24 abr 2008

ÚLTIMA HORA. UN RECURSO ANTE O TSXG BOTA ABAIXO O PXOUM.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou nunha sentenza o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Ourense por considerar que non pasou o trámite de exposición pública antes da súa aprobación definitiva no Concello e na Consellería de Política Territorial e Vivenda.
O estimado, dun particular, é só un dos trece recursos pendentes contra o PXOUM.
Creo que a avaliación histórica do período de Manuel Cabezas como alcalde vai ter moitas sombras...
Europa é plurilingüe. Quen sabe galego, sabe máis.
Por varias vías (H.Casares, H.Villar, Arume, graciñas a todos/as) chégame esta mensaxe dunha campaña de gran interese, á que nos queremos sumar tamén dende esta solaina.

Envíovos o enlace da campaña sobre educación bilingüe que estamos impulsando o Observatorio de Sociolingüística da Universidade de Vigo (Anxo Lorenzo, Fernando Ramallo, Ana Iglesias, Hâkan Casares), en colaboración coa Área de Normalización Lingüística da Vicerrectoría de Relacións Institucionais, coordinada por Henrique Costas. A campaña utiliza o seguinte lema: EUROPA É PLURILINGÜE, QUEN SABE GALEGO SABE MÁIS. E este é o seu enderezo web: http://webs.uvigo.es/plurilinguismo/
O que se pretendeu foi poñer en circulación unha serie de argumentos e discursos sobre as vantaxes da política lingüística educativa impulsada co decreto 124/2007, baseados principalmente en evidencias científicas e non en impresións e desexos identitarios. É destacable que sexa unha institución independente quen promove a campaña. Espero que resulte de utilidade, pregando a máxima difusión. Máis información (oficina de prensa da Universidade de Vigo): 986813604.


Ourensanía, 14 fotos máis.
E lembranza do Leuter González Salgado.

Entran na Ourensanía outras 14 fotos. Velaí: o retrato de Albino Núñez, o autorretrato de David Rubín, unha peza de Manolo Figueiras, unha foto de Casares cando o recital de Raimon en Compostela e sete fotos moi interesantes achegadas por Xosé Lois Carrión, todas do seu avó Leuter González Salgado e da Cruz Vermella, que presidiu nos anos 30. Tamén engadín outras tres fotos, magníficas, do Tucho do Volter, collidas de prestado do blog da amiga Ana Bande.

Ó Leuter coñecino na súa propia casa, da man do seu neto e meu amigo, nos 70. Xa o vira outras veces pola Auriense, da que era fundador e animador. Souben despois que estivera no PSG e, xa morto, encontreime coa súa memoria, moitas veces, nos xornais dos anos 30, preparando a miña tese sobre o Ourense da Segunda República.
Foi o primeiro concelleiro nacionalista desta cidade (para cando unha posible homenaxe, amigos do BNG?) e, como tal, desenvolveu un amplo labor en moitos campos: ensino, colonias escolares, Concello e Deputación, Cruz Vermella, etc.
Contaremos noutra ocasión como os socialistas presentaron unha moción para que non usase "o dialecto gallego" nos plenos por consideralo paleto e pouco honroso na institución. E máis cousas...


A Rega, Bieito Iglesias (ECG 24 abril)
Imaxe: Tolstoi e Gorki.

Xa non sei dicir -porque as citas tenden a enguedellarse en inextricables meadas- se foi León Nicolaievich Tolstoi ou o meu amigo Xulio Gaioso Neira quen escribiu: "Todo canto sucede no mundo pasou antes na miña aldea". Pero a observación está ben traída e vén a conto da presente pelexa pola auga. As comunidades de Valencia e Murcia levan anos emperradas en que lle trasvasen parte do Ebro (tamén os aragoneses queren levar lentura a certos sequeiros), mentres os moradores do delta e os ambientalistas din que diso noite. Como a sede barcelonesa obrigou ao goberno a bombear tantiños litros da desembocadura cara a cidade condal, os demais sedentos poñen pingando ao bo samaritano e claman contra tamaña discriminación. Parece ser que non houbo tal trato desigual, que os levantinos xa se beneficiaron estes anos pasados de caxougues semellantes, no entanto o lío armouse e tense a impresión de que a guerra da auga substituirá na axenda política desta lexislatura aos folións estatutarios da pasada.
O que hai en España é de tódolos españois?, pregúntanse os nacionalistas indignados cos pérfidos cataláns, aos que quixeran aplicarlle o belicoso principio de "al enemigo ni agua". Pois ben, a miña casa é miña, non de tódolos patriotas, do mesmo xeito que A Bouza, A Cerca, O Sobreiro e O Coello son eidos dos meus pais. Pero, á parte do asombro que me asalta vendo a conspicuos portavoces da dereita, conversos en comunistas, tamén me admira que un río, un tema musical das alboradas de antano, coa banda desfilando entre foguetes ("El Ebro guarda silencio al pasar por el Pilar, la Virgen está dormida, no la quiere despertar"), se convertese na liña Maginot que separa bos e malos españois.
Talmente como na aldea, cando meu avó tiña que erguerse a regar os lameiros ás catro da mañá e a velar para que outros veciños noitébregos e intereseiros non tornasen a auga cara as súas leiras.

