9 mar 2007


O blog de Carlos Casares
(Andoliña 9 marzo 2002)
A foto é duns Encontros Literarios en Ourense sobre Literatura e Oralidade (1997), no Liceo.
Están na foto Basilio Losada, Pepe Trebolle, Xoán Fonseca, Siro López, Carlos Casares, Marcos Valcárcel e Alonso Montero.

Cúmprense hoxe cinco anos da morte de Carlos Casares e non podemos deixar de constatar o inmenso baleiro que na cultura galega representou a súa prematura desaparición. Excelente escritor, magnífico conversador e tertuliano, para moitos foi tamén un amigo e un referente moral. Lembrarémolo no Liceo ourensán cunha serie de actos nos que máis de 50 persoas leremos os seus textos xornalísticos.
Ademais, tiven a ousadía de convocar os colegas do blogomillo galego (a todos aqueles ós que puiden chegar) para que hoxe lle dediquen un comentario nas súas bitácoras. Porque Carlos Casares non chegou a escribir un blog, non era tempo aínda, pero tiña unha peculiar bitácora dende os xornais e dende eles comunicaba con moitos milleiros de galegos e galegas: cónstanos ademais que recibía moitos comentarios, vía telefónica, sobre os temas das súas columnas, como hoxe se reciben por escrito en cada un dos nosos blogs.
Sabendo ademais que Carlos era un apaixonado dos trebellos, das novas tecnoloxías e do mundo da internet, estou seguro de que lle encantaría saber que hoxe si vai ter un blog, pero espallado en múltiples bitácoras: dende Auria ata Buenos Aires, en merecida homenaxe.
UN CORAZÓN DE DIAMANTE
(Recupero os dous primeiros artigos que publiquei cando a morte de Casares. O segundo, que é longo, xa vai como comentario. Os dous están recollidos, xunto a outros moitos doutros autores, no meu libro "Carlos Casares, punto de encontro", Ourense, 2002).

Entereime ás dez da mañá por unha chamada telefónica. Tardei un par de horas en asumir a idea da morte de Carlos Casares. Dei varias voltas polo Paseo, convencido de que en calquera momento aparecería andando, co Julito Losada e cos amigos ourensáns, e que nos daríamos unha aperta de amizade. O corazón destilaba de vagar as bágoas de dentro, as que máis doen. Só podo agora falar do amigo. Do amigo ó que tanto lle debo, máis do que el mesmo pensaba. Carlos tiña unha talla moral que será imposible sustituír. Hai outros grandes escritores, grandes intelectuais e xentes do mundo cultural. Pero moi poucos con corazóns de diamante como o que se cansou de latir no corpo de Carlos. Fóisenos un dos mellores corazóns que nunca pariu este país. A morte é absurda, dicíalle onte o propio Carlos a Damián Villalaín tomando café. E tamén inxusta, cruel, estúpida.
(O Correo Galego, 10 marzo 2002)

8 mar 2007

CASARES NO BLOGOMILLO

Excelente acollida á homenaxe a Carlos Casares dende o blogomillo. Moitos colegas xa manifestaron o seu apoio.
E algúns xa publicaron os primeiros textos. Velaí:
Brétemas
Mendinho
Bouzafría

En Vieiros
En Chuza
Fíos invisibles

Modesto Fraga
Sobre filloas mel
Computodefantasmas

Enkadenados
Atoladomonte
Orballonalareira

Rei de copas
Galiza, por sempre, Galiza
De catro a catro

Trasalba
Dpaso
Astuasbalas
Arume dos piñeiros

Unha pomba en Nova York
Andre de Rabal
Ana Bande

Francisco Castro
Imaxes Faladeiras
Ningures

Ouriceira
Ourensalia
Apocalipse do porco

De catro a catro
Dias Estranhos
En outro lado

Xabier Docampo
Beliscos pequenos
Leoeoseus

Toxomar
Xornal aberto
Cabrafanada

Cartafol de silencios

O levantador de minas

Moralla

Abellonenia

Valdeorosa

Mencia

Silvio Falcón

Insomniorizar

Ademais, a Casa da Xuventude de Ourense abre hoxe a súa web cunha lembranza de Carlos Casares. Graciñas a todos/todas por colaborar con tanto entusiasmo.


Barreiros.

