Chegaron ós centros de ensino, como todos os anos, os materiais do Día das Letras Galegas. E como outros anos, entre eles figura unha Unidade Didáctica de Educación Secundaria (non sei se tamén se fixo para Primaria) sobre María Mariño.
Esta Unidade contén uns datos biográficos mínimos e unha serie de entrevistas a escritores galegos sobre a escritora homenaxeada, ademais dalgunhas actividades e u
nha escolma de poemas.Máis ou menos como todos os anos: noutras ocasións había máis traballo de investigación (e, sobre todo, de documentación fotográfica) no lugar das citadas entrevistas a escritores (nove autores/as, supoño que escollidos ó chou).
Como vostedes lembrarán, o ano pasado este tipo de Unidades (que daquela faciamos AVM e eu mesmo) eran un despilfarro inútil de fondos públicos e materias pouco valiosos e proveitosos. Por iso mesmo, supomos, Carlos Callón e os dirixentes da MNL acudiron ó rexistro da Xunta a devolvelos, eles moi indignados ante tamaña ignominia. Non lles importou por iso desprezar dese xeito o autor homenaxeado (daquela Lugrís Freire) e, ademais, ós seus familiares e ós autores das unidades (tanto no plano teórico, nós, como no técnico e de deseño).
Pois ben, as unidades deste ano son moi semellantes e se lle poden aplicar os mesmos improperios e lamentacións daquela hora. Na filosofía dos protestantes de onte, con isto non se dignifica a cultura galega e só se malgastan os cartos públicos.
Os que así pensaban, antes, supoño que seguirán pensando o mesmo: por iso agardo que un día destes de novo C.Callón e os seus amigos/as acudan solícitos ó rexistro da Xunta a devolver os materiais das Letras Galegas 2007.
E, en aras da xustiza equitativa, sería bo que chamasen de novo polos medios e enchesen os xornais de fotos da súa indignada cólera...




