Paternidade.
Pan por pan 24 abril

Un acerto literario empeza moitas veces pola escolla do título: “Diario dun pai acabado de nacer” (Xerais), de Henrique Alvarellos ten esa condición. Trátase dun diario comezado a escribir un día de abril de 2002 cando o autor coñece a nova de que vai ser pai. Alvarellos quere compartir a crónica íntima dos cinco anos que seguen: a primeira mirada do fillo, a traidora interrupción da morte (do pai (avó), as primeiras preguntas abstractas da nova criatura, etc. Escribe o amigo lugués cun estilo lírico, evocador, outras veces desenfadado. Acollendo algunha cita literaria moi ben enfiada (Tovar, Cunqueiro, Neruda), pero fuxindo dun texto presuntuoso por cultista. De paso reivindica o seu instinto de paternidade e a recuperación do status paternal pola figura masculina do pai. Todo con moito xeito. Teño para min que este diario vai ter moitos lectores e lectoras.

23 abr 2008















Día do Libro

Como todos os anos, celebramos o Día do Libro no IES A Carballeira cun recital multilingüe organizado polos departamentos de Lingua e Literatura Galegas, Lingua e Literatura Castelán, Francés e Inglés. Máis de 50 alumnos/as leron poemas de Curros Enríquez, Luís Pimentel, Garcilaso, Quevedo ou W.Shakespeare, entre outros. Para os posibles interesados/as, se os houbese, deixo en COMENTARIOS o listado completo de alumnos/as recitadores, poetas e textos.

Presentación de "El río", a última novela de Julio López Cid (foto Trebolle)

O pasado luns presentouse a novela El río, de Julio López Cid, no Liceo. Non estivo presente o autor, que reside no estranxeiro (contra o que informou un xornal local) e participaron nese acto o editor A. Prada (Duen du Bux); o director da colección e escritor José María Pérez "Chesi", o sobriño do autor, Xabier López; e o amigo do novelista, Eduardo Valenzuela. O Liceo a rebosar, presentes no acto a inmensa lexión de amigos da familia López Cid. Segundo explicou Xabier López, a nova novela de Julio López Cid, autor non moi prolífico, podería relacionarse coa súa outra peza Ponte Sobreira e recrea os anos de infancia e mocidade do novelista, co papel do río Miño como gran centro de sociabilidade da cidade (tema do que temos falado aquí outras veces).













A colección O Moucho, de Xosé María Álvarez Blázquez

Foi unha das grandes iniciativas de difusión da cultura galega a un nivel popular, a mítica colección O Moucho que lanzou Xosé Mª Álvarez Blázquez e que perviviu entre 1967 e 1983. Eu teño uns cantos en casa, moitos mercados en librarías de vello, pero non a colección completa, quen me dera!

Agora El País tivo a feliz idea (dende o domingo) de recuperar 21 títulos desta colección máis outro dedicado a XMAB. Entre eles, títulos moi populares e destinados ó gran público (Cantigas do viño, Contos do pobo) e pezas grandes das nosas letras como o Catecismo do Labrego ou O Maroutallo, de Otero Pedrayo.

Supoño que por problemas de dereitos non están outros como os dous escaneados enriba, de Ferrín e Pintos. Pero a idea é atractiva e seremos moitos os que merquemos os libriños de O Moucho (cando menos os que non teño xa, no meu caso).

