que non te deixan remoer tranquilo, que che tocan o nabo con guitarras -Y moliendo café paso la vida-, con palmas, clarinete, trompeta e acordeón, instrumento este último tanxido por unha requitropa de xitanos romenos. Certa señora empéñase en recitarme un verso da súa autoría, éntrame co pretexto de que lle parezo triste: aínda que che acabe de tocar a lotería, a ollos meridionais un galego sempre será a viva imaxe da desolación. A pobre poetisa tropeza coa tacañice, un trazo idiosincrático galiciano máis característico que a melancolía. Non lle dei un can.
Na Praza da Constitución, uns vivos -na xiria acubanada do meu avó tal adxectivo significaba trampulleiros- esfórzanse en cargarlle os mortos do Once de Marzo aos socialistas. Envólvense en pancartas e convocan unha concentración inquisitorial. Quen puxo as bombas? Velaí a inquisición. Trátase dunha pregunta retórica, pois os pancarteiros cren coñecer a resposta malia non teren o coallo de acusar a Zapatero. Dou grazas por residir en Santiago, onde non teño a impresión de vivir estrañado entre alieníxenas como os descritos no filme Os ladróns de ultracorpos.
Que pinto en Málaga? Viñen saber de Antonio Rodríguez López, soldador auriense que chegou a magnate da construción, a guiar un Ferrari e a presidente do equipo de fútbol local, antes de ser asasinado en Torremolinos, en 1971. Recibiu tres puñaladas e retrucou con dous tiros que arrebollaron o agresor. Un heroe do noso tempo sepultado polo rebumbio de Giles e Pantojas, polo trebón das actualidades.

Liberdade de expresión (tamén en Turquía)
Unha novelista turca, Elif Shafak, debe comparecer nestes días diante da Xustiza de Turquía por unhas palabras sobre o xenocidio turco contra o pobo armenio nos anos finais do Imperio Otomano. Turquía non recoñece a súa responsabilidade nese feito histórico e xa houbo outros autores condenados. O curioso deste caso é que non foi a escritora quen pronunciou esas palabras, senón uns personaxes, de orixe armenia, da súa novela “O bastardo de Estambul”. Pero é a escritora, en cambio, a acusada de proferir “insultos ó carácter xenuinamente turco”. É evidente o absurdo do proceso: non se pode confundir a personalidade do autor coa dos seus personaxes. Dostoievski non era un asasino, nin Shakespeare nin Patricia Highsmith e fixeron falar e deron vida nas súas obras a moitos asasinos. Sorte que non os pillaron os xuíces turcos.
Virxilio, premio Casa dos Poetas
Este blog xa ten ata fotógrafos de axencia propios (é broma). Un amigo mándame esta foto de hai un par de semanas, do xantar na entrega do Premio Casa dos Poetas de Celanova ó pintor Virxilio. Na imaxe están Virxilio e Ferrín en primeiro plano, xunto con José M. Lazcano, Luis Cochón (que fixo a laudatio do pintor), Xoán Fonseca e eu mesmo.

Raíces dunha cinefilia afastada
(Andoliña mércores 20 setembro)
Grazas ao milagre do DVD, a miña filla está a descubrir o cine clásico e iso permitiume revisitar nestes días xoias como Vertixe, Rebeca, Eva ao espido, Psicose, Ao leste do Edén, A gata sentada sobre o tellado de zinc, Días de viño e rosas, etc. Marabillas todas elas nas que sempre hai algo novo que descubrir, aínda que se vexan vinte veces: por iso é que lles chamamos clásicos. Obras mestras que elaboraron, sobre todo no cine americano dos anos 40 e 50, a linguaxe desta arte fascinante. Cantas películas de hoxe terán a sorte de pervivir no futuro tan cheas de significados?
Tiven unha etapa cinéfila na miña vida: traballei en varios cine-clubs de Ourense e Compostela (e tamén na Federación Galega e nas asembleas españolas), fixen crítica cinematográfica nos xornais, vin cine de todas as latitudes e épocas (e na Facultade, co profesor Hueso, todas as grandes obras do cine mudo). E acudo ao arquivo da memoria e lembro que todos estes grandes clásicos eu xa os vira con 14 ou 15 anos. Porque a miña cinefilia viña dunha época dourada de TVE: cando a tele emitía acotío ciclos de Hitchcock, John Ford, Henry Fonda, Gary Cooper, Ingrid Bergman, etc. Que sorte tivemos os mozos daquela!
(Na imaxe, Anne Baxter en Eva ao espido, sen dúbida unha das mellores películas sobre o que significa o mundo do cine e do teatro (por dentro) xunto con O crepúsculo dos deuses e a inmortal Gloria Swanson).

19 sept 2006

Gañar perdendo?
Leo varios comentarios (X.Luis Barreiro na Voz, liña editorial de Galicia Hoxe, no mundo blogueiro Dpaso) que dan a entender que Anxo Quintana gañou o pasado sábado, no Consello Nacional do BNG, perdendo a votación que propuña para implantar o sistema de delegados na próxima asemblea desta forza política. Vaia por diante que considero que o tema non me parece oportuno nin urxente, entre outras cousas porque o BNG non medrou significativamente dende a anterior asemblea (e ese si é un problema real, por qué non medra ou aínda perde militantes?).
A famosa votación foi unha loita de poder, como case todo dentro do Bloque, e reflicte a correlación de forzas internas: simplificando moito, un terzo escaso para o grupo de Quintana (co apoio simbólico do PNG e R.Mera); un terzo amplo para a UPG, e o resto para todos os que quedan repartidos (beiristas, Esquerda Nacionalista, exUG, Movemento pola Base, etc.). O que eu vexo, pois, é isto:
(1) Quintana pon as súas cartas sobre a mesa pero demostra o seu escaso control do aparato político da fronte.
(2) Demostra tamén que, coma sempre, Quintana non pode facer nada sen a UPG, que segue sendo o núcleo hexemónico: é previsible que os pactos futuros vaian, pois, por esa liña. De non ser que a UPG non decida prescindir de quen chegou a ese posto como "un mal menor".
(3) Todos os demais reunidos seguen sendo moi minoritarios e, como case sempre tamén, aínda se dividen (velaí o PNG, sempre tan oficialista). Hoxe é tan difícil unir todos os núcleos do Bloque de características afíns como o foi sempre: e nunca se logrou, ata agora.
Conclusión: o Bloque non vai cambiar, cando menos a curto prazo, a non ser que se produza un tsunami político.
E o máis surrealista: a negativa dese grupo de simpatizantes de Narón ós que se lles nega integrarse no BNG por non ter demostrado a súa condición nacionalista. E iso como se demostra, por certo? Quen asegura que os militantes do BNG de hoxe si teñen ese "carisma"? Ou sequera que son galego-falantes habituais?
Conclusión engadida: velaí o único partido no mundo que non quere aumentar o seu número de militantes. Un bo tema de reflexión e estudo para os politólogos...