
Castelao, o Diario 1921, as vangardas
Castelao non entendeu as vangardas artísticas do seu tempo. Ou quizais non quixo entendelas. E dicilo así non é un aceno desprezativo co xenial rianxeiro. Basta ler o seu Diario 1921 para percibirmos ben isto: coñecía Castelao a obra e os manifestos dos futuristas, pero fala deles sen entusiasmo; cualifica como "tolerías" as obras e mostras dos dadaístas e amosa certas contradicións respecto do cubismo. Chega a dicir que Picasso é un farsante ("Con todo eu penso que Picasso é un farsante, ¿que terá que ver Picasso, catalán, co esprito occidental?"). Outras veces fala da antipatía que lle provocan os movementos revolucionarios na arte e da súa "moita desconfianza das revoluciós feitas por homes de gran cibdade".
Castelao púxose á defensiva fronte ás vangardas: non era ese o tipo de arte que el amaba. Risco tivo unha postura máis aberta a este respecto, sobre todo como mediador ideolóxico para achegar esas vangardas ós poetas novos, con Manuel Antonio á cabeza. Entre a tradición e a ruptura, Castelao optou pola tradición: o aceno popular dos cruceiros e do románico galego, os artistas rusos que coñece en París, a obra dos primitivos flamencos, holandeses e alemáns, etc.




















