2 ene 2007

Unha nova en positivo para o noso idioma

Hai un par de semanas saiu á rúa De luns a venres, o primeiro gratuíto en galego no noso país, creo que da empresa do xornal El Progreso. Serán cincuenta mil exemplares en galego cada día nas sete principais cidades galegas e, ademais, gratis. Será unha nova feliz e con continuidade ou desaparecerá ós poucos meses como outras tantas? Terá algún efecto de emulación sobre os outros medios de comunicación escritos no país, tan escasos e retraídos co noso idioma (agás Galicia Hoxe, claro)?



















Anos interesantes...

Ando a ler nestes días a autobiografía do historiador británico, nacido por accidente en Alexandría, Eric Hobsbawm, un dos grandes pensadores do noso tempo, que foi para a miña xeración unha referencia clave tanto nos seus estudos sociais (El mundo del trabajo, Trabajadores) como nos seus traballos máis políticos e ideolóxicos (Política para una izquierda racional, por exemplo, todos estes títulos en Crítica). O relato da súa vida, narrado con elegancia en Años interesantes. Una vida en el siglo XX (Crítica, 2003), é a crónica vivida dun século tan marabilloso como tráxico. España aparece en varias ocasións: nos anos 50 Hobsbawm visitou este país á procura de datos sobre os anarquistas da guerra. Chegou a Barcelona na Semana Santa de 1951, coa folga dos tranvías, e encontrouse cunha España infeliz. No plano intelectual, afirma o historiador británico, “España, a maioría de cuxos talentos emigrara, era un país asfixiado”. Tamén era un país arcaico e provinciano, de seguro, pero tamén lle pareceu un lugar de xentes orgullosas e de principios: “España non esquecera a guerra civil, e os vencidos, aínda que desprovistos de todo poder e sen esperanza, non cambiaran o seu xeito de pensar ó respecto”.



1 ene 2007

Encontros literarios do Liceo (en forma de adiviña)

O Liceo ourensán celebra dende o ano 1990 uns Encontros Literarios que axuntan escritores galegos e non galegos. Por esa cita, que chega no 2007 a súa XVII edición, pasaron xa a maioría dos máis relevantes escritores da literatura en castelán, tamén algúns cataláns e vascos, moitas veces convidados persoalmente por Carlos Casares: nomes como Luis Mateo Díaz, Caballero Bonald, Carmen Riera, José María Merino, Juan Pedro Aparicio, Miguel García-Posada, Almudena Grandes, Blanca Andreu, Fernando Delgado, Encarna Castejón, Manuel Vicent, Juan Cruz, Jose Mari Iturralde, Benjamín Prado, Juan José Millás, Rosa Regás, Marina Mayoral, Fanny Rubio, Cristina Fernández Cubas, Clara Sánchez, Julio Llamazares, Susana Fortes, etc., ademais dos galegos Basilio Losada, Casares, Suso de Toro, Manuel Rivas, Bieito Iglesias, Xosé Carlos Caneiro, Luisa Castro, Alfredo Conde, Riveiro Coello, Xavier Alcalá, Miguel A. Fernández, etc. Non é doado traer ata Ourense moitos destes nomes e algúns viñeron varias veces, tras consultar e seguir as súas axendas ás veces durante meses (traballo que realiza con esmero José Luis Troitiña, dende a secretaría do Liceo, e antes o xubilado Álvaro, dende o mesmo posto).
Ós meus sagaces lectores e lectoras, propóñolles unha adiviña. Teremos en Auria, na XVII edición, tres escritores, dous da literatura castelá e un da galega. Douvos as datas e título das conferencias, por se vos podedes achegar:
martes 23 xaneiro: "Memoria e literatura"
venres 26 xaneiro: "La literatura es lo contrario del olvido"
martes 30 xaneiro: "La novela de la memoria".
E algunhas pistas para que sexades quen de localizar ós tres convidados, xa confirmados hai meses:
Un escribe en galego e os outros dous en castelán.
Os tres estiveron xa en Encontros anteriores: polo tanto están citados máis enriba.
Un deles (23 xaneiro) estudou na Facultade de Historia comigo, daquela militaba no maoísmo do MCG.
O máis maior deles (30 xaneiro), amigo de Casares, é un grande memorialista e os tomos das súas memorias foron moi comentados e algo tivo que ver cun vsiconde tradicionalista francés.
O terceiro deles (26 xaneiro), o máis novo, foi discípulo e amigo de Alberti e tivo algúns líos cos que rexentan a súa memoria oficial, mesmo acusándoos de censurar e manipular algúns textos do gran poeta.
En fin, agardo as súas deduccións, aínda que non lles poida dar ningún premio dende este mundiño virtual. Saúdos a todos/as.
Xornais no faiado (2) : unha elexía a Cuevillas, de Fernández Ferreiro