(Pan por Pan xoves 8 marzo)

De certo foi unha sorte que Mariluz Barreiros lograse convencer a Hugh Thomas, historiador de sona internacional, para que este abordase a biografía do seu pai, un nome fundamental na historia da empresa neste país. Un home saído dunha Galicia atrasada, case sen estudos, que tivo a suficiente fe nas súas ideas, unha gran intuición e unha forte tenacidade para erguer o seu soño industrial: tivo tamén un gran sentido da oportunidade, ofrecéndolle ó país que renacía da fame e da autarquía o que máis precisaba naquel momento: motores para automoción. Segundo dixo o propio Thomas antonte no Foro La Región, o franquismo tampouco lle deu demasiadas facilidades: os ministros económicos desconfiaban da empresa libre e do espírito independente do empresario. Unha parte da historia ourensá, das súas páxinas negras e das súas páxinas brancas, está neste libro de Thomas.

Casares no Liceo
(A foto que abre este comentario é de Eduardo Núñez. Foi tomada o 24 de maio de 1997 na homenaxe que o Clube Cultural Alexandre Bóveda lle fixo a Antón Risco. Nese momento tocábame falar a min; logo falaron Arturo Lezcano e Carlos Casares, saboreando o seu puro. Á beira de Carlos, está sentado Carlos Quesada).
Nota: Na web do Liceo (ó carón, na columna da dereita), no apartado Noticias, están colgadas algunhas fotos de Carlos Casres e tres pequenos documentos sonoros coa súa voz.

Conmemorando o quinto aniversario da morte de Carlos Casares, o próximo venres 9 de marzo, o Liceo ourensán, dende a Sección de Literatura, organizará unha serie de actos en Ourense, que consistirán nunha mesa redonda en sesión tertulia de tarde (17,30 h.) na que participarán Julio Alonso Losada, José Carlos Martínez Pedrayo, Javier Casares e Marcos Valcárcel.

Ás 19,30 no Salón Nobre haberá un novo acto no que serán algúns dos seus textos xornalísticos e no que participarán ata 60 persoas do mundo social e cultural de Ourense, entre elas moitos amigos e compañeiros que tiveron relación directa co escritor.
Ademais, se exhibirá un Power Point cun cento de imaxes de Carlos Casares en actos ourensáns ou realizados en toda Galicia. Todos estes actos contan coa colaboración da familia do escritor e da Fundación Carlos Casares.
(Os textos a ler, procedentes de "Á Marxe", foron seleccionados por Sexismundo Bobillo e MV. A documentación posible para as fotos foi achegada por Benito Losada (fotos do Clube Alexandre Bóveda, realizadas polo fotógrafo Eduardo Núñez), e outras proceden do meu arquivo privado e da familia Casares. Finalmente, a montaxe do Power Point será realizada por José Luís Troitiña).

"Cary e mais eu", de Anxo Tarrío Varela

(Galicia Hoxe, 8 marzo)

