1 mar 2008

cousas da campaña

Nun xiro estratéxico, o PP revírase contra o BNG e Baltar proclama: o BNG non é galeguista (informa Vieiros).

Na enquisa de Sondaxe para LVG, gaña o PSOE por 3,5 puntos. O BNG sobre a súa porcentaxe (do O,8 ó 1,1).
O PSOE logra máis apoio dos novos votantes, aínda que un 4,3% do seu electorado vaise ó PP. O sondeo detecta un amplo trasvase de votos de esquerda en favor de Zapatero:
Así, os trasvases de voto procederían fundamentalmente de Esquerra Republicana de Cataluña (15%), BNG (14,3%) e en menor medida Izquierda Unida (13,2%). Todos estes apoios mobilizados pola consigna do voto útil compensarían a relativa debilidade do chan electoral do PSOE. Os populares só contarían co reseñable trasvase de votos procedente do electorado de Coalición Canaria (un 25%).

"Chequeos, mapas y retratos", de Juan José Millás (Interviú)
Violencia doméstica (vía Margarita)

Ver video.




Premio Vicente Risco de Creación Literaria 2007

Presentouse hoxe en Auria, nun acto que contou co autor e coa presenza de Camiño Noia e Olegario Sotelo Blanco (editor).

Aproveitei para felicitar ó amigo Xosé Vázquez Pintor por este premio, polo premio da AELG e por outros recoñecementos: en Cuba presentouse unha escolma da súa poesía realizada por unha autora cubana.
Polo que se dixo na presentación da novela, creo que paga a pena lela. Velaí o texto (só o inicio) da lapela:
Cunha estrutura encabezada por poemas de Safo de Lesbos, a protagonista vai esmiuzando, nun xogo de intertextualidades, o que é a súa vida, marcada por un pasado de relacións imposibles de esquecer, dende a primeira infancia ata o momento presente. Vázquez Pintor, cunha linguaxe luminos e unha poeticidade de imaxes que esixen do lector unha participación activa, explora algunha das vetas máis escuras do ser humano, a soidade, os grandes traumas, a dor estado lacerante, para deixar constancia da catástrofe emocional que supón enfrontarse a vivencias límite.









Da antiga Compostela

Do libro que comentamos máis abaixo, tiro estas dúas fermosas imaxes. Á esquerda, o Calexón das Trompas co convento de Belvís ao fondo.


¡Calade, ouh ventos nouturnos;

calá, fonte da Serena,

que alá por cabo das Trompas

quero oír quén chega!

A outra imaxe é moito máis coñecida (á dereita),o Pórtico da Gloria da Catedral cara 1930 nunha foto de Ksado.

Santos e apóstoles, -¡védeos!- parece

que os labios moven, que falan quedo...


Compostela.
Pan por Pan sábado 1 marzo

Como sería a Compostela do século XIX, na que viviu a nai fundadora das nosas letras, Rosalía de Castro? Hai algúns estudos históricos que poden dar pistas ó respecto, pero a propia poeta deixounos unha xeira de poemas nos que a cidade compostelá está ben presente: “Na Catredal”, “Amigos vellos”, “Sin terra”, “San Lourenzo”, etc. Era o Santiago das igrexas e das campás, e das neniñas pedindo na porta da Catedral, e tamén a Compostela que vai río arriba cara Padrón. O Consorcio de Santiago e a editorial Alvarellos veñen de axuntar eses poemas, un total de once, nun volume titulado “Versos a Compostela”, introducido por Xesús Rábade Paredes, en edición bilingüe, cunha serie de fotos antigas, dos tempos da poeta. A Compostela da permanencia que xa anunciaba Rosalía: “I as pedras quedan..., e cando eu morra,/ ti, catredal,/ ti, parda mole, pesada e triste,/ cando eu non sea, ti serás”.
éche o que hai: López en Galicia Hoxe (1 marzo)

29 feb 2008


Ciumes (Brincadeira. Vía Lula Fortune)

Seica houbo ciumes no equipo contrario. O seu departamento de Promoción quere poñer as cousas en claro: velaí os teñen.
en poleiro alleo

O monstro, de Xosé Cermeño (GH 29 febr.) : dos ecos de don Álvaro Cunqueiro...

