7 mar 2007


Políticos e comic.
(Pan por Pan mércores 7 marzo. Na imaxe, a Valentina de Guido Crepax).

Francia é un país onde a banda deseñada é moi popular, cunha longa historia na arte dos tebeos. Por iso non é estraño que, segundo conta a prensa, a campaña electoral francesa estea animada por grandes tebeos dedicados a Sego ou a Sarko que se serven deste rexistro para destripar as vidas e defectos dos candidatos. Nicolás Sarkozy, o candidato da dereita, ten que aturar duras sátiras sobre a súa estatura e sobre certos riscos delicados da súa traxectoria amorosa, como a fuga da súa muller cun publicitario. Os tebeos electorais son os bestseller da temporada francesa. Aquí os políticos peléxanse por estar nos monicreques da TV, pero ninguén probou a fórmula do comic. Como copiamos moitas cousas de Francia, isto tamén chegará. Benvido sexa se funciona como risoterapia: calquera cousa mellor que a crispación absurda e demagóxica que domina o clima político.


Homenaxe a Carlos Casares. Convite á blogosfera galega

O próximo venres, 9 de marzo, vanse cumprir cinco anos da morte de Carlos Casares, falecido en Vigo o 9 de marzo do 2002. Carlos Casares foi un excelente escritor, un magnífico conversador e tertuliano e, para moitos/as, un amigo e un referente moral.
Propóñovos, se vos parece ben, facerlle unha pequena homenaxe dende a blogosfera galega (refírome a todos os blogs de galegos, de nacemento e de corazón, que se reparten por todo o planeta). Ó cabo, Carlos era un apaixonado dos aparatos e trebellos tecnolóxicos máis orixinais e tamén estaba entusiasmado co mundo virtual e as posibilidades de Internet. Non chegou a escribir un blog, pero tiña un xeito de blog nos xornais (“Á marxe” en La Voz de Galicia), co que comunicaba todos os días con milleiros de galegos e galegas, sendo o columnista máis seguido da prensa galega. Consta ademais que moitos dos seus amigos e colegas chamábano a cotío dándolle datos ou comentarios sobre os temas que trataba nas súas columnas: o equivalente ó que hoxe son os comentarios ós nosos textos nos blogs.
En fin, que se vos parece pertinente, sería moi fermoso que o 9 de marzo todos os blogs que queiran publiquen un pequeno texto en homenaxe a Carlos Casares, lembrando a súa obra e a súa personalidade. Queda feito o convite.














Sinatra e Sofía Loren
(Andoliña 7 marzo)

No ano 1957 Stanley Kramer rodou en España a película Orgullo y pasión, ambientada nas guerras napoleónicas: lembreino esoutro día na sección Cen Anos de Historia Cultural. A rodaxe dividiuse entre Santiago, Ávila, Cuenca, Segovia e máis lugares. Foi unha das grandes superproducións da época: ata Franco foi visitar os escenarios onde se ía rodar. Por certo, seica sae na película un mozo cebreireño de 23 anos, supoño que como extra, que co tempo habíase facer abondo popular neste país, un tal Adolfo Suárez. Xa ven.

Xuntou aquela rodaxe tres monstros do cine: Cary Grant, Frank Sinatra e Sofía Loren. Houbo leas de saias e máis cousas. Un amigo contoume esta anécdota que vén no libro Cary Grant, un toque de distinción, de Warren G. Harris: Sinatra fixo de bufón do grupo e quixo darlle leccións de inglés a Sofía Loren; de xeito que a actriz ía polo plató dicindo cousas como “foi caralludo” ou saudando co dito “que tal tes a pirola?”. A pobre da Sofía estaba fascinada pola voz melodiosa de Sinatra, vaia peixe, pero cando se decatou da tomadura de pelo do actor ofendeuse tanto que foi xunto del e, diante de toda a compañía de actores, chamoulle “abusón e repugnante fillo de p...”.

6 mar 2007


O intelectual. O antisemitismo galaico. E máis...

Henrique Alvarellos, en Galicia Hoxe, lembra o debate que sobre os intelectuais tivo lugar nesta bitácora, ademais de falar da valía de Isaac Díaz Pardo.

Afonso Vázquez-Monxardín, no mesmo xornal, reflexiona sobre o caso Pedro Gómez-Valadés e o antisemitismo galaico.

Moi outra visión do tema, sobre todo no último parágrafo, ten Xosé M. Sarille que tamén aborda, na súa columna semanal de El Correo Gallego, as simpatías progresistas con Israel.
(Imaxe de Tiziano, "Venus Anadyomene").