Conta estes días Marcos Valcárcel no seu civilizado blog As uvas na solaina, un episodio sucedido en Santiago de Compostela hai agora cincuenta anos. Antes de nada, quero felicitar o meu amigo por cumprir xa dous anos dende que decidiu comunicarse cos internautas dun xeito ameno, sabio, honrado, valente e culto. Dando a cara. Pero vamos ao conto. Efectivamente, un día indeterminado de 1957 (na memoria tíñao eu localizado un ano ou dous antes, no 55 ou 56), Santiago foi unha festa, polo menos para a xente miúda que nos tocou en sorte facer de extras na película de Stanley Kramer The Pride and the Passion, estreada en España co título de Orgullo y pasión. Entre outros astros, que non nomeo por modestia, Cary Grant, Sofía Loren e Frank Sinatra son as estrelas desta cinta que a min nunca acabou de gustarme, e xa direi o porqué.
A festa foi dobrada para os nenos que viviamos na Avenida de Raxoi, xusto a carón do sitio onde se rodou parte desta película, polo que andamos de brincadeira toda a xornada. Corría 1957 e un bo día tráennos a noticia de que o SEU, se a memoria non me falla, ou a Falange Española, que tanto monta, monta tanto, andaban a recrutar voluntarios para facer de extras nunha película que ía rodarse na Praza do Obradoiro (daquela chamabámola do Hospital e coido que aínda era terreira, como se ve na foto tirada da web da Ciberirmandade da Fala). A mobilización dos rapaces maiores da familia, xa mozotes, rondando os vinte anos, fixo que este que escribe poida contar agora aquilo con certo coñecemento de causa.
Aquel día suspendéranse as clases, polo menos no Instituto Xelmírez, o masculino, que antes estaba na praza de Mazarelos. Non sei se terían a mesma sorte as nenas do Rosalía de Castro, o feminino. Non o creo. E alá fomos, á Casa da Parra a nos vestir de época (principios do XIX), cuns farrapos vellos, e a cobrar as vinte e cinco pesetas que nos pagaron de salario. Unha fortuna. A Praza do Hospital estaba tamén vestida de época, con carros, cabalos, pacas de palla e herba seca, telderetes, estaribeis e xentes indo e vindo, como nunha gran feira.
A nosa misión consistía en correr detrás dunha carroza que facía a entrada na praza pola banda do pazo de San Xerome, actual Reitoría da Universidade. O director do filme colocárase no extremo norte da balconada do pazo de Raxoi e dende alí daba a orde de ¡acción! E veña a correr e a repetir a escena unhas cantas veces.
Dentro da carroza supúñase que ían Sofía Loren e Cary Grant ou algo así. O certo é que eu a ela non a vin, pero si a el, que ben o recordo nun momento do descanso, sentado nunha cadeira á porta do que deixara de ser Hospital Real para se converter en Hostal dos Reis Católicos. Eu estiven a dous metros del, mirándoo con ollos abraiados e con orgullo de traballarmos na mesma película. Colegas, ao fin e á cabo.
Recordo que nos fixeron unha fotografía na que estabamos, polo menos, dous irmáns meus, un curmán e mais eu. Non sei que será dela. Gustaríame volver a admirala. Mágoa non tela, pois sería o único testemuño fiel de que o que digo é certo. E ti lector ou lectora dirás: "pois se estás na película, ¡¿que mellor?!, alí poderás desmostrar a túa presenza". ¡Vaites, vaites! Aí está o asunto: na película cortaron a "miña" escena, por iso sempre aborrecín Orgullo e Paixón.

A poeta Luz Pozo xa ten unha rúa na Coruña

Segundo contaba onte El Correo Gallego, o concello coruñés homenaxeou o Día da Muller cun acto no que o alcalde, Javier Losada, descubriu a placa dunha rúa dedicada á poetisa galega Luz Pozo Garza. O rueiro da cidade herculina amplíase así para render homenaxe a outras mulleres egrexias, como Dolores Ibarruri, Victoria Kent, Federica Montseny e Clara Campoamor. Así, tamén na zona de Eirís, en A Regueira, hai unha rúa dedicada a Dolores Ibarruri, a Pasionaria, e outra á xurista malagueña Victoria Kent.
Dende aquí os meus parabéns para tan xusta e meritoria iniciativa e un saúdo moi cordial á autora de Códice Calixtino.

7 mar 2007


Políticos e comic.
(Pan por Pan mércores 7 marzo. Na imaxe, a Valentina de Guido Crepax).

Francia é un país onde a banda deseñada é moi popular, cunha longa historia na arte dos tebeos. Por iso non é estraño que, segundo conta a prensa, a campaña electoral francesa estea animada por grandes tebeos dedicados a Sego ou a Sarko que se serven deste rexistro para destripar as vidas e defectos dos candidatos. Nicolás Sarkozy, o candidato da dereita, ten que aturar duras sátiras sobre a súa estatura e sobre certos riscos delicados da súa traxectoria amorosa, como a fuga da súa muller cun publicitario. Os tebeos electorais son os bestseller da temporada francesa. Aquí os políticos peléxanse por estar nos monicreques da TV, pero ninguén probou a fórmula do comic. Como copiamos moitas cousas de Francia, isto tamén chegará. Benvido sexa se funciona como risoterapia: calquera cousa mellor que a crispación absurda e demagóxica que domina o clima político.