Memorias dun neno bretón, de X.L. Méndez Ferrín (FV. 29 febr.) : dos ecos do Nouveau Roman...

PEPEROS ESCOZÍOS (Brincadeira. Vía Apicultor)
“Mateina porque era miña”.
Pan por Pan venres 29 febreiro

Nesta coñecida frase está a causa final da violencia machista. Pódeselle dar moitas voltas, pero todas conducen ó mesmo lugar: os bestas capaces de matar unha muller ou de pegarlle unha malleira converten ese suposto ser querido nun obxecto máis da súa propiedade. Actúan así á marxe do seu nivel cultural ou económico. O mundo cambia, por sorte, e conceptos novos como a liberdade da muller ou a igualdade de sexos non son acollidos por todos con compracencia. E entón xorde a besta, que non quere que lle movan o seu mundo de ideas fixas. E reacciona coa violencia propia das bestas, a única linguaxe do dogmatismo e da brutalidade. E asistimos impotentes ó goteo de víctimas, unha, dúas, catro nun día... E só pensamos que isto rematará algún día. Como rematou a escravitude. Como rematará a tortura, a guerra ou a pena de morte. Oxalá sexa cedo.

28 feb 2008


en poleiro alleo
Machos asesinos, de Pedro de Silva (Faro de Vigo, 28 febr.)

El asesino patológico, que goza matando, es muy poco frecuente. En general se mata buscando algo, o sea, por razón de utilidad. En la violencia machista se mata, lisa y llanamente, para defender la propiedad sobre la mujer. Éste es el fondo del asunto. Mientras domine en la mayoría de los hombres la idea de que la mujer es de su propiedad, se darán las condiciones para la violencia machista, aunque las más de las veces el sujeto se reprima, y sólo aflore de modo cruento en individuos aislados. Más al fondo todavía, esa idea de propiedad sobre la mujer va unida a la idea más castiza y tradicional de familia. Dicho de forma algo brutal, tras un machista violento late casi siempre un defensor a ultranza del viejo modelo familiar, de raíz patriarcal y machista. La violencia surge, como resistencia, cuando sube la marea social para superar ese modelo y el agua le entra al macho en casa.

en poleiro alleo

Bieito Iglesias tamén escribe sobre o debate
(veredes como alguén tamén lle chamará colonizado)

Platón deixou dito que o amor é un pulo cara a excelencia e Lourenzo o Magnífico secundouno afirmando que se trata dun apetito de beleza. Pois ben, as cámaras de cinema ou de televisión experimentan ese impulso e ese apetito, son como raparigas namoradizas que un día se prendaron do xove Eastwood ou das meniñas dos ollos de Paul Newman e hoxe langrean polos ósos de George Clooney. Desde o momento en que a política se vedettizou (con John Fitzgerald Kennedy), resulta moi difícil triunfar cun líder que careza de boa percha. Ata os líderes revolucionarios han ser belidos como o Che Guevara se queren que a mocidade os coloque por riba da banceira da cama en lucido cartel.
Sospeito que se non houbo debates en eleccións anteriores
foi porque Aznar quedou escaldado despois dos cara a cara con González, debido ao seu bigote que evocaba sketchs de cine cómico. Raxoi aceptou a regueifa porque tiña pouco que perder e, de perdidos, ao río. Falou braceando enerxicamente e mesmo se permitiu algunha difamación (acusou ao candidato socialista de agredir ás vítimas do terrorismo), mantívose firme e altaneiro, como eses oradores que badúan empoleirados nunha caixa de fruta, pero a condenada cámara acariñaba o sorriso de Zapatero e transmitía reflexos dos seus iris celestes. Como os políticos falan para a feira -para as sectas respectivas-, uns dirán que gañou Xan e outros que venceu Perillán, no entanto ficou moi claro quen pode en telexenia. Por baixo da esgrima dialéctica e dos reproches cruzados polos candidatos, a pantalla cantaruxou todo o tempo un vello tema dos Sírex: ¡Qué se mueran los feos, qué no quede ninguno!. Non é milagre que os inquéritos das cadeas xeralistas desen como gañador ao Presidente en funcións. Tampouco foi casual que ZP se despedise cunha frase (Boas noites e boa sorte) dun filme do Clooney. Só lle faltou choscar o ollo.

en poleiro alleo
(Foto: Cris Tobío, de ECG)

Panfleto antipedagóxico (Anxo Tarrío, Galicia Hoxe 28 febr.)
Anxo Tarrío comenta o "panfleto" de Ricardo Moreno Castillo do que xa falamos nesta casa hai uns meses.