22 abr 2008


Ave Fénix.
Pan por Pan mércores 23 abril


A crise aberta no Partido Popular tralas eleccións está a desenvolverse co guión dos peores augurios. Por riba do xogo retórico, a confrontación Rajoy-Aguirre ten unha dureza sorprendente: se se tratan así entre amigos, do mesmo partido, que pensarán dos seus adversarios políticos (non digamos inimigos)? Asistimos a achegas tan surrealistas como descubrir que seica no PP hai “socialdemócratas”, pero eu non me imaxino a ningún líder “popular” a ler ás escondidas as teses do renegado Kautsky, que diría o vello Vladimir. En fin, non se sabe que sairá deste parto dos elefantes, aínda que nada sucede en van. A crise pode ser unha catarse necesaria, pero as chagas nunca curan ben de todo. Rexurdirá un novo PP como Ave Fénix das cinzas desta crise? O malo do conto é que a lenda di que o ovo da Ave Fénix renacía cada cincocentos anos. E non creo que Esperanza queira agardar tanto.
en poleiro alleo

A terra para quen a traballa, de Afonso Vázquez Monxardín (Galicia Hoxe, 22.4.08)

O PP galego non ten rumbo, de Xosé M. Sarille (ECG 22.4-08)

Albino Núñez.
Pan por Pan martes 22 abril

Presentouse onte no Simeón, cunha acollida entusiasta de público, o segundo volume que recolle textos do profesor Albino Núñez: hai uns meses publicáronse os seus poemas, agora os seus descendentes recolleron os seus “Ensaios e artigos, 1956-1973”, ámbolos dous libros prologados por Alonso Montero. Nestas entregas dos xornais, en “La Noche”, “La Región” ou na prensa de América, hai moitas cousas de interese, pero hai que ler con atención, entre liñas, por riba do que permitía dicir a censura ou a autocensura.
Albino Núñez fala da Historia de Galicia, da súa xeografía, da pedagoxía renovadora, da lingua e da literatura galegas. Tivo especial querenza coa defensa das nosas toponimias, campaña que compartiu con “Ben-Cho-Shey” na prensa. E tampouco lle gustaba o castrapo: que diría don Albino dos que se empeñan en "castrapear" o nome da Festa do Polbo do Carballiño?

Outro cabaceiro
este creo que do Atlético de Madrid

De Xulio de Rabal para Arume

21 abr 2008


Menudo barullo...

Menudo fregado que se está montando no PP a nivel español. Entre os diferentes sectores están a dedicarse "xoias" semellantes ás que detinaban ata agora ós seus adversarios políticos ("enemigos", dirían eles).
Se a cousa segue así, vai haber lío e ben gordo no PP de aquí a xuño.
Iso tería incidencia evidente no PPdeG e deixaría a organización galega en mala disposición para as próximas autonómicas: se as perdesen os peperos galegos, de novo, sería a hecatombe para Rajoy que presume cando quere de galego. Se iso chega a suceder, non lles viría nada mal ós promotores dunha nova CG, como informa hoxe a Voz. Se son quen, engado eu, de facer unha campaña ben feita e de fasquía nidiamente galeguista.

A aventura do Volter (e 2)
La Región 21 abril 2008. Imaxe: "Do circo", de X.L. de Dios, 1985.

Poetas. Ó carón dos murais dos artistiñas, dos que falei o luns pasado, estaban os poetas. E, dende logo, o apartado poético nas paredes do Volter non era menos importante que o artístico. Aqueles muros enchéronse de poemas de Ramón Cabanillas, Ricardo Carballo Calero, Otero Pedrayo, Ferro Couselo, Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro, Bernardino Graña, Antón Tovar, Xocas (Xoaquín Lorenzo), Carlos Casares, Méndez Ferrín, Carlos Velo, Curros Enríquez e Vicente Risco. E tamén breves composicións de autores ourensáns como Ernesto G. Del Valle, Julio López Cid, José Luís López Cid, Carlos Casares, Pepe Romero, Gimeno e M. F. Sampayo, entre outros. Moitos anos despois, en 1975 e 1976, alí se celebrou o certame de poesía O Volter e os premios foron outorgados ós poetas Millán Picouto e Ánxeles Penas, que os viron tamén reproducidos nas paredes.

Vicente Risco. E no centro de todo este movemento cultural, Vicente Risco. O creador ourensán encabezou os máis importantes faladoiros do Ourense da posguerra e imprimiu neles o aceno da súa forte personalidade cultural. Risco estaba entre os habituais da tertulia da Peña dos Sabios, que se xuntaba no café do retaurante Roma, na rúa do Progreso, e logo, ó desaparecer ó Roma, no café La Marquesina, no Paseo. Nesa xeira andaban, con Risco, Prego de Oliver, Faílde, o escritor Ernesto Gómez del Valle, os irmáns José Luís e Julio López Cid, Julio Gimeno, Segundo Alvarado e Ricardo Outeiriño, entre outros.