Homenaxe a Carlos Casares. Convite á blogosfera galega

O próximo venres, 9 de marzo, vanse cumprir cinco anos da morte de Carlos Casares, falecido en Vigo o 9 de marzo do 2002. Carlos Casares foi un excelente escritor, un magnífico conversador e tertuliano e, para moitos/as, un amigo e un referente moral.
Propóñovos, se vos parece ben, facerlle unha pequena homenaxe dende a blogosfera galega (refírome a todos os blogs de galegos, de nacemento e de corazón, que se reparten por todo o planeta). Ó cabo, Carlos era un apaixonado dos aparatos e trebellos tecnolóxicos máis orixinais e tamén estaba entusiasmado co mundo virtual e as posibilidades de Internet. Non chegou a escribir un blog, pero tiña un xeito de blog nos xornais (“Á marxe” en La Voz de Galicia), co que comunicaba todos os días con milleiros de galegos e galegas, sendo o columnista máis seguido da prensa galega. Consta ademais que moitos dos seus amigos e colegas chamábano a cotío dándolle datos ou comentarios sobre os temas que trataba nas súas columnas: o equivalente ó que hoxe son os comentarios ós nosos textos nos blogs.
En fin, que se vos parece pertinente, sería moi fermoso que o 9 de marzo todos os blogs que queiran publiquen un pequeno texto en homenaxe a Carlos Casares, lembrando a súa obra e a súa personalidade. Queda feito o convite.














Sinatra e Sofía Loren
(Andoliña 7 marzo)

No ano 1957 Stanley Kramer rodou en España a película Orgullo y pasión, ambientada nas guerras napoleónicas: lembreino esoutro día na sección Cen Anos de Historia Cultural. A rodaxe dividiuse entre Santiago, Ávila, Cuenca, Segovia e máis lugares. Foi unha das grandes superproducións da época: ata Franco foi visitar os escenarios onde se ía rodar. Por certo, seica sae na película un mozo cebreireño de 23 anos, supoño que como extra, que co tempo habíase facer abondo popular neste país, un tal Adolfo Suárez. Xa ven.

Xuntou aquela rodaxe tres monstros do cine: Cary Grant, Frank Sinatra e Sofía Loren. Houbo leas de saias e máis cousas. Un amigo contoume esta anécdota que vén no libro Cary Grant, un toque de distinción, de Warren G. Harris: Sinatra fixo de bufón do grupo e quixo darlle leccións de inglés a Sofía Loren; de xeito que a actriz ía polo plató dicindo cousas como “foi caralludo” ou saudando co dito “que tal tes a pirola?”. A pobre da Sofía estaba fascinada pola voz melodiosa de Sinatra, vaia peixe, pero cando se decatou da tomadura de pelo do actor ofendeuse tanto que foi xunto del e, diante de toda a compañía de actores, chamoulle “abusón e repugnante fillo de p...”.

6 mar 2007


O intelectual. O antisemitismo galaico. E máis...

Henrique Alvarellos, en Galicia Hoxe, lembra o debate que sobre os intelectuais tivo lugar nesta bitácora, ademais de falar da valía de Isaac Díaz Pardo.

Afonso Vázquez-Monxardín, no mesmo xornal, reflexiona sobre o caso Pedro Gómez-Valadés e o antisemitismo galaico.

Moi outra visión do tema, sobre todo no último parágrafo, ten Xosé M. Sarille que tamén aborda, na súa columna semanal de El Correo Gallego, as simpatías progresistas con Israel.
(Imaxe de Tiziano, "Venus Anadyomene").

LUGO NA LITERATURA, de Xosé Miranda

(Nota previa: hai un par de meses dediquei unha serie de artigos ás Cidades Literarias galegas. A serie quedou incompleta e na relación de cidades literaturizadas faltaba Lugo e algunhas vilas. Para compensar aquel traballo a medias recupero agora este magnífico artigo de Xosé Miranda, publicado hai algún tempo en A Nosa Terra, que se ocupa precisamente dese aspecto. A foto procede da web www.luisengroba.com, que conta cunha excelente galería de fotos da cidade amurallada).