Amancio Prada canta temas do músico francés Leo Ferré (ECG 28 febr.)
La niña de Lerroux, de J.M. Ponte (Faro de Vigo 28 febr.)

27 feb 2008

O debate da galega (primeira impresión)

Núñez Feijóo para min estivo mellor que Rajoy. Pérez Touriño, máis académico, semellaba ás veces un profesor dando clases na Facultade de Económicas. Quintana foi o máis político no enfoque e nos contidos: levou as cousas ó seu rego e expuxo moi nidiamente a posición que lle interesaba ó BNG. Quintana só criticou, na práctica, ó PP: quizais algún dardo contra o PSdG-PSOE sería máis rendible no plano electoral.
Por varias veces houbo confusión no obxectivo do debate: semellaba máis ben un debate de balance do goberno autonómico bipartito, en bastantes casos. (Pero non houbo división á hora de defendelo por parte de socialistas e nacionalistas).
En cambio, sobre todo na primeira parte, houbo tempo para propostas concretas, programáticas: neste aspecto, mellor que a confrontación Rajoy-Zapatero.
No aspecto formal eu daríalles un empate técnico ós tres, arredor do seis. Núñez Feijóo, moi serio, case cabreado. Os outros, con sorriso un pouco forzado. Sería de agradecer un pouco máis de naturalidade.
No fondo e nos contidos Quintana levaría un 8, Touriño un 7 e Feijóo un 6 (só é a miña humilde opinión).

DEBATES ELECTORAIS
Andoliña xoves 28 febreiro

Co que se leva escrito sobre o debate do luns entre Rajoy e Zapatero hai para xuntar un volume ben gordo: no meu blog quedou a miña opinión con detalle e un amplo debate ó respecto. Como é lóxico, ós votantes de dereitas gustoulles máis Rajoy, polo xeral; e ós de esquerdas, Zapatero. Creo que Rajoy deu a imaxe que os socialistas agardaban: sobre todo no seu tratamento tan monocorde e reducionista da inmigración como sinónimo de delincuencia e conflito social.
O escritor Juanjo Millás dixo que o debate foi a representación da loita do século XIX contra o século XXI: non creo que sexa preciso dicir quen representaba cada tempo histórico. Un xornalista catalán, Jose Antich, seguindo este fío, preguntábase: “En España, hai máis xente como Rajoy ou como Zapatero? Que é España: máis século XIX ou máis século XXI?”. Saberémolo, sen dúbida, o nove de marzo. E que papel vai cumprir Galicia desta vez?, engado eu. Chegaron de verdade os tempos da modernidade política?
Joan Manuel Serrat, por certo, falaba antonte na radio moi cabreado polas alusións directas de Rajoy en televisión: “Eu nunca insultei ó señor Rajoy! Por que me insulta el a min?”.
Brincadeira.




ENTREVISTA: APERITIVO CON... GIOCONDA BELLI
(El País 25 febreiro)
"A froita prohibida era un figo e o paraíso, Irak"


Mágoa que a poetisa nicaraguana Gioconda Belli non afonde máis, nesta breve entrevista, na súa teoría sobre o Paraíso e a mazá que era un figo.
(Imaxe: Adán e Eva, de Hans Baldung Grien)

26 feb 2008

Axenda: Anxo Angueira, de novo.