LUGO NA LITERATURA, de Xosé Miranda

(Nota previa: hai un par de meses dediquei unha serie de artigos ás Cidades Literarias galegas. A serie quedou incompleta e na relación de cidades literaturizadas faltaba Lugo e algunhas vilas. Para compensar aquel traballo a medias recupero agora este magnífico artigo de Xosé Miranda, publicado hai algún tempo en A Nosa Terra, que se ocupa precisamente dese aspecto. A foto procede da web www.luisengroba.com, que conta cunha excelente galería de fotos da cidade amurallada).


Agora que hai tempo que pasou o ano ano do meu moi ilustre concidadán, don Ánxel Fole, si señor, e xa moitos se esqueceron del, se cadra é bo momento para dicir que con el empeza a cidade de Lugo a ser unha cidade literaria.
Nas páxinas de Contos da Néboa e de Historias que Ninguén Cre andan as nosas rúas, a de Caiñós, a do Progreso, Recatelo, Fingoi, o vello cemiterio, o desaparecido cine España, o Lugo-Bar, o bar do Manco e o Calvo, as nosas néboas, o queixo de San Simón e os bebedores de viño de Chantada e de Queiroga, a folla do luns e o diario local, os días de inverno e as longas noites, os nosos nomes e os nosos apelidos, os nosos alcumes e os nosos costumes, os comercios, a paisaxe, as crenzas e as ideas, en suma, o Lugo verdadeiro. Non esquezan que Fole fai personaxes a tolos e esmolantes, labregos e fidalgos, si, pero tamén a concelleiros e mesmo a libreiros. Lembremos, como tal, ese relato que titula: Morre en acidente de automóbil o libreiro lugués Don Segundo Daponte. E se dicimos esto dos seus libros de relatos, moito máis poderíamos dicir do Cartafolio de Lugo e de outros dos seus artigos periodísticos.
Fole foi, se cadra, o principal, pero pódense citar xa uns cantos escritores que fan de Lugo a paisaxe dos seus relatos ou a fonte dos seus versos. Pois a cidade anda nos versos do Cura de Fruime, Diego Antonio Cernadas y Castro, en 1755. Nos de Ánxel Xohán, nos do grande Luís Pimentel, nos de Álvaro Cunqueiro, nos do bo de Aquilino Iglesia, nos de Lorenzo Varela:
Na vida, na morte, no amor e no ren,
loubareite, Lugo de aceiro e de mel.
Nos de Manuel María; nos dos irmáns López Valcárcel, esta cidade de pombas mortas a balazos; nos de Darío Xohán Cabana e a súa Fraga Amurallada; nos de Antón L. Dobao; Xavier R. Barrio; Xoán Neira; Lois Diéguez; Claudio Rodríguez Fer e o seu Lugo-blues e a súa Noite amurallada; no Cántico da Fonte da Praza do Campo, de Cesáreo Sánchez Iglesias, nos versos de Celso Emilio Ferreiro, que non quería ir a Glasgow, que quería vir a Lugo; no Moucho na Alameda de Uxío Novoneyra; esta cidade fría, profunda, posuída por un fado escuro, de estancias pechadas ata a fin, con tardes que son lagoas lentísimas e grises, apacibles coma tépedos autobuses, cunha néboa fermosísima, intratable, anda nos versos do poeta de Meilán, esa parroquia nosa de ríos, liñares e bosques ingleses con ovellas, Manuel Xosé Neira, e nos versos, terribles como estampas da dor e da miseria dos extrarradios, de Isidro Novo.
E tamén nas prosas, nas de Paco Martín, Dende a Muralla, Das Cousas de Ramón Lamote, e en Dous Homes ou Tres, entre outras; nun preciosísimo e moi triste libro, Memoria de Derribos, do Miguel Anxo Murado, e nalgúns libros infantís, outra vez de Paco Martín, como no conto O vagón que perdeu o tren.
Cando no futuro queiran saber como era Lugo terán que ler eses libros, e terán que ler os Tabernarios de Antón Grande, os Cronóforos de Marica Campo e El Crimen del Procurador de Juan Soto, e El Callejón del Deán de Cheta, e os ensaios históricos ou retratos de costumes do Doutor Castro, de Amor Meilán, de Narciso Peinado, de Abel Vilela, de Felipe Arias e de moitos máis, e outros que non vou citar por que o esquecín e por non consumir máis tempo, non porque non o merecesen. Entre eses libros haberaos mellores e bos, e ata os haberá malos, non digo que non, pero todos son importantes para a cidade e para os cidadáns, para os lugueses, para tódolos galegos. Pois chama ben a atención que se fale moito de Auria como cidade literaria, a partir de Blanco-Amor e dos continuos aportes doutros escritores (entre eles do magnífico Miss Ourense de Bieito Iglesias e as extraordinarias prosas de Ferrín) e, en cambio, ninguén se fixase en que tamén existe un Lucus como cidade literaria. E quero eu hoxe poñer o epílogo a esta reflexión recomendando a lectura de dúas novelas policiais: A xeada negra e Chuvia Mansa, ambas do mesmo autor, Xoán Ramón Díaz.