Tiña moi esquecida a sección Xornais no Faiado, que abrín hai unhas semanas cun artigo de Casares. Para reactivala e darlle vida, aí tendes un fermoso artigo de Fernández Ferreiro, en La Región, na morte de don Florentino Cuevillas (1958). Daquela o Ferreiro era un xove xornalista cunha longa carreira por diante e estaba na redacción do xornal ourensán. Vai ilustrada esta recuperación cunha das fotos que máis me gusta de Cuevillas, con todo o seu estilo dandy, esta no castro de San Cibrán de Lás, con Vicente Risco, anos 40-50. Eu nacín no ano da morte de Cuevillas e obviamente non puiden coñecelo en persoa, pero si recibín do meu pai algúns comentarios persoais: o meu pai tratárao en Facenda, por cousas do traballo, e sempre dicía que era unha persoa moi boa e excepcional; logo souben tamén do seu galeguismo e do seu traballo como prehistoriador e arqueólogo (e excepcional escritor: Cosas de Orense; Prosas Galegas: dito en baixiño, ogallá excavase menos castros -xa o farían outros discípulos- e escribise máis). Ben, vai xa o texto:

¡SILENZO!
J. Fernández Ferreiro
Don Florentino, morreu. Non digades nada. ¡Silenzo! Niste caso o millor que se pode dicir de il, é non dicir nada. Si. E a dicir algo, dicilo con silenzo. Calar. Sentarse a escribir e non escribir nada. Poñerse a falar e non falar nada. Pensar. Por moito que se diga, por moito que se escriba, nada dirá tanto sobre il como o silenzo, como as palabras mudas do corazón. Pensar, si. Pensar no fondo da alma, no fondo do corazón. Pensar nil. Pensar nos momentos que se pasaron xuntos a il. Pensar na súa voz inconfundible. Na súa cabeza redonda e brillante. Na súa cabeza de estatua grega, romana. Na súa cabeza galega. Na súa cabeza de home de outros tempos... Pensar no home. No amigo. Pensar... Si, pensar en moitas cousas.
¿E os seus ollos? Os ollos érano todo en Don Florentino. Eran ollos que naceron para ser estrelas. Para alumear na noite dos tempos. Niles tiña a aforza da súa bondade e da súa intelixenza. Pensar, cos ollos pechados, e naquela mirada serena, tranquila, sempre terna, sempre aberta, sempre limpa como o cristal da súa alma. Pro, ás veces, tamén melancólica. Si. A mirada de Don Florentino infundía paz, sosego. Era unha mirada grande como os seus ollos, como a lonxitude da súa bondade. Era unha mirada blanca. Unha mirada que facía sentir e pensar. Porque era unha mirada que chegaba sempre ó corazón.
Pensar e non dicir nada. Don Florentino morreu. ¿Para que dicir nada xa? Todo está dito. A morte, vella amiga dos homes, di sempre a última palabra. O que digamos nós non ten importancia. Nós debemos pensar. Sobre das sepulturas, non se fala. Rézase e síntese. Si. Isto é o que debemos facer nós. Os que o quixemos. Os que apreixamos moitas veces as súas maus esponxosas e blandas. Si. Il foise. Il marchouse. Pro il, Don Florentino, sigue estando con nós. Con máis forza que antes. Agora adrentouse para sempre, definitivamente, no noso corazón. Antes vivía. Estaba fóra e dentro de nós. Agora está soio dentro. Mais dentro que antes. Clavado. Doéndonos. Mancándonos.
Estou lonxe de Ourense. Lonxe da Praza do Ferro, lonxe da rúa de Santo Domingo, por onde il tanto camiñaba á caída das tardes. Sempre pouco a pouco. Tranquilo. Contento. Sereno como a súa mirada. Iba ca súa gorra, ca súa paxarita negra, ca súa caxata, cos seus amigos. Il no medio. Pouco a pouco. Tranquilo. Si. Estou lonxe pero penso. A distancia fai pensar millor, ver millor, comprender millor. Non digo nada. Non podo dicir nada. Soio podo pensar. Ver dentro de min, onde está il. Cos seus ollos limpos, grandes. Co seu traxe sempre impecable. Ca súa calva. Vexo a súa biblioteca. Vexo o seu despacho alí no primeiro piso da Facenda. Si, ¡vexo tantas cousas!
Don Florentino ¡Meu amigo! Desde que morriches busco os teus ollos no ceo, entre as estrelas. Sei que estarán alí. Mirando para nós como antes. Mirando para esa terra quedou teu corpo. Esa terra que tanto quixeches. Esa que ten a ternura, a serenidade, a limpeza, e tamén a melancolía dos teus ollos. Si.
Don Florentino, morreu. Non digades nada. ¡Silenzo, amigos!