Agora que hai tempo que pasou o ano ano do meu moi ilustre concidadán, don Ánxel Fole, si señor, e xa moitos se esqueceron del, se cadra é bo momento para dicir que con el empeza a cidade de Lugo a ser unha cidade literaria.
Nas páxinas de Contos da Néboa e de Historias que Ninguén Cre andan as nosas rúas, a de Caiñós, a do Progreso, Recatelo, Fingoi, o vello cemiterio, o desaparecido cine España, o Lugo-Bar, o bar do Manco e o Calvo, as nosas néboas, o queixo de San Simón e os bebedores de viño de Chantada e de Queiroga, a folla do luns e o diario local, os días de inverno e as longas noites, os nosos nomes e os nosos apelidos, os nosos alcumes e os nosos costumes, os comercios, a paisaxe, as crenzas e as ideas, en suma, o Lugo verdadeiro. Non esquezan que Fole fai personaxes a tolos e esmolantes, labregos e fidalgos, si, pero tamén a concelleiros e mesmo a libreiros. Lembremos, como tal, ese relato que titula: Morre en acidente de automóbil o libreiro lugués Don Segundo Daponte. E se dicimos esto dos seus libros de relatos, moito máis poderíamos dicir do Cartafolio de Lugo e de outros dos seus artigos periodísticos.
Fole foi, se cadra, o principal, pero pódense citar xa uns cantos escritores que fan de Lugo a paisaxe dos seus relatos ou a fonte dos seus versos. Pois a cidade anda nos versos do Cura de Fruime, Diego Antonio Cernadas y Castro, en 1755. Nos de Ánxel Xohán, nos do grande Luís Pimentel, nos de Álvaro Cunqueiro, nos do bo de Aquilino Iglesia, nos de Lorenzo Varela:
Na vida, na morte, no amor e no ren,
loubareite, Lugo de aceiro e de mel.
Nos de Manuel María; nos dos irmáns López Valcárcel, esta cidade de pombas mortas a balazos; nos de Darío Xohán Cabana e a súa Fraga Amurallada; nos de Antón L. Dobao; Xavier R. Barrio; Xoán Neira; Lois Diéguez; Claudio Rodríguez Fer e o seu Lugo-blues e a súa Noite amurallada; no Cántico da Fonte da Praza do Campo, de Cesáreo Sánchez Iglesias, nos versos de Celso Emilio Ferreiro, que non quería ir a Glasgow, que quería vir a Lugo; no Moucho na Alameda de Uxío Novoneyra; esta cidade fría, profunda, posuída por un fado escuro, de estancias pechadas ata a fin, con tardes que son lagoas lentísimas e grises, apacibles coma tépedos autobuses, cunha néboa fermosísima, intratable, anda nos versos do poeta de Meilán, esa parroquia nosa de ríos, liñares e bosques ingleses con ovellas, Manuel Xosé Neira, e nos versos, terribles como estampas da dor e da miseria dos extrarradios, de Isidro Novo.
E tamén nas prosas, nas de Paco Martín, Dende a Muralla, Das Cousas de Ramón Lamote, e en Dous Homes ou Tres, entre outras; nun preciosísimo e moi triste libro, Memoria de Derribos, do Miguel Anxo Murado, e nalgúns libros infantís, outra vez de Paco Martín, como no conto O vagón que perdeu o tren.
Cando no futuro queiran saber como era Lugo terán que ler eses libros, e terán que ler os Tabernarios de Antón Grande, os Cronóforos de Marica Campo e El Crimen del Procurador de Juan Soto, e El Callejón del Deán de Cheta, e os ensaios históricos ou retratos de costumes do Doutor Castro, de Amor Meilán, de Narciso Peinado, de Abel Vilela, de Felipe Arias e de moitos máis, e outros que non vou citar por que o esquecín e por non consumir máis tempo, non porque non o merecesen. Entre eses libros haberaos mellores e bos, e ata os haberá malos, non digo que non, pero todos son importantes para a cidade e para os cidadáns, para os lugueses, para tódolos galegos. Pois chama ben a atención que se fale moito de Auria como cidade literaria, a partir de Blanco-Amor e dos continuos aportes doutros escritores (entre eles do magnífico Miss Ourense de Bieito Iglesias e as extraordinarias prosas de Ferrín) e, en cambio, ninguén se fixase en que tamén existe un Lucus como cidade literaria. E quero eu hoxe poñer o epílogo a esta reflexión recomendando a lectura de dúas novelas policiais: A xeada negra e Chuvia Mansa, ambas do mesmo autor, Xoán Ramón Díaz.

5 mar 2007


María do Cebreiro (entrevista de Lupe Gómez, hoxe, en Galicia Hoxe)
(A entrevista completa. A foto é de Cris Tobío)

De que cor é a túa Compostela?
É amarela. A cor da pedra, do mofo, é amarela. Hai que rebelarse contra os tópicos, como o de que Galicia é chover, hai que reinvidicar imaxes diferentes. O amarelo-laranxa do sol. Gústanme os días de inverno, fríos, nos que podes pasear, non chove, ves as cousas con moita nitidez.