O xornalismo de Basilio Álvarez

O xornal Galicia Hoxe, a través da xornalista Rosa Rodríguez e na serie "Olladas", está a facer un especial seguimento do libro Xornalistas con opinión, publicado recentemente polo Consello da Cultura Galega e a editorial Galaxia.
Nas semanas anteriores publicáronse entrevistas (sempre dunha páxina) con Rosa Aneiros, sobre Concepción Arenal (7 abril) e con Francisco Campos, sobre Alfredo Brañas (13 abril).
Hoxe sae a terceira entrevista da serie, sobre Basilio Álvarez, co conductor deste blog: entrevista completa.
Destaco aquí algúns anacos:
Descóbrenos a Basilio Álvarez. Marcos Valcárcel: "Basilio apostaba por xornalistas ousados que tivesen a redacción na rúa".
- Como definirías a Basilio Álvarez como xornalista?
Foi un xornalista do seu tempo, que usou o xornal como ferramenta para cumprir a súa misión política e social. Moi consciente do poder do xornalismo dos anos 20 e 30: dicía que un xornal é como un volcán que vomita ideas, máis valioso que mil escolas ou que tres mil estradas, porque actúa a fondo sobre as conciencias. Por iso titulei o meu traballo "Basilio Álvarez: o xornalista que acendía volcáns", porque Basilio era moi consciente do poder subversivo e transformador da prensa escrita.
- As súas teorías sobre a profesión podería seguir vixentes na actualidade? Pode ser un modelo a seguir polos estudantes de xornalismo?
Ben, o xornalismo de hoxe é moi diferente ó de hai 80 anos. Pero hai moitas cousas que poderían estar vixentes e ser referencia para os novos xornalistas estudantes. En 1912 publica en Madrid Basilio "El libro del periodista" e alí deixa moi nidias as súas ideas: quería xornalistas valentes, ousados, que tivesen a redacción na rúa, renegasen da erudición e soubesen abrirse tamén ás alas da imaxinación creativa. Demandaba tamén escribir "de abaixo enriba" e non "de enriba embaixo" (ó ditado das empresas). Quizais fose algo idealista ou utópico, pero ese era o perfil que el demandaba. E reclamaba xornalistas moi cultos e formados, áxiles de cerebro e vocacionais.
- Que cres que pensaría do xornalismo que se fai agora?
Para entender iso, hai que contrastalo co xornalismo que el fixo no diario republicano "La Zarpa" e noutros medios. De seguro estimaría que unha parte do xornalismo actual é demasiado conformista e condescendente con todos os poderes, económicos e políticos. E tamén se sorprendería da revolución tecnolóxica que vivimos: utilizaría todos eses novos medios cun sentido creativo e reivindicativo.

20 abr 2008






Cen anos de historia cultural
2000: Castelao. Manuel Antonio


Foi tamén un ano de moitos libros notables, sobre todo nos campos da narrativa, o ensaio e a investigación. Entre os primeiros, citemos Expediente Artieda, novela de Luís Rei Núñez, que gañou o premio Xerais dese ano, fallado en Santiago, e Non volvas, unha densa novela de Suso de Toro que parte da vinganza dunha muller ofendida. Xosé Carlos Caneiro achegaba Ébora; Xosé Luís Martínez Pereiro, Medición definitiva do limbo, e Xavier Seoane, Ábrelle a porta ao mar, narrativa familiar sobre a guerra, tinguida de realismo máxico.
Basilio Losada publicaba a súa primeira novela, Princesiña de Francia, e o novelista limiao, residente en terras coruñesas, Antón Riveiro Coello, dábanos unha das súas mellores novelas, As rúas de Bakunin, premio García Barros e recuperación merecida da memoria do anarquismo coruñés nas primeiras décadas do século XX. O mesmo autor publicaba a excelente colección de relatos Animalia (Galaxia), coa que gañara o premio Café Dublín un ano antes.
María Xosé Queizán achegaba a súa novela Ten o seu punto a fresca rosa, reflexión feminista ambientada en Vigo a través da saga de tres familias de diferentes clases sociais, e Xosé Manuel Villanueva publicaba a súa novela Adeus India, adeus (Ir Indo).
Edicións Xerais lanzaba a súa colección Abismos, cun volume colectivo titulado Narradoras e dous títulos de Medos Romero (Dubido se matei a Lena) e Xesús Fraga (Tute para catro). Da mesma quinta son obras como Salitre, de S. Jaureguizar; Infancia e desventura de Lino Carrán (Galaxia), novela de Xosé Miranda, e Un. Dous e Tres noverlas + poesía gráfica (Tris Tram), de Antón Risco, e O corazón portugués (Galaxia), de Ramón Loureiro, novela que aposta pola fantasía e que foi finalista na terceira edición do premio Eixo Atlántico.
Nas letras para a mocidade e infancia, subliñemos títulos como Capitán Araña, novela de aventuras de Rafael Lema; As cousas claras, de X.A. Neira Cruz, premio Merlín e novela sobre a educación sentimental do seu protagonista, e Un polbo xigante, relato infantil de Carlos Casares (Galaxia).