5 mar 2007


María do Cebreiro (entrevista de Lupe Gómez, hoxe, en Galicia Hoxe)
(A entrevista completa. A foto é de Cris Tobío)

De que cor é a túa Compostela?
É amarela. A cor da pedra, do mofo, é amarela. Hai que rebelarse contra os tópicos, como o de que Galicia é chover, hai que reinvidicar imaxes diferentes. O amarelo-laranxa do sol. Gústanme os días de inverno, fríos, nos que podes pasear, non chove, ves as cousas con moita nitidez.

De que cor é Lisboa?
Lisboa é branca. Cheguei a Lisboa a finais de agosto, o verán estaba acabando, a luz era cegadora, xeraba uns reflexos que parecía que estabas nun soño, rodeada de luz. A miña experiencia en Lisboa foi preciosa, apaixonante.Barcelona é unha cidade distinta?A Barcelona ámoa. Son moi parecidas Lisboa e Barcelona. Teñen unha luz moi similar. Barcelona foi a miña primeira experiencia de vivir nunha cidade grande, entrar en contacto con xente distinta, abrirme á lingua e cultura catalás, con poetas como Gabriel Ferrater, que me apaixona.

Prefires unha Galicia urbana?
Hai unha especie de identidade en conflito. Temos que ser conscientes dese conflito e encaralo. Paréceme interesante que unha muller urbana como Margarita Ledo reinvidique a dignidade do rural. O que non me gusta é a manipulación do rural. Como un idilio, créase un paraíso perdido, minimízanse as sombras, defórmase a realidade.

Que son ‘Os hemisferios’?
Os hemisferios cerebrais, as diferenzas entre o esquerdo e o dereito, e están unidos, e teñen que convivir. Interésame moito a mente, o cerebro. Con esas circunvalacións que ten, o cerebro paréceme fermoso e amoroso. Tamén é calquera cousa que pode ser dividida, unha laranxa, unha esfera. O home e a muller. A diferenza entre xéneros.A muller escribe diferente?Somos diferentes, aínda que non queiramos. A sociedade imprime en nós esas diferenzas. Non creo na diferenza biolóxica, paréceme conservadora. Sería difícil que esas diferenzas de carácter social non callaran no que facemos, escribimos. Pero existen tamén as diferenzas de clase, a raza, a orixe rural ou urbana....

A poesía é emoción?
Joan Brossa dicía que o que lle interesaba era a poesía que estaba fóra dos libros de poemas. Hai poesía no cine, na vida, na música, en moitas situacións e lugares. Os poetas cazan, atrapan ese movemento que ás veces non sabemos como nomear. Ás veces encóntraste coa poesía, saúdala, senta contigo e queda xunto a ti.

María Mariño era radical?
Elude os camiños fáciles. A radicalidade é fuxir do lugar común, dos tópicos, do tradicional, das opinións categóricas que ten a xente sobre as cousas. Ela fai unha poesía diferente, non é nada compracente, e é radical. Fai poesía case terminal, e nesa revolución da lingua que fai hai un afán de achegarse aos límites da experiencia. Por iso é avanzada, moderna.