De que cor é Lisboa?
Lisboa é branca. Cheguei a Lisboa a finais de agosto, o verán estaba acabando, a luz era cegadora, xeraba uns reflexos que parecía que estabas nun soño, rodeada de luz. A miña experiencia en Lisboa foi preciosa, apaixonante.Barcelona é unha cidade distinta?A Barcelona ámoa. Son moi parecidas Lisboa e Barcelona. Teñen unha luz moi similar. Barcelona foi a miña primeira experiencia de vivir nunha cidade grande, entrar en contacto con xente distinta, abrirme á lingua e cultura catalás, con poetas como Gabriel Ferrater, que me apaixona.

Prefires unha Galicia urbana?
Hai unha especie de identidade en conflito. Temos que ser conscientes dese conflito e encaralo. Paréceme interesante que unha muller urbana como Margarita Ledo reinvidique a dignidade do rural. O que non me gusta é a manipulación do rural. Como un idilio, créase un paraíso perdido, minimízanse as sombras, defórmase a realidade.

Que son ‘Os hemisferios’?
Os hemisferios cerebrais, as diferenzas entre o esquerdo e o dereito, e están unidos, e teñen que convivir. Interésame moito a mente, o cerebro. Con esas circunvalacións que ten, o cerebro paréceme fermoso e amoroso. Tamén é calquera cousa que pode ser dividida, unha laranxa, unha esfera. O home e a muller. A diferenza entre xéneros.A muller escribe diferente?Somos diferentes, aínda que non queiramos. A sociedade imprime en nós esas diferenzas. Non creo na diferenza biolóxica, paréceme conservadora. Sería difícil que esas diferenzas de carácter social non callaran no que facemos, escribimos. Pero existen tamén as diferenzas de clase, a raza, a orixe rural ou urbana....

A poesía é emoción?
Joan Brossa dicía que o que lle interesaba era a poesía que estaba fóra dos libros de poemas. Hai poesía no cine, na vida, na música, en moitas situacións e lugares. Os poetas cazan, atrapan ese movemento que ás veces non sabemos como nomear. Ás veces encóntraste coa poesía, saúdala, senta contigo e queda xunto a ti.

María Mariño era radical?
Elude os camiños fáciles. A radicalidade é fuxir do lugar común, dos tópicos, do tradicional, das opinións categóricas que ten a xente sobre as cousas. Ela fai unha poesía diferente, non é nada compracente, e é radical. Fai poesía case terminal, e nesa revolución da lingua que fai hai un afán de achegarse aos límites da experiencia. Por iso é avanzada, moderna.

TRABALLANDO, EN GALEGO
(La Región, 5 marzo)

O venres celebrouse no Liceo, convocado pola súa Sección de Literatura, un debate titulado “Experiencias concretas de galeguización na sociedade civil ourensá”. Tratábase de avaliar entre todos aquelas experiencias que dende hai anos apostan pola inserción profesional do galego, ás veces case sen axudas e sempre con moito esforzo persoal. Para iso convocamos a Antonio Piñeiro, técnico de cultura do Concello de Celanova e xornalista; Xavier Paz, libreiro e empresario; Manuel Suárez, médico; Francisco Nóvoa, empresario da Academia Postal; Xulio César Iglesias, xerente de Amencer; e Xosé Lois Brea, avogado.
Normalidade. Os amigos Piñeiro e Xavier Paz reivindicaron a normalidade no emprego do galego. Ese é o idioma habitual na maioría dos procesos que se desenvolven no Concello de Celanova, institución comprometida ademais nun papel normalizador da nosa cultura na vila de Curros e Celso Emilio. A mesma normalidade reclamaba Xavier Paz: “na miña librería falan en galego, portas para dentro, o 95 por cento dos clientes”. Como libreiro Paz nunca tivo problemas para desenvolver o seu labor cotián en galego, en todas as súas actividades, pero tamén advertiu: “outra cousa sería se falase como pai”. Manuel Suárez fixo unha emocionada defensa da lingua e do plus que significa para un médico actuar en galego (perdendo pacientes ás veces), pero tamén a recompensa de comunicación inmediata que se establece no ritual de relación médico versus paciente galego-falante.
A mocidade. No campo xuvenil, onde o galego perde falantes cada día, traballa dende hai a asociación xuvenil Amencer, dos centros Bosco de Galicia. A defensa do idioma e da nosa cultura é un dos seus eixes de actuación e o labor da asociación quere ser un contrapeso á desgaleguización que noutras parcelas sofre a mocidade. Tamén se botaron en falla actuacións específicas para a mocidade en espazos propios dela como o mundo do cine, televisión, videoxogos, etc. Pola súa banda Francisco Nóvoa defendeu o papel formativo en galego da Academia Postal: 142 libros de texto en galego publicados nestes anos e 163 profesores insertos nun plan interno de normalización que pretende en catro anos galeguizar todas as actividades da Academia.
A Xustiza. O máis pesimista, non sen razóns, foi Xosé Lois Brea, que partiu da súa experiencia na Audiencia Provincial. A realidade do galego na Xustiza é cero, isto é, non existe, limítase á obra dun par de avogados e á comprensión dalgún maxistrado (por certo sobre todo dun nacido en Ávila). Brea afirmou que mesmo existe belixerancia contra o galego na Xustiza e denunciou a desaparición no Pazo de Xustiza do Servizo de Normalización Lingüística e a escasa importancia do noso idioma na formación dos avogados (en Dereito estúdase de forma obrigatoria, inglés xurídico, moito menos útil que o alemán ou o francés para a profesión). Quizais a solución sexa, é ben certo, a que sostiñan Piñeiro e Paz ó comezar o debate: traballar en galego, con plena normalidade, ó servizo da sociedade. Sempre que nos deixen e, se non o fan, reclamar ante a autoridade todos os nosos dereitos lingüísticos como galegofalantes. Dereitos que son de lei. (Imaxe da pintora brasileira Tarsila do Amaral).