(Publicado en “La Región” o 30 de xullo de 1958)

31 dic 2006




De corazón, a todos e a todas os seguidores deste blog, casa común do pensamento, a opinión, a arte e a poesía,


Feliz ano 2007.

Pecharemos o 2006 como quen pecha un vello caderno cheo de notas e debuxos que xa se van desfigurando na memoria. É a hora de desexarlles a todos vostedes, lectores e lectoras, un feliz ano 2007. No que seguiremos a falar de moitos dos temas do ano 2006. Por desgraza os grandes problemas do mundo seguirán como xa estaban ó cabo do 2005 e non mudarán cando remate o 2007: a fame e a SIDA en África, a explotación do traballo dos nenos, o enquistado conflito Israel-Palestina (quizais cunha guerra civil palestina), Oriente Próximo como unha barrica de pólvora a punto de rebentar, o apoxeo dos fanatismos (terrorismo islámico, Bush, ETA) e o longo etcétera que vostedes xa imaxinan. Polo camiño cadaquén gozará das súas pequenas felicidades ou padecerá as súas intransferibles infelicidades. Porque o mundo nunca cambia tanto como nos din. Ou como nós queremos crer.
(Imaxe do fotógrafo Bruno Bisang).






Unha carta de Otero Pedrayo a Manuel Beiras (2 abril 1936)



No seu artigo dominical en Galicia Hoxe, Xosé Manuel Beiras reproduce unha interesante carta de Otero Pedrayo ó pai do asinante do artigo, isto é, o galeguista católico de Compostela, don Manuel Beiras García. Poden consultar o artigo enteiro aquí.
Pero non me resisto a pubicar íntegra a carta de don Ramón que, entre outras cousas, asina o desconcerto do ourensán nesas horas e a súa extrema proximidade cos galeguistas católicos, moitos dos cales romperon co PG para crear a Dereita Galeguista. Otero mesmo debeu ter dúbidas sobre a posición a tomar ó respecto (véxase na carta: "non penso que o meu nome puidera ser bandeira"), aínda que ó cabo, como é ben sabido, mantívose na lealdade e na disciplina do Partido Galeguista. Pero moi lonxe da Fronte Popular e da liña táctica nese momento do PG, como el amosaba nos seus artigos e como explicamos (Xosé Ramón Quintana e máis eu) no noso vello libro sobre Otero (Ir Indo, 1988). E quero repetilo porque en certos sectores culturais do país existe un intento de mixtificación que insiste en afirmar que Otero apoiou a campaña da Fronte Popular, o cal non é certo (non consta en ningún acto nin chamamento desas datas). A carta é clara por demáis. Xuzguen vostedes mesmos:

"Meu distinto e querido irmán: Tiña coñecemento das aitividás dos nazonalistas católicos composteláns. Consolo e espranza nas trubias horas amarguradas por que pasa unha parte do galeguismo. Dende a derradeira asambrea do Partido onde eispuxen a miña opinión loito en conversas e cartas pra o afastar da roita que leva. Están, como Vde ben dí, amparando unha (nova) figura do proceso de desgaleguización. Eles, por o menos unha minoria ben se decatan do feito, pro coidan atallalo despois de conquerir a autonomia, engadindo que grazas aos seus esforzos téñense coutado moitas cousas noxentas na Galiza. Isto é certo en alguns casos, mais non pode xustificar a sistemática aititude d"un partido. Eu teño sufrido moito. Entendo non ser home de aición. Traballando xuntos tantos anos ráchaseme o curazón ca idea de térme de afastar de eles. As consideracións de Vde refrexan fidelmente as miñas loitas interiores. Mais privado do esprito de orgaizazón, priguizoso e neboento ¿que podería eu faguer?. Non penso que o meu nome poidera ser bandeira. Pro cando chegue o momento tereime de arredar do Partido, e dada a maneira como se desenvolveu o debate na asambreia ise intre soio pode presentárese na proisima asambreia na que atacarei en conxunto toda a política do Partido. Quero obrar con completa craridade. Cecais estou contribuíndo a unha obra má ou pol"o menos imperfeita a pesares da miña constante oposición. Teño a espranza de traelos ao rego. Unha espranza raidosa que se desfai. Pol"o pronto mando artigos a Nosa Terra, e sigo afastado de toda intervención política. Desexo a asambrea e traballo pra que se faga logo. Despois témos que trazar unha nídia aición: a seguida por Vdes, a que foi propria do primeiro galeguismo. Namentres considéreme cinguido as aitividas dos nazonalistas católicos de Sant-Iago. Escribin "témos" mal escrito, debendo dicir "teño" con Vdes, mais non en posto direitivo para o que non teño fólego e cecais ben logo non terei nin saúde. ¿Que podo faguer pol"o pronto?. Agradezo moito a sua carta que non respondin porque foi a Trasalba e volveu eiqui tras de min, e prégolle a Vde e demais irmáns que me escriban moito. Esta noite sintome mais desacougado que nunca. Teño novas de Castelao e dóeme miralo en Madrid, perdendo persoalidá, desdibuxada na (?). Perdoe que as miñas palabras parezan dubidosas. En xeneral eu son oitimista. Mais paso por unha crisis que me non deixa. Namentras, e confiando en Deus e no inmorredoiro esprito da Terra, reciba unha aperta do seu agradecido irman na Galiza
R. Otero Pedraio"

30 dic 2006























Cidade da Cultura

Segue a falarse da Cidade da Cultura e o tema dará, para ben ou para mal, para moitos anos. É preciso sen dúbida que un país teña as estruturas necesarias para preservar a súa Memoria: Bibliotecas, arquivos, novas tecnoloxías, Museo da Historia (que non existe), etc. O complexo de Gaiás terá que atender a todo iso. Pero as inversións multimillonarias e os hiperbólicos orzamentos non se gastarán niso. Estase a usar de novo o reclamo da cultura-espectáculo, inserta nunha cidade que en si mesma é o maior espectáculo cultural. Para xustificalo acódese a argumentos tópicos: acudirán centos de miles de persoas... Lembro cando no mundo progresista se debatía sobre a cultura popular e cando subliñabamos os libros de Hauser e de Ricardo Carpani. Canto tempo pasou? Ese é un discurso arqueolóxico: ninguén pensa xa nesas claves. O pobo só se reclama como espectador. E ás veces nin iso.
(Imaxe de Emile Schildt)

29 dic 2006


Dicía Castelao...

Dicía Castelao, no seu Diario 1921, que a arte nova que el viu en Francia estaba dirixida polo xenio do absurdo e arredada do sentido común. O tempo iguala a chegada das novidades artísticas, pensaba o rianxeiro, “pero as Terras son difrentes e a Terra é a nai de todalas Artes”. Esa Terra, como cerne do elemento identitario, era o que Castelao buscaba nas vangardas. E non o encontraba. Por iso si se entusiasma, en cambio, cos pintores rusos que ve en París. Ou cos primitivos flamencos, holandeses e alemáns: sobre todo ca obra do Bosco, de Brueghel o Vello e de Huys, ese universo de elementos fantásticos que copiou no seu “Diario 1921” e no que se inspirou máis dunha vez, mesmo nos seus deseños antifascistas. Sorprende, con todo, que Castelao non entendera a forte relación entre estes artistas (e tamén outros simbolistas dos que fala) co propio surrealismo da vangarda.