O celme do idioma
(Foto de Galicia Hoxe, 19.4.08)

Dúas amigas, Carme López Taboada e Charo Soto,publican en Xerais o Dicionario da Fraseoloxía Galega, a máis ampla recompilación sobre fraseoloxía galega ata agora publicada e revindican a "maior consideración" para esta área do patgrimonio cultural.
As dúas son autoras tamén de Así falan os galegos. Fraseoloxía da lingua galega (Aplicación didáctica), A Coruña, Galinova, 1995, outro libro que convén sempre ter a man, como tamén, no mesmo tema, Cadaquén fala como quen é, o discurso de ingreso de Xesús Ferro Ruibal na RAG (1996).



BD galega en Barcelona
Chegáronme novas do éxito da presenza da BD galega no Saló do Cómic de Barcelona (por alí anda tamén o ourensán Henrique Torreiro). Os galegos contan cun stand propio e máis de 30 creadores de todos os estilos, dende Alberto Gutián a Miguelanxo Prado, pasando por Fausto, David Rubín, Alberto Vázquez, etc.
Escoitei ademais na radio que Galicia será a cultura convidada no próximo anó no importante Saló catalán.

O ourensán David Rubín (esquerda, cun autorretrato) e Alberto Vázquez (dereita) ilustran este post: os dous teñen os seus respectivos blogs, Alberto Vázquez e De tripas corazón.

Novo decano do Colexio Profesional de Xornalistas
Xosé Manuel Pereiro: "Os periodistas imos cara á decisión de: bastante ben o fago para o que pagan"

Entrevista completa, de Rosa Rodríguez, a Xosé M. Pereiro, tamén blogueiro, en Galicia Hoxe 20 abril

Fai unha curta radiografía do xornalismo galego?
Quitando no aspecto económico, que é de auténtica vergoña, no demais, dentro do malo, non está peor ca outros. Aínda conservamos o sentido común, non adoitamos participar como soldados nesas guerras mediáticas que como dicía Paul Valery das guerras en xeral, mátase xente que non se coñece en beneficio de xente que se coñece pero non se mata. E mesmo penso que escribimos mellor que por aí fóra, pero non o digas porque todo sae en Google.

Cales son os obxectivos "factibles" que tes como novo decano?
Todos os obxectivos deben ser factibles. Un é facer máis presente a actividade do Colexio, tanto para a sociedade en xeral como para os propios colexiados. A defensa dunhas condicións dignas no exercicio do xornalismo, tanto laborais como profesionais, debe centrar, e centrará, a acción da Xunta de Goberno. O beneficio será non só para os xornalistas, senón tamén para o conxunto da sociedade.

Seguimos sendo un colectivo desunido, sen forza para reivindicar os nosos dereitos?.
Aínda peor: tomaremos a decisión colectiva inconsciente de: "bastante ben o fago para o que pagan".

Elas están aí
Pan por Pan domingo 20 abril
Foi a foto da semana, sen dúbida. Estaba en todas as portadas do martes: Carme Chacón presidindo un desfile militar como nova ministra de Defensa. E dando a súa primeira orde: “Capitán, mande firmes”. Hai centos de artigos sobre esa xornada: ata Méndez Ferrín escribiu do significado dese aceno. Tamén houbo chanzas, risas, burlas. Un titular nauseabundo nun xornal: “Carmen, la del bombo”, ríndose do seu embarazo (en El Mundo).
Hai moito machismo latente e aboiando na nosa sociedade: nuns casos maniféstase con pequenas mofas, nos máis graves co maltrato e a morte. Pero elas están aí. E están a facelo moi ben: as nosas concelleiras, deputadas, alcaldesas, científicas, escritoras, músicas, médicas, traballadoras. Chegaron ata aquí coas súas propias forzas. Teñen todo o dereito a ser valoradas polo seu traballo. Algunhas ademais son guapas, pois mellor para elas.
Nota: Contador. O Xulio Outumuro colocou onte un contador no blog. Se o sei interpretar (ó mellor non) onte sábado houbo máis de 230 visitantes e superáronse os 1140 hits, entradas a ler post ou comentarios. O domingo, 302 visitantes e os mesmos hits do sábado: pensei que os domingos entraba menos xente, pero vexo que non. Benvidos/as todos/as.