TRABALLANDO, EN GALEGO
(La Región, 5 marzo)

O venres celebrouse no Liceo, convocado pola súa Sección de Literatura, un debate titulado “Experiencias concretas de galeguización na sociedade civil ourensá”. Tratábase de avaliar entre todos aquelas experiencias que dende hai anos apostan pola inserción profesional do galego, ás veces case sen axudas e sempre con moito esforzo persoal. Para iso convocamos a Antonio Piñeiro, técnico de cultura do Concello de Celanova e xornalista; Xavier Paz, libreiro e empresario; Manuel Suárez, médico; Francisco Nóvoa, empresario da Academia Postal; Xulio César Iglesias, xerente de Amencer; e Xosé Lois Brea, avogado.
Normalidade. Os amigos Piñeiro e Xavier Paz reivindicaron a normalidade no emprego do galego. Ese é o idioma habitual na maioría dos procesos que se desenvolven no Concello de Celanova, institución comprometida ademais nun papel normalizador da nosa cultura na vila de Curros e Celso Emilio. A mesma normalidade reclamaba Xavier Paz: “na miña librería falan en galego, portas para dentro, o 95 por cento dos clientes”. Como libreiro Paz nunca tivo problemas para desenvolver o seu labor cotián en galego, en todas as súas actividades, pero tamén advertiu: “outra cousa sería se falase como pai”. Manuel Suárez fixo unha emocionada defensa da lingua e do plus que significa para un médico actuar en galego (perdendo pacientes ás veces), pero tamén a recompensa de comunicación inmediata que se establece no ritual de relación médico versus paciente galego-falante.
A mocidade. No campo xuvenil, onde o galego perde falantes cada día, traballa dende hai a asociación xuvenil Amencer, dos centros Bosco de Galicia. A defensa do idioma e da nosa cultura é un dos seus eixes de actuación e o labor da asociación quere ser un contrapeso á desgaleguización que noutras parcelas sofre a mocidade. Tamén se botaron en falla actuacións específicas para a mocidade en espazos propios dela como o mundo do cine, televisión, videoxogos, etc. Pola súa banda Francisco Nóvoa defendeu o papel formativo en galego da Academia Postal: 142 libros de texto en galego publicados nestes anos e 163 profesores insertos nun plan interno de normalización que pretende en catro anos galeguizar todas as actividades da Academia.
A Xustiza. O máis pesimista, non sen razóns, foi Xosé Lois Brea, que partiu da súa experiencia na Audiencia Provincial. A realidade do galego na Xustiza é cero, isto é, non existe, limítase á obra dun par de avogados e á comprensión dalgún maxistrado (por certo sobre todo dun nacido en Ávila). Brea afirmou que mesmo existe belixerancia contra o galego na Xustiza e denunciou a desaparición no Pazo de Xustiza do Servizo de Normalización Lingüística e a escasa importancia do noso idioma na formación dos avogados (en Dereito estúdase de forma obrigatoria, inglés xurídico, moito menos útil que o alemán ou o francés para a profesión). Quizais a solución sexa, é ben certo, a que sostiñan Piñeiro e Paz ó comezar o debate: traballar en galego, con plena normalidade, ó servizo da sociedade. Sempre que nos deixen e, se non o fan, reclamar ante a autoridade todos os nosos dereitos lingüísticos como galegofalantes. Dereitos que son de lei. (Imaxe da pintora brasileira Tarsila do Amaral).

4 mar 2007



Martin Pawley + Galicia Encantada



Tamén están de aniversario os amigos de Galicia Encantada. E Roberto G.Méndez entrevista en El Correo Gallego a Martin Pawley (A Coruña, 1974), crítico de cine da Radio Galega e responsable do blog Dias estranhos (na foto).






CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL: 1957
O artigo completo
(Na imaxe superior, parte do Grupo Galaxia nos Ancares: Domingo García Sabell, Francisco Fernández del Riego, Celestino Fernández de la Vega, Ánxel Fole e Ramón Piñeiro)

Nace en Buenos Aires Follas Novas, librería e distribuidora do libro galego, da man de X.Neira Vilas e Anisia Miranda. E o Teatro Popular Galego de Blanco Amor. E a Editorial Citania. E libros como “Non agardei por ninguén”, de R. de Valenzuela; “Mito e realidade da Terra Nai”, de Xoán Rof Carballo; “A roseira da soidade”, de Antón Zapata García; a “Antoloxía Poesía Galega” de Galaxia, século XIX (Del Riego). O “Merlín” en castelán e a primeira parte de “Los gozos y las sombras” de Torrente. E “Literatura gallega actual” de Xavier Costa Clavell.
E nace tamén a colección Illa Nova en Galaxia. E publícase “Do sulco” de Xoana Torres, e “Voce na néboa”, de Ferrín, e o “Auto do taberneiro” de Manuel María.
Inaugúrase o monumento a Rosalía de Castro no Espolón de Padrón, realizado por José María Mateos, discípulo de Asorey.
Nacían Os Tamara e o Conservatorio de Música en Ourense, e Música en Compostela. Rodábanse tres películas en Galicia, entre elas “Camarote de lujo” de Rafael Gil (sobre un relato de Fernánde Flórez, e “Orgullo y pasión” de Stanley Kramer, que traía a Galicia a Cary Grant, Sofía Loren e Frank Sinatra.
Nacen, entre outros, Manuel Rivas, Bieito Iglesias, Ramón Caride, Ramiro Fonte, Antón Reixa, Alberto Avendaño, Gonzalo Navaza, Pilar Pallarés, Joâo Guisan, Xavier Queipo, Luísa Villalta, Francisco Leiro, Antón Patiño, Nancho Novo, Xosé M. Olveira "Pico", Xosé M. Piñeiro, Alberte Ansede, Xosé M. Pazos, Caetano Díaz, Paulino Pereira, etc. (vaia fornada de luxo!!).