28 dic 2006


Recoñecemento a Bóveda e ás vítimas do franquismo no Parlamento Galego

Curiosos os xornais de hoxe: cadaquén conta a feira como lle foi nela. Seica o Parlamento Galego aprobou un certo recoñecemento das vítimas do franquismo e de Bóveda particularmente, cos votos do BNG e PSdG-PSOE e un certo apoio parcial (?) do PPG. Galicia Hoxe cóntao así.
As páxinas galegas de El País (non accesibles dende a rede, creo) insiste máis na postura negativa do PPG, con este titular: "Los populares se niegan a apoyar la reparación de las víctimas del franquismo". E o subtítulo: "El Parlamento pide que no haya centros públicos non nombres de figuras de la dictadura". Segundo El País, o seu portavoz dixo que a iniciativa era revanchista, sectaria e maniquea e que podía reabrir feridas e friccións pechadas na Transición. Pola súa banda o Faro de Vigo titula: "El Parlamento, con la abstención del PP, insta a resarcir a las víctimas de Franco". En fin, que hai que ler todos os xornais para saber qué pasou no Parlamento e aínda así tampouco me quedou demasiado claro.

Castelao, o Diario 1921, as vangardas

Castelao non entendeu as vangardas artísticas do seu tempo. Ou quizais non quixo entendelas. E dicilo así non é un aceno desprezativo co xenial rianxeiro. Basta ler o seu Diario 1921 para percibirmos ben isto: coñecía Castelao a obra e os manifestos dos futuristas, pero fala deles sen entusiasmo; cualifica como "tolerías" as obras e mostras dos dadaístas e amosa certas contradicións respecto do cubismo. Chega a dicir que Picasso é un farsante ("Con todo eu penso que Picasso é un farsante, ¿que terá que ver Picasso, catalán, co esprito occidental?"). Outras veces fala da antipatía que lle provocan os movementos revolucionarios na arte e da súa "moita desconfianza das revoluciós feitas por homes de gran cibdade".

Castelao púxose á defensiva fronte ás vangardas: non era ese o tipo de arte que el amaba. Risco tivo unha postura máis aberta a este respecto, sobre todo como mediador ideolóxico para achegar esas vangardas ós poetas novos, con Manuel Antonio á cabeza. Entre a tradición e a ruptura, Castelao optou pola tradición: o aceno popular dos cruceiros e do románico galego, os artistas rusos que coñece en París, a obra dos primitivos flamencos, holandeses e alemáns, etc.


27 dic 2006


TERRA DE SARDIÑAS E POLÍTICOS
Andoliña 2 decembro 2003

Volve Julio Camba. Volve á actualidade porque se publica, en Espasa Calpe, unha biografía do escritor e unha nova escolma dos seus artigos. Pero nunca se foi, sempre contou cunha lexión de admiradores que non o esquecemos. Porque Camba tiña a virtude da sinxeleza que nace do esforzo e da depuración do estilo. E porque hoxe poden lerse moitos dos seus artigos coa mesma frescura do día en que foron paridos. Hai moita intelixencia, intuitiva e irónica, na súa forma de ver a vida. Velaí a súa opinión sobre a Gramática: “Un idioma obrigado a axustarse á Gramática sería algo así como unha Natureza obrigada a axustarse á Historia Natural”.
Esa ironía tiña xenes galegos, pero era á súa vez de fortes raíces intelectuales, como soubo ver moi ben Celestino Fernández de la Vega no seu maxistral estudio sobre o humor. Lembren cando Camba dicía que Galiza era terra de sardiñas e de políticos. “Para ser un político galego, o primeiro que se precisa é ser parente doutro político galego (...) E cando un non é fillo nin sobriño de ningún político galego- cousa rara, dada a portentosa facultade de reproducción que caracteriza a esta rexión-, entón ten que facerlle o amor a unha das súas fillas ou a unha das súas sobriñas”
Conta logo a historia do político que foi a Madrid en busca dun porto, pero que volveu cunha ponte por cousas do presuposto. No remate, o pobo, sempre agradecido, recíbeo con grandes festas...