4 mar 2007



Martin Pawley + Galicia Encantada



Tamén están de aniversario os amigos de Galicia Encantada. E Roberto G.Méndez entrevista en El Correo Gallego a Martin Pawley (A Coruña, 1974), crítico de cine da Radio Galega e responsable do blog Dias estranhos (na foto).






CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL: 1957
O artigo completo
(Na imaxe superior, parte do Grupo Galaxia nos Ancares: Domingo García Sabell, Francisco Fernández del Riego, Celestino Fernández de la Vega, Ánxel Fole e Ramón Piñeiro)

Nace en Buenos Aires Follas Novas, librería e distribuidora do libro galego, da man de X.Neira Vilas e Anisia Miranda. E o Teatro Popular Galego de Blanco Amor. E a Editorial Citania. E libros como “Non agardei por ninguén”, de R. de Valenzuela; “Mito e realidade da Terra Nai”, de Xoán Rof Carballo; “A roseira da soidade”, de Antón Zapata García; a “Antoloxía Poesía Galega” de Galaxia, século XIX (Del Riego). O “Merlín” en castelán e a primeira parte de “Los gozos y las sombras” de Torrente. E “Literatura gallega actual” de Xavier Costa Clavell.
E nace tamén a colección Illa Nova en Galaxia. E publícase “Do sulco” de Xoana Torres, e “Voce na néboa”, de Ferrín, e o “Auto do taberneiro” de Manuel María.
Inaugúrase o monumento a Rosalía de Castro no Espolón de Padrón, realizado por José María Mateos, discípulo de Asorey.
Nacían Os Tamara e o Conservatorio de Música en Ourense, e Música en Compostela. Rodábanse tres películas en Galicia, entre elas “Camarote de lujo” de Rafael Gil (sobre un relato de Fernánde Flórez, e “Orgullo y pasión” de Stanley Kramer, que traía a Galicia a Cary Grant, Sofía Loren e Frank Sinatra.
Nacen, entre outros, Manuel Rivas, Bieito Iglesias, Ramón Caride, Ramiro Fonte, Antón Reixa, Alberto Avendaño, Gonzalo Navaza, Pilar Pallarés, Joâo Guisan, Xavier Queipo, Luísa Villalta, Francisco Leiro, Antón Patiño, Nancho Novo, Xosé M. Olveira "Pico", Xosé M. Piñeiro, Alberte Ansede, Xosé M. Pazos, Caetano Díaz, Paulino Pereira, etc. (vaia fornada de luxo!!).


«Africanos, celtas, árabes e indios comparten fantasías»
"Series como "Falcon Crest" son unha recreación do Olimpo"

Entrevista de Xesús Fraga en La Voz de Galicia, 4 marzo 2007 (Foto da web de Xerais)

O escritor lugués vén de reeditar unha das súas obras menos coñecidas, «O castrón de ouro», unha novela de aventura na que a fantasía e os mitos desenvolven un papel central

En 1993 Darío Xohán Cabana (Roás, 1952) gañou o premio de literatura xuvenil O Barco de Vapor coa novela de aventuras O castrón de ouro . Pero a obra distinguida quizais sexa unha das menos lidas do escritor lugués, xa que apenas contou con difusión. «De feito, quedou durmindo no almacén da editorial os 15 anos de rigor ata que venceron os dereitos. Había algunhas palabras no libro que non lles pareceron ben, pero é que eu escribo coas palabras que emprega a xente, mesmo os rapaces. Está escrito cunha linguaxe libre», di o autor. O castrón de ouro vén de ser reeditado por Galaxia, dentro da súa colección Árbore .