«Africanos, celtas, árabes e indios comparten fantasías»
"Series como "Falcon Crest" son unha recreación do Olimpo"

Entrevista de Xesús Fraga en La Voz de Galicia, 4 marzo 2007 (Foto da web de Xerais)

O escritor lugués vén de reeditar unha das súas obras menos coñecidas, «O castrón de ouro», unha novela de aventura na que a fantasía e os mitos desenvolven un papel central

En 1993 Darío Xohán Cabana (Roás, 1952) gañou o premio de literatura xuvenil O Barco de Vapor coa novela de aventuras O castrón de ouro . Pero a obra distinguida quizais sexa unha das menos lidas do escritor lugués, xa que apenas contou con difusión. «De feito, quedou durmindo no almacén da editorial os 15 anos de rigor ata que venceron os dereitos. Había algunhas palabras no libro que non lles pareceron ben, pero é que eu escribo coas palabras que emprega a xente, mesmo os rapaces. Está escrito cunha linguaxe libre», di o autor. O castrón de ouro vén de ser reeditado por Galaxia, dentro da súa colección Árbore .

-Así que foi vítima do politicamente correcto na literatura xuvenil, que en vez de matar ao lobo do conto mándano a unha reserva, seica.
-É un auténtico desastre. Pero é que ademais non se modifica a realidade por disimulala. E se falo dun castrón, teño que empregar a palabra collóns . Home, podería dicir testículos . O problema é que eu non escribo para rapaces, eu fago literatura, boa ou mala, pero literatura que a pode ler calquera. Dame mágoa que algúns adultos non lean libros meus como As viaxes do príncipe azul ou As aventuras de Breogán Folgueira por aparecer nunha colección de literatura xuvenil. Eu, ademais, escribinos cando tiña entre 35 e 40 anos e divertinme moito.

-O seu libro apóiase nunha visión da realidade que ten moito de espazo mítico.
-É que os mitos e a fantasía pertencen a unha realidade e non ese intento de disimulala. É que ademais non se transforma: esa visión dun mundo tan correcto fai que non se modifique. Pero este non é un libro de análise social. É unha fantasía, historias fantásticas baseadas na mítica europea, galega e europea. Hai mitos galegos, anglosaxóns, artúricos, o Rei Don García, o pasado mítico.

-Os mitos propoñen unha cosmovisión e un sistema de valores. ¿Que peso teñen na súa obra?
-A min os mitos interésanme, en principio, porque me parecen divertidos. Levan funcionando mil, dous mil, tres mil anos, e son actualizados por cada xeración. Ao mellor me equivoco, pero é que me parecen moi divertidos. E tamén resulta moi interesante comprobar a súa universalidade. Se les a épica cabaleiresca europea do século XII e comparas coa épica dos pobos do Sael do XIX, verás que somos iguais. Os negros africanos e os celtas comparten as mesmas fantasías, mesmo os árabes ou os indios norteamericanos. É unha proba de que todos soñamos coas mesmas cousas.
«É necesario que os ourensáns se atopen coa súa historia»

Velaí a entrevista que hoxe publica La Voz de Galicia-Ourense, sobre a campaña para a recuperación do Banco de España...



Pascual Veiga.