Castelao, a súa gran ferida, os cruceiros

Viviu Castelao toda a súa vida con graves problemas nos ollos, aterrorizado polo medo a quedar cego: por iso seica decidiu preparar oposicións e facerse funcionario de Estatística, en busca dun futuro máis seguro. A marcha ó exilio trala guerra foi un dos momentos máis negros da súa andaina. Pero non o peor. En xaneiro de 1928, cando tiña Castelao 42 anos, morre o seu único fillo, de catorce anos, de nome Afonso Xesús, un rapaz con moitos problemas de saúde.
Cae Castelao nun fondo abatemento e non escribe nin debuxa durante meses. Nunha carta ó presidente do Centro Galego de Buenos Aires (publicada na biografía de H.Monteagudo) maniféstase así: “he perdido a mi hijo, que era toda mi esperanza (...),una desgracia irreparable que me ha dejado ciego y harto de todo, puesto que no veo nada ni tengo deseos de nada”. Por consello dos amigos, pide logo unha beca da Junta de Ampliación de Estudos para viaxar á Bretaña e estudar as cruces de pedra. Castelao amaba a arte popular e moi en especial os cruceiros galegos e bretóns. Tense dito que os seus libros sobre os cruceiros amosan unha certa intención penitencial do autor: dende logo, poucas veces a dor transformouse en arte con tal forza.

26 dic 2006

Pulsacións flamencas no Parlamento

Eu xa sabía da querencia de Sarille polo flamenco: non é de agora. Por iso non me estrañou este seu artigo de hoxe en El Correo Gallego, atinado e intelixente.
Baixo fogo amigo...

Un artigo de Afonso Monxardín que pensei que erguería grandes polémicas, pero na páxina web de Galicia Hoxe aínda non o fixo.
En rede

Hai un par de meses, máis ou menos, o xornal Galicia Hoxe abriu unha-dúas páxinas dedicadas a Internet e novas tecnoloxías, coordinadas por Henrique Neira. De cando en vez trae algunha nova sobre os blogs galegos: hoxe mesmo fai unha breve recensión desta miña humilde bitácora e das dos amigos Xabier Docampo e Manuel Bragado (e ogallá sigan saíndo moitas máis, porque creo que interesan ós lectores/as):

www.asuvasnasolaina.blogspot.com
AS UVAS NA SOLAINA. Blog do profesor, escritor e colaborador deste xornal Marcos Valcárcel. Nel podemos atopar textos sobre literatura pero tamén sobre temas de actualidade. Ilustrado habitualmente con imaxes relativas ós textos, ou con imaxes que dan pé para facer comentarios. Como era de esperar e é normal nos blogs, hai tamén un arquivo de noticias e ligazóns cara a outros blogs. Actualizado frecuentemente.
www.xabier-docampo.net
XABIER DOCAMPO. O blog de Xabier Docampo achega unha pequena biografía deste autor de Rábade (Lugo), así como textos de carácter literario que escribe cada certo tempo sobre todo tipo de cuestións. Hai ademais unha área privada á que só poden acceder as persoas que autoriza o autor de obras tan coñecidas coma "O misterio das badaladas" ou "Cando petan na porta pola noite".
http://bretemas.blogspot.com
BRÉTEMAS. É o blog do director de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado. Co subtítulo de "Notas do traballo de edición", achega moitas noticias sobre o mundo da edición pero tamén hai espazo para comentar o último partido do Celta ou para abordar o feísmo na arquitectura. Conta con arquivo de noticias e cunha extensa listaxe de ligazóns sobre o mundo do libro e da edición en distintas linguas.

Seguen chegando tarxetas...
Pois si, seguen chegando tarxetas. Algunhas políticas, como esta dos meus antigos compañeiros do BNG ourensán.















1948: tres imaxes

Retratos de Xosé Crecente Vega, falecido en 1948; de Eduardo Moreiras, director de Mensajes de Poesía, e de Blanco Amor, que publica nese ano La catedral y el niño (a foto é anterior, de 1934).

Castelao pintor.

A Editorial Galaxia publicou nestes días dous coidados volumes, co mesmo formato, sobre a obra gráfica de Vicente Risco e a obra pictórica de Castelao. Dos debuxos de Risco xa falei aquí.