Para os que non o viron no Liceo. E para os que queiran velo de novo noutro espazo.
Recital de Anxo Angueira, O Leo, Aser Álvarez Gzez., cos murais de Xoán Calros e Xosé Luís de Dios, Fóra do sagrado.
Mércores 27 febreiro. Ás 20 h. na entrada do Campus ourensán (cruce rúa Dr. Temes e Avda. Castelao). Organiza: Universidade de Vigo (A Intercultural).
en poleiro alleo
Pan e coitelo. O valor dos debates cara a cara, de X. M. Sarille (ECG 26.2.08)

Eu gustei do que disputaron Solbes e Pizarro. Aprendín e tirei conclusións. A primeira é que Pizarro non sabe economía política, esa disciplina, tan complexa, resúltalle allea e por iso non está preparado para gobernar, aínda que sexa unha persoa perfectamente capacitada para dirixir con brillo unha grande empresa ou o seu bolso particular. A segunda conclusión, moi pedagóxica e talvez decisiva para a maioría dos espectadores, é que Pizarro sería capaz de privatizar as pensións e desvinculalas totalmente da protección pública, tal como fixeron no seu día os gobernos de Augusto Pinochet en Chile. Ese foi un dos principais argumentos de Pedro Solbes, o núcleo duro onde dobrou ao contrincante definitivamente. Por certo, ao ministro non lle foi necesario o artificio: cun ollo pechado, a cara afectada por unha parálise pasaxeira, o outro ollo mirando permanentemente para o atril, mais con moita precisión e rigor, iso si, merendouse ao popular. Ou sexa que menos pólvora de verbena.

Ao raiar o sol. Centenario de Curros Enríquez, de Luís González Tosar (ECG, 24.02.2008)
A nosa selección en Pequín, de Afonso V.Monxardín (GH. 26.2.08)

ZAPATERO-RAJOY. Primeira impresión (ás 11,55 h.). Imaxe de Ben Lawson.

Rajoy. Dereita dura, catastrofismo: o inicio do seu discurso foi abraiante polo medo que metía. Obsesionado coa inmigración, asociada sempre á delincuencia (nin unha palabra positiva sobre a contribución dos inmigrantes) e co terrorismo. Defendeuse en economía e quedou moi atrás en todo o demais. Acorralado cando se lle preguntou polos trasvases (non podía definirse ou se lle rompe o partido). Excesivo e indignante acusando a Zapatero de "agredir ás víctimas do terrorismo".
Foi máis o Rajoy da loita dura dos anos da oposición que da imaxe moderada que agora queren vender en campaña os estrategas do PP.
Zapatero. Privilexiou as mensaxes en positivo. Defendeuse moi ben na exposición do labor do seu goberno en políticas sociais, política exterior e defensa das autonomías. Atacou a cotío a xestión dos anteriores gobernos do PP onde era ministro Rajoy: como forma de comparación e de impugnación do discurso do PP. Moi ben na explicación da integración dos inmigrantes e brillante no exemplo do bonobus coas regularizacións da etapa Rajoy. Ben tamén na denuncia do PP por utilizar partidistamente o terrorismo e o 11-M.
Algúns quizais desexarían un tono máis enérxico e contundente, pero non é o propio de Zapatero nun debate deste tipo.
De Galicia, nin pío. Só unha breve alusión de Zapatero ó papel do PP no Prestige (por certo, Rajoy en ningún momento se atreveu a defender a Aznar, nin nisto nin noutras cousas).
Isto é o que lle acabo de contar a un xornalista de La Región por tf. Pedíame tamén unha puntuación: eu daríalle arredor do 7 a Zapatero e un 5-6 a Rajoy, sumando todo, formas e fondo do debate.
ACTUALIZACIÓN: segundo a enquisa de La Región, onte a noite, entre os seus "opinantes habituais", gañou Rajoy para Moncho Conde Corbal e Rosendo Luis Fernández; gañou Zapatero para Afonso V. Monxardín, Santiago Lago, Gonzalo Iglesias, Herminio Iglesias e eu mesmo; empataron, segundo Xavier Limia Gardón. As notas máis altas deullas Rosendo L.Fdez. (militante PP) a Rajoy e Gonzalo Iglesias (idem. PSOE) a Zapatero; as máis baixas ós dous, as de M.Herminio Iglesias (militante BNG).