-Así que foi vítima do politicamente correcto na literatura xuvenil, que en vez de matar ao lobo do conto mándano a unha reserva, seica.
-É un auténtico desastre. Pero é que ademais non se modifica a realidade por disimulala. E se falo dun castrón, teño que empregar a palabra collóns . Home, podería dicir testículos . O problema é que eu non escribo para rapaces, eu fago literatura, boa ou mala, pero literatura que a pode ler calquera. Dame mágoa que algúns adultos non lean libros meus como As viaxes do príncipe azul ou As aventuras de Breogán Folgueira por aparecer nunha colección de literatura xuvenil. Eu, ademais, escribinos cando tiña entre 35 e 40 anos e divertinme moito.

-O seu libro apóiase nunha visión da realidade que ten moito de espazo mítico.
-É que os mitos e a fantasía pertencen a unha realidade e non ese intento de disimulala. É que ademais non se transforma: esa visión dun mundo tan correcto fai que non se modifique. Pero este non é un libro de análise social. É unha fantasía, historias fantásticas baseadas na mítica europea, galega e europea. Hai mitos galegos, anglosaxóns, artúricos, o Rei Don García, o pasado mítico.

-Os mitos propoñen unha cosmovisión e un sistema de valores. ¿Que peso teñen na súa obra?
-A min os mitos interésanme, en principio, porque me parecen divertidos. Levan funcionando mil, dous mil, tres mil anos, e son actualizados por cada xeración. Ao mellor me equivoco, pero é que me parecen moi divertidos. E tamén resulta moi interesante comprobar a súa universalidade. Se les a épica cabaleiresca europea do século XII e comparas coa épica dos pobos do Sael do XIX, verás que somos iguais. Os negros africanos e os celtas comparten as mesmas fantasías, mesmo os árabes ou os indios norteamericanos. É unha proba de que todos soñamos coas mesmas cousas.
«É necesario que os ourensáns se atopen coa súa historia»

Velaí a entrevista que hoxe publica La Voz de Galicia-Ourense, sobre a campaña para a recuperación do Banco de España...



Pascual Veiga.

(Pan por Pan domingo 4 marzo)

Celebrouse en Compostela un encontro sobre Pascual Veiga, o compositor da musica do Himno Galego (con letra de Pondal). Esta cita trouxo varias novidades sobre a súa vida e a súa obra, que é o mellor que pode pasar nun congreso deste tipo. Vexamos algunhas delas. Estas xornadas conmemoraban o centenario da primeira interpretación en público do Himno Galego, na Habana, en 1907. Pois ben, o musicólogo Fernando López-Acuña sostén que tal composición xa se escoitara en 1896, once anos antes. Tamén se revelou nestas xornadas a estreitez económica que padeceu o músico, que tiña embargado polos acredores o seu soldo de profesor en Madrid. Na prensa do XIX hai moitos lamentos pola penuria dos nosos autores. O caso de Veiga foi dos peores: a familia non podía afrontar os custos do enterro e só coa presión popular logrouse traer o seu cadáver de Madrid a Mondoñedo.

Cambio climático.

(Pan por Pan sábado 3 marzo)


Hai só uns anos algúns estudos e películas ridiculizaban as teses ecoloxistas sobre o cambio climático provocado polo home. Hoxe hai datos xa incuestionables de que tal proceso se está a dar e de que o home é o causante do maior problema medioambiental do planeta. Lémbranolo David Attenborough, naturalista e divulgador científico que leva 54 anos facendo documentais sobre a natureza (moitos deles, da BBC, emitidos na TVE-2), en España nestes días para recibir o premio da Sociedade Xeográfica Española. Xa non podemos parar o cambio climático, di con contundencia este naturalista, non sexamos ilusos: o máis que podemos aspirar é a impedir os seus desastres e non prexudicar demasiado as novas xeracións. O planeta non pode seguir a recibir contaminación e lixo ó ritmo actual: isto tamén é un problema político, o meirandes reto do mundo no que vivimos.