(Pan por Pan domingo 4 marzo)

Celebrouse en Compostela un encontro sobre Pascual Veiga, o compositor da musica do Himno Galego (con letra de Pondal). Esta cita trouxo varias novidades sobre a súa vida e a súa obra, que é o mellor que pode pasar nun congreso deste tipo. Vexamos algunhas delas. Estas xornadas conmemoraban o centenario da primeira interpretación en público do Himno Galego, na Habana, en 1907. Pois ben, o musicólogo Fernando López-Acuña sostén que tal composición xa se escoitara en 1896, once anos antes. Tamén se revelou nestas xornadas a estreitez económica que padeceu o músico, que tiña embargado polos acredores o seu soldo de profesor en Madrid. Na prensa do XIX hai moitos lamentos pola penuria dos nosos autores. O caso de Veiga foi dos peores: a familia non podía afrontar os custos do enterro e só coa presión popular logrouse traer o seu cadáver de Madrid a Mondoñedo.

Cambio climático.

(Pan por Pan sábado 3 marzo)


Hai só uns anos algúns estudos e películas ridiculizaban as teses ecoloxistas sobre o cambio climático provocado polo home. Hoxe hai datos xa incuestionables de que tal proceso se está a dar e de que o home é o causante do maior problema medioambiental do planeta. Lémbranolo David Attenborough, naturalista e divulgador científico que leva 54 anos facendo documentais sobre a natureza (moitos deles, da BBC, emitidos na TVE-2), en España nestes días para recibir o premio da Sociedade Xeográfica Española. Xa non podemos parar o cambio climático, di con contundencia este naturalista, non sexamos ilusos: o máis que podemos aspirar é a impedir os seus desastres e non prexudicar demasiado as novas xeracións. O planeta non pode seguir a recibir contaminación e lixo ó ritmo actual: isto tamén é un problema político, o meirandes reto do mundo no que vivimos.

3 mar 2007


Primeiro ano de As Uvas na Solaina: graciñas.

Pois si, así como quen non quere a cousa, xa levamos un ano no mundo virtual: empezou a súa andaina esta bitácora o 6 de marzo do 2006: por certo, cun comentario entre irónico e tétrico (“Os columbarios nas igrexas e nos estadios”). Adianto a celebración tres días para aproveitar a fin de semana e, de paso, facela coincidir co meu aniversario real (xa ven, un aniño máis vello).
É tamén un bo momento para dar as grazas: sobre todo os que estades do outro lado, participando, uns como lectores, outros como opinadores e contertulios moi activos. No debuxo que adxunto (se pulsan enriba del, poderán ler os nomes)
quero simbolizar ese agradecemento mesmo facendo referencia a algunhas das voces máis asiduas nos debates (perdón polos posibles esquecementos, que ten que habelos: ninguén é perfecto). Sen todos eles/as, sen a súa presenza constante e xenerosa, este blog non tería sentido.
Precisamente estou moi satisfeito, sobre todo, por conseguir dende a rede facer un dos blogs máis dinámicos e participativos na nosa contorna (a Galicia real: a do interior e a dos galegos que compartillan con nós as súas ilusións, dende Buenos Aires a Australia). Froito desa participación foron moitos dos ricos debates que aquí se desenvolveron: a marca débea levar o aínda recente debate dos intelectuais, que superou as 73 intervencións, moitas delas de gran calado. E moitas outras superaron as cincuenta entradas, como a campaña do Galego en Positivo ou “Que esperan do goberno os cidadáns?” (59); en xeral, moitas entradas sobre o galego, os nosos escritores (Cunqueiro) ou a nosa historia contemporánea, tiveron ampla acollida entre os lectores.
Son case 700 post nun ano que, quitado o mes de agosto por vacacións, sae a máis de dous comentarios meus diarios. Tamén hai que dicir que esta bitácora foi casa de acollida para outros artigos de autores diferentes, aquí reproducidos e debatidos. Na maioría dos casos, pedinlle permiso ós seus autores; en calquera caso, ninguén protestou por esa utilización, quizais porque son todas boa xente ou bos amigos (ou as dúas cousas xuntas). Entre outros, e citando de memoria, aquí deixaron os seus textos, autores como: Afonso Vázquez Monxardín, Bieito Iglesias, Miguel Anxo Fernán Vello, Salvador García Bodaño, Antón Baamonde, Alfredo Conde, Suso de Toro, Manuel Rivas, Luis González Tosar, Víctor Freixanes, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Manuel Sarille, Ramón Chao, Xavier Castro, Xosé Miranda, Damián Villalaín, etc. Graciñas tamén a todos eles.
Ben, non quero aburrilos agora. Aquí seguiremos. Se vostedes consideran pertinente e interesante este debate, sempre dende a cortesía e a confianza mutua, seguiremos ofrecéndolles as nosas Uvas na Solaina, cabeceira que é, por se alguén aínda non o sabe, unha sincera homenaxe a Vicente Risco:
Por que "As uvas na solaina"? (10 marzo 2006)
Pois, así de sinxelo: como homenaxe a un dos grandes mestres do xornalismo literario na Galiza:"Una casa en que hay uvas colgadas da idea de una felicidad tranquila y un poco rústica, sin nada que sobre ni que falte, en que no falta ni siquiera la pachorra, ni la parola.En toda casa donde hay uvas colgadas da gana de quedarse. Cuando uno no puede quedarse, se va mirando para atrás, lleno de saudade"."Las uvas de cuelga", nesa marabilla que se chama LIBRO DE LAS HORAS, Ourense, 1961.