O tomo de “Castelao pintor” axunta a obra pictórica do rianxeiro, á marxe dos debuxos e caricaturas, e vai precedido dun atinado e minucioso ensaio de Miguel Anxo Seixas titulado “Castelao: entre a dor e a cor”. Disque a de pintor era, coa de humorista gráfico e caricaturista, unha das verdadeiras vocacións de Castelao: non lle puido dedicar todo o tempo necesario, envorcado na loita política e no esforzo por construír un país.

Pero deixou un xeito de ser e de pintar, un estilo e unas formas, un espírito popular e unha ética das colores, que hoxe son inconfundibles. Este libro volve lembrárnolo e paga a pena afondar neses deseños, que retratan unha idea moi persoal e potente de Galicia.
(Na imaxe, A tola do monte, ca. 1912, acuarela s/papel, 56,2 x 60 cm. Colección Herdeiros de Teresa Rodríguez Castelao)
1948: Tempo de revistas.
Foi o ano de Alba. Hojas de Poesía e de Mensajes de Poesía, empresas culturais vinculadas, na cidade de Vigo, a Ramón González-Alegre e a Eduardo Moreiras.
O artigo completo aquí.

En 1948 aparece en Buenos Aires La catedral y el niño, de Eduardo Blanco Amor, obra tan insólita como grandiosa que, non obstante, pasa desapercibida no ámbito da literatura en castelán. Lorenzo Varela publica o seu estudo monográfico sobre Luís Seoane e o músico Julián Bautista crea a composición musical Catro poemas galegos, inspirada nos Catro poemas pra catro grabados de Varela. Ramón Villar Ponte gaña os Xogos Florais de Betanzos co romance histórico Mandeu e Fernández Oxea, co pseudónimo Eubensei, publica unha defensa do idioma galego en La Noche en resposta a unhas reticencias de Manuel Blanco Tobío.
Deste ano é tamén o primeiro poemario de Uxío Novoneyra, Abrojos, inédito ata que do mesmo deu noticia Alonso Montero na revista Madrygal.Ingresaban na Academia Galega Victoriano Taibo e Aquilino Iglesia Alvariño e Otero Pedrayo mandáballe a Ramón Piñeiro, preso en Madrid e enfermo dos ollos, unha emocionada carta con esta e outras novas culturais do país. Nacía a Asociación Cultural Cantigas e Frores e ademais o Centro Galego de Barcelona, como fusión de diferentes grupos e peñas galegas (Casa de Galicia e Sociedade Artística), xa nos seus locais das Ramblas e baixo a presidencia de Santiago Guisán Pardo.
Torrente Ballester publicaba Compostela y su ángel e Camilo José Cela, Viaje a la Alcarria e o poemario Cancionero de la Alcarria. Ó remate do ano finalizábase tamén o Teatro Colón na Coruña, obra do arquitecto Rodríguez Losada, cando era alcalde Alfonso Molina (edificio recentemente reformado e reinaugurado). En Vigo inaugurábase o Cine Fraga, do arquitecto Gutiérrez Soto, e o edificio La Equitativa na rúa Marqués de Valladares. Nos cines estreábase Sabela de Cambados, película moi popular de Ramón Torrado, rodada en Santiago e na Coruña con Cesáreo González como produtor. María Fernanda Ladrón de Guevara, Amparito Rivelles e Jorge Mistral eran os seus protagonistas.

24 dic 2006


Babecadas.
(Pan por Pan domingo 24 dec. Imaxe do fotógrafo brasileiro Mario Cravo Neto)

A sociedade mediática que vivimos amplifica calquera estupidez nacida na contorna das persoas próximas ós medios de comunicación. Estes días coñeceuse a historia de Pascal Sevran, un xornalista francés coas súas orixes na esquerda, que é un showman da televisión pública francesa (France 2). Ten alí un programa dirixido ós pensionistas cun 73 por cento de audiencia nese sector, un Gayoso galo, digamos. Publicou un libro titulado “Les privilèges des jonquilles” con proclamas nidiamente racistas: di que os problemas do mundo actual e as fames de África proceden da compulsión sexual dos negros (da súa pixa, literalmente) e como solución propón esterilizar a medio planeta. Outro xenio das babecadas é Ahmadineyad, presidente de Irán, capaz de convocar un congreso para negar o Holocausto. Persoas que teñen solucións sinxelas a problemas complexos: así nacen os fascismos.