5o anos do Conservatorio de Ourense


Neste 2007 o Conservatorio de Ourense cumpre os seus primeiros 50 anos de vida. Pasou por diferentes locais e por diversas andainas, pero aí está, formando músicos e estimulando a cultura musical nas xentes aurienses.

Para celebralo preparou un amplísimo programa de actos, do que iremos dando conta de vagariño, que se desenvolverá entre marzo e maio e no que ademais eu mesmo fun convidado a participar (o 12 de marzo, moitas grazas).

Os actos da celebración deste 50 aniversario comezan hoxe, no Auditorio Municipal (20,30 h.), cun concerto: Spanish Brass Luur Metalls, Quinteto de Metais, con obras de Cabanilles, Colomer, Lafosse, Rivera e outros autores españois (na foto).

2 mar 2007


Literatura de cintura para arriba

(Xabier Castro, en Galicia Hoxe, 2 marzo)

Non resulta doado documentar a historia das relación sexuais por medio das fontes literarias tradicionais xa que esta cuestión omitíase pudicamente por puritanismo moral, ou recibía un tratamento moi superficial, velado e tanxencial. Con razón sinalaba Blanco Amor que a galega era unha literatura soamente "de cintura para arriba". Tales reservas tardaron moito tempo en desaparecer, de xeito que xurdiu un desfasamento moi marcado, entre as letras galegas e as doutros países do noso contorno, nos que os escritores se sentiron menos constrinxidos á hora de plasmaren con liberdade esta esfera da conduta humana. A franqueza coa que se expresaron Proust, Joyce ou Gide, a principios do século XX, non se albisca en Galicia ata as últimas décadas desa centuria. O franquismo, cunha censura que respaldaba a versión integrista, contrarreformista e trentina, da moral católica, pode constituír un principio de explicación. Pero parcial, nada máis. En verdade, a mentalidade da maioría dos cidadáns era bastante pacata e puritana, se a comparamos coa que estaba vixente en sociedades máis abertas e nas que existía maior tolerancia e liberdade de costumes. Castelao, cando visitou París no ano 1921 quedou abraiado coas licenzas que se permitían as parellas na rúa, como xa temos indicado, e tamén outro intelectual, que estableceu vínculos con Galicia na década dos cincuenta, quedou sorprendido, cando cruzou os Pirineos, coa: "(...) desenvoltura, chocante para quien venía de una sociedad represora, de las parejas, besándose en los bares y cafés, en las calles y jardines y de las mujeres vistiendo novedosos pantalones". Sendo así as cousas, poderiamos preguntar se sería concibible que Otero Pedrayo traducira na revista Nós algunha das pasaxes eróticas do Ulises, que profusamente aparecen a través da novela? ¿Aceptarían isto Vicente Risco e os restantes promotores da relevante publicación?
Vexamos algúns aspectos referidos á historia das prácticas eróticas en Galicia. En ocasións, os mozos iniciaban o cortexo, ou levaban a cabo tentativas eróticas, sen moito requilorio previo. Trataban de aproveitar para os seus arranques as oportunidades nas que unha moza se encontraba soa. Nunha ocasión, estaba unha muller nunha fonte algo afastada, na zona rural do concello de Marín, aló polos anos corenta, e achegóuselle un mozo, quen, sen que mediaran palabras nin formalidades previas, púxose a apalparlle os peitos. Ela, que era muller casada, aínda que o home estaba bastante impedido de resultas dunha embolia, revolveuse e díxolle: "Ti non me apalpas". Breixo de Gosende refería así un encontro erótico decisivo na súa vida: "-Eu viña de rozar monte aquil mediodía de vrao, i atopei a rapaza na fonte. Iba unha fogaxe que Dios nos libre, e viña candia min o can da casa. Non había ninguén arredor, en todo canto se vía en volta enteira. Eu ventara-a coma un can. Sentín un lóstrego no sangue. Botei-lle a mao... E seguiu o conto...". Ánxel Fole, como adoitaba ser habitual, omite pudorosamente mergullarse na descrición erótica, pero polo que refire despois, enténdese ben que tiveron unha relación sexual, como consecuencia da cal a moza quedou embarazada e tivo un fillo.
(Imaxe: Encontro de dous, de Olga Sinclair)
(Como aquilo que din dos Césares: lembra que só es un ser humano...)

Unha canción.
(Pan por Pan venres 2 marzo)

Fala esta canción dunha guerra que marcou a vida dun país e dun home que sobre esas cinzas ergueu a paz: “Gracias le doy/ al gran hombre que supo alejar/ esa invasión/ que la senda venía a cambiar. / Otros vendrán/ que el camino no habrán de labrar/ (…) No han de ocultar,/ hacia el hombre que trajo esta paz,/ su admiración”. Así dicía a canción de 1966, “Un gran hombre”. Si, fala de Franco. Nada sorprendente: hai centos de textos semellantes dende 1939. A sorpresa é que quen cantaba esa canción era Víctor Manuel, un nome importante na cultura da esquerda. O ruxe-ruxe andaba por Internet e agora insiste no tema un xornal de Madrid, con intencións máis ben maliciosas. Pero Víctor Manuel soubo saír do paso: recoñeceu que esa voz chillona era del, “son pecados de juventud, cosas que pasan”. Fixo ben. Non vai perder admiradores por ese tropezón de cando era un neno sen ideas propias.

1 mar 2007


Recomendacións do chef

O escritor Manuel Vicent falou onte en Vigo das memorias culinarias. Foi presentado por Manuel Ángel Candelas, profesor de Literatura Española da Universidade de Vigo. E de seguro que dixo cousas interesantes, velaí a crónica de Fernando Franco:
La columna vertebral de nuestra alma es el humo, dijo acudiendo a una de esas finas metáforas que alimentan sus escritos, "pero ese humo que salía de la cocina de nuestra madre o nuestra abuela, desde la que recibimos las primeras consideraciones sobre la vida". La memoria culinaria que se empieza a labrar en la infancia. De eso habló también en el toma y daca del coloquio. "Recuerdo que de niño, en medio del hambre de posguerra, en mi pueblo valenciano las familias se dividían en dos: las de casas donde amasaban pan y las de casas donde no amasaban. Eso significaba que tenían o no harina y en esa división consistía entonces ser absolutamente rico o ser un pobre de solemnidad". Para Vicent, cualquiera puede cambiar de dioses pero no de alimentos y, acudiendo a un simil teresiano, comentó que "en realidad, Dios está dentro de un buen potaje" (Hai tamén crónica deste encontro no blog de Arume dos Piñeiros).

E en Galicia Hoxe Anxo Tarrío escribe sobre o manifesto do "E" e sobre a corrección na lingua:
O que máis irrita o cronista é que teñamos que facer este tipo de comentarios e xestos simbólicos simplemente para que se restableza o que é propio do noso idioma. Ocorre como co famoso L da Coruña. Loitouse até instancias xudiciais por un L de máis, cousa que a min me sobe as cores á cara, quero dicir que me arrubía as fazulas, cando tamén, e con toda a razón, se podería loitar pola forma Cruña no canto de Coruña, pois é a máis celticamente etimolóxica, a que utilizaron moito os axentes culturais da Época Nós (1916-1936) e, dende logo, a máis popular até non hai moitos anos. Pero iso volvería carioco a Paco Vázquez. Imaxine o lector que o flamante embaixador no Vaticano tivese que enzoufar a boca dicindo A Cruña, por certo, unha forma ben bonita e eufónica deturpada polo fenómeno que a terminoloxía filolóxica chama anaptixe (o que lle pasou, se mal non recordo, á palabra crónica na Idade Media, que a volveu en corónica).


Dende Celanova

Cando un rapaz de só 12 anos, dende a Celanova de Curros, Celso Emilio e Méndez Ferrín, cando a outros todo o tempo lles é pouco para a videoconsola e o Gran Hermano, pon a andar un blog...
E ademais faino en galego, na nosa lingua.
Pois qué queren que lles diga?
Para min é unha inxección de optimismo e de fe e esperanza no futuro deste país.
Velaí: www.andrederabal.blogspot.com